Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O nariz ( pronunciación ) é unha protuberancia que forma parte do sistema respiratorio nos vertebrados. Trátase dun órgano do olfacto, sendo a entrada do tracto respiratorio. De conformación moi diversa pódese indicar que consta basicamente de dúas bolsas ou cavidades, unha no caso dos ciclóstomos, situadas na parte anterior da cabeza e abertas ao exterior por un número de orificios que oscila entre os dous pares por cavidade, no caso dos peixes e un nos outros vertebrados.En todos os vertebrados, agás os ciclóstomos e os peixes non crosopterixios, as cavidades nasais comunícanse a través do teito da boca coa farinxe e formas as coanas, o que permite que, ademais de cumprir a función olfactiva, sirvan como vías respiratorias.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
Mute Records é un selo discográfico formado en 1978 por Daniel Miller, nun principio para realizar o seu propio sinxelo, T.V.O.D./Warm Leatherette, baixo o alcume de The Normal. Mute Records comezou a ser coñecido pola firma de artistas post-punk, como Fad Gadget (pseudónimo de Frank Tovey), a Einstürzende Neubauten, Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire. Cando a música electrónica se situou no cumio das listas de 1981 do Reino Unido, Mute Records asinou con artistas como Depeche Mode, Nitzer Ebb, Yazoo ou Erasure, bandas que facían uso de novas tecnoloxías que redefinirían o son das pistas de baile entre os finais dos 80 e principios dos 90.
O baloncesto (basketball en inglés) é un deporte colectivo inventado en 1891 polo profesor de Educación Física James Naismith, na Asociación Cristiá de Mozos de Springfield, EUA. Cada un dos dous equipos está formado por cinco xogadores. Ten como obxectivo pasar a pelota por dentro dunha cesta colocada nas extremidades da pista. Actualmente pode xogarse tamén en pistas ao aire libre.
O grafeno é unha substancia formada por carbono puro, con átomos dispostos nun patrón regular hexagonal similar ó grafito, pero nunha folla dun átomo de espesor. É moi lixeiro, unha lámina de 1 metro cadrado pesa tan só 0,77 miligramos. O grafeno é un alótropo do carbono, un teselado hexagonal plano (como panal de abella) formado por átomos de carbono e ligazóns covalentes que se xeran a partir da superposición dos híbridos sp2 dos carbonos enlazados.
Unha confederación é unha forma de asociación. Como forma máis específica de asociación, a confederación é tamén unha forma de organización política. Pode aplicarse ó Dereito internacional público como asociación entre estados soberanos, pero tamén se utiliza en Dereito privado para referirse a unha forma de asociación de varias asociacións cunha fin común.
Anna Karenina (en ruso: Анна Каренина), é unha novela do escritor ruso Lev Tolstoi, publicada entre 1873 e 1877. É unha das obras máis senlleiras do autor, canda Voina i mir (Война и мир) [en galego, Guerra e Paz; aínda sen traducir] escrita entre 1867 e 1869. Esta novela romántica está considerada unha das obras cume do Realismo e ten un dos inicios máis coñecidos da literatura universal: "Todas as familias felices son iguais.
Berri Txarrak (en galego "Malas novas") é un grupo de rock alternativo e nu metal formado en 1994 en Lekunberri, Navarra. Está formado por Gorka Urbizu como voz principal e guitarra, David González no baixo e Galder Izagirre na batería. É un dos grupos máis recoñecidos do panorama musical vasco a escala internacional.
Wikivoyage é unha guía turística libre en Internet baseada na tecnoloxía wiki. Foi fundada en setembro do ano 2006 por autores alemáns de Wikitravel desconformes coas políticas dos donos do devandito sitio. Converteuse no wiki co tema viaxes máis popular en Alemaña, con máis de 8000 artigos, e en decembro do 2007 lanzouse a versión en italiano, que actualmente rolda os 1600 artigos.
David John Hurley, nado en Wollongong, Nova Gales do Sur, o 26 de agosto de 1953, é un militar retirado e político australiano, ex-alto oficial do exército australiano e, actualmente dende o 1 de xullo de 2019, o 27º Gobernador Xeral de Australia. Anteriormente foi o 38º Gobernador de Nova Gales do Sur, entre 2014 e 2019.
Institución politicamente independente que representa e defende os intereses da Unión Europea no seu conxunto, propón a lexislación, políticas e programas de acción e é responsable de aplicar as decisións do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea. A Comisión actúa seguindo o método dun gabinete do goberno, con 28 comisarios. Hai un Comisario por cada Estado membro, con todo os comisarios están obrigados a representar os intereses da UE no seu conxunto en lugar do seu Estado de orixe.
A National Trust, nome polo que se coñece popularmente a National Trust for Places of Historic Interest or Natural Beauty (Fundación Nacional para Sitios de Interese Histórico ou Beleza Natural), é unha organización de conservación existente en Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte, e a organización asociativa máis grande no Reino Unido. A misión da National Trust consiste na preservación e protección dos espazos e lugares históricos. A National Trust posúe sobre 350 propiedades, entre as cales se contan numerosos xardíns e edificios históricos, monumentos industriais e sitios históricos.
María Corazón Sumulong Cojuangco-Aquino, nada en Paniqui o 25 de xaneiro de 1933 e finada en Makati o 1 de agosto de 2009, foi unha política filipina, que foi presidenta de Filipinas entre 1986 e 1992, despois da caída do ditador Ferdinand Marcos. Foi unha das primeiras mulleres de Asia en ocupar a máxima representación do seu Estado ou goberno, logo de Golda Meir e Indira Gāndhi. Casada co popular senador da oposición Ninoy Aquino, cando este foi asasinado no daquela chamado Aeroporto Internacional de Manila ó regresar do exilio o 21 de agosto de 1983, "Cory" converteuse no núcleo da oposición ao goberno autocrático do Presidente Ferdinand Marcos.
Astérix o Galo (en francés: Astérix le Gaulois) é o primeiro volume da serie de banda deseñada Astérix, creada por René Goscinny (historia) e Albert Uderzo (ilustración). Prepublicado na revista Pilote no n°1 (29 de outubro de 1959) e no n°38 (14 de xullo de 1960) e publicado como álbum en outubro de 1961.Foi traducido ó galego por Eduardo Blanco Amor en 1977. En 1996 publicouse de novo da man de Editorial Galaxia, con tradución de Antonio Pichel Lorenzo.
Drosophila melanogaster é unha especie de díptero (mosca) da familia Drosophilidae. A especie recibe o nome en xeral de mosca da froita ou mosca do vinagre, que tamén reciben outras especies de Drosophila. Desde que Charles W. Woodworth propuxo o uso desta mosca como organismo modelo para realizar estudos científicos, D. melanogaster é amplamente utilizada na investigación biolóxica en estudos de xenética, fisioloxía, patoxénese microbiana e evolución.
A Wikipedia en neerlandés (en neerlandés: Nederlandstalige Wikipedia) é a edición en neerlandés de Wikipedia. Comezada en xuño de 2001, esta edición tiña uns 100.000 artigos en outubro de 2005, e foi a cuarta Wikipedia en superar o millón de artigos, despois das edicións inglesa, alemá e francesa. Esta versión da enciclopedia contén 2.137.650 artigos e 1.309.645 usuarios, dos cales 3.595 son activos.
Fallout 2 é un videoxogo de rol, orixinalmente para PC, pertencente á saga de Fallout e desenvolvido por Black Isle Studios, foi publicado por Interplay o 30 de setembro de 1998. Trátase dun título de rol postapocalíptico como todo os da saga Fallout. O xogo toma lugar no ano 2241, 80 anos logo dos sucesos de Fallout.
Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, e finada o 8 de setembro de 2022 en Balmoral, Escocia, foi unha monarca inglesa. Foi raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Belize, Canadá, Granada, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón, Tuvalu e Xamaica. Tamén foi a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.
O País Vasco ou Euskadi (en éuscaro tamén: Euskal Herria), tamén coñecido como Comunidade Autónoma Vasca (en éuscaro: Euskal Autonomia Erkidegoa, en castelán: Comunidad Autónoma Vasca), é unha comunidade autónoma española situada no extremo nororiental da costa cantábrica. Limita con Cantabria e Castela e León (provincia de Burgos) ao oeste, con Navarra ao leste, coa Rioxa ao sur, e co Golfo de Biscaia (mar Cantábrico) e Francia ao norte. Está formado por tres provincias, tamén coñecidas como territorios históricos, que son Guipúscoa, Biscaia e Áraba.
Xbox é un sistema de videoxogos de 128 bits baseado na arquitectura x86, deseñado e desenvolvido pola empresa multinacional Microsoft. Foi anunciada por primeira vez a principios de 2000, e lanzada ao mercado o 15 de novembro de 2001. Emprega unha versión recortada do sistema operativo Windows 2000, tamén desenvolvido por Microsoft.
O termo realia pode referirse a: Realia: en tradutoloxía, palabras que denotan obxectos, conceptos e fenómenos propios dunha determinada cultura; Premio Realia de Tradución Literaria: galardón literario organizado pola Editorial Hugin e Munin en colaboración co Concello de Santiago de Compostela; Realia: o uso pedagóxico de obxectos da vida real; Realia: grupo inmobiliario español; Torre Realia BCN: rañaceos situado na praza de Europa de L'Hospitalet de Llobregat, tamén coñecida como «Torres Fira».
O French Touch é un xeito de facer música dos últimos anos da década dos noventa e dos primeiros anos do século XXI. Este estilo tamén é coñecido como "Neu-disco" (new disco) "French house", "filter house" ou "tekfunk". É complicado definir dun xeito preciso o concepto de French Touch, dada a natureza mesma deste movemento. Fundado sobre un ritmo house clásico, este estilo ten a súa orixinalidade na utilización de samples filtrados que proveñen maioritariamente do funk e do disco.
The Legend of Zelda: Ocarina of Time
The Legend of Zelda: Ocarina of Time (A lenda de Zelda: A ocarina do tempo) é o primeiro videoxogo da saga The Legend of Zelda para Nintendo 64. Este videoxogo é unha combinación de xogo de acción, aventura en terceira persoa e xogo de rol (RPG). Foi sen dúbida un dos xogos con máis éxito do seu tempo.
Seis personaxes á procura de autor
Seis personaxes á procura de autor (en italiano Sei personaggi in cerca d'autore) é uunha obra de teatro en lingua italiana do escritor Luigi Pirandello. Foi representada por primeira vez o 9 de maio de 1921 no Teatro Valle de Roma, e publicada despois en 1925. En 2005 foi adaptada polo Centro Dramático Galego, con dirección de Xúlio Lago.
Astérix é o personaxe principal da banda deseñada do mesmo nome, creado en 1959 polos franceses René Goscinny (guionista) e Albert Uderzo (debuxante). Na serie de títulos correspondente, desenvólvese unha visión moi particular e cómica da antiga Galia (Francia no Imperio Romano) na que unha pequena aldea gala loita de diversos xeitos e en diversos lugares contra un invasor presentado como parvo. Para gañaren as pelexas cos romanos, os galos toman unha poción máxica que lles proporciona unha forza sobrehumana.
A microfluídica estuda o comportamento de líquidos e gases nas escalas máis pequenas. Este comportamento diferénciase de maneira fundamental do observado en fluídos macroscópicos porque a esta escala algúns efectos normalmente considerados insignificantes en mecánica de fluídos clásica poden ser dominantes. Se por exemplo as forzas de fricción son predominantes con respecto ás forzas inercias, o que se corresponde cun fluxo a baixo número de Reynolds, o fluxo resultante é laminar sen turbulencias apreciables.
A palabra forma pode referirse a: ArteForma musical, en música clásica, a forma, en sentido xenérico, designa unha estrutura ou unha tradición de escritura, que permite inscribir a obra na historia da evolución da creación musical. Forma, un dos elementos da arte.BioloxíaForma, categoría taxonómica que constitúe unha subdivisión xeralmente por debaixo da variedade ou da «raza».MatemáticasForma, figura espacial dos corpos. Forma canónica de Jordan, ou forma normal de Jordan, é un termo matemático empregado en álxebra lineal.
SCUMM (Script Creation Utility for Maniac Mansion en inglés, "Utilidade de creación de guións para Maniac Mansion") atópase a medio camiño entre unha linguaxe e un motor para videoxogos para aventuras gráficas. SCUMM foi creado por Lucasfilm Games (despois coñecida como LucasArts) e desenvolvido por Aric Wilmunder e Ron Gilbert para o seu videoxogo Maniac Mansion en 1987, considerado como unha das primeiras aventuras gráficas da historia dos videoxogos. Foi o motor de aventuras gráficas máis popular nos anos oitenta e principios dos noventa, tendo en AGI e SCI de Sierra On-Line os seus principais competidores.
Pilote foi unha revista de historietas francesa, fundada por René Goscinny o 29 de outubro de 1959, na que foron publicados clásicos intemporais como "Astérix", "O Tenente Blueberry" ou "Valérian, axente espazo-temporal". Tralo maio do 1968, integrou unha sección de humor de actualidade, con traballos de Reiser ou Gotlib, e historietas máis adultas, como Les 6 Voyages de Lone Sloane de Philippe Druillet ou a serie "Lendas de hoxe" de Pierre Christin e Enki Bilal. Foi de aparición semanal na súa orixe (1959) e mensual a partir de xuño de 1974.
Ella Maria Lani Yelich-O'Connor, nada en Devonport, North Shore, Rexión de Auckland, Nova Zelandia, o 7 de novembro de 1996, máis coñecida polo seu nome artístico Lorde (ˈlɔrd), é unha cantautora neozelandesa. O seu primeiro EP, The Love Club, foi lanzado o 22 de novembro de 2012, e o seu primeiro sinxelo, "Royals", debutou no número un do top corenta de Nova Zelandia, e tamén acadou o primeiro posto na Billboard Hot 100 por nove semanas en 2013, converténdose na primeira artista neozelandesa en conseguilo. O seu álbum de estrea, Pure Heroine, foi estreado o 27 de setembro de 2013 e a finais dese mesmo ano foi nomeada ao Grammy en catro categorías, gañando dous dos premios.
Circa é unha palabra latina que significa ao redor ou cerca (podendo abreviarse como c., ca. ou cca.). Úsase fundamentalmente a súa abreviatura en bibliografía para describir diversas datas (normalmente de nacemento ou falecemento) ou datos que son incertos ou aproximados, polo que utilizar circa indica que a data ou valor é estimación aproximada.
The Legend of Zelda: A Link to the Past
The Legend of Zelda: A Link to the Past, coñecido como Zelda no Densetsu Kamigami no Triforce (ゼルダの伝説 神々のトライフォース, Zeruda no Densetsu Kamigami no Toraifōsu, lit. "A lenda de Zelda: Triforza dos deuses") no Xapón, é un videoxogo de estilo aventura desenvolvido e publicado por Nintendo para a videoconsola Super Nintendo Entertainment System, terceira entrega da serie The Legend of Zelda. Lanzouse nun primeiro momento no Xapón o 21 de novembro de 1991, e máis tarde en Norteamérica, o 13 de abril de 1992, e o 24 de marzo en Europa.
Lucasfilm Games, compañía de videoxogos que tivo a súa orixe en maio de 1982 como a división de xogos de Lucasfilm Ltd., a produtora cinematográfica de George Lucas. Lucas quería que a súa compañía traballara noutras áreas de entretemento, polo que cooperou con Atari para producir videoxogos. Os primeiros resultados desta colaboración foron xogos de acción coma Ballblazer e Rescue on Fractalus.[Cómpre referencia]En 1990 recibiu un cambio de nome, para pasar a chamarse LucasArts Entertainment Company.
No xudaísmo, un Bar Mitzvah é un neno xudeu, e unha Bat Mitzvah unha nena xudía, que cumpriu 13 anos (ou para unha nena do movemento ortodoxo, 12 anos). Pasan por un rito de paso que simboliza a responsabilidade do mozo por si mesmo. Antes do bar mitzvah, os pais do neno son responsables das accións do neno.
O RTECS (Registry of Toxic Effects of Chemical Substances, Rexistro de Efectos Tóxicos de Substancias Químicas) é unha base de datos de información sobre toxicidade de substancias químicas compilado da literatrura científica aberta, sen que se fagan ulteriores comprobacións. Ata o ano 2001 foi mantida polo NIOSH (Instituto Nacional de Seguridade Ocupacional e Saúde) dos Estados Unidos como unha publicación libremente dispoñible gratuíta. Actualmente é mantida pola compañía privada Symyx Technologies e só está dispoñible pagando unha tarifa ou por subscrición.
Fanny Mendelssohn, nada en Hamburgo o 14 de novembro de 1805 e finada en Berlín o 14 de maio de 1847, posteriormente Fanny [Cäcilie] Mendelssohn Bartholdy e, tralo seu matrimonio, Fanny Hensel, foi unha compositora e pianista alemá. En Hamburgo, o Museo Fanny e Felix Mendelssohn está dedicado ás vidas e ás obras de Fanny e do seu irmán Felix.
Joanne «Jo» Rowling, nada o 31 de xullo de 1965 en Yate, South Gloucestershire, Reino Unido, máis coñecida polos pseudónimos J. K. Rowling e Robert Galbraith, é a autora da serie de libros de fantasía Harry Potter e a serie de detectives de Cormoran Strike. Os seus libros fixéronse famosos en todo o mundo, gañaron múltiples premios e venderon máis de 400 millóns de copias. As novelas foron a base dunha popular saga de filmes, a cuxos guións Rowling daba a súa aprobación, ademais de manter un control creativo e ser produtora dos filmes.Rowling artellou a idea da serie nunha viaxe en tren de Manchester a Londres en 1990.
A Wikipedia en italiano (en italiano: Wikipedia in italiano) é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua italiana. Esta versión foi creada o 11 de maio de 2001 e a primeira edición foi realizada o 11 de xuño de 2001. É a novena meirande Wikipedia en número de artigos (despois da inglesa, da cebuana, da sueca, da alemá, da francesa, da neerlandesa, da rusa e da castelá).Esta versión da enciclopedia contén 1.835.434 artigos e 2.449.190 usuarios, dos cales 7.526 son activos.
A lingua groenlandesa (kalaallisut), tamén chamada esquimó-groenlandés ou groenlandés-inuktitut, é unha lingua esquimó-aleutiana falada en Groenlandia e que está estreitamente relacionada con algúns idiomas canadenses como o inuktitut. O groenlandés, ao igual que as linguas coas que está emparentada, é de carácter altamente polisintético e ergativo. Case non ten palabras compostas.
Unha filla é unha criatura humana de sexo feminino descendente dun proxenitor. A contraparte masculina é o fillo. O termo filla vén ás veces especificado, no sentido que a palabra fillos tende a ser xeneralizado, en canto pode englobar o significado feminino de filla e así pois, sobre todo na linguaxe familiar, pódense atopar locucións do tipo "teño dúas fillas e un home" en lugar de "teño dúas fillas e un fillo".
Un calendario é un sistema de medida para longos períodos de tempo. Os calendarios xeralmente definen unidades de espazo en termos de días, con unidades maiores para múltiplos días. Esas unidades reciben nomes ou números para facilitar a lembranza de eventos ou acontecementos históricos e planear eventos futuros.
Romeu e Xulieta, ás veces Romeo e Xulieta (en inglés: Romeo and Juliet) é unha traxedia en lingua inglesa de William Shakespeare, escrita en 1597 co título orixinal de The Most Excellent and Lamentable Tragedie of Romeo and Juliet. Foi traducida ao galego por Miguel Pérez Romero e foi publicado pola Editorial Galaxia en 2003.
Unha mensaxe, no senso máis xeral, é o obxecto da comunicación, a secuencia que prové información, e que pode referirse tamén a esa información en si e ao seu formato. Máis precisamente, na Teoría da Comunicación, unha mensaxe é unha información conformada por unha secuencia de sinais que corresponden a regras de combinación precisas, que é enviada por un emisor a un (ou varios) receptores, por medio dunha canle que serve de soporte físico á transmisión. A forma de transmisión varía conforme a natureza do sistema de comunicación e o código usado: ondas sonoras, luces, movemento, impulsos mecánicos ou eléctromagnéticos etc.
A Wikipedia en tailandés (en tailandés: วิกิพีเดียภาษาไทย) é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua tailandesa. Foi creada o 25 de decembro de 2003. En xaneiro de 2021, a Wikipedia en tailandés é a edición de Wikipedia máis visitada en Tailandia e Laos.Esta versión da enciclopedia contén 159.886 artigos e 462.165 usuarios, dos cales 1.330 son activos.
Educación obrigatoria, escolarización obrigatoria, escolarización compulsiva, estudos obrigatorios ou ensino obrigatorio son os nomes que reciben os distintos ciclos de educación, ensino ou estudos que de forma obrigatoria debe cursar un neno ou xove e cuxo currículo, duración, obxectivos, contidos, procedementos e metodoloxía varían en función do sistema educativo de cada país e época.
Toktogul Satylganov, coñecido como Toktogul, en ruso: Токтогул Сатылганов, nado o 25 de outubro de 1864 no actual Toktogul e finado o 17 de febreiro de 1933 foi un kirguiz Akyn, compositor, poeta e cantante. Hoxe considérase un heroe nacional, polo que, entre outras cousas, o seu lugar de nacemento leva o seu nome.
Fortnite é un videoxogo pertencente ao xénero de supervivencia e xénero aberto desenvolvido polas empresas Epic Games e People Can Fly. Foi lanzado como título de acceso anticipado o 25 de xullo de 2017 para Microsoft Windows, Mac OS, PlayStation 4 e Xbox One. En 2018 converteuse nun videoxogo gratuíto.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
PubMed Central (PMC) é un repositorio dixital de uso libre no que se arquivan artigos eruditos completos de acceso público que foron publicados en revistas científicas das ciencias da vida e biomédicas. É unha das maiores bases de datos de investigación dentro do conxunto de recursos que foron desenvolvidos polo National Center for Biotechnology Information (NCBI) dos Estados Unidos, pero é moito máis que un simple repositorio de documentos. Os documentos incluídos en PMC sofren un procedemento de indexación e formateo que ten como resultado o melloramento de metadatos, ontoloxía médica, e identificadores únicos que enriquecen os datos estruturados XML para cada artigo ou depósito.
Call of Duty 3 é un videoxogo pertencente á serie Call of Duty, ambientado durante a segunda guerra mundial. Foi desenvolvido por Treyarch e distribuído por Activision, agás a versión para Playstation Portable, desenvolvida por Amaze. Púxose á venda para Playstation 3, Playstation 2, Playstation Portable, Nintendo Wii, Xbox e Xbox 360.
O asasinato de John F. Kennedy, presidente dos Estados Unidos, ocorreu o venres 22 de novembro de 1963 en Dallas (Texas), ás 12:30 hora local CTS (18:30 UTC). Despois de que a caravana presidencial atravesase a baixa velocidade o centro da cidade e cando a limusina presidencial descapotada pasaba por Dealey Plaza, Kennedy foi mortalmente ferido por disparos de arma de fogo. Foi o cuarto presidente dos Estados Unidos en ser vítima dun asasinato e o oitavo en morrer no exercicio do seu cargo.
O minuto (min) é unha unidade de tempo que equivale á sesaxésima parte dunha hora. Tamén equivale a 60 segundos, que é a unidade de tempo do Sistema Internacional de Unidades. Isto é: 1/60 h = 1 min = 60 sO vocábulo minuto provén do latín pars minuta prima, que significa ‘parte diminuta primeira’, coa mesma etimoloxía que «menor».
Spacewar (estilizado en ocasións Spacewar!) é un videoxogo de simulación de combate espacial desenvolvido no ano 1962, sendo un dos primeiros xogos creados nos comezos da historia dos videoxogos. Foi deseñado por Steve Russell, en colaboración con Martin Graetz e Wayne Wiitanen, e programado polo propio Russell coa axuda de Bob Saunders e Steve Piner para a minicomputadora DEC PDP-1 no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Trala súa creación, outros estudantes e empregados das universidades da zona expandiron o videoxogo, entre eles Dan Edwards e Peter Samson.
O disco de vinilo, tamén coñecido como disco microsurco ou simplemente como microsurco ou vinilo, é un medio de almacenamento analóxico de sinais sonoras, caracterizado por utilizar como material de soporte un plástico denominado policloruro de vinilo, do que recibe o nome. Foi introducido oficialmente en 1948 pola compañía Columbia Records nos Estados Unidos, como unha evolución moi mellorada dos anteriores discos de 78 rpm (fabricados cun material moito máis fráxil como a goma laca). Actualmente o termo vinilo adoita utilizarse para indicar en particular o formato LP (discos de 30 cm xirando a 33⅓ revolucións por minuto), aínda que este uso sexa inadecuado, xa que tamén discos fabricados con outros materiais explotan o mesmo formato como soporte.
Adrien Nicholas Brody, nado en Queens, Nova York o 14 de abril de 1973, é un actor estadounidense. Acadou fama a nivel internacional e o recoñecemento da crítica no filme de Roman Polanski O pianista (2002), por cuxa interpretación gañou o Oscar ó mellor actor con 29 anos, sendo o actor máis novo en ter ese recoñecemento. Brody é tamén o único actor americano que recibiu un galardón nos Premios César franceses.
O Proxecto Manhattan (inglés: Manhattan Project) foi un proxecto de investigación e desenvolvemento levado a cabo durante a segunda guerra mundial que produciu as primeiras armas nucleares, liderado polos Estados Unidos co apoio do Reino Unido e do Canadá. Dende 1942 ata 1946 o proxecto estivo baixo a dirección do xeneral maior Leslie Groves do Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos, mentres que o físico nuclear Robert Oppenheimer foi o director do Laboratorio de Los Alamos no que se deseñaron as propias bombas nucleares. A compoñente do exército deste proxecto recibiu a designación de Distrito Manhattan (inglés: Manhattan District), nome que gradualmente substituíu o nome en clave oficial, Desenvolvemento de Materiais Substitutos (inglés: Development of Substitute Materials).
O metro por segundo ao cadrado ou m/s2 é unha unidade derivada do Sistema Internacional de Unidades (SI) para medir a aceleración dun corpo. Mide o incremento da velocidade (en metros por segundos) conseguido en cada segundo. O símbolo desta unidade tamén pode verse escrito como m·s−2, ou simplemente m s−2.
The Lion King é o trixésimo segundo filme de animación producido por Walt Disney Pictures. O filme estreado o 24 de xuño de 1994 e distribuído por Buena Vista Pictures nos cines dos Estados Unidos. A trama, baseada no relato de Hamlet de William Shakespeare e pasaxes da Biblia, xira en torno a un león cativo chamado Simba que debe aprender sobre o seu lugar no "ciclo de vida", loitando contra varios obstáculos para se converter no lexítimo rei e suceder o seu pai no trono.
Gonzalo Queipo de Llano y Sierra, nado en Tordesillas (provincia de Valladolid) o 5 de febreiro de 1875 e finado en Sevilla o 9 de marzo de 1951, foi un xeneral español, conspirador e un dos principais protagonistas, sobre todo en Sevilla, do golpe que deu orixe á guerra civil española. Foi educado nun seminario, loitou na Guerra hispano-estadounidense e na Guerra do Rif, ascendendo a Xeneral de Brigada en 1923. Aínda que inicialmente apoiou ao ditador Miguel Primo de Rivera, as críticas ás súas políticas fixeron que quedase rezagado na escala e nos nomeamentos e foi trasladado á reserva en 1928.
Un dramaturgo é un autor de obras teatrais. Os dramaturgos máis antigos dos que sobreviven obras son gregos do século V a.C., entre os que destacan Esquilo, Sófocles, Eurípides e Aristófanes. O termo dramaturgo resérvase ás veces para o autor de dramas, en contraposición cos autores de comedias ou farsas.
Broken Sword: The Sleeping Dragon
Broken Sword: The Sleeping Dragon é un videoxogo lanzado para Windows, Xbox e PlayStation 2 no 2003, mentres que para o Xapón, a versión de PlayStation 2 (lanzado só en Europa e no Xapón) foi estreado en setembro de 2004. Foi proposta unha versión para Nintendo GameCube, pero acabou sendo cancelada. É a terceira entrega da serie de videoxogos Broken Sword, lanzado seis anos despois do anterior título, The Smoking Mirror.
O presidio perpetuo ou cadea perpetua é unha pena privativa de liberdade de carácter indefinido, que normalmente se impón como condena perante un delito grave, e que pode implicar a privación de liberdade para sempre. Na maioría de xurisdicións nas que non se contempla a pena capital, a cadea perpetua (en especial sen posibilidade de liberdade condicional) constitúe o castigo máis severo que pode recibir un criminal. Nalgúns países, a cadea perpetua considérase unha alternativa á pena capital por crimes maiores.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 201.013.