Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Non confundir co río Alvedosa As illas Alvedosas ou Erbedosas son un grupo de dous illotes rochosos situados na desembocadura do río Verdugo, na Enseada de San Simón, no fondo da Ría de Vigo. Pertencen á parroquia de San Martiño de Vilaboa, no concello pontevedrés de Vilaboa. Na actualidade están deshabitadas e son propiedade do Estado español.
The Corrs é un grupo irlandés formado por catro irmáns de Dundalk, que combina o folk rock, o pop rock e tamén a canción tradicional irlandesa nas súas composicións. Estiveron temporalmente nunha pausa, mentres Andrea e Sharon levaban a cabo carreiras en solitario (2005-2015). A finais de 2015 publicaron o seu álbum de retorno: White Light; en 2017 publican Jupiter Calling.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
Rusia, oficialmente Federación Rusa, é un país situado no leste de Europa e no norte de Asia. É o estado máis extenso do mundo, abrangue once fusos horarios e comparte fronteiras terrestres con catorce países. Cunha poboación superior aos 140 millóns de habitantes, Rusia é o país máis poboado de Europa e o noveno máis poboado do mundo.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
As Borrallás é unha festa popular de carácter transfronteirizo que se celebra entre As Ellas, no Val de Xálima, e Foios, no concello de Sabugal, en Portugal arredor do Día de Todos os Santos, entre finais de outubro e os primeiros días de novembro. A celebración ten como eixos centrais a castaña e as relacións históricas entre as comunidades da raia e combina gastronomía, música, folclore, actividades culturais e unha ruta que recupera a memoria das antigas vías de contrabando. En 2022 declarouse Festa de Interese Turístico de Estremadura.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo H
O Grupo H da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Polonia, Senegal, Colombia e Xapón. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Utah Jazz é un equipo da National Basketball Association (NBA) da cidade de Salt Lake City, Utah. Actualmente compiten na División Noroeste da Conferencia Oeste, xogando os seus partidos como local no EnergySolutions Arena (antigo Delta Center). A franquía dos Jazz foi fundada en 1974 en Nova Orleáns, onde o equipo obtivo o seu actual nome, xa que a capital de Luisiana é coñecida como o berce dese xénero musical.
Greensboro é unha cidade no estado de Carolina do Norte, nos Estados Unidos. É a terceira maior cidade en canto á poboación en Carolina do Norte e a maior cidade do condado de Guilford e arredores da rexión metropolitana de Piedmont Triad. De acordo co Censo de Estimación dos Estados Unidos do 2011 a poboación de Greensboro é de 273.425 habitantes.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Real Madrid Club de Fútbol é un club deportivo da cidade de Madrid (España), fundado o 6 de marzo de 1902, que ten case 100.000 socios. Xoga na Primeira división española desde 1929, sendo un dos equipos que nunca descendeu, xunto co Athletic Club e o FC Barcelona. Formou parte, en calidade de membro fundador, da Asociación de Clubs Europeos, unha organización internacional que agrupaba os clubs máis importantes e influentes de Europa.
Eclipse solar do 12 de agosto de 2026
A eclipse solar do 12 de agosto de 2026 será unha eclipse solar total. É a seguinte europea despois das que tiveron lugar o 11 de agosto de 1999 no norte de Francia, o sur de Bélxica, Luxemburgo, o sur de Alemaña, Austria, Hungría, o norte de Iugoslavia e Bulgaria; e o 29 de marzo de 2006 na illa de Kastelórizo en Grecia e o sur da Rusia europea. Esta será visíbel como total no extremo norte da Siberia rusa, no extremo oeste de Islandia, na illa danesa de Groenlandia e na maior parte da metade norte de España, ben como nunha pequena extremidade nordeste de Portugal, no distrito de Braganza.
Unha constelación é unha agrupación de estrelas cuxa posición no ceo nocturno é aparentemente tan próxima que as civilizacións antigas decidiron conectalas mediante liñas imaxinarias, trazando así figuras sobre a bóveda celeste. No espazo tridimensional, en cambio, as estrelas dunha constelación non están, necesariamente, fisicamente asociadas; ata poden atoparse distanciadas por centos de anos luz unhas doutras. Doutra banda, devanditos grupos son completamente arbitrarios, xa que distintas culturas recoñeceron constelacións diferentes.
O hurling (en irlandés, iomáint o iománaíocht) é un deporte de equipo de orixe celta.[Cómpre referencia] É un deporte de equipo xogado ao aire libre con orixe antiga Irlanda. Está rexido pola Asociación Atlética Gaélica (GAA). A orixe do hurling dise que foi hai xa 3000 anos e considérase que é o deporte de campo máis rápido do mundo.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo F
O Grupo F da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Alemaña, México, Suecia e Corea do Sur. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno. Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980.
Mandato británico de Palestina
O Mandato británico de Palestina foi unha administración territorial encomendada pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte en Oriente Medio, tras a primeira guerra mundial e como parte da partición do Imperio Otomán, co status de territorio baixo mandato. O territorio sobre o que se estableceu correspondía á rexión meridional do Levante mediterráneo, unha rexión que o Imperio Otomán perdeu como consecuencia da súa derrota na guerra. Aínda que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda administraba estes territorios de facto desde 1917, o Mandato entrou en vigor en xuño de 1922 e expirou en maio de 1948.
Marco Antonio, en latín Marcus Antonius, foi un militar e político romano da época final da República (Roma, circa 83 a.C. - Alexandría, 30 a.C.). Foi un importante colaborador de Xulio César, como comandante militar e administrador. Tralo asasinato de César, coligouse con Octavio e Lépido para formar o Segundo Triunvirato (43 - 33 a.C.).
Bandeira da República Popular da China
A bandeira da República Popular da China é un pano de cor vermella que simboliza a revolución, con cinco estrelas amarelas de cinco puntas que simbolizan á súa vez a unidade do pobo revolucionario baixo a dirección do Partido Comunista da China. Como se pode apreciar as estrelas pequenas aparecen orientadas cara á estrela de maior tamaño. A bandeira foi deseñada por Zang Liansong, un cidadán de Zhejiang e na China é coñecida como 五星红旗 (en pinyin: Wǔ Xīng Hóng Qí) que significa "a bandeira vermella das cinco estrelas".
Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país maior da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe.
Valentino Rossi, nado en Urbino o 16 de febreiro de 1979, é un piloto italiano de motociclismo que gañou nove títulos mundiais en diferentes categorías do Mundial de Motociclismo (125 cc, 250 cc, 500 cc, e MotoGP de 990 e 800 cc). Foi o único motociclista da historia en logralo. É coñecido polos alcumes que se deu a si mesmo en diferentes momentos da su carreira: "The Doctor" (O Doutor), Valentinik e Rossifumi.
Economía dos Estados Unidos de América
A economía dos Estados Unidos de América é a máis forte e influente do mundo. O país posúe un produto interior bruto duns 12 billóns de dólares americanos, un número maior que o PIB da Unión Europea, mesmo tendo esta última 160 millóns de habitantes máis. A economía dos Estados Unidos está baseada no capitalismo.
Mark Neary Donohue Jr., nado en Haddon Township (Nova Jersey) o 18 de marzo de 1937 e finado en Graz o 19 de agosto de 1975, alcumado "Captain Nice," foi un piloto de automobilismo estadounidense, coñecido pola súa habilidade para preparar o seu propio coche de carreiras, e levalo a vitoria. Donohue é probablemente o máis coñecido como o piloto de 1500 bhp "Can-Am Killer" Porsche 917-30 e como o gañador das 500 Millas de Indianápolis de 1972.
Os Yomiuri Giants (読売ジャイアンツ Yomiuri Jaiantsu) son un equipo profesional xaponés de béisbol con sede no barrio de Bunkyō de Tokyo. O club compite na Nippon Professional Baseball (NPB) como membro da Central League. O campo onde xogan os seus partidos como local desde 1988 é o Tokyo Dome, recinto con capacidade para 46.000 espectadores.
Hypsignathus monstrosus é un megaquiróptero amplamente distribuído en África occidental e central. É o único membro do xénero Hypsignathus, que forma parte da tribo Epomophorini, xunto con outros catro xéneros. É o morcego máis grande da África continental, cunha envergadura de ás de aproximadamente 1 m, e os machos son case dúas veces máis pesados que as femias.
Día Internacional dos Traballadores
O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial. Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.
A Selección de fútbol do Perú é o equipo representativo do Perú nas competicións oficiais de fútbol. A súa organización está a cargo da Federación Peruana de Fútbol, a cal é membro da Confederación Suramericana de Fútbol. O debut da selección peruana produciuse o 1 de novembro de 1927 ante a selección do Uruguai no Campionato Suramericano daquel ano.
Cuatro é unha canle de televisión privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV e R en España. Empezou a emitir o día 7 de novembro de 2005 por reconversión da concesión da canle analóxica nacional pola que emitiu desde 1990 a canle de pago do grupo, Canal+.
A arquitectura cliente-servidor é un modelo de aplicación no que as tarefas son divididas entre os provedores de recursos e servizos, chamados servidores, e os demandantes, chamados clientes. Un cliente fai as peticións a outro programa, o servidor, que dá resposta. Esta idea pode ser aplicada a programas executados nun único ordenador, aínda que sexa máis vantaxosa nunha contorna distribuída a través dunha rede de comunicacións.
O Gran Premio de México de 2017 (oficialmente coñecido como Gran Premio de Fórmula 1 de México de 2017)foi unha carreira de motor de Fórmula Un que se disputou o 29 de outubro de 2017 no Autódromo Hermanos Rodríguez en Cidade de México. A carreira foi a décimo novena carreira do Gran Premio de México, e a décimo sétima vez que a carreira disputouse como un evento do Campionato Mundial desde a tempada inaugural en 1950.
Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.
Manuel José Blanco y Calvo de Encalada, nado en Buenos Aires, Vicerreinado do Río da Prata, o 21 de abril de 1790 e finado en Santiago de Chile o 5 de setembro de 1876, foi un militar, político e diplomático chileno, de orixe galega, que tivo unha destacada participación na guerra de independencia de Chile e o Perú. Foi un dos fundadores da Armada de Chile e o seu primeiro comandante, e máis tarde, ao entrar no campo da política, foi o primeiro en ostentar o título de presidente da República de Chile. Fillo do galego Manuel Lorenzo Blanco Cicerón e da chilena Mercedes Calvo de Encalada y Recabarren, naceu na cidade de Santa María de los Buenos Aires, na aquela altura capital do Virreinado do Río da Prata.
The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros no ano 2018. Nada baixo a influencia do grupo Terbutalina, a súa andaina iníciase da man de Xanma e Samuel (Rapante), ambos guitarristas da vila aos que non tardaría en sumarse Matías ao baixo e sintetizadores. Cunha base musical apoiada en ritmos disco e guitarras indies característicos de agrupacións como The Smiths, The Growlers ou mesmo Novedades Carminha, o carácter destes catro mozos radica nunha actitude despreocupada e enérxica.
Khmer vermellos (en francés Khmers Rouges, en camboxano ខ្មែរក្រហម, Khmae Krɑ-hɑɑm) é o nome co que foi coñecida a organización guerrilleira camboxana que, tras a Guerra de Vietnam, a saída dos Estados Unidos e o derrocamento do xeneral Lon Nol (que rexía unha ditadura militar desde 1970), tomaron o poder o 17 de abril de 1975 (a «Caída de Phnom Penh»). Os Khmer vermellos fundaron Kampuchea Democrática, un sistema de goberno de características autoritarias que, baixo a aparencia formal dunha república popular de inspiración maoísta, consolidou na práctica un sistema de economía radicalmente agraria, baixo a consigna da evacuación das cidades e destrución da civilización urbana e a súa cultura, consideradas burguesas, a reconstrución social desde as orixes da civilización e a recuperación da cultura khmer ancestral baixo a dirección de Pol Pot, o seu principal líder. Ademais dun férreo control militar sobre a poboación civil, sometida en boa parte a un réxime de traballos forzados, desenvolveron extensos métodos de detención, tortura e asasinatos selectivos en masa, baixo a consigna da chamada «procura do inimigo interno».
Andrea Jane Corr, nada o 17 de maio de 1974 en Dundalk, no condado de Louth, é unha cantante, compositora e actriz irlandesa. É principalmente coñecida por ter sido a cantante principal do grupo The Corrs, que formaba xunto cos seus irmáns Caroline Corr, Sharon Corr e Jim Corr. No 2005 foi galardoada co título de membro da Orde do Imperio Británico polas súas contribucións no eido da música e pola súa implicación en actividades filantrópicas.
Sharon Helga Corr, nada o 24 de marzo de 1970 en Dundalk, Condado de Louth, é unha cantante e instrumentista irlandesa. É principalmente coñecida por ter sido membro do grupo The Corrs, que formaba xunto cos seus irmáns Andrea Corr, Jim Corr e Caroline Corr. No 2005 foi galardoada, ó igual que os seus irmáns, co título de membro da Orde do Imperio Británico polas súas contribucións no eido da música e pola súa implicación en actividades filantrópicas.
Dolby Atmos é unha tecnoloxía de son envolvente tridimensional baseada en obxectos que foi desenvolvida en 2012 por Dolby Laboratories. Empregouse por primeira vez na película de animación de Disney Pixar, Brave. "Atmos" é a abreviatura de atmosphere, o que significa que envolve completamente ao oínte.
José Tojeiro Díaz, nado en Ortigueira[Cómpre referencia] o 11 de xullo de 1934 e finado o 4 de marzo de 2015 en Narón, foi un cidadán galego que se fixo célebre a comezo de 1990 pola súa aparición no programa de televisión Código Uno, de TVE, onde denunciaba un roubo no seu domicilio. Foi o autor da cita «me echaron droja en el Cola Cao». Após volver de Suíza en 1993, onde emigrara por motivos laborais, José Tojeiro acudiu ao programa de Televisión Española Código Uno, presentado polo escritor Arturo Pérez-Reverte.
O Día da Independencia é unha festa nacional da India que se celebra anualmente o 15 de agosto para conmemorar a independencia do país do dominio británico, que se alcanzou o 15 de agosto de 1947ao entrar en vigor a Lei de independencia de 1947 que establecía que nesa data se constituirían dúas nacións independentes, a India e o Paquistán.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Sanguijuelas del Guadiana é unha banda de música emerxente procedente de Casas de Don Pedro (Badaxoz), na comarca da Siberia Estremeña. O seu estilo, que eles mesmos definen como "rock rústico", combina elementos do rock and roll, o punk, o flamenco e a música electrónica con letras que narran a vida cotiá nas zonas rurais da España baleirada.
Caroline Georgina Corr, nada o 17 de marzo de 1973 en Dundalk, Condado de Louth, é unha cantante e instrumentista irlandesa. É principalmente coñecida por ter sido a batería do grupo The Corrs, que formaba xunto cos seus irmáns Andrea Corr, Sharon Corr e Jim Corr. No 2005 foi galardoada, ó igual que os seus irmáns, co título de membro da Orde do Imperio Británico polas súas contribucións no eido da música e pola súa implicación en actividades filantrópicas.
José Ángel Esmorís Tasende, coñecido como Angeliño, nado en Silván (Erbecedo, Coristanco) o 4 de xaneiro de 1997, é un futbolista galego que xoga de lateral esquerdo no Deportivo da Coruña, da Primeira División, cedido pola Roma. Formado nas canteiras do Bergantiños e do Deportivo da Coruña, desenvolveu a súa carreira como profesional en clubs de sete países diferentes, vestindo as camisetas de Manchester City, New York City, Girona, Mallorca, NAC Breda, PSV Eindhoven, RB Leipzig, Galatasaray e Roma. É irmán do tamén futbolista Dani Tasende, xogador do Córdoba.
Eclipse solar do 11 de agosto de 1999
A eclipse solar do 11 de agosto de 1999 foi a última do século e do milenio, xa que no ano 2000 só houbo eclipses solares parciais. A zona de penumbra foi desde o leste norteamericano até Asia central, a banda ou franxa de sombra total, viuse sobre as 11 h UTC en Terra Nova, Cornualles, o Condado de Devon, o norte de Francia, o sur de Bélxica, Luxemburgo, o sur de Alemaña, Austria, Hungría, o norte de Iugoslavia, Bulgaria, o Mar Negro, Romania,Turquía, Irán, o sur de Paquistán, India até o Golfo de Bengala.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2027
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2027 será a 78ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
O Trofeo Teresa Herrera é un torneo futbolístico de carácter amigábel que ten lugar cada ano na cidade da Coruña, desde 1946. Dispútase dende os seus inicios no estadio de Riazor, sendo organizado primeiro polo Concello da Coruña e dende o ano 2000 polo Deportivo da Coruña. É o torneo amigábel de fútbol que máis edicións leva celebradas no mundo de xeito ininterrompido (79) e está considerado como un dos máis prestixiosos debido á máxima categoría que teñen os equipos que participaron na súa historia.
James Steven Ignatius "Jim" Corr, nado o 31 de xullo de 1964 en Dundalk, Condado de Louth, é un músico, cantante e compositor irlandés. É principalmente coñecido por ter sido o guitarrista do grupo The Corrs, que formaba xunto coas súas irmás Andrea Corr, Sharon Corr e Caroline Corr. No 2005 foi galardoado, ó igual que as súas irmás, co título de membro da Orde do Imperio Británico polas súas contribucións no eido da música e pola súa implicación en actividades filantrópicas.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 233.013.
Joaquín Domínguez Portela, coñecido como Elxokas, nado en Lugo o 13 de abril de 1991, é un influenciador, streamer, youtuber e creador de contido en Twitch e YouTube. Comezou como streamer en 2018 en Twitch creando contido do videoxogo World of Warcraft. En 2019, era xa o creador de contido máis grande da comunidade hispanofalante nesta categoría.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Myonycteris torquata é unha especie de megaquiróptero da familia Pteropodidae que vive en Angola, Camerún, a República Centroafricana, a República do Congo, a República Democrática do Congo, Costa do Marfil, Guinea Ecuatorial, Gabón, Ghana, Guinea, Liberia, Nixeria, Ruanda, Serra Leoa, Sudán do Sur, Togo e Uganda. Os seus hábitats naturais son bosques de terras baixas húmidos tropicais e subtropicais e a sabana húmida.
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
A abeluria ou herba das feridas (Hypericum perforatum), é unha herbácea europea, a especie máis abundante da familia das gutíferas (Guttiferae) ou hipericáceas (Hypericaceae). Cómpre non confundila coa dedaleira, que tamén recibe o nome de abeluria. Abunda en Galiza, sendo unha das herbas empregadas na noite de san Xoán.
Eberhard Edzard van der Laan (pronunciación neerlandesa: [ˈeːbərɦɑrt ˈɛtsɑrt fɑn dər ˈlaːn]), nado o 28 de xuño de 1955 e finado o 5 de outubro de 2017, foi un político neerlandés que exerceu como ministro de Vivenda, Comunidades e Integración de 2008 a 2010 e alcalde de Ámsterdam de 2010 ata a súa morte en 2017. Foi membro do Partido Laborista (PvdA).
Segundo a constitución colombiana de 1821, o presidente era o xefe do poder executivo e o seu mandato era vitalicio. O vicepresidente asumía o cargo en caso de morte, remoción ou doenza do presidente. Antes da aprobación da constitución de 1821 polo Congreso de Villa del Rosario, o presidente de facto era Simón Bolívar, e o vicepresidente era Francisco de Paula Santander, pois o Congreso de Angostura deulles provisionalmente aqueles títulos ata que a constitución fose redactada.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Mauro José Scaloni, nado en Pujato, Arxentina, o 25 de abril de 1976, é un ex futbolista arxentino que xogaba como centrocampista. A súa carreira discorreu á sombra da do seu irmán máis novo, Lionel Scaloni, formando parte sempre dos mesmos clubs que el, pero xogando nos equipos filiais. Cando Lionel deu o salto ao fútbol europeo, fichando polo Deportivo da Coruña, Mauro fixo o mesmo incorporándose ao Fabril, no que permaneceu durante 9 tempadas sen chegar a xogar ningún partido oficial.