Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma. Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de carabuña.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
Catálogo galego de especies ameazadas
O Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA) é un documento creado en 2007 pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, de acordo coa normativa do Consello de Europa e do Reino de España, para regular a protección da flora e da fauna galegas, así como os seus hábitats.Inicialmente figuraban nela 193 especies e subespecies, e en 2011 engadíronse sete máis, dando un total de 200 especies. Entre elas están, por exemplo, o mexillón de río, o cangrexo de río, a pita do monte (xa extinguida en Galicia), ou o oso pardo, ademais de decenas de especies de algas, liques, fentos, brións e plantas superiores, algunhas delas endémicas.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
ABBA foi un grupo sueco de música pop, integrado por Benny Andersson, Anni-Frid «Frida» Lyngstad, Björn Ulvaeus e Agnetha Fältskog. O nome «ABBA» é un acrónimo formado polas primeiras letras do nome de cada membro (Agnetha, Björn, Benny, Anni-Frid). O cuarteto formouse en Estocolmo en 1972, pero só lograron fama internacional ao triunfar no Festival de Eurovisión 1974.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente milita no Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Adiaratou Iglesias Forneiro, nada en Bamaco o 6 de febreiro de 1999, é unha atleta galega radicada en Lugo. Adestra no club Lucus Caixa Rural Galega. En 2019 proclamouse subcampioa do mundo de atletismo paralímpico nas probas de 200 e 100 metros lisos e en 2021 conseguiu o ouro en 100 m nos Xogos Paralímpicos de Toquio.
A fisioterapia é unha disciplina das ciencias da saúde que ofrece unha alternativa terapéutica non farmacolóxica para diagnosticar, previr e tratar síntomas de múltiplas doencias, tanto agudas como crónicas, por medio do exercicio terapéutico mediante a calor, o frío, a luz, a auga, a electricidade e técnicas manuais.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Os organismos anaerobios obrigados son microorganismos que morren en presenza das concentracións de oxíxeno que son normais na atmosfera terrestre (20,95% O2), polo que só poden vivir en ambientes sen oxíxeno ou con moi pouco. A tolerancia ao oxíxeno varía entre as especies, algunhas das cales poden sobrevivir incluso cun 8% de oxíxeno, mentres que outras non son viables en ambientes nos que a concentración do oxíxeno supere o 0,5%.
Unha definición é unha proposición (ou conxunto de proposicións) mediante a cal trata de expor de maneira unívoca e con precisión a comprensión dun concepto ou termo ou dicción ou –se consta de dous ou máis palabras– dunha expresión ou locución. Unha definición é unha descrición dun complexo de estado de cousas ou obxectos, circunstancias ou abstraccións que permanecen unidas por medio dun establecemento da zona de validez. Desde un punto de vista lóxico, unha "definición" ben construída debería ser unha "determinación ou delimitación conceptual do que é esencial nun ente, que non supón necesariamente comprobación empírica.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 175.984 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Montenegro é un apelido moi antigo. Procedente, segundo parece, de Pontevedra, estendeuse por Galicia (casas de Tui, Ponteareas, Moreda, San Pedro de Seixas e outras), e por toda España e as Indias, fundando novas casas solar en Villoslada de Cameros, A Rioxa, Fontiveros, Ávila, Madrid, Torrox e Nerja. Probou a súa nobreza nas Orde de Santiago (1626, 1643, 1661, 1693) e Carlos III (1800), e na Real Compañía de Guardias Marinas (1758).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Tréveris (en alemán, Trier), é unha cidade de Renania-Palatinado, Alemaña, situada ás beiras do río Mosela, a apenas 15 km da fronteira con Luxemburgo. Cidade natal de Karl Marx (5 de maio de 1818), cuxa residencia familiar é hoxe un museo, e Santo Ambrosio de Milán (340), Trier tamén está orgullosa da súa rica herdanza arquitectónica xa que é considerada a cidade máis antiga de Alemaña, e é con certeza a sede episcopal máis antiga de todo o territorio alemán. En 1986 foi declarada cidade patrimonio da humanidade pola UNESCO. Está localizada no estado da Renania-Palatinado.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
A comarca da Coruña é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é A Coruña. Limita ao norte co océano Atlántico, ao sur coa comarca de Ordes, ao leste coa comarca de Betanzos e ao oeste coa comarca de Bergantiños. Abarca unha superficie de 469,78 km², e no 2020 tiña 406.873 habitantes distribuídos en nove concellos: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada.
Amazon.com, Inc., cuxo nome comercial é Amazon, é unha compañía estadounidense de comercio electrónico e servizos de computación na nube, establecida en Seattle, Washington. Foi unha das primeiras grandes compañías en vender bens a través de Internet. É tamén propietaria de Alexa Internet, a9.com, Shopbop, Internet Movie Database (IMDb), Zappos.com, DPreview.com e Twitch.
Raúl Albiol Tortajada, nado en Vilamarxant (Valencia) o 4 de setembro de 1985, é un futbolista español. Xoga de defensa central, aínda que tamén pode facelo de centrocampista defensivo e lateral dereito, e o seu club actual é o SSC Napoli. Tamén xoga na selección de fútbol de España, coa que gañou a Copa Mundial de Fútbol en 2010 e as Eurocopas de 2008 e 2012, un triplete inédito na historia do fútbol.
A oración é a mínima unidade comunicacional, con significado completo. Isto significa que é o fragmento máis pequeno do enunciado que comunica unha idea total, e posúe independencia (é dicir, podería sacarse do contexto e seguir comunicando, non o mesmo, pero algo). As oracións están delimitadas prosodicamente por pausas e graficamente por comas ou puntos.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Unha comunidade é un grupo de persoas que viven en interacción nun lugar común, e no que poden estar presente algúns intereses comúns, crenzas, recursos naturais, preferencias, necesidades, riscos, ou un número doutras condicións que afectan á identidade dos participantes e o seu grao de cohesión. En socioloxía, o concepto de comunidade ten dado orixe a unha significativa debate, e os sociólogos están aínda a chegar a un acordo sobre unha definición do termo. Había noventa e catro acepcións da palabra a mediados dos anos 1950.En ecoloxía, unha comunidade é un grupo de organismos que interatúan entre si e co mesmo hábitat ou ambiente.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Club Baloncesto Rosalía de Castro
O Club Baloncesto Rosalía de Castro ou Beirasar Rosalía por cuestións de patrocinio é un club de baloncesto da cidade de Santiago de Compostela. Xoga na liga EBA do baloncesto español e disputa os seus partidos como local no Pavillón do Instituto Rosalía de Castro da capital galega.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.Os Xogos Olímpicos (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés), ou olimpíadas son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes. Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os xogos da olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha olimpíada, e os Xogos Olímpicos de inverno durante o seu terceiro ano».
A evolución é o cambio nas características herdadas das poboacións biolóxicas co paso das xeracións. Os procesos evolutivos dan lugar a diversidade en todos os niveis biolóxicos de organización, como as especies, os organismos individuais e as moléculas como o ADN e proteínas. Todos os seres vivos da Terra descenden dun antepasado común (LUCA) que viviu hai entre 3 500 e 3 800 millóns de anos.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
A comarca de Ferrol é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e a súa capital é Ferrol. A ela pertencen os concellos de Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño. Limita ao norte e ao este co océano Atlántico, ao leste coa comarca do Ortegal e ao sur coa comarca do Eume.
Os organismos anaerobios aerotolerantes usan a fermentación para producir ATP. Non utilizan o oxíxeno, pero non morren en presenza de oxíxeno, porque poden protexerse das moléculas de oxíxeno reactivas. A diferenza deles, os anaerobios obrigados sofren danos ou a morte en presenza de moléculas de oxíxeno reactivas. Hai tres clases de organismos anaerobios.
Operación Cóndor é o nome co que é coñecido o plan de intelixencia e coordinación entre os servizos de seguridade das ditaduras militares do Cono Sur de América -Arxentina, Chile, Brasil, Paraguai, Uruguai e Bolivia- e a CIA na década de 1970, que se constituiría nunha organización clandestina internacional para a práctica do terrorismo de Estado e que tivo como resultado o asasinato e desaparición de gran número de opositores ás mencionadas ditaduras.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Bokashi (en xaponés: Materia orgánica fermentada) é un fertilizante orgánico sólido, produto dun proceso de fermentación (proceso aeróbico) que acelera a degradación da materia orgánica (animal e vexetal) e tamén eleva a temperatura, permitindo a eliminación de patóxenos (pasteurización). Este proceso é máis acelerado que a compostaxe e permite obter un fertilizante entre 12 e 21 días.Nos seus inicios, os xaponeses preparaban este fertilizante empregando os seus propios excrementos coa finalidade de aplicalos aos seus arrozais. A técnica baséase fundamentalmente na activación dos fermentos agregados e os microorganismos que se atopan nos materiais empregados na preparación do fertilizante.
A olaría é o traballo con arxila cocida co obxecto de elaborar utensilios tal que potas, pratos, vasos, porróns e moitas outras pezas. A olaría é un dos máis antigos inventos da humanidade, orixinada antes do neolítico, con obxectos cerámicos como a Venus de Dolní Věstonice ou os vasos de cerámica descubertos en Jiangxi. A olaría fabrícase formando obxectos de cerámica (a miúdo de arxila) coa forma desexada e quentándoos a altas temperaturas (600-1600 °C) nunha fogueira, pozo ou forno que induce reaccións que levan a cambios permanentes, incluídos o aumento da forza e rixidez do obxecto.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora-Montenegro (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
Os bugallos ou bugallas, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos. A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos. En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores).
Pedro Campos Calvo-Sotelo, nado en Cuntis o 6 de marzo de 1950, é un regatista galego, o máis laureado de España e un dos máis laureados do mundo. Foi 17 veces campión do mundo e 10 veces campión de España en diferentes modalidades de vela, ademais de conquistar ata en 11 ocasións a Copa do Rei de Vela, sendo o regatista con máis títulos desta competición.Desde 1999 é o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e director deportivo do equipo Team Telefónica.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Santuario de Nosa Señora da Peneda
O Santuario de Nosa Señora da Peneda (en portugués: Santuário de Nossa Senhora da Peneda) é un santuario católico que se localiza na freguesía da Gavieira, concello de Arcos de Valdevez, distrito de Viana do Castelo, en Portugal, a camiño da vila de Melgaço, moi preto da raia con Galiza. Atópase mesmo no Parque Nacional da Peneda-Gerês. A Festa da Señora da Peneda é anual, dura unha semana, entre o día 31 de agosto e o oito de setembro; realízase no santuario unha gran romaría popular.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou á maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente a máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Un organismo anaerobio facultativo é un ser vivo que produce ATP por medio da respiración aerobia se no medio está presente o oxíxeno, pero pode cambiar a un metabolismo fermentativo se o oxíxeno está ausente. Por tanto, son organismos cun metabolismo moi versátil, que poden vivr tanto utilizando o oxíxeno coma sen oxíxeno. Algúns exemplos de bacterias anaerobias facultativas son as bacterias Staphylococcus spp., Escherichia coli, Salmonella spp., Listeria spp., Shewanella oneidensis e Yersinia pestis.