Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Marvin Lee Aday, coñecido como Meat Loaf, nado o 27 de setembro de 1947 en Dallas e finado o 20 de xaneiro de 2022 en Nashville, foi un actor e cantante de rock estadounidense. Tamén baixo o nome de Meat Loaf coñeceuse a banda que lideraba e da que era vocalista. Foi coñecido polo seu álbum Bat out of Hell e por moitas cancións pertencentes a bandas sonoras de filmes.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Interlingue ou occidental (chamado así entre 1922-1947) é unha lingua artificial creada por Edgar von Wahl, un dos primeiros esperantistas. Von Wahl naceu en Olviopol, hoxe Estonia e entón provincia do Imperio ruso, no seo dunha familia de lingua alemá. Tiña, como se pode ver, bos motivos para ser un dos pioneiros do esperanto, e os seus consellos foron seguidos por Ludwik Zamenhof.
Blas de Lezo y Olavarrieta (ou Olabarrieta) nado en Pasaia, Guipúscoa o 3 de febreiro de 1689 e finado en Cartaxena de Indias, Nova Granada (Colombia hoxe) o 7 de setembro de 1741, primeiro marqués de Ovieco (a título póstumo) foi un almirante español coñecido como Patapalo ou máis tarde como Mediohome, polas moitas feridas sufridas ao longo da súa vida militar, é considerado un dos mellores estrategos da historia da Armada Española.
A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) (en inglés North Atlantic Treaty Organization, NATO e en francés Organisation du Traité de l'Atlantique Nord, OTAN), tamén denominada Alianza do Atlántico, Alianza do Atlántico Norte ou Alianza Atlántica, é unha alianza militar intergobernamental creada o 4 de abril de 1949 da que forman parte países de Europa e América. As súas funcións cambiaron dende a súa fundación: naceu como organización defensiva para conter ós países comunistas de Europa do leste, que se agruparon no chamado Pacto de Varsovia, e tras a caída do Muro de Berlín facilitouse a entrada a ditos países no tratado, de xeito que hoxe inclúe a maioría deles. No ano 1999 variouse o tratado para permitir outras misións diferentes da pura defensa.
Ucraína (en ucraíno: Україна, tr. "Ukraina", [ukrɑˈjinɑ] (AFI)) é unha nación eslava situada, en liñas xerais, entre os mares Negro e Azov e o río Prípiat, entre as planicies húngaras, a foz do Danubio e o río Don. Os ríos Dniéper e Dniéster son, e sempre foron, os límites xeográficos centrais de Ucraína.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Revista Inviable é unha publicación periódica dixital en lingua galega, de carácter cultural, periodicidade mensual e sen ánimo de lucro, fundada en marzo do ano 2020 por Jorge Emilio Bóveda, Eladio Medel e Francisco Javier Fontenla. Está ligada á asociación cultural Revista Inviable da Xeración Illada, con sede na cidade de Ourense. Os distintos números da revista inclúen sobre todo banda deseñada, artigos de opinión e crítica literaria, contos, poemas, traducións, biografías e textos de carácter xurídico, escritos polos fundadores da revista ou por outros colaboradores da mesma.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Bárbara Rey, nome artístico de María Margarita García García, nada en Totana (Murcia) en 1949, é unha vedete, actriz e presentadora de televisión española. Comezou a súa carreira en 1970 cando se presentou ao concurso de Miss España, no que non gañou pero acabou representando ao país en Miss Mundo porque tanto a gañadora como a primeira dama de honra estaban casadas e o regulamento non permitía que se presentaran ao certame internacional. A partir dese momento participou en máis de trinta películas nunha década, a maior parte pertencentes ao xénero do “destape”.
Priyanka Chopra (en hindi devánagari: प्रियंका चोपड़ा), nada en Jamshedpur, Jharkhand o 18 de xullo de 1982, é unha actriz e cantante india e gañadora do concurso internacional de beleza Miss Mundo no ano 2000. Antes do inicio da súa carreira de actuación traballou como modelo. Gañou fama e notoriedade despois de gañar o título de Miss Mundo no 2000.
Coalición por El Bierzo (Coalición polo Bierzo en galego) é unha federación de partidos políticos de ideoloxía bercianista, formada en 2017 e que ten a súa orixe nunha coalición e partidos e candidatos independentes que se estableceu para concorrer as eleccións municipais e autonómicas de maio de 2015.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A XV Brigada Internacional —tamén coñecida como Brigada Abraham Lincoln— foi unha das Brigadas Internacionais que combateron en defensa da legalidade republicana contra o bando sublevado na Guerra Civil Española. Estaba composta por voluntarios de Estados Unidos, Canadá, Irlanda e Reino Unido principalmente, e tamén de Latinoamérica. Loitou nalgunhas das principais batallas da contenda, como a de Belchite ou a de Teruel.
O slogan é unha frase simple, curta, orixinal e impactante que acompaña ao logotipo ou á marca, dando a coñecer o atractivo desta mediante numerosos recursos estilísticos como a onomatopea. Este, debe mostrar os beneficios principais que o diferencian doutras marcas ou produtos e crear no consumidor unha necesidade de compra. A finalidade principal do slogan é perdurar o máximo tempo posible na mente do consumidor.
Véxase tamén O muíño na cultura popular galega A seguir recóllense os refráns que fan alusión ó pan, sexa pantrigo ou pan de centeo, pero tamén ó trigo, a fariña, o forno, ós panadeiros, etc. Debe terse en conta que en ocasións se utiliza o nome de pan para designar outros gran, como o centeo, e mesmo o cereal aínda no campo. A anguía en empanada e a lamprea escabechada .
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987, é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo. Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga..
Antonio Fernández Resines é un actor español nado o 7 de agosto de 1954 en Torrelavega, Cantabria (España). Resines é un dos actores españois máis coñecidos e de extensísima filmografía, na que figuran moitas películas de éxito do cine español, ademais de varias series de televisión. Recibiu multitude de premios durante a súa traxectoria.
Enténdese por publicidade a comunicación establecida tras a emisión dunha mensaxe que ofrece unha información interesada e que se divulga co obxectivo de influír no público para producir un beneficio ó emisor ou promotor ou no caso da publicidade institucional ofrecer información de servizo público. Na publicidade tamén se utilizan unha gran variedade de medios: de viva voz, medios de comunicación, o correo, teléfono, folletos, redes informáticas, competicións deportivas, bolígrafos, paraugas, roupa e mesmo avionetas, automóbiles, trens, bicicletas ou navíos. Na publicidade empréganse con frecuencia estratexias de base lingüística: A implicación do receptor na mensaxe, usando imperativos ou con oracións interrogativas.
Raphael Augusto Prostes Bordallo Pinheiro, coñecido como Rafael Bordalo Pinheiro, nado en Lisboa en 1846 e finado en 1905, foi un xornalista, pintor, caricaturista e escultor de cerámica, creador dun estilo artístico popular, que difundía a través de litografías e cerámicas, para o que fundara en 1855 unha fábrica en Caldas da Rainha (“louça de Caldas”), cerámica logo imitada en ducias de centros do país. Deseñou a popular figura do “Zé Povinho”, trasunto do pobo portugués. O seu nome está moi ligado á caricatura portuguesa, á que lle deu un gran impulso, e á banda deseñada, sendo un dos primeiros artistas en introducila en Portugal.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Crimea, que abrangue a República Autónoma de Crimea, (ucraíno: Автономна Республіка Крим - Avtonomna Respublika Krym, ruso: Автономная Республика Крым - Avtonomnaia Respublika Krym, tártaro de Crimea: Qırım Muhtar Cumhuriyeti) e a cidade de Sebastopol, é unha península e república autónoma situada na costa setentrional do Mar Negro que foi anexionada por Rusia no ano 2014. Crimea estivo baixo o control ruso dende 1783 até 1954, cando foi transferida dentro Unión Soviética, dende a República Soviética Federativa Socialista de Rusia á República Socialista Soviética de Ucraína. Posteriormente, despois do referendo do 20 de xaneiro de 1991, conseguiu o status de república autónoma dentro da República Socialista Soviética de Ucraína.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 179.235 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Manuel Gustavo Bordalo Pinheiro
Manuel Gustavo Bordalo Pinheiro, nado en Lisboa o 20 de xuño de 1867 e finado o 8 de setembro de 1920, foi un ilustrador, ceramista, caricaturista e debuxante de banda deseñada, iniciada por seu pai en Portugal. Foi pioneiro da ilustración infantil en Portugal, coa creación do heroe que deu nome á revista O Gafanhoto.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
A Xeración Illada é o nome dun grupo de escritores en lingua galega, nados principalmente entre finais da década dos cincuenta e principios dos oitenta. Estes autores practican distintos xéneros literarios (ensaio, narrativa, poesía, banda deseñada...) e, aparte das súas publicacións individuais, teñen como medio de expresión común a Revista Inviable da Xeración Illada, publicación periódica dixital fundada en Ourense no marzo do 2020 por Jorge Emilio Bóveda (creador do termo "Xeración Illada"), Eladio Medel e Francisco Javier Fontenla. Ademais dos fundadores da revista, a Xeración Illada inclúe outros moitos membros, como Ramón Caride Ogando, David Gándara, Xerardo Méndez, Carlos Rego e un longo etcétera, todos eles colaboradores da devandita revista.
Lista de lugares Patrimonio da Humanidade en España
Os sitios do Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia cultural ou natural tal como se describe na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, creada en 1972. España aceptou a Convención o 4 de maio de 1982, facendo o seu conxunto histórico elixible para a súa inclusión na lista.Os lugares de España inscribíronse por primeira vez na lista na 8ª reunión do Comité do Patrimonio Mundial, celebrada en Buenos Aires, Arxentina en 1984. Nesa sesión, engadíronse cinco sitios: a "Mesquita de Córdoba"; "a Alhambra e o Generalife, en Granada"; a "Catedral de Burgos"; o "Mosteiro e lugares do Escorial, Madrid"; e o "Parc Güell, Palau Güell e Casa Milà, en Barcelona" engadíronse cinco sitios en 1985, e outros catro en 1986.
Contos vellos para rapaces novos
Contos vellos para rapaces novos (nas primeiras edicións Contos vellos pra rapaces novos) é un libro de contos de todo o mundo, traducidos ao galego polo escritor Xosé Neira Vilas, publicado por Ediciós do Castro no ano 1983 e reeditado en varias ocasións.
BlacKkKlansman é un filme estadounidense de 2018 dirixido por Spike Lee e escrito por Charlie Wachtel, David Rabinowitz, Kevin Willmott e Lee. Está baseado nas memorias de 2014 Black Klansman, de Ron Stallworth. Está protagonizado por John David Washington no papel de Stallworth, xunto con Adam Driver, Laura Harrier e Topher Grace.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Cristina Federica Victoria Antonia de la Santísima Trinidad de Borbón y Grecia, nada en Madrid o 13 de xuño de 1965, é infanta de España e foi duquesa de Palma, é a segunda dos fillos dos reis de España Xoán Carlos I e Sofía. É a sexta na liña de sucesión logo das fillas do seu irmán Filipe, rei de España, e da súa irmá Elena e os seus fillos.
O Premio Modesto R. Figueiredo é o nome que recibe o Certame Nacional de Narracións Breves convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde 1975 para textos en lingua galega dun máximo de trinta páxinas, na actualidade o premio está dotado con 1.000 euros, podendo concederse dous accésits de 240 euros. Outorgouse pola vez primeira en 1975 co nome de Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro pero a morte do seu patrocinador, Modesto Rodríguez Figueiredo vicepresidente do Pedrón de Ouro motivou que o premio adoptase o seu nome desde a terceira edición en 1977. O Premio é un dos máis importantes do panorama literario galego que nas dúas primeiras edicións da convocatoria (1975 - 1976) premiou a destacados escritores como Xoán Ignacio Taibo, Xavier Alcalá, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xavier Rodríguez Barrio, Xosé Manuel Martínez Oca e Carlos Durán.
Lista de sitios do Patrimonio Mundial por ano de inscrición
Esta é unha lista da UNESCO do Patrimonio Mundial ao redor do mundo por ano de inscrición. O primeiro sitio do Patrimonio Mundial na lista é Illas Galápagos.En xullo de 2021, estaban catalogados un total de 1.120 sitios (868 culturais, 213 naturais e 39 mixtas) en 167 países diferentes. O país con maior número de sitios (incluíndo sitios compartidos con outros países) é Italia, con 57 sitios.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Os signos non lingüísticos son os obxectos ou entidades que comunican algo, pero que non están mediados nin pola linguaxe falada nin pola linguaxe escrita. A semiótica, ciencia que se encarga de estudar os signos, explica que todos comprenden tres elementos: o signo ou vehículo sinal, o designado e o intérprete. Así, se por exemplo, situados nun contexto dunha loita, unha bandeira branca é signo, o que comunica (tregua ou rendición) é o designado e o seu intérprete sería o bando contrario.
A península de Crimea é unha importante masa de terra situada no norte do mar Negro, que está case completamente rodeada pola auga. Os seus nomes oficiais son: півострів Кримський, en ucraíno полуостров Крымский, en ruso Qırım Yarimadasi, en tártaroA península pertence a Ucraína, desde que en 1954 foi trasferida polo presidente da URSS Nikita Khrushchev, desde a República Socialista Soviética de Rusia, cando ambas as repúblicas formaban parte da Unión Soviética aínda que de feito, e sen recoñecemento internacional, está controlada por Rusia desde marzo de 2014. Encóntrase xusto ao sur do resto da costa de Ucraína e ao oeste da rexión rusa de Kuban.
O Túnel do amor (ucraíno: Туне́ль Коха́ння, Tunel Kokhannya) é unha vía verde situada en Klevan na Ucraína. Segue un antigo camiño de ferro industrial en desuso pero ininterrompido, onde unha densa vexetación composta de árbores e arbustos entrelazados forma un túnel a través do bosque.Este camiño, duns poucos quilómetros de lonxitude, é coñecido por ser un lugar romántico reservado para paseos amorosos, e que tamén se fixo popular entre os turistas. O antigo ferrocarril permitía abastecer ás fábricas de materias primas.
Adriana Ozores Múñoz, Adriana Ozores, é unha actriz española nacida en Madrid o 21 de maio de 1959. Pertence a unha das sagas cinematográficas máis coñecidas de España, sendo filla de José Luis Ozores, sobriña de Mariano Ozores e Antonio Ozores, curmá de Emma Ozores. Actriz de extensa carreira cinematográfica, os seus inicios están ligados ós traballos realizados ás ordes do seu tío Mariano Ozores, e traballou tamén con directores coma Gracia Querejeta, Imanol Uribe, Antonio Mercero ou Joaquín Oristrell entre outros, e recibiu multitude de premios e recoñecementos.
A milla verde (en inglés: The Green Mile) é un filme estadounidense dirixido por Frank Darabont que foi estreado en 1999. Está baseada na novela The Green Mile de Stephen King escrita en 1996. O filme está contado en modo de flashback e está protagonizado por Tom Hanks, que interpreta a Paul Edgecomb, e por Michael Clarke Duncan como John Coffey.
Benidorm Fest é un festival da canción organizado en España pola empresa pública de comunicación Radio Televisión Española (RTVE) en colaboración coa Generalitat Valenciana. Este concurso determina a canción representativa do citado país para o Festival de Eurovisión e celébrase desde 2022 na localidade homónima. O certame consta de dúas semifinais e unha final, sendo o gañador elixido polo público e por equipos de xuíces, ambas as partes tendo a mesma influencia no resultado final.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o segundo matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que hai constancia, sendo o primeiro datado en período medieval. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina.
O conflito árabe-israelí (en árabe: الصراع العربي الإسرائيلي Al-Sira'a Al'Arabi A'Israili; en hebreo: הסכסוך הישראלי-ערבי Ha'Sikhsukh Ha'Yisraeli-Aravi) refírese á tensión política e os conflitos armados entre o Estado de Israel e os seus veciños árabes, en particular os palestinos e comeza coa descolonización de Reino Unido e Francia da ribeira oriental do mar Mediterráneo. Existen un cúmulo de circunstancias e causas que orixinaron o conflito. A súa definición, historia e posibles solucións son materia de permanente debate e os problemas que inclúe varían co tempo.
Un aturuxo, agrúo, aturulo, grixido ou ufido é un berro agudo e prolongado característico do folclore galego. Consérvase na actualidade como un berro de alegría emitido polo público, ou os intérpretes, no decurso dunha peza musical. É moi típico de seráns, romarías, foliadas, e prolifera o seu uso a medida que se quenta o ambiente, podéndose tomar a súa frecuencia e intensidade como indicador do espírito festeiro dos presentes.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
A Torre de Labrada, Labrada, Guitiriz
A Torre de Labrada é un lugar da parroquia de Labrada no concello lugués de Guitiriz na comarca da Terra Chá. Tiña 6 habitantes no ano 2012 segundo datos do Instituto Galego de Estatística dos cales eran 3 homes e 3 mulleres, o mesmo número de habitantes que no ano 2000.