Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Unha ecuación diferencial é a relación entre unha ou máis variábeis e as súas derivadas. Na matemática aplicada, as funcións adoitan representar cantidades físicas, as derivadas representan as súas taxas de cambio e a ecuación define a relación entre elas. Como estas relacións son moi comúns, as ecuacións diferenciais xogan un papel primordial en diversas disciplinas, como a enxeñaría, a física, a química, a economía e a bioloxía.
Aśoka (en escrita devanágari: अशोक) ou Aśoka Vardhana, nado no 304 a.C. e finado no 232 a.C., foi o terceiro emperador maurya, fillo de Bindusara e neto de Chandragupta Maurya, o fundador da dinastía. Aśoka reinou sobre a maior parte do subcontinente indio, do actual Afganistán ata Bengala e tamén cara ao sur. No oitavo ano do seu reinado, cara ao 260 a.C., conquistou o reino de Kalinga nunha guerra que, segundo os seus propios edictos, causou uns cen mil mortos e cento cincuenta mil deportados.
Unha arte marcial é un conxunto de técnicas, filosofías e tradicións de combate cuxo obxectivo é someter ou defenderse mediante a técnica. Cada arte marcial é herdeira dunha determinada tradición e constitúe un todo coherente en que as técnicas son debidamente encadradas por conceptos filosóficos e por rituais tradicionais. Os diferentes estilos e escolas de artes marciais exclúen o emprego de armas de fogo e outro armamento moderno.
O backgammon é un xogo de mesa para dous xogadores no que cada un move as súas quince fichas entre vinte e catro triángulos alongados chamados puntos, segundo o resultado do lanzamento de dous dados, co obxectivo de ser o primeiro en retirar todas as súas fichas do taboleiro. O antigo xogo de táboas coñecido como táboas reais, rebautizado como chaquete ao volver introducirse desde Francia, é hoxe coñecido polo seu nome inglés. Pertence á familia dos xogos de táboas, unha das liñaxes de xogos de mesa con antecedentes máis antigos: os xogos de percorrido con dados están documentados en Mesopotamia e en Persia desde hai miles de anos.
Área é a extensión ou superficie comprendida dentro dunha figura (de dúas dimensións), expresada en unidades de medida denominadas superficiais. Para superficies planas o concepto é intuitivo. Calquera superficie plana de lados rectos pode triangularse e pódese calcular a súa área como suma de triángulos.
A danza ou o baile é unha arte que consiste en expresarse mediante movementos do corpo, normalmente ao ritmo da música, como forma de expresión e de interacción social con fins de entretemento e artísticos. É unha das principais artes escénicas da antigüidade, ao lado do teatro e da música. É o movemento estático e en desprazamento que sucede no espazo e o tempo que se realiza cunha parte e todo o corpo do executante, con certo compás ou ritmo como expresión de sentimentos individuais ou de símbolos da cultura e a sociedade.
O arado (do latín aratrum) é un apeiro usado en agricultura para preparar a terra para sementar ou plantar. Foi un instrumento básico na historia e representou un dos maiores avances da técnica agrícola. O uso primordial do arado é remover as capas superficiais da terra, permitindo a entrada dos nutrientes e que se meteorice.
O aparello ou aparato dixestivo é o conxunto de órganos dos animais multicelulares que permite a inxestión de alimento, a súa dixestión para obter enerxía e nutrientes, e excretar os refugallos sobrantes non necesarios. Deste xeito, as funcións principais do aparello dixestivo son a inxestión, dixestión, absorción e defecación. O aparato dixestivo difire substancialmente duns animais a outros.
Alejandro Rojas-Marcos de la Viesca, nado en Sevilla o 2 de setembro de 1940, é un deportista, avogado e político de ideoloxía nacionalista andaluza, actualmente retirado da política. Foi alcalde de Sevilla entre 1991 e 1995, e un dos fundadores do Partido Andalucista, agora coñecido como Andalucía Por Sí.
O accidente ferroviario de Angrois de 2013 foi un descarrilamento ferroviario sucedido o 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, en Santiago de Compostela. Foi o accidente de tren máis grave da historia de Galicia e de España, se ben hai hipóteses que sinalan que o máis grave da historia de España foi o accidente de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia. Ademais, tamén foi o primeiro accidente de tren mortal producido nunha liña de alta velocidade en España.
O bikini (do inglés bikini) é un traxe de baño feminino de dúas pezas composto, na súa forma clásica, por dous triángulos de tea na parte superior, semellantes a un apertador, que cobren os seos, e dous triángulos de tea na parte inferior: a dianteira cobre a pelve pero deixa ao descuberto o embigo, e a traseira cobre as nádegas. O tamaño e o corte de ámbalas pezas varían desde a cobertura completa ata deseños mínimos como o tanga ou o microkini, que cobren só a aréola e o monte de Venus. O deseño moderno presentouse en París en 1946: o deseñador de moda Jacques Heim lanzou o Atome, anunciado como «o traxe de baño máis pequeno do mundo», e o enxeñeiro Louis Réard presentou pouco despois un modelo aínda máis reducido, ao que chamou «bikini» polo atol Bikini, onde catro días antes os Estados Unidos iniciaran as probas nucleares da Operación Crossroads.
José Ramón «Txerra» Soria Trastoy, nado en Getxo (Biscaia) en 1971 e finado en Chiclana de la Frontera (Cádiz) o 22 de outubro de 2026, coñecido artisticamente como Mr. Groovy, foi un actor de dobraxe, cantante, músico e locutor español. Puxo voz ao personaxe Nelson Royale na serie de animación One Piece para a tempada de 2025.
O bulbul cafre (Pycnonotus cafer) é unha ave paseriforme da familia dos picnonótidos. É un reprodutor residente no sur de Asia estendéndose ao leste ata Myanmar. Foi introducido en moitas outras partes do mundo e conseguiu establecerse na Arxentina, Tonga e Fixi, así como en partes de Samoa, Estados Unidos e illas Cook.
A guerra das Malvinas, tamén chamada guerra do Atlántico Sur, foi un conflito armado entre a Arxentina e o Reino Unido pola soberanía das illas Malvinas, as Xeorxias do Sur e as Sandwich do Sur, librado entre o 2 de abril e o 14 de xuño de 1982 neses arquipélagos do océano Atlántico sur e nas augas circundantes. O Reino Unido administraba as illas desde 1833, mentres que a Arxentina reclamábaas como propias e as incluía nominalmente na súa provincia de Terra do Fogo, Antártida e Illas do Atlántico Sur. O conflito comezou co desembarco das forzas arxentinas nas Malvinas o 2 de abril de 1982, na chamada Operación Rosario, ao que o goberno de Margaret Thatcher respondeu co envío dunha forza naval expedicionaria para recuperar as illas (Operación Corporate).
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, foi un militar e ditador galego. Participou no golpe de Estado de xullo de 1936 contra a Segunda República, que deu lugar á guerra civil española. O 1 de outubro de 1936 asumiu o mando político e militar do bando sublevado e a xefatura do Estado organizado na zona baixo o seu control.
O burca (do árabe برقع, burqaʽ, e do urdú بُرقع) designa dúas formas de roupa tradicional usadas por mulleres nalgúns países de relixión islámica, principalmente en Afganistán: A primeira e máis coñecida por este nome é unha peza que cobre por completo o corpo e a cara, chamada a miúdo burca completo ou burca afgán, e que ás veces se confunde co xador (چادر), peza tradicional iraniana que cobre todo o corpo agás o rostro. A segunda, non estritamente un burca, é un tipo de veo que se ata a fronte, sobre un cubrecabezas, e cobre a cara agás unha abertura á altura dos ollos para que a muller poida ver, máis coñecida como nicab (niqab). Ámbalas dúas pezas son usadas por algunhas mulleres musulmás como unha interpretación do código de vestimenta do hixab.
Andrea Kimi Antonelli, tamén coñecido como Kimi Antonelli, nado o 25 de agosto de 2006, é un piloto de carreiras italiano que compite na Fórmula 1 para Mercedes. Antonelli gañou 6 Grandes Premios de Fórmula Un dende o seu debut en 2025. Nado e criado en Boloña, Antonelli é fillo do piloto de carreiras de automóbiles deportivos Marco Antonelli.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
The Big Sleep (1946) é unha película de cine negro dirixida por Howard Hawks e protagonizada por Humphrey Bogart como o duro detective privado Philip Marlowe, e a súa entón esposa na vida real Lauren Bacall. Está baseada na novela homónima escrita por Raymond Chandler, publicada en 1939. A adaptación do guión levouna a cabo William Faulkner con Leigh Brackett e Jules Furthman.
A nabiza, tamén chamada rabiza ou cimón (na mariña lucense), é a folla tenra do nabo (Brassica rapa L.), planta da familia das crucíferas ou brasicáceas. As nabizas son as primeiras follas do nabo, antes de que esta planta entre en floración, son diferentes dos grelos,que teñen características organolépticas diferentes. En Galicia é a verdura típica do outono para facer o caldo galego, e tamén se utiliza como ingrediente dos primeiros cocidos, e mesmo do Lacón con grelos.
O xade é unha rocha ornamental. O termo xade é aplicado a dúas rochas metamórficas distintas compostas de diferentes minerais silicatados: A nefrita consiste nun agregado de fibras entrelazadas microcristalinas de calcio, mineral anfíbolo rico en magnesio-ferro da serie da tremolita (calcio-magnesio)-ferroactinolita (calcio-magnesio-ferro). O membro medio desta serie cunha composición intermedia é chamado actinolita (a forma mineral fibrosa sedosa é unha das formas do asbesto).
Unha especie ameazada é aquela especie cuxa poboación está a diminuír de tal xeito que corre risco de acabar en extinción. O termo aplícase tanto aos animais como ás plantas e aos fungos, e o seu alcance exacto depende do sistema de clasificación que se empregue. O máis estendido é a Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), que considera ameazadas as especies encadradas nas categorías de en perigo crítico, en perigo e vulnerábel.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano.[Cómpre referencia] Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh.
O motín a bordo do navío HMS Bounty da Mariña Real Británica tivo lugar o 28 de abril de 1789 no medio do océano Pacífico. Un grupo de tripulantes insatisfeitos, liderados polo axudante de mestre Fletcher Christian, tomaron o control da embarcación de mans do seu capitán, o tenente William Bligh, a quen deixaron á deriva a bordo dun bote con poucas provisións xunto con outros dezaoito mariñeiros que permaneceron leais. Os amotinados establecéronse en Tahití ou nas illas Pitcairn, mentres que Bligh conseguiu realizar unha viaxe de máis de 6 500 km ata atopar terra, comezando entón un proceso para que os amotinados comparecesen ante a xustiza.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Humphrey DeForest Bogart, nado en Nova York o 25 de decembro de 1899 e finado nos Ánxeles o 14 de xaneiro de 1957, é seguramente un dos actores cinematográficos máis coñecidos. De feito pasou xa a ser unha icona da cultura do século XX, elixido polo American Film Institute como a máis grande estrela masculina do cine americano de todos os tempos. A súa fotografía de tres cuartos, con sombreiro ou sen el, con ou sen gabardina, forma parte das lembranzas da época dourada do cinema.
O RMS Lusitania (en inglés: Royal Mail Ship Lusitania) foi un transatlántico británico que pertencía a Cunard Line e que foi construído por John Brown and Company of Clydebank en Escocia. Foi torpedeado por un submarino alemán o 7 de maio de 1915, preto da costa de Irlanda morrendo 1.198 das 1.959 persoas a bordo. É considerado o segundo desastre marítimo máis famoso despois do RMS Titanic.
A Copa da Costa é unha competición futbolística por eliminatorias de partidos de ida volta. Recibe o nome pola Costa da Morte e nela participan equipos das comarcas da Barcala, Noia, Soneira, Bergantiños, Xallas, Muros e Fisterra. A final de 2017 entre o Dumbría e o Fisterra foi televisada por primeira vez en directo vía streaming pola web da TVG e retransmitida en diferido na TVG2.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
La bola negra é un filme dramático de 2026 dirixido por Javier Calvo e Javier Ambrossi, que escribiron o guión xunto con Alberto Conejero. É unha coprodución de España e Francia inspirada na obra teatral inacabada homónima de Federico García Lorca e en La piedra oscura, de Conejero. O elenco principal está formado por Guitarricadelafuente, Miguel Bernardeau, Carlos González e Milo Quifes, coa participación de Lola Dueñas, Penélope Cruz e Glenn Close.
O bulbul de fazulas vermellas (Pycnonotus jocosus) é un paseriforme nativo de Asia da familia dos picnonótidos. É un residente fruxívoro atopado maiormente na Asia tropical, pero foi introducido en moitas áreas tropicais do mundo, onde se conseguiron establecer poboacións. Fai unha chamada de tres ou catro notas, aliméntase de froitos e pequenos insectos e póusase na árbores, onde é moi visible.
Antonio José Navarro Wolff, nado en Pasto o 9 de xullo de 1948 e finado en Bogotá o 1 de novembro de 2026, foi un enxeñeiro sanitario, profesor universitario, político e guerrilleiro colombiano de ascendencia alemá. Foi membro do grupo guerrilleiro Movemento 19 de Abril (M-19) e candidato á presidencia. Foi designado no goberno de César Gaviria como ministro de Saúde.
O Entroido do Hío é unha tradición que ten lugar na parroquia canguesa do Hío o domingo, luns e martes de Entroido. Nel participan as sete aldeas da parroquia, cada unha coa súa comparsa e os seus gaiteiros, e está considerado un dos entroidos tradicionais máis senlleiros de Cangas e do Morrazo. No ano 2019 participaron máis de 6.000 persoas.
Luis Uruñuela Fernández (Sevilla, 2 de abril de 1937 - 31 de xullo de 2026) foi un avogado e político español de ideoloxía nacionalista andaluza. Xunto con Alejandro Rojas-Marcos, foi fundador do Partido Andalucista, do que foi secretario xeral (1982–1986). De 1979 a 1983, foi alcalde de Sevilla, o primeiro alcalde elixido democraticamente tras a morte de Francisco Franco.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 247.517.
O Entroido de Viana do Bolo é unha celebración de orixe popular que se fai en Viana do Bolo durante o ciclo do entroido e é unha das principais festas do concello. O concello sitúao entre os entroidos máis antigos e tradicionais de Galicia e sinala como elementos diferenciadores os boteiros, os lardeiros, o folión, a mula, as disputas e a fariña. Está recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
O costumismo é o termo co que se alude a un tipo de creación literaria desenvolta na España do século XIX, sobre todo entre 1830 e 1850, e máis especificamente ao chamado «artigo de costumes», texto breve que tiña por obxecto o retrato filosófico, festivo ou satírico dos costumes populares do seu tempo, nunha peculiar fusión entre o ensaio e o conto caracterizada por unha mínima acción, pola escaseza do diálogo e polo seu descritivismo. Porén, o costumismo esténdese a todas as artes, podendo falar de pintura, relatos ou novelas costumistas, sendo o folclore a miúdo unha forma de costumismo. O costumismo ten unha consideración transversal ao longo da historia da arte, malia que a tendencia é a falar de costumismo especialmente relacionado cos autores a partir do século XIX. Entre estes autores están Larra ou Mesonero Romanos, que foron os que consolidaron o xénero nas revistas do seu tempo.
O Auriense Campus da Auga FG é un equipo de fútbol gaélico formado no ano 2014 na cidade de Ourense. Está asociado á Asociación Galega de Fútbol Gaélico e compite na Liga Galega de Fútbol Gaélico, na Copa Galega de Fútbol Gaélico e no Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico. Xunto con Afiadoras FG, equipo que compite na Liga Gallaecia, conforman a asociación Ourense Gaels.
O sexo oral refírese á práctica sexual consistente na estimulación erótica dos xenitais por medio da boca, lingua, dentes ou gorxa. O cunnilingus é o practicado nunha muller mentres a felación é nun home, o anilingus é a estimulación do ano. A excitación doutras partes do corpo, como bicar ou lamber non se considera sexo oral como tampouco a inxesta de líquidos xenitais, seme ou fluxo vaxinal sen contacto físico boca-vexitalia.
Betty Joan Perske, máis coñecida como Lauren Bacall, nada no Bronx (Nova York) o 16 de setembro de 1924 e finada en Nova York o 12 de agosto de 2014, foi unha actriz do cinema clásico estadounidense, gañadora dos premios Globo de Ouro e Tony. Estivo casada co actor Humphrey Bogart dende 1945 ata a morte deste en 1957, logo estivo casada con Jason Robards dende 1961 ata 1969.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finado en Madrid o 7 de decembro de 1772, foi un escritor, teólogo e monxe beneditino galego pertencente a Ilustración galega. É un dos pais da filoloxía románica en xeral e da galega en particular. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Paolo (miniserie de televisión)
Paolo é unha miniserie de televisión francesa creada e dirixida por Sébastien Marnier, quen escribiu o guión xunto con Juliette Soubrier, adaptando Mimi, a súa primeira novela, publicada en 2011. Coproducida por Mintee Studios e Asacha Media Group para HBO Max, está protagonizada por Jérôme Niel e Yoann Gasiorowski.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Mareas vivas é unha serie da Televisión de Galicia, creada por Antón Reixa e producida por Voz Audiovisual e Zopilote, que foi emitida entre 1999 e 2003. Foi o maior éxito da TVG e os personaxes das primeiras tempadas fixéronse moi populares entre a poboación galega. A teleserie fixo historia por empregar unha lingua popular, dialectalmente propia do galego da Costa da Morte.
Tornike Morchiladze (en xeorxiano: თორნიკე მორჩილაძე), nado en Xeorxia o 10 de xaneiro de 2002, é un futbolista xeorxiano que xoga na posición de dianteiro. Na tempada 2026/27 forma parte do Club Deportivo Lugo da Primeira Federación. Co FC Dinamo Tbilisi ten gañado a Erovnuli Liga e a Supercopa de Xeorxia.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Lamego é un lugar da parroquia de Seira no concello coruñés de Rois, na comarca do Sar. Os seus lindes, todos eles pertencentes á mesma parroquia, son: ao norte, O Casal; ao sur, Seira; ao leste, linda co río Sar, delimitando o concello de Rois co de Padrón; e ao oeste, linda coa Eirexe. Segundo o padrón municipal (INE 2025) ten 90 habitantes (41 homes e 49 mulleres), un menos ca en 2013.
O Día dos Fieis Defuntos ou Día de Defuntos é o día escollido pola Igrexa Católica para orar polos finados, celébrase o día 2 de novembro. A data escollida relaciónase con festividades pagás europeas coma o Samaín ou o magosto. Dende o século II, algúns cristiáns pregaban polos falecidos, visitando os túmulos dos mártires para rezar polos que morreran.