Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O nariz ( pronunciación ) é unha protuberancia que forma parte do sistema respiratorio nos vertebrados. Trátase dun órgano do olfacto, sendo a entrada do tracto respiratorio. De conformación moi diversa pódese indicar que consta basicamente de dúas bolsas ou cavidades, unha no caso dos ciclóstomos, situadas na parte anterior da cabeza e abertas ao exterior por un número de orificios que oscila entre os dous pares por cavidade, no caso dos peixes e un nos outros vertebrados.En todos os vertebrados, agás os ciclóstomos e os peixes non crosopterixios, as cavidades nasais comunícanse a través do teito da boca coa farinxe e formas as coanas, o que permite que, ademais de cumprir a función olfactiva, sirvan como vías respiratorias.
Un filme ou película é unha arte visual baseada nunha serie de imaxes fixas que, cando se proxectan nunha pantalla de forma consecutiva en rápida sucesión, crean a ilusión óptica de imaxes en movemento. O termo úsase normalmente como sinónimo de obra cinematográfica, é dicir, unha historia (ficticia ou documental), rexistrada nun soporte (filme flexible ou contedor dixital) que se grava e le mediante un mecanismo continuo ou intermitente de sucesión de imaxes. Un filme pódese crear fotografando escenas reais cunha cámara de imaxes en movemento, fotografando debuxos ou modelos en miniatura empregando técnicas de animación tradicional, por medio de imaxes xeradas por computador ou animación por ordenador, ou por unha combinación dalgunhas ou todas estas técnicas e outros efectos visuais.
Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
Jon Snow é un personaxe ficticio da saga de novelas de fantasía A Song of Ice and Fire do escritor estadounidense George R. R. Martin, e da súa adaptación en serie de televisión Game of Thrones. É un destacado nas novelas, e está considerado como unha das "mellores creacións" do autor e un dos personaxes máis populares segundo The New York Times. Jon é un dos personaxes principais da serie de televisión, e a trama do final da tempada 5 xerou unha forte reacción entre os espectadores.
Soñan os androides con ovellas eléctricas?
Soñan os androides con ovellas eléctricas? (en inglés: Do Androids Dream of Electric Sheep?; retitulado como Blade Runner: Do Androids Dream of Electric Sheep? nalgunhas edicións) é unha novela de ciencia ficción do escritor estadounidense Philip K. Dick, publicada por vez primeira en 1968.
Os cosméticos ou maquillaxe son produtos e substancias empregadas para alterar a aparencia ou olor do corpo humano. Xeralmente prodúcense sintéticamente a partir de mesturas de compostos químicos e/ou derivados de produtos naturais.O termo cosmético deriva do grego κοσμητικὴ τέχνη (kosmetikē tekhnē), que significa "técnica de vestimenta e adornos", e κοσμητικός (kosmētikos), "versado en ordenar ou arranxar".Considéranse produtos cosméticos as cremas, locións, perfumes, pintalabios, laca de unllas, lapis de ollos, sombra de ollos, tinguiduras para o cabelo, deodorantes ou sales de baño entre outros.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
O Metro de Barcelona é a rede de ferrocarril metropolitano da cidade de Barcelona, a máis extensa de Cataluña e a segunda máis extensa de España, e desde 2009, a primeira rede de ferrocarril metropolitano española que conta con liñas totalmente automatizadas, as liñas L9, L10 e L11.Desde 2019 ten 166 km. e 198 estacións. Da servizo á cidade de Barcelona e algunhas cidades da súa área metropolitana como l'Hospitalet de Llobregat, Cornellà de Llobregat, Santa Coloma de Gramenet, Badalona, Sant Boi de Llobregat, Montcada i Reixac e El Prat de Llobregat.
Ambroise Vollard, nado en Saint-Denis (Reunión) o 3 de xullo de 1866 e finado en París o 22 de xullo de 1939, foi un tratante de pintura e galerista francés. Foi unha figura clave das vangardas e axudou a descubir a varios artistas como Paul Cézanne, Paul Gauguin, Vincent van Gogh, Henri Matisse, Pablo Picasso, dos que, en moitas ocasións foi amigo persoal.
JavaScript (JS) é unha linguaxe de programación interpretada, é dicir, que non require compilación, utilizada principalmente en páxinas web, cunha sintaxe semellante á da Linguaxe Java e a linguaxe C. Ao contrario que Java, JavaScript non é unha linguaxe orientada a obxectos propiamente, xa que non dispón de herdanza, é máis ben unha linguaxe baseado en prototipos, xa que as novas clases xéranse clonando as clases base (prototipos) e estendendo a súa funcionalidade.Todos os navegadores interpretan o código JavaScript integrado dentro das páxinas web. Para interactuar cunha páxina web provese á linguaxe JavaScript dun desenvolvemento do DOM. O seu uso máis estendido atópase en páxinas web HTML para realizar tarefas e operacións no marco da aplicación unicamente cliente, sen acceso a funcións do servidor.
Netflix, Inc. é unha empresa comercial estadounidense de contidos multimedia que proporciona mediante unha tarifa plana mensual, series e filmes en streaming, baixo demanda por internet e DVD-por-correo, onde os DVD se envían mediante Permit Reply Mail. A compañía foi fundada en 1997 e ten a súa sede en Los Gatos, California.
O hobbit é un conto longo de J. R. R. Tolkien, publicado o 21 de setembro de 1937 co título de The Hobbit. Foi traducido ao galego por Moisés Barcia Rodríguez e publicado por Edicións Xerais en 2000 e por Sushi Books en 2021 (ISBN 978-84-16884-11-7). Esta obra de corte infantil foi iniciada entre 1930 e 1931, e é a primeira vez que aparece o universo mitolóxico da Terra Media que máis tarde definirán O Señor dos Aneis e O Silmarillion, perfilándose algúns dos personaxes que logo participarán de forma moi activa n'O Señor dos Aneis, como Gandalf ou Bilbo.
Precuela é o nome dado a unha obra narrativa que contén elementos ambientados no mesmo universo ficcional, cuxa historia antecede ao traballo anterior, presentando eventos que ocorreran antes da obra orixinal. As precuelas poden debruzarse ou non sobre a mesma trama da cal son derivadas. Moitas veces, explican o pasado que levou ao acontecemento dos eventos na narrativa orixinal, mais, ás veces, as conexións entre as obras non son explícitas.
The Two Popes é un filme de 2019 dirixido por Fernando Meirelles e escrito por Anthony McCarten, adaptado a partir da obra de McCarten The Pope. Está protagonizado por Anthony Hopkins no papel do papa Bieito XVI e Jonathan Pryce como o cardeal Jorge Mario Bergoglio (máis tarde o papa Francisco).Estreouse no Festival de Cinema de Telluride o 31 de agosto de 2019. Tivo unha estrea limitada nos cinemas dos Estados Unidos o 27 de novembro de 2019 e no Reino Unido o 29 de novembro de 2019.
Unha obra derivada é, en termos lexislativos de dereitos de autor, unha obra intelectual creada a partir dunha ou outras xa existentes incluíndo aspectos que poden estar suxeitos a dereitos de autor. A obra derivada debe garantir os dereitos de autor da obra orixinal. Exemplos de obras derivadas poden ser unha tradución, unha adaptación musical, unha adaptación a outro medio de comunicación ou un resumo.
Litecoin (LTC ou Ł, moeda leve) é unha criptomoeda do tipo par con par, que é ó mesmo tempo unha moeda e un sistema de pagos baseada nunha rede de datos totalmente descentralizada, xa que non posúe ningunha autoridade ou control principal. O seu proxecto foi inspirado no proxecto bitcoin, co cal comparte varios aspectos, diferenciándose no xeito en como se procesan os bloques de datos, que, no caso da moeda litecoin, faise de maneira máis sinxela e con menor consumo de recursos.
Prince Rogers Nelson, nado en Minneapolis (Minnesota) o 7 de xuño de 1958 e finado en Chanhassen (Minnesota) o 21 de abril de 2016, foi un cantante, compositor e instrumentista de pop, rock e funk estadounidense. Ademais do seu nome, Prince, usaba outros alcumes, entre eles «The Symbol» ou «O artista anteriormente coñecido como Prince». Durante a década de 1980 foi un dos artistas máis importantes e innovadores, sempre próximo á psicodelia.
Tropicos é unha base de datos de botánica que contén información taxonómica das plantas, principalmente da ecozona neotropical (América Central e América do Sur). É mantido polo Xardín Botánico de Missouri e foi estabelecido hai 25 anos. A base de datos contén imaxes e datos taxonómicos e bibliográficos de máis que 4,2 millóns de especies de plantas.
A guerra das galaxias (en inglés Star Wars, aínda que traducido literalmente significa «guerras estelares» ou «guerras das estrelas») é unha serie de oito filmes de ciencia ficción creada polo produtor, director e guionista norteamericano George Lucas, tralo éxito de American Graffiti. A serie comezou en 1977 con Star Wars Episodio IV: Unha Nova Esperanza, e dende entón converteuse nun fenómeno social e cultural, do que se crearon novelas, historias en banda deseñada, videoxogos... Isto permitiu a Lucas ampliar a historia con dous episodios máis: O Imperio Contraataca e O Retorno do Jedi, que continuarían o grande éxito da primeira.
The New Yorker é unha revista estadounidense semanal que publica críticas, ensaios, reportaxes de investigación e ficción. Aínda que se concentra preferentemente na vida social de Nova York, The New Yorker ten unha ampla audiencia fóra desta cidade debido á calidade dos seus xornalistas. É cosmopolita, cun carácter urbano acentuado pola súa sección "Talk of the Town", cos seus comentarios sobre a vida en Nova York, a cultura popular e as excentricidades estadounidenses, e o seco enxeño dos seus sketches e famosas viñetas.
O uniforme militar ten unha significación máis ampla da que xeralmente se lle atribúe. Despois de todo, un uniforme militar indica no campo de batalla as prioridades prácticas, de corpo e ata ideolóxicas do soldado, que é a persoa que realmente mata, loita e morre. Ao ver o vestiario militar, vese a exhibición de orgullo, ademais de ser un barómetro dos cambios na forma de facer guerra, as variacións na tecnoloxía e as tácticas de combate.
En lingüística, un dígrafo ou digrama é a unión de dous grafemas (dúas letras nos alfabetos) que representan un fonema único e que se converte nun novo grafema (un trigrama para tres grafemas etc., así en francés a secuencia eau representa o son /o/). Por exemplo, na palabra chan, o digrama ch representa o fonema /tʃ/. Pódese dicir que esta palabra contén catro letras e tres grafemas.
O termo vídeo fai referencia a un proceso electromágnetico de rexistro de imaxe e son. Pode referirse ao soporte de rexistro chamando así á videocasete ou ao equipo encargado da gravación, chamado no ámbito profesional magnetoscopio. Tamén é posible falar de vídeo ao referirse a un determinado programa ao dicir que "está feito en vídeo"; isto remite a un modo de produción do programa ou a un tipo de imaxes que se diferencian na súa "textura" ás producidas polo cine (orixe fotoquímica).
Un motor de busca ou buscador é un sistema informático que procura arquivos almacenados en servidores web, un exemplo son os buscadores de internet (algúns buscan só na Web pero outros buscan ademais en News, Gopher, FTP etc.) cando lles pedimos información sobre algún tema. As procuras fanse con palabras clave ou con árbores xerárquicas por temas; o resultado da procura é unha listaxe de direccións Web nas que se mencionan temas relacionados coas palabras clave buscadas.
A Unión Soviética, de nome completo Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (abreviado: URSS, en ruso: Союз Советских Социалистических Республик ou СССР, tr.: Soyuz Sovétskij Sotsialistícheskij Respublik) foi unha federación de repúblicas soviéticas de proporcións continentais, cubrindo practicamente un sexto das terras emerxidas do planeta, converténdose así no meirande estado do planeta, o que tiña máis liña de costa e máis quilómetros de fronteiras ademais de ser un dos máis diversos etnicamente.Foi fundada o 30 de decembro de 1922 pola xuntanza dos países que formaban o antigo Imperio Ruso, tanto de Europa como de Asia, cun número que variou ao longo do tempo, aínda que foi de quince durante a maior parte da existencia do estado. Foi unha das dúas superpotencias durante a guerra fría xunto aos Estados Unidos de América. Foi disolta o 26 de decembro de 1991.
O termo louro fai referencia á cor acastañada que tira a dourada: Louro, a cor dourada do cabelo humano; persoa cos cabelos desa cor.O topónimo Louro pode referirse a: Louro, parroquia do concello de Muros; Louro, lugar de dita parroquia; Monte Louro, lugar de dita parroquia; Louro, lugar da parroquia de Sante, no concello de Trabada; Louro, lugar da parroquia de Setecoros, no concello de Valga; Monte e lagoa de Louro, zona especial de conservación (ZEC) formado polo monte Louro, a lagoa de Louro (tamén chamada lagoa das Xerfas) e a praia de Louro; Río Louro, afluente do Miño.O apelido Louro pode referirse a: Antón Louro, político galego (n. 1952).
Europeana é un repositorio cultural a nivel europeo.Iniciativa da Unión Europea, é financiada pola European Union’s Connecting Europe Facility e os Estados membros da Unión Europea. Os servizos prestados son operados por un consorcio liderado pola Fundación Europeana baixo un contrato de servizo coa Comisión Europea.A 27 de marzo de 2019 daba acceso a 58 207 042 arquivos dixitalizados —libros, música, material gráfico etc.— de coleccións culturais europeas, dispoñendo de ferramentas de procura propias. As diversas coleccións que compoñen o conxunto tamén teñen de xeito interno galerías multimedia, blogs e exposicións ad hoc.
"Winter Is Coming" é o episodio piloto da serie de televisión de fantasía medieval da HBO Game of Thrones. É o primeiro episodio da primeira tempada, e foi escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, nunha adaptación fiel dos primeiros capítulos do libro de George R. R. Martin A Game of Thrones. O episodio foi dirixido por Tim Van Patten, refacendo o traballo feito polo director Tom McCarthy no episodio piloto sen estrear.
O termo filme de culto refírese a calquera tipo de produción cinematográfica que adquiriu algunha clase de culto popular, xa sexa polo seu formato ou pola súa produción, pero sobre todo pola súa trama ou polo seu significado histórico ou a súa ideoloxía. Os filmes de culto adoitan considerarse polémicos, debido a que inclúen ideas ou temas notablemente controvertidos ou a que, sendo máis convencionais na súa temática, preséntana dun xeito afastado dos convencionalismos estéticos ou narrativos. Cabe sinalar que, co tempo, moitos filmes de culto transcenderon este status, e pasaron de ser admiradas por algunha subcultura ou fandom determinado a ser recoñecidas mesmo como clásicos cinematográficos dun modo universal.
Un ácido aldónico é un azucre ácido orixinado pola oxidación do grupo aldehido dunha aldosa, que se transforma nun grupo carboxilo (COOH) . A súa fórmula química xeral é HOOC-(CHOH)n-CH2OH. Os ácidos aldónicos adoitan prepararse por oxidación do azucre con bromo. Xeralmente encóntranse en forma de lactona, manténdose o anel esencialmente coa mesma estrutura cíclica do grupo hemiacetal que presentaba no azucre orixinal.
Unha criptomoeda, criptodivisa ou criptoactivo é un medio dixital de intercambio que utiliza criptografía forte para asegurar as transaccións financeiras, controlar a creación de unidades adicionais e verificar a transferencia de activos; é un tipo de moeda complementaria e de moeda dixital. As criptomoedas teñen un control descentralizado, en contraposición ás moedas centralizadas e aos bancos centrais.O control de cada moeda funciona a través dunha base de datos descentralizada, habitualmente unha cadea de bloques, que serve como unha base de datos de transaccións financeiras pública.A primeira criptomoeda que empezou a operar foi o bitcoin en 2009 e, desde entón, apareceron moitas outras con diferentes características e protocolos como litecoin, namecoin, peercoin, ripple, dogecoin, petro etc.A comezos de 2019 mesmo algúns bancos traballan xa con criptomoedas.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2016
A tempada 2016 de Fórmula Un foi a 67ª tempada da Fédération Internationale de l'Automobile (FIA) do Campionato do Mundo de Fórmula Un, que é recoñecido como a clase máis alta da competición para coches de carreiras de rodas abertas. Equipos e pilotos competiron polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores, en vinte e un Grandes Premios na que foi a tempada máis longa na historia deste deporte ata o momento. Empezaron en Australia o 20 de marzo e o acabaron en Abu Zabi.A tempada de 2016 viu a grella ampliada a vinte e dous coches coa entrada do equipo Haas.
Israel Isidore Baline, nado en Tyumen, Rusia (ou probablemente Mogilev, actualmente en Belarús) o11 de maio de 1888 e finado en Nova York o 22 de setembro de 1989 foi un compositor e letrista estadounidense, coñecido como Irving Berlin, un dos máis prolíficos e famosos da historia contemporánea de América. Berlin, xudeu, foi un dos poucos compositores de Tin Pan Alley/Broadway que escribiron tanto as letras como a música das súas cancións. Aínda que non chegou a aprender nunca a ler música máis aló dun nivel elemental, compuxo ao redor de 3000 cancións, moitas das cales se converteron en cancións populares e estándares, como "Cheek to Cheek", "Puttin' on the Ritz", "Alexander's Ragtime Band", "There's Non Business Like Show Business", as cancións festivas "White Christmas" (Branco Nadal) ou "Eastern Parade" (Desfile de Pascua) e himnos patrióticos como "God Bless America".
Nicole Mary Kidman, nada en Honolulú (Hawai) o 20 de xuño de 1967, é unha actriz e produtora con dobre nacionalidade australiana e estadounidense. Gañou un Óscar, catro Globo de Oro, un Bafta e un Oso de Prata á mellor actriz, entre outros. Ten unha irmá máis nova, Antonia Kidman, que tamén é actriz.
Starbucks Corporation é unha empresa multinacional de alimentación, especializada no café, fundada en Seattle, Estados Unidos en 1971. É a compañía de café máis grande do mundo, con máis de 24 000 locais en 70 países. Starbucks vende café elaborado, bebidas quentes e outras bebidas, ademais de bocadillos e algúns produtos como cuncas e grans de café.
Serbia (en serbio: Србија/Srbija) é un país pechado ó mar situado no centro e no sueste de Europa, ocupando a parte sur da chaira panónica e a parte central da península balcánica. O país fai fronteira con Hungría polo norte, Romanía e Bulgaria polo leste, Albania e Macedonia do Norte polo sur e con Montenegro, Croacia e Bosnia e Hercegovina polo oeste. A súa capital é Belgrado.
Monk é unha serie de televisión estadounidense, creada por Andy Breckman e protagonizada por Tony Shalhoub no papel de Adrian Monk, un exaxente de homicidios de San Francisco que traballa agora coma detective privado. Así pois, é principalmente unha serie de misterio cun ambiente ás veces escuro, mais sempre con grandes toques cómicos. Con todo, é unha serie un pouco habitual dentro deste xénero, debido a que a súa personaxe principal, Monk, acompañado pola súa axudante, padece unha serie de graves desordes psiquiátricos, como un trastorno obsesivo-compulsivo e un gran número de fobias, agravados polo trauma da morte da súa esposa.
A Cinémathèque Française (en galego: "Cinemateca Francesa") é unha institución francesa con sede en París, fundada en 1936, que se dedica a coleccionar, conservar, restaurar e dar a coñecer o patrimonio cinematográfico mundial. Malia ser unha asociación privada, está financiada principalmente polo Estado Francés.
TRS-80 ou TRS-80 Micro Computer System é unha familia de ordenadores que foi fabricada pola compañía Tandy Corporation, sendo unha das pioneiras da computación persoal, polo lanzamento do TRS-80 Modelo I. A sigla TRS é orixinada do nome da compañía Tandy mailo da Radio Shack. A familia era composta de varios modelos de ordenadores, desde o Modelo I ata o Modelo II e, despois, polos modelos Color, e tivo moito éxito nas vendas, o que incentivou outras empresas a produciren varios clones noutros países e dentro dos Estados Unidos, como o Max-80 (Estados Unidos), Aster CT-80 (Países Baixos) ou CP 500 (Brasil).A arquitectura do sistema era baseada nunha UCP formada polo microprocesador Zilog Z-80, que era mencionado polo número 80, do nome TRS-80. A velocidade de procesamento de datos era de 1,77 MHz e a capacidade de memoria RAM era de 4Kb.
A bolsa de valores, ás veces simplemente bolsa, é un mercado onde se venden ou compran activos financeiros, como accións, obrigacións etc. Tamén se pode dicir que estas compravendas se realizan sobre a lei da oferta e a demanda. A bolsa de valores é un estabelecemento privado onde os seus membros realizan negociacións de compravenda de accións de sociedades ou compañías anónimas, así como títulos ou bonos públicos e privados, certificados, títulos de participación e unha variedade de instrumentos de investimento.
Ludwig Wittgenstein, nado en Viena o 26 de abril de 1889 e finado en Cambridge o 29 de abril de 1951, foi un filósofo austríaco. Publicou o Tractatus logico-philosophicus, que influíu en gran medida aos positivistas lóxicos do Círculo de Viena, movemento do que nunca se considerou membro. Tempo despois, o Tractatus foi severamente criticado polo propio Wittgenstein en Os cadernos azul e marrón e nas súas Philosophische Untersuchungen (en galego, Investigacións filosóficas), ambas as obras póstumas.
O anime (アニメ, en xaponés) é o nome co que se coñece a animación xaponesa. Sería algo como a extrapolación dos mangas (bandas deseñadas xaponesas) para as pantallas de televisión. Entre a manga e anime adoita haber moita interacción, posto que os mangas que teñen éxito son posteriormente adaptados ó anime.
Lalín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Deza. O municipio tiña unha poboación de 20.201 habitantes (2022), repartida entre o núcleo urbano, onde viven algo máis de 10.000 persoas, e as 47 parroquias do rural. Lalín é a capital e a vila principal da súa comarca e o noveno concello máis poboado da provincia, despois da Estrada.
O British Filme Institute (BFI) (galego: Instituto de Cinema Británico) é unha organización sen fins de lucro, estabelecida por Decreto Real para alentar o desenvolvemento das artes do cinema, a televisión e a imaxe en movemento en todo o Reino Unido. Está financiado polo Departamento para a Cultura, Medios de Comunicación e Deporte.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta segunda do Goberno de España. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Gabriel Rufián Romero, nado en Barcelona o 8 de febreiro de 1982, é un activista social e político catalán vinculado con movementos sociais de esquerdas e independentistas. Presentouse nas eleccións xerais españolas de 2015, 2016, abril de 2019 e novembro de 2019 como cabeza de lista de ERC e foi elixido membro do Congreso dos Deputados español.
Adventure é un videoxogo desenvolvido por Warren Robinett para o Atari Video Computer System (posteriormente chamado Atari 2600) e distribuído en 1980 por Atari, Inc. O xogador controla un avatar cadrado cuxa misión é explorar un ambiente aberto para atopar un cáliz máxico e devolvelo ao castelo dourado. O mundo do xogo está poboado de inimigos itinerantes: tres dragóns que poden comer o avatar e un morcego que rouba e esconde elementos ao azar polo mundo do xogo.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
O presidio perpetuo ou cadea perpetua é unha pena privativa de liberdade de carácter indefinido, que normalmente se impón como condena perante un delito grave, e que pode implicar a privación de liberdade para sempre. Na maioría de xurisdicións nas que non se contempla a pena capital, a cadea perpetua (en especial sen posibilidade de liberdade condicional) constitúe o castigo máis severo que pode recibir un criminal. Nalgúns países, a cadea perpetua considérase unha alternativa á pena capital por crimes maiores.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
Santiago Abascal Conde, nado en Bilbao o 14 de abril de 1976, é un político español, presidente do partido Vox e deputado das XIII e XIV lexislaturas de España. Anteriormente militou no Partido Popular, dende 1994 até 2013, sendo parlamentario vasco por esta formación entre 2004 e 2009. Foi fundador da Fundación para a Defensa da Nación Española (DENAES), da cal foi presidente varios anos.
Wilson Alfredo Jones Rodríguez, nado no Barco de Valdeorras o 19 de maio de 1934 e finado en Ourense o 12 de xullo de 2021, foi un futbolista galego que xogaba como dianteiro centro e interior. Comezou a súa carreira no Lemos, de onde o fichou o Real Madrid con 18 anos. Suplente de Alfredo Di Stéfano, foi xunto co nedense Juanito González e o vigués Carlos Cela, o primeiro futbolista galego en gañar a Copa de Europa, na súa primeira edición, aínda que ningún dos tres chegou a xogar ningún minuto na competición.
O 404 é unha mensaxe de erro do código estándar de resposta do protocolo HTTP que indica que o cliente se puido comunicar co servidor pero que este non foi capaz de atopar o que se buscaba. Un erro 404 indica que o recurso buscado, xeralmente unha páxina web, pode estar dispoñible no futuro. A liña de texto asociada con este erro é "Non atopado".
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Blade Runner é un filme de ciencia ficción, cyberpunk e cinema negro de 1982 dirixido por Ridley Scott e protagonizado por Harrison Ford, Rutger Hauer, Sean Young, Edward James Olmos e Daryl Hannah. O guión, escrito por Hampton Fancher e David Peoples, foi unha adaptación libre da novela de 1968 Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 201.021.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A Cruz de Borgoña ou Aspa de Borgoña é unha representación da Cruz de Santo André na que os troncos que forman a cruz aparecen cos seus nós nos lugares onde se cortan as ramas. Este emblema foi incluído nos escudos de armas e nas bandeiras de España, tanto de terra como de mar, desde 1506, época da súa introdución coa Garda borgoñoa de Filipe o Fermoso, até Xoán Carlos I. A Cruz de Borgoña desapareceu do escudo de armas do rei de España, e do seu estandarte, no reinado de Filipe VI, así como nos estandartes, bandeiras, bandeirolas, guións, pendóns e confalóns das Forzas Armadas de España. Esta cruz tamén é a orixe do símbolo distintivo que marca as colas dos avións do Exército do Aire de España.
Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
Erupción volcánica de La Palma de 2021
A erupción volcánica de La Palma de 2021 iniciouse ás 14:12 (UTC) do 19 de setembro de 2021 na zona de Las Manchas, na illa de La Palma en Canarias (España). Trátase da última erupción da illa logo da erupción de Teneguía de 1971 e a última producida no arquipélago canario dende a erupción submarina de El Hierro de 2011.
María Dolores Flores Ruiz, máis coñecida polo nome artístico de Lola Flores, nada en Xerez da Fronteira o 21 de xaneiro de 1923 e finada en Alcobendas (Madrid) o 16 de maio de 1995, foi unha cantante de copla, bailaora e actriz española, artisticamente alcumada "La Faraona". Estivo casada co guitarrista Antonio González "El Pescaílla" (1926-1999), co que tivo tres fillos, os cantantes Lolita Flores (Dolores González Flores) (1958), Antonio Flores (Antonio González Flores) (1961-1995) e Rosario Flores (Rosario González Flores) (1964). Foi irmá da tamén cantante Carmen Flores (1936), tía do exfutbolista e adestrador Quique Sánchez Flores (1965) e avoa das actrices Elena Furiase (filla de Lolita) e Alba Flores (filla de Antonio).