Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O nariz ( pronunciación ) é unha protuberancia que forma parte do sistema respiratorio nos vertebrados. Trátase dun órgano do olfacto, sendo a entrada do tracto respiratorio. De conformación moi diversa pódese indicar que consta basicamente de dúas bolsas ou cavidades, unha no caso dos ciclóstomos, situadas na parte anterior da cabeza e abertas ao exterior por un número de orificios que oscila entre os dous pares por cavidade, no caso dos peixes e un nos outros vertebrados.En todos os vertebrados, agás os ciclóstomos e os peixes non crosopterixios, as cavidades nasais comunícanse a través do teito da boca coa farinxe e formas as coanas, o que permite que, ademais de cumprir a función olfactiva, sirvan como vías respiratorias.
Internet é o sistema global de redes informáticas interconectadas que usa o conxunto de protocolos de Internet (TCP/IP) para comunicarse entre redes e dispositivos. É unha rede de redes que consiste en redes privadas, públicas, académicas, empresariais e gobernamentais de ámbito local e global, unidas por unha ampla gama de tecnoloxías de redes electrónicas, sen fíos e ópticas. Internet ofrece unha ampla gama de recursos e servizos de información, como os documentos de hipertexto interconectados e as aplicacións da World Wide Web.(WWW), correo electrónico, telefonía e intercambio de ficheiros.
Alfonso Guerra González, nado en Sevilla o 31 de maio de 1940, é un político do PSOE español, deputado polo Partido Socialista Obrero Español no Congreso dos Deputados desde 1977 e vicepresidente do Goberno de España entre 1982 e 1991. É Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional Federico Villarreal de Lima (Perú), que lle outorgou a mencionada distinción en 1988. A Universidade de Roma concedeulle a súa Medalla de Ouro en 1984.
Fox Broadcasting Company , máis coñecida como FOX, é unha canle de televisión dos Estados Unidos, propiedade de Fox Entertainment Group, que comezou as súas emisións o 9 de outubro de 1986 cando como primeira emisión o episodio piloto da serie Married with Children. Un dos seus programas máis populares é American Idol que emite desde 2002.
O jazz é un estilo musical, nado entre 1890 e 1910 en Nova Orleáns. As súas raíces remontan á música dos negros e crioulos dos Estados Unidos desde as súas épocas como escravos que datan pouco antes de 1850. As influencias nomean o ragtime, as worksongs músicas cantadas polos negros ao traballaren e o blues, principalmente, non se sabe moi ben como era esta música anterior a 1910, o primeiro músico do que se ten noticia é Buddy Bolden, do que só se conservan unha foto e as opinións dos seus compañeiros, que falan dun virtuoso cun son potente e limpo.
KulturNav é un servizo dixital de almacenamento en nube orixinario de Noruega. O seu principal fin é que os seus usuarios poidan utilizar dita plataforma para crear e administrar un sistema de control de autoridades focalizado nas necesidades de museos e centros culturais. O proxecto foi creado e é dirixido polo Consello das Artes de Noruega.
Mary Stevenson Cassatt nada o 22 de maio de 1844 en Allegheny, (Pensilvania) e finada o 14 de xuño de 1926 en Le Mesnil-Théribus, (Francia), foi unha pintora e gravadora americana. Viviu gran parte da súa vida en Francia, onde estableceu unha profunda amizade con Edgar Degas e máis tarde expuxo cos Impresionistas. Cassatt pintou sobre a vida social e privada das mulleres, cunha particular énfase na unión entre nais e fillos.
Seis personaxes á procura de autor
Seis personaxes á procura de autor (en italiano Sei personaggi in cerca d'autore) é uunha obra de teatro en lingua italiana do escritor Luigi Pirandello. Foi representada por primeira vez o 9 de maio de 1921 no Teatro Valle de Roma, e publicada despois en 1925. En 2005 foi adaptada polo Centro Dramático Galego, con dirección de Xúlio Lago.
Edvard Munch, nado en Løten o 12 de decembro de 1863 e finado en Ekely o 23 de xaneiro de 1944, foi un pintor e gravador noruegués expresionista. As súas evocativas obras sobre a angustia influenciaron profundamente o expresionismo alemán aos comezos do século XX. O berro (1893; orixinalmente titulado Desesperación), é a súa obra máis coñecida e considerada coma unha icona da angustia existencial. Como en moitas das súas obras realizou numerosas versións.
Francisco José de Goya y Lucientes, nado en Fuendetodos (Zaragoza) o 30 de marzo de 1746 e finado en Bordeos (Francia) o 16 de abril de 1828, foi un pintor e gravador español. A súa obra abarca a pintura de cabalete e mural, o gravado e o debuxo. En todas estas facetas desenvolveu un estilo que inaugura o Romanticismo.
Mercury-Redstone 3 ou MR-3, e tamén coñecida como Freedom 7 polo nome da cápsula, foi a primeira misión espacial tripulada dos Estados Unidos de América, levada a cabo dentro do proxecto Mercury, co astronauta Alan Shepard a bordo. Foi unha misión suborbital que tivo lugar 23 días despois do histórico voo de Iuri Gagarin.
Nintendo DS (abreviatura de Dual Screen, «pantalla dual» ou, segundo Satoru Iwata, presidente de Nintendo, abreviatura de Developer's System, «a consola dos desenvolvedores»). Segundo Nintendo, é unha terceira liña de produtos e non se trata da sucesora tecnolóxica da actual Game Boy Advance. O nome desta consola abréviase como "NDS" ou simplemente como "DS".
A inxenua explosiva (en inglés: Cat Ballou) é un filme estadounidense de 1965 dirixido por Elliot Silverstein. Está protagonizado por Jane Fonda e Lee Marvin, quen gañou o Óscar ó mellor actor polo seu papel na 38ª edición dos premios. O resto do elenco está composto por Tom Nardini, Michael Callan, Dwayne Hickman, Nat King Cole e Stubby Kaye.
Kathrin Romany "Kate" Beckinsale, nada o 26 de xullo de 1973 en Finsbury Park, Londres, é unha actriz inglesa. Despois dalgúns papeis menores en series de televisión, debutou no cine no filme Much Ado About Nothing (1993) mentres era estudante Universidade de Oxford. Logo apareceu en Prince of Jutland (1994), Cold Comfort Farm (1995), Emma (1996) e The Golden Bowl (2000), ademais de colaborar en producións de teatro e radio.
The Washington Post é o maior e máis antigo xornal de Washington, D.C., a capital dos Estados Unidos. Gañou fama mundial a principios dos 70, pola súa investigación sobre o caso Watergate, conducida por Bob Woodward e Carl Bernstein, que desempeñou un papel importante na caída de Richard Nixon como presidente. É xeralmente considerado un dos mellores diarios estadounidenses, xunto co New York Times, coñecido pola súa reportaxe xeral e cobertura internacional, e o Wall Street Journal, famoso no eido financeiro.
Un ácido aldónico é un azucre ácido orixinado pola oxidación do grupo aldehido dunha aldosa, que se transforma nun grupo carboxilo (COOH) . A súa fórmula química xeral é HOOC-(CHOH)n-CH2OH. Os ácidos aldónicos adoitan prepararse por oxidación do azucre con bromo. Xeralmente encóntranse en forma de lactona, manténdose o anel esencialmente coa mesma estrutura cíclica do grupo hemiacetal que presentaba no azucre orixinal.
Unha revista científica e un medio de comunicación escrito no que os investigadores e científicos poden publicar periodicamente os seus traballos e investigacións, xunto co desenvolvemento das mesmas, para dalas a coñecer ó resto da xente e a outros científicos. Estes artigos publicados teñen unha gran diversidade de temas, pero sempre referentes a aspectos científicos. Antes de ser publicados, tódolos artigos pasan un control e revisión dun panel de expertos que determinan se reúne uns mínimos de calidade e validez científica, e deciden se o artigo se publica ou non.
StarCraft: Brood War é unha expansión para o videoxogo de estratexia en tempo real de ciencia ficción futurista StarCraft, desenvolvida por Blizzard Entertainment e publicada en 1998. É un dos xogos para ordenador máis vendidos da historia, catalogado de best-séller e considerado como un clásico dos xogos de ordenador. Foi presentado para distintas plataformas, como Windows, Mac e Nintendo 64, aínda que esta última con menos acollida.
O aneto ou endro (Anethum graveolens) é unha planta herbácea de curta vida. Medra silvestre nos campos da Península Ibérica, sobre todo no val do Ebro e en Andalucía, resto da Europa meridional, Exipto, Asia Menor, África do Norte, cultívase en Alemaña, Hungría, Italia, Gran Bretaña, Países Baixos, India, Paquistán, Estados Unidos para a súa utilización nos sectores farmacéutico, cosmético, alimentario e para a produción de licores. É unha planta anual de entre 60 e 150 cm, co talo feble e oco, as flores amarelas, os froitos de cor castaña e arrodeados por unha película clara, cun cheiro aromático.
O voo 17 de Malaysia Airlines (MH17/MAS17) foi un voo internacional regular de pasaxeiros entre Ámsterdam e Kuala Lumpur que foi derrubado o 17 de xullo de 2014 mentres sobrevoaba o leste de Ucraína. O avión caeu preto de Hrabove no oblast de Donetsk, Ucraína, a unha 40 quilómetros da fronteira con Rusia. Os 283 pasaxeiros e 15 tripulantes a bordo do Boeing 777-200ER morreron.
Luke Skywalker é un personaxe ficticio e o protagonista da triloxía orixinal da saga de ciencia ficción A guerra das galaxias creada por George Lucas. Interpretado por Mark Hamill, Skywalker fai a súa primeira aparición en A guerra das galaxias (1977) e nos filmes seguintes O imperio contraataca (1980) e O retorno do Jedi (1983). Tres décadas despois Hamill volve a interpretar o personaxe na triloxía de Star Wars, secuela da anterior, que empeza con Star Wars: The Force Awakens (2015) e Star Wars: The Last Jedi (2017).
As presentacións son ficheiros que se poden usar para mostrar información visualmente de maneira atractiva diante dun auditorio. Constan de “páxinas”, chamadas diapositivas, que poden incluír texto, imaxes, vídeos, animacións, sons, vínculos etc. Á presentación, especialmente cando se fai utilizando un canón de vídeo, tamén se lle chama “diaporama”.
Radiohead é unha banda de rock alternativo procedente de Abingdon, Oxfordshire, Reino Unido formada en 1985. A banda está constituída por Thom Yorke (voces, guitarra rítmica, piano), Jonny Greenwood (guitarra principal, teclados e outros), Ed O'Brien (guitarra, coros), Colin Greenwood (baixo, sintetizador) e Phil Selway (batería, percusión). Con influencias de diversos xéneros, o enfoque experimental ao rock de Radiohead foi recoñecido por promover o son do rock alternativo.
A Game of Thrones ("Un xogo de Tronos") é o primeiro libro de A Song of Ice and Fire ("Unha canción de xeo e lume"), unha serie de novelas de fantasía escritas polo autor norteamericano George R. R. Martin. Foi publicado por primeira vez o 6 de agosto de 1996. Na novela, preséntanse varios puntos de vista e liñas argumentais, sendo as tres máis importantes: a loita das casas nobres polo control dos Sete Reinos principalmente a Casa Stark, a Casa Lannister e a Casa Baratheon, a actual dinastía gobernante; o tema do Muro e a loita co descoñecido alén dos reinos, e a historia de Daenerys Targaryen, derradeiro membro da Casa Targaryen, que gobernara os Sete Reinos ata quince anos antes do comezo do libro.
The Witcher 3: Wild Hunt (en polaco: Wiedźmin 3: Dziki Gon) é un videoxogo de rol e acción en mundo aberto, desenvolvido polo estudio polaco CD Projekt RED. Foi lanzado para Microsoft Windows, PlayStation 4 e Xbox One o 19 de maio de 2015. É o terceiro título da serie, precedido por The Witcher e The Witcher 2: Assassins of Kings, que están baseados na serie de novelas homónima do autor polaco Andrzej Sapkowski. Xogado na perspectiva de terceira persoa, o xogador controla o protagonista Geralt de Rivia, un cazador de monstros coñecido como witcher, que comeza unha longa viaxe a través do Reinos do Norte.
O crioulo haitiano (Kreyòl ayisyen; kɣejɔl ajisjɛ̃), adoito chamado simplemente kreyòl, é unha lingua falada en Haití por arredor de oito millóns de persoas (o 80% da poboación total do país) e, a través da emigración, ten un millón de falantes en Cuba, Bahamas, Canadá, Illas Caimán, república Dominicana, Güiana Francesa, Martinica, Guadalupe, Belize, Porto Rico e nos Estados Unidos. É a lingua crioula máis falada do mundo.
Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.
The Legend of Zelda: Breath of the Wild
The Legend of Zelda: Breath of the Wild (en xaponés: ゼルダの伝説 ブレス オブ ザ ワイルド, Zeruda no Densetsu: Buresu obu za Wairudo) é un videoxogo de acción e aventuras desenvolvido e publicado por Nintendo para as consolas Nintendo Switch e Wii U. O xogo forma parte da franquía The Legend of Zelda e conta a historia do protagonista Link con amnesia, que esperta dun soño de cen anos unha misteriosa voz que o guía cara a derrota de Calamity Ganon antes de que poida destruír o reino de Hyrule. O xogo tivo un longo período de desenvolvemento que abrangueu cinco anos. Ó concibir Breath of the Wild, o produtor Eiji Aonuma quixo reformar as convencións do modo de xogo da serie Zelda.
A música hip hop, tamén coñecida como música rap e anteriormente coñecida como disco rap, é un xénero de música popular orixinado no Bronx, barrio da cidade de Nova York a principios da década de 1970 por afroamericanos, aínda que existiu durante anos antes do descubrimento convencional. Consiste en música rítmica estilizada que, normalmente, acompaña ao rap, un discurso rítmico e rimado que se canta. Desenvolveuse como parte da cultura hip hop, unha subcultura definida por catro elementos estilísticos clave: MC/rapping, DJ/scratching, breakance e a arte graffiti.
Stanford Encyclopedia of Philosophy
A Enciclopedia de filosofía de Stanford (SEP) é unha enciclopedia de libre acceso en liña mantida pola Universidade Stanford. A enciclopedia desenvolveuse inicialmente con fondos públicos do NEH e do NSF. Un plan de recollida de fondos a longo prazo co fin de asegurar o libre acceso á enciclopedia está apoiado a nivel mundial por varias universidades e consorcios de bibliotecas. Ditas institucións contribúen baixo un plan formulado polo SEP en colaboración coa Scholarly Publishing and Academic Resources Coalition (SPARC), a International Coalition of Library Consortia (ICOLC) e a Southeastern Library Network (SOLINET), con fondos equiparados pola NEH. Cada entrada é escrita e mantida por un experto no tema, incluíndo a profesores de máis de 65 Institucións académicas arredor do mundo.
A noite estrelada (en francés: La Nuit étoilée; en neerlandés: De sterrennacht) é un cadro do artista postimpresionista neerlandés Vincent van Gogh. Pintado en xuño de 1889, representa a vista dende a fiestra orientada ó leste do seu cuarto no asilo de Saint-Rémy-de-Provence, xusto antes do amencer, co engadido dunha aldea ideal. Estivo na colección permanente do Museo de Arte Moderna en Nova York dende 1941, adquirido a través de Lillie P. Bliss Bequest.
O alcohol ou alcol (do árabe al-khwl الكحول, ou al-ghawl الغول, ‘o espírito’, ‘toda substancia pulverizada’, ‘líquido destilado’) refírese case sempre ao etanol, e por extensión a calquera bebida que conteña etanol (bebida alcohólica). En química, alcohol é un termo máis xeral, aplicado a calquera compoñente orgánico no cal un dos carbóns está ligado a un grupo hidroxilo (-OH) substituíndo a un átomo de hidróxeno. A fórmula xeral é CnH2n+1OH. Ademais este carbono debe estar saturado, é dicir, debe ter só ligazóns simples a sendos átomos; isto diferenza ós alcohois dos fenois.
ORCID (Open Researcher Contributor Identification ( pronuncia en inglés ), en galego "Identificador Aberto de Investigador e Colaborador") é un código alfanúmerico non propietario que identifica as autoras e autores do eido científico ou académico. Aborda os problemas asociados á localización da autoría nas publicacións científicas ou nas publicacións da área das Humanidades. Á hora de recuperar as contribucións dunha persoa nestes ámbitos hai moitas prácticas que dificultan este labor: o uso de nomes persoais que non son únicos; as diferentes prácticas culturais no que á orde dos nomes se refire; a inconsistencia entre o uso das abreviaturas de nomes e o emprego de distintos alfabetos.
O título deste artigo amósase incorrectamente debido a limitacións técnicas. O título correcto é C#.C# (pronunciado "si xarp" en inglés, ou C díese) é unha linguaxe de programación orientada a obxectos desenvolvido e estandarizado por Microsoft como parte da súa plataforma .NET, que despois foi aprobado como un estándar pola ECMA e ISO. A súa sintaxe básica deriva de C/C++ e utiliza o modelo de obxectos da plataforma .NET o cal é similar ao de Java aínda que inclúe melloras derivadas doutras linguaxes (máis notablemente de Delphi e Java). C# foi deseñado para combinar o control de linguaxes de baixo nivel como C e a velocidade de programación de linguaxes de alto nivel como Visual Basic.
Uberon é unha ontoloxía de anatomía comparada que representa unha gran variedade de estruturas atopadas en animais, como pulmóns, músculos, ósos, plumas e aletas. Estas estruturas están conectadas a outras estruturas vía relacións como meronimia e "desenvolvido dende". Un dos usos desta ontoloxía é o de integrar datos dende bases de datos biolóxicas diferentes, e dende outras ontoloxías específicas de especies como o Foundational Model of Anatomy.
Clara de Asís foi canonizada pola igrexa católica romana, sendo coñecida como Santa Clara. Dá nome aos seguintes lugares: En Galicia Santa Clara de Novás, lugar da parroquia de San Pedro de Muro no concello de Porto do Son;En Portugal Santa Clara, freguesía de concello de Coímbra; Santa Clara, freguesía de concello de Ponta Delgada; Santa Clara de Louredo, freguesía de concello de Beja; Santa Clara-a-Nova, freguesía de concello de Almodôvar; Santa Clara-a-Velha, freguesía de concello de Odemira;Nos Estados Unidos de América Santa Clara, cidade do estado de California; Santa Clara, cidade do estado de Nova York; Santa Clara, cidade do estado de Utah;En Cuba Santa Clara;En Chile Santa Clara, illa do Arquipélago Juan Fernández.
O metal progresivo é un xénero musical que fusiona o heavy metal e o rock progresivo, xurdido a finais da década dos 80 con grupos como Watchtower, Queensrÿche ou Fates Warning. Queensrÿche foi o primeiro grupo en situar o metal progresivo no panorama musical mundial grazas a popularidade da canción "Silent Lucidity", pero foi Dream Theater a banda que revolucionou o xénero en 1992 coa publicación de Images and Words. Desde entón xurdiron moitas fusións entre o metal progresivo e outros subxéneros do heavy metal, como o death metal progresivo (grazas a Opeth, Death ou Cynic), o black metal progresivo (con grupos como Enslaved), o thrash metal progresivo (cuxo máximo expoñente foi Voivod, ademais dos mencionados Watchtower) ou o power metal progresivo (Symphony X ou Kamelot).
O segundo (símbolo no SI: s) é o nome dunha unidade de tempo, e é a unidade básica no Sistema Internacional de Unidades para medilo. Tradicionalmente, o segundo é definido como unha das 86.400 partes nas que se divide o período de tempo que tarda a Terra en dar unha volta sobre o seu eixo imaxinario (período tamén chamado día), mais a definición oficial de segundo é a duración equivalente a 9 192 631 770 períodos de radiación correspondente á transición entre os dous niveis hiperfinos do estado fundamental do isótopo 133 do átomo de cesio, medidos a 0 kelvin.A miúdo os prefixos do SI son combinados coa palabra segundo para denotar subdivisións do segundo, por exemplo, o milisegundo (unha milésima parte dun segundo) e o nanosegundo (unha mil millonésima parte dun segundo). Aínda que os prefixos do SI poden ser usados para formar múltiplos do segundo (tales como o «quilosegundo» ou mil segundos), estas unidades son rara vez usadas na práctica.
iCarly é unha serie de televisión de comedia adolescente creada polo produtor de televisión, Dan Schneider e transmitida orixinalmente pola canle Nickelodeon. A serie trata da historia de Carly Shay, unha moza que xunto aos seus dous mellores amigos, Sam Puckett e Freddie Benson, crean un webshow chamado iCarly. A serie foi producida por Schneider's Bakery en asociación con Nickelodeon Productions.
Inxeba (do xosa: "ferida") é un filme surafricano de 2017 dirixido por John Trengove. Estreouse na Competición de Cine Dramático do Mundo no Festival de Cinema de Sundance de 2017 e na sección Panorama do Festival de Cine de Berlín. O filme abriu o Festival Internacional de Cine LGBT de Tel Aviv en 2017.
Categoría lingüística que diferencia a cantidade de persoas que forman parte dunha entidade semántica: en galego, temos singular e plural, pero estes non son os únicos números. En linguas coma o árabe, hai outro número dual, que diferencia ás entidades que en galego serían plurais pero que están formadas por só dúas cousas. Do mesmo xeito, hai linguas que posúen un número chamado trial, e mesmo outras que teñen quatrial.
A Nintendo 64, comunmente chamada N64, é a terceira videoconsola de ámbito doméstico deseñada por Nintendo. A N64 viu a luz o 23 de xuño de 1996 no Xapón, en 29 de setembro de 1996 aparece en América do Norte, e o 1 de marzo de 1997 sae a venda en Europa e Australia. O seu lanzamento no Xapón e en América do Norte foi acompañado de só dous videoxogos, (Super Mario 64 e PilotWings 64) mentres que no seu lanzamento en Europa saíu tamén outro videoxogo máis, Star Wars: Shadows of the Empire (o cal fora xa lanzado a venda nos países nos que xa se vendía a N64).
O termo pé, en anatomía e zooloxía pode referirse a: En anatomía (humana e animal), o pé é a parte final da perna, que serve de plataforma de sustentación do corpo, e para camiñar. Por analoxía, en bioloxía o termo pé aplícase a diferentes tipos de estruturas soporte de varios seres vivos, especialmente ao: pé dos moluscos; pé dos cogomelos. Así mesmo, por extensión, os termos pé ou pata aplícanse ás estruturas que soportan outras en diversos mobles e outros obxectos (mesas, camas, armarios, hórreos etc.).
Un texto científico, ou sexa, unha publicación científica ou comunicación científica, é un dos derradeiros pasos de calquera investigación científica, previo ao debate externo. As publicacións científicas comezaron como cartas persoais entre os científicos, libros e publicacións periódicas (como anuarios ou revistas científicas). Actualmente a ferramenta máis avanzada é internet, que xustamente naceu como un mecanismo para comunicar as fases ds investigacións científicas entre científicos e militares situados en distintas partes do mundo.
O new age é un xénero musical destinado a crear inspiración artística, relaxación e optimismo. Os oíntes utilízano para ioga, masaxes, meditación e lectura como un método de manexo do estrés para provocar un estado de éxtase en lugar de transo, ou para crear unha atmosfera tranquila en fogares e outros ambientes. Ás veces asociase co ecoloxismo e a espiritualidade new age; porén, moitos dos seus artistas non teñen nada que ver coa "espiritualidade new age", e algúns incluso rexeitan o termo.
Inon Zur (en hebreo: ינון צור), nado o 4 de xullo de 1965, é un compositor israelí-estadounidense. Orixinalmente compoñía para filmes e producións de televisión, e máis tarde comezou a compoñer para videoxogos. Foi descrito por ser "internacionalmente recoñecido como un dos compositores orquestrais A-list da industria dos videoxogos".
Nikita Sergeyevich Mikhalkov (ruso: Ники́та Серге́евич Михалко́в), nado en Moscova o 21 de outubro de 1945 é un cineasta e actor ruso. Gañou o León de Ouro do 48.º Festival de Cinema de Venecia (1991) e foi candidato ao Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa polo filme Urga. Gañou o premio nesa categoría con Utomlyonnye solntsem, que tamén logrou o Grand Premio do Festival de Cinema de Cannes.
Ōkami (大神, literalmente "gran deus", "gran espírito" ou "lobo" se se escribe 狼) é un videoxogo de acción e aventuras desenvolvido por Clover Studio e publicado por Capcom. Foi estreado para PlayStation 2 de Sony Computer Entertainment no 2006, no Xapón e en América do Norte, e no 2007 en Europa e Australia. Malia o peche da Clover Studio uns meses despois do lanzamento inicial do xogo, unha versión para a consola Wii de Nintendo foi desenvolvida e producida por Ready at Dawn, Tose e Capcom, que se estreou en América do Norte en abril de 2008, en Europe en xuño de 2008, e no Xapón en outubro de 2009.
Wolfenstein 3D é un videoxogo shooter en primeira persoa desenvolvido por id Software e publicado por Apogee Software e FormGen. Publicado orixinalmente o 5 de maio de 1992 para MS-DOS, estivo inspirado polo videoxogo de 1981 Castle Wolfenstein de Muse Software. En Wolfenstein 3D o xogador toma o papel dun espía alidado William "B.J." Blazkowicz durante a segunda guerra mundial mentres escapa da prisión nazi do Castelo Wolfenstein e leva a cabo unha serie de misións contra os nazis.
Belarús (en belaruso: Беларусь, "Biełaruś", [bʲɛlaˈrusʲ] (AFI); en ruso: Белоруссия, "Belorussia"), oficialmente a República de Belarús, é un país sen saída ao mar de Europa Oriental. Limita ao norte con Letonia, ao norte e ao leste con Rusia, ao sur con Ucraína, ao leste con Polonia e ao leste e ao norte con Lituania. A súa capital é Minsk, e outras cidades de importancia son Brest, Hrodna, Homieĺ, Mahilioŭ e Viciebsk.
Wò hǔ cáng lóng (título orixinal: 臥虎藏龍) que en galego significa "Tigre agazapado, Dragón agochado"; é un filme wuxia (de acción, aventuras e artes marciais) dirixido por Ang Lee en 2000. É unha coprodución entre China, Hong Kong, Taiwán e Estados Unidos e a lingua orixinal é o mandarín. Está protagonizado por estrelas do cine de etnia chinesa, incluíndo a Chow Yun-fat, Michelle Yeoh, Zhang Ziyi e Chang Chen.
Os Premios Nobel (en sueco, Nobelpriset; en noruegués, Nobelprisen) son uns galardóns internacional que se outorgan cada ano para recoñecer persoas ou institucións que levaran a cabo investigacións, descubrimentos ou contribucións notables á humanidade no ano anterior ou no transcurso das súas actividades.Sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, Alfred Nobel, un industrial sueco inventor da nitroglicerina, instituíu en 1895 os premios que levan o seu nome como última vontade e para ser lembrado. Comezaron a entregarse en 1901 nas categorías de Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Paz.En 1968 estableceuse tamén o Premio de Ciencias Económicas en Memoria de Alfred Nobel, patrocinado polo Banco de Suecia e xestionado pola Real Academia das Ciencias de Suecia, e que é comunmente chamado Premio Nobel de Economía.. O primeiro Premio Nobel de Economía entregouse en 1969.Ante a inexistencia dun Premio Nobel de Matemáticas, Sophus Lie foi o primeiro en propor a creación do Premio Abel cando descubriu en 1897 que Alfred Nobel non tivera a intención de crear un premio de Matemáticas.
Voina i mir (en ruso: Война и мир, antes da reforma ortográfica: Война и миръ; en galego Guerra e paz) é unha novela histórica escrita por Lev Tolstoi e publicada entre 1865 e 1869 no xornal Russkii Vestnik. O libro narra a historia de Rusia na época de Napoleón Bonaparte (principalmente as guerras napoleónicas en Rusia). A riqueza e o realismo dos seus detalles así como as súas numerosas descricións psicolóxicas fan que sexa considerado un dos maiores libros da historia da literatura.
O termo obxectivo refírese ao fin que se quere atinxir, e nese sentido é sinónimo de albo tanto como fin a atinxir (lugar ou obxecto) como punto de mira dunha arma ou proxectil.A definición clara de obxectivos é de extrema importancia en varios eidos de actuación humanos, a nivel administrativo e de xestión, orientando a acción dos individuos. En educación, por exemplo, a definición de actividades curriculares debe ser feita tendo en conta os obxectivos definidos no programa curricular dos alumnos.
Madredeus é un grupo musical portugués. A súa música combina influencias das músicas populares portuguesas coa música moderna. Tematicamente, as letras das cancións falan sobre temas tamén abordados polo fado, como a saudade e temas derivados, como a solitude, a esperanza, a ausencia, a distancia ó o amor adiado, así como temas mais xeneralistas, como a a guerra, paz ou a culpa e o remorso.
"Gangnam Style" (en coreano: 강남스타일) é unha canción do cantante surcoreano de pop PSY, cuxo son combina música dance/electrónica e rap. A canción foi lanzada o 15 de xullo de 2012 e debutou no posto número un en Gaon Chart, a lista musical nacional de Corea do Sur.O seu vídeo musical recibiu máis de 743 millóns de visitas en YouTube sen tomar en conta as visitas do sinxelo subido a canles non oficiais e a versión estendida non oficial, as cales representan máis de 150 millóns de reproducións, sendo isto un 25 por cento do total aproximadamente. Ademais, desde o 1 de novembro de 2012 converteuse no segundo vídeo máis visto, só superado por Justin Bieber con "Baby".
GameSpot é unha páxina web especializada en videoxogos que achega novas, análises, recensións e informacións relevantes sobre os xogos lanzados no mercado. O sitio web foi creado en maio de 1996 por Pete Deemer, Vince Broady e Jon Epstein. Foi comprado pola ZDNet, unha marca que, tempos despois, foi adquirida pola CNET, a actual dona de GameSpot.
O anime (アニメ, en xaponés) é o nome co que se coñece a animación xaponesa. Sería algo como a extrapolación dos mangas (bandas deseñadas xaponesas) para as pantallas de televisión. Entre a manga e anime adoita haber moita interacción, posto que os mangas que teñen éxito son posteriormente adaptados ó anime.
Park Chan-wook (Hangul 박찬욱) nado o 23 de agosto de 1963 en Seúl, é un director, guionista, produtor e crítico surcoreano. Un dos máis famosos e aclamados directores de cine do seu país, Park é coñecido polos seus filmes Joint Security Area, Thirst e The Vengeance Trilogy, un saga de tres filmes composta por Sympathy for Mr. Vengeance (2002), Oldboy (2003) E Sympathy for Lady Vengeance (2005).
Racine carrée (do francés: raíz cadrada, estilizado como √) é o segundo álbum de estudio do músico belga Stromae. Lanzouse dixitalmente o 16 de agosto de 2013 e tres días máis tarde en formato físico en Francia e Bélxica. Stromae expresou o seu desexo de incorporar influencias musicais caribeñas e africanas xunto cos seus ritmos inspirados nos anos 90.
LibraryThing é unha aplicación web de catalogación social para almacenar e compartir listaxes de libros coa fin de establecer un catálogo ordenado e etiquetado que permite as valoracións e os comentarios e que posibilita conectarse con xente con gustos semellantes, destínase tanto a particulares como a autores, bibliotecas e editoriais. Desenvolvida polo estadounidense Tim Spalding, subiuna por vez primeira a internet de forma pública o 29 de agosto de 2005. En maio de 2006 AbeBooks mercou o 40% da compañía, que dous anos despois adquiriu Amazon.
O Arco de Constantino (en italiano: Arco di Costantino) é un arco de triunfo que se atopa a entre o Coliseo e a cuíña do Palatino, en Roma. É un dos 3 arcos que permanece na Vía do Foro Imperial, xunto co Arco de Tito (81) e o Arco de Septimio Severo (202-203). O arco foi ergueito polo Senado para conmemorar a vitoria de Constantino I o Grande contra Maxencio na batalla de Ponte Milvio, o 28 de outubro de 312, e para conmemorar, tamén, a outros emperadores anteriores.
Un substantivo animado é epiceno cando designa tanto a un individuo masculino como feminino independentemente do xénero gramatical do substantivo, pero con xénero fixo. Por exemplo: ourizo, gorila, aguia, rata. No caso de que sexa necesario distinguir o sexo, pódese recorrer a un adxectivo: unha aguia macho e unha aguia femia.
Ang Lee (en chinés: 李安; en Pinyin: Lǐ Ān), nado en Chaochou (Pingtung) o 23 de outubro de 1954 é un director de cine taiwanés. A maior parte dos seus filmes analizan as interaccións entre a modernidade e as tradicións. Polos seus traballos foi premiado, entre outros, con dous Oscar á mellor dirección por Brokeback Mountain e Life of Pi, o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa por Wò hǔ cáng lóng, con dous Osos de Ouro por Xǐyàn e Sense and Sensibility e con dous Leóns de Ouro ao Mellor Filme por Brokeback Mountain e Sè, Jiè.