Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Darío Xohán Cabana Yanes, nado en Roás (Cospeito) o 19 de abril de 1952 e finado en Romeán (Lugo) o 17 de novembro de 2021, foi un multipremiado escritor galego. Cultivou varios xéneros (poesía, novela, conto e ensaio) e escribiu tanto para adultos como para nenos. Foi ademais un prestixioso tradutor ao galego de grandes clásicos da literatura italiana de Dante e Petrarca.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego.Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño. A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2022.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.A adición do lévedo provoca a fermentación da masa antes do enfornado, e como consecuencia, proporciónalle volume e esponxosidade debido á produción de pequenas burbullas de dióxido de carbono (CO2) que quedan inmersas entre a masa húmida da fariña.
Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 50/134 o 17 de decembro de 1999, celébrase anualmente cada 25 de novembro, en memoria das irmás Mirabal. A proposta para que se celebrase nesa data realizouna a República Dominicana, co apoio de 80 países.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Lugo
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Lugo. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Afonso X, tamén coñecido como Afonso IX, nado en Toledo o 23 de novembro de 1221 e finado en Sevilla o 4 de abril de 1284, foi rei de Castela e León.Á morte do pai, Fernando III o Santo, retomou a ofensiva contra os musulmáns, e ocupou Xerez (1253), arrasou Salé, o porto de Rabat (1260) e conquistou Cádiz (contra 1262). En 1264 tivo que facer fronte a unha importante revolta dos mudéxares de Murcia e do val do Guadalquivir. Como fillo de Beatriz de Suabia, da casa de Hohenstaufen, aspirou á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico, proxecto ao que dedicou máis da metade do seu reinado sen obter éxito.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 177.841 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Rocío Wanninkhof Hornos, nada o 9 de novembro de 1979, e finada o 9 de outubro de 1999, foi unha moza adolescente española que foi asasinada na súa vila natal, en Mijas, Málaga, localizada no Costa do Sol. En 2001, en medio da presión popular e o circo dos medios de comunicación (definido en ocasións como un "linchamento público" do acusado), un xuízo con xurado condenou a María Dolores "Loli" Vázquez, de 52 anos, polo asasinato, aínda que non existían probas que a relacionasen co crime. Vázquez era a amante separada da nai de Wanninkhof, Alicia Hornos.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Transnistria (nalgúns casos escrito como "Transdniéster", "Transdniestria" ou "Cisdniéster") é un territorio separatista de Moldavia situado principalmente entre o río Dnister e a fronteira oriental da República de Moldavia con Ucraína. Desde a súa declaración de independencia en 1990 e, especialmente despois da Guerra de Transnistria en 1992, é gobernada como a República Moldava Pridnestroviana (RMP), tamén coñecida como "Pridnestrovia"), un Estado non recoñecido que reclama o territorio ao leste do río Dnister, a cidade de Bender e as súas localidades circundantes situadas na beira oeste deste río. A República de Moldavia non recoñece a secesión e considera que os territorios controlados poa RMP son parte da rexión autónoma moldova de Stînga Nistrului (literalmente, "a ribeira esquerda do Dnister"), oficialmente denominada Unidade Territorial Autónoma Transistria, cun status xurídico especial.Tras da disolución da Unión Soviética, as tensións entre o goberno de Moldavia e as autoridades do Estado separatista en Tiráspol culminaron nunha conflito militar que comezou en marzo de 1992 e concluíu por un alto o fogo en xullo de 1992.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Auga seca (serie de televisión)
Auga seca é unha serie de televisión estreada en 2020 pola Televisión de Galicia e a RTP, unha coprodución das dúas cadeas e rodada en galego e portugués. Está prevista a súa emisión en HBO España a partir do 1 de abril de 2020 e tamén en HBO Portugal.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Antonio Fernández Resines é un actor español nado o 7 de agosto de 1954 en Torrelavega, Cantabria (España). Resines é un dos actores españois máis coñecidos e de extensísima filmografía, na que figuran moitas películas de éxito do cine español, ademais de varias series de televisión. Recibiu multitude de premios durante a súa traxectoria.
Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2020 tiña 65.560 habitantes (34.675 mulleres e 30.885 homes), sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia. Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval.
A célula (do latín cellula, que significa 'cuarto pequeno, cela') é a unidade estrutural e funcional mínima con vida, a cal é capaz de realizar tódalas funcións características ou vitais de calquera organismo vivo: a nutrición, a relación co medio que a rodea e a reprodución. Todos os seres vivos existentes posúen, cando menos, unha célula. Estes seres formados por unha soa célula son os chamados organismos unicelulares, mentres que se están constituídos por un conxunto de varias (ata miles de millóns) reciben o nome de organismos pluricelulares.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
LGTB, ou LGBT, é a sigla de lesbianas, gais, transexuais/transxéneros e bisexuais. Aínda que é un termo controvertido, resulta o máis axeitado para integrar as distintas formas da liberdade sexual cós vocábulos, tamén ás veces empregados, homosexual ou lesbigai.O acrónimo LGTB é máis empregado en España[Cómpre referencia], mentres que LGBT é o máis usado en todo o mundo. O acrónimo GLBT é máis usado nos Estados Unidos e en Australia.
Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Un hiato é a concorrencia de dúas vogais sucesivas que pertencen a dúas sílabas diferentes, e que polo tanto non forman ditongo. En galego pode haber hiato nos seguintes casos: Dúas vogais abertas (a, e, o) seguidas: aéreo (a-é-re-o), cacao (ca-ca-o), área (á-re-a), fideo (fi-de-o), táboa (tá-bo-a), adoecer (a-do-e-cer). Unha vogal aberta ou media e unha pechada (i, u) tónica.
A guerra fría foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética.
Dersu Uzala (Дерсу Узала, Dersu Uzala) é o título dun libro escrito polo capitán Vladímir Arséniev no que narra as súas viaxes pola conca do río Ussuri, na parte máis oriental de Rusia. Alí coñeceu a Dersu Uzala (1849-1908), un cazador do pobo nanái, que serviu como guía dun grupo de expedicionarios entre 1902 e 1907, salvándoos de morrer de fame e frío en varias ocasións. Dersu era nómade e animista, e tiña unha relación coa natureza de igual a igual, sen intentar impoñerse como facía a civilización occidental.
As Cantigas de Santa María son un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que no século XIII era a lingua fundamental da lírica culta en Castela. Atópanse repartidas en catro manuscritos, un deles na Biblioteca Nacional en Madrid (códice To, por Toledo), dous en San Lorenzo de El Escorial (códices E e T) e o cuarto en Florencia (códice F). A colección mariana data de entre os anos 1270 e 1283.
Antonio García Teijeiro, nado en Vigo en 1952, é un escritor galego, dedicado principalmente á literatura infantil, e mestre de escola. Recibiu o premio Merlín e o premio Pier Paolo Vergerio. A súa obra figura nas listas da IBBY. En 2017 recibiu o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España pola obra Poemar o mar.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e falecida en Passy, Francia, o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas, e foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela, un, o seu marido Pierre Curie, un, a súa filla Iréne Joliot-Curie, e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.
Miguel Rafael Martos Sánchez, nado en Linares (Xaén) o 5 de maio de 1943, coñecido internacionalmente como Raphael, é un dos cantantes máis relevantes do tardofranquismo e dos comezos democráticos do Estado Español. Malia que cun ritmo menor, a día de hoxe segue en activo e ten grande aceptación nos países de fala hispana.
As correntes de Foucault ou correntes parasitas son correntes inducidas nun condutor cando o fluxo magnético a través dunha mostra razoabelmente grande de material condutor varía. O nome foi dado en homenaxe a Jean Bernard Léon Foucault, que estudou ese efecto. Se o material o permite, féchanse circuítos a través dos cales circulan correntes inducidas seguindo a Lei de Faraday.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.
Un cogomelo ou cogumelo ( pronunciación ) (do latín cucumellum, diminutivo formado sobre cucuma -ae denominación dun recipiente de cociña) é un fungo pluricelular que adoita medrar en lugares húmidos e pouco soleados. Hai moitas especies de cogomelos, con diferentes características e que se dan en diferentes ecosistemas. Habitualmente, encádranse dentro do filo Basidiomicota (Basidiomicetos).
Carlo Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 31 de maio de 1996, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no FC Porto, do Campionato Portugués. É irmán maior dos xemelgos bivitelinos Bruno e Roberto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.