Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Juan José Cardenal, máis coñecido como Juanjo Cardenal, é un presentador catalán de televisión. É coñecido por ser a voz en off (o narrador) do popular concurso de TVE2 Saber y Ganar dende 1997 e por ser tamén a voz en off do concurso xa fóra de antena Si lo sé no vengo, presentados ambos os dous por Jordi Hurtado.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto e medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.Proclamouse en once ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, cinco delas ao aire libre e seis en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior. No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m.
A aprendizaxe automática (en inglés: machine learning) é un subcampo da enxeñaría e da ciencia da computación que evolucionou do estudo de recoñecemento de padróns e da teoría da aprendizaxe computacional en intelixencia artificial. En 1959, Arthur Samuel definiu a aprendizaxe de máquina como o "campo de estudo que da aos computadores a habilidade de aprender sen seren explicitamente programados". A aprendizaxe automática explora o estudo e construción de algoritmos que poden aprender dos seus erros e facer previsións sobre datos.
Axente de transferencia de xenes
Os axentes de transferencia de xenes ou ATX (ou, en inglés, GTA, de gene transfer agent, sigla que se utilizará neste artigo) son partículas similares a virus que conteñen ADN producidas por algunhas bacterias e arqueas que interveñen na transferencia horizontal de xenes. En varias liñaxes de bacterias e arqueas orixináronse distintos tipos destes axentes de transferencia de xenes de forma independente a partir de virus. Estes procariotas producen partículas de axentes de transferencia de xenes que conteñen segmentos curtos do ADN presente na célula.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
Escalada nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020
A escalada nos Xogos Olímpicos de 2020 foi un evento organizado nos Xogos Olímpicos de Verán de 2020 en Toquio, Xapón (postergados ao 2021 debido á pandemia de COVID-19). Celebráronse dous eventos, un para homes e outro para mulleres. O formato constou de tres disciplinas: escalada de dificultade (ou lead), escalada de velocidade e bouldering (ou escalada en bloque).
David Cal Figueroa, nado o 10 de outubro de 1982 en Vilariño (Cangas), é un piragüista galego, especialista nas categorías C1-1000 metros e C1-500 metros e medallista olímpico en cinco ocasións. Converteuse no deportista español con máis medallas olímpicas ó acadar nos Xogos Olímpicos de 2012 a súa quinta medalla, a medalla de prata en C1 1000 metros.
Almudena Cid Tostado, nada en Vitoria o 15 de xuño de 1980, é unha ex-ximnasta española que competiu na disciplina de ximnasia rítmica e que participou en catro Olimpíadas (1996-2008), sendo a única ximnasta rítmica no mundo que disputou catro finais olímpicas. Abandonou o deporte profesional o 23 de agosto de 2008.
Columbieḷḷo é unha parroquia do concello asturiano de Ḷḷena. Atópase na parte noroccidental do concello e linda ao norte coa parroquia de La Pola, ao oeste coa de Castieḷḷo, ao sur coa de Felgueras e ao leste co concello de Ayer. Ten unha extensión de 7,88 km² e atópase na beira dereita do río Ḷḷena.
A seguinte é unha lista de bivalvos de Galicia. Está baseada na información recollida dos traballos feitos polo experto galego en malacoloxía Emilio Rolán.Este grupo conten arredor de 30.000 especies vivas das cales máis de 200 foron atopadas con maior ou menor abundancia nas costas galegas. A taxonomía da fauna malacolóxica está sometida a bastantes cambios debido ás novas achegas de información científica, polo que precisa de revisións periódicas para poder engadir os novos datos obtidos.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe a Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrilleiro Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Oceanía ( pronunciación ) é un continente da Terra, situado no océano Pacífico, constituído por Australasia, Melanesia, Micronesia e Polinesia. Oceanía ten unha superficie terrestre de 8 525 989 km2 e unha poboación de 43 275 869 (dato actualizado ao 6 de agosto de 2021).Limita ó oeste con Asia (Xapón, Filipinas, Indonesia), ó leste con América, ó norte con Asia (Siberia) e América (Alasca), e ó sur coa Antártida.
Katharine Teresa Gun (Harwood, apelidada de solteira), nada en 1974 é unha tradutora británica que traballou para o GCHQ, Government Communications Headquarters (en galego, o Cuartel Xeral de Comunicacións do Goberno). En 2003, filtrou unha información secreta ao xornal The Observer, na que Estados Unidos pedía ao goberno británico axuda mediante información comprometedora sobre diplomáticos de varios estados membros do Consello de Seguidade da ONU, que debían votar unha nova resolución promovida por Estados Unidos na que se pretendía conseguir o permiso para a invasión de Iraq en 2003.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Un material refractario é un material que ten unha forte resistencia a un factor (físico, químico, biolóxico) susceptíbel de degradalo, sendo este a maioría das veces a calor. Non hai unha fronteira clara entre os materiais refractarios e os que non o son, pero unha das características habituais dun material para consideralo refractario é que soporte temperaturas de máis de 1600 °C mantendo a súa resistencia e estrutura. Por exemplo, un forno de leña pode estar feito de ladrillos refractarios.
Santiago de Morgadáns é unha parroquia que se localiza no concello de Gondomar na comarca de Vigo. Segundo o padrón municipal de 2008 tiña 1.255 habitantes (624 homes e 631 mulleres), distribuídos en 21 entidades de poboación, o que supón un aumento progresivo en relación aos anos 2004, cando tiña 1.229 habitantes, e 1999, con 1.160. Durante o antigo réxime formou un morgadío xunto ás parroquias de Chenlo (O Porriño) e Pazos de Reis (Tui).
Kata (en xaponés: 型 o 形; literalmente: "forma") é unha palabra xaponesa que describe unha serie ou secuencia de movementos preestablecidos que se poden practicar normalmente só, pero tamén en parellas. Practicase Kata nas escolas tradicionais de arte xaponesa, como por exemplo Kata ou "formas teatrais" en kabuki e en escolas da "Ceremonia do Té" (chadō), pero normalmente kata acostuma asociarse coas Artes Marciais. A kata úsase na maioría das artes marciais do Xapón e Okinawa, tales como aikido, iaido, jodo, judo, jujutsu, kendo e karate.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Cristina Ortiz Rodríguez, nada o 19 de marzo de 1964 en Adra e finada o 9 de novembro de 2016 en Madrid, máis coñecida polo alcume de La Veneno ("A Veleno"), foi unha vedete, cantante e colaboradora de televisión española, famosa por intervir nos programas de entrevistas nocturnos Esta noche cruzamos el Mississippi e La sonrisa del pelícano, emitidos en España entre 1996 e 1997, ámbolos dous programas presentados polo xornalista Pepe Navarro. La Veneno foi unhas das primeiras mulleres transxénero en visibilizar a realidade do colectivo transxénero, e é recoñecida como unha das iconas LGBT máis atrevidas de España.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
A síndrome do aceite tóxico, tamén chamada síndrome tóxica ou intoxicación por aceite de colza desnaturalizado, foi unha intoxicación alimentaria masiva que se produciu en España en maio de 1981 por consumo de aceite de colza de uso industrial, adulterado fraudulentamente para desvialo ó consumo humano. A día de hoxe (2011) aínda non se sabe a causa exacta da intoxicación, a substancia tóxica responsable da enfermidade, aínda que os datos epidemiolóxicos poñen en evidencia que foi vehiculada co aceite. Afectou máis de 20.000 persoas, das que moitos aínda sofren secuelas, e causou a morte de entre 1.000 e 5.000 enfermos, segundo as fontes.
Valentino Rossi, nado en Urbino o 16 de febreiro de 1979, é un piloto italiano de motociclismo que gañou nove títulos mundiais en diferentes categorías do Mundial de Motociclismo (125 cc, 250 cc, 500 cc, e MotoGP de 990 e 800 cc). Foi o único motociclista da historia en logralo. É coñecido polos alcumes que se deu a si mesmo en diferentes momentos da su carreira: "The Doctor" (O Doutor), Valentinik e Rossifumi.
Torneo feminino de fútbol nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020
O torneo de fútbol feminino nos Xogos Olímpicos de 2020 celebrouse do 21 de xullo ao 6 de agosto de 2021. Orixinalmente, ía ter lugar do 22 de xullo ao 7 de agosto de 2020 pero os os Xogos Olímpicos de 2020 pospuxéronse ao ano seguinte debido á pandemia de COVID-19. Con todo, o nome oficial dos xogos continuou a ser os Xogos Olímpicos de Toquio 2020.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Os glíridos (Gliridae ou Myoxidae) son unha familia de roedores esciuromorfos coñecidos popularmente como lirios ou leiróns (nomes que tamén recibe Arvicola sapidus, que é doutra familia), que se poden encontrar en Eurasia e África. Son roedores pequenos de 18 a 26 cm, incluíndo o rabo, de aspecto similar ao rato, de pelaxe gris escura ou castaña no lombo e branca na parte baixa. Son coñecidos especialmente polos seus longos períodos de hibernación.
As Trece Rosas é o nome colectivo dado a un grupo de trece novas, a metade delas membros das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), fusiladas en Madrid o 5 de agosto de 1939, catro meses despois de finalizar a guerra civil española. O 3 de agosto de 1939, a sentenza do fiscal do Consello Permanente de Guerra atopou as Trece Rosas como «responsables dun delito de adhesión á rebelión».As idades das vítimas estaban entre os dezaoito e os vinte e nove anos. En realidade, as mulleres fusiladas foron catorce, porque habería que incluír Antonia Torre Yela, executada o 19 de febreiro de 1940.
O FC Zenit San Petersburgo é un club profesional de fútbol da cidade de San Petersburgo en Rusia. O equipo foi fundado en 1925, e compite na Liga Premier de Rusia, torneo que gañou en 2007, 2010 e 2011/12. En 2008 o Zenit xogou a final da Copa da UEFA fronte ó Rangers FC, vencendo por 2-0, e acadando deste xeito o seu primeiro título europeo.
Distinción de Graduado con Excelencia
A distinción de “Graduado con Excelencia”, mención de “Graduado con Excelencia” ou mención de Excelencia (no Grao) é unha distinción menor concedida pola Universidade do País Vasco a algúns alumnos en cada estudo de Grao universitario.A diferenza do Premio Extraordinario de Fin de Carrera, trátase dunha distinción menor que non se outorga en función da nota media do expediente académico, senón cumprindo outros requisitos académicos universitarios. Nunha promoción de 100 alumnos pode haber 7 ou 8 mencións de “Graduado con Excelencia”. As condicións para a obtención desta distinción menor son: Finalizar o Grao universitario (na súa totalidade).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Amazon.com, Inc., cuxo nome comercial é Amazon, é unha compañía estadounidense de comercio electrónico e servizos de computación na nube, establecida en Seattle, Washington. Foi unha das primeiras grandes compañías en vender bens a través de Internet. É tamén propietaria de Alexa Internet, a9.com, Shopbop, Internet Movie Database (IMDb), Zappos.com, DPreview.com e Twitch.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 174.908 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Os Xogos Olímpicos de 2020 (en xaponés: 2020年夏季オリンピック; Nisen Nijū-nen Kaki Orinpikku), chamados oficialmente Xogos da XXXII Olimpíada (en xaponés: 第三十二回オリンピック競技大会; Dai Sanjūni-kai Orinpikku Kyōgi Taikai), son un evento deportivo internacional celebrado dende o 23 de xullo de 2021 até o 8 de agosto de 2021 en Toquio, no Xapón, se ben algúns eventos preliminares tiveron lugar antes da cerimonia de apertura, os días 21 e 22 de xullo. Toquio foi escollida como cidade sede dos Xogos durante a 125ª sesión do COI celebrada en Buenos Aires, na Arxentina, o 7 de setembro de 2013. Orixinalmente previstos para se celebrar entre o 24 de xullo e o 9 de agosto de 2020, o evento foi adiado en marzo de 2020 por mor da pandemia de COVID-19, e celebrarase sen a presenza de espectadores presenciais e baixo estado de alarma.
O Kunsthistorisches Museum (Museo de Historia da Arte) de Viena (Austria) é un dos primeiros museos de belas artes e artes decorativas do mundo. O termo Kunsthistorisches Museum aplícase tanto á institución como ao seu edificio principal. Inaugurouse en 1891 ao mesmo tempo que o Naturhistorisches Museum polo emperador Francisco Xosé I de Austria-Hungría.
Justin Randall Timberlake, nado o 31 de xaneiro de 1981 en Memphis, Tennessee, é un actor, cantante, compositor, bailarín e empresario estadounidense. É un dos artistas musicais con maior número de vendas a nivel mundial, con arredor de 88 millóns de copias en todo o mundo. Timberlake foi candidato a numerosos premios e recoñecementos, entre os que se inclúen dez Premios Grammy, catro Premios Emmy, tres Brit Awards e nove Billboard Music Awards.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O Pazo Baión é unha propiedade rústica situada na parroquia de Baión (Vilanova de Arousa), dedicada á produción de viño albariño. O recinto componse de plantacións desta variedade de uva, o pazo que lle dá nome á propiedade, un edificio adicado ás tarefas agropecuarias e un almacén, todos eles de pedra. Pazo Baión acadou gran sona por ser a propiedade emblemática do narcotraficante Laureano Oubiña, sendo tamén un símbolo da loita contra o narcotráfico.
Elvira de León, raíña de Sicilia
Elvira Alfónsez, infanta de León, nada en setembro de 1103 en Toledo, e finada o 6 de febreiro de 1135, foi a primeira raíña consorte de Sicilia, polo seu matrimonio con Roxerio II.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a faixa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987, é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo. Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga..
Official Secrets (en galego: Segredos oficiais) é un filme británico-americano de 2019, con forma de docudrama, baseado na historia real de Katharine Gun, unha traductora que traballaba nunha unidade de vixilancia de comunicacións, GCHQ (Government Communications Headquarters; en galego, Cuartel Xeral de Comunicacións do Goberno), en Cheltenham, para o servizo de seguridade británico. Ela filtrou á prensa un memorando secreto expoñendo unha operación de espionaxe ilegal na que unha axencia estatal de Estados Unidos, a NSA, pedía a colaboración do goberno británico, a través do GCHQ, para conseguir información coa que poder comprometer ou influír a diplomáticos de varios países das Nacións Unidas para que apoiasen a postura estadounidense a prol da guerra e invasión de Iraq, durante unha votación dunha resolución en 2003.O filme foi dirixido por Gavin Hood, e a protagonista, Katharine Gun, foi representada por Keira Knightley. Tamén participaron na película, Matt Smith, Matthew Goode, Adam Bakri, Indira Varma, e Ralph Fiennes.
María Teresa Portela Rivas, nada en Aldán (Cangas) o 5 de maio de 1982, é unha piragüista galega, que compite na modalidade de augas tranquilas. Coas súas 15 medallas no Campionato Mundial, 17 no Europeo e seis participacións olímpicas, cunha medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, é unha das figuras máis importantes deste deporte a nivel internacional.
Jeremy Lee Renner, nado en Modesto (California) o 7 de xaneiro de 1971, é un actor e músico estadounidense. Renner apareceu en numerosos filmes ó longo da década de 2000, sobre todo en papeis secundarios. O recoñecemento internacional chegoulle con filmes como Dahmer (2002), S.W.A.T. (2003), Neo Ned (2005), 28 Weeks Later (2007) e foi nomeado ao Oscar ó mellor actor polo seu papel protagonista no filme En terra hostil (2009).
A Internet Movie Database (IMDb) (en galego: Base de Datos de Películas en Internet) é unha base de datos en liña con información sobre directores, produtores, actores, películas, programas de televisión, videoxogos e case todo o relacionado coa industria fílmica privada e independente. Propiedade de Amazon desde 1998, IMDb celebrou o seu décimo quinto aniversario o 17 de outubro de 2005.
Cabezón é unha parroquia do concello asturiano de Ḷḷena. Atópase na parte centroriental do concello e linda ao noroeste coa parroquia de Las Puentes, ao norleste coa de Parana, ao sur coa de Payares e ao leste e o sueste coa provincia de León. Ten unha extensión de 12,11 km² e unha poboación de 26 habitantes segundo datos do INE de 2010, repartidos nos seguintes núcleos de poboación: Cabezón, La Muela, Naveo, La Romía Baxo e La Romía Riba.
Lista de medallistas olímpicos galegos
Estes son os deportistas galegos que gañaron unha medalla nos Xogos Olímpicos de Verán. Os primeiros medallistas olímpico galegos foron Luis Otero Sánchez e Moncho Gil, que gañaron a medalla de prata coa selección de fútbol de España nos Xogos Olímpicos de 1920 en Antuerpen. José Pedro Cea foi o primeiro galego en gañar unha medalla de ouro, a cal conseguiu coa selección de fútbol do Uruguai nos Xogos Olímpicos de 1924 en París.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A lingua intereslava (medžuslovjansky jezyk, en cirílico меджусловјанскы језык) é unha lingua auxiliar zonal creada a partir das linguas eslavas. O proxecto ten como obxectivo servir como medio de comunicación entre os países eslavos, así como facilitar a comunicación cos eslavos para as persoas que non saben unha lingua eslava. É o resultado da síntese en 2011 de tres proxectos lingüísticos, a saber: o slovianski, creado polo lingüista holandés Jan van Steenbergen en 2006, o slovioski, unha versión mellorada de slovio creada por Steeven Radzikowski en 2009, o novoslověnsky, unha modernización do antigo eslavo eclesiástico, deseñada por Vojtěch Merunka en 2009.En agosto de 2021, a comunidade da lingua en Facebook tiña máis de 14.300 membros.A lingua intereslava tamén se fala na película checa O paxaro pintado.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
Lista de estacións de tren de Galicia
Esta é unha lista das estacións e apeadoiros de tren de Adif en Galicia.
O Xapón (en xaponés: 日本 Nihon ou Nippon; oficialmente 日本国, Nihon-koku Nippon-koku, literalmente: "Estado do Xapón") é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo leste polo océano Pacífico e polo oeste polo mar do Xapón, ao oeste está a China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan 'sol orixe', polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente".
Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020
A representación de Galicia nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 está composta por 21 deportistas integrados no equipo olímpico español, 12 homes e 9 mulleres. É a representación máis numerosa da historia do deporte olímpico galego, e son 7 deportistas máis dos que participaron nos Xogos Olímpicos de 2016.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente milita no Juventus FC da Serie A italiana. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
Karate (en xaponés: 空手), ou karatedo (空手道), é unha arte marcial xaponesa e un deporte de combate orixinario de Okinawa, que se desenvolveu con base na arte marcial nativa da rexión baixo as influencias do chuan fa, de orixe chinesa, e das escolas xaponesas tradicionais de arte marcial, chamadas koryu, que practicaban loita desarmada e armada, principalmente con espadas. Neste proceso, cando a influencia xaponesas se tornou preponderante, fóronse incorporando máis características do código de conduta dos samurais, o Budo.A influencia chinesa foi maior nun primeiro estadio de desenvolvemento, cambiando un paradigma primitivo dunha loita simple con agarramento e proxeccións, con máis énfase nos golpes traumáticos, e fíxose sentir nas técnicas dos estilos máis fluídos e pragmáticos da China meridional. Despois, en razón do cambio do escenario xeopolítico, comezou o tempo de predominio das disciplinas de combate do Xapón e, nese período, o máis común era simplificar aínda máis os movementos de orixe do chuan fa, facéndoos máis directos e renunciando a aquilo que non fose útil, como movementos acrobáticos ou que eran executados máis por razóns estéticas.O repertorio de técnicas do karate reúne principalmente golpes contundentes (atemi waza), como patadas, sopapos, xeonlladas etc., executados todos coas mans desarmadas.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2021 será a 72ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Equipos e pilotos competirán polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores. Pilotos e equipos competirán polos títulos de Campión do Mundo de Pilotos e Campión do Mundo de Construtores respectivamente.