Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Pilar Bardem, nada o 14 de marzo de 1939 en Sevilla, e finada en Madrid o 17 de xullo de 2021, foi unha actriz española cunha grande experiencia interpretativa en tódolos medios. Pertenceu a unha importante saga de actores de España, foi nai do actor Javier Bardem e irmá do desaparecido director Juan Antonio Bardem. Destacou por ser unha muller comprometida que participou activamente en protestas contra a guerra de Iraq en 2003 entre outras.
JavaScript (JS) é unha linguaxe de programación interpretada, é dicir, que non require compilación, utilizada principalmente en páxinas web, cunha sintaxe semellante á da Linguaxe Java e a linguaxe C. Ao contrario que Java, JavaScript non é unha linguaxe orientada a obxectos propiamente, xa que non dispón de herdanza, é máis ben unha linguaxe baseado en prototipos, xa que as novas clases xéranse clonando as clases base (prototipos) e estendendo a súa funcionalidade.Todos os navegadores interpretan o código JavaScript integrado dentro das páxinas web. Para interactuar cunha páxina web provese á linguaxe JavaScript dun desenvolvemento do DOM. O seu uso máis estendido atópase en páxinas web HTML para realizar tarefas e operacións no marco da aplicación unicamente cliente, sen acceso a funcións do servidor.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Un enderezo IP é un número único, tal como un número de teléfono, usado por máquinas (normalmente computadores) para se comunicaren entre si enviando información pola internet ou por redes locais. Converter estes números de forma que un humano comprenda mellor, a forma de enderezos de dominio, tal como www.wikipedia.org, é feito polo DNS. O proceso de conversión é coñecido como resolución de nomes de dominio.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe a Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrilleiro Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
O Tampereen Ilves, ou símplemente Ilves, é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Tampere (Finlandia). Actualmente compite na SM-liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo finlandés, competición da que é un dos equipos fundadores. Xoga os seus partidos como local no Tampereen jäähalli, un pavillón con capacidade para 7.600 espectadores.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Javier Ángel Encinas Bardem, Javier Bardem, nado en Las Palmas de Gran Canaria o 1 de marzo de 1969, é un dos actores españois de cinema máis internacionais. No ano 2000 converteuse no primeiro actor español nomeado a un Oscar polo seu papel en Antes que anochezca e en 2008 no primeiro en gañalo na categoría de mellor actor secundario por Non é un país para vellos.
Sancho II de Castela, tamén coñecido como Sancho III, nado cara a 1037 e finado o 6 de outubro de 1072 en Zamora, foi o primeiro rei de Castela entre 1065 e 1072, rei de Galiza entre 1071 e 1072 e rei de León en 1072. Cando herdou do seu pai Fernando I o reino de Castela, tamén herdou os problemas dos límites territoriais con Navarra, León e Aragón. Unha das súas primeiras medidas foi restaurar a sede episcopal de Oca e trasladar a súa capital a Burgos.
En bioloxía celular, o núcleo (do latín nucleus ou nuculeus) é unha parte das células que se atopa en todas as células eucariotas e contén a maioría do material xenético. O núcleo, en xeral, controla as actividades da célula, e ten dúas funcións primarias: controla as reaccións químicas celulares, na súa maioría citoplasmáticas, e garda a información que se precisa para a división celular.Á parte de conter o xenoma da célula, o núcleo contén certas proteínas que regulan a expresión dos xenes. A expresión xenética ao nivel nuclear envolve complexos procesos de transcrición, o procesamento do pre-ARNm e a exportación do mesmo cara ao citoplasma.O núcleo ten un tamaño medio de 6 micrómetros nos mamíferos; os máis grandes son as de células vexetais, que poden chegar a 25 micrómetros ou máis.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Denomínase como enerxía renovable a aquela enerxía que se obtén de recursos naturais virtualmente inesgotables, unhas pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen (por exemplo a enerxía xeotérmica), e outras por seren capaces de rexenerarse por medios naturais (a enerxía solar ou a eólica). Sendo esta o conxunto de fontes de enerxía que periodicamente se atopan a disposición dos humanos e que estes son capaces de transformar en enerxía útil . Consideramos que se rexeneran, ou se renovan, naturalmente de xeito máis rápido á velocidade que as consumimos.
A nanotecnoloxía é a manipulación da materia a escala nanométrica. A máis temperá e difundida descrición da nanotecnoloxía refírese o obxectivo tecnolóxico particular de manipular en forma precisa os átomos e moléculas para a fabricación de produtos a macroescala, agora tamén referida como nanotecnoloxía molecular. Subsecuentemente unha descrición máis xeneralizada da nanotecnoloxía foi establecida polo National Nanotechnology Initiative, no que define a nanotecnoloxía como a manipulación da materia de polo menos unha dimensión do tamaño de entre 1 a 100 nanómetros.
García II de Galicia tamén coñecido por García de Galiza, ou simplemente Don García, nado en 1042 e finado o 21 de marzo de 1090, foi un monarca galego que reinou entre os anos 1065 e 1071. Fillo de Fernando I e Sancha I, herdou o Reino de Galiza, co condado de Portugal, e a protección e parias das taifas de Badaxoz e Sevilla. Educouse desde 1053 en Galiza co bispo Cresconio de Iria.
Ernesto Guevara, coñecido como Che Guevara ou el Che, nado en Rosario (provincia de Santa Fe, Arxentina) o 14 de xuño de 1928 e finado en La Higuera (Bolivia) o 9 de outubro de 1967, foi un médico, político e revolucionario ademais dun dos líderes da guerrilla na Revolución Cubana, e logo participou nos primeiros anos do novo réxime, en particular sendo ministro de industria. En 1965, logo de denunciar a explotación do terceiro mundo polos dous bloques da guerra fría, desaparece da vida política de Cuba coa intención de espallar a revolución. En primeiro lugar na República do Congo, sen éxito, logo en Bolivia onde foi capturado e executado de forma clandestina polo Exército Boliviano coa colaboración da CIA estadounidense.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
Urraca Fernández, coñecida como Urraca de Zamora, nada en León en 1033 e finada na mesma cidade en 1101, foi unha infanta de León. Filla primoxénita dos reis de Galicia, Fernando I de León e a súa esposa, a raíña Sancha, herdou a praza de Zamora tras o repartimento realizado por seu pai antes de falecer.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Santa Baia do Araño é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Rianxo. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 1.372 habitantes (667 homes e 715 mulleres), distribuídos en 25 entidades de poboación, o que reflicte unha diminución en relación ao ano 2004, cando tiña 1.512 habitantes, e ao ano 1999, cando tiña 1.655 habitantes.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
A síndrome de Asperger é un trastorno xeneralizado do desenvolvemento que forma parte dos trastornos do espectro autista e que implica para quen o padece dificultades significativas na interacción social. O termo utilizouno por vez primeira Lorna Wing en 1981 en honra do pediatra e psiquiatra austríaco Hans Asperger. Recoñecido por primeira vez no Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders na súa cuarta edición de 1994 (DSM-IV) afecta á vida social da persoa, as súas percepcións sensoriais e tamén á súa motricidade caracterizándose pola dificultade de interacción social, a falta de empatía, a interpretación literal da linguaxe, dificultade cos cambios, repetición de comportamentos estereotipados pero a diferenza do autismo clásico non comporta ningún atraso no desenvolvemento cognitivo ou da linguaxe do individuo.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 174.588 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Juan José Cardenal, máis coñecido como Juanjo Cardenal, é un presentador catalán de televisión. É coñecido por ser a voz en off (o narrador) do popular concurso de TVE2 Saber y Ganar dende 1997 e por ser tamén a voz en off do concurso xa fóra de antena Si lo sé no vengo, presentados ambos os dous por Jordi Hurtado.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Comunidade dos Países de Língua Portuguesa
A Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) é unha organización internacional formada por países lusófonos, cuxo obxectivo é o "profundización da amizade mutua e da cooperación entre os seus membros".De acordo co Ministerio de Relacións Exteriores do Brasil, a poboación dos seus países membros suma aproximadamente 270 millóns de persoas. A organización promove a data do 5 de maio como Día da Cultura Lusófona, celebrado en todo o espazo lusófono, e os Xogos da CPLP, evento deportivo que reúne tódolos membros da organización. A súa sede atópase en Lisboa.
Fidel Alejandro Castro Ruz ( son), nado en Birán o 13 de agosto de 1926 e finado na Habana o 25 de novembro de 2016, foi un avogado e revolucionario comunista cubano, con orixe galega, que gobernou Cuba como primeiro ministro de 1959 a 1976 e logo como presidente de 1976 a 2008. Nacionalista e marxista-leninista, exerceu como Primeiro Secretario do Partido Comunista de Cuba dende 1965 a 2011. Baixo o seu mandato, o país transformouse nun país socialista, con gran parte da industria e da economía nacionalizadas.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño. Trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais. A larva deste insecto pasa dun a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, e razón tamén de que non sexa común en terreos urbanos.
Lista de episodios de O detective Conan
Esta é unha lista dos episodios de O detective Conan emitidos ata o de agora na Televisión de Galicia. No Xapón xa se produciron máis de 900 episodios. A serie emitiuse na TVG durante os anos 2006 e 2008, que estreou novos episodios diarios con certos paróns de descanso e chegou ata os 300 dobrados.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como República Islámica de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Afonso VI, nado contra 1040, e finado entre o 29 de xuño e o 1 de xullo de 1109, foi un nobre do Reino de León. Era fillo de Fernando I de Castela, o Magno, (1035-1065) e de Sancha I de Galicia, e foi rei de León desde o 27 de decembro de 1065, e de Galicia e de Castela a partir do 6 de outubro de 1072.Así, a partir de 1072 intitulouse rex Adefonsus in Castella et in Legione et in Gallecia (rei Afonso en Castela, en León e en Galicia) ou simplemente en tota Gallecie (toda Galicia). Despois da conquista de Toledo en 1085 autoproclamouse Victoriosissimo rege in Toleto, et in Hispania et Gallecia (Vitoriosísmo rei de Toledo, e de Hispania e Galicia).
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Sancha I de Galicia, nada en 1013 e finada en León o 7 de novembro de 1067, foi unha nobre medieval galega, raíña de Galicia desde o ano 1037. Filla do rei de Galicia Afonso V e da súa esposa, a raíña Elvira Méndez, foi infanta e raíña de toda a Galicia altomedieval, converténdose o seu marido, o conde de Castela Fernando I, en rei consorte pero con poder efectivo á morte de Vermudo III, irmán da raíña Sancha, que perdeu a vida na batalla de Tamarón.
Sanxenxo é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE, en 2018 contaba con 17.212 habitantes (8.487 mulleres e 8.725 homes), cifra que segundo o concello se multiplica por seis en época estival. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é sanxenxino ou sanxenxeiro e, popularmente, lilaino, -a .
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
O abruño ou ameixa brava é o froito do abruñeiro, é unha baga pequena, do tamaño dunha bóla, de cor azul negra, o seu sabor é acedo nas variedades de abruñeiro bravo e doce nos abruñeiros cultivados. Utilízase para a elaboración de marmeladas e bebidas coma o pacharán. O cerollo é un abruño de sabor doce.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O Xogo dos Bolos, Rianxo, Rianxo
O Xogo dos Bolos é un lugar da parroquia de Rianxo no concello coruñés de Rianxo, na comarca da Barbanza. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 51 habitantes (25 homes e 26 mulleres).
O barallete é a xerga utilizada polos afiadores do concello ourensán de Nogueira de Ramuín para se comunicar entre eles. A finalidade da fala era a de evitar a comprensión por parte das persoas que non pertencesen ao gremio. Esta xerga tamén era utilizada por músicos e por outros profesionais ambulantes, como follateiros ou paraugueiros ourensáns.
Ames é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago. Segundo o IGE, o 1 de xaneiro de 2018 tiña 31.278 habitantes (15.015 homes e 16.263 mulleres) (en 2012 29.331 habitantes, 27.900 no 2010, 24.553 no 2007, 23.219 no 2006, 22.228 no 2005, 20.840 no 2004).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «amesán».
Muros é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Muros. Está situado no extremo norte da ría de Muros e Noia, a máis setentrional das rías Baixas. Segundo o IGE no 2014 tiña unha poboación de 9.117 habitantes (9.787 no 2009, 9.999 no 2006, 9.995 no 2005, 10.050 no 2004, 10.095 en 2003).
O Ano Santo Xacobeo, tamén chamado Ano Santo Compostelán, é unha celebración católica que ten lugar en Santiago de Compostela os anos que o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, cae en domingo. Isto acontece cunha regularidade de 28 anos de 6-5-6-11 anos, o que supón que en cada século haxa catorce Xacobeos.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2021 será a 72ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Equipos e pilotos competirán polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores. Pilotos e equipos competirán polos títulos de Campión do Mundo de Pilotos e Campión do Mundo de Construtores respectivamente.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.