Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Interestellar é un filme británico-estadounidense de ciencia ficción dirixido, co-escrito e co-producido por Christopher Nolan. Está protagonizado por Matthew McConaughey, Anne Hathaway, Jessica Chastain, Matt Damon e Michael Caine. No filme, un grupo de astronautas viaxan a través burato de verme na busca dun novo fogar para a humanidade.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Serramoura é unha serie de televisión de suspense producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia. Emitiuse por vez primeira o domingo a noite do 5 de outubro de 2014 na TVG en horario de máxima audiencia. Desde o 25 de outubro de 2016 a canle rusa AXN Sci-Fi emite a serie co título de Черный лес.
Cristina Ortiz Rodríguez, nada o 19 de marzo de 1964 en Adra e finada o 9 de novembro de 2016 en Madrid, máis coñecida polo alcume de La Veneno ("A Veleno"), foi unha vedete, cantante e colaboradora de televisión española, famosa por intervir nos programas de entrevistas nocturnos Esta noche cruzamos el Mississippi e La sonrisa del pelícano, emitidos en España entre 1996 e 1997, ámbolos dous programas presentados polo xornalista Pepe Navarro. La Veneno foi unhas das primeiras mulleres transxénero en visibilizar a realidade do colectivo transxénero, e é recoñecida como unha das iconas LGBT máis atrevidas de España.
Celia Villalobos Talero, nada en Arroyo de la Miel (Benalmádena, Málaga) o 18 de abril de 1949, é unha funcionaria e política española, deputada no Congreso por Málaga dende o ano 1986, durante dez lexislaturas. Foi ministra de Sanidade, alcaldesa de Málaga e ocupou diversos cargos de responsabilidade no Congreso dos Deputados e na estrutura orgánica da Alianza Popular (posteriormente coñecida como Partido Popular). Foi portavoz adxunta do Partido Popular na cámara baixa e presidenta da Comisión do Pacto de Toledo.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua. Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.
Co nome de danza do abellón denomínase un antigo rito funerario no que tódolos familiares e asistentes ó velorio dun cadáver, formando roda collidos da man, daban voltas ó redor do corpo imitando o zunido dun abellón. Este ritual foi recollido por Alfredo Brañas a raíz dun velorio no que el mesmo participou en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e constitúe un dos casos máis particulares das prácticas tradicionais galegas relacionados coa morte. Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 167.740 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Dinís de Portugal, nado o 9 de outubro de 1261 en Lisboa e finado o 7 de xaneiro de 1325 en Santarém, foi rei de Portugal, fillo de Afonso III e da súa segunda esposa, Beatriz de Castela, sendo, por tanto, neto de Afonso X o Sabio. Sucedeu o seu pai no trono de Portugal en 1279. Intitulábase nos diplomas que outorgou durante o seu reinado como Dom Denis, pella graça de Deus, Rei de Purtugal e do Algarue, e así consta no foro (carta de poboamento) concedido a Rebordãos o 18 de maio de 1285, así como noutros documentos.
Lista de municipios portugueses
Esta é unha lista de municipios portugueses ordenados alfabeticamente. Actualmente (2006), Portugal ten 308 concellos.
Halloween (AFI: /ֽhæləυ'i:n/, do ing. All Hallows' Evening ou Noite de tódolos Santos) é unha festa anual que se celebra principalmente nos Estados Unidos na noite do día 31 de outubro pero que desde finais do século XX tamén se observa en moitos outros países. A súa orixe é cristiá pero con raíces nas tradicións pagás celtas (véxase Samaín).
Anne Mae Bullock nada en Nutbush (Tennessee) o 26 de novembro de 1939, é unha cantante, escritora, bailarina e actriz estadounidense, máis coñecida como Tina Turner. Cunha carreira que se alonga durante mais de cincuenta anos, é unha dos principais expoñentes do rock, e considerada como a "Raíña do Rock".
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
A esmorga é unha novela tremendista escrita por Eduardo Blanco Amor, publicada en Buenos Aires en 1959 e en Galicia en 1970. Foi unha das primeiras novelas galegas de posguerra, e marcou un fito na historia da literatura galega. A súa repercusión nas xeracións posteriores levouna a ocupar un lugar destacado do canon literario.
As células de Paneth, son un tipo de células do epitelio do intestino delgado (fundamentalmente) con funcións protectoras. En dito epitelio están acompañadas polas células caliciformes, enterocitos, e células enteroendocrinas. Poden identificarse microscopicamente pola súa localización no fondo das glándulas intestinais (criptas de Lieberkühn), xusto debaixo das células nai ou troncais intestinais, e polos seus grandes gránulos eosinófilos refrinxentes secretores que ocupan a maioría do seu citoplasma.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Volvox é un xénero de algas verdes clorófitas, que forman colonias esféricas ocas de miles de células biflaxeladas, situadas na superficie da esfera e xeralmente interconectadas por conexións citoplasmáticas. Viven en diversos hábitats de auga doce, e xa foran observadas por Antoni van Leeuwenhoek en 1700. Pénsase que Volvox desenolveu o seu estilo de vida colonial hai uns 200 millóns de anos.
O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico. Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Non confundir con feixónA feixoa (Acca sellowiana, sin. Feijoa sellowiana), tamén chamada goiaba do Brasil, é unha especie botánica arbustiva ou arboriña de flor da familia das mirtáceas, nativa das zonas elevadas do sur do Brasil, leste do Paraguai, o Uruguai, o norte da Arxentina e mais de Colombia. Cultívase a miúdo coma árbore froiteira no sur de Galicia e noutras zonas coma Nova Zelandia ou California, así coma árbore ornamental en Australia, Acerbaixán, Xeorxia, algunhas zonas do sur de Rusia e en Suráfrica..
O derbi galego entre o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, popularmente coñecido como O Noso Derbi, é o principal enfrontamento deportivo entre dous clubs de fútbol galegos, o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña. A primeira filmación dun partido de fútbol en España foi un encontro entre o Deportivo e o Vigo Foot-ball Club (club antecesor do Vigo Sporting e, finalmente, o Celta), en 1911.
A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur. Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce.
A TPBS (tailandés: ส.ส.ท.) é o Servizo Público de Radiodifusión Tailandés (tailandés: องค์การกระจายเสียงและแพร่ภาพสาธารณะแห่งประเทศไทย; RTGS: Ongkan Krachai Siang Lae Phrae Phap Satharana Haeng Prathet Thai) é un servizo público de radiodifusión de Tailandia que opera a canle de televisión Thai PBS (ไทยพีบีเอส). Estableceuse por lei o 15 de xaneiro de 2008 o que lle garante o status de axencia estatal con personalidade xurídica sen ter carácter de axencia gobernamental nin empresa estatal. Thai PBS é sucesora da privada iTV/TITV e comezou a emitir, primeiro co nome de TV Thai, o 1 de febreiro de 2008.
A Terra ( pronunciación ) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
As zonas horarias ou fusos horarios son cada unha das vinte e catro áreas en que se divide a Terra e que seguen a mesma definición de tempo. Anteriormente, usábase o tempo solar aparente, de forma que a hora do día diferenciábase lixeiramente dunha cidade a outra. Os fusos horarios corrixiron en parte o problema ao colocar os reloxos de cada rexión no mesmo tempo solar medio.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, actual presidente da Xunta de Galicia. É tamén o presidente do Partido Popular de Galicia, que resultou o máis votado nas eleccións autonómicas de 2009, acadando a maioría absoluta, e o Parlamento de Galicia elixiuno para ser presidente da Xunta, tomando posesión o 18 de abril dese mesmo ano. Revalidou o cargo nas eleccións de 2012 e nas de 2016.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou á maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente a máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Clasificación tipolóxica do hórreo galego
A gran diversidade xeográfica de Galicia propicia unha enorme variedade formal na súa arquitectura. Desta variedade nacen múltiples tipos arquitectónicos que teñen áreas de distribución con límites imprecisos ou que se interpenetran. Por todo isto as diferentes variedades tipolóxicas do hórreo non teñen unha correspondencia clara coas comarcas.
A presidencia da Xunta é ostentada pola persoa encargada de liderar a Xunta de Galicia, o máximo órgano executivo do ámbito competencial galego, e de representar a Galicia no exterior. É elixida polo Parlamento de Galicia, entre os seus deputados (artigo 15.2, do Estatuto de Autonomía) escollidos á súa vez por sufraxio universal. O goberno de Galicia foi establecido o 16 de marzo de 1978 e foi reforzado polo Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, ratificado o 28 de abril de 1981.
As cucúrbitas (Cucurbita) é un xénero pertencente á familia das cucurbitáceas, comprende un grupo de plantas rubideiras coñecidas coma cabaceiras ou calacueiras, cultivadas polas súas flores, as súas sementes comestíbeis, e especialmente os seus froitos coñecidos coma cabazas, cabazos, cabaciñas e calacús, dependendo da especie e a zona. A diversidade dos cultivares e a facilidade coa que as especies de Cucurbita hibridan leva a moita confusión arredor da súa nomenclatura.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Os celtas son un conxunto de pobos indoeuropeos de Europa identificados polo uso das linguas celtas e outras semellanzas culturais. A historia da Europa precelta e a relación exacta entre os diferentes grupos étnicos, lingüísticos e culturais dentro do espazo celta é tema de debate e controversia. Por outra banda, o alcance xeográfico dos antigos celtas tamén está en disputa; particularmente, se os habitantes da Idade de Ferro de Gran Bretaña e Irlanda deberían ser considerados ou non como celtas.
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Camerún participou por vez primeira nos Xogos Olímpicos en 1964, e dende entón enviou atletas para competir en cada edición dos Xogos de Verán. O país retirouse dos Xogos de 1976 após tres días de competición, para unir o boicot africano en resposta da participación de Nova Zelandia, quen aínda mantiña relacións deportivas coa Suráfrica do apartheid. O Camerún tamén participou nos Xogos Olímpicos de Inverno nunha ocasión, en 2002, cun só representante, Isaac Menyoli.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. Na formación do masculino e feminino o galego distínguese das linguas veciñas por: Son masculinas as seguintes palabras: o sal, o mel, o sinal, o cárcere, o labor, o nariz, o riso, o sangue, o costume, o cume, o leite, o couce, o cuspe, o dote, o fel, o pantasma, o mar, o masacre, o nariz, o sinal, o ubre, o xiz...
Os Atlánticos foi unha serie galega emitida pola TVG entre os anos 2008 e 2009 en dúas tempadas que suman un total de 26 episodios. Producida por Filmanova e Continental, trátase dunha ficción que se desenvolve na ficticia vila de Vilardenós e que xira arredor á actividade dunha pequena orquestra de cinco músicos cuxo nome é o que dá título á serie. Rodouse en Pontedeume cun elenco que estivo encabezado por Xabier Deive, Xosé Barato, Sonia Méndez, Nacho Castaño, Antía Otero e Ledicia Sola.
José Alberto Mujica Cordano, nado en Montevideo o 20 de maio de 1935, é un agricultor e político uruguaio, Foi o cuadraxésimo presidente do Uruguai entre 2010 e 2015. Cun pasado guerrilleiro no que ingresou no Movemento Nacional de Liberación-Tupamaros, foi elixido deputado e senador, para posteriormente ocupar o posto de Ministro de Gandaría, Agricultura e Pesca entre 2005 e 2008. Logo de ocupar a Presidencia, foi elixido senador de novo , nas eleccións de 2014.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Da terra asoballada é un libro de poemas de Ramón Cabanillas publicado por primeira vez como volume independente en 1917. O mesmo título adianta a intención da obra, un conxunto de textos líricos contra a colonización de Galicia que reivindican o substrato humilde da poboación campesiña -no contexto redencionista do agrarismo- a carón das grandes figuras da Historia nacional, cantadas ás veces desde un ton elexíaco.
O violín (Etimoloxía: do italiano Violino, diminutivo de viola) é un instrumento cordófono de corda fretada, o máis agudo e pequeno da súa familia. Componse de catro cordas afinadas a unha distancia de quinta xusta. Na orquestra o primeiro violín é chamado de spalla, despois do rexente, el é o comandante da orquestra.
O Sistema Solar é o conxunto de corpos celestes na galaxia chamada Vía Láctea, que desenvolven os seus movementos en torno ao Sol. Inclúe os planetas como corpos principais, o Sol e outros corpos celestes como asteroides, cometas e satélites. Outro xeito de consideralo é como a zona na que o Sol é a estrela de influencia predominante, se ben este segundo concepto abrangue unha zona de extensión moito maior, na que se supón que existen moitos corpos descoñecidos ata o momento, incluíndo a Nube de Oort, considerada como o berce dos cometas.
Coñécese como asistencia sanitaria, atención médica, asistencia médica, atención sanitaria ou atención de saúde, ao conxunto de servizos que se proporcionan ao individuo, co fin de promover, protexer e restaurar a súa saúde. A asistencia sanitaria é basicamente un servizo ou un ben económico intanxible de tal forma que "o servizo chamado asistencia sanitaria é o que presta un axente ou operador especializado para as persoas que senten ou teñen manifestacións de alteracións no seu estado de saúde e que ademais este servizo préstase baixo unhas determinadas condicións de seguridade e por quen está en posesión dun determinado coñecemento, é dicir, é un servizo especializado e singular que só o poden dar persoas autorizadas ou acreditadas e en centros autorizados". "A singularidade do servizo prestado nun centro asistencial vén determinada por moitos factores que abarcan desde a súa cultura até pola grande influencia doutros sectores da economía".