Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Janica Kostelić, nada en Zagreb (Iugoslavia) o 5 de xaneiro de 1982, é unha ex esquiadora, catro veces campioa olímpica croata. Nas competicións da Copa do Mundo gañou trinta probas individuais, tres títulos xerais, tres títulos de slálom e catro títulos (non oficiais) de combinada. Os éxitos de Kostelić no esquí profesional levaron a algúns comentaristas, escritores e compañeiras a considerala unha das mellores esquiadoras da historia.
Javier Fernández López, nado en Madrid o 15 de abril de 1991, é un patinador artístico sobre xeo, dúas veces campión do mundo (2015 e 2016), sete veces consecutivas campión de Europa (2013, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018), bronce olímpico no 2018, tres veces medallista da Final do Grand Prix (2014–15, 2015–16 e 2011–12), e oito veces campión nacional de España. Foi o segundo patinador masculino en superar a barreira de 100 puntos no programa curto, a barreira dos 200 puntos no programa longo, e a barreira dos 300 puntos na puntuación total. A data de maio de 2017 posuía as segundas mellores puntuacións nos dous segmentos e a terceira máis alta na puntuación combinada.Fernández representou a España nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010, nos de 2014 como abanderado e nos de 2018.
Os manichos, tamén chamados xergos ou zurdos, son as persoas que asimilan tendencia natural ou utilizan preferentemente o lado esquerdo do seu corpo, situación observable nas súas extremidades. É un fenotipo minoritario da especie humana. As persoas que usan preferentemente a man dereita son destras, mentres que as que usan indistintamente as dúas mans ou pernas son ambidestras.
O Comité Olímpico Neozelandés (en inglés: New Zealand Olympic Committee; e antes de 1994, New Zealand Olympic and Commonwealth Games Association) é a asociación nacional dos Xogos da Commonwealth de Nova Zelandia, responsable de escoller e organizar os equipos de deportistas que representan a Nova Zelandia nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno, así como nos Xogos da Commonwealth.
A lingua santali (en ol chiki: ᱥᱟᱱᱛᱟᱲᱤ; en nagari: সাঁওতালি) é unha lingua da subfamilia munda das linguas austroasiáticas. Está relacionada coas linguas ho e mundari, e fálase nos estados indios de Jharkhand, Bengala Occidental e Chhattisgarh. É unha lingua rexional recoñecida na India na súa constitución.
A Wikipedia en sueco (en sueco: Svenskspråkiga Wikipedia) é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua sueca, a cal comezou o 23 de maio de 2001. É a terceira meirande Wikipedia en número de artigos, só por detrás da Wikipedia en inglés e da Wikipedia en cebuano, e ten unha profundidade de artigos de 11,91. A maioría dos artigos foron creados polo bot Lsjbot, ou por ferramentas de software.Esta versión da enciclopedia contén 2.562.245 artigos e 863.781 usuarios, dos cales 2.206 son activos.
Anthony Frank "Tony" Hawk, nado en Carlsbad (California) o 12 de maio de 1968, é un ex-skater e actor alcumado "The Birdman". Hawk é coñecido por ser o primeiro skater en conseguir un 900 e polos videoxogos baseados na súa imaxe, distribuídos por Activision. É considerado como un dos máis exitosos e influentes pioneiros do skate vertical.No 2002, creou o "Boom Boom HuckJam", unha exhibición de deportes extremos e comezou unha xira que saíu de Las Vegas.
Bjørn Erlend Dæhlie, nado en Elverum o 19 de xuño de 1967, é un esquiador de fondo retirado e empresario noruegués. Entre 1992 e 1999 gañou a Copa Mundial Nórdica en seis ocasións, finalizando en segundo posto en 1994 e 1998. Dæhlie gañou un total de 29 medallas olímpicos e eno Campionato Mundial entre 1991 e 1999, que o converten no esquiador de fondo máis laureado da historia.
Comité Nacional Olímpico e Deportivo Francés
O Comité Nacional Olímpico e Deportivo Francés (en francés: Comité national olympique et sportif français) é o Comité Olímpico Nacional de Francia. É o organismo responsables da participación de Francia nos Xogos Olímpicos, así de todos os territorios e departamentos ultramarinos de Francia, agás a Polinesia Francesa.
A rotoscopia é un método empregado na produción de animación para debuxar secuencias de imaxes. As escenas (na súa maioría gravadas individualmente) proxéctanse fotograma a fotograma desde atrás sobre un vidro esmerilado de tal forma que o animador pode copialas (por exemplo sobre papel cebola). O proceso de rotoscopia foi utilizado por primeira vez, e patentado, por Max Fleischer en 1914 para a serie de animación Out of the Inkwell, co obxectivo de conseguir un movemento convincente e realista nun tempo máis curto.
O Fútbol Club Barcelona (en catalán: Futbol Club Barcelona), coñecido popularmente como "Barça", é un club polideportivo catalán da cidade de Barcelona, fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce futbolistas afeccionados de Suíza, Cataluña e Gran Bretaña, comandados polo suízo Joan Gamper. O Barça non é unha sociedade anónima como son a maioría dos clubs deportivos profesionais, senón que a propiedade do club recae nos seus máis de 180.000 socios. Este número fai que o FC Barcelona sexa o segundo club con máis socios do mundo tralo SL Benfica portugués, seguido polo FC Bayern München alemán.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Criomicroscopia electrónica de transmisión
A criomicroscopia electrónica de transmisión, abreviada como cryo-TEM e, de forma máis xeral, cryo-EM, é unha forma de microscopia electrónica crioxénica na que se utiliza o microsocpio electrónico de transmisión, na que se estuda unha mostra a temperaturas crioxénicas (xeralmente temperaturas de nitróxeno líquido). Esta técnica de microscopia utilízase cada vez máis en bioloxía estrutural.A utilidade da criomicroscopia electrónica débese a que permite a observación de espécimes que non foron tinguidos ou fixados en absoluto, mostrándoos no seu ambiente nativo. Isto diferénciaa da cristalografía de raios X, na que cómpre cristalizar o espécime, o cal pode ser difícil, e situalo en ambientes non fisiolóxicos, o cal pode por veces orixinar cambios conformacionais non funcionais.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Os mortos van á présa (en castelán: Los muertos van deprisa) é un filme galego dirixido e escrito por Ángel de la Cruz que foi estreado o 13 de marzo de 2009. Conta cun equipo case integramente galego, a excepción da actriz Neus Asensi, unha das protagonistas. Foi rodada en Ribadeo (provincia de Lugo), onde tivo lugar a estrea.
A Union Internationale Amateur de Football Association (en galego: Unión Internacional Afeccionada de Fútbol Asociación, UIAFA) foi unha asociación internacional de federacións de fútbol nacionais fundada en 1909 co obxectivo de xestionar e desenvolver este deporte no mundo. Orixinalmente reuniu a federacións francesas, inglesas e bohemias, e encargouse da organización do Gran Torneo Europeo de 1911, unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais, celebrada 49 anos antes da Eurocopa 1960. O devandito campionato tivo lugar durante a Exposición Internacional do Norte de Francia en Roubaix, acadando a vitoria a selección de Bohemia.Aínda que se expandíu axiña a España, Suíza e Bélxica, a UIAFA foi perdendo influencia pouco a pouco ante o auxe da Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA), cesando a súa actividade en 1912.
O racismo é a crenza segundo a cal os grupos humanos posúen diferentes trazos de comportamento correspondentes a atributos herdados e poden dividirse en función da superioridade dunha raza sobre as outras. O racismo tamén implica prexuízos, discriminación ou antagonismo dirixido cara a outras persoas porque son dunha raza ou etnia diferente. As variantes modernas do racismo están baseadas moitas veces nas percepcións sociais das diferenzas biolóxicas entre os pobos.
Os bugallos ou bugallas, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos. A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre é a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos. En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores).
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2022, ano dedicado a Florencio Delgado, 62 autores (5 mulleres e 57 homes) foron homenaxeados nas 60 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 195.939 .
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Bruce Frederick Joseph Springsteen, nado en Long Branch (Nova Jersey) o 23 de setembro de 1949, é un cantante, compositor e guitarrista estadounidense, alcumado "The Boss" (en galego, "O Xefe"). É coñecido amplamente pola súa música rock vinculada a letras poéticas e a sentimentos tradicionais americanos e relacionados particularmente co seu Estado de orixe, Nova Jersey. As gravacións de Springsteen, ao longo de tres décadas, tenderon a alternar entre o rock e outros traballos orientados cara ao folk, e tamén cara ao chamado heartland rock.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O ferrado (tamén coñecida como tega nalgúns lugares) é unha medida galega, moi variábel dun lugar a outro. Dada a variedade existente, almanaques agrícolas como o ZZ, O Mintireiro Verdadeiro ou O Gaiteiro de Lugo adoitaban incluír unha equivalencia co sistema métrico decimal segundo as zonas xeográficas.
O dugongo, Dugong dugon (Müller, 1776) é unha especie de mamífero mariño da orde dos sirenios, a única actualmente viva da familia dos dugónxidos, e do xénero Dugong. Ten un corpo grande e groso, de até os 3 m de lonxitude e 200 kg de peso, pero hidrodinámico, rematado nunha aleta caudal falciforme (o que o diferencia, entre outras cousas, dos seus próximos parentes os triquéquidos ou manatís, cos que comparte a orde). A especie habitou en tempos pasados todas as rexións tropicais costeiras dos océanos Índico e Pacífico, e nos estuarios e grandes ríos que desembocan nelas, pero hoxe en día a súa distribución é máis limitada.
A tempada 2017-2018 da Naisten Liiga foi a 36ª edición da máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino de Finlandia. A liga comezou o sábado 16 de setembro de 2017 e concluíu o 4 de marzo de 2018. Pola súa banda os play-offs comezaron o 6 de marzo de 2018 e finalizaron o 4 de abril coa disputa do cuarto partido das finais.
Eleccións municipais de 2019 en Galicia
As eleccións municipais de 2019 celebráronse o 26 de maio de 2019 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais, unha menos ca nos comicios precedentes, logo da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade no de Cerdedo-Cotobade. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político ditatorial que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial.
A festa dos maios, tamén coñecida simplemente como os maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Edipo é un personaxe mitolóxico, fillo dos reis de Tebas Laio e Iocasta. Ao nacer, un oráculo revela que matará o seu pai, ante o cal decídese que morra. Un pastor é o encargado de executalo, pero só o abandona no monte, no que é atopado por outro pastor, este de Corinto, o cal o leva ante os reis de Corinto, que o adoptan dada a súa incapacidade para ter fillos.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.
O código QR (en inglés, quick response code, «código de resposta rápida») é un código bidimensional deseñado para o uso no sector do automóbil pola compañía xaponesa Denso Wave, subsidiaria de Toyota, en 1994. Os códigos QR empréganse durante a fabricación para o seguimentos dos compoñentes. O sistema estase a facer moi popular pola facilidade para incluír máis información que os códigos de barras unidimensionais.
Bridge of Spies (literalmente en galego: Ponte de espías) é un filme dramático de 2015, dirixido por Steven Spielberg e escrito por Matt Charman, Joel Coen e máis Ethan Coen. O filme está protagonizado por Tom Hanks, Mark Rylance, Amy Ryan e Alan Alda. Baséase na detención do espía ruso Rudolf Abel en 1957 e o denominado Incidente do U-2, ocorrido o primeiro de maio de 1960, durante a guerra fría.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Microscopia electrónica crioxénica
A microscopia electrónica crioxénica (cryo-EM) é unha técnica de criomicroscopia aplicada a mostras arrefriadas a temperaturas crioxénicas, na que se utiliza o microscopio electrónico de transmisión e ás veces o de varrido, segundo o método. Presérvase a estrutura dos espécimes biolóxicos incrustándoos nun ambiente de xeo vítreo. Aplícase unha mostra de solución acuosa a unha grella-rede e mergúllase ata a conxelación en etano líquido ou nunha mestura de etano e propano líquidos.
Xesús Xan Ferreiro García ou simplemente Xesús Ferreiro, alcumado "Cachorro", nado na Coruña o 24 de febreiro de 1985 é un boxeador profesional galego. Na súa carreira profesional ten disputado un total de 20 combates, gañando 15 (5 por KO), perdendo 4 (2 por KO) e empatando un. Cachorro é, xunto con Moncho Casal o único boxeador coruñés que conseguiu un campionato estatal en dúas categorías distintas, semipesado e supermedio.
La Lucha (A Pobra do Caramiñal)
La Lucha foi un periódico publicado na Pobra do Caramiñal entre 1932 e 1933.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
San Tomé de Gondar é unha parroquia que se localiza no concello de Sanxenxo. Segundo o IGE, en 2016 tiña 816 habitantes (417 mulleres e 399 homes), o que significa un descenso poboacional respecto ós anos anteriores: en 2009 tiña 852 habitantes, e no ano 2000 eran 829 habitantes. Distribúense en 11 entidades de poboación.
Gran Torneo Europeo de fútbol de 1911
O Gran Torneo Europeo de fútbol de 1911 foi unha competición futbolística internacional organizada pola Unión Internacional Amateur de Fútbol Asociación (UIAFA) na que tomaron parte seleccións nacionais das federacións afiliadas ao devandito organismo. O torneo foi levado a cabo en maio de 1911 como parte dos actos deportivos celebrados durante a Exposición Internacional do Norte de Francia que tivo lugar en Roubaix entre o 30 de abril e o 6 de novembro. Celebrado 49 anos antes da Eurocopa de 1960, foi unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais.A UIAFA foi unha asociación de federacións nacionais de fútbol alternativa á FIFA. Incluía federacións nacionais que, por diversas razóns, non formaban parte da FIFA nese momento.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A apóutega, mel de raposo, tetos, abuítega,venturiño, ameleira, mel do cuco, chuchamelos, tamén coñecida como póutiga ou apóutiga , de nome científico Cytinus hypocistis, é unha especie de planta parasita que é polinizada polas formigas, pertencente á familia Cytinaceae. Parasita nas raíces de plantas dos xéneros Cistus e Halimium. Atópase principalmente na zona mediterránea, é a especie tipo para o xénero Cytinus.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.