Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Marvin Lee Aday, coñecido como Meat Loaf, nado o 27 de setembro de 1947 en Dallas e finado o 20 de xaneiro de 2022 en Nashville, foi un actor e cantante de rock estadounidense. Tamén baixo o nome de Meat Loaf coñeceuse a banda que lideraba e da que era vocalista. Foi coñecido polo seu álbum Bat out of Hell e por moitas cancións pertencentes a bandas sonoras de filmes.
John Ronald Reuel Tolkien, citado a miúdo como J. R. R. Tolkien, CBE (/ˈtɒlkiːn/), nado en Bloemfontein o 3 de xaneiro de 1892 e finado en Bournemouth o 2 de setembro de 1973, foi un escritor, poeta, filólogo e profesor de universidade inglés de orixe surafricana, coñecido principalmente polas súas obras O Hobbit, O Señor dos Aneis e O Silmarillion. Foi profesor de anglosaxón no Pembroke College de 1925 a 1945, e profesor de lingua e literatura inglesa no Merton College de 1945 a 1959. Durante esta época mantivo unha boa relación de amizade con C. S. Lewis, formando parte ámbolos dous do mesmo grupo informal de discusión literaria.
Ruby é unha linguaxe de programación reflexiva e orientada a obxectos (linguaxe interpretada), creada polo programador xaponés Yukihiro "Matz" Matsumoto en 1993. Combina unha sintaxe inspirada en Python, Perl con características de programación orientada a obxectos similares a Smalltalk. Comparte tamén funcionalidade con outras linguaxes de programación como Lisp, Lua, Dylan e CLU. Ruby é unha linguaxe de programación interpretada nunha soa pasada e a súa posta en funcionamento oficial é distribuída baixo unha licenza de software libre.
Ucraína (en ucraíno: Україна, tr. "Ukraina", [ukrɑˈjinɑ] (AFI)) é unha nación eslava situada, en liñas xerais, entre os mares Negro e Azov e o río Prípiat, entre as planicies húngaras, a foz do Danubio e o río Don. Os ríos Dniéper e Dniéster son, e sempre foron, os límites xeográficos centrais de Ucraína.
A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) (en inglés North Atlantic Treaty Organization, NATO e en francés Organisation du Traité de l'Atlantique Nord, OTAN), tamén denominada Alianza do Atlántico, Alianza do Atlántico Norte ou Alianza Atlántica, é unha alianza militar intergobernamental creada o 4 de abril de 1949 da que forman parte países de Europa e América. As súas funcións cambiaron dende a súa fundación: naceu como organización defensiva para conter ós países comunistas de Europa do leste, que se agruparon no chamado Pacto de Varsovia, e tras a caída do Muro de Berlín facilitouse a entrada a ditos países no tratado, de xeito que hoxe inclúe a maioría deles. No ano 1999 variouse o tratado para permitir outras misións diferentes da pura defensa.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
Un personaxe é cada un dos seres que forman a acción dunha obra literaria, película etc., e que son o motor da acción narrativa. Non debe confundirse o termo persoeiro (individuo real de relevancia ou que queremos salientar) con personaxe (ser ficticio por moito que represente a unha persoa real da que soamente é unha representación inventiva). O personaxe é o elemento motor da acción narrativa.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Blas de Lezo y Olavarrieta (ou Olabarrieta) nado en Pasaia, Guipúscoa o 3 de febreiro de 1689 e finado en Cartaxena de Indias, Nova Granada (Colombia hoxe) o 7 de setembro de 1741, primeiro marqués de Ovieco (a título póstumo) foi un almirante español coñecido como Patapalo ou máis tarde como Mediohome, polas moitas feridas sufridas ao longo da súa vida militar, é considerado un dos mellores estrategos da historia da Armada Española.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Dragon Ball Z (ドラゴンボールZ, Doragon Bōru Zetto), tamén coñecido en Galiza como Dragón Z ou Bóla de Dragón Z, é unha serie de televisión de animación xaponesa de 291 capítulos de 25 minutos adaptada do manga de Akira Toriyama e producida polo estudio Tōei. É a continuación do anime Dragon Ball. En Galiza emitiuse na década de 1990, dentro do programa infantil Xabarín Club da Televisión de Galicia.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Vermudo Pérez de Traba nado a finais do s. XI ou principios do XII e finado en 1168, fillo do conde Pedro Froilaz de Traba e da súa primeira esposa, Urraca Froilaz, foi membro da liñaxe máis poderosa da Galiza na Idade Media, tenente en Trastámara, en Faro (A Coruña), en Viseu, e en Seia, propietario de vastos territorios e benfeitor de mosteiros. Tamén aparece transcrito como Bermudo ou Veremundi no canto de Vermudo, Peres en vez de Pérez e Trava por Traba.
O ferrado (tamén coñecida como tega nalgúns lugares) é unha medida galega, moi variábel dun lugar a outro. Dada a variedade existente, almanaques agrícolas como o ZZ, O Mintireiro Verdadeiro ou O Gaiteiro de Lugo adoitaban incluír unha equivalencia co sistema métrico decimal segundo as zonas xeográficas.
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976. Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 179.212 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Antón Hipólito Alonso Ríos, nado en Camporrapado (Cortegada, Silleda) o 15 de agosto de 1887 e finado en Buenos Aires o 12 de outubro de 1980, foi un mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir asemade que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente euroasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.As fronteiras de Europa e a súa poboación son obxecto de controversia, xa que o termo continente pode referirse a un ben cultural e político ou a distincións fisiográficas.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 1 do mundo na clasificación ATP. Gañador en 20 ocasións dun torneo de Grand Slam, igualando o récord establecido por Roger Federer. Campión de Roland Garros en 13 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019 e 2020), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Antonio Fernández Resines é un actor español nado o 7 de agosto de 1954 en Torrelavega, Cantabria (España). Resines é un dos actores españois máis coñecidos e de extensísima filmografía, na que figuran moitas películas de éxito do cine español, ademais de varias series de televisión. Recibiu multitude de premios durante a súa traxectoria.
María Luisa González González, nada en Bilbao o 18 de xullo de 1943, coñecida como Marisa González, é unha artista multimedia española pioneira no uso das novas tecnoloxías da reprodución e a comunicación na creación artística, así como un nome clave no feminismo e a arte electrónica. A súa obra foi presentada en importantes institucións nacionais e internacionais como a Bienal de Venecia, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB).Galardoada co Premio MAV 2020, pola súa traxectoria como mellor artista/creadora, que concede a asociación Mulleres nas Artes Visuais.
O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico. Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.
Os Premios Nobel (en sueco, Nobelpriset; en noruegués, Nobelprisen) son uns galardóns internacional que se outorgan cada ano para recoñecer persoas ou institucións que levaran a cabo investigacións, descubrimentos ou contribucións notables á humanidade no ano anterior ou no transcurso das súas actividades.Sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, Alfred Nobel, un industrial sueco inventor da nitroglicerina, instituíu en 1895 os premios que levan o seu nome como última vontade e para ser lembrado. Comezaron a entregarse en 1901 nas categorías de Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Paz.En 1968 estableceuse tamén o Premio de Ciencias Económicas en Memoria de Alfred Nobel, patrocinado polo Banco de Suecia e xestionado pola Real Academia das Ciencias de Suecia, e que é comunmente chamado Premio Nobel de Economía.. O primeiro Premio Nobel de Economía entregouse en 1969.Ante a inexistencia dun Premio Nobel de Matemáticas, Sophus Lie foi o primeiro en propor a creación do Premio Abel cando descubriu en 1897 que Alfred Nobel non tivera a intención de crear un premio de Matemáticas.
A revista OINK! foi unha publicación en lingua galega nada en 2013, da que saíron ao mercado cinco números mensuais a un custe de 3 euro. A editora foi a empresa Agalip, de Bertamiráns, con licenza da Televisión de Galicia, estaba dirixida a nenos dos seis aos quince anos, e os contidos baseados no programa Xabarín Club.
Crimea, que abrangue a República Autónoma de Crimea, (ucraíno: Автономна Республіка Крим - Avtonomna Respublika Krym, ruso: Автономная Республика Крым - Avtonomnaia Respublika Krym, tártaro de Crimea: Qırım Muhtar Cumhuriyeti) e a cidade de Sebastopol, é unha península e república autónoma situada na costa setentrional do Mar Negro que foi anexionada por Rusia no ano 2014. Crimea estivo baixo o control ruso dende 1783 até 1954, cando foi transferida dentro Unión Soviética, dende a República Soviética Federativa Socialista de Rusia á República Socialista Soviética de Ucraína. Posteriormente, despois do referendo do 20 de xaneiro de 1991, conseguiu o status de república autónoma dentro da República Socialista Soviética de Ucraína.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
Os fogos artificiais ou fogos_de_artificio, ou simplemente fogos, son un tipo de dispositivos pirotécnicos usados normalmente con fins estéticos de entretemento ou de celebración. Son usados en distintas partes do mundo é son o atractivos de moitas celebracións culturais e relixiosas. Existen diferentes tipos de fogos de artificio, cuxos efectos pódense agrupar en catro categorías: ruído, luces, fume e materiais flotantes (na maioría de casos úsase confeti para xerar ese efecto).
Berserk (ベルセルク, Beruseruku) é unha serie manga de fantasía escura escrita e ilustrada por Kentaro Miura (1966-2021). Ambientada na Europa medieval e nun mundo de fantasía, a historia céntrase nas personaxes de Guts, un mercenario solitario, e Griffith, o líder da "Banda dos Falcóns". Temas como a soidade, a camaradería e a dicotomía do ben e o mal prevalecen na historia, e explora o mellor e o peor da natureza humana.
Os Lyctinae son un grupo de setenta especies de escaravellos que atacan a madeira (trazas) que forman unha subfamilia. Estes escaravellos forman parte da superfamilia Bostrichoidea. Aínda que a maioría dos escaravellos que furan a madeira teñen grandes protórax, estas especies non, o que fai que as súas cabezas sexan máis visibles desde arriba.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Os bostríquidos (Bostrichidae) son unha familia de escaravellos con máis de 700 especies descritas. Na maioría deles a cabeza non se pode ver desde arriba, xa que está dirixida cara abaixo e agochada baixo o tórax. Excepcións son os da subfamilia Lyctinae (ás veces tratada como familia separada) e membros da subfamilia Psoinae.
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o segundo matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que hai constancia, sendo o primeiro datado en período medieval. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina.
Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.266.126 habitantes (Padrón Municipal, 2019) é a cidade máis grande e poboada do país e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea.
Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2020 tiña 65.560 habitantes (34.675 mulleres e 30.885 homes), sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia. Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval.
Auga seca (serie de televisión)
Auga seca é unha serie de televisión estreada en 2020 pola Televisión de Galicia e a RTP, unha coprodución das dúas cadeas e rodada en galego e portugués. Está prevista a súa emisión en HBO España a partir do 1 de abril de 2020 e tamén en HBO Portugal.
A guerra das galaxias (en inglés Star Wars, aínda que traducido literalmente significa «guerras estelares» ou «guerras das estrelas») é unha serie de oito filmes de ciencia ficción creada polo produtor, director e guionista norteamericano George Lucas, tralo éxito de American Graffiti. A serie comezou en 1977 con Star Wars Episodio IV: Unha Nova Esperanza, e dende entón converteuse nun fenómeno social e cultural, do que se crearon novelas, historias en banda deseñada, videoxogos... Isto permitiu a Lucas ampliar a historia con dous episodios máis: O Imperio Contraataca e O Retorno do Jedi, que continuarían o grande éxito da primeira.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.