Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Alfred Joseph Hitchcock, nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 e finado no barrio de Bel Air (Os Ánxeles) o 29 de abril de 1980, foi un director de cine británico nacionalizado americano, mestre do xénero do thriller de suspense. Tras unha exitosa carreira no cine británico en películas mudas e nas primeiras sonoras, o que o levou a ser considerado o mellor director de Inglaterra, Hitchcock trasladouse a Hollywood en 1939.
O termo alfabetización, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, provén do verbo alfabetizar; trátase da acción de “ensinar a ler e escribir”, así mesmo enténdese tradicionalmente como a habilidade de ler e escribir, co propósito de comprender ou expresar pensamentos ou ideas en forma escrita nalgún contexto específico de uso. Noutras palabras, os humanos das sociedades alfabetizadas teñen formas prácticas para producir e consumir escritos, e tamén teñen crenzas sobre estas prácticas. Ler, desde este punto de vista, é sempre ler algo con algún propósito; escribir sempre é escribir algo para alguén para uns fins particulares.
Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.
Checoslovaquia (en checo e eslovaco: Československo ou Česko-Slovensko) foi un estado fundado trala fin da primeira guerra mundial e a desmembración do Imperio Austrohúngaro, do cal formaba parte o Reino de Bohemia, no Tratado de Versalles. Durou dende 1919 ata 1993, e comprendía ás actuais República Checa e Eslovaquia. En 1938, Chequia pasou a fomar parte do Terceiro Reich co nome de Bohemia e Eslovaquia continuou a ser independente cun goberno pro-nazi.
A cremación é un método de disposición final dun cadáver mediante a queima (combustión).A incineración pode servir como rito funerario ou post-funeral e como alternativa ao enterramento dun cadáver intacto. Nalgúns países, incluíndos a India e o Nepal, a cremación nunha pira ao aire libre é unha tradición antiga. A partir do século XIX, a cremación foi introducida ou reintroducida noutras partes do mundo.
En economía e en mercadotecnia un servizo é un conxunto de actividades que buscan responder a unha ou máis necesidades de quen, polo seu uso no mercado, se converte en cliente. Defínese un marco onde as actividades se desenvolverán coa idea de fixar unha expectativa no resultado destas. É o equivalente no material dun ben.
En bioloxía denomínase subespecie a cada un dos grupos nos que se dividen as especies, e que se compoñen de individuos que, ademais dos caracteres propios da mesma, teñen en común outros caracteres morfolóxicos polos cales aseméllanse entre si e distínguense dos das demais subespecies. Dende o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a categoría taxonómica comprendida entre a especie e a raza. A subespecie é unha parte da especie formada por unha ou máis poboacións, pouco diferenciadas e cunha distribución xeográfica concreta.
O teorema das catro cores é un teorema de formulación e conceptualización simple, mais de demostración extremadamente complexa. A súa formulación é a seguinte: Dado un mapa plano, dividido en rexións, chegan catro cores para colorealo, de forma que rexións veciñas non partillen a mesma cor.É necesario precisar un pequeno detalle: as rexións que só se tocan nun punto non se consideran veciñas. Sen esta condición, o teorema demostrouse pola primeira vez en 1976 por Appel e Haken, utilizando un computador IBM 360.
Jeffrey Lionel Dahmer, nado o 21 de maio de 1960 en Milwaukee, Wisconsin, e finado o 28 de novembro de 1994 en Portage, Wisconsin, alcumado como o Caníbal de Milwaukee ou o Monstro de Milwaukee, foi un asasino en serie e delincuente sexual estadounidense resposábel do asasinato e desmembramento de dezasete homes e rapaces entre 1978 e 1991. Moitos dos seus últimos asasinatos incluían a necrofilia, o canibalismo e a conservación permanente de partes do corpo, xeralmente todo ou parte do esqueleto. Malia ser diagnosticado con trastorno límite da personalidade, trastorno de personalidade esquizotípica e cun trastorno psicótico, Dahmer foi declarado legalmente san no seu xuízo.
Un algoritmo é un conxunto ordenado e finito de operacións sinxelas que conducen á resolución dun problema, como por exemplo a formulación programática paso a paso para producir unha serie de resultados nun programa en informática. Máis especificamente, en matemáticas, constitúe o conxunto de procesos (e símbolos que os representan) para efectuar un cálculo. A palabra algoritmo ten orixe no alcume Al-Khwarizmi, do matemático persa do século IX, Abu Yafar Mohámmed Abenmusa, cuxas obras foron traducidas no occidente cristián no século XII, recibindo unha delas o nome "Algorithmi de numero indorum", sobre os algoritmos usando o sistema de numeración decimal (indiano).
En física e química, denomínase plasma (do latín plasma e do grego πλάσμα ‘formación’) ao cuarto estado de agregación da materia, un estado fluído similar ao estado gasoso pero no que determinada proporción das súas partículas están eléctricamente cargadas (ionizadas) e non posúen equilibrio electromagnético, por iso son bos condutores eléctricos e as súas partículas responden fortemente ás interaccións electromagnéticas de longo alcance. En certa forma e de maneira sintética, o plasma pódese caracterizar como un gas ionizado. O plasma ten características propias que non se dan nos sólidos, líquidos ou gases, polo que é considerado outro estado de agregación da materia.
Un ordenador, tamén chamado computadora ou computador, é unha máquina que realiza cálculos e controla operacións expresadas en termos lóxicos e numéricos. O ordenador é un sistema dixital con tecnoloxía microelectrónica, capaz de procesar datos a partir dun grupo de instrucións denominado programa. A estrutura básica dun ordenador inclúe microprocesador (CPU), memoria e dispositivos de entrada/saída (E/S), xunto ós buses que permiten a comunicación entre eles.
A andoriña ou anduriña (Hirundo rustica) é unha pequena ave insectívora migratoria que se atopa en África, Europa, Asia e América. As andoriñas europeas pasan a primavera viaxando cara ao norte, chegando mesmo ata o círculo polar ártico, mentres pasan o inverno en África. A plumaxe da andoriña é negra azulada no dorso e branca no peito.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Marilyn Monroe, de nome real Norma Jeane Mortensen, nada nos Ánxeles o 1 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 5 de agosto de 1962, foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense. Converteuse nun importante sex symbol, protagonizando un bo número de exitosos filmes durante a década de 1950 e principios da de 1960, chegando a ser unha das actrices de Hollywood máis famosas de todos os tempos.Iniciou a súa carreira como modelo fotográfica e a partir de 1946 comezou a interpretar pequenos papeis en películas de baixo custo. Os primeiros papeis destacados interpretounos nas películas A xungla do asfalto (1950) e Todo sobre Eva (1950).
A mitoloxía galega é o conxunto de mitos máis ou menos relacionados (ou mesmo sen conexións entre si): relatos que forman parte da cultura do pobo galego. Poden chegar a través de discursos, narracións ou expresións culturais de orixe sagrada e que posteriormente foron secularizados e tratados como discursos relativos a esta cultura, a unha época concreta ou a unha serie de crenzas de carácter imaxinario.
Santo André de Valongo é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2010 tiña 131 habitantes (58 homes e 73 mulleres), 28 menos que en 1999. A parroquia, que inclúe os terreos da desaparecida parroquia de San Lourenzo da Escuadra, ten once entidades de poboación.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 190.204 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Dos arquivos do trasno: Contos do monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
En histoloxía vexetal, as traqueidas ou traqueides son un dos tipos de células do xilema condutoras do zume bruto na planta. O outro tipo de vasos condutores xilemáticos son os elementos dos vasos, que se conectan uns a continuación dos outros formando vasos ou traqueas (que non se deben confundir coas traqueidas). En conxunto, as células condutoras xilemáticas (traqueidas e elementos dos vasos) denomínanse "elementos traqueais".As traqueidas son células longas e estreitas con paredes secundarias lignificadas e sen protoplasto na madurez, polo que son células mortas e ocas.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Eclecticismo (do grego εκλεκτός, «escoller»), é en Filosofía a escola de pensamento que se caracteriza por escoller (sen principios determinados) concepcións filosóficas, puntos de vista, ideas e valoracións entre as outras escolas que se asume poden chegar a ser compatibles de forma coherente, combinándoas e mesturándoas aínda que o resultado poida ser a miúdo contraposto sen chegar a formar un todo orgánico.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
O presidente da Federación Rusa ou presidente de Rusia (en ruso: Президент Российской Федерации; ou Президент России tr.: Prezidyent Rossiyskoy Fyederatsii ou Pryezidyent Rossii) é o xefe de Estado e supremo comandante en xefe do Exército. Aínda que a súa presentación constitucional aparenta máis neutralidade, o presidente da Federación exerce de facto xunto co Goberno federal e o seu primeiro ministro o Poder Executivo. O Presidente da Federación é o garante da Constitución federal e gardián dos dereitos fundamentais do cidadán, e é xunto co Goberno o encargado de velar pola aplicación do poder do Estado en todo o territorio ruso.
A Historia da Arquitectura estuda a evolución e historia da Arquitectura no mundo considerando varias influencias, a artística, sociocultural, política, económica e tecnolóxica. En xeral, a cuestión é como relacionar o significado (funcións intanxibles, propostas, símbolos) co medio construído (táboas, xanelas, teitos, camiños) a través das necesidades da vida (comida, traballo, comunidade etc.) no contexto histórico. A Historia da Arquitectura, como calquera outra forma de coñecemento, é moi subxectiva sobre as limitacións e potenciais da historia divisada como unha disciplina.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Premio Nobel da Paz é un dos cinco premios Nobel instituído polo inventor e industrial sueco Alfred Nobel. Mentres que os de Física, Química, Medicina e Literatura son entregados en Estocolmo, o Premio Nobel da Paz é entregado en Oslo, a capital de Noruega. A medalla de ouro que se lles entrega ás persoas premiadas fabrícase na Casa da Moeda de Noruega.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
The New York Times é un xornal publicado na cidade de Nova York e distribuído nos Estados Unidos e moitos outros países, fundado o 18 de setembro de 1851 por Henry Jarvis Raymond e George Jones, o primeiro tamén fundador de Associated Press. É propiedade da The New York Times Company, que tamén posúe outras 40 publicacións, incluíndo o International Herald Tribune e o Boston Globe. O diario é afectuosamente chamado a «Dama Gris» (Gray Lady, en inglés).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.
Lista de deseñadores das moedas de euro
Esta é unha lista dos deseñadores das moedas de euro ordinarias —non conmemorativas— de cada Estado da Eurozona, no relativo aos seus anversos, que son propios de cada país. O deseñador dos reversos comúns a todos os países é o gravador Luc Luycx, da Casa da Moeda Real de Bélxica.
O burro ( pronunciación ) ou asno (Equus asinus) é un mamífero doméstico da familia dos équidos, de ata metro e medio aproximadamente de altura á cruz, caracterizado polas longas orellas e a cabeza proporcionalmente grande. O pelo das crinas é curto, polo que estas son erectas. Emprégase, ou mellor empregábase, como animal de carga.
A monarquía absoluta é unha forma de goberno en que o monarca ten o poder absoluto. Nela non existe a división de poderes. Aínda que a administración da xustiza poida ter unha autonomía relativa en relación ao rei ou existan institucións parlamentarias, o monarca absoluto pode cambiar as decisións e os dictames dos tribunais en última instancia ou reformar as leis á súa vontade ("a palabra do rei é lei").
Carolyn Ruth Bertozzi, nada en Boston, Massachusetts ( Estados Unidos) o 10 de outubro de 1966, é unha química estadounidense da Universidade de Stanford, onde ocupa a cátedra Anne T. e Robert M. Bass na Escola de Humanidades e Ciencias. En 2022, foi galardoada co Premio Nobel de Química, xunto con Barry Sharpless, que obtivo así o seu segundo Nobel, e Morten Meldal, polos seus estudos e implementación da teoría do clic da química, no caso de Bertozzi levando a técnica a un nivel máis avanzado que permitiu utilizala sobre os seres vivos. Ela e o seu equipo chamáronlle química bioortogonal.
Hernán Cortés Monroy Pizarro Altamirano máis coñecido por Hernán Cortés, quen asinaba as súas cartas como Fernán Cortés, nado en Medellín (Badaxoz) en 1485 e finado en Castilleja de la Cuesta (Sevilla) o 2 de decembro de 1547, foi un conquistador castelán que encabezou a expedición que causou a caída do Imperio Azteca, territorio que actualmente é coñecido como México, en favor da Coroa de Castela, a comezos do século XVI. Cortés foi parte da xeración de colonizadores hispanos que iniciou a primeira fase da colonización castelá das Américas.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.