Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) (en inglés North Atlantic Treaty Organization, NATO e en francés Organisation du Traité de l'Atlantique Nord, OTAN), tamén denominada Alianza do Atlántico, Alianza do Atlántico Norte ou Alianza Atlántica, é unha alianza militar intergobernamental creada o 4 de abril de 1949 da que forman parte países de Europa e América. As súas funcións cambiaron dende a súa fundación: naceu como organización defensiva para conter ós países comunistas de Europa do leste, que se agruparon no chamado Pacto de Varsovia, e tras a caída do Muro de Berlín facilitouse a entrada a ditos países no tratado, de xeito que hoxe inclúe a maioría deles. No ano 1999 variouse o tratado para permitir outras misións diferentes da pura defensa.
Ucraína (en ucraíno: Україна, tr. "Ukraina", [ukrɑˈjinɑ] (AFI)) é unha nación eslava situada, en liñas xerais, entre os mares Negro e Azov e o río Prípiat, entre as planicies húngaras, a foz do Danubio e o río Don. Os ríos Dniéper e Dniéster son, e sempre foron, os límites xeográficos centrais de Ucraína.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 179.302 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
As espermatófitas ou, como din outros, respectando as normas de adaptación de cultismos de orixe grecolatina, os espermatófitos (Spermatophyta) é un taxon, con categoría de superdivisión, que inclúe as plantas que producen flores e, por tanto, sementes. O nome científico provén do grego σπέρμα spérma, "semente") e φυτόν phytón, "planta", é dicir, "as plantas con semente". A circunscrición do grupo (é dicir, os taxons dos que se compoñe) coincide exactamente coa do antigo taxon ao que Linné deu o nome de fanerógamas que, por tanto é un sinónimo deste grupo.
Dragon Ball Z (ドラゴンボールZ, Doragon Bōru Zetto), tamén coñecido en Galiza como Dragón Z ou Bóla de Dragón Z, é unha serie de televisión de animación xaponesa de 291 capítulos de 25 minutos adaptada do manga de Akira Toriyama e producida polo estudio Tōei. É a continuación do anime Dragon Ball. En Galiza emitiuse na década de 1990, dentro do programa infantil Xabarín Club da Televisión de Galicia.
Un personaxe é cada un dos seres que forman a acción dunha obra literaria, película etc., e que son o motor da acción narrativa. Non debe confundirse o termo persoeiro (individuo real de relevancia ou que queremos salientar) con personaxe (ser ficticio por moito que represente a unha persoa real da que soamente é unha representación inventiva). O personaxe é o elemento motor da acción narrativa.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico. Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 1 do mundo na clasificación ATP. Gañador en 20 ocasións dun torneo de Grand Slam, igualando o récord establecido por Roger Federer. Campión de Roland Garros en 13 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019 e 2020), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
A batalla do lago Poyang foi un conflito naval que tivo lugar entre o 30 de agosto e o 4 de outubro de 1363 entre as forzas da dinastía Ming: Zhu Yuanzhang e as do xeneral rebelde Chen Youliang, fundador do estado de Chen Han. Forma parte do conflito coñecido como o levantamento do turbante vermello que conduciu ao final da dinastía Yuan. Xa dende mediados do século XIV a dinastía Yuan, establecida polo clan mongol Borjigin, estaba xa apunto de colapsar.
Alfons Vila i Franquesa, coñecido como Shum, nado en Sant Martí de Maldà (provincia de Lleida) o 19 de novembro de 1897 e finado en Cuernavaca (México) o 28 de agosto de 1967, foi un debuxante e caricaturista catalán. Outros pseudónimos que usou foron Joan Baptista Acher e L'artista de les mans trencades (O artista das mans rotas). A súa militancia anarquista provocou varios encarceramentos e o exilio ao final da Guerra civil española.
As mulleres do 72 son coñecidas deste xeito polos sucesos ocorridos o 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol (A Coruña). Nese día, tivo lugar unha manifestación obreira local en protesta sobre a imposición dun convenio colectivo interprovincial. Os enfrontamentos coa policía remataron con dúas persoas falecidas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Les Schtroumpfs (nome orixinal en francés, traducido a neerlandés como De Smurfen, ao castelán como Los Pitufos, en inglés como The Smurfs e en portugués como Os Smurfs e Os Estrumpfos), son uns personaxes de banda deseñada infantil creados no 1958 polo guionista e debuxante belga Pierre Culliford, popularmente coñecido como Peyo (1928-1992). Os primeiros debuxos e libros de banda deseñada cos personaxes en chegar a Galiza foron en castelán, e o nome que se popularizou en galego é "pitufo". O tradutor afirmou que o nome provén do personaxe tradicional catalán Patufet (diminutivo de Patufo), un neno que leva unha barretina xigante.
O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da TVG que comezou a emitirse o 18 de abril de 1994. O protagonista do programa é o personaxe animado do "Xabarín", un xabaril antropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado e ao cal dá voz Juanillo Esteban. O "Xabarín" realiza a función de presentador do programa, o cal inclúe un club de socios, a emisión de series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia, como Xabarín News ou Os vixilantes do Camiño, a primeira serie animada de produción galega que emitiu o Xabarín Club.
Malala Yousafzai (en paxto: ملاله یوسفزۍ, e en urdú: ملالہ یوسف زئی Malālah Yūsafzay), nada o 12 de xullo de 1997, é unha activista a prol da educación feminina en Paquistán, e a persoa máis nova en recibir un Premio Nobel en calquera categoría. É coñecida pola súa defensa dos dereitos humanos, en especial o dereito á educación e os dereitos das mulleres no Val de Swat, no noroeste de Paquistán, onde os talibáns prohibiran ás mulleres asistir ó colexio. A loita de Yousafzai converteuse dende entón nun movemento internacional.
Berserk (ベルセルク, Beruseruku) é unha serie manga de fantasía escura escrita e ilustrada por Kentaro Miura (1966-2021). Ambientada na Europa medieval e nun mundo de fantasía, a historia céntrase nas personaxes de Guts, un mercenario solitario, e Griffith, o líder da "Banda dos Falcóns". Temas como a soidade, a camaradería e a dicotomía do ben e o mal prevalecen na historia, e explora o mellor e o peor da natureza humana.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Luís Vaz de Camões, nado cara a 1524 e finado o 10 de xuño de 1580, foi un poeta portugués, considerado decote como o maior poeta de lingua portuguesa e dos maiores da Humanidade. O seu xenio é comparábel ao de Homero, Virxilio, Dante e Shakespeare. Das súas obras, a epopea Os Lusíadas é a máis significativa.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño. A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2022.
Mohandas Karamchand Gandhi (en gujarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanágari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Gujarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un dos ideólogos e fundadores do moderno estado indio e un influente defensor do Satyagraha (principio da non agresión, forma non violenta de protesta) como un medio de revolución. Gandhi axudou a liberar a India do goberno británico, inspirando a outros pobos coloniais a traballar polas súas propias independencias e en última análise para o desmantelamento do Imperio Británico e a súa substitución pola Comunidade Británica (Commonwealth). O principio do satyagraha, frecuentemente traducido como "o camiño da verdade" ou "a busca da verdade", tamén inspirou xeracións de activistas democráticos e antirracistas, incluíndo Martin Luther King e Nelson Mandela.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976. Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A península de Crimea é unha importante masa de terra situada no norte do mar Negro, que está case completamente rodeada pola auga. Os seus nomes oficiais son: півострів Кримський, en ucraíno полуостров Крымский, en ruso Qırım Yarimadasi, en tártaroA península pertence a Ucraína, desde que en 1954 foi trasferida polo presidente da URSS Nikita Khrushchev, desde a República Socialista Soviética de Rusia, cando ambas as repúblicas formaban parte da Unión Soviética aínda que de feito, e sen recoñecemento internacional, está controlada por Rusia desde marzo de 2014. Encóntrase xusto ao sur do resto da costa de Ucraína e ao oeste da rexión rusa de Kuban.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Miguel da Silva e Menezes, nado en Évora en 1480 e finado en Roma en 1556, foi un nobre portugués do século XVI, embaixador en Roma, bispo de Viseu (1526) e cardeal da Igrexa Católica Romana (1539). Na historiografía coñécese coa antonomasia coa que foi nomeado en vida: Cardeal de Viseu. De familia relixiosa, era sobriño de Santa Beatriz da Silva e do Beato Amadeu da Silva.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O abade Pierre-André Pourret, transcrito en galego como Pedro Andrés Pourret, foi un botánico francés nado en 1754 en Narbona e finado o 17 de agosto de 1818 en Santiago de Compostela. Foi un pioneiro en utilizar o sistema de "catalogación binomial" de Linné, método descritivo que evita longas denominacións en latín.
Blas de Lezo y Olavarrieta (ou Olabarrieta) nado en Pasaia, Guipúscoa o 3 de febreiro de 1689 e finado en Cartaxena de Indias, Nova Granada (Colombia hoxe) o 7 de setembro de 1741, primeiro marqués de Ovieco (a título póstumo) foi un almirante español coñecido como Patapalo ou máis tarde como Mediohome, polas moitas feridas sufridas ao longo da súa vida militar, é considerado un dos mellores estrategos da historia da Armada Española.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
Ollos de auga é unha novela negra en galego escrita por Domingo Villar e publicada en 2006 pola editorial Galaxia. Está protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas que, acompañado polo seu axudante Rafael Estévez, leva a investigación do asasinato de Lois Reigosa, un músico na illa de Toralla.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Shigeru Miyamoto (en xaponés 宮本茂), nado en Sonobe-cho (Quioto) o 16 de novembro de 1952, é un deseñador de videoxogos xaponés, creador de Mario, ademais doutras das principais franquías de Nintendo como Donkey Kong ou The Legend of Zelda. É ademais o buque insignia da compañía nipoa, un dos pais dos videoxogos complexos e está considerado como o mellor deseñador da súa rama da industria do entretemento electrónico de todos os tempos, tanto pola crítica como polos seus propios compañeiros de profesión e as súas fans.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Chisasibi (cree: ᒋᓵᓰᐲ/Cisâsîpî, literalmente "río grande") é unha vila no bordo oriental da baía de James, no territorio equivalente Eeyou Istchee no norte do Quebec. Sitúase na ribeira sur do río que lle dá nome, a menos de 10 quilómetros da súa foz. Chisasibi é unha das once vilas cree da rexión que forman parte do Gran Consello dos Crees .
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego a expresión comparativa confórmana dous elementos: o primeiro elemento, formado por un adverbio que indica se o grao da comparación é de igualdade, superioridade ou inferioridade (tan, máis, menos) o segundo elemento, formado polas partículas que/ca/do que ou coma/como máis o elemento co que se realiza a comparación.Nas comparativas de superioridade ou inferioridade as partículas que relacionan os elementos comparados son ca, que ou de que: é máis aleuto ca ela, é máis alto ca/que un piñeiro, diso sabe menos ca ti, traballa máis do que din.
Dragon Quest (ドラゴンクエスト) é unha saga de videoxogos pertencente ao xénero dos RPGs. En América do Norte o título era Dragon Warrior ata a saída de Dragon Quest VIII. A súa primeira parte foi creada polo deseñador de videoxogos xaponés Yuji Horii para a videoconsola de Nintendo chamado Family Computer System (NES en Europa e América). Saíron xogos desta saga para Famicom (NES), Super Famicom (Super Nintendo), Game Boy Cor, Game Boy Advance, Nintendo DS, PlayStation e PlayStation 2.
A Biblioteca Nacional da Dieta (国立国会図書館, Kokuritsu Kokkai Toshokan) estableceuse no Xapón en 1948 como parte da Dieta do Xapón para labores de administración pública. Esta biblioteca é a única biblioteca nacional do país, e conta con dúas instalacións principais en Tokio e Kioto, xunto con outras sucursais menores noutras cidades do país. Inaugurouse en xuño de 1948 cunha colección inicial de 100 000 volumes.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A seguinte é unha lista alfabética dos anfibios atopados en Galicia (a alfabetización faise polos nomes dos xéneros). Está baseada na información recollida dos traballos feitos pola Asociación Herpetológica Española , a información obtida na Lista Vermella da IUCN e polos expertos en herpetoloxía Javier Andrada, Pedro Galán e Gustavo Fernández. Esta clase contén arredor de 6.433 especies vivas das cales unhas 17 foron atopadas con maior ou menor abundancia no territorio galego.
Santa Mariña pode referirse a: Mariña de Augas Santas, mártir galega venerada pola igrexa católica e con festividade en 18 de xullo;Como topónimo dá nome a: Santa Mariña, parroquia do concello de Outeiro de Rei; Santa Mariña, lugar de dita parroquia; Santa Mariña do Castro de Amarante, parroquia do concello de Antas de Ulla; Santa Mariña, lugar de dita parroquia; Santa Mariña de Albán, parroquia do concello de Coles; Santa Mariña, lugar de dita parroquia; Santa Mariña de Brañas, parroquia do concello de Toques; Santa Mariña de Lagostelle, parroquia do concello de Guitiriz; Santa Mariña, lugar de dita parroquia; Santa Mariña de Pescoso, parroquia do concello de Rodeiro; Santa Mariña de Presqueiras, parroquia do concello de Forcarei; Santa Mariña do Castro, parroquia do concello de Carballedo; Santa Mariña do Incio, parroquia do concello do Incio; Santa Mariña do Monte, parroquia do concello de Monforte de Lemos; Santa Mariña do Monte, parroquia do concello de San Sadurniño; Santa Mariña do Monte, parroquia do concello de Ourense; Santa Mariña do Monte, parroquia do concello do Barco de Valdeorras; Santa Mariña, lugar da parroquia de San Pedro de Mor no concello de Alfoz; Santa Mariña, lugar da parroquia de Xaviña no concello de Camariñas; Santa Mariña, lugar da parroquia de Razo no concello de Carballo; Santa Mariña, lugar da parroquia de Cabreiros no concello do Corgo; Santa Mariña, lugar da parroquia de Pígara no concello de Guitiriz; Santa Mariña, lugar da parroquia de Coucieiro no concello de Muxía; Santa Mariña, lugar da parroquia de Xuño no concello de Porto do Son; Santa Mariña, lugar da parroquia de Gundriz no concello de Samos.
Isidre Nonell i Monturiol, nado en Barcelona o 30 de novembro de 1872 e finado o 21 de febreiro de 1911 foi un pintor e debuxante. Está considerado un dos artistas catalán máis destacados de principios do século XX e unha figura básica do post-modernisme cunha obstinación por pintar temas que non estaban de moda na súa época.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.