Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Nomes da folla do piñeiro en Galicia
Existe en Galicia unha riqueza sinonímica enorme que fai referencia á folla do piñeiro, habendo gran número de palabras para denominar á folla desta árbore. Fermín Bouza Brey publicou no ano 1948 Nombres de la hoja del pino en Galicia, nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, traballo no que se recollen por orde alfabética un total de 92 termos diferentes para denominar á folla do piñeiro, e ó seu carón, os lugares onde son utilizados. Segundo os datos recompilados no Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa), non se produciron variacións significativas ó longo dos últimos anos canto á terminoloxía descrita por Bouza Brey, polo que segue estando vixente na actualidade.
Adriano Celentano, nado en Milán o 6 de xaneiro de 1938, é un cantante, actor e cineasta italiano. Grazas á súa traxectoria de cincuenta anos e os seus grandes éxitos está considerado un dos piares da música italiana. O Seu carácter fixo que Celentano se convertese nun personaxe símbolo e icona da sociedade do seu país despois da Segunda Guerra Mundial.
Robert James Gilbert "Bob" Anderson, nado en Gosport o 15 de setembro de 1922 e finado en West Sussex o 1 de xaneiro de 2012 foi un esgrimista olímpico inglés, e un recoñecido coreógrafo de loita con espadas no cinema durante máis de 50 anos, traballando en Highlander, A princesa prometida, A máscara do Zorro, O señor dos Aneis e Die Another Day entre outras. Foi considerado o primeiro coreógrafo de Hollywood na loita con espada, e durante a súa carreira adestrou moitos actores na arte de armas, tales como Errol Flynn, Sean Connery, Antonio Banderas e Johnny Depp. Tamén apareceu como dobre nas pelexas de láser de Darth Vader en O imperio contraataca e O retorno do Jedi.
Metal Gear (メタルギア, Metaru Gia) é unha saga de videoxogos creado por Hideo Kojima, desenvolvido e publicado pola compañía Konami. O xogador toma o control dun soldado de elite, dependendo de que Metal Gear se trate, poderás controlar a Solid Snake (protagonista do MGS1 e MGS4; ao soldado Raiden adestrado por Realidade Virtual quen controlas en MGS2 e a Naked Snake (que máis tarde é coñecido como Big Boss) o pai de Solid Snake, a quen controlas durante todo o MGS3, que é cronoloxicamente, o primeiro de todos. Os Metal Gear son uns tanques bípedes coa capacidade de lanzaren armas nucleares desde calquera punto do planeta.
Final Fantasy VII (abreviado FF7 ou FFVII) é un dos máis importantes videoxogos de rol clásicos aparecidos para consola. Desenvolvido polo equipo de Hironobu Sakaguchi de Squaresoft (agora a Square Enix) maioritariamente entre 1996 e 1997, e publicado en 1997. Pese a que os europeos xa tiveran acceso aos videoxogos de rol xaponeses cos aparecidos en 16-bit, Final Fantasy VII foi o que deu a coñecer o xénero a un público máis amplo neste continente.
Alfred Joseph Hitchcock, nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 e finado no barrio de Bel Air (Os Ánxeles) o 29 de abril de 1980, foi un director de cine británico nacionalizado americano, mestre do xénero do thriller de suspense. Tras unha exitosa carreira no cine británico en películas mudas e nas primeiras sonoras, o que o levou a ser considerado o mellor director de Inglaterra, Hitchcock trasladouse a Hollywood en 1939.
Unha libraría ou librería é un comercio dedicado á venda de libros, poden ser pequenas tendas que ofrecen uns poucos centos de libros ata grandes establecementos comerciais con máis de 200.000 títulos. Algunhas librarías están especializadas na venda de libros antigos. Alén da venda de libros tamén poden vender materiais relacionados como folios, mapas, bolígrafos, sobres ou xornais pero as tendas especializadas neste tipo de materiais coñécense como papelerías, aínda que vendan tamén libros.
Omán é un país situado no extremo oriental da Península da Arabia. Está constituído por dous territorios descontinuos: o máis pequeno é a Península de Musandam e mailos territorios veciños, no Estreito de Ormuz, separados do resto de Omán polos Emiratos Árabes Unidos. O resto e meirande parte do país está á sueste da Arabia Saudita.
A guerra das galaxias (en inglés Star Wars, aínda que traducido literalmente significa «guerras estelares» ou «guerras das estrelas») é unha serie de oito filmes de ciencia ficción creada polo produtor, director e guionista norteamericano George Lucas, tralo éxito de American Graffiti. A serie comezou en 1977 con Star Wars Episodio IV: Unha Nova Esperanza, e dende entón converteuse nun fenómeno social e cultural, do que se crearon novelas, historias en banda deseñada, videoxogos... Isto permitiu a Lucas ampliar a historia con dous episodios máis: O Imperio Contraataca e O Retorno do Jedi, que continuarían o grande éxito da primeira.
O URL (siglas de Uniform Resource Locator; en galego, localizador uniforme de recursos) é un texto curto que identifica calquera recurso (servizo, páxina, documento, enderezo de correo eletrónico, enciclopedia...) accesible nunha rede. Un concepto similar é o de URI (o L cambia por un I, de identificador).
Call of Duty 3 é un videoxogo pertencente á serie Call of Duty, ambientado durante a segunda guerra mundial. Foi desenvolvido por Treyarch e distribuído por Activision, agás a versión para Playstation Portable, desenvolvida por Amaze. Púxose á venda para Playstation 3, Playstation 2, Playstation Portable, Nintendo Wii, Xbox e Xbox 360.
"Winter Is Coming" é o episodio piloto da serie de televisión de fantasía medieval da HBO Game of Thrones. É o primeiro episodio da primeira tempada, e foi escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, nunha adaptación fiel dos primeiros capítulos do libro de George R. R. Martin A Game of Thrones. O episodio foi dirixido por Tim Van Patten, refacendo o traballo feito polo director Tom McCarthy no episodio piloto sen estrear.
A Commonwealth ou Commonwealth of Nations é o nome en inglés dunha asociación de territorios autónomos, mais dependentes do Reino Unido, creada en 1931 e formada actualmente por 54 estados, a maioría dos cales independentes pero incluíndo algúns que aínda manteñen lazos políticos coa antiga potencia colonial. Coa progresiva perda de poder da Gran Bretaña sobre as súas colonias a partir de mediados do século XIX, a poboación branca conseguiu a autonomía, primeiro coa concesión do estatuto de Dominio británico (Canadá, Australia, Nova Zelandia, Suráfrica e Terranova). O termo Commonwealth foi utilizado por vez primeira en 1917 como sinónimo de Imperio Británico para designar a asociación existente entre a Gran Bretaña e estes Dominios.
Warcraft II: Tides of Darkness
Warcraft II: Tides of Darkness é un videoxogo de estratexia creado por Blizzard Entertainment, secuela de Warcraft: Orcs & Humans Warcraft II mantén a mesma esencia de Warcraft: Orcs & Humans, nesta entrega os xogadores escollen entre algúndos dous bandos enemistados: os humanos ou os orcos. Esta vez, con todo, o número de criaturas involucradas é maior, os humanos posúen a axuda de elfos, ananos e gnomos; mentres que os orcos reúnen aos trols, ogros e goblins. O xogo mellora notablemente o control e as gráficas do xogo, así como a intelixencia artificial.
Wayne Rooney, nado en Croxteth, preto de Liverpool, o 2 de outubro de 1985, é un exfutbolista e adestrador inglés, actual adestrador do DC United dende 2022. Xogaba de dianteiro e militou durante a maior parte da súa carreira no Manchester United, co que marcou 253 goles en 559 partidos. Foi 120 veces internacional coa selección de Inglaterra, coa que anotou 53 goles.
Disney+ (pronunciado Disney Plus) é un servizo de vídeo baixo demanda en streaming que é propiedade e é xestionado pola división Media and Entertainment Distribution de The Walt Disney Company. O servizo distribúe principalmente filmes e series de televisión de The Walt Disney Studios e Walt Disney Television, achegando tamén contido das compañías Disney, Pixar, Marvel, Star Wars, National Geographic e Star. Os filmes e as series de televisión orixinais do servizo tamén son distribuídos en Disney+.
O naturalismo é un estilo artístico, sobre todo literario, baseado na observación e documentación da realidade en todos os seus aspectos, tanto nos máis sublimes coma nos máis vulgares. O seu máximo representante, teorizador e impulsor foi o xornalista Émile Zola que expuxo esta teoría no prólogo da súa novela Thérèse Raquin e sobre todo en Le roman expérimental (1880). Dende Francia, o Naturalismo espallouse ao longo de toda Europa no curso dos vinte anos seguintes adaptándose ás distintas literaturas nacionais.
Avengers: Endgame é un filme estadounidense de 2019 baseado nos superheroes de Marvel Comics. Producido por Marvel Studios e distribuído por Walt Disney Studios Motion Pictures, é a secuela directa de Avengers: Infinity War (2018) e o vixésimo segundo filme do Universo Cinematográfico Marvel (MCU). Dirixido por Anthony e Joe Russo e escrito por Christopher Markus e Stephen McFeely, o filme conta cun elenco composto por Robert Downey Jr., Chris Evans, Mark Ruffalo, Chris Hemsworth, Scarlett Johansson, Jeremy Renner, Don Cheadle, Paul Rudd, Brie Larson, Karen Gillan, Danai Gurira, Benedict Wong, Jon Favreau, Bradley Cooper, Gwyneth Paltrow e Josh Brolin.
Björk Guðmundsdóttir, nada en Reiquiavik o 21 de novembro de 1965, é unha cantante, compositora e actriz islandesa máis coñecida como Björk. Foi a antiga líder da banda islandesa de rock alternativo The Sugarcubes. O seu gusto musical abrangue moitos tipos de música, entre eles; pop, rock alternativo, jazz, ambient, electrónica, folk, trip hop e clásica.
A cor é a impresión producida por un ton de luz nos órganos visuais, ou máis exactamente, é unha percepción visual que se xera no cerebro dos humanos e outros animais ao interpretar as sinais nerviosos que lle envían os fotorreceptores na retina do ollo, que á súa vez interpretan e distinguen as distintas lonxitudes de onda que captan da parte visible do espectro electromagnético. Todo corpo iluminado absorbe unha parte das ondas electromagnéticas e reflicte as restantes. As ondas reflectidas son captadas polo ollo e interpretadas no cerebro como distintas cores segundo as lonxitudes de ondas correspondentes.
A lingua khmer (ភាសាខ្មែរ) ou lingua camboxana é a lingua do pobo khmer e a lingua oficial de Camboxa. Con preto de 16 millóns de falantes, é a segunda lingua austroasiática máis falada (despois do vietnamita). O khmer está considerablemente influído polo sánscrito e o pali, especialmente nos rexistros lingüísticos reais e relixiosos, a través do hinduísmo e o budismo.
En epidemioloxía, o estilo de vida, hábito de vida, forma de vida son un conxunto de comportamentos ou actitudes que desenvolven as persoas, que unhas veces son saudables e outras son nocivas para a saúde. Nos países desenvolvidos os estilos de vida pouco saudables son os que causan a maioría das enfermidades. Entre os estilos de vida máis importantes que afectan á saúde están: Consumo de substancias tóxicas: tabaco, alcohol e outras drogas Exercicio físico Sono nocturno Condución de vehículos Estrés Dieta Hixiene persoal Manipulación dos alimentos Actividades de lecer ou afeccións Relacións interpersoais Comportamento sexualNos países desenvolvidos existe o paradoxo de que a maioría das enfermidades son producidas polos estilos de vida da súa poboación, e porén os recursos sanitarios desvíanse cara ó propio sistema sanitario para intentar curar estas enfermidades, en lugar de destinar máis recursos económicos na promoción da saúde e prevención das enfermidades.
Partido Socialdemócrata de Austria
O Partido Socialdemócrata de Austria, chamada en alemán Sozialdemokratische Partei Österreichs, é un partido político socialdemócrata de Austria. É de tendencias centro-esquerdistas e forma parte do Partido Socialista Europeo.
Orzamento ou presuposto é o cálculo por anticipado dos custos que implicaría unha determinada obra, servizo ou calquera outra actividade económica. A elaboración dun orzamento permita ás empresas, os gobernos, as organizacións privadas ou mesmo ás familias establecer prioridades e avaliar a consecución dos seus obxectivos. Para alcanzar estes fins, pode chegar a ser preciso incorrer en déficit, isto é, que os gastos superen aos ingresos, ou pola contra, ser posíbel aforrar, de xeito que o orzamento presentará un superávit (os ingresos son maiores que os gastos).
Un traumatismo é unha situación con dano físico ó corpo causado por unha forza externa. O traumatismo pode deberse a accidentes, caídas, golpes, armas e outras causas. En medicina, porén, identifícase polo xeral como paciente traumatizado a alguén que sufriu feridas serias que pon en risco a súa vida e que poden resultar en complicacións secundarias tales como shock, paro respiratorio e morte.En 2013, 4,8 millóns de persoas en todo o mundo morreron por mor dun traumatismos, en comparanza dos 4,3 millóns do ano 1990.
Alice Cooper, é unha banda de Hard rock e Rock and roll que tivo o seu maior auxe nos anos 70, e, máis tardiamente, o nome artístico do ex-líder da banda, Vincent Damon Furnier, nado en Detroit o 4 de febreiro de 1948, como solista e compositor de Rock, tocando subxéneros coma o Hard rock, Glam rock, New wave ou Heavy metal, ó longo da súa carreira. É coñecido polas súas presentacións en vivo, frecuentemente teatrais e violentas, cheas de maquillaxe, cadeiras eléctricas, forcas, guillotinas, cabezas decapitadas artificiais e sangue falso. O humor, frecuentemente, forma parte dos seus traballos e entrevistas.
NCIS, previamente chamada NCIS: Naval Criminal Investigative Service e tamén Navy NCIS durante a primeira tempada, é unha serie de televisión estadounidense que trata dun equipo de axentes especiais do Naval Criminal Investigative Service, que realizan investigacións criminais na Armada dos Estados Unidos e nos Marines. O concepto, creado por Don McGill e Donald Bellisario, e personaxes da serie interpretados por Mark Harmon, Michael Weatherly, Cote de Pablo, Pauley Perrette, Sean Murray, Rocky Carroll e David McCallum, desenvolvéronse inicialmente como un episodio en dúas partes da serie da CBS JAG que se emitiu en abril de 2003, como serie propia comezou a emitirse o 23 de setembro de 2003 tamén na CBS. Na sexta tempada (2008-2009) conseguiu ser o quinto programa máis visto dos Estados Unidos e dela derivou outra serie, NCIS: Los Angeles, protagonizada por Chris O'Donnell e LL Cool J e que comezou a emitirse en setembro de 2009.
María Corazón Sumulong Cojuangco-Aquino, nada en Paniqui o 25 de xaneiro de 1933 e finada en Makati o 1 de agosto de 2009, foi unha política filipina, que foi presidenta de Filipinas entre 1986 e 1992, despois da caída do ditador Ferdinand Marcos. Foi unha das primeiras mulleres de Asia en ocupar a máxima representación do seu Estado ou goberno, logo de Golda Meir e Indira Gāndhi. Casada co popular senador da oposición Ninoy Aquino, cando este foi asasinado no daquela chamado Aeroporto Internacional de Manila ó regresar do exilio o 21 de agosto de 1983, "Cory" converteuse no núcleo da oposición ao goberno autocrático do Presidente Ferdinand Marcos.
Cultivar é a designación dada a determinada forma dunha planta cultivada e corresponde a un determinado xenotipo e fenotipo que foi seleccionado e recibiu un nome único e debidamente rexistrado con base nas súas características produtivas, decorativas ou outras que o tornen interesante para o cultivo. O cultivar debe presentar durante o cultivo, e manter durante o proceso de propagación, un conxunto único de características que o distingan de maneira consistente de plantas semellantes da mesma especie. O termo foi cuñado polo especialista en horticultura Liberty Hyde Bailey, que o derivou das palabras inglesas "cultivated" e "variety" ("cultivado" e "variedade"), co que significaría estritamente "variedade cultivada" dunha especie vexetal.
Canon en re maior de Pachelbel
O Canon e Giga en re maior para tres violíns e baixo continuo (en alemán: Kanon und Gigue in D-Dur für drei Violinen und Basso Continuo), tamén coñecido sinxelamente como o Canon, é a obra máis coñecida do compositor alemán de música barroca Johann Pachelbel. Pachelbel compuxo esta obra arredor do ano 1680, sendo orixinalmente unha obra de música de cámara para tres violíns e baixo continuo; posteriormente realizáronse arranxos para unha gran variedade de instrumentos e conxuntos. Orixinalmente, unha giga na mesma tonalidade (re maior) segue ó canon, pero esta última danza execútase ou grava con moita menos frecuencia.
Cidadán Kane (EUA, 1941, Citizen Kane no seu orixinal inglés) é o primeiro filme realizado directamente para cinema, de Orson Welles, quen o dirixe e o interpreta, e é considerado por grande parte dos espectadores e da crítica especializada como unha das obras mestras da historia do cinema e posibelmente o máis influente na historia do cinema. Welles dirixiu dúas curtametraxes antes de Cidadán Kane, pero para seren utilizadas en montaxes teatrais. Pénsase que Cidadán Kane está baseada nas vidas do magnate xornalístico William Randolph Hearst, do aeronauta e magnate do cinema Howard Hughes, e do magnate das finanzas Samuel Insull.
O adxectivo internacional fai referencia á interacción ou asociación entre dúas ou máis nacións ou estados. En política coñécense como internacionais as organizacións que integran individuos ou entidades dunha mesma ideoloxía ou que perseguen un mesmo fin. As primeiras asociacións internacionais tiveron un carácter obreiro, como a Primeira Internacional, a Segunda Internacional, a Asociación Internacional dos Traballadores ou a Internacional Socialista.
A Tetrarquía foi un sistema de goberno creado polo emperador romano Diocleciano por forma a resolver serios problemas militares e económicos do imperio romano. Dividiu o seu poder sobre o imperio entre os sectores orientais (pars Orientis) e occidentais (pars Occidentis). Mantivo o control persoal do sector leste e o seu colega Maximiano controlou o occidente.
Un arquetipo é un modelo ou exemplo de ideas ou coñecemento do cal se derivan outros tantos para modelar os pensamentos e actitudes propias de cada individuo, de cada conxunto, de cada sociedade, mesmo de cada sistema. Un sistema de palabras, de ideas, de ideais ou pensamentos, segue unha conduta regular, envolveito no seu propio paradigma; mesmo se usan arquetipos para modelar o seu propio camiño, para abrirse campo nun medio de ideas abstractas e pouco comprensíbeis ou mesmo inintelixíbeis, soamente guiados polos seus propios pensamentos e crenzas. Trátase dun termo xa empregado por filósofos neoplatónicos, como Plotino, para designar as ideas como modelos de todas as cousas existentes, segundo a concepción do propio Platón.
Un videoxogo para un xogador, (single-player en inglés) é aquel que ten entrada para un único xogador . Os videoxogos máis temperáns, como Tennis for Two, eran para dous xogadores, os xogos para un único xogador gañan popularidade pouco despois con títulos como Speed Race e Space Invaders. A primeiros dos 90 presentáronse moitos xogos que utilizaron redes de área local para modos de multixogador, Doom é un exemplo notábel destes.
International Standard Musical Work Code
O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.
Indíxena é un termo que, en sentido amplo, aplícase a todo aquilo que é relativo a unha poboación orixinaria do territorio que habita, cuxo establecemento no mesmo precede ao doutros pobos ou cuxa presenza é o suficientemente prolongada e estable como para tela por oriúnda (é dicir, orixinario dun lugar).. Co mesmo sentido utilízase, con maior frecuencia, o termo equivalente nativo, presente en expresións como "idioma nativo". Tamén é habitual utilizar termos como pobos orixinarios, nacións nativas ou aborixes.En sentido estrito e máis habitualmente, aplícase a denominación indíxenas ás etnias que preservan as culturas tradicionais non europeas.
Marilyn Monroe, de nome real Norma Jeane Mortensen, nada nos Ánxeles o 1 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 5 de agosto de 1962, foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense. Converteuse nun importante sex symbol, protagonizando un bo número de exitosos filmes durante a década de 1950 e principios da de 1960, chegando a ser unha das actrices de Hollywood máis famosas de todos os tempos.Iniciou a súa carreira como modelo fotográfica e a partir de 1946 comezou a interpretar pequenos papeis en películas de baixo custo. Os primeiros papeis destacados interpretounos nas películas A xungla do asfalto (1950) e Todo sobre Eva (1950).
O turco ( Türkçe ) é a máis estendida das linguas turcas, con entre 80 e 90 millóns de falantes. É a lingua nacional de Turquía e a República Turca do Norte de Chipre. Existen comunidades de falantes en Iraq, Siria, Alemaña, Austria, Bulgaria, Macedonia do Norte, Grecia e o no Cáucaso, así como noutras partes de Europa e Asia central.
Metal Gear Solid é a terceira entrega da serie de videoxogos Metal Gear creada por Hideo Kojima. As primeiras entregas foron lanzadas primeiro para NES e MSX, e a seguinte para PSX e PC. Tamén dispoñible para PS3 (na Store Xaponesa). No Metal Gear Solid 4 apareceu un mapa orixinal do Metal Gear Solid.
L'Orfeo (SV 318), ás veces chamada La favola d'Orfeo, é unha favola in musica ou ópera de finais do Renacemento/principios do Barroco, con música de Claudio Monteverdi e libreto en italiano de Alessandro Striggio. Está baseada na lenda grega de Orfeo, conta a historia do seu descenso ao Hades e o seu infrutuoso intento de devolver á súa muller morta Eurídice ao mundo dos vivos. Foi escrita en 1607 para unha representación na corte durante o Carnaval anual de Mantua.
A Song of Ice and Fire (en galego Unha canción de xeo e lume) é unha serie de novelas de George R. R. Martin (algunhas aínda non publicadas) do xénero de fantasía épica e acadou un grande éxito de crítica e público. Martin comezou a escribir a serie en 1991 e o primeiro volume publicouse en 1996. Orixinalmente ía ser unha triloxía, mais a serie consiste en cinco volumes publicados e dous máis proxectados.
O monte Chimborazo é o volcán máis alto de Ecuador. Está situado nos Andes centrais, 150 km ao suroeste de Quito. En 1802 o barón Alexander von Humboldt, acompañado de Aimé Bonpland e o ecuatoriano Carlos Montufar, trataba de subir até o cume, pero tivo que volver a 5875 m a causa do "soroche" (malestar que se sente nas alturas por enrarecemento do ar).
Volt, ou menos recomendable voltio, é a unidade do SI da tensión eléctrica, derivada a partir do ampere e mais do watt. O seu nome vénlle polo físico italiano Alessandro Volta, e o seu símbolo é V. Volt, no sistema métrico decimal, é unha unidade de medida de diferenza de potencial eléctrico. Un volt é igual á diferenza de potencial existente entre dúas secións transversais dun condutor percorrido por unha corrente eléctrica variable de 1 A, cando a potencia disipada entre as dúas seccións é igual a 1 watt.
O termo audiencia pode tomar os significados seguintes: Telecomunicacións: A audiencia, o público que recibe mensaxes a través dun medio de comunicación, polo xeral a radio e a televisión. Horario de máxima audiencia. Dereito: A audiencia, o momento dun proceso en que se admiten razón ou en que se presentan as probas dun xuízo.
Mubi, anteriormente coñecida como The Auteurs, é unha páxina web filmográfica en liña que integra elementos das redes sociais con video streaming. Foi descrita como unha "cinemateca online". O sitio permite que os seus usuarios vexan filmes, polo xeral tras o pagamento dunha tarifa, e conéctaos con outros usuarios de similares intereses.
A libra esterlina (en inglés pound sterling) é a unidade monetaria oficial do Reino Unido. Habitualmente denomínase simplemente libra (pound), e para diferenciala da unidade de peso homónima acordouse usar o cualificativo de sterling, nome que tiña o antigo penique (penny) de prata, xa que os peniques (a 240ª parte dunha libra) eran a unidade monetaria básica e o seu valor equivalía a pouco menos có dunha libra actual. O símbolo da libra esterlina é £, e o seu código ISO 4217 é GBP. Desde 1971, logo da introdución do sistema decimal, a moeda británica está dividida en 100 novos peniques (en inglés pence, plural de penny), e o seu símbolo é p.
A prevalencia (P) é un termo empregado en epidemioloxía para definir a proporción de individuos dunha poboación que presentan un determinado evento con respecto do total de individuos de dita poboación. Adóitase expresar, polo xeral, en porcentaxe, fracción ou número de casos por cada mil, dez mil ou cen mil habitantes. En medicina emprégase para expresar o número de pacientes que presenta unha doenza con respecto do total da poboación ou dun subgrupo poboacional.
Westworld é un filme estadounidense de ciencia ficción escrito e dirixido por Michael Crichton, o cal se estreou en 1973. O filme tivo unha secuela, Mundo futuro (estreada en galego o 21 de setembro de 1995 a través da TVG) e unha miniserie de televisión Beyond Westworld. En 2016, HBO estreou unha serie de televisión homónima baseada na trama do filme orixinal.
O hertz (símbolo Hz), tamén chamado hercio, é a unidade derivada do SI para frecuencia, a cal é expresada en termos de oscilacións por segundo (s−1, 1/s). A unidade é nomeada en homenaxe ao físico alemán Heinrich Rudolf Hertz, que fixo algunhas importantes contribucións á ciencia no campo do electromagnetismo. O nome foi establecido pola Comisión Electrotécnica Internacional (IEC nas súas siglas inglesas) en 1930.
María I, de nome María Estuardo (inglés: Mary Stuart, Mary Stewart ou Marie Steuart); nada o 8 de decembro de 1542 e finada o 8 de febreiro de 1587), foi raíña de Escocia do 14 de decembro de 1542 ao 24 de xullo de 1567. Única filla lexítima de Xacobe V, con seis días de idade sucedeu ao seu pai no trono escocés. Pasou a maior parte da súa infancia en Francia, mentres Escocia era gobernada por rexentes.
Dragon Ball Z (ドラゴンボールZ, Doragon Bōru Zetto), tamén coñecido en Galiza como Dragón Z ou Bóla de Dragón Z, é unha serie de televisión de animación xaponesa de 291 capítulos de 25 minutos adaptada do manga de Akira Toriyama e producida polo estudio Tōei. É a continuación do anime Dragon Ball. En Galiza emitiuse na década de 1990, dentro do programa infantil Xabarín Club da Televisión de Galicia.
Santoalla do Monte é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Petín. Segundo o IGE, en 2016 tiña 7 habitantes (3 mulleres e 4 homes), distribuídos nunha soa entidade de poboación, o que supón o mantemento con relación ao ano 1999 cando tiña tamén 7 habitantes. É unha das localizacións de Sempre Xonxa e é a localización case única do documental Santoalla, no que se inspirou o filme As bestas.
Xesús Xan Ferreiro García ou simplemente Xesús Ferreiro, alcumado "Cachorro", nado na Coruña o 24 de febreiro de 1985 é un boxeador profesional galego. Na súa carreira profesional ten disputado un total de 20 combates, gañando 15 (5 por KO), perdendo 4 (2 por KO) e empatando un. Cachorro é, xunto con Moncho Casal o único boxeador coruñés que conseguiu un campionato estatal en dúas categorías distintas, semipesado e supermedio.
Dendroctonus ponderosae é unha especie de escaravello curculiónido nativo dos bosques de América do Norte desde México á parte central da Columbia Británica no Canadá. Pode converterse nunha praga para algúns bosques de piñeiros. Ten un exoesqueleto negro e mide uns 5 mm, aproximadamente como un gran de arroz.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972 pola Editorial Galaxia. A segunda edición é de 1976. Galaxia publicou en 2014 unha edición que é o resultado dunha investigación de Xosé Manuel Dasilva, na que reconstrúe definitivamente a versión orixinal que se sometera á censura na década de 1970.
Pokémon (ポケットモンスター, Poketto Monsutā, Pocket Monsters, literalmente "monstros de peto" en galego) é unha franquía multimillonaria, que orixinalmente comezou coma un videoxogo, mais debido á súa popularidade logrou expandirse a outros medios de entretemento coma series de televisión, xogos de cartas, roupa, entre outros, converténdose nunha marca que é recoñecida no mercado mundial. As vendas de videoxogos até o 1 de decembro de 2006, acadaran unha cantidade de 175 millóns de exemplares (incluíndo a venda da versión Pikachu da consola Nintendo 64), atinxindo ocupar o segundo lugar das sagas de videoxogos máis vendidos de Nintendo. A franquía celebrou o seu décimo aniversario o 27 de febreiro de 2006.
Exodus: Gods and Kings (literalmente Éxodo: Deuses e Reis) é un filme épico estadounidense de 2014 dirixido por Ridley Scott e escrito por Adam Cooper, Bill Collage, Jeffrey Caine e Steven Zaillian. Trátase dunha coprodución entre os Estados Unidos, o Reino Unido e España e foi producido por Peter Chernin, Ridley Scott, Jenno Topping, Michael Schaefer e Mark Huffam con música de Alberto Iglesias. Os protagonistas do filme son Christian Bale, Joel Edgerton, John Turturro, Aaron Paul, Ben Mendelsohn, María Valverde Rodríguez, Sigourney Weaver, Ghassan Massoud, Indira Varma, Golshifteh Farahani e Ben Kingsley.
Os cicindélidos (Cicindelidae) son unha familia de escaravellos, coñecidos polos seus agresivos hábitos predadores e gran velocidade ao correr, que antes eran tratados como unha subfamilia de carábidos co nome Cicindelinae. A especie máis rápida coñecida deste grupo é Rivacindela hudsoni, que pode correr a unha velocidade de 9 km/h ou aproximadamente 125 lonxitudes corporais por segundo. En 2005, coñecíanse unhas 2600 especies e subspecies, coa maior diversidade na rexión Oriental (Indomalaia), seguido pola rexión Neotropical.