Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Pierre-Emerick Emiliano François Aubameyang, nado o 18 de xuño de 1989 en Laval, é un futbolista franco-gabonés que xoga como dianteiro no Deportivo da Coruña, da Primeira División. Anteriormente xogou en clubs de varios países europeos, destacando especialmente no Saint-Étienne, no Borussia Dortmund e no Arsenal, club este último do que foi capitán. É internacional dende 2009 coa selección de Gabón, da que é o máximo goleador histórico con 40 tantos.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A colonización de Hokkaido foi o proceso de arredor do século XV polo cal os xaponeses yamato tomaron o control de Hokkaido e subxugaron e asimilaron o pobo indíxena ainu, cuxa cultura se desenvolveu ao redor do século XIII. O proceso de colonización comezou co comercio de peixe, peles e seda entre o Xapón e os ainus. Malia as rebelións contra o aumento da influencia xaponesa en 1669 e en 1789, o seu control da illa aumentou constantemente: contra o ano 1806, o Shogunato Tokugawa controlou directamente o sur de Hokkaido. En 1869, xusto despois do comezo da era Meiji, estabeleceuse unha comisión de desenvolvemento para fomentar o asentamento xaponés yamato en Hokkaido.
Johannes Kepler, nado o 27 de decembro de 1571 en Weil der Stadt (Baden-Württemberg) e finado o 15 de novembro de 1630 en Ratisbona, foi un astrónomo e matemático alemán e unha figura clave na revolución científica do século XVII, coñecido sobre todo polas súas leis do movemento planetario, e os seus libros Astronomia nova, Harmonice Mundi e Epitome Astronomiae Copernicanae, influíndo entre outros en Isaac Newton, proporcionandolle unha das bases para a súa teoría da gravitación universal. A variedade e repercusión dos seus traballos converteron a Kepler nun dos fundadores e pais da astronomía moderna, do método científico e das ciencias naturais. Kepler foi profesor de matemáticas nun seminario de Graz, onde se converteu en socio do príncipe Hans Ulrich von Eggenberg.
Rodrigo Sorogoyen del Amo, nado en Madrid o 16 de setembro de 1981, é un director de cinema, realizador e guionista español, galardoado cos premios Goya 2019 ao mellor director e ao mellor guión orixinal -compartido con Isabel Peña- polo filme El reino (2018) que gañou sete Premios Goya e cinco premios Feroz e premios Goya 2023 ao mellor director e ao mellor guión orixinal -compartido con Isabel Pena- polo filme As bestas. Os seus filmes Stockholm (2013) e Que Dios nos perdone (2016) tiveron tamén un gran recoñecemento por parte da crítica e do público.
Illas ultramarinas dos Estados Unidos
As United States Minor Outlying Islands (Illas Ultramarinas Menores dos Estados Unidos), unha designación estatística definida pola Organización Internacional de Normalización Código ISO 3166-1, constan de oito áreas insulares dos Estados Unidos no océano Pacífico (Illa Baker, a illa Howland, Illa Jarvis, Atol Johnston, arrecife Kingman, Atol de Midway, Atol Palmyra e Illa Wake) e unha no mar Caribe (Illa Navassa).
O Diluvio é un episodio escuro da historia da humanidade, tendo sido relatado polas máis diversas fontes. A versión máis coñecida é aquela descrita na Biblia no libro do Xénese, en que Noé constrúe unha arca para abrigar un casal de cada especie de animal e a súa propia familia en canto Deus inundaba toda a Terra cunha choiva que durará 40 días e 40 noites. Ao final dese tempo, cando as augas comezaron a baixar, Noé enviou unha pomba, que lle trouxo unha folla de oliveira.
O can de palleiro é unha raza de can de tamaño medio orixinaria de Galicia. Tradicionalmente, era o can por antonomasia do agro galego e a súa función era a de can pastor e tamén de garda, mais hoxe en día hai exemplares adicados a distintas funcións, como axuda a discapacitados, cans de terapias, cans de salvamento ou en competicións deportivas como o canicross e o agility. É unha das catro razas de cans autóctonas de Galicia, xunto co guicho, o perdigueiro e o podengo galego.
O Real Club Deportivo da Coruña (oficialmente: Real Club Deportivo da Coruña, S.A.D. ou Real Club Deportivo de A Coruña, S.A.D.), coñecido popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32 490 espectadores. Tras oito anos fóra da máxima categoría, o Deportivo xogará a tempada 2026/27 en Primeira División.
Sergi Mingote Moreno, nado en Parets del Vallès o 9 de marzo de 1971, e finado no K2, Paquistán o 16 de xaneiro de 2021, foi un alpinista e político catalán. Conseguiu coroar o Everest en solitario polo cara norte (no ano 2001) e encadear as subidas do K2 e o Broad Peak (2018) en só sete días. Faleceu no K2 tras retirarse da expedición nepalesa que colideraba, e que acabaría conseguindo ollar por primeira vez o cume no inverno, mentres trataba de regresar ao campamento base para retomar a ascensión.
Mundial de Fútbol de 2014 - Final
A Final do Mundial de Fútbol de 2014 foi o partido final da 20ª edición da Copa do Mundo da FIFA. Disputuse o 13 de xullo de 2014 no estadio do Maracanã do Río de Xaneiro entre as seleccións de Alemaña e a Arxentina, resultando vencedor por 1-0 o equipo europeo, que conquistou así o seu cuarto título mundial. O autor do único gol do partido foi Mario Götze.
Adama Traoré Diarra, nado en L'Hospitalet de Llobregat o 25 de xaneiro de 1996, é un futbolista español que xoga como extremo dereito no Deportivo da Coruña, da Primeira División. Foi oito veces internacional coa selección española. Formado na canteira do Barcelona, debutou co primeiro equipo en 2013.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
HTTP 404, 404 not found, 404, 404 error, page not found ou file not found é unha mensaxe de erro do código estándar de resposta do protocolo HTTP que indica que o cliente se puido comunicar co servidor pero que este non foi capaz de atopar o que se buscaba. Un erro 404 indica que o recurso buscado, xeralmente unha páxina web, pode estar dispoñible no futuro. O erro tamén pode aparecer cando un servidor non quere revelar se ten a información solicitada.
Ceuta é unha cidade autónoma española, enclave situado na costa norte de África rodeada por Marrocos. Separada da Península Ibérica polo estreito de Xibraltar, Ceuta é o límite entre o mar Mediterráneo e o océano Atlántico. Marrocos reivindicou a súa anexión como parte do seu territorio pola súa proximidade xeográfica, xunto con Melilla e outros territorios españois de menor entidade no norte de África.
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.
Marco Antonio, en latín Marcus Antonius, foi un militar e político romano da época final da República (Roma, circa 83 a.C. - Alexandría, 30 a.C.). Foi un importante colaborador de Xulio César, como comandante militar e administrador. Tralo asasinato de César, coligouse con Octavio e Lépido para formar o Segundo Triunvirato (43 - 33 a.C.).
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
O Gran Premio de México de 2017 (oficialmente coñecido como Gran Premio de Fórmula 1 de México de 2017)foi unha carreira de motor de Fórmula Un que se disputou o 29 de outubro de 2017 no Autódromo Hermanos Rodríguez en Cidade de México. A carreira foi a décimo novena carreira do Gran Premio de México, e a décimo sétima vez que a carreira disputouse como un evento do Campionato Mundial desde a tempada inaugural en 1950.
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador galego, integrante do golpe de Estado de 1936 contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime de inspiración fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista.
A Selección de fútbol do Perú é o equipo representativo do Perú nas competicións oficiais de fútbol. A súa organización está a cargo da Federación Peruana de Fútbol, a cal é membro da Confederación Suramericana de Fútbol. O debut da selección peruana produciuse o 1 de novembro de 1927 ante a selección do Uruguai no Campionato Suramericano daquel ano.
Mandato británico de Palestina
O Mandato británico de Palestina foi unha administración territorial encomendada pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte en Oriente Medio, tras a primeira guerra mundial e como parte da partición do Imperio Otomán, co status de territorio baixo mandato. O territorio sobre o que se estableceu correspondía á rexión meridional do Levante mediterráneo, unha rexión que o Imperio Otomán perdeu como consecuencia da súa derrota na guerra. Aínda que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda administraba estes territorios de facto desde 1917, o Mandato entrou en vigor en xuño de 1922 e expirou en maio de 1948.
Valentino Rossi, nado en Urbino o 16 de febreiro de 1979, é un piloto italiano de motociclismo que gañou nove títulos mundiais en diferentes categorías do Mundial de Motociclismo (125 cc, 250 cc, 500 cc, e MotoGP de 990 e 800 cc). Foi o único motociclista da historia en logralo. É coñecido polos alcumes que se deu a si mesmo en diferentes momentos da su carreira: "The Doctor" (O Doutor), Valentinik e Rossifumi.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 233.462.
Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país maior da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
Greensboro é unha cidade no estado de Carolina do Norte, nos Estados Unidos. É a terceira maior cidade en canto á poboación en Carolina do Norte e a maior cidade do condado de Guilford e arredores da rexión metropolitana de Piedmont Triad. De acordo co Censo de Estimación dos Estados Unidos do 2011 a poboación de Greensboro é de 273.425 habitantes.
Rusia, oficialmente Federación Rusa, é un país situado no leste de Europa e no norte de Asia. É o estado máis extenso do mundo, abrangue once fusos horarios e comparte fronteiras terrestres con catorce países. Cunha poboación superior aos 140 millóns de habitantes, Rusia é o país máis poboado de Europa e o noveno máis poboado do mundo.
Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno. Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980.
Teslem Andala Ubbi, nada nos campos de refuxiados de Tindouf, Alxeria, o 30 de maio de 1994, máis coñecida como Tesh Sidi (en árabe: تسلم سيدي), é unha enxeñeira informática e política saharauí, que tras ser activista anticolonialista e pola independencia do pobo saharauí, foi elixida deputada no Congreso, onde é vicepresidenta segunda da comisión de Economía, Comercio e Dixitalización.
O hurling (en irlandés, iomáint o iománaíocht) é un deporte de equipo de orixe celta.[Cómpre referencia] É un deporte de equipo xogado ao aire libre con orixe antiga Irlanda. Está rexido pola Asociación Atlética Gaélica (GAA). A orixe do hurling dise que foi hai xa 3000 anos e considérase que é o deporte de campo máis rápido do mundo.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Día Internacional dos Traballadores
O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial. Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.
Manuel José Blanco y Calvo de Encalada, nado en Buenos Aires, Vicerreinado do Río da Prata, o 21 de abril de 1790 e finado en Santiago de Chile o 5 de setembro de 1876, foi un militar, político e diplomático chileno, de orixe galega, que tivo unha destacada participación na guerra de independencia de Chile e o Perú. Foi un dos fundadores da Armada de Chile e o seu primeiro comandante, e máis tarde, ao entrar no campo da política, foi o primeiro en ostentar o título de presidente da República de Chile. Fillo do galego Manuel Lorenzo Blanco Cicerón e da chilena Mercedes Calvo de Encalada y Recabarren, naceu na cidade de Santa María de los Buenos Aires, na aquela altura capital do Virreinado do Río da Prata.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Cuatro é unha canle de televisión privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV e R en España. Empezou a emitir o día 7 de novembro de 2005 por reconversión da concesión da canle analóxica nacional pola que emitiu desde 1990 a canle de pago do grupo, Canal+.
Os Yomiuri Giants (読売ジャイアンツ Yomiuri Jaiantsu) son un equipo profesional xaponés de béisbol con sede no barrio de Bunkyō de Tokyo. O club compite na Nippon Professional Baseball (NPB) como membro da Central League. O campo onde xogan os seus partidos como local desde 1988 é o Tokyo Dome, recinto con capacidade para 46.000 espectadores.
Charles Robert Darwin [tʃɑrlz ˈdɑrwɪn], nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista, biólogo e xeólogo inglés que destaca pola súa achega á teoría evolutiva. Observou e postulou que todas as especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común. Nunha publicación conxunta con Alfred Russel Wallace, introduciu a teoría de que ese fenómeno de diversificación é o resultado do que denominaron selección natural; un proceso no que a competición por persistir ten a mesma resultante que teñen os cruzamentos selectivos na selección artificial.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo H
O Grupo H da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Polonia, Senegal, Colombia e Xapón. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Patrimonio da Humanidade en Tanzania
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Khmer vermellos (en francés Khmers Rouges, en camboxano ខ្មែរក្រហម, Khmae Krɑ-hɑɑm) é o nome co que foi coñecida a organización guerrilleira camboxana que, tras a Guerra de Vietnam, a saída dos Estados Unidos e o derrocamento do xeneral Lon Nol (que rexía unha ditadura militar desde 1970), tomaron o poder o 17 de abril de 1975 (a «Caída de Phnom Penh»). Os Khmer vermellos fundaron Kampuchea Democrática, un sistema de goberno de características autoritarias que, baixo a aparencia formal dunha república popular de inspiración maoísta, consolidou na práctica un sistema de economía radicalmente agraria, baixo a consigna da evacuación das cidades e destrución da civilización urbana e a súa cultura, consideradas burguesas, a reconstrución social desde as orixes da civilización e a recuperación da cultura khmer ancestral baixo a dirección de Pol Pot, o seu principal líder. Ademais dun férreo control militar sobre a poboación civil, sometida en boa parte a un réxime de traballos forzados, desenvolveron extensos métodos de detención, tortura e asasinatos selectivos en masa, baixo a consigna da chamada «procura do inimigo interno».
O Real Madrid Club de Fútbol é un club deportivo da cidade de Madrid (España), fundado o 6 de marzo de 1902, que ten case 100.000 socios. Xoga na Primeira división española desde 1929, sendo un dos equipos que nunca descendeu, xunto co Athletic Club e o FC Barcelona. Formou parte, en calidade de membro fundador, da Asociación de Clubs Europeos, unha organización internacional que agrupaba os clubs máis importantes e influentes de Europa.
José Antonio Reyes Calderón, nado en Utrera (Sevilla) o 1 de setembro de 1983 e finado en Alcalá de Guadaíra o 1 de xuño de 2019, foi un futbolista español de orixe xitana, internacional en 21 ocasións coa selección española de fútbol. Faleceu nun accidente de tráfico preto da súa localidade natal aos 35 anos de idade. Foi o xogador máis novo en debutar en Primeira División co Sevilla FC cando tiña dezaseis anos.
Bandeira da República Popular da China
A bandeira da República Popular da China é un pano de cor vermella que simboliza a revolución, con cinco estrelas amarelas de cinco puntas que simbolizan á súa vez a unidade do pobo revolucionario baixo a dirección do Partido Comunista da China. Como se pode apreciar as estrelas pequenas aparecen orientadas cara á estrela de maior tamaño. A bandeira foi deseñada por Zang Liansong, un cidadán de Zhejiang e na China é coñecida como 五星红旗 (en pinyin: Wǔ Xīng Hóng Qí) que significa "a bandeira vermella das cinco estrelas".
Utah Jazz é un equipo da National Basketball Association (NBA) da cidade de Salt Lake City, Utah. Actualmente compiten na División Noroeste da Conferencia Oeste, xogando os seus partidos como local no EnergySolutions Arena (antigo Delta Center). A franquía dos Jazz foi fundada en 1974 en Nova Orleáns, onde o equipo obtivo o seu actual nome, xa que a capital de Luisiana é coñecida como o berce dese xénero musical.
A creosota é unha mestura oleosa de cheiro forte e penetrante, obtida pola destilación do alcatrán, xa sexa de hulla (creosota de alcatrán de hulla) ou de madeira de faia (creosota de madeira). Está composta principalmente por hidrocarburos aromáticos policíclicos e compostos fenólicos, e emprégase sobre todo como conservante da madeira fronte ao apodrecemento e aos fungos, aplicación na que se basea o tratamento industrial de traviesas de ferrocarril, postes eléctricos e pilotes. O termo procede do grego antigo kréas ('carne') e sōtér ('protector'), en alusión ao seu uso orixinal como conservante de carne afumada.
Unha constelación é unha agrupación de estrelas cuxa posición no ceo nocturno é aparentemente tan próxima que as civilizacións antigas decidiron conectalas mediante liñas imaxinarias, trazando así figuras sobre a bóveda celeste. No espazo tridimensional, en cambio, as estrelas dunha constelación non están, necesariamente, fisicamente asociadas; ata poden atoparse distanciadas por centos de anos luz unhas doutras. Doutra banda, devanditos grupos son completamente arbitrarios, xa que distintas culturas recoñeceron constelacións diferentes.
Economía dos Estados Unidos de América
A economía dos Estados Unidos de América é a máis forte e influente do mundo. O país posúe un produto interior bruto duns 12 billóns de dólares americanos, un número maior que o PIB da Unión Europea, mesmo tendo esta última 160 millóns de habitantes máis. A economía dos Estados Unidos está baseada no capitalismo.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A Aste Nagusia ou Semana Grande é a principal festa de Bilbao. Celébrase anualmente durante nove días a partir do sábado seguinte ao 15 de agosto, festividade da Asunción de María. A súa orixe remóntase a finais do século XIX. Até a década de 1970 a maioría de actividades consistía en espectáculos de pago como ópera e tauromaquia, así como actos relixiosos de gran solemnidade.
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
Lalín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á Comarca de Deza. O municipio tiña unha poboación de 20.292 habitantes (2025), repartida entre o núcleo urbano, onde viven algo máis de 10.000 persoas, e as 47 parroquias do rural. Lalín é a capital e a vila principal da súa comarca e o noveno concello máis poboado da provincia, despois da Estrada.