Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Pablo Rivadulla Duró, nado en Lleida no 1988, coñecido artisticamente como Pablo Hasél, é un rapeiro catalán. Empezou utilizando unicamente o nome de Hasél nas súas primeiras pezas, utilizando logo o nome de Pablo Hasél. Nas súas letras, sempre directas e sen eufemismos, trata tres tipos de temáticas onde lle amosa ao público a realidade que percibe mediante feitos, críticas e teoría política comunista: "crítica social e rap antisistema, temas sentimentais e persoais e finalmente, temas nos que se ri de todo", segundo declarou nunha entrevista, aínda que nas súas últimas maquetas trata as dúas primeiras temáticas.
A cegueira é a perda do sentido da vista. A cegueira desde o punto de vista legal é máis complicada de definir e está establecida en Norteamérica e Europa cando a agudeza visual da persoa é de 20/200 (6/60) ou menos no ollo con mellor visión e provisto coa mellor corrección posible. Na práctica significa que un cego debería estar a 2 metros dun obxecto para velo co mesmo grao de claridade co que unha persoa de visión normal o ve desde 20 metros.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 171.474 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Isabel Zendal Gómez, nada na Agrela (Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México), foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de Francisco Xavier Balmis coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende A Coruña a México e dos 26 que foron dende Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar. É considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Xela Arias Castaño, nada en Sarria o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Galicola foi o nome dun refresco de cola feito e distribuído en Galiza pola Asociación Cultural Fontaira dende novembro de 2009, e que destina o 5% das vendas para a promoción e normalización da lingua galega. Por outra banda, segundo os impulsores da iniciativa, tamén se busca: Destacar que a asociación organiza un premio, o premio Angelo Casal, dotado co devantido 5% das vendas e que en 2010 foi concendido á agrupación Mocidade pola Língua para sufragar a súa iniciactiva a prol do galego.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
O entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Tailandia (en tailandés: ประเทศไทย, Prathet Thai) oficialmente Reino de Tailandia (en tailandés: ราชอาณาจักรไทย, Ratcha Anachak Thai; [râːt.tɕʰā ʔāːnāːtɕàk tʰāj] ), antigamente coñecido Siam (en tailandés: สยาม, Sayam), é un país situado no centro da península Indochina no Sueste asiático. Comparte fronteiras ao norte con Myanmar e Laos, ao leste con Laos e Camboxa, ao sur co Golfo de Tailandia e Malaisia, e ao oeste co Mar de Andaman e o extremo meridional birmano. As súas fronteiras marítimas inclúen Vietnam no Golfo de Tailandia ao sueste, e Indonesia e a India no Mar de Andaman ao suroeste.
Eleccións ao Parlamento do País Vasco de 2020
As eleccións ao Parlamento do País Vasco de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma do País Vasco. As eleccións estaban previstas nun principio para celebrárense o 5 de abril de 2020, mais foron adiadas por mor da pandemia de COVID-19. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento de Galicia.
A dos insectos (nome científico Insecta Linnaeus, 1758) son unha clase de animais invertebrados, e o grupo máis grande dentro do filo dos artrópodos, caracterizados por presentar un par de antenas, tres pares de patas e dous pares de ás (que, con todo, poden reducirse ou faltar). A ciencia que estuda os insectos denomínase entomoloxía. O seu nome provén do latín insectum, calco do grego ἔντομα, 'cortado no medio'.Os insectos comprenden o grupo de animais máis diversos da Terra con aproximadamente un millón de especies descritas, máis que todos os demais grupos de animais xuntos, e con estimacións de ata trinta millóns de especies non descritas, co que, potencialmente, representarían máis do 90 % das formas de vida do planeta.
Daft Punk é o nome dun grupo musical, composto polos parisinos Guy-Manuel de Homem-Christo (1974) e Thomas Bangalter (1975). O dúo ten feito unha das contribucións máis significativas de sempre [Cómpre referencia] no ámbito da música electrónica, tanto polo volume de vendas como polo apoio da crítica. O seu sinxelo de debut foi "The New Wave", relanzado en edición limitada en 1994 por Soma Records.
Follas novas é un poemario en lingua galega de Rosalía de Castro, publicado por vez primeira en 1880, editado por La Propaganda Literaria de Alejandro Chao na Habana, Cuba, e impreso en Madrid.Rosalía concibiu nun comezo este poemario como unha continuación de Cantares gallegos: O 50% dos poemas de Follas novas teñen afinidade co texto publicado en 1863,[Cómpre referencia] mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Estamos, xa que logo, ante unha poética que afonda nos sentimentos, na saudade e que ten frecuentemente, por horizonte, a fronteira do propio ser: En todo estás e ti es todo pra min e en min mesma moras, nin me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
A enxeñaría aplica o coñecemento científico e técnico para solucionar problemas prácticos. Os enxeñeiros usan a imaxinación, o xuízo, a razón e a experiencia para aplicar a ciencia e a tecnoloxía á resolución de problemas para a satisfacción das necesidades sociais. O resultado constitúeno o deseño, a produción, e o uso de obxectos útiles ou procesos.
Galicia Hoxe é un xornal dixital galego que, primeiramente en papel, se publicou en Santiago de Compostela editado pola Editorial Compostela, a mesma que edita El Correo Gallego. Foi o primeiro diario en lingua galega, apareceu o 6 de xaneiro de 1994 coa cabeceira O Correo Galego e cunha tirada inicial de 10.000 exemplares, e en maio de 2003 cambiou para o seu nome definitivo. O derradeiro número en papel saíu o 28 de xuño de 2011.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O alfabeto grego é, na historia o primeiro alfabeto utilizado para escribir unha lingua indoeuropea. Non é unha creación ex nihilo pois deriva dos alfabetos empregados na costa de Fenicia, o alfabeto fenicio. Foi o primeiro alfabeto en notar as vogais, unha necesidade para a transcrición dos idiomas indoeuropeos.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Cantares gallegos é un libro de poesía de Rosalía de Castro publicado no ano 1863 en Vigo, na imprenta de Juan Compañel. Resulta o único libro do que Rosalía viu unha segunda edición en vida. Está adicado á escritora Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), "...por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país".
Está claro que as matemáticas sempre estiveron presentes na vida dos seres humanos dende a máis remota antigüidade. A necesidade de contar, medir e rexistrar eses resultados están presentes en multitude de achados arqueolóxicos datados hai miles de anos. Un dos máis famosos é o óso de Ishango, descuberto en 1960 no Lago Eduardo (situado entre a República Democrática do Congo e Uganda).
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Golpe de estado do 23 de febreiro de 1981
O 23F ou 23-F foi un golpe de estado fracasado que se produciu en España o 23 de febreiro de 1981.
María Victoria Casares Pérez, nada na Coruña o 21 de novembro 1922 e finada en Alloue (Charente, Nova Aquitania, Francia) o 22 de novembro de 1996, foi unha actriz galega que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Casares Quiroga, que fora Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña. En Francia era coñecida como Maria Casarès. Foi considerada unha das grandes actrices do teatro e o cinema francés e apareceu en clásicos como Les enfants du paradis, especialmente durante as décadas de 1940 e 1950.
O reino de Galicia na historiografía tradicional española
A primeira referencia historiográfica explícita sobre a existencia do reino de Galicia data do século V, cando o papa León I, nunha epístola sobre a herexía priscilianista, denomina Galliciae Regno o estado creado polo pobo xermánico dos suevos na provincia romana da Gallaecia. Este reino galego altomedieval perdurou, con dimensións e significados cambiantes, desde a época sueva até o século XIX, momento no que nunha reforma administrativa, a tradicional organización en reinos da monarquía hispana foi substituída por unha estrutura provincial centralizada. Malia este dilatado lapso temporal, e a existencia de abondosas alusións documentais, os historiadores españois da idade contemporánea substituíron as referencias ao reino galego da alta e plena idade media polas denominacións de reino de Asturias e reino de León, sendo o territorio da Galicia actual presentado como un espazo subsidiario de escasa importancia.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. Na formación do masculino e feminino o galego distínguese das linguas veciñas por: Son masculinas as seguintes palabras: o sal, o mel, o sinal, o cárcere, o labor, o nariz, o riso, o sangue, o costume, o cume, o leite, o couce, o cuspe, o dote, o fel, o mar, o masacre, o nariz, o sinal, o ubre, o xiz...
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX, membro da xeración Nós e considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Sir Thomas Sean Connery, nado en Edimburgo o 25 de agosto de 1930 e finado en Nassau o 31 de outubro de 2020, foi un actor e produtor de cinema escocés. Foi especialmente coñecido como o primeiro actor en interpretar o personaxe de James Bond nos filmes, protagonizando sete títulos da serie (dende 007 contra o doutor No a Só se vive dúas veces, así como Diamantes para a eternidade e 007: Nunca digas endexamais) entre 1962 e 1983.Connery apareceu en pequenas producións de teatro e televisión antes dos seus filmes como Bond, cuxo éxito o convertería nun actor de sona internacional. Outros filmes nos que apareceu inclúen Marnie (1964), Asasinato no Orient Express (1974), O home que puido reinar (1975), A Bridge Too Far (1977), Highlander (1986), O nome da rosa (1986), Os intocables de Eliot Ness (1988), Indiana Jones e a última cruzada (1989), The Hunt for Red October (1990), Dragonheart (1996), The Rock (1996) e Finding Forrester (2000).
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O paspallás (Coturnix coturnix), tamén coñecido na bibliografía internacional como paspallás común (coas modificacións popias de cada idioma) para diferencialo das outras especies do xénero, e dalgúns xéneros afíns, é unha especie de ave da orde das galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, unha das integran hoxe en día o xénero Coturnix. É unha ave de pequeno tamaño, unha das poucas galiformes que son migratorias, que é moi apreciada gastronomicamente pola súa carne o os seus ovos.
A columna vertebral, raque ou espiña dorsal é unha complexa estrutura osteofibrocartilaxinosa articulada e resistente, en forma de talo lonxitudinal, que constitúe a porción posterior e inferior do esqueleto axial. A columna vertebral é un órgano situado (na súa maior extensión) na parte media e posterior do tronco, e vai dende a cabeza (á cal sostén), pasando polo pescozo e as costas, até a pelve á cal lle dá soporte.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2019 tiña 66.065 habitantes, sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia. Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
A TPBS (tailandés: ส.ส.ท.) é o Servizo Público de Radiodifusión Tailandés (tailandés: องค์การกระจายเสียงและแพร่ภาพสาธารณะแห่งประเทศไทย; RTGS: Ongkan Krachai Siang Lae Phrae Phap Satharana Haeng Prathet Thai) é un servizo público de radiodifusión de Tailandia que opera a canle de televisión Thai PBS (ไทยพีบีเอส). Estableceuse por lei o 15 de xaneiro de 2008 o que lle garante o status de axencia estatal con personalidade xurídica sen ter carácter de axencia gobernamental nin empresa estatal. Thai PBS é sucesora da privada iTV/TITV e comezou a emitir, primeiro co nome de TV Thai, o 1 de febreiro de 2008.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra creado o 22 de setembro de 2016 a partir da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Ten 5.815 habitantes (suma de datos do IGE 2018) e unha superficie de 214,5 km². Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.
A Terra ( pronunciación ) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.Proclamouse en dez ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, catro delas ao aire libre e seis en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior. No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Chámanse xemelgos dous ou máis irmáns que nacen dunha mesma xestación da nai, podendo ser idénticos ou non. Por extensión, os meniños nacidos de partos triplos, cuádruplos ou máis tamén son chamados xemelgos. Malia non existir unha estatística precisa, estímase que un de cada 85 estados de gravidez vai con xemelgos.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e falecida en Passy, Francia, o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas, e foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela, un, o seu marido Pierre Curie, un, a súa filla Iréne Joliot-Curie, e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a faixa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
Salvador Illa Roca, nado en La Roca del Vallès o 5 de maio de 1966, é un político catalán, secretario da organización do Partido dos Socialistas de Cataluña (PSC) dende 2016. Foi alcalde de La Roca del Vallès en dous períodos separados entre 1995 e 2005. Foi ministro de Sanidade de España do 13 de xaneiro de 2020 ao 26 de xaneiro de 2021, durante o segundo goberno de Pedro Sánchez; deixou o cargo para presentarse como candidato do PSC ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021.
Para o xénero de plantas chamadas normalmente toxos ver o artigo Toxo (xénero Ulex). O toxo arnal, tamén chamado simplemente toxo, é un arbusto espiñento da clase das dicotiledóneas (nome científico: Ulex europaeus) e da familia das leguminosas, de flores amarelas moi rechamantes que mide entre 0,5 ata 3 metros segundo a variedade. Os agromos son verdes e as follas son espiñas de entre 1 e 3 cm.
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie o 47,9% do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 204 450 649 (2015), así como en territorio.
A Chousa Nova ou Chousa Nova 1 (hai dous túmulos máis na zona) é un túmulo megalítico situado na parroquia de Abades (Silleda), atopado e escavado durante as obras de construción da liña do AVE entre Ourense-Santiago. A cámara interior do dolmen non fora espoliada, estaba intacta e mantivérase co enxoval funerario. Foi o segundo dolmen atopado intacto no noroeste peninsular.
Andy Warhol, nado o 6 de agosto de 1928 en Pittsburgh, Pensilvania, e finado o 22 de febreiro de 1987 en Nova York, foi un pintor, director cinematográfico e publicista americano, ademais de ser unha das principais figuras do movemento coñecido como arte pop. Logo dunha exitosa carreira como ilustrador comercial, Warhol fíxose famoso en todo o mundo polos seus traballos como pintor, cineasta, produtor musical, escritor e escultor. Foi unha importante figura pública coñecida pola súa pertenza a círculos sociais moi diversos que incluían desde persoas bohemias que vivían na rúa ata distinguidos intelectuais, celebridades de Hollywood, xente adiñeirada e aristócratas.
Cando petan na porta pola noite
Cando petan na porta pola noite é un libro de Xabier P. Docampo. Editouse por vez primeira no ano 1994 e foi reeditado varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente euroasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.As fronteiras de Europa e a súa poboación son obxecto de controversia, xa que o termo continente pode referirse a un ben cultural e político ou a distincións fisiográficas.
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km).
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
A "música dos países islámicos" pode referirse a música relixiosa, como se realiza nos servizos públicos islámicos ou devocións privadas, ou máis xeralmente ás tradicións musicais do mundo musulmán. O corazón clásico do Islam é o Oriente Medio, África do norte, o Corno de África, África occidental, Irán, Asia Central e Asia meridional. Debido a que o Islam é unha relixión multiétnica, a expresión musical dos seus seguidores é moi diversa.
Rexurdimento (do verbo rexurdir formado sobre xurdir que procede do termo latino surgere 'erguer') é o nome co que se coñece o século XIX (ou a segunda metade do mesmo) na historia de Galiza e expresa unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. A publicación en 1863 de Cantares gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento Pleno, e as obras anteriores a esta data acostuman clasificarse como pertencentes aos precursores. A Rosalía hai que engadir a Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e mais Manuel Curros Enríquez como os principais escritores en galego desta época.