Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
María do Socorro Ortega Romero
María do Socorro Ortega Romero, nada en Arteixo e finada en Santiago de Compostela o 12 de decembro de 2011, foi unha historiadora da arte galega.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 168.196 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
The Texas Chainsaw Massacre: The Beginning
The Texas Chainsaw Massacre: The Beginning é un filme estadounidense de terror dirixido por Jonathan Liebesman que foi estreado no 2006. É unha precuela do remake de 2003 The Texas Chainsaw Massacre.
O Movimiento Católico Español (MCE) é un partido franquista fundado en 1981 por José Luis Corral tras deixar Fuerza Nueva, onde era xefe local en Madrid de Fuerza Joven. Tivo nas eleccións xerais de 1982 un total de 996 votos. Convocou numerosas concentracións contra o aborto, organiza misas e homenaxes ós excombatentes da División Azul e dos caídos por España.
As células de Paneth, son un tipo de células do epitelio do intestino delgado (fundamentalmente) con funcións protectoras. En dito epitelio están acompañadas polas células caliciformes, enterocitos, e células enteroendocrinas. Poden identificarse microscopicamente pola súa localización no fondo das glándulas intestinais (criptas de Lieberkühn), xusto debaixo das células nai ou troncais intestinais, e polos seus grandes gránulos eosinófilos refrinxentes secretores que ocupan a maioría do seu citoplasma.
A Matanza de Atocha de 1977 foi un atentado terrorista cometido por extremistas de dereita no centro de Madrid a noite do 24 de xaneiro de 1977, no marco do chamado terrorismo tardofranquista. Cinco sindicalistas foron asasinados, marcando a transición española iniciada trala morte do ditador Francisco Franco. Un comando ultradereitista penetrou nun despacho de avogados en dereito laboral de Comisións Obreiras e militantes do Partido Comunista de España, situado no número 55 da rúa de Atocha, abrindo fogo contra os alí presentes, matando a cinco persoas e deixando catro feridos.
Cando petan na porta pola noite
Cando petan na porta pola noite é un libro de Xabier P. Docampo. Editouse por vez primeira no ano 1994 e foi reeditado varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
Margaret Thatcher, Baronesa Thatcher (de solteira Margaret Hilda Roberts), nada en Grantham o 13 de outubro de 1925 e finada o 8 de abril de 2013, foi unha política británica que chegou a ser Primeira Ministra do Reino Unido entre 1979 e 1990. Thatcher foi a Primeira Ministra británica cun mandato máis longo desde William Gladstone, e ten o período continuo máis longo no ministerio desde Lord Liverpool a principios do século XIX. Tamén é a única muller que serviu como Primeira Ministra, unha das dúas únicas en liderar un partido político importante no Reino Unido ou ter unha das catro Great Offices of State (postos principais dun goberno). Margaret Thatcher foi unha das políticas británicas máis significativas na historia política recente do Reino Unido e globalmente.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, é unha monarca inglesa. É raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belize, Canadá, Granada, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón e Tuvalu. Tamén é a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, guitarrista compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko,. Roko sabe tocar a guitarra e compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial.Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Francisco Rivera Pérez, coñecido como Paquirri, nado en Zahara de los Atunes (Cádiz) o 5 de marzo de 1948 e finado en Cerro Muriano (Córdoba) o 26 de setembro de 1984, foi un toureiro español. Morreu por unha cornada recibida do touro chamado Avispado na praza de touros de Pozoblanco, na provincia de Córdoba.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
WordPress é un sistema de xestión de contido orientado inicialmente á creación de bitácoras, ou blogues/blogs, (sitios web actualizados periodicamente e con orde cronolóxica descendente). Está estruturado en PHP, usa como xestor de base de datos MySQL, baixo licenza GPL, e foi fundado por Matt Mullenweg.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A galegofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. Na formación do masculino e feminino o galego distínguese das linguas veciñas por: Son masculinas as seguintes palabras: o sal, o mel, o sinal, o cárcere, o labor, o nariz, o riso, o sangue, o costume, o cume, o leite, o couce, o cuspe, o dote, o fel, o pantasma, o mar, o masacre, o nariz, o sinal, o ubre, o xiz...
Doc - Nelle tue mani é unha serie de televisión italiana emitiada por Rai 1 dende o 26 de marzo de 2020, dirixida por Jan Maria Michelini e Ciro Visco. A serie baséase na historia real do xefe de servizo hospitalario Pierdante Piccioni quen, ao espertar dun coma producido por un accidente de tránsito ocorrido o 31 de maio de 2013 que lle causou feridas cerebrais, perdeu 12 anos de memoria . Rodáronse 8 episodios dos 16 previstos, debido á difusión da enfermidade do coronavirus 2019 que interrompeu temporalmente a rodaxe , e a final vaise emitir polo que se prevé en outono.
Unha árbore senlleira na lexislación galega é unha árbore autóctona ou importada que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, rareza, beleza, significación histórica, cultural ou científica etc.) é considerada reliquia botánica. Coa súa declaración, son obxecto de protección, concédeselle garantía de respecto comunitario e foméntase o seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. A figura de "árbore senlleira" é similar a figuras de protección doutras autonomías españolas e doutros estados europeos.
Non confundir coa fonte-monumento dos Cabalos da Praza de España en Vigo, nin coa Fonte dos Cabalos de Lalín. A Fonte das Pratarías, máis coñecida coma Fonte dos Cabalos (tamén Fonte dos Catro Cabalos ou dos Hipocampos) é unha fonte monumental de estilo barroco compostelán, obra de J. Pernas do ano 1825 que se atopa no centro da praza das Pratarías, na cidade vella de Santiago de Compostela. Está formada por catro cabalos que botan auga pola boca, por riba dos cales se ergue un pedestal coa Arca Marmórica rematado cunha figura feminina co brazo alzado sostendo a estrela de Compostela.
San Francisco de Asís (en italiano Francesco d'Assisi), nado en Asís o 5 de xullo de 1182 e falecido na mesma vila o 3 de outubro de 1226, foi un relixioso italiano. Fundador da Orde Franciscana, e patrón cristián dos ecoloxistas, dos naturistas ou nudistas e por revindicar a protección dos animais e o ambiente. Foi canonizado pola Igrexa católica en 1228, e a súa festividade celébrase o 4 de outubro.
A masa é unha propiedade dos obxectos físicos que, basicamente, mide a cantidade de materia. É un concepto central na mecánica clásica e disciplinas afíns, expresando a magnitude que, para un corpo determinado, indica a proporción entre forza e aceleración. No Sistema Internacional de Unidades mídese en quilogramos.
Esta é unha listaxe de persoas de sona que finaron ao longo de 2020. Primeiro lístanse as personalidades internacionais, e a continuación as personalidades galegas, ordenadas por data de falecemento. A lista recolle, por esta orde, data de falecemento, nome, idade ao falecer, profesión ou motivo de sona e causa da morte.
Ludwig van Beethoven, nado en Bonn o 16 de decembro de 1770 e finado en Viena o 26 de marzo de 1827, foi un célebre compositor, director de orquestra e pianista alemán. O seu legado musical abarca, cronoloxicamente, desde o período clásico ata inicios do romanticismo musical. É un dos compositores máis importantes da historia da música e o seu legado influíu de forma decisiva na música posterior.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
O cobre (do latín cuprum, e este do grego kypros), é o elemento químico de número atómico 29 e símbolo Cu. Trátase dun metal de transición de cor arrubiada e brillo metálico que, canda a prata e o ouro, forma parte da denominada familia do cobre, caracterizada por ser os mellores condutores de electricidade. Grazas á súa alta condutividade eléctrica, ductilidade e maleabilidade, converteuse no material máis utilizado para fabricar cables eléctricos e outros compoñentes eléctricos e electrónicos.
Grecia participou en cada unha das edicións dos Xogos de Verán, sendo un dos catro países do mundo en facelo. Grecia tamén competiu na maioría dos Xogos Olímpicos de Inverno e foi sede olímpica en dúas ocasións, ámbalas dúas en Atenas. Como lugar de orixe dos Xogos Olímpicos da Antigüidade foi unha elección natural como nación anfitrioa para o rexurdimento dos Xogos Olímpicos modernos en 1896, e Grecia volveu ser a anfitroa en 2004.
Charles Robert Redford Jr., nado en Santa Monica (California) o 18 de agosto de 1936, máis coñecido simplemente como Robert Redford, é un actor, director, produtor, ecoloxista e filántropo estadounidense. Na súa carreira gañou dous Premios Oscar, un en 1981 como director de Xente corrente, e o outro Honorífico en 2002. No 2010, foi distinguido coa Legion d'Honneur.
O Caso Asunta Basterra, ou simplemente Caso Asunta, é como se denominou por algúns medios de comunicación españois a investigación xudicial en torno á morte de Asunta Basterra Porto, unha nena de doce anos desaparecida o 21 de setembro de 2013 e cuxo corpo sen vida foi encontrado nuna pista forestal do concello de Teo ao día seguiente, 22 de setembro de 2013.
O castiñeiro común (Castanea sativa), tamén coñecido popularmente como castiñeiro bravo, castiro, uriceiro ou castieiro, é unha árbore caducifolia da familia Fagaceae apreciada pola súa madeira e os seus froitos comestíbeis, as castañas. Moitos exemplares acadan unha gran lonxevidade e teñen unha longa historia que se pode remontar a varios séculos. Orixinario do sur de Europa e de Asia Menor, a súa presenza nestas áreas xeográficas débese a que durante a última glaciación, o castiñeiro atopou zonas de refuxio nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica, así como na Península Itálica e na Península de Anatolia, sendo moi común nos montes de Galicia.
Amy Jade Winehouse, nada en Londres, Inglaterra o 14 de setembro de 1983 e finada na mesma cidade o 23 de xullo de 2011, máis coñecida simplemente como Amy Winehouse, foi unha cantante e compositora inglesa recoñecida polo seu alcance vocal contralto, descrito como "acusticamente poderoso" e capaz de expresar "profunda emoción", destacando pola mestura ecléctica de xéneros musicais, incluíndo soul (ás veces denominado como blue-eyed soul e neo soul), rhythm and blues, jazz e reggae. O seu álbum de debut do ano 2003 Frank foi valorado positivamente pola crítica especializada e foi comercialmente un éxito no seu país natal, o Reino Unido, e foi candidato ó premio Mercury Prize. O seguinte álbum de Winehouse do ano 2006, Back to Black, levou cinco premios Grammy, igualando naquel entón a marca de maior número de triunfos nunha única noite para unha artista feminina, e foi a primeira muller británica en gañar cinco premios Grammy, incluíndo a Mellor Artista Revelación, Gravación do Ano e Canción do Ano.
O Sistema Solar é o conxunto de corpos celestes na galaxia chamada Vía Láctea, que desenvolven os seus movementos en torno ao Sol. Inclúe os planetas como corpos principais, o Sol e outros corpos celestes como asteroides, cometas e satélites. Outro xeito de consideralo é como a zona na que o Sol é a estrela de influencia predominante, se ben este segundo concepto abrangue unha zona de extensión moito maior, na que se supón que existen moitos corpos descoñecidos ata o momento, incluíndo a Nube de Oort, considerada como o berce dos cometas.
Nunha clasificación dentro do concepto xurídico de persoa, xunto ás persoas físicas existen tamén as persoas xurídicas. Son entidades ás que o dereito atribúe e recoñece unha personalidade xurídica propia e, en consecuencia, capacidade para actuar como suxeitos de dereito para a realización de determinadas fins colectivas: capacidade para adquirir e posuír bens de tódalas clases, para contraer obrigacións e exercitar accións xudiciais.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Un ditongo é un fenómeno fonolóxico que ten lugar cando dúas vogais contiguas forman parte dunha mesma sílaba. En galego hai dous tipos de ditongos, aqueles que están formados por dúas vogais fracas ("i" e "u") e os que están formados por unha vogal forte e unha fraca, sen importar a orde. O ditongo é o fenómeno contrario ao hiato.
Verto é un grupo independente de música pop e trap galego que comezou en 2019. Está composto por Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer". O 17 de xaneiro de 2020, o grupo participou no Luar da TVG co seu tema "Oie Gayego", unha canción trap retranqueira que lles deu gran popularidade.O 14 de marzo de 2020 lanzaron o seu primeiro álbum "Puro Ocio", composto por sete temas.
MasterChef Celebrity España é un programa de televisión español de competición gastronómica entre famosos. É un formato baseado nun programa de cociña emitido pola televisión británica que ten o mesmo título e que produce Televisión Española en colaboración con Endemol Shine Iberia. A súa estrea foi o 6 de novembro de 2016 con Eva González como presentadora (até a terceira edición) e con Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo-Nágera como membros do xurado.
Pandemia por coronavirus de 2019-2020
A pandemia por coronavirus de 2019–2020 é unha pandemia global actual de doenza do coronavirus 2019 (COVID-19) causada polo coronavirus 2 da síndrome respiratoria aguda severa (SARS-CoV-2). O virus foi identificado por vez primeira en Wuhan, na provincia chinesa de Hubei, en decembro de 2019, estendéndose finalmente a cada provincia do país. O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou o abrocho como unha pandemia.
Oceanía ( pronunciación ) é un continente da Terra, situado no océano Pacífico, constituído por Australia, as grandes illas de Papúa Nova Guinea e Nova Zelandia, así como por unha cantidade enorme de illas máis pequenas, normalmente coralinas e volcánicas, distribuídas polo océano Pacífico. Limita ó oeste con Asia (Xapón, Filipinas, Indonesia) e ó leste con América. Ó norte co océano Glaciar Ártico e ó sur coa Antártida.
O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico. Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Donald John Trump (pronunciado en inglés: [ˈdɒnəld d͡ʒɒn trʌmp]), nado en Nova York o 14 de xuño de 1946, é un executivo, empresario, político e escritor, elixido presidente dos Estados Unidos de América no 2016. Desde o 20 de xaneiro de 2017 é o presidente dos Estados Unidos de América. É o fundador da empresa Trump Entertainment Resorts.
O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol. Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural e dos lumes forestais. O elenco está composto por actores non profesionais da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
A respiración anaerobia é un proceso de oxidación-redución de nutrientes para a obtención de enerxía na que o aceptor final de electróns é unha substancia distinta do osíxeno, xeralmente inorgánica, que é característico esencialmente dunhas poucas especies de bacterias. Como en toda respiración, o aceptor final de electróns é externo e require xeralmente o funcionamento dunha cadea de transporte electrónico similar á da respiración aerobia . Na respiración anaerobia non se utiliza osíxeno.
A teoría do xene egoísta, tamén chamada visión da evolución centrada nos xenes ou teoría da selección de xenes mantén que a evolución adaptativa ten lugar por medio da supervivencia diferencial de xenes que están en competencia, incrementando a frecuencia alélica daqueles alelos cuxos efectos no trazo fenotípico promoven exitosamente a súa propia propagación, definindo xene como "non só un simple anaco físico de ADN [senón tamén] todas as réplicas dese particular anaco de ADN distribuídas por todo o mundo". Os propoñentes deste xeito de ver a evolución argumentan que, como a información herdable pasa de xeración en xeración case exclusivamente por medio do ADN, entón é mellor considerar a selección natural e a evolución desde a perspectiva dos xenes. Os partidarios desta visión ou concepción da evolución centrada nos xenes argumentan que esta permite comprender fenómenos diversos como o altruísmo e o conflito intraxenómico, que doutro modo serían difíciles de explicar.
A mesquita de Córdoba, catedral de Córdoba, ou mesquita-catedral de Córdoba é o monumento máis senlleiro da arte andalusí que se atopa na cidade española de Córdoba. Foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1984. O seu arquitecto é descoñecido, pero sábese que a mesquita foi construída entre o 785 e o 788 baixo o reinado de Abd al-Rahman I. Comezou a construírse como mesquita no ano 785, coa apropiación e reutilización dos materiais da basílica hispanorromana de San Vicente Mártir, que se atopaba no seu lugar, polos conquistadores musulmáns.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O trobadorismo é a primeira manifestación literaria da lingua galega. O seu xurdimento ocorre no século XII. As súas orixes danse na Provenza, de onde se vai espallar por practicamente toda a Europa, por mor da cruzada contra a herexía albixense, que obriga a un éxodo masivo das xentes da Provenza ou Occitania. Malia iso, a lírica medieval galego-portuguesa posúe características propias e unha gran produtividade e número considerábel de autores conservados.