Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
O Sol é unha estrela de tamaño medio, en relación ao conxunto da nosa galaxia, a Vía Láctea, arredor da cal gravitan a Terra e mailos outros membros do noso sistema planetario. É unha estrela de tipo espectral G2, constituíndo a fonte primaria de enerxía electromagnética do sistema planetario.. A súa masa é de 333 000 veces a da Terra e o seu volume 1 400 000 veces.
Leoš Janáček, nado na localidade de Hukvaldy (Moravia, daquela pertencente ao Imperio Austríaco e na actualidade na República Checa) o 3 de xullo de 1854 e finado o 12 de agosto en Ostrava (Checoslovaquia), foi un compositor, organista, teórico musical, folklorista, publicista e profesor checo. Inspirouse nas músicas tradicionais da súa Moravia natal, así como a de tódolos pobos eslavos, para crear un estilo musical orixinal e moderno.
A koruna checa ou coroa checa (signo monetario : Kč; código: CZK ) é a moeda da República Checa dende 8 de febreiro de 1993 cando, xunto coa súa homóloga eslovaca, substituíu á coroa checoslovaca cunha taxa de cambio equivalente (1:1). O nome oficial en checo é koruna česká (plural koruny české, aínda que a forma do xenitivo plural do ablaut indoeuropeo -korun českých- é usada en billetes e moedas cun valor facial de 5 Kč ou superior). O código ISO 4217 é CZK e o abreviatura da moeda é Kč, que é colocada despois do valor numérico (por exemplo, "50 Kč").
VVVVVV é un videoxogo de plataformas creado por Terry Cavanagh, desenvolvido orixinalmente en Adobe Flash e publicado o 11 de xaneiro de 2010 para Microsoft Windows e OS X. Simon roth adaptou o xogo a C++ no 2011, que foi publicado como parte do Humble Indie Bundle #3. Esta adaptación permitiu trasladar o xogo posteriormente a outras plataformas coma Linux, Pandora e Nintendo 3DS. A diferenza de moitos videoxogos de plataformas, en VVVVVV o xogador non pode saltar. No seu lugar pode reverter a dirección da gravidade, provocando que o protagonista caia cara abaixo ou cara arriba.
Alfred Werner, nado en Mulhouse, Alsacia, antes en Alemaña, actualmente en Francia, o 12 de decembro de 1866 e finado en Zúric o 15 de novembro de 1919, foi un químico suízo, profesor da Universidade de Zúric e gañador do Premio Nobel de Química en 1913 por propor a configuración en octaedro dos complexos de transición metálica. Werner desenvolveu as bases do complexo metálico moderno. Foi o primeiro químico inorgánico en gañar o Premio Nobel, de feito o único antes de 1973.
O Billboard Hot 100 é un gran conteo dos 100 sinxelos máis populares e vendidos nos Estados Unidos, axuda a promover a industria musical nacional e internacional, e defínese como a máis importante das listas de Billboard xunto co Billboard 200. A publicación desta lista é semanal a través da revista Billboard, e tamén a través de Internet na súa páxina oficial. A primeira canción en chegar ao número un da Billboard Hot 100 foi "Poor Little Fool" de Ricky Nelson en 1958.[Cómpre referencia]No ano 2008 a revista Billboard realizou a lista Billboard Hot 100 All-Time Artists, cos artistas máis exitosos, e situou a The Beatles e Madonna nos 2 primeiros postos.
Violencia sexual é calquera acto sexual ou tentativa de obter un acto sexual por violencia ou coerción, actos de tráfico de persoas ou actos dirixidos contra a sexualidade dunha persoa, calquera que sexa a relación coa vítima. Ocorre en tempos de paz e en contextos bélicos, é xeneralizada e é considerada como unha das violacións dos dereitos humanos máis común, omnipresente e traumática.A violencia sexual é un problema de saúde pública grave e ten un impacto profundo na saúde física e mental a curto ou a longo prazo, cun maior risco de problemas na saúde sexual e reprodutiva, cun risco maior de suicidios ou infección de HIV. Tamén se cualifican como violencia sexual os asasinatos que ocorren durante unha agresión sexual ou a consecuencia delas como é no caso dos crimes de honra. Aínda que as mulleres e as mozas a sofren en maior proporción, a violencia sexual pode ocorrerlle a calquera en calquera idade e é un acto de violencia que pode ser perpetrado por persoas proxenitoras, coidadoras, por persoas coñecidas e descoñecidas, así como polas parellas.
O asasinato (tamén denominado homicidio cualificado) é un delito contra a vida humana independente, de carácter moi específico, que consiste en matar a unha persoa concorrendo certas circunstancias, tales como: aleivosía; prezo, recompensa ou promesa remuneratoria; asañamento. Co novo Código Penal de 1995 desapareceu a circunstacia de "premeditación", recollida no anterior CP de 1944/1973.
Hideaki Anno (庵野 秀明, Anno Hideaki), nado en Ube o 22 de maio de 1960, é un animador, director de cinema e actor xaponés. É coñecido por ser o creador do popular anime Neon Genesis Evangelion. O seu estilo quedou definido pola incorporación do posmodernismo e da extensa representación dos pensamentos e emocións dos personaxes, a miúdo a través de escenas non convencionais que presentan a súa deconstrución mental.
O detective Conan (名探偵 コナン, Meitantei Conan) é unha serie de Gosho Aoyama que aínda non está rematada nin en manga nin en anime e que alcanzou un éxito notable dentro e fóra do Xapón. O anime está producido por TMS Entertainment e supera xa os 830 episodios. Ademais, conta con 20 películas e aínda se emite tódalas semanas no Xapón en Yomiuri TV. No Xapón, o manga aínda se publica semanalmente todos os mércores no Shonen Sunday, dende 1994 e supera xa a cantidade de 925 capítulos.
GAINAX Co., Ltd. (株式会社ガイナックス, Kabushiki-gaisha Gainakkusu) é un estudio xaponés de anime coñecido pola produción como Neon Genesis Evangelion, Royal Space Force, Gunbuster, Nadia: The Secret of Blue Water, Kare Kano, FLCL, Magical Shopping Arcade Abenobashi e Gurren Lagann, os cales lle valeron a aclamación da crítica e un grande éxito comercial. Evangelion supuxo para o estudio beneficios por valor de 150 billóns de iens, ou 1,2 billóns de dólares.
Sétima tempada de The Simpsons
A sétima tempada da serie de televisión de debuxos animados The Simpsons foi emitida orixinalmente pola cadea Fox dende o 17 de setembro de 1995 até o 19 de maio de 1996. Os produtores executivos da sétima tempada foron Bill Oakley e Josh Weinstein, quen producirían 21 episodios da tempada. David Mirkin foi o show runner dos catro restantes, incluíndo dous vestixios que foran producidos para a tempada anterior.
Stephen Edwin King, nado en Portland (Maine) o 21 de setembro de 1947, é un escritor estadounidense coñecido polas súas novelas de terror, suspense, ciencia ficción e fantasía. Os seus libros levan vendido máis de 350 millóns de copias, moitos dos cales foron adaptados a filmes, miniseries, series de televisión e banda deseñada. King publicou 54 novelas, incluíndo sete baixo o alcume Richard Bachman, e seis libros de non ficción.
Steam é un servizo de distribución dixital de videoxogos desenvolvido por Valve Corporation. Foi lanzado en setembro de 2003 como unha forma para Valve de achegar actualizacións de xeito automático aos seus xogos, mais acabou ampliándose para incluír xogos que non son de Valve senón de terceiros. Steam ofrece protección contra a pirataría, servidores de emparellamento, transmisións de vídeo e servizos de redes sociais.
O rhythm and blues (R&B ou RnB) é un termo musical introducido en Estados Unidos en 1949 por Jerry Wexler da revista Billboard, e foi designado como unha mestura de jazz, gospel e blues. Substituíu ao termo coñecido como "música negra", considerado ofensivo, así como á categoría de Billboard "Harlem Hit Parade" en xuño de 1949, e principalmente era usado para identificar o estilo musical que máis tarde evoluiría no rock and roll.
Un manuscrito (do latín «manu scriptum», que significa escrito á man) trátase dun documento que contén información escrita á man sobre un soporte flexíbel e manexábel (por exemplo: o papiro, o pergamiño ou o papel), con materias como a tinta dunha pluma, dun bolígrafo ou simplemente o grafito dun lapis. O manuscrito non ten que ser necesariamente antigo; unha carta é un exemplo de manuscrito moderno. Xeralmente, con ese nome faise referencia a escritos realizados pola man de escritores importantes en calquera campo do saber.
Alex Kidd in Miracle World é un videoxogo de plataformas para a consola de 8-bit Sega Master System. Foi publicado no Xapón o día 1 de novembro de 1986, e con posterioridade nos EEUU en decembro dese mesmo ano, en Europa en setembro de 1987, en Corea do Sur en outubro de 1988, e no Brasil en 1989. Un remake feito por Merge Games e Jankenteam, titulado Alex Kidd in Miracle World DX, foi publicado o 22 de xuño do 2021.
F-Zero: Maximum Velocity, estreado no Xapón como F-Zero for Game Boy Advance, é un videoxogo futurístico de carreiras desenvolvido por Nd Cube e distribuído por Nintendo para Game Boy Advance. O xogo foi estreado no Xapón, América do Norte e Europa no 2001. É o primeiro videoxogo da serie en ser lanzado para consola portátil.
BBC One é a máis antiga estación de televisión do Reino Unido e do mundo. É a principal canle da BBC, e comezou a emitir como BBC Television Service o 2 de novembro de 1936, aínda que a BBC emitira experimentalmente en gran variedade de formatos dende que o 30 de setembro de 1929 Baird Televisión emitise utilizando os medios da BBC. O 1 de setembro de 1939 as emisións foron interrompidas ata que de novo o 7 de xuño de 1946 volveu transmitir. A estación tivo o monopolio das transmisións de televisión no Reino Unido ata a aparición da ITV en 1955.
Amazon Prime Video, ou sinxelamente Prime Video, é un servizo estadounidense de streaming e alugamento de vídeo de subscrición baixo demanda ofrecido por Amazon como servizo autónomo ou como parte da subscrición a Prime de Amazon. O servizo distribúe principalmente filmes e series de televisión producidas por Amazon Studios e MGM Holdings ou con licenza de Amazon, como Amazon Originals. Este servizo tamén conta con contido doutros provedores, complementos de contido, eventos deportivos en directo e servizos de compra e alugamento de vídeos.
Unha lista de éxitos musicais é unha maneira de darlle á música un grao, que vén da súa popularidade. estadounidense Billboard Hot 100 é unha das listas máis populares. A información sobre listas vén dalgunhas fontes diferentes, como o número de vendas, ás veces que se programou na radio, ou que se descargau, e outros criterios.
Titanfall é un videoxogo multixogador de tirador en primeira persoa desenvolvido por Respawn Entertainment e publicado por Electronic Arts. Foi lanzado para Microsoft Windows e Xbox One o 11 de marzo de 2014. Unha versión para Xbox 360 foi adaptada por Bluepoint Games e foi estreado o 8 de abril de 2014.
O test de Bechdel, tamén coñecido como test de Bechdel/Wallace é un método para avaliar se un guión de película, serie, cómic ou outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a fenda de xénero. Orixinouse no cómic Dykes to Watch Out For, obra de Alison Bechdel de 1985. A invención do test atribúese a Liz Wallace, unha amiga da autora do cómic.
Despacito é unha canción do cantante e compositor puertorriqueño Luis Fonsi en colaboración con Daddy Yankee, foi publicada o 12 de xaneiro de 2017 na discográfica Universal Music Latino. Foi escrita por Fonsi, Erika Ender, Gabriel García e Daddy Yankee, con produción de Andrés Torres e Mauricio Rengifo (Dandee).
Universo cinematográfico de Marvel
O Universo cinematográfico de Marvel (inglés: Marvel Cinematic Universe, a miúdo abreviado MCU) é unha franquía de medios e un universo compartido, centrada nunha serie de filmes de superheroes producidos independentemente por Marvel Studios e baseados nos personaxes que aparecen nas publicacións de Marvel Comics. Marvel, nos seus inicios non tiña un estudo propio e colaboraba con outras axencias que quixesen levar a cabo os seus proxectos, como por exemplo a realizada en 1978 por Philip DeGuere, Dr. Strange.
Angry Birds é unha serie de videoxogos creada no 2009 pola empresa finesa Rovio Entertainment. Inspirada por Crush the Castle, os xogos foron aclamados pola súa exitosa mestura de modo de xogo, estilo cómico e baixo prezo. A súa popularidade supuxo a creación de numerosos spin-offs, versións de Angry Birds creadas para PCs e consolas, un mercado para comercializar as súas personaxes, unha serie de animación e un filme.
Laboratorio de Propulsión a Chorro
O Jet Propulsion Laboratory (JPL) é un centro de investigación e desenvolvemento espacial financiado polo goberno federal, administrado polo Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e patrocinado pola NASA, localizado en La Cañada Flintridge (California). O Laboratorio de Propulsión a Chorro ten como función primordial a construción e o control de naves robóticas enviadas ó espazo amais de controlar as misións de astronomía na orbita terrestre. O JPL tamén é o responsable de dirixir as operacións da "Rede do Espazo Profundo" da NASA. Entre os proxectos de máis relevancia que realizou o laboratorio destacan; a misión Mars Science Laboratory (da que forma parte o rover Curiosity), a sonda espacial Mars Pathfinder, a misión Cassini-Huygens cara á órbita de Saturno, a Mars Exploration Rover Opportunity, a Mars Reconnaissance Orbiter, a misión Dawn cara ao planeta anano Ceres e o asteriode Vesta, a nave Juno de camiño cara a Xúpiter, o telescopio espectroscópico de gama nuclear NuSTAR (telescopio de raios X) e o Telescopio Espacial Spitzer, entre outros.
Excitebike (エキサイトバイク, Ekisaitobaiku) é un videoxogo de carreiras de motos creado pola franquía Nintendo. Distribuíuse para a consola Famicom no Xapón en 1984, e para NES en 1985. Foi o primeiro xogo da serie Excite, sucedida pola súa secuela Excitebike 64, e os seus sucesores Excite Truck e Excitebots: Trick Racing, ademais do título para WiiWare Excitebike: World Rally.
Box Office Mojo é unha páxina web que achega información sobre filmes. A web comezou a funcionar en agosto de 1998 e conta cunha media de máis dun millón de visitantes ao mes. A información que proporciona actualízase constantemente; entre estes datos atópanse os referentes ás recadacións dos filmes.
Protocolo pode ter varios significados: Un protocolo de actuación é un conxunto de regras escritas que indican que pasos dar nun proceso determinado. Un protocolo, que regula as normas de cortesía nas relacións interpersoais e nos actos sociais. O Protocolo criptográfico, que regula os procedementos de encriptación da información.
James Cameron's Avatar: The Game
James Cameron's Avatar: The Game é un videoxogo de acción en terceira persoa do 2009, desenvolvido a partir do filme de James Cameron Avatar. O xogo foi creado por Ubisoft Montreal para as plataformas PlayStation 3, Xbox 360, PC, Wii e Nintendo DS o 1 de decembro de 2009, cunha versión para a PSP realizada o 8 de decembro de 2009. Ubisoft anunciou que empregarían a mesma tecnoloxía do filme para poder xogar en 3D. Nunha entrevista en Nintendo Power, fíxose público que a versión para Wii emprega o sistema Jade engine de Ubisoft.
Rick Dangerous é un videoxogo desenvolvido por Corel Design en 1989 para Amiga, Amstrad CPC, Atari ST, Commodore 64, ZX Spectrum e DOS. Baseado no personaxe de Indiana Jones é un arcade de habilidade no que Rick Dangerous ten que superar tres fases diferentes, no templo azteca terá que recoller as estatuas do deus Sol, na pirámide exipcia onde terá que rescatar a pedra Ankhal que caeu en poder duns fanáticos que pretenden destruíla e a última fase é unha fortaleza nazi na que terá que salvar a uns prisioneiros británicos.
A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados. Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2.
O son é a sensación producida no órgano do oído pola mudanza de presión atmosférica xerada polo movemento vibratorio dos corpos, transmitido por un medio elástico. Está producido por ondas de compresión do medio (lonxitudinais). A función do medio transmisor é fundamental, pois o son, como vibración mecánica, non se propaga no baleiro (onde non hai materia que se poida mover).
Os contos de fadas ou contos marabillosos son unha forma de cultura popular de tradición oral. Malia estaren presentes en todas as culturas, non foron recollidos por escrito até comezos do século XVIII, na famosa colectánea dos irmáns Grimm. Na súa forma escrita, os contos de fadas son narrativas en prosa sobre as fortunas e desgrazas dun heroe ou heroína que, logo de ter pasado por varias aventuras de natureza máis ou menos sobrenatural, vive feliz por sempre xamais.
O botón direccional, tamén coñecido como cruz direccional, pad direccional ou D-pad, é o controlador dixital de direccións en forma de cruz que posúen os gamepads das consolas de videoxogos. Aínda que foron en parte desprazados polas pancas analóxicas, continúan a estar presentes mesmo nas consolas da última xeración. Os botóns direccionais poden dividirse, segundo a morfoloxía, en dous grupos: Botón direccional simple: Peza de plástico con forma de cruz, ben próxima da superficie (Nintendo NES, Game Boy, Super Nintendo) ou un pouco afundida (Nintendo 64, Dreamcast, Gamecube, Playstation).
Monk é unha serie de televisión estadounidense, creada por Andy Breckman e protagonizada por Tony Shalhoub no papel de Adrian Monk, un ex-axente de homicidios de San Francisco que traballa agora coma detective privado. Así pois, é principalmente unha serie de misterio cun ambiente ás veces escuro, mais sempre con grandes toques cómicos. Con todo, é unha serie un pouco habitual dentro deste xénero, debido a que a súa personaxe principal, Monk, acompañado pola súa axudante, padece unha serie de graves desordes psiquiátricos, como un trastorno obsesivo-compulsivo e un gran número de fobias, agravados polo trauma da morte da súa esposa.
O Reino da Sardeña foi un estado que existiu na illa da Sardeña de 1297 a 1861. Tivo inicio formalmente en Roma –na antiga Basílica de San Pedro– en 4 de abril de 1297, cando o Papa Bonifacio VIII, para resolver a disputa entre os condes de Anjou e a coroa de Aragón, investiu o rei de Aragón como jus invadendi sobre a Sardeña e a Córsega. O Reino da Sardeña e Córsega foi o precursor do reino de Italia.
Spacewar (estilizado en ocasións Spacewar!) é un videoxogo de simulación de combate espacial desenvolvido no ano 1962, sendo un dos primeiros xogos creados nos comezos da historia dos videoxogos. Foi deseñado por Steve Russell, en colaboración con Martin Graetz e Wayne Wiitanen, e programado polo propio Russell coa axuda de Bob Saunders e Steve Piner para a minicomputadora DEC PDP-1 no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Trala súa creación, outros estudantes e empregados das universidades da zona expandiron o videoxogo, entre eles Dan Edwards e Peter Samson.
A música pop xaponesa, en ocasións chamada co anglicismo J-Pop (ジェイポップ) ou japanese pop refírese á música pop xaponesa moderna, e é aquela que se basea principalmente nas influencias occidentais modernas máis ca nas influencias musicais tradicionais xaponesas. Ten as súas raíces máis profundas no Jazz, música que se fixo moi popular no comezo da Era Showa.
En hidroloxía un afluente é un curso de auga que desemboca noutro río, considerándose como afluente aquel dos dous ríos que se une que teña menos importancia, polo seu caudal ou lonxitude ou superficie da conca, aínda que hai excepcións como o río Mississippi. Orograficamente ordénanse desde o máis próximo ó nacemento do río ata o máis próximo á alfoz do río.
Marjorie Jacqueline "Marge" Bouvier-Simpson é un personaxe de ficción da serie de televisión de debuxos animados The Simpsons. É a esposa de Homer e os seus fillos son Bart, Lisa e Maggie. Ten un notable protagonismo e complexidade na serie, aínda que é un dos personaxes principais con menos popularidade.
Con saias e a rachar (en inglés: Some Like It Hot) é unha comedia de 1959 de Billy Wilder protagonizada por Marilyn Monroe, Tony Curtis, Jack Lemmon, George Raft, Pat O'Brien, Joe E. Brown e Nehemiah Persoff. A película foi adaptada por Billy Wilder e I.A.L. Diamond partindo dunha historia de Robert Thoeren e Michael Logan. Logan escribira a historia (sen gánsteres) para unha película alemá, Fanfaren der Liebe (dirixida por Kurt Hoffmann en 1951), así que a película de Wilder é considerada por algúns como un remake.
Exposición Universal é o nome xenérico de varias exposicións de grande envergadura celebradas por todo o mundo desde a segunda metade do século XIX. A organización que se ocupa oficialmente de nomear as cidades organizadoras deste tipo de eventos é a Oficina Internacional de Exposicións (BIE). As exposicións aprobadas polo BIE poden ser consideradas universais, internacionais ou especializadas, cunha duración de entre 3 e 6 meses. No entanto, calquera país ou cidade pode organizar feiras e exposicións similares sen o patronazgo do BIE. O concepto de exposición universal contribuíu fortemente á comunicación social dos logros imperialistas, ao incorporarse como curiosidades elementos etnográficos propios das culturas dominadas por parte das grandes potencias imperiais.
A animación é aquela técnica para dar a sensación de movemento a imaxes ou debuxos. Para realizar animacións existen numerosas técnicas que van máis alá dos familiares debuxos animados. Os cadros pódense xerar debuxando, pintando ou fotografando unha serie de minúsculos cambios feitos sucesivamente a un modelo da realidade ou a un modelo tridimensional virtual; tamén é posible animar coa mesma técnica obxectos da realidade e actores.
Indicación Xeográfica Protexida
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) é un nome empregado para designar un produto agrícola, alimenticio ou doutro tipo, que posúe unha orixe xeográfica determinada e cuxa calidade ou reputación débese ao devandito lugar de orixe. Habitualmente, consiste no nome da localidade, rexión ou país de orixe de tales produtos. Debido a que as calidades do produto proveñen do medio xeográfico no que se elaboran, a indicación xeográfica supón un viorto entre o produto e o lugar de orixe.
Mass Effect é un videxogo de 2007 de ciencia ficción, rol e acción desenvolvido por BioWare para a Xbox 360 e adaptado para Microsoft Windows por Demiurge Studios. A versión para Xbox 360 foi publicada en todo o mundo en novembro do 2007 por Microsoft Studios, e a versión para Windows publicouna Electronic Arts o 28 de maio de 2008. Unha versión para PlayStation 3 foi adaptada por Edge of Reality e publicada na PlayStation Network en decembro de 2012.O xogo ten lugar no ano 2183, co xogador tomando o papel dun soldado de elite humano chamado Comandante Shepard, no que o xogador debe explorar a Vía Láctea a bordo da nave espacial SSV Normandy.
Os melanosomas son orgánulos celulares que conteñen o pigmento melanina, o pigmento que absorbe luz máis común no reino animal. A melanina sintetízase nunhas células chamadas melanocitos e nas células do epitelio pigmentario da retina. Se a célula simplemente fagocita e incorpora a melanina (pero non a sintetiza) non é propiamente un melanocito e recibe o nome de melanófago.
Discogs, abreviatura de discografías, é unha páxina web e unha base de datos colaborativa que recolle información sobre gravacións de son, entre as que se inclúe gravacións comerciais, promocionais e gravacións non comerciais. Os servidores de Discogs, aloxados baixo o dominio discogs.com, son propiedade de Zink Media, Inc., e atópanse en Portland, Oregón, nos Estados Unidos. Aínda que a páxina contén listas musicais de tódolos xéneros e en tódolos formatos, é especialmente coñecida por ser a meirande base de datos de música electrónica e polas súas gravacións en discos de vinilo.
O metodismo ou movemento metodista é o nome que se dá habitualmente a un grupo numeroso e diverso de denominacións cristiás do cristianismo. Historicamente, o metodismo orixinouse na Gran Bretaña do século XVIII e grazas á vigorosa actividade misioneira que foi despregada, estendeuse axiña polos dominios do Imperio británico, os Estados Unidos e máis aló. Orixinalmente convocou especialmente a traballadores, granxeiros pobres e escravos.
OVA, siglas de original video animation (en xaponés オリジナル・ビデオ・アニメーション orijinaru bideo animēshon), como o seu nome indica, son producións animadas destinadas para o seu consumo en vídeo, cando comezaba o auxe dos reprodutores Beta e posteriormente o VHS. As OVA teñen a súa orixe nos anos 80, cando unha xeración de mozos animadores abren as súas propias casas produtoras independentes despois de traballar para grandes ou medianas empresas produtoras de animación para a televisión. Así mesmo, estas producións non estaban atadas a ningún tipo de limitacións como a censura, e realizábanse con tanta liberdade como fose posible para expandir o mercado a sectores maduros, equivalente ás producións en formato de historietas impresas (manga), que tamén satisfacía a varios sectores no mercado. Fóra do Xapón chamóuselles OAV pola súa correcta pronuncia no inglés: orixinal animation vídeo, con todo no Xapón séguense a chamar OVA para non chegar a confusións coas siglas AV de adult vídeo.
Anne Lister, nada en Halifax o 3 de abril de 1791 e finada en Kutaisi o 22 de setembro de 1840, foi unha propietaria de terras, alpinista e viaxeira británica, coñecida polo seu diario codificado que orixinou o filme The Secret Diaries of Miss Anne Lister. Ao longo de súa vida, mantivo un diario onde narrou os detalles de súa vida cotiá, incluíndo as súas relacións lésbicas, as súas preocupacións financeiras, as súas actividades industriais e o seu traballo dedicado ao Salón Shibden. Os diarios conteñen máis de catro millóns de palabras e preto dun sexto delas (aquelas que tratan sobre os detalles íntimos das súas relacións amorosas e sexuais) foron escritas en código.
O Gran Premio Seumas McNally é o principal premio outorgado no Independent Games Festival, evento anual que ten lugar durante a Game Developers Conference. O premio leva o nome do programador Seumas McNally (1979–2000), fundador da compañía de videoxogos independente Longbow Digital Arts que faleceu por mor dun linfoma de Hodgkin pouco tempo despois de recibir o premio no ano 2000 polo xogo Tread Marks. O premio inclúe unha cantidade en metálico de 30 000 dólares.Ata a edición de 2016 houbo 19 videoxogos que recibiron o premio, con máis de 50 seleccionados como finalistas.
A Billboard 200 é unha lista publicada semanalmente pola revista Billboard que amosa os 200 álbums máis vendidos nos Estados Unidos durante a semana en curso. Frecuentemente é usada para ver a popularidade dun artista ou grupo musical segundo a venda dos seus discos. Desde os anos 50 ata 1983 era chamada Top Pop Albums e ese ano cambiou o seu nome a Billboard, cambiando novamente en 1992 ao actual Billboard 200.
Estados dos Estados Unidos de América
Os Estados Unidos de América son unha federación de 50 estados máis algunhas outras entidades cunha extensión total duns dez millóns de km2. Estes estados distribúense case na súa totalidade en América do Norte, agás Hawai, que se atopa no medio do Océano Pacífico, podendo considerarse xeograficamente en Oceanía. A cidade de Washington, no chamado Distrito de Columbia, é a sede do goberno federal.
Os sete magníficos (en inglés: The Magnificent Seven) é un filme estadounidense dirixido por John Sturges que foi estreado en 1960. É un remake de estilo western baseado no filme de 1954 Os sete samurais, dirixido por Akira Kurosawa. Está protagonizado por Yul Brynner, Steve McQueen, Charles Bronson, James Coburn, Robert Vaughn, Brad Dexter e Horst Buchholz que interpretan a un grupo de pistoleiros contratados para protexer unha pequena vila agrícola de México duns bandidos liderados Calvera (Eli Wallach).
Viva la Vida or Death and All His Friends
Viva la Vida or Death and All His Friends é o cuarto álbum da banda inglesa de rock alternativo Coldplay, editado o 11 de xuño do ano 2008 a través do selo Parlophone. A cuberta do álbum é a pintura A Liberdade guiando o pobo de Eugène Delacroix.
The Last of Us é un videoxogo de acción e horror desenvolvido por Naughty Dog e distribuído por Sony Computer Entertainment exclusivamente para a PlayStation 3. Foi estreado oficialmente o 10 de decembro de 2011, durante a Spike TV Video Game Awards e a súa estrea mundial fíxose o 14 de xuño de 2013. O xogador ten o control de Joel (voz e movementos de Troy Baker), que está viaxando a través duns Estados Unidos postapocalípticos no ano 2033, coa fin de acompañar a Ellie (voz e movementos de Ashley Johnson) cara un grupo de resistencia, os Fireflies, que segundo cre Ellie, pode ser a chave para atopar a cura da infección que devastou o mundo.
Charles Babbage, nado en Teignmouth, Devon, Gran Bretaña, o 26 de decembro de 1791 e finado o 18 de outubro de 1871, foi un matemático inglés e científico protoinformático. Foi a primeira persoa en concibir a idea do que hoxe chamariamos un ordenador. No Museo de Ciencias de Londres exhíbense partes dos seus mecanismos inconclusos.
"Lemon of Troy" (en galego, "O limoeiro de Troia") é o vixésimo cuarto episodio da sexta tempada da serie de animación The Simpsons. A súa primeira emisión foi o 14 de maio de 1995. Neste episodio, os cativos de Springfield declaran a guerra aos de Shelbyville despois de que estes últimos roubasen o limoeiro da cidade.
Pan European Game Information (en galego: Información Paneuropea sobre Videoxogos) ou PEGI é un sistema europeo para clasificar o contido dos videoxogos e outro tipo de software de entretemento. Foi desenvolvido pola ISFE e entrou en práctica en 9 de abril do 2003. O sistema PEGI aplícase en 25 países sen ter relación algunha coa Unión Europea.
A narratoloxía é a disciplina da crítica literaria que se ocupa do estudo interno da narrativa en sentido sincrónico e paradigmático, é dicir, tomando os textos como entidades estruturais observables mediante un aparello teorético que permite a análise en atención ós principios (universais) que rexen a construción dun texto. Os narratólogos ocúpanse con temas como a caracterización, o tempo narrativo vs. tempo narrado, a trama ou argumento, os narradores-focalizadores vs.
Age of Empires III: The WarChiefs
Para a serie de videoxogos, vexa Age of Empires.Age of Empires III: The WarChiefs é o primeiro pack de expansión do videoxogo de estratexia en tempo real Age of Empires III. Foi estreado o 17 de outubro de 2006 nos Estados Unidos. Foi comercializado xunto co xogo completo de Age of Empires III nunha edición especial chamada Age of Empires III Gold Edition o 23 de outubro de 2007. A versión para Mac foi adaptada, desenvolvida e distribuída por Destineer, de MacSoft.
A Universidade de Toquio (en xaponés: 東京大学, Tōkyō daigaku), abreviado como Todai (東大, Tōdai) ou UTokyo, é unha universidade pública situada en Bunkyō, Toquio, no Xapón. Establecida en 1877, a universidade foi a primeira Universidade Imperial e está recoñecida polo goberno xaponés como Universidade de Tipo Superior do Proxecto Universitario Top Global.UTokyo ten dez facultades, quince escolas de posgrao e matricula uns 30 000 estudantes, uns 4200 dos cales son estudantes internacionais. En particular, o número de estudantes internacionais financiados con fondos privados, que representan máis do 80%, aumentou 1,75 veces entre 2010 e 2020, e a universidade céntrase en apoiar os estudantes internacionais.
A viaxe de Chihiro (título orixinal en xaponés: 千と千尋の神隠し; Sen to Chihiro no kamikakushi) é un filme de animación xaponés escrito e dirixido por Hayao Miyazaki no 2001 e producido por Studio Ghibli. O filme conta a historia de Chihiro Ogino, unha cativa de dez anos que está a mudar de fogar cos seus pais, e que accidentalmente quedan presos nun misterioso mundo de espíritos e deuses.
Países constituíntes ou nacións constitutivas é unha frase as veces empregada, normalmente por institucións oficiais, en contextos nos cales un número de países compón unha grande entidade ou agrupación; así o OECD usou a frase en referencia á antiga Iugoslavia e as institucións europeas coma o Consello de Europa frecuentemente a empregan en referencia á Unión Europea. Non é terminoloxía técnica e non ten un sentido legal definido; 'constituínte' é simplemente un adxectivo, e a frase non ten un sentido claro fóra dun contexto da entidade ou agrupación de países en cuestión son constituíntes ou os seus compoñentes poden ser entendidos.
Setlist ou Set list é un documento que fai relación das cancións que unha banda musical vai interpretar nun concerto en particular. Adoita a estar impreso ou escrito nun papel, nun cartón ou nunha lámina, aínda que xa hai conxuntos que empregan as novas tecnoloxías, coma a dun IPad. O termo pode facer tamén relación á lista das cancións, pero non nun sentido físico.
Os videoxogos de plataformas son un xénero de videoxogos que se caracterizan por ter que camiñar, correr, saltar ou escalar sobre unha serie de plataformas e cantís, con inimigos, mentres se recollen obxectos para poder completar o xogo. Este tipo de videoxogos adoitan usar vistas de desprazamento horizontal cara á esquerda ou cara á dereita. É un xénero moi popular de videoxogos, xurdido a comezo da década de 1980 e que segue mantendo bastante popularidade na actualidade.
Gromo de hepatite aguda grave en nenos de 2022
O gromo de hepatite aguda grave en nenos de 2022 é un gromo de hepatite aguda grave de causa descoñecida que afecta a crianzas e adolescentes. Os primeiros casos da doenza foron descritos no Reino Unido entre abril e marzo de 2022, e o primeiro paciente reportado á Organización Mundial da Saúde foi o 5 de abril dese mesmo ano.
O Amstrad CPC foi unha serie de ordenadores persoais de 8 bits producidos por Amstrad durante os anos 80 e a principios dos anos 90. As siglas CPC anunciaban un ordenador persoal a cor (Color Personal Computer), aínda que era posible comprar un CPC tanto con pantalla de fósforo (GT65/66) como con pantalla estándar a cor (CTM640). Comercializado en 1984 e descatalogado en 1990, contaba con procesador Zilog Z80A @ 4 MHz e memoria de 64 a 576 KB. O sistema operativo era o CP/M e contaba ademais con Locomotive BASIC 1.0 e 1.1.
La traviata é unha ópera en tres actos de Giuseppe Verdi con libreto de Francesco Maria Piave. Está baseada na novela de Alexandre Dumas A dama das camelias (1852), aínda que non directamente senón a través dunha adaptación teatral. Foi estreada o 6 de marzo de 1853 no Gran Teatro La Fenice de Venecia.