Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Discogs, abreviatura de discografías, é unha páxina web e unha base de datos colaborativa que recolle información sobre gravacións de son, entre as que se inclúe gravacións comerciais, promocionais e gravacións non comerciais. Os servidores de Discogs, aloxados baixo o dominio discogs.com, son propiedade de Zink Media, Inc., e atópanse en Portland, Oregón, nos Estados Unidos. Aínda que a páxina contén listas musicais de tódolos xéneros e en tódolos formatos, é especialmente coñecida por ser a meirande base de datos de música electrónica e polas súas gravacións en discos de vinilo.
Johann Wolfgang von Goethe ( [ˈjoːhan ˈvɔlfɡaŋ fɔn ˈɡøːtə] ), nado en Frankfurt o 28 de agosto de 1749 e finado o 22 de marzo de 1832, foi un novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar. A súa obra Fausto ten sido chamado o mellor poema longo da literatura moderna europea. O súa obra inclúe poesía épica e lírica, escrita en diversas métricas e estilos, prosa e dramas en verso, memorias, unha autobiografía, críticas literarias e estéticas, tratados de botánica, anatomía, e cor, e catro novelas.
Un verso (do latín versus, que significa "volto", por oposición a prorsus, de onde vén prosa, que significa "todo seguido") é un conxunto de palabras suxeitas a medida, ritmo e cadencia, ou só a cadencia, en contraposición á prosa, que non está sometida habitualmente a estes procedementos. Adoita ser a canle formal habitual de expresión da poesía lírica. Convén distinguir claramente entre verso, que é unha forma literaria, e poesía lírica, que é un xénero literario.
Happy Tree Friends (Felices Amigos do Bosque, en tradución libre) é un deseño animado en Adobe Flash de humor negro de Mondo Mini Shows, creada por Kenn Navarro, Aubrey Ankrum, Rhode Montijo e Warren Graff. Como se mostra na web oficial, "non se recomenda para nenos". Mesmo con aparencia fofa e típica de deseños infantís dos personaxes, o deseño é moi violento, e case todos os episodios contén sangue, sufrimento, traxedias e mortes violentas.
O Ducado de Sussex é un título nobiliario usado na Casa Real Británica. Foi conferido por primeira vez o 24 de novembro de 1801 ao príncipe Augusto Federico, sexto fillo do rei Xurxo III do Reino Unido e da súa esposa, a raíña Carlota. Tamén foi nomeado conde de Inverness e barón Arklow no mesmo acto, títulos así mesmo pertencentes á nobreza británica.
Unha obra derivada é, en termos lexislativos de dereitos de autor, unha obra intelectual creada a partir dunha ou outras xa existentes incluíndo aspectos que poden estar suxeitos a dereitos de autor. A obra derivada debe garantir os dereitos de autor da obra orixinal. Exemplos de obras derivadas poden ser unha tradución, unha adaptación musical, unha adaptación a outro medio de comunicación ou un resumo.
Uberon é unha ontoloxía de anatomía comparada que representa unha gran variedade de estruturas atopadas en animais, como pulmóns, músculos, ósos, plumas e aletas. Estas estruturas están conectadas a outras estruturas vía relacións como meronimia e "desenvolvido dende". Un dos usos desta ontoloxía é o de integrar datos dende bases de datos biolóxicas diferentes, e dende outras ontoloxías específicas de especies como o Foundational Model of Anatomy.
Cookie Monster (coñecido en Galicia coma Monstro das Galletas ou Triki a partir da versión en castelá do programa Sesame Street (Barrio Sésamo) emitido nos anos oitenta do século XX) é un monicreque do programa infantil Sesame Street. O Cookie Monster é unha criatura azul, peluda e moi famenta. Come calquera cousa que atopa, mais o seu alimento preferido son as súas amadas galletas.
Alexia Putellas Segura, nada en Mollet del Vallès o 4 de febreiro de 1994, é unha futbolista catalá que xoga como mediocampista, concretamente na posición de interior esquerdo, como capitá na primeira división española de fútbol feminino co Futbol Club Barcelona. É tamén internacional coa Selección Absoluta de España desde o 2013. No 2021 e no 2022 foi premiada co Balón de Ouro á mellor xogadora do mundo, e o 17 de xaneiro de 2022, foi premiada co Premio The Best FIFA de 2021, sendo a segunda futbolista en acadar ambos premios na mesma temporada, tra-la americana Megan Rapinoe, que o fixo no ano 2019.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Relacións Bután-Estados Unidos de América
Bután e os Estados Unidos de América non teñen relacións diplomáticas formais, mais as relacións entre as dúas nacións son vistas como "amigábeis e próximas", debido a valores compartidos entre os dous países. A alianza crecente entre a India e os Estados Unidos tamén axudou a mellorar as relacións de Bután e os Estados Unidos de América. Bután está representado nos Estados Unidos a través da súa misión permanente nas Nacións Unidas.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Jeffrey Lionel Dahmer, nado o 21 de maio de 1960 en Milwaukee, Wisconsin, e finado o 28 de novembro de 1994 en Portage, Wisconsin, alcumado como o Caníbal de Milwaukee ou o Monstro de Milwaukee, foi un asasino en serie e delincuente sexual estadounidense resposábel do asasinato e desmembramento de dezasete homes e rapaces entre 1978 e 1991. Moitos dos seus últimos asasinatos incluían a necrofilia, o canibalismo e a conservación permanente de partes do corpo, xeralmente todo ou parte do esqueleto. Malia ser diagnosticado con trastorno límite da personalidade, trastorno de personalidade esquizotípica e cun trastorno psicótico, Dahmer foi declarado legalmente san no seu xuízo.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 190.361 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Licenza de documentación libre de GNU
A Licenza de documentación libre de GNU (GNU Free Documentation License, GFDL) é unha licenza copyleft para contido libre. Foi creada pola Free Software Foundation (FSF, "Fundación para o software libre") para o proxecto GNU. Esta licenza foi deseñada para a documentación do software e outros documentos de axuda. A licenza estipula que calquera copia dos documentos, inclusive se é modificada, sempre levará a mesma licenza.
Elgin Gay Baylor, nado en Washington, D.C. o 16 de setembro de 1934 e finado nos Ánxeles o 22 de marzo de 2021, foi un xogador e adestrador de baloncesto estadounidense da década de 1960. O seus trece anos como profesional transcorreron no equipo de Minneapolis Lakers, cos que se trasladou á cidade dos Ánxeles en 1960.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O SARS-CoV-2 (do inglés severe acute respiratory syndrome coronavirus 2 ou coronavirus da síndrome respiratoria aguda grave 2), previamente denominado co nome provisional de 2019-nCoV (2019 novel coronavirus ou novo coronavirus 2019), é un virus de ARN monocatenario de sentido positivo. É contaxioso para os humanos e foi o causante da pandemia por coronavirus de 2019-2020 que estendeu por todo o mundo a enfermidade por coronavirus 2019 (COVID-19), que foi designada emerxencia sanitaria pública de preocupación internacional pola Organización Mundial da Saúde (OMS).O SARS-CoV-2 ten unha estreita similitude xenética cos coronavirus do morcego, o que suxire que se orixinou a partir dun virus transportado polos morcegos. Tamén se pensa que un reservorio animal intermediario, seguramente un pangolín, está implicado na súa introdución nos humanos.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
George Lawrence Mikan, Jr. nado en Joliet (Illinois) 18 de xuño de 1924 e finado en Scottsdale (Arizona) o 1 de xuño de 2005, foi un xogador de baloncesto estadounidense que destacou na década dos anos 50 xogando durante sete tempadas na NBA, todas elas nas filas dos Minneapolis Lakers e unha máis na NBL, nos Chicago American Gears. Xogando sempre cunhas grosas lentes redondas, este xogador de 2,08 metros de altura e 111 quilos está considerado a primeira superestrela da liga profesional norteamericana, redefinindo o xogo dos denominados "homes altos" co seu lanzamento de gancho ambidextro, produto da súa propia técnica de adestramento.
Carla Antonelli, nome artístico de Carla Delgado Gómez, nada en Güímar (Tenerife) o 13 de xullo de 1959, é unha actriz, política e recoñecida activista dos dereitos LGBT. Desde 2011 é deputada da Asemblea de Madrid polo Partido Socialista Obrero Español, converténdose na primeira muller transexual de España en acceder a este cargo. En 2019 era a Vicepresidenta da Comisión de Cultura e Turismo e Deportes e responsable de familias, menores e temas LGTBI na Comisión de Políticas Sociais e Familia na Asemblea de Madrid.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
En histoloxía vexetal, as traqueidas ou traqueides son un dos tipos de células do xilema condutoras do zume bruto na planta. O outro tipo de vasos condutores xilemáticos son os elementos dos vasos, que se conectan uns a continuación dos outros formando vasos ou traqueas (que non se deben confundir coas traqueidas). En conxunto, as células condutoras xilemáticas (traqueidas e elementos dos vasos) denomínanse "elementos traqueais".As traqueidas son células longas e estreitas con paredes secundarias lignificadas e sen protoplasto na madurez, polo que son células mortas e ocas.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
As Canarias son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea. Está formada por oito illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria, Lanzarote e La Graciosa, que forman a provincia das Palmas. Tamén fan parte das Canarias os illotes deshabitados de Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste, que forman xunto coa illa de La Graciosa o Arquipélago Chinijo, e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.
Os adipocitos, células adiposas ou lipocitos son as células que forman o tecido adiposo. Son células arredondadas, de 10 a 200 microns, cun contido lipídico que representa o 95% do peso celular e que forma o elemento constitutivo do tecido graxo. A súa característica fundamental é que almacenan unha gran cantidade de graxas (triglicéridos), que, no caso dos adipocitos do tecido adiposo branco (o máis abondoso no organismo humano adulto) se agrupan formando unha gran pinga que ocupa a maioría da célula, desprazando ao resto do citoplasma, orgánulos e núcleo á periferia da célula.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
O poexo (Mentha pulegium), tamén chamado poexo-menta, é unha das especies máis coñecidas do xénero Mentha. Pertence á familia das labiadas, é unha perenne de raíces rizomatosas que crece ben en sitios húmidos ou cerca dos cursos fluviais, onde a podemos encontrar na súa forma silvestre entre gramíneas e outras plantas. Os seus erguidos talos cuadrangulares, moi ramificados, poden chegar a medir entre 30 e 40 cm.
Os macrófagos (do grego makros "grande" + fagein "comer") son células orixinadas pola diferenciación dos monocitos sanguíneos nos tecidos. Os macrófagos son fagocitos duns 21 microns de diámetro. Interveñen na defensa inmunitaria inespecífica ou innata e colaboran no inicio dos mecanismos de defensa específicos ou adaptativos nos animais vertebrados.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Meriadoc Brandigamo, normalmente coñecido como Merri, é un personaxe de ficción do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra máis famosa, O Señor dos Aneis. Merri, un Hobbit, naceu no ano 2982 da Terceira Idade, e era o único fillo (e xa que logo o herdeiro aparente) de Saradoc Brandigamo (2940–11 C.I.), Señor de Gamoedo, e Esmeralda Tuc (2936–?), irmá máis nova de Paladin Tuc, o que o convertía en curmán do fillo de Paladin, Pipin, quen tamén era o seu amigo. Amante dos barcos e mapas da Terra Media, descríbese a Merri como un dos máis íntimos amigos de Frodo, o protagonista principal do libro.
Un hiato é a concorrencia de dúas vogais sucesivas que pertencen a dúas sílabas diferentes, e que polo tanto non forman ditongo. En galego pode haber hiato nos seguintes casos: Dúas vogais abertas (a, e, o) seguidas: aéreo (a-é-re-o), cacao (ca-ca-o), área (á-re-a), fideo (fi-de-o), táboa (tá-bo-a), adoecer (a-do-e-cer). Unha vogal aberta ou media e unha pechada (i, u) tónica.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Suecia (en sueco: Sverige, [ˈsværjɛ] (AFI), escoitar), oficialmente Reino de Suecia, é un país nórdico situado na península escandinava. Limitado ao norte e oeste con Noruega e ao leste con Finlandia, está conectado con Dinamarca pola ponte-túnel de Oresund, cruzando o estreito de Öreseund. Ademais está bañada polas costas do Mar Báltico, formando o Golfo de Botnia xunto con Finlandia.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Unha primavera para Aldara é unha obra de teatro de Teresa Moure. A peza é un drama histórico ambientada nun mosteiro galego na segunda metade do século XV, no marco da Gran Guerra Irmandiña. Acadou o Premio Rafael Dieste e o Premio da AELG en 2008, e o Premio María Casares ó mellor texto orixinal en 2009.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
O músculo liso é un músculo involuntario non estriado. É un dos tres grandes tipos de tecido muscular; os outros dous son o músculo esquelético e o músculo cardíaco. Hai dous tipos de músculo liso segundo a forma como se produce a contracción: o músculo liso dunha soa unidade (unitario) e o de multiunidades.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Xoán Manuel Pintos Villar, nado no Burgo (Pontevedra) o 16 de decembro de 1811 e finado en Vigo o 29 de xuño de 1876, foi un escritor galego. Está considerado un dos precursores do Rexurdimento literario, e dentro deles, pertencente á primeira xeración provincialista. A súa obra, como acontecía por norma xeral na época, está espallada en xornais, revistas e folletos, mais é A Gaita Gallega (1853) a única obra súa publicada en vida.
Nina Consuelo Epton, nada en Hampstead en 1913 e finada en Seaford (East Sussex) o 29 de outubro de 2010, foi unha produtora de radio británica, personalidade da radio e escritora das súas viaxes, particularmente activa na década de 1950 e 1960. Viaxou soa a través de España, o Norte de África, e Indonesia. Na década de 1970 publicou unha serie de traballos históricos sobre a realeza, dous libros sobre gatos e unha novela baseada na vida de Jane Digby.