Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O francés (le français [lə fʁɑ̃sɛ] ( ) o la langue française [la lɑ̃ɡ fʁɑ̃sɛz]) é unha lingua romance da familia indoeuropea procedente do latín falado. Descendente do Latín vulgar do Imperio Romano, como todas as linguas romances. O francés evolucionou a partir do galo-romance, o latín que se fala na Galia, e máis concretamente no norte da Galia.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
IP é un acrónimo do inglés "Internet Protocol" (ou protocolo de internet), que é un protocolo usado entre dúas máquinas en rede para encamiñamento dos datos. Os datos nunha rede IP envíanse en bloques referidos como paquetes ou datagramas (os termos son basicamente sinónimos no IP, sendo usados para os datos en diferentes lugares nas capas IP). En particular, no IP ningunha definición é necesaria antes de que o host tente enviar paquetes para un host co cal non se comunicou previamente.
Estrasburgo (en francés: Strasbourg, [stʁaz.buʁ] (AFI); en alemán: Straßburg, [ˈʃtʁaːsbʊɐ̯k] (AFI); en alsaciano: Strossburi, [ˈʃd̥rɔːsb̥uri] (AFI)) é unha cidade situada no leste de Francia, na marxe esquerda do río Rin. É a capital da rexión administrativa francesa do Gran Leste e do departamento do Baixo Rin. A aglomeración urbana prolóngase ata Alemaña, á cidade de Kehl, que é o espello xeográfico de Estraburgo do lado oposto do Rin.
A lista vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) é unha lista de especies, subespecies, variedades ou mesmo poboacións de seres vivos ameazados de extinción, en graos variados, e organizada no ano 1964. É o inventario máis completo das especies animais e vexetais a nivel mundial. Pola súa solidez científica, a lista vermella da UICN está considerada como a relación de maior autoridade sobre o estado da diversidade biolóxica.
Organización non gobernamental
Unha organización non gobernamental (máis coñecida pola súa sigla ONG), é unha entidade de carácter privado, con fins e obxectivos definidos polos seus integrantes, creada independentemente dos gobernos. Xuridicamente adopta diferentes status, como o da asociación, fundación, e outras formas. Ao conxunto do sector que integran as ONG denomínaselle de diferentes formas como sector voluntario, sector non lucrativo, sector solidario, economía social, terceiro sector, sector social, entre outras.
Walmart (oficialmente, Wal-Mart, Inc.) é unha corporación multinacional de tendas de orixe estadounidense, que opera cadeas de grandes almacéns de desconto e clubs de almacéns. Foi fundada por Sam Walton en 1962, incorporada en 1969, e cotizou na Bolsa de Nova York dende 1972. A súa sede principal está situada en Bentonville, Arkansas.
A Corporación Espacial Estatal "Roscosmos" (ruso: Государственная корпорация по космической деятельности «Роскосмос»), coñecida de xeito sinxelo como Roscosmos (ruso: Роскосмос), é unha empresa estatal da Federación Rusa responsable dos voos espaciais, incluíndo o programa de cosmonáutica e a investigación aerospacial.
O xaponés é a lingua falada no Xapón e noutros lugares do mundo onde existen inmigrantes xaponeses e os seus descendentes, como por exemplo o Brasil. O nome xaponés para a lingua é Nihongo (日本語). O xaponés ten tradicionalmente tres formas de escrita: hiragana, katakana, e kanji, e ademais actualmente utilizase o rōmaji.
A Bank of America Corporation (coñecido simplemente como Bank of America e en ocasións abrevidado BofA ou BoA) é unha empresa estadounidense de tipo bancario e de servizos financeiros multinacional con sede central en Charlotte, Carolina do Norte. É o segundo maior holding bancario dos Estados Unidos por activos. En 2010, Bank of America foi a quinta compañía máis grande do país por ingresos totais, e a terceira non petroleira despoois de Walmart e General Electric.
O Parlamento Europeo, tamén coñecido como Europarlamento ou Eurocámara é a institución parlamentaria que na Unión Europea representa directamente aos cidadáns dela, e que xunto coa Comisión Europea e o Consello da Unión Europea exerce a función lexislativa. Está composto por 751 deputados, que representan ao segundo maior electorado democrático do mundo, só superado polo Parlamento da India. No Parlamento Europeo están representadas as grandes tendencias políticas existentes nos países membros.
Billboard é unha revista semanal estadounidense adicada á industria musical, sendo unha das revistas comerciais máis antigas no mundo. Mantén varias listas musicais recoñecidas internacionalmente, que seguen as cancións e álbums máis populares en varias categorías de forma semanal. As dúas máis destacables son a Billboard Hot 100, que clasifica cancións con máis vendas físicas sen ter en conta o seu xénero; e a Billboard 200, que corresponde ás vendas de álbums.
"Gangnam Style" (en coreano: 강남스타일) é unha canción do cantante surcoreano de pop PSY, cuxo son combina música dance/electrónica e rap. A canción foi lanzada o 15 de xullo de 2012 e debutou no posto número un en Gaon Chart, a lista musical nacional de Corea do Sur.O seu vídeo musical recibiu máis de 743 millóns de visitas en YouTube sen tomar en conta as visitas do sinxelo subido a canles non oficiais e a versión estendida non oficial, as cales representan máis de 150 millóns de reproducións, sendo isto un 25 por cento do total aproximadamente. Ademais, desde o 1 de novembro de 2012 converteuse no segundo vídeo máis visto, só superado por Justin Bieber con "Baby".
O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".Vive nas montañas de lucense no mais profundo do Curel e do Cebreiro pero tamen en Lourenza e incluso nos ancares.
A ciencia ficción (do inglés science fiction) ou ficción científica é un xénero literario e cinematográfico baseado nos efectos de hipotéticos avances científicos e tecnolóxicos, presentes ou futuros, sobre a sociedade ou os individuos. A expresión science fiction utilizouna por primeira vez en 1851 un escritor inglés chamado William Wilson no seu libro A Little Earnest Book upon a Great Old Subject, pero o termo non se xeneralizou coa súa acepción actual ata que Hugo Gernsback o incorporou en 1926 á portada da revista estadounidense de narrativa especulativa Amazing Stories (logo de facer un intento previo co termo scientifiction, que non chegou a callar). Ata esa data as narracións que hoxe día non dubidamos en cualificar de ficción científica recibían diversos nomes: viaxes fantásticas, relatos de mundos perdidos, utopías, novelas científicas.
A mercadotecnia é «o proceso social e administrativo polo cal os grupos e individuos satisfán as súas necesidades ao crearen e intercambiaren bens e servizos». Segundo Philip Kotler, considerado pai da mercadotecnia, a mercadotecnia ten moitas definicións, como a que afirma que a mercadotecnia é a ciencia de satisfacer as necesidades dos clientes dun xeito rendible. A mercadotecnia involucra estratexias de mercado, de vendas, estudo de mercado, posicionamento de mercado etc.
Biblioteca Nacional Central de Florencia
A Biblioteca Nacional Central de Florencia (en italiano Biblioteca Nazionale Centrale dei Firenze) é unha biblioteca pública nacional e unha das dúas bibliotecas centrais de Italia, xunto coa Biblioteca Nacional Central de Roma. Atópase en Florencia.
A Torre de Londres é, oficialmente, O palacio e fortaleza da súa maxestade, a Torre de Londres, aínda que o derradeiro gobernante que residiu nela foi Xacobe I (1566-1625). A Torre Branca, o edificio cadrado con torretas en cada esquina que lle deu o nome ao edificio, atópase no centro dun complexo de diversos edificios á beira do río Támese en Londres. O complexo foi empregado como fortaleza, armería, almacén do tesouro, palacio, palacio de detención, observatorio, refuxio e cárcere, especialmente para prisioneiros de "clase alta".
A rupia (en hindi e urdu: रुपया, transl. rupayā, do sánscrito rúpya, rūpyakam, "moeda de prata") é o nome común das moedas oficiais da India, Paquistán, Sri Lanka, Nepal, Mauricio, Seychelles, Indonesia e as Maldivas. Divídese en cen unidades, denominadas centavos nas illas Seychelles, Mauricio e Sri Lanka; paise (singular: paisa) na India, Paquistán e Nepal; sen en Indonesia; laaris nas Maldivas.
Para outros significados, consultar o arquipélago de Madeira ou Madeira (homónimos). A madeira é un material sólido, orgánico, higroscópico (absorbe auga) e ortotrópico (crecemento diferente nas dimensións espaciais) obtido orixinalmente do tronco das plantas leñosas, especialmente das árbores, mais tamén dos arbustos. Esas plantas perennes caracterízanse polos caules, que crecen en diámetro ano tras ano, e tamén están compostas por celulosa, hemicelulosa e lignina entre os seus tecidos.
O cinema ou cine, abreviaturas de cinematógrafo ou de cinematografía (do grego κινή kinē ou κίνημα kinēma, "movemento", e γράφω graphō "escribir", "gravar") é unha arte, un espectáculo e unha industria que apareceu a finais do século XIX froito dos avances tecnolóxicos que se desenvolveron no mundo da óptica ao longo do mesmo. Foi presentado ao público o 28 de decembro de 1895 en París polo cinematógrafo dos irmáns Lumière, un dispositivo que nos seus comezos servía de cámara para o rexistro de imaxes e de proxector para unha audiencia colectiva. Ao longo de 1896 difundiuse polas cidades europeas e norteamericanas.
O sake (en xaponés: 酒) é unha bebida orixinaria do Xapón, que se obtén por fermentación do arroz. Neste país é máis coñecido como nihonshu (日本酒), ou 'licor xaponés', malia que o nome técnico preciso é seishu (清酒), que é o que se amosa nas botellas. Cunha graduación alcohólica comprendida entre 14° e 16°, adóitase servir quente ou morno en pequenas cuncas.
A química é a ciencia natural que estuda a composición, estrutura e propiedades da materia xa sexa en forma de elementos, especies, compostos, mesturas ou outras substancias, así como os cambios que estas experimentan durante as reaccións e a súa relación coa enerxía química. Linus Pauling definiuna como a ciencia que estuda as substancias, a súa estrutura (tipos e formas de acomodo dos átomos), as súas propiedades e as reaccións que as transforman noutras substancias en referencia co tempo. A química, a través dunha das súas ramas coñecida como química supramolecular, ocúpase principalmente das agrupacións supratómicas, como son os gases, as moléculas, os cristais e os metais, estudando a súa composición, propiedades estatísticas, transformacións e reaccións, aínda que a química xeral tamén inclúe a comprensión das propiedades e interaccións da materia a escala atómica.
A Galería Nacional de Arte (en inglés: National Gallery of Art ou NGA) é un museo de arte, que se atopa no National Mall de Washington, D.C. O museo fundouse en 1937 por unha acta do Congreso dos Estados Unidos, con fondos para a construción e unha substanciosa colección de arte de Andrew W. Mellon. Samuel H. Kress contribuíu á colección orixinal de arte italiana. Fito clave nos comezos do museo foi a compra dun lote de cadros do Ermitage, que o goberno soviético accedeu a vender para obter divisas.
O Gran Premio de Mónaco de 1990 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 27 de maio de 1990 no Circuíto de Mónaco en Monte Carlo, Mónaco. Foi a cuarta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1990. A carreira foi gañada polo piloto brasileiro Ayrton Senna que liderou todas as voltas da carreira pilotando un McLaren MP4/5B. Foi a terceira vitoria de Senna no Gran Premio de Mónaco.
Encontros na terceira fase (en inglés: Close Encounters of the Third Kind) é un filme estadounidense de 1977 escrito e dirixido por Steven Spielberg, e protagonizado por Richard Dreyfuss, Melinda Dillon, Teri Garr, Bob Balaban, Cary Guffey e François Truffaut. Conta a historia de Roy Neary, un traballador de Indiana, cuxa vida cambia após un encontro cun obxecto voador non identificado (ovni).
Galifontes é a versión en galego do Wikisource, unha biblioteca dixital de fontes de texto libres en formato wiki, operado pola Wikimedia Foundation. O proxecto é un repositorio de obras no dominio público ou con licenza libre. O contido inclúe obras publicadas ou documentos históricos, que cumpran certos requisitos de verificabilidade.
Koyaanisqatsi, tamén coñecido como Koyaanisqatsi: Life Out of Balance, é un filme experimental de 1982 dirixido por Godfrey Reggio. A música é obra de Philip Glass e a fotografía de Ron Fricke. O filme componse de escenas en slow motion e time-lapse de cidades e paisaxes naturais ó longo dos Estados Unidos de América.
Un estadio (do grego στάδιον, unha unidade de lonxitude equivalente a 176 metros) é unha infraestrutura que serve para albergar deportes, concertos ou outras actividades. Úsase para varios tipos de deportes ao aire libre que son populares a nivel mundial como o fútbol, o rugby, o béisbol etc. Os estadios poden influír de maneira moi importante na economía dun país albergando toda clase de eventos deportivos dependendo da capacidade que presentan.
The A.V. Club é un sitio de entretemento con recencións de filmes, música, televisión, libros e xogos, así como entrevistas e outras ofertas regulares que examinan novos medios, medios clásicos e outros elementos da cultura popular. The A.V. Club foi creado en 1993 como unha parte suplementaria de The Onion e tivo unha presenza mínima na páxina web de The Onion nos seus primeiros anos. Porén, un redeseño da páxina web en 2005 puxo a The A.V. Club nunha posición máis prominente, permitindo que a súa identidade en liña creza.
Elizabeth Ann Reaser, nada o 15 de xuño de 1975 en Bloomfield Township, Míchigan, é unha actriz estadounidense de cine, televisión e teatro. Entre os seus traballos destacan Stay, The Family Stone, Sweet Land, Against the Current, e a saga de Twilight, así como as series Saved, Grey's Anatomy e The Ex-List.
A arte xaponesa abarca un amplo abano de estilos e medios artísticos, incluíndo a antiga cerámica, escultura en madeira e broce, pintura en tinta en papel de seda, e moitos outros tipos de traballos artísticos. Ten tamén unha longa historia, que vai dende os primeiros asentamentos no Xapón, ao redor do décimo milenio antes da nosa era, até o presente. Historicamente, o Xapón foi obxecto de repentinas chegadas de novas ideas do exterior, seguidas de longos periódos de contacto mínimo co resto do mundo.
O espazo exterior ou espazo baleiro, tamén simplemente chamado espazo, refírese ás rexións relativamente baleiras do universo fóra das atmosferas dos corpos celestes. Úsase espazo exterior para distinguilo do espazo aéreo (e as zonas terrestres). O espazo exterior non está completamente baleiro de materia (é dicir, non é un baleiro perfecto) senón que contén unha baixa densidade de partículas, predominantemente gas hidróxeno, así como radiación electromagnética.
Fox Broadcasting Company , máis coñecida como FOX, é unha rede de televisión dos Estados Unidos, propiedade de Fox Entertainment Group, que comezou as súas emisións o 9 de outubro de 1986 cando como primeira emisión o episodio piloto da serie Married with Children. Un dos seus programas máis populares é American Idol que emite desde 2002.
Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella
O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella máis coñecida por Cruz Vermella é unha institución humanitaria, internacional e de carácter voluntario, que reúne ao redor de 97 millóns de voluntarios en todo o mundo. Fundouna en Suíza no ano 1863 Jean Henri Dunant, e dende entón traballa en favor dos colectivos máis vulnerables e necesitados. Defende os dereitos humanos, as minorías étnicas e a conservación dos ecosistemas.
Computer Entertainment Rating Organization
A Computer Entertainment Rating Organization (特定非営利活動法人 コンピュータエンターテインメントレーティング機構, Tokutei Hieiri Katsudō Hōjin Konpyūta Entāteinmento Rētingu Kikō) (CERO) é a organización que se encarga de clasificar os videoxogos no Xapón con niveis de clasificación ("rating") que informan ao consumidor acerca da natureza do produto e para que grupo de idades é adecuado. Foi establecido en xullo de 2002 como unha división da Computer Entertainment Supplier's Association, e usando a ESRB norteamericana como modelo e foi oficialmente recoñecido como organización sen fines de lucro en 2003.
Online Computer Library Center
O Online Computer Library Center (OCLC) é un servizo de biblioteca por computador en liña e unha entidade de investigación sen ánimo de lucro. Máis de 57.000 bibliotecas en 112 países e territorios ao redor do mundo usan os servizos de OCLC para localizar, adquirir, prestar e preservar material bibliográfico. Foi fundado por Fred Kilgour en 1967.
NCIS, previamente chamada NCIS: Naval Criminal Investigative Service e tamén Navy NCIS durante a primeira tempada, é unha serie de televisión estadounidense que trata dun equipo de axentes especiais do Naval Criminal Investigative Service, que realizan investigacións criminais na Armada dos Estados Unidos e nos Marines. O concepto, creado por Don McGill e Donald Bellisario, e personaxes da serie interpretados por Mark Harmon, Michael Weatherly, Cote de Pablo, Pauley Perrette, Sean Murray, Rocky Carroll e David McCallum, desenvolvéronse inicialmente como un episodio en dúas partes da serie da CBS JAG que se emitiu en abril de 2003, como serie propia comezou a emitirse o 23 de setembro de 2003 tamén na CBS. Na sexta tempada (2008-2009) conseguiu ser o quinto programa máis visto dos Estados Unidos e dela derivou outra serie, NCIS: Los Angeles, protagonizada por Chris O'Donnell e LL Cool J e que comezou a emitirse en setembro de 2009.
Denomínase crina ao pelo, longo e groso que crece no pescozo de varios mamíferos como, por exemplo, o cabalo. Neste último caso, tamén reciben ese nome os pelos da súa cola. As crinas poden ser moi ríxidas ou pola contra moi finas e flexíbeis; nos cabalos, o pelo da melena é polo xeral máis suave e curto que o da cola.
Un parque é ou ben unha área natural, semi-natural ou unha plantación que se emprega para lecer e xogo de persoas ou ben unha área de protección da vida salvaxe ou hábitats. Os parques como os parques urbanos ou xardíns urbanos son espazos verdes para a o lecer e que se atopan dentro de cidades, urbanizacións ou outros puntos de interese similares. Outros parques destínanse á protección de grandes áreas naturais conservadas ou con certo interese de conservacións.
Sonny John Moore, nado no barrio de Highland Park, na cidade dos Ánxeles, o 15 de xaneiro de 1988, é un DJ, cantante e produtor musical estadounidense coñecido polo seu nome artístico Skrillex. Sonny Moore uniuse á banda post-hardcore From First to Last como o seu cantante en 2004, e gravou dous álbums con eles Dear Diary, My Teen Angst Has a Body Count (2004) e Heroine, (2006). Deixou a banda para comezar a súa carreira en solitario en 2007.
Disney+ (pronunciado Disney Plus) é un servizo de vídeo baixo demanda en streaming que é propiedade e é xestionado pola división Media and Entertainment Distribution de The Walt Disney Company. O servizo distribúe principalmente filmes e series de televisión de The Walt Disney Studios e Walt Disney Television, achegando tamén contido das compañías Disney, Pixar, Marvel, Star Wars, National Geographic e Star. Os filmes e as series de televisión orixinais do servizo tamén son distribuídos en Disney+.
O Fondo Mundial para a Natureza (en inglés: World Wide Fund for Nature, WWF) é un organización non gobernamental de ámbito internacional fundada o 29 de abril de 1961. Os seus obxectivos son a conservación, investigación e restauración dos ecosistemas. Anteriormente chamouse World Wildlife Fund, nome que aínda é o oficial no Canadá e nos Estados Unidos.
A forma física é un estado xeral de saúde, e de xeito máis específico, a capacidade de practicar certa actividade física, ocupacións e actividades cotiás. Unha boa forma física polo xeral adquírese como resultado dunha nutrición axeitada e a práctica de exercicio físico de moderado a vigoroso, e un descanso apropiado.Con anterioridade á revolución industrial, definíase forma física como a capacidade de realizar as actividades cotiás sen experimentar fatiga. Porén, coa automatización e os cambios no estilo de vida no presente, considérase que a forma física é unha medida da capacidade do corpo de funcionar de forma eficiente e efectiva durante o traballo e actividades de esparexemento, estar en condición saudable, ser capaz de resistir doenzass hipocinéticas, e poder enfrontar situacións de emerxencia.Ponse énfase en que a saúde física é o resultado da actividade física regular, dunha dieta e nutrición axeitados, ademais dun descanso apropiado para a recuperación física dentro dos parámetros individuais.
Vista dende a ventá en Le Gras
Vista dende a ventá en Le Gras (en francés: Point de vue du Gras) é a fotografía permanente máis antiga que se conserva. Foi tomada polo inventor francés Nicéphore Niépce en xuño de 1826, dende unha ventá do terceiro piso da súa casa de campo en Le Gras, Saint-Loup-de-Varennes, Francia.
Giant Bomb é un sitio web de videoxogos e unha wiki estadounidense que inclúe noticias sobre a industria, recensións, comentarios e vídeos. Foi creado polos ex-editores de GameSpot Jeff Gerstmann e Ryan Davis, en colaboración con Whiskey Media. O sitio web foi votado pola revista Time como uno dos 50 mellores sitios web do ano 2011.
"Beat It" é un sinxelo escrito e interpretado polo artista estadounidense Michael Jackson e producido por Quincy Jones (con coprodución de Jackson). É o terceiro sinxelo do seu sexto álbum en solitario, Thriller (1982). Eddie Van Halen executa o solo de guitarra, mais o seu selo discográfico impediulle aparecer no vídeo musical.
Sven Olof Joachim Palme, nado en Estocolmo o 30 de xaneiro de 1927 e asasinado na mesma cidade o 28 de febreiro de 1986, foi un político sueco, líder do Partido Socialdemócrata de Suecia dende 1969. Foi Primeiro ministro de Suecia entre 1969 e 1976, e reelixido en 1982. Foi asasinado o 28 de febreiro de 1986 mentres aínda exercía o cargo de Primeiro ministro: disparoulle supostamente Stig Engström cando paseaba en compaña da súa esposa tras saír do cine, de ver o filme Bröderna Mozart.
O abuso de substancias refírese á auto-indulxencia no consumo e dependencia dunha droga ou outro químico que leva a efectos que xeran unha deterioración na saúde física e mental da persoa que o realiza, ou o benestar doutros.Esta afección caracterízase por un patrón de uso patolóxico continuo dun medicamento ou estado de drogadicción, que resulta en consecuencias sociais adversas repetidas en relación co uso de drogas, tales como a incapacidade de cumprir coas obrigacións laborais, familiares ou escolares, conflitos interpersoais ou problemas legais. Aínda se debate sobre as diferenzas exactas entre o abuso de substancias e a drogodependencia, pero as prácticas estándares distinguen unha da outra ó definir a dependencia de substancias en termos dos síntomas fisiolóxicos e de comportamento do uso de substancias, e ó abuso de substancias en termos das consecuencias sociais do uso de substancias.O abuso de substancias pode levar á adicción ou dependencia de substancias. Medicamente, a dependencia fisiolóxica require do desenvolvemento de tolerancia fisiolóxica que leva a síntomas da síndrome de abstinencia.
International Music Score Library Project
A International Music Score Library Project (en galego Proxecto de Biblioteca Internacional de Partituras Musicais) ou IMSLP, tamén coñecido coma Petrucci Music Library (Biblioteca Musical Petrucci) en honor ao editor italiano Ottaviano Petrucci, é un proxecto para a creación dunha biblioteca virtual de partituras de dominio público empregando a tecnoloxía wiki, así como incluír traballos de novos compositores que desexen compartir as súas creacións musicais de xeito libre e gratuíto, é dicir, a partir de licenzas de Creative Commons ou cedendo os seus dereitos de autoría. Dende a súa creación, o 16 de febreiro de 2006, foron subidos en torno a 220.000 partituras e 21.000 gravacións de arredor de 61.000 composicións de arredor de 7.800 compositores. O proxecto emprega software MediaWiki para prover aos usuarios dunha interface familiar.
Erik Per Sullivan, nado o 12 de xullo de 1991 en Worcester, Massachusetts, é un actor estadounidense coñecido polo seu papel de Dewey na serie de televisión da FOX Malcolm in the Middle. Apareceu en numerosos filmes, entre eles os máis destacábeis: un papel protagonista no filme de terror de 2001 Wendigo, aparece no filme de 2002 Unfaithful e o neno orfo Fuzzy Stone, no filme As normas da casa da sidra.
O Victoria and Albert Museum (a miúdo abreviado como V&A) de Londres é o maior museo do mundo de artes aplicadas e decorativas e deseño, así como de escultura, que alberga unha colección permanente de máis de 2,27 millóns de obxectos. Foi fundado en 1852 e leva o nome da raíña Vitoria e do príncipe Alberte. O V&A está situado no Royal Borough de Kensington e Chelsea, nunha zona coñecida como "Albertopolis" debido á súa asociación con príncipe Alberte, o Albert Memorial e as principais institucións culturais coas que estivo asociado.
A arena é o espazo central dun circo romano, dunha praza de touros etc., onde se realiza o espectáculo. Por extensión denomínase arena á área fechada, case sempre de forma circular ou oval, deseñada para espectáculos musicais, teatrais ou eventos deportivos, sería, logo, un pavillón deportivo ou estadio fechado. Componse dun grande espazo aberto no centro (a propia arena), rodeado por corredores e bancadas para os espectadores.
Vampire: The Masquerade – Bloodlines
Vampire: The Masquerade – Bloodlines é un videoxogo de rol de acción de 2004 desenvolvido por Troika Games e publicado por Activision para Microsoft Windows. Ambientado no World of Darkness de White Wolf Publishing, o xogo baséase no xogo de rol Vampire: The Masquerade. O xogador encarna o papel protagonista dun humano personaxe que morre e revive como un vampiro, nunha historia que se desenvolve na cidade de Los Angeles no século XXI tentando descubrir a verdade sobre unha reliquia recentemente atopada que presaxia o fin de tódolos vampiros.
Seattle ( [siˈætəɫ] ) é a cidade máis grande do noroeste dos Estados Unidos. Fundada en 1853, a cidade está localizada no estado de Washington, na rexión de Puget Sound, a 182 quilómetros da fronteira con Canadá. En 2007 tiña unha poboación de 594 210 habitantes e na súa area metropolitana vivían 3 263 497 persoas.
Os hebreos (do latín Hebraei e do grego antigo Hebraioi [Ἑϐραῖοι], e ambos á súa vez do hebreo ‘Ivrīm [עברים]) son un antigo pobo semita do Levante mediterráneo (Próximo Oriente) establecidos no ano 616 a. C, tamén son devanceiros dos israelitas e do pobo xudeu.A tradicional fonte de referencia para os hebreos é a Biblia, cuxo contido tamén se atopa nas escrituras hebreas da Tora. Segundo estas fontes os hebreos constitúen o grupo monoteísta inicial, que é descendente dos patriarcas posdiluvianos Abraham, Isaac e Xacob.
David Hockney, nado o 9 de xullo de 1937, é un pintor, debuxante, gravador, escenógrafo e fotógrafo inglés. É un dos maiores representantes da Arte pop da década dos 60, e un dos artistas británicos máis influentes do século XX. O seu estilo pictórico atópase estreitamente relacionado co sur de California, onde viviu e desenvolveu a súa obra entre 1963 e 2005. Dende esta última data, Hockney posúe unha vivenda e estudo en Bridlington, Londres.
A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem) é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como as plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos. A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental.
Este artigo trata sobre o cómic, para obter información sobre a película vaia a Watchmen (filme); e sobre a banda canadense vaia a The Watchmen. Watchmen (Vixilantes) é un cómic de superheroes da editorial DC Comics, escrito por Alan Moore e debuxado por Dave Gibbons. Foi publicado inicialmente coma serie limitada de 12 números entre 1986 e 1987 e posteriormente recompilado como novela gráfica e está considerado como un dos cómics máis revolucionarios da historia.
A Night at the Opera (en galego: "Unha noite na ópera") é o cuarto álbum de estudio da banda británica de rock Queen, lanzado o 21 de novembro de 1975 en Europa e o 2 de decembro en América. Con este álbum, Queen adoptou unha sonoridade diferente comparada cos seus discos anteriores, facendo moito uso dun piano e de moitos outros instrumentos nunca utilizados polo grupo ata entón. Cancións como You're My Best Friend" e Bohemian Rhapsody conseguiron un éxito moi salientable e foron executadas en todos os concertos do grupo desde ese momento.
Roma(AFI: /ˈroma/, pronuncia ) é unha cidade de 2.856.133 habitantes (2018), capital da República italiana e da rexión do Lacio, provincia de Roma. Cunha área de 1.285 km² é municipio máis grande de Italia e a quinta cidade máis grande de Europa despois de Moscova, Istambul, Londres e San Petersburgo. Así mesmo é o municipio máis poboado de Italia e a cuarta cidade máis poboada da Unión Europea despois de Londres, Berlín e Madrid.
Broforce é un videoxogo de plataformas de desprazamento horizontal desenvolvido por Free Lives e publicado por Devolver Digital. O desenvolvemento comezou en abril de 2012 como parte dunha entrada para unha sesión improvisada de creación de videoxogos que continuou posteriormente polo apoio que recibiu, publicado como un xogo en Early Access. Publicouse o 15 de outubro de 2015 para Microsoft Windows e OS X, cunha adaptación para Linux dous días despois.
Museo Americano de Historia Natural
O Museo Americano de Historia Natural, en inglés: American Museum of Natural History (AMNH), situado no Upper West Side de Manhattan no 200 Central Park West de Nova York, Estados Unidos, é un dos maiores e máis famosos museos de historia natural do mundo. Situado nuns terreos axardinados fronte ao Central Park, componse de 27 edificios interconectados que albergan 46 salas de exposición permanentes, laboratorios de investigación e a súa famosa biblioteca. As súas coleccións están formadas por máis de 34 millóns de espécimes, dos cales só unha pequena parte pode ser exposta á vez.Conta con 225 investigadores a tempo completo, patrocina máis de 120 expedicións científicas cada ano, e recibe unha media anual de cinco millóns de visitantes.O AMNH é unha organización privada.A súa declaración de obxectivos é: Descubrir, interpretar e difundir, a través da investigación científica e a educación, o coñecemento sobre as culturas humanas, o mundo natural e o universo.
O copto ou copta (ⲙⲛⲧⲣⲙⲛⲕⲏⲙⲉ met rem en kēme) é a última forma de escrita utilizada no Antigo Exipto, descendente directa do exipcio pero escrita nunha forma modificada do alfabeto grego. Pertence, polo tanto, á familia afroasiática de linguas, na subfamilia exipcia. Floreceu, como lingua falada, entre os séculos II e X e emprégase hoxe en día como lingua litúrxica da Igrexa Ortodoxa Copta e da Igrexa Católica Copta.
O Billboard Hot 100 é un gran conteo dos 100 sinxelos máis populares e vendidos nos Estados Unidos, axuda a promover a industria musical nacional e internacional, e defínese como a máis importante das listas de Billboard xunto co Billboard 200. A publicación desta lista é semanal a través da revista Billboard, e tamén a través de Internet na súa páxina oficial. A primeira canción en chegar ao número un da Billboard Hot 100 foi "Poor Little Fool" de Ricky Nelson en 1958.[Cómpre referencia]No ano 2008 a revista Billboard realizou a lista Billboard Hot 100 All-Time Artists, cos artistas máis exitosos, e situou a The Beatles e Madonna nos 2 primeiros postos.
Setlist ou Set list é un documento que fai relación das cancións que unha banda musical vai interpretar nun concerto en particular. Adoita a estar impreso ou escrito nun papel, nun cartón ou nunha lámina, aínda que xa hai conxuntos que empregan as novas tecnoloxías, coma a dun IPad. O termo pode facer tamén relación á lista das cancións, pero non nun sentido físico.
Os videoxogos de plataformas son un xénero de videoxogos que se caracterizan por ter que camiñar, correr, saltar ou escalar sobre unha serie de plataformas e cantís, con inimigos, mentres se recollen obxectos para poder completar o xogo. Este tipo de videoxogos adoitan usar vistas de desprazamento horizontal cara á esquerda ou cara á dereita. É un xénero moi popular de videoxogos, xurdido a comezo da década de 1980 e que segue mantendo bastante popularidade na actualidade.