Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Llanito ou Yanito é unha variedade do castelán andaluz falada polos habitantes de Xibraltar. Consiste principalmente nunha mestura do inglés e o castelán comparable co spanglish, que mestura o inglés británico e o dialecto andaluz. O llanito tamén ten máis de 500 termos léxicos procedentes do xenovés, o hebreo, o árabe, o portugués e o maltés.
Den skyldige é un filme dinamarqués de 2018 co-escrito e dirixido por Gustav Möller. Estreouse na sección de Cinema Dramático Mundial no Festival de Cinema de Sundance de 2018. Foi escollido como candidato de Dinamarca para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 91ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado, chegando a clasificarse na lista curta de decembro.
Wayne Douglas Gretzky, nado en Brantford, Ontario, o 26 de xaneiro de 1961 é un xogador e adestrador de hóckey sobre xeo canadense retirado. Xogo vinte temporadas na National Hockey League (NHL) con catro equipos entre 1979 e 1999. Alcumado "The Great One" ("O Grande"), foi chamado "o mellor xogador de hóckey da historia" por moitos xornalistas, xogadores e a propia NHL. Gretzky é o máximo anotador da NHL, con máis goles e asistencias que ningún outro xogador.
Unha linguaxe de programación é unha linguaxe informática consistente nun conxunto de instrucións nun código concreto que ten como obxectivo facilitar a comunicación entre o programador e o sistema informático, permitindo que os primeiros poidan comunicarse cos segundos que empregan o código máquina (unha combinación de 0 e 1) mediante un sistema semellante á linguaxe humana. Deste xeito, posibilítase que os humanos poidan expresar dunha forma precisa algoritmos para estes seren executados polos ordenadores, sen ter que compor manualmente as instrucións de baixo nivel nunha linguaxe de máquina. Estas linguaxes artificiais non permiten unha liberdade de expresión tan ampla como as naturais.
Volt, ou menos recomendable voltio, é a unidade do SI da tensión eléctrica, derivada a partir do ampere e mais do watt. O seu nome vénlle polo físico italiano Alessandro Volta, e o seu símbolo é V. Volt, no sistema métrico decimal, é unha unidade de medida de diferenza de potencial eléctrico. Un volt é igual á diferenza de potencial existente entre dúas secións transversais dun condutor percorrido por unha corrente eléctrica variable de 1 A, cando a potencia disipada entre as dúas seccións é igual a 1 watt.
O mar Caspio é un mar interior que ocupa a parte máis fonda dunha depresión entre Asia e Europa, a depresión cáspica, que fai parte da gran depresión aralo-cáspica. É a masa de auga interior (Conca endorreica) maior do mundo, cunha superficie de 371.000 km² (sen incluír o lago de Kara Bogaz Gol) e un volume de 78.200 km³ con características comúns tanto cos mares como cos lagos. A miúdo é considerado o lago maior do mundo, aínda que non é de auga doce senón salgada.
Gauvain ou Galván, sobriño do Rei Artur e cabaleiro da Mesa Redonda, é un personaxe das obras literarias da Materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O personaxe é moitas veces designado como Gawain, variante máis común nos países anglo-saxóns, aí normalmente precedida polo título Sir. Nas versións medievais galego-portuguesas das historias artúricas, era común traducir o nome da personaxe como Galvão ou Gualvam e precedelo polo título Don.
A hepatite C é unha doenza infecciosa que afecta principalmente ao fígado, e é causada polo virus da hepatite C (VHC). A infección en fase aguda adoita ser, polo xeral, asintomática. Porén, na meirande parte dos casos a doenza tórnase crónica, podendo producir lesións no fígado e, co tempo, evolucionar a cirrose e hepatocarcinoma.
Vincent Willem van Gogh (en neerlandés Vincent van Gogh [ˈvɪnsɛnt fɑn'xɔx]), nado en Zundert o 30 de marzo de 1853 e finado en Auvers-sur-Oise o 29 de xullo de 1890, foi un pintor neerlandés e figura destacada do postimpresionismo. Pintou uns 900 cadros (deles 27 autorretratos e 148 acuarelas) e 1.600 debuxos. A figura central na súa vida foi o seu irmán máis novo Theo, quen lle prestou apoio financeiro continua e desinteresadamente.
International Standard Name Identifier
O International Standard Name Identifier ou ISNI é unha base de datos que xestiona un método para identificar de forma unívoca as persoas que colaboran con contidos nos medios de comunicación, como libros, programas de televisión, artigos de xornais ou revistas, etc. Este identificador consiste en dezaseis cifras divididas en cadanseu bloque de catro. Exemplo: o número ISNI de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é 0000 0001 0856 5397.
Imprimatur ("Que se imprima", en latín) é unha aprobación por parte da xerarquía da Igrexa católica segundo a cal unha obra literaria ou semellante está libre de erros en materia de doutrina e moral e é polo tanto aceptábel para ser impresa e lida polos católicos. O imprimatur é de maior importancia nas obras que tratan da teoloxía e doutrina católicas e introduciuse como medida para reducir a exposición, especialmente dos leigos, á herexía. A presenza do imprimatur foi en tempos un asunto da maior preocupación para moitos católicos.
Ernst Cassirer, nado en Breslau o 28 de xullo de 1874 e finado en Nova York o 13 de abril de 1945, foi un filósofo de orixe prusiana, cidadán sueco dende 1939. Exerceu a docencia na Universidade de Hamburgo. Aliñado na dirección neokantiana da escola de Marburgo, tratou os problemas gnoseolóxicos e epistemolóxicos no sentido do idealismo crítico.Foi coñecido pola súa obra Filosofía das formas simbólicas do campo da filosofía da cultura.
Floruit (a miúdo abreviado fl. ou flor.) é unha voz proveniente do latín, a terceira persoa de singular do pretérito de indicativo do verbo florere 'florecer, prosperar'. Emprégase para facer referencia a un período de tempo durante o cal unha persoa se atopaba nunha etapa florecente, unha escola, un movemento ou mesmo unha especie biolóxica, e úsase cando non se coñece con seguridade nin a data de inicio (nacemento, formación, creación etc.) nin a data de finalización (morte, ruptura, destrución etc.), só algúns fitos que amosan a actividade de tal persoa, escola, movemento ou especie.
A preposición é a clase de palabra invariable que introduce o chamado sintagma preposicional. Constitúe un nexo en tanto que liga palabras, sintagmas e ata oracións, pero subordina unha destas unidades (o elemento rexido) á anterior (elemento rexente), da cal depende a través da preposición. Preceden necesariamente a un sintagma nominal.
O Comité Olímpico Neozelandés (en inglés: New Zealand Olympic Committee; e antes de 1994, New Zealand Olympic and Commonwealth Games Association) é a asociación nacional dos Xogos da Commonwealth de Nova Zelandia, responsable de escoller e organizar os equipos de deportistas que representan a Nova Zelandia nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno, así como nos Xogos da Commonwealth.
Un concurso de televisión (en inglés: Game show) é un xénero de programa de televisión onde persoas comúns ou celebridades, en equipos ou non, participan nunha proba que pode incluír probas de intelixencias ou probas físicas co obxectivo de gañar puntos ou premios. En caso de competicións premiadas, entre os premios comúns adoitan estar contías de diñeiro, casas, coches, viaxes ou vales de compras, xeralmente por empresas patrocinadoras. Moitos dos concursos de televisión son adaptacións de programas transmitidos pola radio.Non se consideran concursos os programas que teñen como obxectivo revelar cantantes, pois traen na súa esencia unha disputa de talentos avaliados polo público ou por xurados, e non un xogo con regras exactas como propón o concurso.
O grafeno é unha substancia formada por carbono puro, con átomos dispostos nun patrón regular hexagonal similar ó grafito, pero nunha folla dun átomo de espesor. É moi lixeiro, unha lámina de 1 metro cadrado pesa tan só 0,77 miligramos. O grafeno é un alótropo do carbono, un teselado hexagonal plano (como panal de abella) formado por átomos de carbono e ligazóns covalentes que se xeran a partir da superposición dos híbridos sp2 dos carbonos enlazados.
Unha deidade é un ser natural ou sobrenatural considerado divino ou sacro. O Dicionario de Oxford de inglés define deidade como "un deus ou deusa (nunha relixión politeísta)", ou calquera cousa venerada como divina. C. Scott Littleton define unha deidade como "un ser con poderes meirandes que aqueles de humanos normais, mais que interactúa con humanos, positivamente ou negativamente, en formas que levan os humanos a niveis novos de consciencia máis aló das súas preocupacións da vida normal".
Os estudios de gravación Abbey Road Studios (chamados EMI Studios ata 1970) están situados na rúa londiniense de Abbey Road. O grupo The Beatles gravou case a totalidade da súa discografía neles e para a portada do álbum Abbey Road decidiron tomar unha fotografía da agrupación mentres cruzaba o paso de peóns situado diante dos estudios. Esta imaxe foi e segue a ser unha das imaxes máis emblemáticas de portadas de álbums.
International Standard Musical Work Code
O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.
Sherlock Holmes Baffled (literalmente, Sherlock Holmes perplexo) é unha curtametraxe estadounidense de cine mudo en branco e negro dirixido por Arthur Marvin en 1900 e estreada oficialmente en 1903. É a primeira adaptación cinematográfica coñecida do detective Sherlock Holmes, creado polo escritor británico Arthur Conan Doyle. A inclusión da personaxe de Holmes fai que a obra sexa tamén o primeio filme de misterio coñecido.
O Art & Architecture Thesaurus (AAT) é un vocabulario controlado empregado na descrición de elementos de arte, arquitectura e cultura material. O AAT contén termos xenéricos, como "catedral," mais non nomes propios, como "Catedral de Notre Dame". O AAT é empregado por, entre outros, museos, bibliotecas de arte, arquivos, catalogadores, e investigadores da arte e historia da arte.
FilmAffinity é un sitio web dedicado ao cinema, creado en 2002 polo crítico Pablo Kurt e o programador informático Daniel Nicolás. Tamén conta cunha versión en inglés. A edición americana de PC Magazine (abril de 2004) incluíu FilmAffinity entre as cen mellores webs por descubrir do mundo; cualificouno como a mellor web na categoría de entretemento.
Tomorrowland é un festival de música electrónica celebrado anualmente en Boom (Bélxica). Está organizado por ID&T e calcúlase que cada ano acoden a el máis de 400.000 persoas.A primeira edición do festival celebrouse o 14 de agosto de 2005. Actualmente, Tomorrowland é un dos festivais de música máis importantes do mundo.
O hebreo ou hebraico (en hebreo: עִבְרִית ʿIvrit) é unha lingua semítica da familia lingüística afroasiática. Historicamente, é a lingua dos israelitas e dos seus antergos, malia que a lingua non aparece co nome de hebreo no Tanakh. No Tanakh (Biblia xudía), a lingua é chamada "yehudit" (a lingua de Xudá) ou "səpaṯ kəna‘an" (a lingua de Canaan).
De facto é unha locución latina que significa "de feito" e que se utiliza sobre todo por cuestións legais para referirse a aquelas materias ou situacións que aínda que non están no dereito ou na lei están admitidas na práctica. Contrasta coa locución de iure, que se utiliza cando si está oficializada pola lei ou o dereito.
Jean-François Champollion, coñecido como Champollion o mozo, nado en Figeac (departamento de Lot) o 23 de decembro de 1790 e finado en París o 4 de marzo de 1832, foi un exiptólogo francés, considerado o pai da exiptoloxía por conseguir descifrar os xeroglíficos. Dicía de si mesmo: «Son adicto a Exipto, Exipto éo todo para min».
Nunha clasificación dentro do concepto xurídico de persoa, xunto ás persoas físicas existen tamén as persoas xurídicas. Son entidades ás que o dereito atribúe e recoñece unha personalidade xurídica propia e, en consecuencia, capacidade para actuar como suxeitos de dereito para a realización de determinadas fins colectivas: capacidade para adquirir e posuír bens de tódalas clases, para contraer obrigacións e exercitar accións xudiciais.
A música soul é unha fusión de gospel e rhythm and blues aparecida nos anos cincuenta. Polo que parece todo comezou un día de 1954 en que Ray Charles e a súa banda ían nun autobús e comezaron a cantar unha letra profana sobre unha canción gospel que soaba na radio, gustoulles como quedaba e naceu "I Got a Woman" a primeira canción soul. O estilo axiña se converteu no máis popular entre a xuventude negra.
A industria é un proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados. Por extensión, conxunto de instalacións nas que se realizan ditas transformacións. Se ben a actividade industrial así definida pode facerse extensiva ó que comunmente se denomina artesanía, a diferenza fundamental entre ambas estriba principalmente en que mentres o artesán realiza por si mesmo todas as operacións necesarias para obter o produto final, a industria caracterízase pola súa especialización, de modo que as diferentes etapas do proceso son realizadas por diferentes traballadores, ou incluso empresas.
Windows 10 é o último sistema operativo desenvolvido por Microsoft como parte da familia de sistemas operativos Windows NT. Foi dado a coñecer oficialmente en setembro de 2014, seguido por unha breve presentación de demostración no Build 2014. Entrou en fase beta de proba en outubro de 2014 e foi lanzado ao público en xeral o 29 de xullo de 2015. Para animar á súa adopción, Microsoft anunciou a súa dispoñibilidade gratuíta por un ano desde a súa data de lanzamento para os usuarios que conten con copias xenuínas de Windows 7 Service Pack 1 ou Windows 8.1 Update.
U2 [juː tuː] é unha banda musical irlandesa liderada polo dublinés Bono (cantante) e The Edge (guitarra). Vén sendo unha das bandas de rock máis populares dende mediados dos anos 80, e son coñecidos tamén polas súas campañas humanitarias. Entre os seus discos máis destacados están The Joshua Tree (1987) e Achtung Baby (1991).
Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa
O Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa, máis coñecido como Te Papa, é un museo nacional de Nova Zelandia que se atopa na cidade de Wellington. Trátase dun museo que mantén unha proposta de integración e traballo multidisciplinar.
Mestrado en administración de negocios
Un mestrado en administración de negocios, máster en administración de negocios, abreviado MBA (Master of Business Administrations en inglés), é un título académico de mestrado, e polo tanto de posgrao, en negocios.
Günter Behnisch, nado en Lockwitz o 12 de xuño de 1922 e finado en Stuttgart o 12 de xullo de 2010 foi un arquitecto alemán. Durante a segunda guerra mundial converteuse nun dos máis novos comandantes alemáns de submarino. Posteriormente converteuse nun dos máis destacados arquitectos, representante do deconstrutivismo.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O presidio perpetuo ou cadea perpetua é unha pena privativa de liberdade de carácter indefinido, que normalmente se impón como condena perante un delito grave, e que pode implicar a privación de liberdade para sempre. Na maioría de xurisdicións nas que non se contempla a pena capital, a cadea perpetua (en especial sen posibilidade de liberdade condicional) constitúe o castigo máis severo que pode recibir un criminal. Nalgúns países, a cadea perpetua considérase unha alternativa á pena capital por crimes maiores.
O Museo Raíña Sofía, oficialmente Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (en castelán: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, MNCARS), é o principal museo español de arte do século XX e contemporánea, situado en Madrid. Inaugurouse o 10 de setembro de 1992, a partir dos procedentes do extinto Museo Español de Arte Contemporánea. É un organismo autónomo dependente do Ministerio de Cultura.
O cortisol (ou hidrocortisona) é unha hormona esteroide do grupo dos glicocorticoides, producida na glándula adrenal. Libérase en resposta ao estrés e a baixos niveis sanguíneos de glicocorticoides. As súas funcións principais son incrementar os niveis de azucre en sangue estimulando a glicoxenólise; suprime o sistema inmunitario; e intervén no metabolismo das graxas, proteínas e carbohidratos.
Universo cinematográfico de Marvel
O Universo cinematográfico de Marvel (inglés: Marvel Cinematic Universe, a miúdo abreviado MCU) é unha franquía de medios e un universo compartido, centrada nunha serie de filmes de superheroes producidos independentemente por Marvel Studios e baseados nos personaxes que aparecen nas publicacións de Marvel Comics. Marvel, nos seus inicios non tiña un estudo propio e colaboraba con outras axencias que quixesen levar a cabo os seus proxectos, como por exemplo a realizada en 1978 por Philip DeGuere, Dr. Strange.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008. Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
NTSC (National Television System Committee) é o sistema de televisión analóxica usado nos Estados Unidos e que se estendeu ao resto de Norteamérica, Centroamérica e as Antillas, a maioría dos países de Suramérica, Birmania, Corea do Sur, Taiwán, Xapón, Filipinas e algúns países de Oceanía. Do NTSC derivouse o sistema PAL que utilizan ou utilizaron a maioría dos países.
Institución politicamente independente que representa e defende os intereses da Unión Europea no seu conxunto, propón a lexislación, políticas e programas de acción e é responsable de aplicar as decisións do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea. A Comisión actúa seguindo o método dun gabinete do goberno, con 28 comisarios. Hai un Comisario por cada Estado membro, con todo os comisarios están obrigados a representar os intereses da UE no seu conxunto en lugar do seu Estado de orixe.
A Night at the Opera (en galego: "Unha noite na ópera") é o cuarto álbum de estudio da banda británica de rock Queen, lanzado o 21 de novembro de 1975 en Europa e o 2 de decembro en América. Con este álbum, Queen adoptou unha sonoridade diferente comparada cos seus discos anteriores, facendo moito uso dun piano e de moitos outros instrumentos nunca utilizados polo grupo ata entón. Cancións como You're My Best Friend" e Bohemian Rhapsody conseguiron un éxito moi salientable e foron executadas en todos os concertos do grupo desde ese momento.
A lingua grega (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, e en grego antigo: Ἑλληνική, hellēnikḗ) é unha lingua indoeuropea pertencente á póla helénica orixinaria de Grecia, Chipre, Albania, outras partes do leste do mar Mediterráneo e o mar Negro. Ten a historia documentada máis longa de calquera lingua indoeuropea, a cal abrangue 3 400 anos de rexistro escrito. O seu sistema de escrita é o alfabeto grego, que foi usado durante 2 000 anos; anteriormente, utilizou sistemas de escrita como o lineal B e o silabario chipriota.
Museo de Belas Artes de Boston
O Museo de Belas Artes de Boston (en inglés, Museum of Fine Arts, Boston, MFA) é un dos museos máis grandes dos Estados Unidos e contén a segunda colección permanente máis grande no hemisferio occidental, trala do Museo Metropolitano de Arte en Nova York. O director actual do museo é Malcolm Rogers. Foi creado no ano 1870 e inaugurouse en 1876, cunha gran parte das súas coleccións tomada da galería de arte do Ateneo de Boston.
Sutorenjia Mukōhadan (ストレンヂア 無皇刃譚, Stranja Mukōhadan) é un filme xaponés dirixido por Masahiro Andō que foi estreado no 2007. O filme conta a historia de Kotaro, un cativo que é perseguido por un grupo de espadachíns da Dinastía Ming por razóns misteriosas. Entre eles hai un bravo loitador occidental chamado Luo-Lang, cuxo único desexo é atopar un rival do seu talle.
Marco Licinio Craso, en latín Marcus Licinius Crassus, (112 a.C. 53 a.C.) foi, na súa época, un dos homes máis ricos de Roma e recibiu por iso o cognome de Dives. Foi cónsul por dúas veces, no 70 e no 55 a.C., ambas xunto a Pompeio. Aínda así, a súa influencia no mundo político era limitada polo feito de ser un home ligado ao mundo dos negocios, o que non era considerado propio para un senador.
Un concerto é unha actuación musical na «que se executan composicións soltas». No eido da música clásica occidental tamén é a forma musical na que os materiais melódicos, rítmicos e harmónicos se combinan nunha composición, determinando así a calidade sonora global dunha peza. Designa a forma de relacionarse as diversas voces que interveñen nunha peza musical, entendendo como voces diversas liñas melódicas simultáneas, sexan vocais ou instrumentais.
A Gran Barreira de Coral (en inglés Great Barrier Reef) é o máis grande arrecife coralino do mundo composto por máis de 2.900 arrecifes individuais (sen incluír os arrecifes do estreito de Torres, que se calculan en 750 nunha área de 37.000 km2), e 900 illas nunha franxa de máis de 3.000 quilómetros sobre unha área de aproximadamente 348.000 km2. O arrecife está situado no mar do Coral, ao longo da costa do estado de Queensland no nordés de Australia. A Gran Barreira de Coral pódese ver desde o espazo exterior e é a estrutura máis grande do mundo feita por organismos vivos.
Radiohead é unha banda de rock alternativo procedente de Abingdon, Oxfordshire, Reino Unido formada en 1985. A banda está constituída por Thom Yorke (voces, guitarra rítmica, piano), Jonny Greenwood (guitarra principal, teclados e outros), Ed O'Brien (guitarra, coros), Colin Greenwood (baixo, sintetizador) e Phil Selway (batería, percusión). Con influencias de diversos xéneros, o enfoque experimental ao rock de Radiohead foi recoñecido por promover o son do rock alternativo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O aeroporto de Manchester (IATA: MAN, ICAO: EGCC) é un aeroporto internacional inglés en Ringway, situado a 13,9 km ao sueste do centro da cidade de Manchester. No ano 2016 foi o terceiro aeroporto máis concorrido do Reino Unido en número de pasaxeiros. As súas instalacións están formadas por tres terminais de pasaxeiros e unha de carga e é o único aeroporto británico xunto con Heathrow con dúas pistas de máis de 3 000 metros.
Orzamento ou presuposto é o cálculo por anticipado dos custos que implicaría unha determinada obra, servizo ou calquera outra actividade económica. A elaboración dun orzamento permita ás empresas, os gobernos, as organizacións privadas ou mesmo ás familias establecer prioridades e avaliar a consecución dos seus obxectivos. Para alcanzar estes fins, pode chegar a ser preciso incorrer en déficit, isto é, que os gastos superen aos ingresos, ou pola contra, ser posíbel aforrar, de xeito que o orzamento presentará un superávit (os ingresos son maiores que os gastos).
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Bárbaro é un exónimo pexorativo que procede do grego (βάρβαρος) e a súa tradución literal é "o que tatexa". Aínda que os gregos empregaban o termo para referirse a persoas estranxeiras, que non falaban o grego e cuxa lingua estranxeira soaba aos seus oídos como un tatexo incompresible ou onomatopea (bar-bar- semellante a bla-bla-), tamén existen escritos, como os de Isócrates, que amosan unha apertura deste pobo para concibir aos bárbaros non como "estranxeiros", senón como individuos que carecían de educación, independentemente do seu lugar de nacemento, primitivos ou salvaxes.Os romanos tomaron posteriormente a palabra e o seu significado para o trato cos pobos que invadiron o Imperio Romano. Os clásicos deron o nome de bárbaros a todos os estranxeiros das comarcas fronteirizas co Imperio, e cos que loitaron, aínda que se limita a consideración aos que, ocupando en Europa as comarcas ao norte do Imperio, invadiron este, apoderándose da súa parte occidental.
A hemoglobina fetal ou hemoglobina F (HbF ou α2γ2) é a principal proteína transportadora de oxíxeno do feto humano. A hemoglobina F encóntrase nos glóbulos vermellos fetais e está implicada no transporte de oxíxeno desde o torrente sanguíneo materno que chega á placenta aos tecidos do feto. Empeza a producirse arredor das 6 semanas de embarazo e os seus niveis permanecen altos no neno despois do nacemento ata que o meniño ten 2–4 meses de idade.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 195.822 .
A Meca (nome completo: Makkah al-Mukarramah; árabe: مكة المكرمة) é a capital da Provincia da Meca e a principal cidade da rexión do Hiyaz, na actual Arabia Saudita, e unha das máis importantes da península de Arabia. Atópase ao oeste da península e localizase nun estreito val, a 277 m sobre o nivel do mar; a uns a 80 km do mar Vermello e está considerada a cidade máis santa do islam e centro relixioso que os que profesan a fe musulmá, e son capaces, teñen a obriga de visitar polo menos unha vez na vida. A súa última poboación rexistrada foi de 1.578.722 habitantes en 2015.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.
Os estromatólitos (do grego στρῶμα strôma 'tapiz, tapete, cama', e λίθος líthos 'pedra'), son estruturas características dalgunhas rochas calcarias, formadas por capas concéntricas de carbonato cálcico e con disposicións ramificadas, ou en cintas, cilíndricas, columnares, hemisféricas, domais etc., que foron descritas por primeira vez no Precámbrico de Montana (EUA) e despois en diversas rexións do globo e en niveis xeolóxicos máis recentes, mesmo actuais, como as de Australia que se amosan na ilustración superior. O primeiro que as describiu, e que lles deu o seu nome foi, en 1908, o xeólogo alemán Ernst Kalkowsky. Son rochas de orixe orgánica, formadas, a maioría, por precipitación de carbonato cálcico (e dolomita) debido á acción de algas azuis (cianófitos ou cianobacterias)., en augas mariñas temperadas, tranquilas e pouco profundas.
Campionato de Galicia de Rally
O Campionato de Galicia de Rally é unha competición de rally sobre asfalto que organiza cada ano a Federación Galega de Automobilismo en Galicia, dende 1979. O campionato disputase en rallys de asfalto. O primeiro gañador foi Celestino Pardo a bordo dun Seat 124 e o último foi Víctor Senra cun Škoda Fabia R5.