Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Nicanor Parra Sandoval, nado en San Fabián de Alico o 5 de setembro de 1914 e finado en Santiago de Chile o 23 de xaneiro de 2018, foi un poeta chileno. A el atribúeselle a antipoesía, unha expresión literaria que rompe cos canons tradicionais da lírica. Unha das súas obras máis recoñecidas é Poemas y Antipoemas, onde substitúe unha sintaxe coidada e metafórica por unha linguaxe cotiá e directa.
A síndrome do aceite tóxico, tamén chamada síndrome tóxica ou intoxicación por aceite de colza desnaturalizado, foi unha intoxicación alimentaria masiva que se produciu en España en maio de 1981 por consumo de aceite de colza de uso industrial, adulterado fraudulentamente para desvialo ó consumo humano. A día de hoxe (2011) aínda non se sabe a causa exacta da intoxicación, a substancia tóxica responsable da enfermidade, aínda que os datos epidemiolóxicos poñen en evidencia que foi vehiculada co aceite. Afectou máis de 20.000 persoas, das que moitos aínda sofren secuelas, e causou a morte de entre 1.000 e 5.000 enfermos, segundo as fontes.
O nacionalismo canario é un movemento político nacionalista que defende a consciencia nacional dos canarios. O concepto inclúe varias tendencias ideolóxicas, que abranguen dende o dereito a autodeterminación (e independencia completa de España) a unha exixencia de maior autonomía dentro de España. Inclúe tamén moitas tendencies políticas e sociais, mais tradicionalmente as organizacións de esquerda son as máis reivindicativas.
A Santa Sé é a expresión con que se alude á posición do papa en canto cabeza suprema da Igrexa católica, en oposición á referencia á Cidade do Vaticano en tanto que Estado soberano, aínda que ambas as realidades están intimamente relacionadas e é un feito que o Vaticano existe como Estado ao servizo da Igrexa.
La casa de papel é unha serie española creada por Álex Pina e producida por Atresmedia en colaboración con Vancouver Media para a súa emisión en Antena 3. Protagonizada por Úrsula Corberó, Itziar Ituño e Álvaro Morte, entre outros, presentouse no III FesTVal de televisión de primavera en Burgos en marzo de 2017. Estreouse o 2 de maio de 2017 e acabou o 23 de novembro do mesmo ano, cun total de 15 capítulos.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A Guinea, oficialmente República da Guinea (en francés: République de Guinée), é un país da África Occidental, limitado a norte pola Guinea-Bissau e polo Senegal, a norte e leste polo Malí, a leste pola Costa do Marfil, a sur pola Liberia e pola Serra Leoa e a oeste polo Océano Atlántico. A súa capital é Conakry.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A fisioterapia é unha disciplina das ciencias da saúde que ofrece unha alternativa terapéutica non farmacolóxica para diagnosticar, previr e tratar síntomas de múltiplas doencias, tanto agudas como crónicas, por medio do exercicio terapéutico mediante a calor, o frío, a luz, a auga, a electricidade e técnicas manuais.
En xeoloxía, as brechas son rochas compostas aproximadamente nun 50 % de fragmentos angulosos de rocha de tamaño superior a 2 milímetros unidos por unha matriz e un cemento natural. Os fragmentos constitutivos dos conglomerados e das brechas son maiores que os dos arenitos, é dicir, maiores de 2 milímetros, pero a brecha distínguese dos conglomerados porque os seus fragmentos constitutivos son angulosos, mentres que nos conglomerados son redondeados (ver pudinga). Poden distinguirse brechas monoxénicas, compostas de elementos da mesma natureza e brechas polixénicas, compostas de elementos de diferente natureza.
O termo vehículo deportivo utilitario (en inglés SUV, de sport utility vehicle) designa a aqueles vehículos semellantes aos vehículos familiares pero cun chasis máis lixeiro e normalmente equipado con tracción ás catro rodas coa pretensión de ser utilizado nalgunha medida como vehículo todo terreo, a súa orixe está nos vehículos militares tales como os jeeps e os Land Rover. Foi un vehículo popular na década de 1990 e 2000 nos Estados Unidos, Canadá e Australia e en menor medida en Europa. Desde aquela declinou polo aumento do prezo do combustible e a crise económica substituído polo crossover que conta ademais cunha mellor eficiencia no consumo de combustible.
Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño
Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño é o segundo volume do álbum Pioneiras de Anair Rodríguez e ilustrado nesta ocasión por Abi Castillo da Editorial Xerais. Neste segundo volume dan a coñecer as biografías de 11 mulleres galegas (fotógrafas, científicas...) que "foron capaces de desviarse do vieiro que a sociedade do momento lles reservaba e faceren grandes contribucións sociais e conquistas de dereitos que legan as novas xeracións".
Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana, así como esposa do muralista Diego Rivera. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena, e polos feministas pola súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Pride & Prejudice (filme de 2005)
Pride & Prejudice é un filme de 2005 dirixido por Joe Wright que está baseado na novela de Jane Austen Orgullo e prexuízo de 1813. O filme conta a historia de cinco irmás dunha familia inglesa da baixa aristocracia que se enfrontan a temas como o matrimonio, a moralidade e os malentendidos. Keira Knightley interpreta o papel principal de Elizabeth Bennet, mentres que Matthew Macfadyen interpreta o seu interese romántico Mr.
O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma. Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de carabuña.
Xeorxia é un país situado no límite entre Asia e Europa localizado na costa do mar Negro, ó sur do Cáucaso, que se independizou da Unión Soviética, tras ser a República Socialista Soviética de Xeorxia. Limita ao norte e ao leste con Rusia, a leste e sur con Acerbaixán, ao sur con Armenia e Turquía, e a oeste có Mar Negro. A súa capital é Tbilisi.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
Os bugallos ou bugallas, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos. A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos. En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores).
Tréveris (en alemán, Trier), é unha cidade de Renania-Palatinado, Alemaña, situada ás beiras do río Mosela, a apenas 15 km da fronteira con Luxemburgo. Cidade natal de Karl Marx (5 de maio de 1818), cuxa residencia familiar é hoxe un museo, e Santo Ambrosio de Milán (340), Trier tamén está orgullosa da súa rica herdanza arquitectónica xa que é considerada a cidade máis antiga de Alemaña, e é con certeza a sede episcopal máis antiga de todo o territorio alemán. En 1986 foi declarada cidade patrimonio da humanidade pola UNESCO. Está localizada no estado da Renania-Palatinado.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
Raúl Albiol Tortajada, nado en Vilamarxant (Valencia) o 4 de setembro de 1985, é un futbolista español. Xoga de defensa central, aínda que tamén pode facelo de centrocampista defensivo e lateral dereito, e o seu club actual é o SSC Napoli. Tamén xoga na selección de fútbol de España, coa que gañou a Copa Mundial de Fútbol en 2010 e as Eurocopas de 2008 e 2012, un triplete inédito na historia do fútbol.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
William Wallace (gaélico medieval: Uilliam Uallas; gaélico escocés: Uilleam Uallas; anglonormando: William le Waleys;) nado en Elerslie en 1272 e finado en Londres o 23 de agosto de 1305, foi un cabaleiro e terratenente escocés. Dedicou a súa vida á defensa da independencia de Escocia, fronte a política expansionista de Eduardo I de Inglaterra, o cal aspiraba a unir os reinos inglés e escocés.
Violeta del Carmen Parra Sandoval, nada en San Carlos de Itihue o 4 de outubro de 1917 e finada en Santiago de Chile o 5 de febreiro de 1967, foi unha cantante, pintora, escultora, bordadora e ceramista chilena, considerada unha das máis importantes representantes da música popular do seu país. Era membro da prolífica familia Parra; irmá, entre outros, do poeta Nicanor. A contribución de Violeta Parra ao quefacer musical e artístico chileno considérase unanimemente de gran valor e transcendencia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Braveheart é unha longametraxe dirixida e protagonizada por Mel Gibson estreada nos cines en 1995. O guión está adaptado do poema épico de Blind Harry The Actes and Deidis of the Illustre and Vallyeant Campioun Schir William Wallace, e foi escrito por Randall Wallace. É un filme que conta a historia do heroe nacional escocés William Wallace e a súa loita contra os ingleses e o seu tiránico rei Eduardo I de Inglaterra na Primeira Guerra de Independencia de Escocia.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como República Islámica de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Santuario de Nosa Señora da Peneda
O Santuario de Nosa Señora da Peneda (en portugués: Santuário de Nossa Senhora da Peneda) é un santuario católico que se localiza na freguesía da Gavieira, concello de Arcos de Valdevez, distrito de Viana do Castelo, en Portugal, a camiño da vila de Melgaço, moi preto da raia con Galiza. Atópase mesmo no Parque Nacional da Peneda-Gerês. A Festa da Señora da Peneda é anual, dura unha semana, entre o día 31 de agosto e o oito de setembro; realízase no santuario unha gran romaría popular.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2021 será a 72ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Equipos e pilotos competirán polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores. Pilotos e equipos competirán polos títulos de Campión do Mundo de Pilotos e Campión do Mundo de Construtores respectivamente.
En bioloxía celular, o núcleo (do latín nucleus ou nuculeus) é unha parte das células que se atopa en todas as células eucariotas e contén a maioría do material xenético. O núcleo, en xeral, controla as actividades da célula, e ten dúas funcións primarias: controla as reaccións químicas celulares, na súa maioría citoplasmáticas, e garda a información que se precisa para a división celular.Á parte de conter o xenoma da célula, o núcleo contén certas proteínas que regulan a expresión dos xenes. A expresión xenética ao nivel nuclear envolve complexos procesos de transcrición, o procesamento do pre-ARNm e a exportación do mesmo cara ao citoplasma.O núcleo ten un tamaño medio de 6 micrómetros nos mamíferos; os máis grandes son as de células vexetais, que poden chegar a 25 micrómetros ou máis.
Esta é unha listaxe de persoas de sona que finaron ao longo de 2014. Primeiro lístanse as personalidades internacionais, e a continuación as personalidades galegas, ordenadas por data de falecemento. A lista recolle, por esta orde, data de falecemento, nome, idade ao falecer, profesión ou motivo de sona, nacionalidade de orixe e causa da morte.
Heath Andrew Ledger, nado en Perth o 4 de abril de 1979 e finado en Nova York o 22 de xaneiro de 2008, foi un actor australiano. Comezou a súa carreira interpretativa en papeis da televisión e do cine australiano durante os anos 1990, e en 1998 Ledger viaxou ós Estados Unidos para desenvolver a súa carreira. O seu traballo está composto por dezanove filmes, incluíndo 10 Things I Hate About You (1999), The Patriot (2000), Destino de cabaleiro (2001), Monster's Ball (2001), Ned Kelly (2003), The Brothers Grimm (2005), Lords of Dogtown (2005), Brokeback Mountain (2005), Casanova (2005), Candy (2006), I'm Not There (2007), O cabaleiro escuro (2008) e The Imaginarium of Doctor Parnassus (2009).
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Un polígono é unha figura plana limitada por unha liña poligonal pechada sen interseccións entre os segmentos que a forman (exceptuando vértices extremos). O polígono será regular se tódolos lados teñen a mesma lonxitude e tódolos ángulos internos son iguais, e será irregular noutro caso. Os polígonos teñen o mesmo número de lados que de ángulos (por omisión, ó falar de ángulos dun polígono acostumamos referirnos só ós ángulos internos, referencia asumida na afirmación anterior).
O Gran Premio dos Países Baixos (neerlandés: Grote Prijs van Nederland) é un evento de carreira automobilística de Fórmula Un celebrada no Circuíto Park Zandvoort, Holanda do Norte , Holanda, de 1950 a 1985 e que se celebrará a partir do Campionato Mundial de Fórmula Un de 2021 en diante. Formou parte do Campionato do Mundo desde 1952 e designouse como Gran Premio de Europa dúas veces, en 1962 e 1976, cando este título era unha designación honoraria outorgada cada ano a unha carreira de Gran Premio en Europa. En 1985 foi a última carreira, xa que a empresa que dirixía o circuíto (CENAV) saíu do negocio, o que marcou o final do Circuíto de Zandvoort.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 176.036 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Pablo Sarabia García, nado en Madrid o 11 de maio de 1992, é un futbolista español. Xoga de centrocampista e o seu actual equipo é o Sevilla FC. Ten un gran manexo de balón coa súa perna esquerda. Trátase dun xogador rápido no un contra un, con gran disparo desde diferentes distancias con ambas pernas.
Frederick Bulsara Mercury, nado como Farrokh Bomi Bulsara en Stone Town, Zanzíbar (actual Tanzania), o 5 de setembro de 1946 e finado en Londres o 24 de novembro de 1991, foi o cantante e líder do grupo británico de rock Queen.Tamén dedicou parte da súa vida a ser compositor e pianista. Como intérprete, foi recoñecido pola súa poderosa voz e extravagante posta en escena. Como compositor, escribiu moitos dos seus éxitos, como "Killer Queen", "Bohemian Rhapsody ", "Somebody to Love", "We Are the Champions", "Don't Stop Me Now", "Crazy Little Thing Called Love".
Mahoma (en árabe: محمّد - Muḥammad) ou Abū al-Qāsim Muḥammad ibn ʿAbd Allāh ibn ʿAbd al-Muṭṭalib ibn Hāshim, nado o 26 de abril do 569/570 na Meca e finado o 8 de xuño do 632 en Medina (ambas as dúas cidades fican na actual Arabia Saudita), foi un líder relixioso, político e militar árabe. Fundou o islam, relixión na que é considerado o maior profeta do Deus de Abraham. Aos 40 anos de idade, segundo a tradición do islamismo, foille confiada por Deus (a través do Arcanxo Gabriel) a mensaxe do islam na forma do Corán.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
A Volta Ciclista a España (castelán: Vuelta Ciclista a España), comunmente chamada Volta a España ou A Volta (castelán: La Vuelta), é unha competición ciclista anual, que se disputa por etapas ó longo de 3 semanas, principalmente por estradas españolas. A primeira edición tivo lugar no ano 1935, sendo Roberto Heras o ciclista máis laureado, con 4 vitorias na clasificación xeral por tempos, seguido de Tony Rominger e Alberto Contador, con 3. A Volta a España xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia, son as únicas carreiras de tres semanas do calendario da UCI, recibindo o sobrenome de "as tres grandes".
O tifón Hagibis é un furacán que se desenvolveu de xeito rápido no océano Pacífico na semana do 30 de setembro de 2019, poñendo destino á illa de Honshu, a principal do Xapón. Despois de medrar rápido en potencia e converterse nun dos maiores observados, cun ollo duns 60 km de largo, espérase a súa chegada á illa na fin de semana.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Este artigo trata sobre a festa valenciana, para o artigo sobre a fractura de dúas rochas véxase Falla.As Fallas (en valenciano: Falles) son unhas festas dunha semana de duración que se celebran durante o mes de marzo, na honra a San Xosé, na cidade de Valencia. Tamén se celebran, inspiradas nas da capital valenciana, noutras localidades da Comunidade Valenciana. Están declaradas Festas de Interese Turístico Internacional, e no ano 2016, a Unesco incluíunas na súa Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
Un río é un accidente xeográfico consistente nun curso natural e permanente de auga doce, que flúe por un leito e que desemboca no mar, nun lago, noutro río, en este caso denomínase afluente. Algunhas veces terminan en zonas desérticas onde as súas augas pérdense por infiltración e evaporación. Cando o río é de pouco caudal recibe o nome de regato A potamoloxía (do grego Ποταμός potamós, río) é o estudo científico das augas fluviais, que abrangue conceptos como os do caudal, leito, conca, curso ou corrente, réxime, dinámica, perfil lonxitudinal e transversal, afluentes, ecoloxía, flora e fauna, recursos hídricos e hidroeléctricos ou navegación entre outros.
Adiaratou Iglesias Forneiro, nada en Bamaco o 6 de febreiro de 1999, é unha atleta galega radicada en Lugo. Adestra no club Lucus Caixa Rural Galega. En 2019 proclamouse subcampioa do mundo de atletismo paralímpico nas probas de 200 e 100 metros lisos e en 2021 conseguiu o ouro en 100 m e a prata en 400 m nos Xogos Paralímpicos de Toquio.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
O río Ebro (en catalán: Ebre) é o río máis caudaloso de España e o segundo da Península Ibérica despois do Douro. É ademais o segundo río máis longo despois do Texo. Discorre na súa totalidade por España, sendo o seu río máis longo, con 910 km, o máis caudaloso e o que ten a maior conca, que chega aos 83 093 km².