Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
Unha marisma salina, marisma salgada ou marisma de marea é un ecosistema marino na zona intermareal superior costeira entre a terra e as augas salgadas abertas ou augas salobres, que queda regularmente asolagada pola subida da marea. Está dominada por densos conxuntos de plantas tolerantes ao sal como moitas plantas herbáceas, herbas ou arbustos baixos. Estas plantas son de orixe terrestre e son esenciais para a estabilidade das marismas salinas para atrapar e pegar os sedimentos.
Os Xogos Curruncheiros é un evento festivo celebrado en Sada con xogos populares, xincanas, concursos de castelos de area, artísticos ou gastronómicos. Celébranse desde 2014 e adoitan ter lugar o sábado após a fin das festas de Sada, normalmente a cuarta fin de semana de agosto, e lévanse a cabo na zona do Curruncho, na praia das Delicias.
A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.
Unha primavera para Aldara é unha obra de teatro de Teresa Moure. A peza é un drama histórico ambientada nun mosteiro galego na segunda metade do século XV, no marco da Gran Guerra Irmandiña. Acadou o Premio Rafael Dieste e o Premio da AELG en 2008, e o Premio María Casares ó mellor texto orixinal en 2009.
O Liceo de la Juventud foi unha organización cultural creada en Santiago de Compostela en 1847 por Antonio Neira de Mosquera, Leopoldo Martínez Padín e Alberto Camino, como lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. O obxectivo desta sociedade era instruír por medio da literatura e das Belas Artes.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que so se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 194.832 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Gala Martínez-Murguía de Castro, máis coñecida como Gala Murguía, nada en Lestrobe (Dodro) o 2 de xullo de 1871 e finada na Coruña o 18 de xaneiro de 1964, foi a filla máis lonxeva de Rosalía e Murguía e tivo un papel importante na apertura da Casa Museo Rosalía de Castro, xa que foi clave na reconstrución da vida familiar na Casa da Matanza.
Amancio Amaro Varela, coñecido simplemente como Amancio e alcumado o Bruxo, nado na Coruña o 16 de outubro de 1939 e finado en Madrid o 21 de febreiro de 2023, foi un exfutbolista e exadestrador de fútbol galego. Centrocampista histórico do Deportivo da Coruña e do Real Madrid, xogou 579 partidos entre os dous conxuntos e marcou 223 goles, 21 deles na Copa de Europa. Ocupa na actualidade o 10º posto na táboa de máximos goleadores da historia do Deportivo, e o 11º do Real Madrid.
A teoría cuántica de campos (QFT, polo inglés Quantum Field Theory) é unha teoría que aplica as regras cuánticas ós campos continuos da Física, por exemplo o campo electromagnético, así como ás interaccións entre estes e o resto da materia. Proporciona así un marco teórico usado moito en física de partículas e física da materia condensada. En particular, a teoría cuántica do campo electromagnético, coñecida como electrodinámica cuántica, foi o primeiro exemplo de teoría cuántica de campos que se estudou e é a teoría probada experimentalmente con maior precisión da física.
Pi ou π é unha constante matemática cuxo valor é a razón aritmética de calquera circunferencia dun círculo co seu diámetro; este é o mesmo valor có da razón da área dun círculo co cadrado do seu raio. É aproximadamente igual a 3,14159 na notación decimal habitual. π é unha das constantes matemáticas e físicas máis importantes: moitas fórmulas das matemáticas, ciencias e enxeñaría están moi relacionadas con π.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Cantares gallegos é un libro de poesía de Rosalía de Castro publicado no ano 1863 en Vigo, na imprenta de Juan Compañel. Resulta o único libro do que Rosalía viu unha segunda edición en vida. Está adicado á escritora Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), "...por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país".
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Os biosbardos é un conxunto de relatos escritos por Eduardo Blanco-Amor publicado en 1962. Son relatos en primeira persoa cun protagonista e narrador infantil distinto en cada conto ambientados nunha cidade, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal.O número de relatos cambiou coas diferentes edicións, sendo sete na primeira, oito na segunda e sete nas seguintes. Dous dos oito contos deste libro teñen como argumento o biosbardo, "Os biosbardos" e "Bartomeu e os biosbardos", e son os que lle dan o seu nome ó título do libro.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Os xiros idiomáticos son expresións propias dunha lingua cun significado unitario que non pode deducirse do significado das palabras que os forman e que carece de tradución literal noutra lingua. Tamén podemos denominalos locucións ou mesmo frases feitas, as cales na actualidade son interferidas continuamente pola lingua castelá, sobre todo nas xeracións máis novas, nas cidades e mesmo nos medios de comunicación. A seguinte lista contén unha serie de xiros idiomáticos e ditos propios da lingua galega.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
Timothy William Burton, nado en Burbank (California) o 25 de agosto de 1958, é un director e produtor de cinema, guionista e artista estadounidense. É coñecido polos seus filmes de fantasía gótica e de terror, como Beetlejuice (1988), Edward Scissorhands (1990), The Nightmare Before Christmas (1993), Ed Wood (1994), Sleepy Hollow (1999), A noiva cadáver (2005), Sweeney Todd, o barbeiro diabólico de Fleet Street (2007) e Frankenweenie (2012), mais Burton tamén dirixiu filmes de superheroes como Batman (1989) e Batman volve (1992), o filme de ciencia ficción Planet of the Apes (2001), o drama Big Fish (2003), o musical Charlie e a fábrica de chocolate (2005), e os filmes de fantasía Alice in Wonderland (2010) e Miss Peregrine's Home for Peculiar Children (2016). Burton traballou de forma habitual co actor Johnny Depp e co compositor Danny Elfman, quen compuxo a banda sonora de tódolos seus filmes agás tres.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A batalla de Luchana (Lutxana en éuscaro) acaeceu en Bilbao e arredores o 23 e 24 de decembro de 1836, na zona limítrofe do actual concello de Bilbao co de Erandio, tras uns prolegómenos que se prepararon durante todo o mes. Foi unha das batallas máis decisivas da Primeira guerra carlista pois puxo remata ao segundo asedio de Bilbao Forma parte da Primeira guerra carlista e, polo tanto, os bandos belixerantes eran os seguidores do carlismo, que defendían os dereitos á coroa de Carlos María Isidro de Borbón e os liberais (tamén chamados cristinos ou isabelinos) que apoiaban os dereitos da futura Isabel II, que aínda menor de idade, tiña como rexente á súa nai María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias (muller do defunto Fernando VII).
O denominado Pemento de Padrón ou de Herbón é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) categorizada como Indicación Xeográfica Protexida con denominación de orixe, orixinaria do concello coruñés de Padrón. O nome de Herbón vén do topónimo da parroquia padronense onde esta variedade foi introducida polos monxes franciscanos, procedente das Américas. Trátase dun pemento de pequenas dimensións que ten, como particularidade gastronómica, ademais do seu intenso sabor, o feito de que algúns exemplares resulten particularmente picantes (aproximadamente entre un 10% -ou menos, como se explica embaixo- e un 25 %).
Moeda de 20 francos Monte Saint-Michel
A moeda de 20 francos Monte Saint-Michel é unha moeda co valor facial de 20 francos franceses emitida entre 1992 e 2001, caracterizada por amosar no seu anverso unha imaxe do Monte Saint-Michel, en Normandía.Para o motivo do anverso tomouse como modelo un deseño de Jean Luc Maréchal, que posteriormente foi gravado por Jean-Pierre Réthoré, do taller de gravado da Monnaie de Paris.
Febreiro na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de febreiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Incluímos tamén as mencións ó entroido, por coincidir -habitualmente- con este mes.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Os carbohidratos, tamén denominados glícidos, sacáridos ou, antes, hidratos de carbono, son compostos químicos orgánicos que conteñen xeralmente osíxeno, hidróxeno e carbono. A súa función é nutritiva e fundamentalmente enerxética, pero tamén estrutural. A súa fórmula química é Cn(H2O)n ou derivadas dela, variando o valor de n desde 3 ata miles de átomos de carbono.
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
Follas novas é un poemario en lingua galega de Rosalía de Castro, publicado por vez primeira en 1880, editado por La Propaganda Literaria de Alejandro Chao na Habana, Cuba, e impreso en Madrid, con prólogo de Emilio Castelar.Rosalía concibiu nun comezo este poemario como unha continuación de Cantares gallegos: O 50% dos poemas de Follas novas teñen afinidade co texto publicado en 1863,[Cómpre referencia] mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Estamos, xa que logo, ante unha poética que afonda nos sentimentos, na saudade e que ten frecuentemente, por horizonte, a fronteira do propio ser: En todo estás e ti es todo pra min e en min mesma moras, nin me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras.
Cúpula de Santa María del Fiore
A cúpula de Santa María do Fiore ou cúpula de Santa María da Flor, tamén coñecida como cúpula de Brunelleschi ou cúpula do Duomo de Florencia, constitúe a cuberta do cruceiro da catedral de Santa María del Fiore de Florencia. Foi a cúpula máis grande do mundo trala caída do Imperio romano e considérase aínda a maior xamais realizada en albanelaría. Foi ideada, proxectada e construída por Filippo Brunelleschi, quen iniciou con esta obra o Renacemento italiano e florentino en arquitectura. Está considerada como a construción máis importante edificada en Europa desde a época romana, debido á relevancia fundamental que desempeñou para o desenvolvemento posterior da arquitectura e da concepción moderna da construción. A cúpula ten unha forma apuntada e está formada por oito caras ou panos apuntados, cubertos con tella de barro vermello e bordeados por oito nervios de pedra branca.
XVIII edición dos Premios Goya
A 18ª Cerimonia de entrega dos Premios Goya tivo lugar no Palacio Municipal de Congresos do Campo das Nacións en Madrid o día 31 de xaneiro de 2004. Nesta edición, a AVT convocou unha manifestación fronte á gala debido a que entre as nomeadas estaba a longametraxe documental de Julio Medem La pelota vasca, la piel contra la piedra, debido a que segundo eles equiparaba ás vítimas cos asasinos. Por iso pedían o apoio dos asistentes, ós que solicitaban portar un adhesivo co slogan "Non a ETA".