Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego. É considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutando aos 15 anos na División de Honra (actual OK Liga) e converténdose con 17 no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Dende 2017 adestra o Deportivo Liceo.
Ione Belarra Urteaga, nada en Pamplona o 25 de setembro de 1987, é unha política e psicóloga vasca, membro do consello cidadán estatal de Podemos e ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030 do Goberno de España. Foi deputada por Navarra das lexislaturas XI, XII, XIII e XIV do Congreso dos Deputados e voceira adxunta do grupo confederal Unidos Podemos-EP-EM no Congreso dos Deputados.
A Eurocopa da UEFA de 2020 será a décimo sexta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo será celebrada por mor do sesenta aniversario da UEFA en varias sedes ao longo de toda Europa. O torneo, disputado en 11 estadios de 11 cidades diferentes, íase disputar do 12 de xuño ó 12 de xullo de 2020, pero por mor da pandemia por coronavirus foi adiada, e disputarase do 11 de xuño ó 11 de xullo de 2021, pero mantendo o nome de UEFA Euro 2020.
Novak Đoković (en alfabeto cirílico Новак Ђоковић, ás veces escrito como Novak Djokovic), nado en Belgrado o 22 de maio de 1987, é un tenista profesional serbio. Actualmente (decembro de 2015) é o número 1 do mundo no ránking da ATP. Campión do Aberto de Australia en 7 ocasións (2008, 2011, 2012, 2013, 2015, 2016 e 2019), gañador do Torneo de Wimbledon en 5 ocasións en 2011, 2014, 2015 2018 e 2019 (finalista en 2013), campión de Roland Garros en 2016, do Aberto dos Estados Unidos en 2011, 2015 e 2018 (finalista en 2007, 2010, 2012, 2013 e 2016), e medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008. Forma parte do Equipo de Copa Davis de Serbia desde 2003, co cal obtivo o triunfo en 2010.
Os Países Baixos (en neerlandés: Nederland) é un dos países constituíntes do Reino dos Países Baixos que abrangue a súa parte europea e os municipios especiais de Bonaire, Saba e San Eustaquio. Localizado no noroeste de Europa, limita ó norte e ó oeste co mar do Norte, ó leste con Alemaña e ó sur con Bélxica. Aínda que Holanda é en orixe o nome de dúas das súas provincias, Holanda Setentrional e Holanda Meridional, nalgunhas linguas como é o caso do galego pasou a ser a forma usual de se referir a todo o país, en holandés pola contra Holland só se usa para se referir a esas dúas provincias.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Macedonia do Norte (en macedonio: Северна Македонија; en albanés: Maqedonia e Veriut), oficialmente República de Macedonia do Norte (en macedonio: Република Северна Македонија), é un país europeo situado na península dos Balcáns, resultante do despezamento da República Federal Socialista de Iugoslavia. Limita ao norte con Serbia, ao leste con Bulgaria, ao sur con Grecia e ao oeste con Albania. A súa capital é Skopje.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 1 do mundo na clasificación ATP. Gañador en 20 ocasións dun torneo de Grand Slam, igualando o récord establecido por Roger Federer. Campión de Roland Garros en 13 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019 e 2020), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Sarxento (sarx. ou Sxto.) é un grao militar intermedio entre as clases de tropa e a oficialidade, que pertence, segundo o país e exército, a estas mesmas clases de tropa ou a unha escala denominada suboficiais. Algúns corpos de policía e forzas de seguridade tamén adoptaron este grao, como cadros de mando intermedio.
O Hockey Club Liceo da Coruña, por motivos de patrocinio Deportivo Liceo, é un club profesional de hóckey a patíns da cidade da Coruña. Foi fundado en 1972 por catro persoas entre as que salienta a figura de Augusto César Lendoiro e na tempada 1979-80 debutou na máxima categoría do hóckey a patíns español, categoría na que compite dende aquela. Trátase dunha icona dentro do hóckey galego, historicamente é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 41 títulos (19 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais).
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Leonardo da Vinci ( Leonardo di ser Piero da Vinci ), nado en Anchiano, Toscana, (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452 e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519, foi un artista florentino destacado polímata en diferentes eidos: pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico icona do Renacemento italiano. Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva, Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu.É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados. Porén, só se coñecen unha vintena das súas obras, debido principalmente aos seus constantes (e ás veces desastrosos) experimentos con novas técnicas e á súa inconstancia crónica.
Emilio Tomás Aragón Álvarez, máis coñecido como Emilio Aragón e ao principio da súa carreira como Milikito, nado na Habana, Cuba o 16 de abril de 1959, é un humorista, actor, músico,presentador, director de cine, guionista, compositor e empresario audiovisual español. Foi o presidente honorífico da cadea de televisión La Sexta. É fillo do famoso pallaso español Emilio Aragón Bermúdez, máis coñecido como Miliki (1929-2012).
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 174.126 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
O Ángeles Alvariño é un buque oceanográfico construído nos Estaleiros Armón Vigo e operado polo Instituto Español de Oceanografía, que foi botado en Vigo o 21 de febreiro de 2011, e que entrou en servizo en setembro de 2012. É o segundo dos dous buques da súa clase; o seu xemelgo, o Ramón Margalef, entrou en servizo en xullo de 2012. Conta con tecnoloxía avanzada para realizar campañas de investigación de xeoloxía mariña, oceanografía física e química, bioloxía mariña, pescarías e control medioambiental, e é es case idéntico ao Ramón Margalef, tamén do IEO. Ambos os buques son idóneos para navegaren no ámbito nacional e mares adxacentes.Recibe o seu nome en honor da oceanógrafa galega María de los Ángeles Alvariño.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Copa de Europa de Balonmán, tamén denominada Liga de Campións (Champions League en inglés) é o nome que recibe a máxima competición de clubs de balonmán a nivel europeo. Está organizada pola EHF (European Handball Federation), e reúne aos mellores equipos das principais ligas do balonmán europeo. A competición celébrase anualmente dende a tempada 1956-57, aínda que ao longo dos anos foi modificado o sistema de competición.
Celso Emilio Ferreiro Míguez, nado en Celanova na rúa Enriba o 4 de xaneiro de 1912 e finado en Vigo o 30 de agosto de 1979, foi un escritor e político galeguista. Máximo expoñente da poesía social en lingua galega, a súa obra Longa noite de pedra é un dos libros chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores. Foille dedicado o Día das Letras Galegas de 1989.
O capitalismo é unha orde ou sistema social e económico que se atopa en constante movemento, derivado do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis. Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo. No capitalismo, os individuos e as empresas usualmente representadas polos mesmos, levan a cabo a produción de bens e servizos de forma privada e interdependiente, dependendo así dun mercado de consumo para a obtención de recursos.
A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325.
A cor na arte é un aspecto moi importante das artes visuais ou plásticas, xunto con outros elementos como a luz, a atmosfera, o fondo e a forma, o formato, a materia, a liña, o punto, a mancha, a textura, o volume, o espazo, o movemento, etc. A cor ten efectos físicos e psicolóxicos comprobados, e diversas funcións, de atribución psicolóxica ou histórica, de connotacións semánticas (ás veces mesmo discrepantes coa realidade física, como é o caso das cores cálidas e frías e a temperatura da cor), de prestixio, etc., e algúns aspectos determinados pola técnica: Por exemplo a cerámica grega só usaba os pigmentos amarelo, vermello, branco e negro; nela as mulleres eran pintadas de branco, e os homes unhas veces de branco e outras de negro. Esa "tetracromía" (ás veces chamada "bicromía" cando se usa o roxo e o negro, ou mesmo cando se usan catro pigmentos, obviando o branco e o negro) na pintura da Grecia Antiga non se correspondía cos mosaicos ou murais, nos que chegaron a empregar azuis e verdes, o mesmo que nas esculturas, que eran polícromas; simplemente esas cores eran as que conseguían fixar na cerámica.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
A Macedonia grega (en grego Μακεδονία e en AFI /maceðo'nia/) é a maior e a segunda máis populosa rexión da Grecia, formando a parte noroeste daquel país, ou todo o norte, unha vez que a Macedonia oriental está xunta coa Tracia, formando a periferia da Macedonia Oriental e Tracia. Esta rexión é preto de metade da histórica rexión dos Balcáns onde, na antigüidade, se localizaba o antigo reino de Macedonia. A outra metade está dividida entre a Macedonia (ARIM) e a Bulgaria.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
O lagarto arnal, ou lagarto ferreño, Timon lepidus (antes Lacerta lepida), é unha especie de réptil orde dos escamosos, suborde dos lacertilios, infraorde dos escincomorfos, familia dos lacértidos e subfamilia dos lacertinos, unha das que na actualidade integran o xénero Timon.É un lagarto endémico da Europa suroccidental. Vive tamén en Galicia, onde é un dos lagartos de maior tamaño, xunto co lagarto das silvas. Pode chegar aos 70 cm ou máis de lonxitude total incluíndo a cola.
As fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997, ademais de ZEC, que abrangue 9.126 hectáreas nas beiras do río Eume. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa, e un dos poucos bosques do seu tipo que quedan no continente. Esténdese polos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña, e nel residen 521 persoas[cando?] dos cinco concellos anteriormente nomeados.
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) é unha orquestra filharmónica con base en Santiago de Compostela. Creada pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, comezou a súa andaina en febreiro de 1996 cun concerto dirixido polo mestre Helmuth Rilling. Dende 2013 o seu director principal é o británico Paul Daniel, mentres que o compostelán Maximino Zumalave e o tamén británico Jonathan Webb ocupan os cargos de director asociado e principal director convidado respectivamente.
Na escala de tempo xeolóxico, o Xurásico é o período da era Mesozoica do eón Fanerozoico que está comprendido entre 199 millóns e 600 mil e 145 millóns e 500 mil anos atrás, aproximadamente. O período Xurásico sucede o período Triásico e precede o período Cretáceo, ambos da súa era. Divídese en Xurásico Inferior, Xurásico Medio e Xurásico Superior, da máis antiga para a máis recente.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A dedaleira ou estraloque (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán. A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do século XVIII. Na medicina a dixitalina viuse obsoleta e no seu lugar é usada a dixitoxina, molécula sintética derivada daquela.
Andrii Mikoláiovich Shevchenko (en ucraíno: Андрій Миколайович Шевченко) (*Dvirkivshchyna, Ucraína, 29 de setembro de 1976), futbolista ucraíno, alcumado Sheva. Debutou no Dinamo de Kiev, co cal xogou ao longo de 5 tempadas, alcanzando as semifinais da Liga de Campións da, 5 títulos de liga, catro copas de liga e individualmente o terceiro lugar na votación do Xogador do Ano en 1999. Tras boas actuacións fichou no AC Milán en xuño de 1999 por 26 millóns de euros, unha cifra récord para un xogador ucraíno.
O Tournoi de Roland-Garros (en galego: "Torneo de Roland Garros") é un evento de tenis que se leva a cabo desde finais de maio ata comezos de xuño en París, Francia e é segundo dos torneos mundiais de Grand Slam. Comezou como un torneo nacional en 1891. En 1925 o "Campionato Francés" abriuse a competidores internacionais, desenvolvéndose nunha superficie de céspede alternativamente entre o Racing Club de France e o Stade Français.
Cando petan na porta pola noite
Cando petan na porta pola noite é un libro de Xabier P. Docampo. Editouse por vez primeira no ano 1994 e foi reeditado varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O divino sainete, subtitulado Poema en oito cantos, é unha obra de Manuel Curros Enríquez aparecida en agosto de 1888. É un longo poema de carácter satírico-burlesco ("ladrade, mordede, ride" indicará Curros referíndose a función dos versos da súa obra). Composto por 512 unidades de versos octosílabos con rima consonante, que parodia unha das obras cume da literatura occidental, A divina comedia de Dante Alighieri.
Martín Ernesto Payero López, nado en San Juan o 9 de setembro de 1977, é un xogador de hóckey a patíns arxentino-angolano que xoga como dianteiro no AA Dominicos da Coruña, da OK Liga Prata, e no Académica de Luanda, da liga angolana. Foi internacional coa selección arxentina, coa que se proclamou subcampión do mundo en 2005 e dende a súa nacionalización en 2013 xoga coa selección de Angola. Disputou un total de seis Campionatos do Mundo entre as dúas seleccións.
O título de Patrimonio da Humanidade (ás veces Patrimonio Mundial) é concedido pola UNESCO, organización das Nacións Unidas para a Cultura, Ciencia e Educación, a sitios específicos do planeta (exemplos: bosques, cordilleiras, lagos, desertos, edificios, complexos ou cidades) que foron nomeados e confirmados para a súa inclusión na lista mantida polo Programa Patrimonio da Humanidade. O programa de clasificación adícase a catalogar e preservar lugares de excepcional importancia cultural ou natural, como patrimonio común da humanidade. Os lugares da lista poden obter fondos do World Heritage Fund baixo determinadas condicións.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O Campionato de Europa de fútbol da UEFA (en inglés: UEFA European Football Championship), máis coñecida como Eurocopa ou simplemente Euro, é a competición de seleccións nacionais de fútbol que organiza a UEFA. Dispútase cada catro anos dende 1960. Hai tamén unha Eurocopa de fútbol feminino que comezou en 1984 e que dende 1997 celébrase tamén cada catro anos.
Friedrich Wilhelm Nietzsche, nado o 15 de outubro de 1844 en Röcken (Lützen, nos arredores de Leipzig, actual Alemaña) e finado o 25 de agosto de 1900 en Weimar, foi un filósofo, poeta, músico e filólogo alemán, considerado un dos pensadores contemporáneos máis influentes do século XIX. Realizou unha crítica polo miúdo da cultura, da relixión e da filosofía occidental, mediante a xenealoxía dos conceptos que as integran, baseada na análise das actitudes morais (positivas e negativas) cara a vida. Este traballo afectou profundamente a xeracións posteriores de teólogos, antropólogos, filósofos, sociólogos, psicólogos, politicólogos, historiadores, poetas, novelistas e dramaturgos. Cavilou sobre as consecuencias do triunfo do secularismo da Ilustración, expresada na súa observación «Deus morreu», dun xeito que determinou a axenda de moitos dos intelectuais con máis sona despois da súa morte.
A sarabia, saraiba, saragana, pedra ou pedrazo, é un tipo de precipitación que consiste en partículas irregulares de xeo. A sarabia xérase en treboadas intensas en que se producen pingas de auga sobrearrefriadas, líquidas pero a temperaturas por debaixo do seu punto normal de fusión (0ºC), e ocorre tanto en verán coma en inverno. Pero dáse máis cando está presente a canícula.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Parque Nacional das Illas Atlánticas
As Illas Atlánticas son o parque nacional galego que abrangue aos arquipélagos das Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora e ás súas aguas, estando todas elas nas Rías Baixas. As illas de Sálvora e Cortegada atópanse na ría de Arousa, as Ons na boca da ría de Pontevedra e as Cíes pechando a ría de Vigo. Todas estas atópanse nos exteriores das rías, agás a illa de Cortegada que está no interior.Este parque declarouse o 1 de xullo do 2002 recibindo o nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza.
Sharon Marie Tate, nada en Dallas (Texas), o 24 de xaneiro de 1943 e finada no barrio de Benedict Canyon, na cidade dos Ánxeles (California), o 9 de agosto de 1969, foi unha actriz e modelo estadounidense. Estivo casada co director de cine Roman Polanski. Estaba embarazada de oito meses e medio cando foi asasinada na súa casa por seguidores de Charles Manson, xunto a catro persoas máis.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
Os ortópteros (Orthoptera) son unha orde de insectos entre os que están os saltóns, grilos, lagostas, wetas, e moitos outros. Existen máis de 27 000 especies de ortópteros e a orde ten distribución mundial. Moitos insectos desta orde son paurometábolos ou con metamorfose incompleta e producen sons (estridulacións) ao fretaren as súas ás unha contra outra ou contra as patas; as ás ou patas teñen ringleiras de saíntes corrugados que orixinan o son.
Entertainment Software Rating Board
Entertainment Software Rating Board (ESRB) é un sistema de clasificación de contido dos videoxogos estadounidense.Foi establecido en 1994 pola Entertainment Software Association (ESA), a anteriormente chamada Interactive Digital Software Association (IDSA). En 2009, asignara 19.130 categorías a xogos enviados por máis de 350 distribuidoras de videoxogos. ESRB realiza de forma independente clasificacións, entregando lineamentos e os principios de privacidade para a industria dos videoxogos.
O Grand Slam de tenis está constituído polos catro torneos maiores do circuíto internacional organizados pola Federación Internacional de Tenis, sendo os seguintes: Aberto de Australia Torneo de Roland Garros Campionato de Wimbledon Aberto dos Estados UnidosEstes catro torneos dispútanse anualmente ao mellor de 5 sets cada partido en categoría masculina, cun cadro de 128 xogadores, a diferenza dos ATP World Tour Masters 1000 que se disputan ao mellor de 3 sets, cun cadro de 94 ou 56 xogadores e á mellor de 3 sets en categoría feminina (tamén cun cadro de 128 xogadoras), sendo os de maior renome entre xogadores e afeccionados ao deporte ao outorgar os maiores premios en efectivo e o maior número de puntos para a clasificación mundial. Ao triunfar un xogador nalgún destes 4 torneos dise que logrou un título de Grand Slam. A expresión provén do xogo do bridge, que logo se aplicou ao tenis por primeira vez en 1933.
Viena (en alemán: Wien ( [viːn] ; en bávaro: Wean)) é unha cidade situada en Europa Central, capital de Austria, ademais dun dos nove Bundesländer ou Estados austríacos. Situada á beira do río Danubio e ao pé dos primeiros ramais dos Alpes é, cunha poboación de arredor de 1,9 millóns habitantes (2,8 millóns coa área metropolitana), a maior cidade e centro político e cultural do país. Rodeada polo estado de Baixa Austria, a súa área metropolitana acada os 2 419 000 habitantes, poboación semellante á que tiña no ano 1914.
A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos.
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador español, integrante do alzamento contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo conservador, católico e anticomunista.
Roberto Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no Deportivo Liceo, da OK Liga. É irmán xemelgo bivitelino de Bruno di Benedetto e irmán menor de Carlo di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.