Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
A Eurocopa da UEFA de 2020 será a décimo sexta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo será celebrada por mor do sesenta aniversario da UEFA en varias sedes ao longo de toda Europa. O torneo, disputado en 11 estadios de 11 cidades diferentes, íase disputar do 12 de xuño ó 12 de xullo de 2020, pero por mor da pandemia por coronavirus foi adiada, e disputarase do 11 de xuño ó 11 de xullo de 2021, pero mantendo o nome de UEFA Euro 2020.
A carpa común (Cyprinus carpio) é unha especie de peixes de auga doce de augas eutróficas que vive en lagos e grandes ríos de Europa e Asia. As poboacións silvestres nativas considéranse vulnerables á extinción pola IUCN, pero a especie foi tamén domesticada e introducida no medio ambiente por todo o mundo, e a miúdo é considerada unha especie invasora destrutiva, e está incluída na lista de 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo. Cyprinus carpio dálle o nome á familia Cyprinidae.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego. É considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutando aos 15 anos na División de Honra (actual OK Liga) e converténdose con 17 no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Dende 2017 adestra o Deportivo Liceo.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Ione Belarra Urteaga, nada en Pamplona o 25 de setembro de 1987, é unha política e psicóloga vasca, membro do consello cidadán estatal de Podemos e ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030 do Goberno de España. Foi deputada por Navarra das lexislaturas XI, XII, XIII e XIV do Congreso dos Deputados e voceira adxunta do grupo confederal Unidos Podemos-EP-EM no Congreso dos Deputados.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Todo sobre Eva (en inglés, All About Eve) é un filme do director Joseph L. Mankiewicz que conta a historia dunha recoñecida mais madura actriz de Broadway, Margo Channing, e a ambiciosa fan Eve Harrington. Protagonizado por Bette Davis e Anne Baxter tamén lle deu a Marilyn Monroe un dos seus primeiros papeis de importancia. Emitiuse en galego na TVG o 5 de maio de 2000.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Eslovaquia ( pronunciación ) (en eslovaco, Slovensko [ˈslovɛnsko] ), oficialmente República Eslovaca ( pronunciación ) (en eslovaco, Slovenská republika [ˈslovɛnskaː ˈrɛpublika] ), é un país do centro de Europa, resultado da división de Checoslovaquia, que orixinou o novo estado e tamén a Chequia. Ten fronteira ó norte con Chequia e Polonia; ó leste con Ucraína; ó sur con Hungría e ó oeste con Austria. A súa capital é Bratislava.
Ion Iliescu (nado o 3 de marzo de 1930 en Oltenita) foi presidente de Romanía dende o ano 2000 ata o 2004, sucedéndoo no cargo Traian Basescu. Iiescu previamente fora presidente de Romanía en dous períodos: 1990-1992 e 1992-1996. A Constitución Romanesa específica que os presidentes só poden ser elixidos por un máximo de dúas lexislaturas.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
A selección de fútbol de España é o equipo formado por xogadores de nacionalidade española que representa á Real Federación Española de Fútbol, o máximo organismo do fútbol en España, nas competicións oficiais organizadas pola FIFA. O equipo é coñecido familiarmente como «La Furia Española», rememorando o Saqueo de Antuerpen, episodio da historia militar española. Tamén é coñecido co pseudónimo «La Furia Roja», acuñado por un xornalista italiano que se referiu a el como «Furia Rossa», ou simplemente como «La Roja».A selección española participou en trece edicións da Copa Mundial de Fútbol e foi a anfitrioa da edición de 1982. O mellor resultado obtido pola selección española neste torneo foi ao proclamarse campioa do mundo, fito alcanzado no Mundial de 2010 realizado en Suráfrica.
Ares é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ferrol. Segundo o IGE o 1 de xaneiro de 2014 tiña 5741 habitantes (2845 homes e 2896 mulleres)(en 2012 5839, 5673 no 2009, 5405 no 2006, 5301 no 2005, 5265 no 2004, 5188 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «aresán».
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.
Naftali Bennett (en hebreo, נפתלי בנט), nado en Haifa o 25 de marzo de 1972, é un empresario e político israelí. É o líder do partido político nacionalista e sionista chamado Nova Dereita (hebreo: הימין החדש, ha-Yamin ha-Hadash) canda a Ayelet Shaked. Grazas a un acordo parlamentario foi nomeado Primeiro Ministro de Israel o 13 de xuño de 2021, en substitución de Benjamin Netanyahu, da formación conservadora Likud, tras unha votación que rematou cun resultado de 60 votos a favor, 59 en contra e 1 abstención.
A cor na arte é un aspecto moi importante das artes visuais ou plásticas, xunto con outros elementos como a luz, a atmosfera, o fondo e a forma, o formato, a materia, a liña, o punto, a mancha, a textura, o volume, o espazo, o movemento, etc.A cor ten efectos físicos e psicolóxicos comprobados, e diversas funcións, de atribución psicolóxica ou histórica, de connotacións semánticas (ás veces mesmo discrepantes coa realidade física, como é o caso das cores cálidas e frías e a temperatura da cor), de prestixio, etc., e algúns aspectos determinados pola técnica: Por exemplo a cerámica grega só usaba os pigmentos amarelo, vermello, branco e negro; nela as mulleres eran pintadas de branco, e os homes unhas veces de branco e outras de negro. Esa "tetracromía" (ás veces chamada "bicromía" cando se usa o vermello e o negro, ou mesmo cando se usan catro pigmentos, obviando o branco e o negro) na pintura da Grecia Antiga non se correspondía cos mosaicos ou murais, nos que chegaron a empregar azuis e verdes, o mesmo que nas esculturas, que eran polícromas; simplemente esas cores eran as que conseguían fixar na cerámica. Porén, as estatuas clásicas que chegaron ás épocas do Renacemento e posteriores eran maiormente as de pedra branca, xa que as de bronce eran refundidas co tempo, e as de madeira perdéronse e só temos referencias delas a través de cadros e de escritos coma o Palladion.A cor na arte, ou en tanto que experiencia estética, é un campo propicio para a transdisciplinariedade e téñense feito aproximacións multidisciplinares desde a historia da arte e a historia en xeral, desde a lingüística, a fisioloxía e neuroloxía, neurobioloxía (ou neurociencia) e neuroestética, etc.
Pablo Sarabia García, nado en Madrid o 11 de maio de 1992, é un futbolista español. Xoga de centrocampista e o seu actual equipo é o Sevilla FC. Ten un gran manexo de balón coa súa perna esquerda. Trátase dun xogador rápido no un contra un, con gran disparo desde diferentes distancias con ambas pernas.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Unha montaña rusa é unha atracción de recreo que consiste nunha construción con carrís que soben e baixan polos que pasan unha especie de coches ou carriños a moita velocidade. Soen aparecer nos parques de atraccións e temáticos modernos, aínda que tamén poden aparecer itinerantes nas festas das vilas. LaMarcus Adna Thompson obtivo a primeira patente sobre a construción de montañas rusas o 20 de xaneiro de 1885, que estaban feitas de madeira, pero a historia destas atraccións é considerabelmente anterior, e posibelmente creadas en Rusia (de aí o nome galego).
Un xogo de mesa é un xogo que se practica xeralmente sobre unha mesa ou un soporte similar e que é xogado por unha ou, máis habitualmente, varias persoas situadas á súa ao redor. Pode requirir dos xogadores o uso do razoamento táctico ou estratéxico, a coordinación, a destreza manual, a memoria, a capacidade dedutiva, a psicoloxía, a destreza negociadora, ou simplemente estar baseado no puro azar.Pola súa natureza, os xogos de mesa non levan en xeral actividade física, aínda que existen algúns que implican levantarse da mesa e realizar actividades fóra desta; neste caso estes serían xogos de mesa pero non limitados á mesma. Os sitios arqueolóxicos de Başur Höyük, preto da cidade turca de Siirt, achegaron pezas de xogo de preto de 5.000 anos de antigüidade.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.
O Festival da Canción de Eurovisión 2021 foi a 65ª edición do festival. Celebrouse en Róterdam, Países Baixos, grazas á vitoria do mesmo país en 2019 coa canción "Arcade" de Duncan Laurence. Estaba previsto que o Festival de Eurovisión 2020 fose celebrado nos Países Baixos, antes de cancelarse dada a pandemia europea de COVID-19.
Leonardo da Vinci ( Leonardo di ser Piero da Vinci ), nado en Anchiano, Toscana, (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452 e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519, foi un artista florentino destacado polímata en diferentes eidos: pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico icona do Renacemento italiano. Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva, Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu.É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados. Porén, só se coñecen unha vintena das súas obras, debido principalmente aos seus constantes (e ás veces desastrosos) experimentos con novas técnicas e á súa inconstancia crónica.
"In God We Trust" é o lema dos Estados Unidos de América, e foi adoptado oficialmente en 1956 para substituír o non oficial E pluribus unum, que fora adoptado cando se creou o Gran Selo dos Estados Unidos en 1782. "In God we trust" apareceu por vez primeira nunha moeda estadounidense en 1864 e nos billetes dende 1957. Algúns secularistas opóñense ó seu uso.É tamén o lema do estado de Florida.
O Brueiro, Rodeiro, Oza-Cesuras
O Brueiro é un lugar da parroquia de Rodeiro no concello coruñés de Oza-Cesuras na comarca de Betanzos. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2010 tiña 49 habitantes (24 homes e 25 mulleres), dous menos ca no ano 2000.
María Uxía Rivas Monroy, nada en Vigo o 2 de novembro de 1958, é unha investigadora académica galega e profesora xubilada da facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Profesora titular no Departamento de lóxica e filosofía moral dende o ano 1994, mais vinculada ao ensino dende 1982. Contribuíu no pensamento filosófico coa súa labor docente, coa publicación de reflexións filosóficas e como responsable en diversas actividades da revista Ágora.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O Hockey Club Liceo da Coruña, por motivos de patrocinio Deportivo Liceo, é un club profesional de hóckey a patíns da cidade da Coruña. Foi fundado en 1972 por catro persoas entre as que salienta a figura de Augusto César Lendoiro e na tempada 1979-80 debutou na máxima categoría do hóckey a patíns español, categoría na que compite dende aquela. Trátase dunha icona dentro do hóckey galego, historicamente é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 41 títulos (19 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais).
O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Ruth Elizabeth "Bette" Davis, nada en Lowell, Massachusetts o 5 de abril de 1908 e finada en Neuilly-sur-Seine, Francia o 6 de outubro de 1989, foi unha actriz de cinema, televisión e teatro estadounidense. Destacada pola súa boa disposición para interpretar personaxes antipáticos, era altamente estimada polas súas actuacións que abarcaban unha ampla gama de xéneros cinematográficos, desde melodramas a filmes históricos e ocasionalmente, comedias, aínda que os seus maiores éxitos ocorreron en dramas románticos. Logo de aparecer en obras de teatro de Broadway, Davis trasladouse a Hollywood en 1930, pero os seus primeiros filmes para Universal Studios tiveron pouca aceptación.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
O Camiño dos Faros (Camino de los Faros (en castelán), The Lighthouse Way (en inglés), Caminho dos Farois (en portugués)) é unha ruta de sendeirismo do noroeste galego na provincia da Coruña. O Camiño dos Faros une Malpica de Bergantiños (lugar de saída) con Fisterra (lugar de chegada) o longo de 200 km dirección suroeste pola beira do mar, que é o seu verdadeiro protagonista, unindo o seu paso faros (faros que dan lugar o seu nome) e lugares de interese da Costa da Morte: praias, bosques, dunas, acantilados ríos ou regos, peiraos pesqueiros, estuarios, fontes de auga, arquitectura etc. Esta ruta adoita dividirse en oito (8) etapas dunhas 9 horas de camiñata a ritmo de paseo cunha media de 26 km por etapa, sendo a máis curta a de Laxe a Arou (Camariñas) (mide 18 km) e a máis longa a que vai desde Camariñas ata Muxia (mide 32,6 km).
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 174.126 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
O Ángeles Alvariño é un buque oceanográfico construído nos Estaleiros Armón Vigo e operado polo Instituto Español de Oceanografía, que foi botado en Vigo o 21 de febreiro de 2011, e que entrou en servizo en setembro de 2012. É o segundo dos dous buques da súa clase; o seu xemelgo, o Ramón Margalef, entrou en servizo en xullo de 2012. Conta con tecnoloxía avanzada para realizar campañas de investigación de xeoloxía mariña, oceanografía física e química, bioloxía mariña, pescarías e control medioambiental, e é es case idéntico ao Ramón Margalef, tamén do IEO. Ambos os buques son idóneos para navegaren no ámbito nacional e mares adxacentes.Recibe o seu nome en honor da oceanógrafa galega María de los Ángeles Alvariño.
Por dominio público enténdese o conxunto de bens e dereitos de titularidade pública non posuídos de xeito privativo. Un exemplo é o consistente no espazo radioeléctrico, as augas terrestres, as continentais etc. Outros ordenamentos xurídicos consideran que o dominio público está formado polos bens de titularidade comunitaria.
O Coliseo, orixinariamente coñecido como Anfiteatro Flavio, ou simplemente como Amphitheatrum, é un anfiteatro da Roma antiga, con total probabilidade o máis famoso do mundo. Podía acoller 50.000 espectadores, sendo usado, principalmente, para espectáculos de loitas de gladiadores. O edificio forma unha elipse de 527 m de perímetro, con eixes que miden 188 m x 156 m.
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega dende 2009. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade coma o escritor galego con máis proxección internacional, a súa obra está traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Ramiro Ledesma Ramos, nado en Alfaraz de Sayago, provincia de Zamora, o 23 de maio de 1905, e finado en Aravaca, provincia de Madrid, o 29 de outubro de 1936, foi un ensaísta, filósofo e político español. Director do semanario La Conquista del Estado, foi unha figura clave na articulación intelectual do fascismo español; en opinión de autores como González Cuevas, foi o "máximo teorizante do fascismo español"Aliado con Onésimo Redondo, ambos fundarían en 1931 as Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS), que se fusionaron en 1934 coa Falanxe Española de José Antonio Primo de Rivera e Julio Ruiz de Alda para dar lugar a Falange Española de las JONS (FE das JONS). Enfrontado con Primo de Rivera, foi expulsado da organización en 1935, volvendo, tras fracasar na reactivación das antigas JONS, para dedicarse á actividade intelectual.
A sarabia, saraiba, saragana, pedra ou pedrazo, é un tipo de precipitación que consiste en partículas irregulares de xeo. A sarabia xérase en treboadas intensas en que se producen pingas de auga sobrearrefriadas, líquidas pero a temperaturas por debaixo do seu punto normal de fusión (0ºC), e ocorre tanto en verán coma en inverno. Pero dáse máis cando está presente a canícula.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Spotlight é un filme dramático estadounidense de 2015, dirixido por Thomas McCarthy e escrito por McCarthy e Josh Singer. O filme gañou dous Oscars, incluíndo mellor guión orixinal e mellor filme de 2015 na 88ª edición dos Oscar celebrada en febreiro do ano 2016. O filme conta a historia de como a unidade de investigación do xornal Boston Globe, chamada "Spotlight" -a máis antiga nos Estados Unidos de América- desenmascarou un escándalo no que a Igrexa Católica de Massachusetts ocultou un incontábel número de abusos sexuais perpetrados por distintos sacerdotes de Boston, e polo que o Globe gañou o Premio Pulitzer ao servizo público de 2003.
Unha árbore senlleira na lexislación galega é unha árbore autóctona ou importada que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, rareza, beleza, significación histórica, cultural ou científica etc.) é considerada reliquia botánica. Coa súa declaración, son obxecto de protección, concédeselle garantía de respecto comunitario e foméntase o seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. A figura de "árbore senlleira" é similar a figuras de protección doutras autonomías españolas e doutros estados europeos.
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Neftalí Ricardo Reyes Basoalto, máis coñecido como Pablo Neruda, nado en Parral (Provincia de Linares, Chile) o 12 de xullo de 1904 e finado en Santiago de Chile o 23 de setembro de 1973, foi un poeta chileno, gañador do Premio Nobel de Literatura no 1971. Tomou o seu pseudónimo do escritor checo Jan Neruda.
A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur. Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Susana Díaz Pacheco, nada en Sevilla o 18 de outubro de 1974, é unha política española pertencente ao Partido Socialista Obreiro Español, actual presidenta da Xunta de Andalucía e secretaria xeral da federación andaluza do PSOE. É licenciada en Dereito pola Universidade de Sevilla.Entre o 7 de maio de 2012 e o 7 de setembro de 2013 foi conselleira de Presidencia e Igualdade da Xunta de Andalucía.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, é unha monarca inglesa. É raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belize, Canadá, Granada, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón e Tuvalu. Tamén é a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.
O capitalismo é unha orde ou sistema social e económico que se atopa en constante movemento, derivado do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis. Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo. No capitalismo, os individuos e as empresas usualmente representadas polos mesmos, levan a cabo a produción de bens e servizos de forma privada e interdependiente, dependendo así dun mercado de consumo para a obtención de recursos.
Hampden Park é un estadio de fútbol da cidade escocesa de Glasgow. É propiedade do Queen's Park FC e xestiónao a Federación Escocesa de Fútbol. O primeiro xoga nel, como local, os seus partidos de liga e copas escocesas, mentres que a selección escocesa de fútbol disputa aquí tamén todos os seus partidos oficiais.
8 Mile é un filme estadounidense de 2002 escrito por Scott Silver e dirixido por Curtis Hanson. Está protagonizado por Eminem no seu debut no cinema, xunto con Mekhi Phifer, Brittany Murphy, Michael Shannon, Anthony Mackie e Kim Basinger. O filme, que contén elementos autobiográficos da vida de Eminem, e conta a historia do rapeiro branco B-Rabbit (Eminem) e o seu intento de lanzar unha carreira no hip hop, un xénero dominado polos músicos afroamericanos.
O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así: É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora-Montenegro (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
Os ortópteros (Orthoptera) son unha orde de insectos entre os que están os saltóns, grilos, lagostas, wetas, e moitos outros. Existen máis de 27 000 especies de ortópteros e a orde ten distribución mundial. Moitos insectos desta orde son paurometábolos ou con metamorfose incompleta e producen sons (estridulacións) ao fretaren as súas ás unha contra outra ou contra as patas; as ás ou patas teñen ringleiras de saíntes corrugados que orixinan o son.