Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Evan Taylor Ellingson, nado en La Verne (California) o 1 de xullo de 1988, é un actor estadounidense de cine e televisión. Co-protagonizou MAD TV, e despois tivo un papel regular na serie de televisión Titus. No 2004, Evan foi escollido para interpretar a Kyle Savage na sitcom producida por Mel Gibson Complete Savages, que foi cancelada despois da primeira tempada.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Para ver o artigo sobre a Banda de Gaitas, véxase Buxaina (banda).Unha buxaina ou un peón é un corpo que se fai xirar cun cordel sobre unha punta de metal sobre a que sitúa o seu centro gravitatorio de forma perpendicular ao eixo de xiro, equilibrándose sobre un punto grazas á velocidade angular, que permite o desenvolvemento do efecto xiroscópico. Normalmente utilízase como xoguete, aínda que tamén para xogos de azar e para realizar profecías e outros rituais. O poder xiroscópico gradualmente diminuirá debido ao rozamento do aire, conducindo a que o corpo se balancee trazando unha traxectoria circular do seu punto de apoio ata que esta sexa maior que o centro de gravidade, provocando finalmente a caída.
Un invento ou invención é un obxecto, técnica ou proceso que posúe características novedosas. Pode estar baseado nalgunha idea, colaboración ou innovación previa e o proceso da mesma require polo menos o coñecemento dun concepto ou un método existente que se poida modificar ou transformar nunha nova invención. Con todo, algunhas invencións tamén representan unha creación innovadora sen antecedentes previos na ciencia ou a tecnoloxía que amplían os límites do coñecemento humano.
Primeiro ministro do Reino Unido
O Primeiro Ministro do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (Prime Minister of the United Kingdom, en inglés; Prif Weinidogion e Deyrnas Unedig, en galés; Prìomhairean na Breatainne, en gaélico escocés) é o xefe de Goberno do Reino Unido. Encabeza o Goberno da súa Maxestade e do mesmo xeito que outros primeiros ministros da Commonwealth (que seguen a forma constitucional que se chama o sistema Westminster) exercita, xunto cos membros do seu gabinete, o poder executivo do Goberno Británico. O Primeiro Ministro exercita os poderes que pertencen teoricamente a A súa Maxestade a Raíña.
Este artigo trata sobre a Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo, para a arte de pesca véxase nasa.A National Aeronautics and Space Administration (NASA, "Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo") é a axencia do goberno norteamericano responsable do programa espacial dos Estados Unidos de América e a súa investigación aeroespacial xeral a longo termo. Establecida no 1958, é unha organización civil que dirixe e supervisa a investigación civil e militar nos sistemas aeroespaciais.
Carlos III (Charles Philip Arthur George Windsor; nado en Londres o 14 de novembro de 1948) é o rei do Reino Unido e de catorce estados independentes máis chamados Reinos da Commonwealth desde 2022, tras a morte da súa nai a raíña Isabel II. Tamén é o xefe da Commonwealth, unha grande organización intergobernamental formada por 53 países independentes. Era o herdeiro, así como o duque de Cornualla e duque de Rothesay de 1952 a 2022, sendo a persoa máis longa na liña de sucesión ao trono británico da historia. Tamén foi o príncipe de Gales máis lonxevo, xa que ostenta o título desde xullo de 1958.
Luís Mateo Díez Rodríguez, nado en Villablino (provincia de León) o 21 de setembro de 1942, é un escritor español. É membro da Real Academia Española desde o ano 2001, coa cadeira de brazos "l" (ele) minúscula. É o único autor en lingua castelá que obtivo en dúas ocasións o Premio Nacional de Narrativa e outras dúas o Premio da Crítica, grazas ás súas novelas La fuente de la edad (1986) e La ruina del cielo (1999).
Denomínanse bens económicos, por oposición aos bens libres, a aqueles bens que se adquiren no mercado pero pagando un prezo por eles e que satisfai directa ou indirectamente unha necesidade. É dicir, son bens materiais e inmateriais que posúen un valor económico e que, por ende, son susceptíbeis de seren valorados en termos monetarios. Neste sentido, o termo ben utilízase para nomear cousas que son útiles aos que as usan ou posúen.
En lingüística textual, a unidade temática, significativa e pertinente, máis pequena dun texto denomínase motivo. Ás máis das veces o motivo coincide cunha palabra presente no texto; pero, de cando en cando, pode identificarse cun anaco do significado da palabra, é dicir cun sema, ou cun sintagma ou cunha frase na cal non figura a palabra coa cal designamos o motivo. Cando o motivo se reitera ó longo da obra e asume nela un papel preciso, falarase, por analoxía coa música, de leitmotiv (por exemplo a chuvia é un leitmotiv en A Esmorga de Eduardo Blanco Amor).
António Luís Santos da Costa, coñecido como António Costa, nado en San Sebastião da Pedreira (Lisboa) o 17 de xullo de 1961, é un xurista e político portugués. Foi Alcalde de Lisboa entre 2007 e 2015. É o actual secretario xeral do Partido Socialista, desde novembro de 2014 e foi o Primeiro Ministro do seu país dende 2015, cando herdou o cargo de Pedro Passos Coelho e 2023, cando presentou a súa dimisión.
Unha facultade é unha institución docente de estudo e investigación que normalmente constitúe unha subdivisión dunha universidade. Abrangue unha área de estudo concreta ou un conxunto de áreas relacionadas. A antiga Universidade de París, que serviu de modelo para a maioría das universiades medievais de Europa, tiña catro facultades: Teoloxía, Leis, Medicina e Artes.
Minamishimabara (南島原市, しまばらし, Minamishimabara-shi) é un concello da prefectura de Nagasaki no Xapón. Está situada ao noroeste da Illa de Kyūshū e ao sur da prefectura, na península de Shimabara. A súa superficie é de 169,89 km² e a poboación de 51.032 habitantes (2009) e ten unha densidade de poboación de 300 h/km².
Os Belfast Giants son un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Belfast, Irlanda do Norte (Reino Unido). Os Giants compiten na máxima categoría do hóckey sobre xeo británico, a Elite Ice Hockey League (EIHL), sendo o único representante de Irlanda do Norte na competición. Xoga os seus partidos como local no Odyssey Arena de Belfast, un pavillón con capacidade para 8000 espectadores.
Twentieth Century Fox Television, Inc., máis coñecida como 20th Century Fox Television é a unidade de produción para a televisión do estudio de filmación da Fox filial da Fox Entertainment Group, parte da compañía de Rupert Murdoch News Corporation, á que tamén pertence 20th Television que para alén de producir para as estacións sindicadas da Fox tamén distribúe case toda a produción da Twentieth Century Fox Television.
Kumārajīva (en sánscrito: कुमारजीव, en chinés simplificado 鳩摩羅什, en chinés tradicional 鸠摩罗什, en pinyin Jiūmóluóshí), nado no reino de Kucha en 344 e finado en Chang'an en 413 foi un monxe budista, estudoso, misioneiro e tradutor. Comezou estudando as ensinanzas das escolas Sarvastivada, despois estudou co monxe Buddhasvāmin e finalmente converteuse nun seguidor do budismo Mahayana, estudando a doutrina Mādhyamaka de Nāgārjuna.
Robin McLaurin Williams, nado en Chicago, Illinois o 21 de xullo de 1951 e finado en Paradise Cay, California o 11 de agosto de 2014, foi un comediante e actor estadounidense. Acadou a fama co papel do alieníxena Mork na Mork & Mindy (1978–1982), e labrou unha exitosa carreira como cómico e actor de cine. A súa carreira cinematográfica inclúe filmes como The World According to Garp (1982), Good Morning, Vietnam (1987), Dead Poets Society (1989), Espertares (1990), The Fisher King (1991) e Good Will Hunting (1997), así como éxitos de recadación como Popeye (1980), Hook, o capitán Garfo (1991), Aladdin (1992), Mrs.
Vilafranca do Bierzo (en español e oficialmente Villafranca del Bierzo) é un concello de Castela e León, antiga capital do Bierzo (s.XIX). Está situada no noroeste da provincia de León e foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1965. Por Vilafranca pasa o Camiño de Santiago, e constitúese como fin de etapa e como meta en casos excepcionais, pois na igrexa da vila dedicada ao Apóstolo, pódese gañar o xubileu cando concorran circunstancias que impidan ao peregrino proseguir deica Compostela.
O Premio Nobel de Literatura é un dos 5 premios especificamente sinalados no testamento do escandinavo Alfred Nobel. Segundo as súas palabras, o premio debe entregarse cada ano "a quen produza no campo da literatura a obra máis salientábel, na dirección correcta". A institución encargada de seleccionar ó gañador é a Academia Sueca (en sueco, Svenska Akademien).
A Universidade Harvard (Harvard University) é unha universidade privada, a máis antiga dos Estados Unidos, localizada en Cambridge, Massachusetts. Fundouna a colonia da baía de Massachusetts o 8 de setembro de 1636. Coñecida ao primeiro como New College, pasou a se denominar Harvard College o 13 de marzo de 1639 por John Harvard, que doara os seus libros e a maioría do seu capital á institución, que se converte en universidade en 1780.
O Apollo 4 (tamén coñecido como Apolo-Saturno 501 e AS-501), foi o primeiro voo proba sen tripulación do programa Apolo, que tivo lugar o 9 de novembro de 1967 e que usou un lanzador Saturno V como vehículo impulsor, cuxa terceira fase ía ser posta en marcha, despois de permanecer parada en órbita de aparcamento e ingravidez, para conducir a nave espacial a un punto máximo de afastamento da Terra de 18 340 km. Activouse entón o motor do módulo de mando para que a cápsula alcanzase ao regresar unha velocidade de 40 000 km/h, a mesma que debería levar ao penetrar na atmosfera terrestre e probar os sistemas de protección térmico. O voo foi un éxito técnico.Este voo debía ser o primeiro lanzamento tripulado, estando previsto o seu lanzamento o 21 de febreiro de 1967.
Every Best Single 2 é o terceiro álbum recompilatorio de grandes éxitos do grupo de J-Pop chamado Every Little Thing, lanzado ó mercado o 10 de setembro do ano 2003 baixo o selo avex trax e producido por Max Matsuura. O álbum é a continuación de "Every Best Single+3", contendo tódolos singles lanzados pola banda dende "Pray", ata o vixésimo primeiro single lanzado en 2003, "Fundamental love". Ademais inclúe dúas novas cancións como agasallo, que son dúas gravacións acústicas de sinxelos antigos da banda.
Este artigo trata sobre un fungo, para a afección dermatolóxica chamada esclerose sintémica, véxase esclerodermia. O feixó do demo (Scleroderma citrinum), coñecido vulgarmente coma peido limoeiro, é un fungo con aspecto de pataca, a especie máis común do xénero Scleroderma (falsas trufas) en Galiza, tamén no Reino Unido, que aparece amplamente en bosques, fragas, uceiras e pasteiros polo outono e polo inverno. Scleroderma citrinum ten dous sinónimos, Scleroderma aurantium (Vaill.) e mais Scleroderma vulgare Horn.As falsas trufas son superficialmente semellantes aos peidos de lobo, cogomelos dos xéneros Calvatia, Calbovista e Lycoperdon, mais mentres os peidos de lobo adoitan ter unha soa saída no coto do chapeu a través da cal espallan as esporas, as falsas trufas simplemente creban para ceibar as esporas.
Os recursos naturais son substancias que se dan naturalmente no ambiente. O termo xurdiu por vez primeira na década de 1970, por E.F. Schumacher no seu libro titulado Small Is Beautiful. O termo "recurso" refírese a unha inmensidade de materias primas que existen no planeta e aquelas que o ser humano pode utilizar.
Patrimonio da Humanidade en Portugal
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
Interscope Records é unha casa discográfica estadounidense que naceu en 1990, fundada por Jimmy Iovine e Ted Field co apoio económico de Atlantic Records (que se fixo co 50% do selo). En 1992 Jimmy Iovine axudou a Death Row Records financiando e alcanzando un acordo de distribución con eles por medio de Interscope.
A psicose é un termo xenérico empregado en psiquiatría e psicanálise para referirse a un estado mental descrito como unha escisión ou perda de contacto coa realidade. As persoas que experimentan psicoses poden presentar alucinacións ou delirios e poden exhibir cambios na súa personalidade e pensamento desorganizado. Estes síntomas poden ser acompañados por un comportamento infrecuente ou estraño, así como por dificultade para interactuar socialmente e incapacidade para levar a cabo actividades da vida diaria.
Un personaxe é cada un dos seres que forman a acción dunha obra literaria, película etc., e que son o motor da acción narrativa. Non debe confundirse o termo persoeiro (individuo real de relevancia ou que queremos salientar) con personaxe (ser ficticio por moito que represente a unha persoa real da que soamente é unha representación inventiva). O personaxe é o elemento motor da acción narrativa.
Wikipedia é unha enciclopedia en liña baseada nun wiki multilingüe e de contido libre editado e mantido por unha comunidade de editores, a cal comezou o 15 de xaneiro de 2001 coa versión en lingua inglesa. Pouco despois, creáronse edicións en linguas diferentes do inglés: as edicións en alemán e o catalán foron creadas o 16 de marzo, a edición en francés o 23 de marzo, e a sueca creouse o 23 de maio.
Extinción do Ordovícico tardío
A extinción masiva do Ordovícico tardío, tamén chamada extinción masiva de final do Ordovícico ou extinción do Ordovícico-Silúrico, é o primeiro dos "cinco grandes" eventos de extinción en masa que aconteceron na historia da Terra, hai aproximadamente 445 millóns de anos (Ma). Adoita considerarse o segundo evento de extinción masiva máis grande coñecido en porcentaxe de xéneros que se extinguiron. A extinción foi global durante este intervalo, eliminando do 49 ao 60 % dos xéneros mariños e case o 85 % de especies mariñas.
Juventudes Socialistas Unificadas
As Juventudes Socialistas Unificadas (JSU) foron unha organización política xuvenil española fundada en marzo de 1936, logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 (durante a Segunda República Española), como resultado da fusión da Unión de Juventudes Comunistas de España (UJCE) do Partido Comunista de España (PCE) e a Federación de Juventudes Socialistas (FJS) do PSOE. Coa derrota da República moitos cadros da JSU exiliáronse e os que permaneceron en España sufriron unha forte represión. Progresivamente, foron languidecendo durante a década de 1950 ata a súa definitiva desaparición en 1961.
A Cruz de Borgoña ou Aspa de Borgoña é unha representación da Cruz de Santo André na que os troncos que forman a cruz aparecen cos seus nós nos lugares onde se cortan as ramas. Este emblema foi incluído nos escudos de armas e nas bandeiras de España, tanto de terra como de mar, desde 1506, época da súa introdución coa Garda borgoñoa de Filipe o Fermoso, até Xoán Carlos I. A Cruz de Borgoña desapareceu do escudo de armas do rei de España, e do seu estandarte, no reinado de Filipe VI, así como nos estandartes, bandeiras, bandeirolas, guións, pendóns e confalóns das Forzas Armadas de España. Esta cruz tamén é a orixe do símbolo distintivo que marca as colas dos avións do Exército do Aire de España.
Ex libris é unha locución latina que significa literalmente "de entre os libros", é dicir, libro procedente de entre os libros dunha biblioteca pública ou privada. Un ex libris é unha marca de propiedade que normalmente consiste nunha estampa, etiqueta ou selo que adoita colocarse no reverso da cuberta ou tapa dun libro, e que contén o nome do dono do exemplar ou da biblioteca propietaria. O nome do posuidor vai precedido usualmente da expresión latina ex libris (ou tamén frecuentemente ex bibliotheca, ou e-libris, por exemplo Ex libris Edward N. Crane), aínda que existen variantes (p.
A locomotora Sar, coñecida popularmente como Sarita (en galego: Sariña), é unha locomotora de vapor fabricada en Leeds pola compañía Hunslet Engine Company en 1880. Foi adquirida en 1886 por John Trulock para dar servizo á primeira liña galega de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Cando petan na porta pola noite
Cando petan na porta pola noite é un libro de Xabier P. Docampo. Editouse por vez primeira en 1994, ano no que acadou o Premio Rañolas, e reeditouse varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2 041 603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o 38,5 % do total de migrantes españois (5 311 906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
Cuchufellos é un grupo musical galego formado en Manzaneda, en 1996. O seu estilo foi autodenominado polo grupo como speed folk, onde se fusionan estilos coma o ska, a pachanga ou os ritmos balcánicos nas súas composicións.O grupo disolveuse en 2016. O seu concerto de despedida tivo lugar no festival A Rebusca, o 18 de novembro de 2016.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Bruce Frederick Joseph Springsteen, nado en Long Branch (Nova Jersey) o 23 de setembro de 1949, é un cantante, compositor e guitarrista estadounidense, alcumado "The Boss" (en galego, "O Xefe"). É coñecido amplamente pola súa música rock vinculada a letras poéticas e a sentimentos tradicionais americanos e relacionados particularmente co seu Estado de orixe, Nova Jersey. As gravacións de Springsteen, ao longo de tres décadas, tenderon a alternar entre o rock e outros traballos orientados cara ao folk, e tamén cara ao chamado heartland rock.
Daniel Lambert, nado en Leicester o 13 de marzo de 1770 e finado en Stamford, Lincolnshire, o 21 de xuño de 1809, foi un carcereiro e criador de animais inglés, famoso polo seu gran tamaño corporal pouco habitual. Tras traballar durante catro anos como aprendiz nun taller de gravado e fundición de Birmingham, volveu a Leicester no ano 1788 e sucedeu o seu pai como alguacil da prisión de Leicester. Estaba considerado unha persoa deportista e moi forte, ademais dun experto en animais de carreiras e galos de pelexa.
Jordi Évole Requena, nado o 21 de xullo de 1974 en Cornellà de Llobregat, Barcelona, é un presentador, humorista e guionista catalán, anteriormente coñecido tamén como El Follonero. Dende 2008 a 2019 presentou o programa Salvados, na cadea de televisión laSexta, e tamén escribe artigos de opinión no diario La Vanguardia e anteriormente en Mundo Deportivo e El Periódico de Catalunya.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
A edición de xenes por CRISPR (adoita pronunciarse crísper) é unha técnica de enxeñaría xenética en bioloxía molecular por medio da cal pode modificarse o xenoma dos organismos vivos. CRISPR é a abreviatura en inglés de Clustered Regularly Interspaced Short Palindromic Repeats, repeticións palindrómicas curtas agrupadas e espazadas regularmente, unha familia de secuencias de ADN dos procariotas derivadas de fragmentos de bacteriófagos que as infectaran. A técnica está baseada nunha versión simplificada do sistema de defensa antiviral bacteriano CRISPR-Cas9, usado polos procariotas para destruír ADN de bacteriófagos.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
A lingua tai nuea ou tai nüa (en chinés: 傣那语; Dǎinàyǔ; tailandés: ภาษาไทเหนือ), tamén chamada dehong tai (chinés: 德宏傣语, Déhóng Dǎiyǔ; tailandés: ภาษาไทใต้คง, ou chinés shan) é unha das linguas faladas polo pobo dai na China, especialmente na prefectura autónoma dai e jingpo de Dehong no suroeste da provincia de Yunnan. Está estreitamente relacionada con outras linguas tai e podería considerarse un dialecto da lingua shan. Os falantes desta lingua ao outro lado da fronteira en Myanmar son coñecidos como shan.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 200.512.