Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A filosofía (do grego - φιλοσοφία philos / sophia, "amor á sabedoría") é o estudo das cuestións xerais e fundamentais relacionadas coa natureza da existencia humana; do coñecemento; da verdade; valores morais e estéticos; da mente; tanto da lingua como do universo no seu conxunto en suma pódese dicir que é a procura do coñecemento puro sen deixarse corromper por sistemas preestabelecidos. A filosofía responde ó desexo de saber, busca coñecer as causas das cousas, indagando a verdade e os seus problemas. Neste senso é máis crítica que dogmática.
O suxi (鮨, 鮓, 寿司 ou 壽司) é unha preparación culinaria de orixe xaponesa elaborada a base de arroz cocido adubado con vinagre de arroz, azucre e sal, con peixe cru ou verduras, xeralmente envoltos nunha folla de nori. Este prato é un dos máis recoñecidos da gastronomía xaponesa e un dos máis populares internacionalmente. Aínda que normalmente se asocia o suxi co peixe e o marisco, tamén pode levar verduras ou ovo.
Unha máquina é un dispositivo que transforma unha forma de enerxía noutra e forma un conxunto independente de mecanismos deseñados co obxectivo de realizar unha ou máis tarefas determinadas. Unha máquina pode ser ou non automática ou intelixente, por exemplo, conter ou non elementos eléctricos, electrónicos, hidráulicos etc. Algunhas poden recibir nomes concretos segundo o seu uso ou obxecto, tales como máquina de afeitar, máquina de coser, máquina de lavar, máquina de escribir, máquina de retratar, máquina de calcular, máquina de picar carne, máquina de cortar embutidos, máquina de facer churros, máquina de segar, máquina de imprimir etc.As máquinas clasifícanse en función dos tipos de enerxía que manexan: Máquinas térmicas cuxo principio de funcionamento é o intercambio de calor (enerxía térmica) entre dous focos.
Jeffrey Lionel Dahmer, nado o 21 de maio de 1960 en Milwaukee, Wisconsin, e finado o 28 de novembro de 1994 en Portage, Wisconsin, alcumado como o Caníbal de Milwaukee ou o Monstro de Milwaukee, foi un asasino en serie e delincuente sexual estadounidense resposábel do asasinato e desmembramento de dezasete homes e rapaces entre 1978 e 1991. Moitos dos seus últimos asasinatos incluían a necrofilia, o canibalismo e a conservación permanente de partes do corpo, xeralmente todo ou parte do esqueleto. Malia ser diagnosticado con trastorno límite da personalidade, trastorno de personalidade esquizotípica e cun trastorno psicótico, Dahmer foi declarado legalmente san no seu xuízo.
A Terra (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
Marilyn Monroe, de nome real Norma Jeane Mortensen, nada nos Ánxeles o 1 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 5 de agosto de 1962, foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense. Converteuse nun importante sex symbol, protagonizando un bo número de exitosos filmes durante a década de 1950 e principios da de 1960, chegando a ser unha das actrices de Hollywood máis famosas de todos os tempos.Iniciou a súa carreira como modelo fotográfica e a partir de 1946 comezou a interpretar pequenos papeis en películas de baixo custo. Os primeiros papeis destacados interpretounos nas películas A xungla do asfalto (1950) e Todo sobre Eva (1950).
A Historia da Arquitectura estuda a evolución e historia da Arquitectura no mundo considerando varias influencias, a artística, sociocultural, política, económica e tecnolóxica. En xeral, a cuestión é como relacionar o significado (funcións intanxibles, propostas, símbolos) co medio construído (táboas, xanelas, teitos, camiños) a través das necesidades da vida (comida, traballo, comunidade etc.) no contexto histórico. A Historia da Arquitectura, como calquera outra forma de coñecemento, é moi subxectiva sobre as limitacións e potenciais da historia divisada como unha disciplina.
Eclecticismo (do grego εκλεκτός, «escoller»), é en Filosofía a escola de pensamento que se caracteriza por escoller (sen principios determinados) concepcións filosóficas, puntos de vista, ideas e valoracións entre as outras escolas que se asume poden chegar a ser compatibles de forma coherente, combinándoas e mesturándoas aínda que o resultado poida ser a miúdo contraposto sen chegar a formar un todo orgánico.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O millo ou maínzo (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara abaixo.
Saudi Aramco (árabe: أرامكو السعودية ʾArāmkū as-Suʿūdiyyah), oficialmente Saudi Arabian Oil Company (anteriormente Arabian-American Oil Company), é unha empresa pública de petróleo e gas natural de Arabia Saudita con sede en Dhahran. Desde 2020, é unha das empresas máis grandes do mundo por ingresos. Saudi Aramco ten as segundas reservas de cru comprobadas máis grandes do mundo con máis de 270 mil millóns de barriles, e a maior produción diaria de petróleo de todas as empresas produtoras de petróleo.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
Marie-Louise Lachapelle, nada en París o 1 de xaneiro de 1769 e finada na mesma cidade o 4 de outubro de 1821, foi unha comadroa francesa, que chegou a desempeñar o cargo de xefa de obstetricia no Hôtel-Dieu de París, o hospital máis antigo de París. Publicou libros de texto sobre anatomía da muller, xinecoloxía e obstetricia. Era contraria ao uso dos fórceps e escribiu Pratique des accouchements, que se converteu durante moito tempo no texto de obstétrica estándar, e en que promoveu os partos naturais.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Francisco Xosé I de Habsburgo-Lorena (en alemán: Franz Josef Karl von Habsburg), nado no Palacio de Schönbrunn (Viena) o 18 de agosto de 1830 e finado na mesma cidade o 21 de novembro de 1916, foi un emperador austríaco, rei apostólico de Hungría e rei de Bohemia, entre outros títulos (2 de decembro de 1848- 21 de novembro de 1916). O seu reinado de 68 anos foi o terceiro máis prolongado da historia europea, despois de Luís XIV de Francia e Xoán II de Liechtenstein. O seu lema persoal era Viribus Unitis (Coa unión de forzas).
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Afonso II de Oviedo, o Casto, nado en Oviedo no 760 e finado na mesma vila no 842, foi rei de toda a Galicia altomedieval entre os anos 791 e 842. Fillo do rei Froila I, educouse no mosteiro de Samos, e foi durante o seu reinado cando se produciu en Compostela a descuberta do suposto sartego do apóstolo Santiago. No tempo do seu longo reinado o caudillismo que exerceran Paio ou Afonso I acadou un verdadeiro nivel de monarquía organizada.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
Carolyn Ruth Bertozzi, nada en Boston, Massachusetts ( Estados Unidos) o 10 de outubro de 1966, é unha química estadounidense da Universidade de Stanford, onde ocupa a cátedra Anne T. e Robert M. Bass na Escola de Humanidades e Ciencias. En 2022, foi galardoada co Premio Nobel de Química, xunto con Barry Sharpless, que obtivo así o seu segundo Nobel, e Morten Meldal, polos seus estudos e implementación da teoría do clic da química, no caso de Bertozzi levando a técnica a un nivel máis avanzado que permitiu utilizala sobre os seres vivos. Ela e o seu equipo chamáronlle química bioortogonal.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
The Impossible (en castelán: Lo imposible; en galego: O imposible) é un filme español de suspense dramático. Está dirixido por Juan Antonio Bayona, producido por Apaches Entertainment e Telecinco Cinema e protagonizado por Naomi Watts, Ewan McGregor, Tom Holland e Samuel Joslin. A película nace a partir dunha historia real onde se recrea a experiencia dunha familia española no tsunami que devastou a costa do Sueste Asiático en 2004 e que causou a morte de centos de miles de persoas.
En física e química, denomínase plasma (do latín plasma e do grego πλάσμα ‘formación’) ao cuarto estado de agregación da materia, un estado fluído similar ao estado gasoso pero no que determinada proporción das súas partículas están eléctricamente cargadas (ionizadas) e non posúen equilibrio electromagnético, por iso son bos condutores eléctricos e as súas partículas responden fortemente ás interaccións electromagnéticas de longo alcance. En certa forma e de maneira sintética, o plasma pódese caracterizar como un gas ionizado. O plasma ten características propias que non se dan nos sólidos, líquidos ou gases, polo que é considerado outro estado de agregación da materia.
O dugongo, Dugong dugon (Müller, 1776) é unha especie de mamífero mariño da orde dos sirenios, a única actualmente viva da familia dos dugónxidos, e do xénero Dugong. Ten un corpo grande e groso, de até os 3 m de lonxitude e 200 kg de peso, pero hidrodinámico, rematado nunha aleta caudal falciforme (o que o diferencia, entre outras cousas, dos seus próximos parentes os triquéquidos ou manatís, cos que comparte a orde). A especie habitou en tempos pasados todas as rexións tropicais costeiras dos océanos Índico e Pacífico, e nos estuarios e grandes ríos que desembocan nelas, pero hoxe en día a súa distribución é máis limitada.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Ernesto Guevara, coñecido como Che Guevara ou el Che, nado en Rosario (provincia de Santa Fe, Arxentina) o 14 de xuño de 1928 e finado en La Higuera (Bolivia) o 9 de outubro de 1967, foi un médico, político e revolucionario ademais dun dos líderes da guerrilla na Revolución Cubana, e logo participou nos primeiros anos do novo réxime, en particular sendo ministro de industria. En 1965, logo de denunciar a explotación do terceiro mundo polos dous bloques da guerra fría, desaparece da vida política de Cuba coa intención de espallar a revolución. En primeiro lugar na República do Congo, sen éxito, logo en Bolivia onde foi capturado e executado de forma clandestina polo Exército Boliviano coa colaboración da CIA estadounidense.
O escudo de Bélxica está composto por un cuartel de sable cun león rampante de ouro, linguado e uñado de goles. A ambos os dous lados do escudo aparecen dous leóns de ouro sostendo unha bandeira de Bélxica cada un, e o brasón aparece rodeado polo colar da Orde de Leopoldo e, en ocasións os dous cetros do monarca belga de ouro. O lema nacional tamén aparece recollido no escudo: L'union fait a force (en francés) ou Eendracht maakt macht (en holandés), que significa "A unión fai a forza".
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2022
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2022 será a 73ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Dos arquivos do trasno: Contos do monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2020 tiña 65.560 habitantes (34.675 mulleres e 30.885 homes), sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia. Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval.
Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010). Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia.
Seixo pode referirse a: Cuarzo, mineral que forma parte do grupo dos silicatos; Canto rolado ou callao, anaco de pedra xeralmente erosionado e arredondado pola acción da erosión das augas; Calquera pedra pequena sen arestas vivas.Como topónimo dá nome a: En GalizaSeixo, parroquia do concello de Marín, na provincia de Pontevedra; Seixo de Abaixo, lugar da parroquia de Santa María de Lurdes, no concello de Curtis; Seixo de Arriba, lugar da parroquia de Santa María de Lurdes, no concello de Curtis; Seixo, lugar da parroquia de Seixo, no concello de Marín; Seixo, lugar da parroquia de San Lourenzo de Nogueira, no concello de Meis; Seixo, lugar da parroquia de Abade, no concello de Moeche; Seixo, lugar da parroquia de Pasarelos, no concello de Oroso; Seixo, lugar da parroquia de Pacios, no concello de Pedrafita do Cebreiro; Seixo, lugar da parroquia de Carnoedo, no concello de Sada; Seixo, lugar da parroquia de Castrelos, no concello de Vigo; Penaseixo, lugar da parroquia de Bravos, no concello de Ourol; Porto Seixo, lugar da parroquia das Negradas, no concello de Guitiriz.En PortugalSeixo, freguesía do concello de Mira; Seixo da Beira, freguesía do concello de Oliveira do Hospital; Seixo de Gatões, freguesía do concello de Montemor-o-Velho; Seixo de Manhoses, freguesía do concello de Vila Flor.
Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 190.260 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A Guinea Ecuatorial (en francés: Guinée équatoriale; en portugués: Guiné Equatorial) é un país da África central, e un dos países máis pequenos da África continental, cunha área de 28 000 km2. Antigamente foi unha colonia española coñecida como Guinea Española, e obtivo a súa independencia o 12 de outubro de 1968. O nome que adoptou o país tras obter a súa independencia débese á proximidade co Ecuador e a estar situado no golfo da Guinea.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
Sen perdón (en inglés: Unforgiven) é un filme estadounidense dirixido e producido por Clint Eastwood que foi estreado en 1992. O filme conta a historia de William Munny, un fóra da lei que acepta un último traballo despois de terse convertido en granxeiro. Está protagonizado por Eastwood, xunto con Gene Hackman, Morgan Freeman e Richard Harris.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Un analxésico é un medicamento que produce analxesia, é dicir, que se utiliza para eliminar ou calmar a dor, ben sexa de cabeza, muscular, artrítica ou outras. Existen diferentes tipos de analxésicos e cada un deles ten as súas vantaxes e os seus riscos ou inconvenientes. Aínda que o termo analxésico pódese usar para calquera substancia, é dicir, para calquera medio que reduza a dor, xeralmente refírese a un elemento dun conxunto de fármacos, de familias químicas diferentes, que eliminan ou calman a dor por diferentes mecanismos.