Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Santoalla do Monte é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Petín. Segundo o IGE, en 2016 tiña 7 habitantes (3 mulleres e 4 homes), distribuídos nunha soa entidade de poboación, o que supón o mantemento con relación ao ano 1999 cando tiña tamén 7 habitantes. É unha das localizacións de Sempre Xonxa e é a localización case única do documental Santoalla, no que se inspirou o filme As bestas.
49.9175, 8.7567 O pozo de Messel (alemán: Grube Messel) é unha canteira de lousa ou xisto bituminoso abandonada e importante xacemento paleontolóxico preto da vila alemá de Messel (Landkreis Darmstadt-Dieburg, Hesse) a uns 35 km ao sueste de Frankfurt am Main, Alemaña. Debido á abundancia no lugar de fósiles ben conservados que datan da metade do Eoceno, ten unha grande importancia científica e xeolóxica. No lugar atopáronse unhas 1000 especies de plantas e animais.
O aeroporto de Manchester (IATA: MAN, ICAO: EGCC) é un aeroporto internacional inglés en Ringway, situado a 13,9 km ao sueste do centro da cidade de Manchester. No ano 2016 foi o terceiro aeroporto máis concorrido do Reino Unido en número de pasaxeiros. As súas instalacións están formadas por tres terminais de pasaxeiros e unha de carga e é o único aeroporto británico xunto con Heathrow con dúas pistas de máis de 3 000 metros.
Santoalla é un filme documental estadounidense de 2016 sobre o deterioramento das relacións veciñais na aldea de Santoalla. Foi dirixido polos cineastas neoiorquinos Andrew Becker e Daniel Mehrer no seu debut como directores. O filme xira arredor da desaparición e asasinato do neerlandés Martin Verfondern na aldea de Santoalla (Petín) en xaneiro de 2010 e conta parte da súa vida a carón da súa muller Margo Pool durante as décadas de 1990, 2000 e 2010.
Nantes (Naoned en bretón e Naunnt ou Nàntt en galó), é unha cidade francesa, capital do departamento do Loira Atlántico dentro da rexión do País do Loira. É a sexta maior cidade de Francia, e está situada no sueste da Bretaña. É a capital da rexión administrativa de Pays-de-Loire, pero historicamente pertence á Bretaña, da que foi capital e residencia dos duques da Bretaña.
Denis Ménochet, nado en Enghien-les-Bains, Val d'Oise o 18 de setembro de 1976, é un actor de cine e televisión francés. Fíxose coñecido internacionalmente en 2009 polo personaxe Perrier LaPadite, un labrego francés interrogado por un funcionario nazi por ocultar xudeus, na película Inglourious Basterds, de Quentin Tarantino. Elizabeth Weitzman, crítica de cine do New York Daily News, eloxiou o traballo de Ménochet, que apareceu xunto ao actor Christoph Waltz na secuencia inicial do filme de Tarantino.
Estopa é un dúo español de música creado en 1999, formado polos irmáns David e José Manuel Muñoz Calvo. O grupo é oriúndo de Cornellà de Llobregat (Barcelona), aínda que a súa familia descende do pobo de Zarza Capilla, en Estremadura. Co seu primeiro disco conseguiron unhas vendas superiores a 1 000 000 copias, logrando así o recoñecemento no seu país natal e despois en países latinoamericanos como México, Chile, Cuba e a Arxentina.
A Terra Santa (hebreo: אֶרֶץ הַקוֹדֵשׁ Eretz HaKodesh, latín: Terra Sancta; árabe: الأرض المقدسة Al-Arḍ Al-Muqaddasah) é unha área aproximadamente localizada entre o río Xordán e o mar mediterráneo, mais tamén inclúe a beira oriental do río Xordán. Historicamente, é sinónimo tanto da Terra de Israel como de Palestina, e actualmente son parte dela o Estado de Israel, os Territorios Palestinos, a República do Líbano, a República Árabe de Siria e o Reino Haxemita de Xordania. É considerada santa polos xudeus, os cristiáns e os musulmáns.
Estadio Municipal Nuevo Matapiñonera
O Estadio Municipal Nuevo Matapiñonera é un estadio de fútbol da cidade de San Sebastián de los Reyes, na Comunidade de Madrid, España, onde xoga os seus partidos como local a Unión Deportiva San Sebastián de los Reyes. O primeiro campo do equipo foi o Campo de Deportes da UD San Sebastián de los Reyes, máis coñecido como Matapiñoneras, e o novo estadio ocupa a localización do anterior xa que este foi demolido por completo cando se desenvolveu a zona comercial contigua ao estadio.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939, é unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
O termo Igrexas católicas orientais, tamén coñecidas como uniatas, refírese colectivamente ás 22 igrexas particulares autónomas en comuñón coa Santa Sé que, xunto coa Igrexa Latina, forman a Igrexa Católica universal. Conservan moitas antigas tradicións teolóxicas, litúrxicas e devocionais que, en moitos casos, comparten co resto das igrexas cristiás orientais coas que estiveron unidas no pasado, como a Igrexa Ortodoxa ou as igrexas ortodoxas orientais. Aínda que comparten tradicións similares con estas igrexas ortodoxas, afástanse delas en temas doutrinais e teolóxicos, polo que non admiten a participación de membros destas outras igrexas nos sacramentos, agás baixo as circunstancias previstas polo dereito canónico.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Non confundir con Antonio Tovar Llorente (Valladolid 1911-1985), filólogo, lingüista e historiador.Antonio Domingo José Tovar Bobillo, chamado Antón Tovar, nado na Pereira (Rairiz de Veiga) o 26 de outubro de 1921 e finado en Ourense o 16 de xuño de 2004, foi un poeta galego que escribiu en lingua castelá e lingua galega, encadrado na chamada promoción de enlace. A súa obra está marcada polo pesimismo, o sentimento poético sincero e auténtico, o existencialismo, o intimismo e a preocupación social, ademais da baldía procura de deus. Foi membro correspondente e de honra da Real Academia Galega.
A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
Belle Époque é unha película de cine española dirixida por Fernando Trueba no ano 1992. É a segunda película española galardoada co Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa e 9 Premios "Goya" da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, sendo unha das películas máis premiada. Trátase dunha cinta coral, enxeñosa e enmarcada nunha época que, pese ó título da película, non está encadrada nos anos 20, senón nos días previos e posteriores á proclamación da Segunda República Española.
Santoalla, Santoalla do Monte, Petín
Santoalla é o único lugar da parroquia de Santoalla do Monte, no concello ourensán de Petín na comarca de Valdeorras. Segundo o IGE, en 2016 tiña sete habitantes (catro homes e tres mulleres).
Xosé Luís Franco Grande, nado en Tebra (Tomiño) o 17 de febreiro de 1936 e finado en Vigo o 31 de marzo de 2020, foi un escritor, lexicógrafo, poeta e avogado galego. Foi membro do Consello da Editorial Galaxia e membro de número da Real Academia Galega dende 1998. Da súa obra destacan títulos como Vieiro choído, Entre o si e o non ou o Diccionario galego-castelán.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
O Ourense Club de Fútbol, coñecido por motivos de patrocinio como Ourense Envialia, é a sección feminina de fútbol sala do Ourense Club de Fútbol, da cidade de Ourense. Foi creado na tempada 2005/06 da man de Juan Gándara, que foi o primeiro coordinador da sección. Actualmente compite na Primeira división española.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
Turquía (turco: Türkiye, ˈtyɾcije) —de forma oficial República de Turquía (turco: Türkiye Cumhuriyeti, (Türkiye Cumhuriyeti)— é un país soberano intercontinental, coa maior parte do seu territorio situado na Asia Occidental (95 % do seu territorio) e unha menor na Europa meridional (5 % do seu territorio), que se estende por toda a península de Anatolia (a península de Anatolia atópase entre o mar Negro e o mar Mediterráneo e forma o «corazón» do país) e Tracia Oriental na zona dos Balcáns. Linda ó nordeste con Armenia, ó norte co mar Negro, ó oeste con Grecia, o mar Exeo e Bulgaria, ó sueste con Irán, e ó sur con Iraq, Siria e o mar Mediterráneo, ó leste con Xeorxia e Acerbaixán. O mar de Mármara, e os estreitos turcos do Bósforo é o Dardanelos, separan Europa de Asia, polo que Turquía está considerado un país transcontinental.O seu territorio foi o fogar de varias grandes civilizacións: hititas, urartu, cimerios, asirios, persas, grecos, romanos, bizantinos, selxúcidas, otománs e lugar de moitas batallas entre esas civilizacións ao longo da historia.
O castelo de Mequinensa é un palacio ou castelo intacto no alto dun outeiro dominando a confluencia dos ríos Ebro, Segre e Cinca, situado na localidade homónima de Aragón (España). Os Moncada, señores da baronía de Mequinensa construírono. Data dos séculos XIV e XV, aínda que en 1959 reformouno considerablemente o arquitecto Adolf Florensa.
Celso Emilio Ferreiro Míguez, nado en Celanova na rúa Enriba o 4 de xaneiro de 1912 e finado en Vigo o 30 de agosto de 1979, foi un escritor e político galeguista. Máximo expoñente da poesía social en lingua galega, a súa obra Longa noite de pedra é un dos libros chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores. É considerado o máximo expoñente da Xeración do 36 e unha das figuras máis salientables da literatura galega do século XX. Foille dedicado o Día das Letras Galegas de 1989.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Johann Wolfgang von Goethe ( [ˈjoːhan ˈvɔlfɡaŋ fɔn ˈɡøːtə] ), nado en Frankfurt o 28 de agosto de 1749 e finado o 22 de marzo de 1832, foi un novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar. A súa obra Fausto ten sido chamado o mellor poema longo da literatura moderna europea. O súa obra inclúe poesía épica e lírica, escrita en diversas métricas e estilos, prosa e dramas en verso, memorias, unha autobiografía, críticas literarias e estéticas, tratados de botánica, anatomía, e cor, e catro novelas.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
PDF (Portable Document Format, Formato de Documento Portábel) é un formato de ficheiro aberto creado por Adobe para crear documentos impresos como se se tratase dunha imaxe electrónica que o usuario pode observala no PC, imprimila etc empregando un programa lector apropiado. O fundamental deste formato é que o aspecto dos documentos é independente do dispositivo electrónico no que se visualice. O lector máis coñecido é o Adobe Reader.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
Santiago de Arriba é unha parroquia do concello de Chantada na provincia de Lugo. No ano 2011 tiña 57 habitantes distribuídos en 2,96 km², segundo datos do INE e do IGE, deles 30 eran homes e 27 eran mulleres. En 2007 tiña 76 habitantes, deles 40 eran homes e 36 eran mulleres, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 90 habitantes.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Terremotos de Turquía e Siria de 2023
O 6 de febreiro de 2023, un terremoto con múltiples réplicas golpeou o sur e centro de Turquía e o norte e oeste de Siria. Ocorreu a 34 km ao oeste da cidade de Gaziantep ás 01:17 UTC, cun máximo na escala de Mercalli de XI (Extremo), e unha magnitude de polo menos Mw 7,8. O terremoto provocou danos xeneralizados e milleiros de mortos.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy, Francia, o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas, e foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela, un, o seu marido Pierre Curie, un, a súa filla Iréne Joliot-Curie, e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Juliette Binoche, nada o 9 de marzo de 1964 en París, é unha actriz, artista e bailarina francesa. Ó longo da súa carreira como actriz, actuou en máis de 40 filmes, recibindo numerosos premios internacionais. Procendente dunha familia de artistas, comezou a recibir clases de interpretación durante a adolescencia.
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, nada en Bravos, Ourol, o 1 de outubro de 1993, é unha cantante e compositora galega que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo, no ano 2018. En canto á súa voz trátase dunha voz de música popular rasgada, que entraría dentro do rango de mezzosoporano.
Os xogos populares, como outros elementos culturais, conteñen diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo. Posúen un gran valor socio-cultural que supera os aspectos lúdicos, pois cada xogo presenta diferentes características dependendo da zona na que se practica. Os xogos defínense como a actividade física ou mental que ten a finalidade de divertirse e entreterse.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.