Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Casaquistán ou Kazhakhstán é un país fundamentalmente asiático, aínda que tamén inclúa unha rexión relativamente pequena que, xeograficamente, pertence á Europa: a área entre o río Ural e a fronteira rusa, o punto máis oriental do continente europeo. Limita ao norte e oeste con Rusia (6.846 quilómetros de fronteira), ao leste coa China (1.533 km), a sur co Kirguizistán (1.051 km), o Uzbekistán (2.203 km) e Turkmenistán (379 km) e a oeste co Mar Caspio. É o noveno país máis grande do mundo por superficie, mais ten unha densidade de 6 hab./km².
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O RMS Titanic (en inglés: Royal Mail Steamship Titanic) foi un transatlántico construído en Irlanda do Norte, que afundiu na súa viaxe inaugural a través do océano Atlántico Norte ao colidir cun iceberg a noite do 14 ao 15 de abril de 1912 na viaxe a Nova York. Finaron máis de 1500 persoas e recolléronse soamente uns 300 corpos do mar. Considérase popularmente a maior traxedia naval dun só buque da historia, aínda que outros afundimentos producisen máis vítimas, coma os do Steuben (4500) ou o KS Wilhelm Gustloff (7000).
The General é unha película de 1926 de Buster Keaton, codirixida con Clyde Bruckman. Realizáronse varias versións en galego, sendo proxectadas en cineclubes e institutos con títulos como O maquinista da General e outros. Conta a historia dun rapaz que, durante a guerra civil estadounidense, a pesar de nin sequera ser recrutado, consegue defenderse só de todo un exército inimigo para salvar a súa moza.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Titanic é un filme dramático estreado en 1997, escrito, producido e dirixido por James Cameron. Está protagonizado por Leonardo DiCaprio e Kate Winslet como Jack Dawson e Rose DeWitt Bukater respectivamente, membros de diferentes estratos sociais que se namoran a bordo do RMS Titanic mentres realizan unha mesma viaxe pero con diferentes "destinos". O filme está coprotagonizada por Billy Zane que interpreta o papel de Caledon Hockley, prometido de Rose, Bill Paxton que interpreta o líder da expedición que na actualidade trata de atopar a xoia O Corazón do Mar e Gloria Stuart, que dá vida á anciá Rose, no ano 1996.
A densidade é unha magnitude física derivada que expresa a cantidade de substancia nun mesmo volume (é unha magnitude que expresa unha propiedade intensiva). A fórmula para o seu cálculo é: ρ = m V , {\displaystyle \rho ={\frac {m}{V}},} onde ρ representa a densidade, m a masa do obxecto en cuestión e V o volume que ocupa. A súa unidade no SI é o kg/m3.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Diccionario galego de termos médicos
O Diccionario galego de termos médicos (DGTM), é un volume lexicográfico elaborado baixo as directrices da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e publicado en 2002 pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Peter Bogdanovich, nado en Kingston (Nova York) o 30 de xullo de 1939 e finado nos Ánxeles o 6 de xaneiro de 2022, foi un director, guionista, actor, produtor, crítico e historiador do cinema estadounidense. Formou parte do "New Hollywood", xunto con William Friedkin, Brian De Palma, George Lucas, Martin Scorsese, Michael Cimino e Francis Ford Coppola.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 178.845 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Celestino Fernández de la Vega
Celestino Fernández de la Vega Pardo, nado en Friol o 23 de setembro de 1914 e finado en Lugo en 1986, foi un escritor galego, filósofo e ensaísta. É coñecido sobre todo polo seu tratado sobre o humor titulado O segredo do humor de 1963.
Ghahreman (en persa: قهرمان) é un filme iraniano de 2021 escrito e dirixido por Asghar Farhadi e protagonizado por Amir Jadidi, Mohsen Tanabandeh e Alireza Jahandideh. En xuño de 2021, o filme foi escollido para competir pola Palma de Ouro no Festival de Cannes, onde finalmente gañou o Gran Premio. Foi escollido como candidato de Irán para o Óscar ó mellor filme internacional na 94ª edición dos premios, clasificándose na lista curta de decembro.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
As siglas son palabras formadas polo conxunto de letras iniciais dunha expresión complexa. Por exemplo: Unión Europea = UE Tamén se denomina sigla a cada unha das letras que forman a mencionada palabra. Pódense escribir puntos entre cada letra, pero o máis común é omitilos a menos que se queira salientar o seu carácter de sigla.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O fabricante xaponés de automóbiles Honda participou na Fórmula Un, como equipo, construtor e fornecedor de motores entre 1964 e 2008. A participación de Honda na F1 comezou na tempada de 1964, a súa retirada en 1968 foi causada pola morte do piloto de Honda Jo Schlesser durante o Gran Premio de Francia de 1968. Retornaron na tempada de Fórmula Un de 1983 como fornecedor de motores, un papel que terminou en 1992.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
Delegación do Goberno en Galicia
A Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia depende do Ministerio de Política Territorial e Función Pública de España.
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o segundo matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que hai constancia, sendo o primeiro datado en período medieval. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina.
John William Waterhouse, nado o 6 de abril de 1849 en Roma e finado o 10 de febreiro de 1917 en Londres, foi un pintor británico de estio Pre-Rafaelita. A súa obra é varias décadas posterior ao fin da Irmandade Pre-Rafaelita, que tivo o seu apoxeo a mediados do século XIX, polo que recibiu o sobrenome de "o Pre-Rafaelita moderno". Influenciado tamén por outros artistas impresionistas contemporáneos, a súa obra é coñecida pola súa representación de mulleres da mitoloxía grega e das lendas artúricas.
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Karl Anthony Malone, nado o 24 de xullo de 1963 en Summerfield, Luisiana, é un ex xogador de baloncesto estadounidense que disputou 19 tempadas na NBA, 18 delas nos Utah Jazz, onde formou, xunto coa base John Stockton, unha das parellas máis relevantes da historia da NBA. Ao longo da súa carreira conseguiu dúas medallas de ouro en Xogos Olímpicos, sendo ademais o terceiro xogador que máis veces estivo seleccionado para disputar o All-Star Game da NBA con 14 convocatorias, só por detrás de Kareem Abdul-Jabbar e Shaquille O'Neal, e empatado con Michael Jordan e Jerry West.
Auga seca (serie de televisión)
Auga seca é unha serie de televisión estreada en 2020 pola Televisión de Galicia e a RTP, unha coprodución das dúas cadeas e rodada en galego e portugués. Está prevista a súa emisión en HBO España a partir do 1 de abril de 2020 e tamén en HBO Portugal.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Cronoloxía das mulleres na ciencia
Esta é unha cronoloxía das mulleres na ciencia, que abarca desde a historia antiga ata o século XXI. Aínda que a cronoloxía céntrase principalmente nas mulleres dedicadas ás ciencias naturais, como a astronomía, a bioloxía, a química e a física, tamén inclúe a mulleres das ciencias sociais (como a socioloxía ou a psicoloxía) e das ciencias formais (como as matemáticas ou a informática), así como a notables educadoras científicas e médicas. Os acontecementos cronolóxicos enumerados na liña de tempo refírense tanto aos logros científicos como á igualdade de xénero dentro das ciencias.
A Unión Europea ( pronunciación ) (UE) é unha organización internacional constituída por 27 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo.
The Great Train Robbery (noutras páxinas da Galipedia mencionado como "O grande roubo a un tren" e "Asalto e roubo dun tren") é unha curtametraxe muda estadounidense estreada o 1 de decembro de 1903, do xénero Western escrito, producido e dirixido por Edwin S. Porter. É considerada como a primeira película de acción estadounidense e a primeira do xénero Western.A película utilizou unha serie de técnicas pouco convencionais, incluíndo a edición composta, a filmación de localizacións e o movemento frecuente da cámara. Tamén é unha das primeiras en empregar a técnica de corte transversal, na que se amosan dúas escenas que ocorren en simultáneo en lugares diferentes.
Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Na mecánica clásica, a forza centrífuga é unha forza ficticia que aparece cando se describe o movemento dun corpo nun sistema de referencia en rotación ou, equivalentemente, a forza aparente que percibe un observador non inercial que se encontra nun sistema de referencia xiratorio. O cualificativo de "centrífuga" significa que "foxe do centro". En efecto, un observador non inercial situado sobre unha plataforma xiratoria sente que existe unha "forza" que actúa sobre el, que lle impide permanecer en repouso sobre a plataforma a menos que el mesmo realice outra forza dirixida cara ao eixe de rotación.
Valerii Vasylovych Lobanovskyi (en ucraíno: Вале́рій Васи́льович Лобано́вський; en ruso: Вале́рий Васи́льевич Лобано́вский), nado en Kiev o 6 de xaneiro de 1939 e finado en Zaporozhia o 13 de maio de 2002, foi un futbolista e adestrador soviético. Considerado un dos mellores adestradores de fútbol da historia, é coñecido principalmente polo seu traballo á fronte do Dynamo de Kiev e da selección soviética, conxuntos aos que adestrou en varias etapas. Converteu o Dynamo no club máis dominante no fútbol soviético das décadas de 1970 e 1980, conquistando oito ligas soviéticas e seis Copas da Unión Soviética en 16 anos.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
Lydia Boquera de Buen, nada en El Prat de Llobregat (Barcelona) o 26 de novembro de 1963, é unha actriz e presentadora de televisión española. Saltou á fama grazas ao famoso concurso televisivo Un, dos, tres... responda otra vez, dirixido por Chicho Ibáñez Serrador, do que saíron tamén rostros coñecidos como os de Victoria Abril ou Miriam Díaz Aroca.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano, que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España.
Gioachino Antonio Rossini, nado en Pesaro (Estados Pontificios) o 29 de febreiro de 1792 e finado en Passy (Francia) o 13 de novembro de 1868, foi un compositor musical italiano. Compuxo en total 39 óperas, destacando especialmente O barbeiro de Sevilla. A primeira compúxoa aos 14 anos, e a derradeira, Guillerme Tell aos 37, despois do cal decidiu retirarse da música.
Michael Schumacher (pronunciado /mɪçaeːl ʃuːmaxɐ/), nado en Hürth o 3 de xaneiro de 1969, é un ex-piloto alemán de Fórmula 1 que competiu entre 1991 ata 2006 e dende 2010 ata o 2012. Gañou sete campionatos mundiais de Fórmula 1: dous coa escudaría Benetton en 1994 e 1995, e cinco con Ferrari entre 2000 e 2004, Tamén foi subcampión en 1998 e 2006, terceiro en 1992, 1996 e 2005, cuarto en 1993 e quinto en 1999. Acumulou 91 vitorias e 155 podios, e está considerado como un dos mellores pilotos de Fórmula Un de todos os tempos.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Fernando Ruiz Hierro, nado en Vélez-Málaga o 23 de marzo de 1968, é un ex-futbolista e actual adestrador de fútbol español. Xogaba principalmente como defensa central e centrocampista defensivo, aínda que tamén desempeñou a posición de mediapunta. Foi considerado no seu momento como un dos mellores defensores europeos.
Antonio Fernández Resines é un actor español nado o 7 de agosto de 1954 en Torrelavega, Cantabria (España). Resines é un dos actores españois máis coñecidos e de extensísima filmografía, na que figuran moitas películas de éxito do cine español, ademais de varias series de televisión. Recibiu multitude de premios durante a súa traxectoria.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño. A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2022.
En fisioloxía vexetal, o gravitropismo é a forma na que as plantas se desenvolven e se orientan en relación á gravidade. A noción case equivalente de xeotropismo enfatiza a importancia do solo como substrato, por exemplo para describir a tendencia das raíces pivotantes a ancorarse profunda e verticalmente no chan, a diferenza doutras raíces que poden desenvolverse horizontalmente. O termo xeotropismo foi acuñado polo botánico alemán Albert Bernhard Frank en 1868, que combinou o prefixo grego geō- (terra), o substantivo -tropos (dirixido) e o sufixo -ismo (acción ou movemento), pero este termo tende ao desuso porque a reorientación se debe á aceleración gravitatoria.
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976. Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Considérase como unha organización de esquerda (influenciada pola socialdemocracia e o marxismo) e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
O virus da varicela-zóster (VZV) é un dos oito virus do herpes que se sabe que infecta a humanos e vertebrados. O VZV afecta só aos humanos e adoita causar varicela en nenos, adolescentes e adultos novos e herpes zóster (tamén chamado zona, lume sagrado ou zona ígnea) en adultos e raramente en nenos. O virus da varicela-zoster é coñecido por moitos nomes, incluíndo o virus da varicela, o virus do zóster, antes chamado virus do herpes humano 3 (HHV-3, de Human herpesvirus 3) e agora alfaherpesvirus humano 3 (Human alphaherpesvirus 3).