Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
As avespas parasitoides son un gran grupo de superfamilias de himenópteros, todas pertencentes á suborde Apocrita, excepto a superfamilia Orussoidea. Como parasitoides que son, poñen os seus ovos sobre ou dentro dos corpos doutros artrópodos, causando máis cedo ou máis tarde a morte destes hóspedes. As diferentes especies de avespas parasitoides especialízanse en ter como hóspedes insectos de certas ordes, principalmente da orde Lepidoptera, aínda que tamén algunhas seleccionan Coleoptera, Diptera, ou Hemiptera; as avespas das arañas (Pompilidae) atacan exclusivamente arañas.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
As Illas Salomón (inglés: Solomon Islands) son un país soberano de Oceanía que forma parte da Mancomunidade Británica de Nacións. O seu territorio está formado por seis illas principais e máis de 990 illas máis pequenas en Oceanía, ao leste de Papúa Nova Guinea e ao noroeste de Vanuatu. Ten unha superficie terrestre de 28400 km², e unha poboación de 652.858.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
O concepto teolóxico, filosófico e antropolóxico de Deus (do latín: Deus) fai referencia a unha deidade suprema. Deus é o nome que se lle dá en galego a un ser supremo omnipotente, omnipresente, omnisciente e persoal en relixións teístas e deístas (e outros sistemas de crenzas) quen é: ou ben a única deidade, no monoteísmo, ou a deidade principal, nalgunhas formas de politeísmo, coma no henoteísmo.Deus tamén pode referirse a un ser supremo non persoal coma no panteísmo, e nalgunhas concepcións é unha mera idea ou razoamento sen ningunha realidade subsistente fóra da mente, coma nos sistemas materialistas. A miúdo, Deus é concibido como o creador sobrenatural e supervisor do universo.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
José Torres Creo, nado en San Xulián de Requeixo (Pontecesures) o 5 de abril de 1874 e finado en Vigo o 31 de outubro de 1939, foi un compositor e organista galego. Autor de numerosas cancións galegas para orfeón, e publicadas posteriormente en versión de voz e piano, entre as que destaca O sol da primavera, con texto do arcebispo e poeta Manuel Lago González.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Fuxan os ventos é un grupo musical inserido no movemento folk da canción galega, formado en 1972 en Lugo no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema "Fuxan os ventos". A partir de entón adoptaron este nome para o grupo.
Juan José Cardenal, máis coñecido como Juanjo Cardenal, nado en Madrid en 1950, é un expresentador catalán de televisión. É coñecido por ter sido durante 24 anos a voz en off (o narrador) do popular concurso de La 2 Saber y ganar, entre 1997 e 2021, e por ter sido tamén a voz en off do concurso xa fóra de antena Si lo sé no vengo, presentados ambos os dous por Jordi Hurtado.
Bibiano Fernández Osorio-Tafall
Bibiano José Manuel Ramón Fernández Osorio, coñecido como Bibiano Fernández Osorio-Tafall, nado en Salcedo (Pontevedra) o 3 de decembro de 1902 e finado na Cidade de México o 13 de agosto de 1990, foi un científico e político galego, funcionario da Organización das Nacións Unidas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Dragon Ball Z (ドラゴンボールZ, Doragon Bōru Zetto), tamén coñecido en Galiza como Dragón Z ou Bóla de Dragón Z, é unha serie de televisión de animación xaponesa de 291 capítulos de 25 minutos adaptada do manga de Akira Toriyama e producida polo estudio Tōei. É a continuación do anime Dragon Ball. En Galiza emitiuse na década de 1990, dentro do programa infantil Xabarín Club da Televisión de Galicia.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O Milagre de Empel ou a Batalla de Empel foi un suceso acaecido os días 7 e 8 de decembro de 1585 durante a Guerra dos Oitenta Anos, na que se enfrontaron un Terzo do exército español, comandado polo mestre de campo Francisco Arias de Bobadilla, a unha frota de dez navíos dos rebeldes dos Estados Xerais dos Países Baixos, baixo mando do almirante Filips van Hohenlohe-Neuenstein, a raíz do cal a Inmaculada Concepción foi proclamada patroa dos Terzos españois, actual Infantaría española.
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
O Prestige foi un buque petroleiro monocasco construído no Xapón en 1976 que afundiu fronte ás costas galegas o 19 de novembro de 2002, producindo unha inmensa marea negra que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée, en Francia, provocando a maior catástrofe ecolóxica na historia de Galicia e unha mobilización social e política. Desta mobilización xurdiu a plataforma Nunca Máis.
A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos
A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (en castelán: La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos) é unha longametraxe galega dirixida por Toñito Blanco e Ricardo Llovo. Autodenomínase como “posibelmente a película máis noxenta, cutre e divertida de tódolos tempos”. O filme conta coa participación de músicos como Julián Hernández (Siniestro Total), César Strawberry (Def con Dos, Strawberry Hardcore) ou Silvia Superstar (Killer Barbies).
Non confundir co Río Moldova, romanés, afluente do Río Siret. Non confundir co Río Moldava ou Vltava, checo, afluente do Río Elba. A República Moldova, ou máis común e simplemente Moldova ou Moldavia, (en romanés: Republica Moldova) é un país sen saída ó mar da Europa do Leste, que limita con Romanía polo Oeste e con Ucraína polo Leste.
The Ballad of Buster Scruggs é un filme estadounidense de 2018 dirixido, escrito e producido polos irmáns Coen. Está protagonizado por Tim Blake Nelson, Liam Neeson, James Franco, Brendan Gleeson, Zoe Kazan, Tyne Daly, Harry Melling e Tom Waits, e contén seis historias curtas que están ambientadas no Vello Oeste. O filme estreouse no Fertival Internacional de Cinema de Venecia o 31 de agosto de 2018, onde gañou a Osella de Ouro ó mellor guión.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
O Entroido do Hío é unha tradición moi antiga que ten lugar na parroquia canguesa de O Hío o domingo, luns e martes de Entroido. Esta parroquia, ademais de ser coñecida polas súas fermosas praias, tamén é coñecida na provincia de Pontevedra polo seu Entroido, no que no ano 2019 participaron máis de 6.000 persoas. Un dos principais obxectivos que busca esta tradición é xuntar as sete aldeas da parroquia: Vilariño, O Igrexario, Pinténs, Vilanova, Liméns, Nerga e Donón.
Manuel Fraga Iribarne, nado en Vilalba o 23 de novembro de 1922 e finado en Madrid o 15 de xaneiro de 2012, foi un político galego. Foi profesor catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, doctor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas. Durante o franquismo ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido.
San Salvador de Prado é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Covelo na comarca da Paradanta. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 157 habitantes (90 mulleres e 67 homes), distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 172 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 98 habitantes, sendo 50 homes e 48 mulleres.
James Ussher, James Usher ou, simplemente Ussher (latinizado como Jacobus Usserius), nado en Dublín o 4 de xaneiro de 1581 e finado na mesma cidade o 21 de marzo de 1656, foi arcebispo anglicano de Armagh e primado de Irlanda entre 1625 e 1656. Teólogo prolífico, é especialmente famoso por publicar unha cronoloxía, en 1658, no libro The Annals of the World (Os anais do mundo), tradución ao inglés doutro que publicara en latín tres anos antes, onde se precisa, con exactitude asombrosa, a idade exacta da Terra, situando a Creación no ano 4004 antes de Cristo.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Turquía (turco: Türkiye, ˈtyɾcije) —de forma oficial República de Turquía (turco: Türkiye Cumhuriyeti, (Türkiye Cumhuriyeti)— é un país soberano intercontinental, coa maior parte do seu territorio situado na Asia Occidental (95 % do seu territorio) e unha menor na Europa meridional (5 % do seu territorio), que se estende por toda a península de Anatolia (a península de Anatolia atópase entre o mar Negro e o mar Mediterráneo e forma o «corazón» do país) e Tracia Oriental na zona dos Balcáns. Linda ó nordeste con Armenia, ó norte co mar Negro, ó oeste con Grecia, o mar Exeo e Bulgaria, ó sueste con Irán, e ó sur con Iraq, Siria e o mar Mediterráneo, ó leste con Xeorxia e Acerbaixán. O mar de Mármara, e os estreitos turcos do Bósforo é o Dardanelos, separan Europa de Asia, polo que Turquía está considerado un país transcontinental.O seu territorio foi o fogar de varias grandes civilizacións: hititas, urartu, cimerios, asirios, persas, grecos, romanos, bizantinos, selxúcidas, otománs e lugar de moitas batallas entre esas civilizacións ao longo da historia.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O cine de animación é aquel no que se usan maioritariamente técnicas de animación. O cine de imaxe real rexistra imaxes reais en movemento continuo, descompoñéndoas nun número discreto de imaxes por segundo. No cine de animación non existe movemento real que rexistrar, senón que se producen as imaxes individualmente e unha por unha (mediante debuxos, modelos, obxectos e outras múltiples técnicas), de xeito que ao proxectarse consecutivamente se produza a ilusión de movemento.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Berserk (ベルセルク, Beruseruku) é unha serie manga de fantasía escura escrita e ilustrada por Kentaro Miura (1966-2021). Ambientada na Europa medieval e nun mundo de fantasía, a historia céntrase nas personaxes de Guts, un mercenario solitario, e Griffith, o líder da "Banda dos Falcóns". Temas como a soidade, a camaradería e a dicotomía do ben e o mal prevalecen na historia, e explora o mellor e o peor da natureza humana.
San Pedro de Vilalonga é unha parroquia que se localiza no concello de Sanxenxo. Segundo o IGE, en 2016 tiña 2.261 habitantes (1.140 mulleres e 1.121 homes), o que representa un leve descenso respecto ó ano 2011, cando tiña 2.312 habitantes, e ó ano 2000, cando tiña 2.287. Na división territorial eclesiástica, a parroquia de San Pedro de Vilalonga comprende tamén a extinguida parroquia de San Tomé de Gondar.
Vilariño das Poldras, Couso de Limia, Sandiás
Vilariño das Poldras é un lugar e pedanía do concello de Sandiás, na parroquia de Couso de Limia. Nel atópase o pazo do Penedo do século XVI, que sufriu posteriores ampliacións e reformas no século XVIII. Neste lugar atopáronse no ano 1995 tres miliarios (Milla LXVII) da Vía Nova ou Vía XVIII que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga) estando o de maior tamaño dedicado ó Emperador Maximino e ó seu fillo Máximo (235-238 d.C.). Neste lugar celébrase a Romaría do San Mateo, famosa pola súa feira de cabalos e polas pavías, os días 20 e 21 de setembro.
Albert Einstein, ( [ˈalbɐt ˈaɪnʃtaɪn] ) nado en Ulm o 14 de marzo de 1879 e finado en Princeton (Estados Unidos) o 18 de abril de 1955, foi un físico e matemático alemán de nacemento recoñecido internacionalmente por propor a teoría da relatividade, un dos piares da física moderna xunto a mecánica cuántica. A obra de Einstein resultou tamén de grande influencia na filosofía da ciencia. Einstein é coñecido na cultura popular pola súa fórmula da equivalencia masa-enerxía E = mc2, alcumada "a fórmula máis famosa do mundo".Nos comezos da súa carreira científica, Einstein considerou que a mecánica de Newton non era suficiente para reconciliar as leis da mecánica clásica coas leis do campo electromagnético.