Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Bieito XVI (en latín, Benedictus PP. XVI), nado co nome de Joseph Ratzinger en Marktl am Inn (Baviera) o 16 de abril de 1927 e finado no Vaticano o 31 de decembro de 2022, foi o 265º Papa da Igrexa católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 19 de abril de 2005 ata o 28 de febreiro de 2013 permanecendo como papa emérito desde entón. En 1981 Xoán Paulo II nomeouno prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, cardeal dende 1993, e en 2002 accedeu ao posto de deán do Colexio de Cardeais. Foi un dos homes con máis influencia durante os últimos anos do papado de Xoán Paulo II. O 11 de febreiro de 2013 anunciou a súa decisión de renunciar ao seu posto, que se fixo efectiva o día 28.
Rogelio Groba Groba, nado o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns (Ponteareas) e finado o 1 de xaneiro de 2023 na Coruña, foi un músico e compositor galego. Logo de anos residindo en Suíza regresou a Galicia, onde durante 23 anos foi director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña. Tamén na cidade da Coruña creou e dirixiu a Orquesta da Coruña e a súa sucesora, a Orquesta de Cámara Municipal, e foi un dos promotores da Orquestra Sinfónica de Galicia, da que foi compositor asociado.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Penicillium rubens é unha especie de fungo do xénero Penicillium e foi a primeira especie que se soubo podía producir o antibiótico penicilina (aínda que a súa identificación como tal foi tardía). Foi descrito por Philibert Melchior Joseph Ehi Biourge en 1923. Polo descubrimento da penicilina a partir desta especie Alexander Fleming compartiu o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxia de 1945 (pero daquela identifícouse a cepa como Penicillium rubrum).
Penicillium chrysogenum (antes chamado Penicillium notatum) é unha especie de fungo do xénero Penicillium ao que se lle atribuíu a produción de penicilina (pero ver máis abaixo). É un fungo tipo mofo común en rexións temperadas e subtropicais e pode encontrarse en produtos alimenticios salgados, pero atópase principalmente en ambientes de interior, especialmente en edificios húmidos ou danados pola auga.A taxonomía destes mofos foi especialmente complicada. Tamén foi complicado determinar que cepa ou especie producía a penicilina.
Shanghai, ás veces escrito como Xangai (en chinés: 上海; pinyin: Shànghǎi; Tradución: “Sobre o mar”), é unha das maiores cidades da República Popular da China e do mundo por poboación. É un dos catro municipios directamente controlados da China, cunha poboación total de 23 millóns de persoas. É un importante centro financeiro, e un centro do transporte por abeirar o meirande porto de contedores do mundo..
A desorde que deixas (serie de televisión)
A desorde que deixas (en castelán: El desorden que dejas) é unha serie de televisión española orixinal de Netflix que se estreou o 11 de decembro de 2020. É unha adaptación de El desorden que dejas, novela de Carlos Montero publicada en 2016. Está protagonizada por Inma Cuesta e Bárbara Lennie, xunto con Tamar Novas, Arón Piper e Roberto Enríquez.A comezos de 2019, a plataforma de streaming anunciou a adaptación da novela e que a súa estrea sería ao longo do ano 2020.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Cuartel de San Fernando de Pontevedra
O antigo Cuartel de San Fernando de Pontevedra, é un grande edificio neoclásico de principios do século XX situado no centro da cidade, diante dos xardíns do doutor Marescot e moi preto da Alameda de Pontevedra.
O Ferrado é un colectivo galeguista e plataforma cultural de publicacións periódicas centrado na sociopolítica e economía de Galiza fundado no ano 2022. Os seus traballos abranguen un amplo número de temas tales como a sociolingüística, a antropoloxía, a psicoloxía social, a ciencia política, as relacións internacionais, a demografía, os estudos do territorio, o nacionalismo, o irredentismo e a historia en relación con Galiza e a lingua galega.
Escherichia coli, moitas veces abreviado como E. coli, é unha bacteria gramnegativa con forma de bacilo, que se encontra comunmente no tracto gastrointestinal inferior dos organismos de sangue quente (endotermos). A maioría das cepas de E. coli son inofensivas, pero algúns serotipos poden causar graves intoxicacións alimentarias nos humanos, e son ocasionalmente responsables da retirada de produtos alimenticios debido á súa contaminación. As cepas inofensivas son parte da flora intestinal humana normal, e poden ser beneficiosas para os seus hóspedes ao produciren vitamina K2, e impediren que se establezan alí bacterias patóxenas.E. coli e as bacterias relacionadas constitúen arredor do 0,1% da flora intestinal, e a transmisión fecal-oral é a principal ruta utilizada polas cepas patóxenas que causan doenzas.
Edson Arantes do Nascimento, coñecido mundialmente como "Pelé", nado en Tres Corações (Minas Xerais) o 23 de outubro de 1940 e finado en São Paulo o 29 de decembro de 2022, foi un xogador de fútbol brasileiro, considerado "O Rei" dese deporte. Entre el, Diego Armando Maradona e Lionel Messi está o debate sobre quen é o mellor futbolista de tódolos tempos. O seu equipo do Santos marcou unha época e foi coñecido naquela como Os Santásticos.
O latín (autoglotónimo: Lingua Latina ou Latina; en grego clásico: Λατινικὴ ɣλῶττα; en neogrego: Λατινική γλώσσα ou Λατινικά) é unha lingua itálica pertencente ao subgrupo das linguas latino-faliscas, e á súa vez á familia das linguas indoeuropeas que foi falada na Roma antiga e posteriormente durante a Idade Media e a Idade Moderna, chegando ata a Idade Contemporánea, pois se mantivo como lingua científica ata o século XIX. O seu nome deriva dunha zona xeográfica da península itálica onde se desenvolveu Roma, o Lacio (en latín, Latium). Adquiriu grande importancia coa expansión de Roma, e foi lingua oficial do Imperio romano en gran parte de Europa, África setentrional e Oriente Próximo, xunto co grego. Como as demais linguas indoeuropeas en xeral, o latín era unha lingua flexiva de tipo fusional cun maior grao de síntese nominal que as actuais linguas romances, na cal dominaba a flexión mediante sufixos, combinada en determinadas veces co uso das preposicións, mentres que nas linguas modernas derivadas dominan as construcións analíticas con preposicións, mentres que se reduciu a flexión nominal a marcar só o xénero e o número, conservando os casos de declinación só nos pronomes persoais (estes teñen, ademais, unha orde fixa nos sintagmas verbais).O latín orixinou un gran número de linguas europeas, denominadas linguas romances, como o español, francés, franco-provenzal, friulano, galego, istriano, istrorromano, italiano, ladino, ligur, lombardo, meglenorrumano, napolitano, occitano, piemontés, portugués, romanche, romanés, sardo, siciliano, valón, véneto, aragonés, arrumano, asturleonés, catalán, corso, emiliano-romañol, e outros xa extintos, como o dalmático, panonio e o mozárabe.
O Parrochiale suevum, Parochiale suevorum (Parroquial suevo) ou Divisio Theodemiri é un importante manuscrito da segunda metade do século VI e redactado inequívocamente entre os anos 572 e 589.No prefacio do devandito documento afírmase que tal organización acordouse nun concilio reunido en Lugo en xuño do 569 por mandato do rei Teodomiro co fin primordial de «confirmar a Fe católica», tamén se decidiu elevar a sé de Lugo á dignidade metropolitana. Así o rei Teodomiro explica a escaseza de bispos debido á extensión do territorio e a dificultade que a existencia dunha soa metrópole produce para tódalas sés afastadas de Braga.Neste documento reflíctese a organización administrativa e (maiormente) eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, contendo unha relación de 134 parroquias agrupadas en trece dioceses: as oito tradicionais reflectidas no Primeiro Concilio de Braga de 561, así como as catro dioceses formadas ó sur do Douro, que son as de Conímbriga, Idanha, Lamego e Viseu. O Parroquial Suevo non recolle as igrexas monásticas ou de fundación privada, senón que enumera soamente aquelas igrexas cunha función diocesana, e que por tanto podían administrar bautismo e funcionar como cemiterio da comunidade (Díaz Martínez 1998: 37; Díaz e Díaz 2002: 17), este manuscrito amosa como o poder do bispo exercíase dunha maneira directa sobre o territorio máis próximo a súa residencia, enumerando pormenorizadamente ás igrexas dependentes qui in vicino sunt.Ademais menciónase a diocese, non territorial senón étnica, de Britoniarum (Bretoña, norte da actual provincia de Lugo), que tamén aparece mencionada canda ó seu bispo Mailoc no Segundo Concilio de Braga,de 572.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
A Alameda do arquitecto Sesmero, coñecida popularmente como a Alameda polos pontevedreses, é un parque urbano situado no centro da cidade de Pontevedra. É o maior espazo verde do centro da cidade, xunto co Parque das Palmeiras. A Alameda está situada ao oeste do casco antigo, preto do antigo barrio de pescadores da Moureira.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Apio Claudio Craso Regilense Sabino (en latín: Appius Claudius Crassus Regillensis Sabinus), foi un político romano do século V a. C. e pertencía á gens Claudia. Era fillo de Apio Claudio Sabino Inregilense (cónsul no 471 a.C.), pai de Apio Claudio Craso (cónsul no 424 a.C.) e avó de Apio Claudio Craso (cónsul no 403 a.C.).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 192.693 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
O ISO 3166-1 é parte da norma ISO 3166 que propón códigos para nomes de países e dependencias. É un sistema de dúas letras, usado entre outras cousas para os dominios de Internet. AD Andorra AE Emiratos Árabes Unidos AF Afganistán AG Antiga e Barbuda AI Anguila AL Albania AM Armenia AO Angola AQ Antártida AR Arxentina AS Samoa Americana AT Austria AU Australia AW Aruba AZ Acerbaixán BA Bosnia e Hercegovina BB Barbados BD Bangladesh BE Bélxica BF Burkina Faso BG Bulgaria BH Bahrein BI Burundi BJ Benín BL Saint-Barthélemy BM Bermudas BN Brunei BO Bolivia BQ Bonaire, San Eustaquio e Saba BR Brasil BS Bahamas BT Bután BV Illa Bouvet BW Botswana BY Belarús BZ Belize CA Canadá CC Illas Cocos CD República Democrática do Congo CF República Centroafricana CG República do Congo CH Suíza CI Costa do Marfil CK Illas Cook CL Chile CM Camerún CN China CO Colombia CR Costa Rica CU Cuba CV Cabo Verde CW Curaçao CX Illa de Nadal CY Chipre CZ Chequia DE Alemaña DJ Djibuti DK Dinamarca DM Dominica DO República Dominicana DZ Alxeria EC Ecuador EE Estonia EG Exipto EH Sáhara Occidental ER Eritrea ES España ET Etiopía FI Finlandia FJ Fidxi FK Illas Malvinas FM Estados Federados de Micronesia FO Illas Feroe FR Francia GA Gabón GB Reino Unido GD Granada GE Xeorxia GF Güiana Francesa GG Guernsey GH Ghana GI Xibraltar GL Groenlandia GM Gambia GN Guinea GP Guadalupe GQ Guinea Ecuatorial GR Grecia GS Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur GT Guatemala GU Guam GW Guinea-Bissau GY Güiana HK Hong Kong HM Illa Heard e Illas McDonald HN Honduras HR Croacia HT Haití HU Hungría ID Indonesia IE Irlanda IL Israel IM Illa de Man IN India IO Territorio Británico do Océano Índico IQ Iraq IR Irán IS Islandia IT Italia JE Jersey JM Xamaica JO Xordania JP Xapón KE Kenya KG Kirguizistán KH Camboxa KI Kiribati KM Comores KN Saint Kitts e Nevis KP Corea do Norte KR Corea do Sur KW Kuwait KY Illas Caimán KZ Casaquistán LA Laos LB Líbano LC Santa Lucía LI Liechtenstein LK Sri Lanka LR Liberia LS Lesoto LT Lituania LU Luxemburgo LV Letonia LY Libia MA Marrocos MC Mónaco MD Moldavia ME Montenegro MF San Martiño, Francia MG Madagascar MH Illas Marshall MK Macedonia do Norte ML Malí MM Myanmar MN Mongolia MO Macau MP Illas Marianas do Norte MQ Martinica MR Mauritania MS Montserrat MT Malta MU Mauricio MV Maldivas MW Malaui MX México MY Malaisia MZ Mozambique NA Namibia NC Nova Caledonia NE Níxer NF Illa Norfolk NG Nixeria NI Nicaragua NL Países Baixos NO Noruega NP Nepal NR Nauru NU Niue NZ Nova Zelandia OM Omán PA Panamá PE Perú PF Polinesia francesa PG Papúa Nova Guinea PH Filipinas PK Paquistán PL Polonia PM Saint-Pierre-et-Miquelon PN Illa de Pitcairn PR Porto Rico PS Palestina PT Portugal PW Palau PY Paraguai QA Qatar RE Reunión RO Romanía RS Serbia RU Rusia RW Ruanda SA Arabia Saudita SB Illas Salomón SC Seychelles SD Sudán SE Suecia SG Singapur SH Santa Helena, Ascensión e Tristan da Cunha SI Eslovenia SJ Svalbard (Svalbard e Jan Mayen ) SK Eslovaquia SL Serra Leoa SM San Marino SN Senegal SO Somalia SR Suriname SS Sudán do Sur ST San Tomé e Príncipe SV O Salvador SX Sint Maarten (Países Baixos) SY Siria SZ Eswatini TC Turks e Caicos TD Chad TF Territorios Austrais Franceses TG Togo TH Tailandia TJ Taxiquistán TK Tokelau TL Timor Leste TM Turkmenistán TN Tunisia TO Tonga TR Turquía TT Trinidad e Tobago TV Tuvalu TW Taiwán TZ Tanzania UA Ucraína UG Uganda UM Illas Ultramarinas dos Estados Unidos US Estados Unidos de América UY Uruguai UZ Uzbekistán VA Vaticano VC San Vicente e as Granadinas VE Venezuela VG Illas Virxes Británicas VI Illas Virxes Estadounidenses VN Vietnam VU Vanuatu WF Wallis e Futuna WS Samoa YE Iemen YT Mayotte ZA Suráfrica ZM Zambia ZW CimbabueOs capítulos que derivan deste código son: ISO 3166-2, códigos para subdivisións, tales como, Estados e/ou Provincias; ISO 3166-3, códigos para substituír códigos Alfa-2 obsoletos; ISO 4217, códigos para unidades monetarias; ISO 3166-1 Alfa-3, un sistema de tres letras; ISO 3166-1 Numérico, un sistema numérico de tres díxitos, idéntico ao que foi definido pola División de Estatística das Nacións Unidas (ONU);Un país ou territorio xeralmente recibe un novo código Alfa se o seu nome se modifica, mentres que se dá un novo código numérico se houber alteración dos límites fronteirizos.
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976. Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Faro de Vigo é un diario que se publica en Vigo fundado por Ángel de Lema y Marina e que pertenceu á súa familia ata 1986 cando o mercou o empresario canario Javier Moll. Ten a súa redacción en Chapela (Redondela), e é o decano da prensa galega e española. O primeiro número é do 3 de novembro de 1853 e tiña carácter bisemanal ata que en 1879 se converteu en diario.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
Segundo a mitoloxía grega, Pandora (que significa doadora ou portadora de todo, chea de virtudes) foi a primeira muller, creada por Hefesto e Atenea por mandado de Zeus coma castigo pr’a raza humana. Prometeu, que xa creara ó primeiro home d’arxila, reveláralle o segredo do lume á humanidade e colleu o lume divino pra llo entregar ós homes (ben do carro de Helios, ben da forxa de Hefesto), levándoo nunha cana oca.
Jeremy Lee Renner, nado en Modesto (California) o 7 de xaneiro de 1971, é un actor e músico estadounidense. Renner apareceu en numerosos filmes ó longo da década de 2000, sobre todo en papeis secundarios. O recoñecemento internacional chegoulle con filmes como Dahmer (2002), S.W.A.T. (2003), Neo Ned (2005), 28 Weeks Later (2007) e foi nomeado ao Oscar ó mellor actor polo seu papel protagonista no filme En terra hostil (2009).
A norma ISO 4217 foi creada pola ISO co obxectivo de definir códigos de tres letras para todas as moedas do mundo. Isto elimina as confusións causadas por algúns nomes de divisas como dólar, franco ou libra, que son empregados en numerosos países pero teñen tipos de cambio moi diferentes. As dúas primeiras letras do código son as dúas letras do código do país da moeda segundo o estándar ISO 3166-1 e a terceira é normalmente a inicial da divisa en si.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e está situada no noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. Toma o nome da súa capital, a cidade da Coruña.
James Cleveland "Jesse" Owens, nado en Oakville (Alabama) o 12 de setembro de 1913 e finado en Tucson (Arizona) o 31 de marzo de 1980, foi un atleta estadounidense de orixe afroamericana. Participou nos Xogos Olímpicos de 1936, onde conseguiu fama internacional ao conseguir catro medallas de ouro: 100 metros lisos, 200 metros lisos, salto de lonxitude e como participante do equipo gañador na carreira de remudas 4x100 metros.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
Gästrikland é unha provincia histórica de Suecia (landskap) no sur da rexión de Norrland. Limita ao leste co golfo de Botnia, ao sueste con Uppland, ao sur con Västmanland, ao oeste con Dalarna e ao norte con Hälsingland. A princesa Madeleine ostenta o título de duquesa de Gästrikland, tamén de Hälsingland.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Hermerico, tamén Ermengaire ou Hermenerico (en latín: Hermericus), nado na segunda metade do século IV e finado no ano 441, foi o primeiro rei do Reino Suevo de Galicia, gobernando dende o 409 até o seu retiro, en favor do seu fillo Requila, no ano 438. A súa relixión era o paganismo xermánico e foi maioritariamente inimigo do Imperio Romano.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Unión Europea ( pronunciación ) (UE) é unha organización internacional constituída por 27 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo.
Os Campos, San Vicente do Grove, O Grove
Os Campos é un lugar da parroquia de San Vicente do Grove no concello pontevedrés do Grove, na Comarca do Salnés. Tiña unha poboación censada de 213 habitantes no ano 2016 segundo datos do IGE, dos cales 106 mulleres e 107 homes, o que representa un aumento en relación ós anos 2010, cando tiña 200 veciños, e 2004, cando tiña 197 veciños.
José Macia, máis coñecido como Pepe, nado en Santos o 25 de febreiro de 1935, é un exfutbolista e exadestrador brasileiro, de ascendencia galega. Xogaba como extremo esquerdo e está considerado un dos maiores ídolos da historia do Santos FC, o único club no que militou. É o segundo máximo goleador da historia do club, con 403 goles, e tamén o segundo xogador con máis partidos coa camiseta alvinegra (750), superado nos dous rexistros só polo seu compañeiro Pelé.
Penicillium rubrum é unha especie de fungo do xénero Penicillium que produce ácido kójico, mitorrubrina, mitorrubrinol, rubratoxina A, rubratoxina B rubralactona e rubramina e pode atoparse vivindo sobre grans de millo e feixóns de soia. Penicillium rubrum é similar á especie Penicillium chrysogenum. Non debe confundirse con Penicillium rubens.
Leonard Charles Wyon, nado en Londres o 23 de novembro de 1826 e finado na mesma cidade o 20 de agosto de 1891, foi medallista e gravador británico da época vitoriana, coñecido particularmente por ser o autor da serie de moedas de ouro e prata conmemorativas do "xubileu" ou 50 aniversario do acceso ao trono da raíña Vitoria. Desde 1851 ata o seu falecemento en 1891 ocupou o posto de gravador xefe da Royal Mint, a ceca real do Reino Unido.
Xoán Paulo II, nado co nome de Karol Józef Wojtyła (AFI: [ˈkarɔl ˈjuzɛf vɔjˈtɨwa]) en Wadowice o 18 de maio de 1920 e finado na Cidade do Vaticano o 2 de abril de 2005, foi o papa número 264 da Igrexa católica. De orixe polaca, foi o primeiro Pontífice non italiano dende Hadrián VI, finado en 1523. O seu pontificado de 26 anos foi o terceiro máis longo na historia da Igrexa católica, despois do de San Pedro (crese que entre 34 e 37 anos) e o de Pío IX (31 anos).
Club Deportivo Unión de Asados
O Club Deportivo Unión de Asados é un club de fútbol galego da parroquia de Asados (Rianxo), fundado en 1969. Xoga no Grupo Norte da Preferente Galicia e compite como local no Campo Municipal de Vilas de herba artificial, con capacidade para 500 persoas.
Santoalla é un filme documental estadounidense de 2016 sobre o deterioramento das relacións veciñais na aldea de Santoalla. Foi dirixido polos cineastas neoiorquinos Andrew Becker e Daniel Mehrer no seu debut como directores. O filme xira arredor da desaparición e asasinato do neerlandés Martin Verfondern na aldea de Santoalla (Petín) en xaneiro de 2010 e conta parte da súa vida a carón da súa muller Margo Pool durante as décadas de 1990, 2000 e 2010.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase Viana do Bolo (homónimos), Viana ou O Bolo (homónimos)Viana do Bolo é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Viana. Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2019 era de 2.886 persoas (3.368 en 2008, 3.743 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vianés».
O galego antigo, galego medieval ou galego-portugués (tamén chamado galaico-portugués) é a lingua medieval que se falou no noroeste da Península Ibérica que deu lugar ó galego e portugués actuais. Procedía do latín falado na Gallaecia e foi introducido polos colonizadores romanos. É polo tanto unha lingua romance.
En zooloxía denomínase membrana interdixital, ás veces chamada tamén membrana natatoria, é unha membrana de tecido epitelial que une os dedos das patas dalgúns animais, especialmente as aves acuáticas e os anfibios, pero que tamén presentan algúns mamíferos e réptiles (como os crocodilos e as tartarugas mariñas), que realiza unha función análoga ás aletas dos peixes, permitindo a súa locomoción na auga. Non debe confundirse coa sindactilia, que é a fusión conxénita ou accidental de dous o máis dedos entre si, como a que pode darse en persoas que sofren o denominado síndrome LEOPARD, ou o síndrome de Aarskog-Scott.
Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ESCRBBCCG) é un centro educativo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Ten a súa sede en Pontevedra, no antigo Cuartel de San Fernando, o mesmo edificio que a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. É a única Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e do noroeste peninsular e é a segunda escola de restauración máis antiga de España.
Dos arquivos do trasno: Contos do monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Memorias dun neno labrego é unha novela social e histórica do galego Xosé Neira Vilas, publicada na Arxentina o 5 de xaneiro de 1961 por Follas Novas, distribuidora de libros e editorial fundada polo propio autor e a súa muller. É o segundo libro publicado polo autor, primeiro en prosa, despois do poemario Dende lonxe (1960). Memorias foi escrito en tres meses no café La Vieja Viena, do barrio porteño de Villa Urquiza.
O tizón de Nadal ou cepo de Nadal (tamén cachopo de Nadal) é un gran madeiro que na Noiteboa se prende na lareira coidadosamente limpa e varrida. É unha tradición ancestral galega e doutras partes do centro e oeste de Europa ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Simboliza destruír o vello para dar paso ao novo.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A marca de Atenea (título orixinal en inglés: The Mark of Athena) é o terceiro libro da saga The heroes of Olympus, escrita por Rick Riordan. Nesta historia, Annabeth Chase, unha filla semideusa de Atenea, parte en procura da Atenea Partenos, unha estatua que traería paz entre os romanos e os gregos, mentres os outros seis semideuses da nova Gran Profecía, tentan atopar a Nico Di Angelo, un fillo semideus de Hades, que foi capturado polos xigantes Oto e Efialtes. Rick Riordan continúa neste libro usando unha narración en terceira persoa na que, a diferenza do libro anterior, preséntanse catro, e xa non tres, puntos de vista: os de Annabeth, Leo, Piper e Percy.