Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Ricardo Hevia Álvarez, nado en Mieres (Asturias) o 16 de setembro de 1940 e falecido o 8 de xaneiro de 2022 en Lugo, foi un adestrador profesional de baloncesto español. A súa carreira como adestrador inclúe clubs como CB Breogán, OAR Ferrol, Club Ourense Baloncesto ou CB Murcia. Tras a súa retirada como adestrador, residiu en Lugo onde traballou en La Voz de Galicia escribindo sobre o Breogán.
Stephen William Hawking, nado en Oxford o 8 de xaneiro de 1942 e finado en Cambridge o 14 de marzo de 2018, foi un físico teórico, cosmólogo, autor e director de investigación británico. Os seus traballos científicos inclúen unha colaboración con Roger Penrose nos teoremas de singularidade gravitacional no eido da relatividade xeral, e a predicción teórica de que os buratos negros emiten radiación, a miúdo chamada radiación de Hawking. Hawking foi o primeiro en expoñer unha teoría da cosmoloxía explicada pola unión da teoría xeral da relatividade e a mecánica cuántica.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O RMS Titanic (en inglés: Royal Mail Steamship Titanic) foi un transatlántico construído en Irlanda do Norte, que afundiu na súa viaxe inaugural a través do océano Atlántico Norte ao colidir cun iceberg a noite do 14 ao 15 de abril de 1912 na viaxe a Nova York. Finaron máis de 1500 persoas e recolléronse soamente uns 300 corpos do mar. Considérase popularmente a maior traxedia naval dun só buque da historia, aínda que outros afundimentos producisen máis vítimas, coma os do Steuben (4500) ou o KS Wilhelm Gustloff (7000).
Casaquistán ou Kazhakhstán é un país fundamentalmente asiático, aínda que tamén inclúa unha rexión relativamente pequena que, xeograficamente, pertence á Europa: a área entre o río Ural e a fronteira rusa, o punto máis oriental do continente europeo. Limita ao norte e oeste con Rusia (6.846 quilómetros de fronteira), ao leste coa China (1.533 km), a sur co Kirguizistán (1.051 km), o Uzbekistán (2.203 km) e Turkmenistán (379 km) e a oeste co Mar Caspio. É o noveno país máis grande do mundo por superficie, mais ten unha densidade de 6 hab./km².
O himno nacional alemán é oficialmente dende 1991 a terceira estrofa do Lied der Deutschen de August Heinrich Hoffmann von Fallersleben. A melodía é a do himno imperial austríaco de Joseph Haydn. A Confederación Alemá do Norte, o primeiro verdadeiro Estado alemán unificado, non estableceu un himno nacional aínda que o Heil dir im Siegerkranz, o himno real de Prusia, adoitaba escoitarse en acontecementos relevantes e logo durante o Imperio Alemán pasou a coñecerse como o Kaiserhymne, aínda que nunca foi oficialmente himno nacional do Imperio, senón unha das varias cancións que se adoitaban escoitar en acontecementos oficiais de especial transcendencia, sobre todo de contar coa participación do emperador.
Celestino Fernández de la Vega
Celestino Fernández de la Vega Pardo, nado en Friol o 23 de setembro de 1914 e finado no Río Miño, en Lugo, en marzo de 1986, foi un escritor galego, filósofo e ensaísta. É coñecido sobre todo polo seu tratado sobre o humor titulado O segredo do humor, de 1963.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Titanic é un filme dramático estreado en 1997, escrito, producido e dirixido por James Cameron. Está protagonizado por Leonardo DiCaprio e Kate Winslet como Jack Dawson e Rose DeWitt Bukater respectivamente, membros de diferentes estratos sociais que se namoran a bordo do RMS Titanic mentres realizan unha mesma viaxe pero con diferentes "destinos". O filme está coprotagonizada por Billy Zane que interpreta o papel de Caledon Hockley, prometido de Rose, Bill Paxton que interpreta o líder da expedición que na actualidade trata de atopar a xoia O Corazón do Mar e Gloria Stuart, que dá vida á anciá Rose, no ano 1996.
Festival de Eurovisión Júnior 2022
O XX Festival de Eurovisión Junior (Junior Eurovision Song Contest 2022 en inglés, francés: Concours Eurovision de la chanson junior 2022 e armenio: Մանկական Եվրատեսիլ 2022 երգի մրցույթ) celebrarase a finais de 2022. Será a segunda vez que se celebrará en Armenia, tras a vitoria de Malena con 224 puntos na anterior edición.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 178.863 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Miguel Rafael Martos Sánchez, nado en Linares (Xaén) o 5 de maio de 1943, coñecido internacionalmente como Raphael, é un dos cantantes máis relevantes do tardofranquismo e dos comezos democráticos do Estado Español. Malia que cun ritmo menor, a día de hoxe segue en activo e ten grande aceptación nos países de fala hispana.
Un personaxe é cada un dos seres que forman a acción dunha obra literaria, película etc., e que son o motor da acción narrativa. Non debe confundirse o termo persoeiro (individuo real de relevancia ou que queremos salientar) con personaxe (ser ficticio por moito que represente a unha persoa real da que soamente é unha representación inventiva). O personaxe é o elemento motor da acción narrativa.
Dragon Ball Z (ドラゴンボールZ, Doragon Bōru Zetto), tamén coñecido en Galiza como Dragón Z ou Bóla de Dragón Z, é unha serie de televisión de animación xaponesa de 291 capítulos de 25 minutos adaptada do manga de Akira Toriyama e producida polo estudio Tōei. É a continuación do anime Dragon Ball. En Galiza emitiuse na década de 1990, dentro do programa infantil Xabarín Club da Televisión de Galicia.
Foscadh (que en lingua irlandesa quere dicir "refuxio"; tamén escrito en irlandés arcaico como Foscaḋ) é un filme irlandés de 2021 escrito e dirixido por Seán Breathnach. Está baseado nos personaxes da novela The Thing about December de Dónal Ryan. O filme estreouse no Festival de Cinema de Galway de 2021.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O termo vehículo deportivo utilitario (en inglés SUV, de sport utility vehicle) designa a aqueles vehículos semellantes aos vehículos familiares pero cun chasis máis lixeiro e normalmente equipado con tracción ás catro rodas coa pretensión de ser utilizado nalgunha medida como vehículo todo terreo, a súa orixe está nos vehículos militares tales como os jeeps e os Land Rover. Foi un vehículo popular na década de 1990 e 2000 nos Estados Unidos, Canadá e Australia e en menor medida en Europa. Desde aquela declinou polo aumento do prezo do combustible e a crise económica substituído polo crossover que conta ademais cunha mellor eficiencia no consumo de combustible.
Avelino Díaz Díaz, nado en Santa Comba da Órrea, (Riotorto), o 14 de novembro de 1897 e finado en Buenos Aires o 29 de marzo de 1971, foi un poeta e xornalista galego. No seu libro monográfico de 2003, Marivel Freire identifícao como "unha voz comprometida na Galicia emigrante". A súa outra faceta poética, máis lírica e sensible, foi escrita toda na Arxentina, onde viviu case toda a vida.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Joan Manuel Serrat i Teresa, nado no barrio de El Poble-sec (Barcelona) o 27 de decembro de 1943, é un cantautor catalán . Trátase dunha das figuras máis destacadas da canción moderna tanto en lingua catalá e castelá. A súa obra contén influencias doutros poetas como Mario Benedetti, Antonio Machado, Miguel Hernández, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Pablo Neruda ou León Felipe; así como de xéneros diversos como o folclore catalán, a copla andaluza, o tango, o bolero e do cancioneiro popular da América Latina, con versións de cancións de Violeta Parra e Víctor Jara.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o segundo matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que hai constancia, sendo o primeiro datado en período medieval. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Mikel Erentxun Acosta, nado en Caracas (Venezuela) o 23 de febreiro de 1965, é un cantautor vasco, máis coñecido como Mikel Erentxun. Residente en Donostia dende 1973, foi o vocalista de Duncan Dhu xunto a Diego Vasallo (e anteriormente Juan Ramón Viles) antes de comezar a súa carreira en solitario.
Rodeiro é un lugar da parroquia de Rodeiro no concello coruñés de Oza-Cesuras na comarca de Betanzos. Tiña 42 habitantes no ano 2010 segundo datos do Instituto Galego de Estatística, dos cales eran 18 homes e 24 mulleres, o que supón unha diminución con relación ao ano 2000 cando tiña 46 habitantes.
Krazy Kat é unha tira de prensa creada por George Herriman que apareceu nos diarios estadounidenses entre 1913 e 1944. Publicouse por primeira vez no New York Evening Journal de William Randolph Hearst. Ambientada nunha escena idealizada do lugar de vacacións de Herrmiman no condado de Coconino, Arizona, Krazy Kat é unha mestura de surrealismo, brincadeira inocente e linguaxe poética que fixo que estes cómics se convertesen nun dos favoritos dos fans ao longo das décadas.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Iago López Marra, nado en Portosín o 7 de abril de 1990, é un regatista galego, que compite en vela. Destaca especialmente na clase 49er, da que foi campión do mundo en 2020 e dúas veces campión de Europa en 2016 e 2018. Participou en dous Xogos Olímpicos (Río 2016 e Toquio 2020), ocupando no primeiro deles o 9º posto da clase 49er (xunto con Diego Botín).
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Simple Mail Transfer Protocol (SMTP, Protocolo de Transferencia Simple de Correo) é o patrón de facto para envío de correo electrónico a través da Internet. SMTP é un protocolo relativamente simple, baseado en texto simple, en que se especifican un ou varios destinatarios dunha mensaxe (e, na maioría dos casos, validados), sendo despois a mensaxe transferida. É bastante fácil testar un servidor SMTP usando o programa telnet.
O reino suevo, reino suevo de Galiza ou reino de Galiza configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións de Galiza e o norte e centro de Portugal. despois da caída do Imperio Romano de Occidente. É o primeiro estado medieval da Europa occidental continental: nas Illas Británicas é anterior en Gales o Reino de Dyfed, logo da fin do dominio romano en Britania.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente milita no Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
A agricultura (do latín agri ‘campo’, e cultūra ‘cultivo’, ‘crianza’) é o conxunto de técnicas, coñecementos e saberes para cultivar a terra e a parte do sector primario que se dedica a iso. Nela englóbanse os diferentes traballos de tratamento do chan e os cultivos de vexetais. Comprende todo un conxunto de accións humanas que transforman o medio natural e hábitats.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Novak Đoković (en alfabeto cirílico Новак Ђоковић, ás veces escrito como Novak Djokovic), nado en Belgrado o 22 de maio de 1987, é un tenista profesional serbio. Actualmente (decembro de 2015) é o número 1 do mundo no ránking da ATP. Campión do Aberto de Australia en 7 ocasións (2008, 2011, 2012, 2013, 2015, 2016 e 2019), gañador do Torneo de Wimbledon en 5 ocasións en 2011, 2014, 2015 2018 e 2019 (finalista en 2013), campión de Roland Garros en 2016, do Aberto dos Estados Unidos en 2011, 2015 e 2018 (finalista en 2007, 2010, 2012, 2013 e 2016), e medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008. Forma parte do Equipo de Copa Davis de Serbia desde 2003, co cal obtivo o triunfo en 2010.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
Unha criptomoeda, criptodivisa ou criptoactivo é un medio dixital de intercambio que utiliza criptografía forte para asegurar as transaccións financeiras, controlar a creación de unidades adicionais e verificar a transferencia de activos; é un tipo de moeda complementaria e de moeda dixital. As criptomoedas teñen un control descentralizado, en contraposición ás moedas centralizadas e aos bancos centrais.O control de cada moeda funciona a través dunha base de datos descentralizada, habitualmente unha cadea de bloques, que serve como unha base de datos de transaccións financeiras pública.A primeira criptomoeda que empezou a operar foi o bitcoin en 2009 e, desde entón, apareceron moitas outras con diferentes características e protocolos como litecoin, namecoin, peercoin, ripple, dogecoin, petro, etc.A comezos de 2019 mesmo algúns bancos traballan xa con criptomoedas.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano, que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
María Rosa García García, alias Niña Pastori, nada en San Fernando (Cádiz) o 15 de xaneiro de 1978, é unha cantante española de flamenco. É a filla da cantante de flamenco Inés "la del Pelao" e recibiu unha grande influencia de Camarón de la Isla. Publicou o seu primeiro disco grazas a Alejandro Sanz[Cómpre referencia].
Manuel Arca Castro é un tradutor galego residente en Santiago de Compostela que desenvolve o seu labor profesional principalmente no ámbito audiovisual e, en menor medida, no mundo editorial, en tarefas de asesoría lingüística e corrección para empresas como Obradoiro Edicións, NovoVinilo Edicións ou a Editorial Hugin e Munin.
Os climas tropicais están caracterizados por temperaturas elevadas, con temperaturas medias de 18 °C ou superiores durante todos os meses do ano. Estes climas poden subdividirse da seguinte maneira: Tropical de foresta: en todos os doce meses hai precipitación de polo menos 60 mm. Estes climas son típicos de rexións próximas ao ecuador, e non teñen estacións do ano.
Alita: Battle Angel é un filme estadounidense de 2019 de xénero ciberpunk baseado na serie manga xaponesa Gunnm, de Yukito Kishiro e a súa animación orixinal de 1993 GUNNM. Foi dirixido por Robert Rodriguez e producido por James Cameron, quen coescribiu o guión con Laeta Kalogridis. Rosa Salazar protagoniza o filme interpretando con captura de movementos a Alita, unha ciborg que esperta nun corpo novo sen lembranzas do seu pasado e que se propón descubrir o seu destino. Christoph Waltz, Jennifer Connelly, Mahershala Ali, Ed Skrein, Jackie Earle Haley e Keean Johnson interpretan os papeis secundarios.