Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Un grupo de galaxias (GrG) é unha agregación de galaxias que consta dunhas 50 ou menos galaxias ligadas gravitatoriamente, cada unha polo menos tan luminosa coma a Vía Láctea (unhas 1010 veces máis que a luminosidade do Sol). As agrupacións de galaxias máis pequenas son os grupos; outras agrupacións maiores que os grupos son os cúmulos de galaxias. Os grupos e cúmulos de galaxias poden á súa vez estar agrupados formando supercúmulos de galaxias.
Voyna i mir (en ruso: Война и мир) é un filme soviético co-escrito e dirixido por Sergei Bondarchuk. É unha adaptación cinematográfica da novela de 1869 Guerra e paz de Lev Tolstoi. O filme, estreado en catro partes entre 1966 e 1967, está protagonizado por Bondarchuk no papel de Pierre Bezukhov, xunto con Vyacheslav Tikhonov e Ludmila Savelyeva, que interpretan o príncipe Andrei Bolkonsky e a Natasha Rostova, respectivamente.
A Moon Shaped Pool (en galego «unha poza con forma de lúa») é o noveno álbum de estudio da banda de rock británica Radiohead. Foi lanzado como descarga dixital o 8 de maio de 2016, e en formato CD e LP o 17 de xuño. A edición especial con dous temas extra e artwork adicional púidose adquirir desde o 28 de setembro.Radiohead traballou no álbum de forma intermitente dende o final da xira en 2012 do seu anterior disco, The King of Limbs.
A Habana vella (castelán: La Habana Vieja) é o centro da cidade e un dos 15 municipios (ou distritos) que forman A Habana, Cuba. Ten a segunda maior densidade de poboación da cidade e contén o núcleo da cidade orixinal da Habana. As posicións das murallas orixinais da Habana son os límites modernos da Habana Vella.
Os Campos Elisios (en francés Les Champs-Élysées) é a principal avenida de París. Mide 1.880 metros de lonxitude, e vai dende o Arco do Triunfo ata a Praza da Concordia. O nome Campos Elisios vén da mitoloxía grega, onde designaba a morada dos mortos reservada ás almas virtuosas, o equivalente do paraíso cristián.
Coeficiente de dilatación térmica
Denomínase coeficiente de dilatación térmica o cociente que mide o cambio relativo de lonxitude ou volume que se produce cando un corpo sólido ou un fluído dentro dun recipiente experimenta un cambio de temperatura que leva consigo unha dilatación térmica.
O termo bar pódese referir a: Bar, local onde se serven bebidas; Bar, unidade de presión.Amais, como topónimo pode referirse a: Bar, lugar da parroquia de Branzá, no concello de Arzúa; Bar, comuna francesa do departamento de Corrèze; Bar-le-Duc, comuna francesa do departamento de Meuse; Bar-lès-Buzancy, comuna francesa do departamento de Ardennes; Bar-sur-Seine, comuna francesa do departamento de Aube; Bar, cidade de Montenegro; Bar, cidade de Ucraína; Río Bar, río de Francia.
Heath Andrew Ledger, nado en Perth o 4 de abril de 1979 e finado en Nova York o 22 de xaneiro de 2008, foi un actor australiano. Comezou a súa carreira interpretativa en papeis da televisión e do cine australiano durante os anos 1990, e en 1998 Ledger viaxou ós Estados Unidos para desenvolver a súa carreira. O seu traballo está composto por dezanove filmes, incluíndo 10 Things I Hate About You (1999), The Patriot (2000), Destino de cabaleiro (2001), Monster's Ball (2001), Ned Kelly (2003), The Brothers Grimm (2005), Lords of Dogtown (2005), Brokeback Mountain (2005), Casanova (2005), Candy (2006), I'm Not There (2007), O cabaleiro escuro (2008) e The Imaginarium of Doctor Parnassus (2009).
MobyGames é un sitio web dedicado a catalogar videoxogos, tanto do pasado como do presente. O sitio contén unha extensa base de datos de información de videoxogos. O obxectivo do sitio web defínese así na propia páxina: "Catalogar polo miúdo toda a información relevante acerca de xogos electrónicos (computadora, consola, e arcade) nunha maneira de xogo-por-xogo, e logo ofrecer esa información a través de preguntas flexibles e minaría de datos.
Dublin University Football Club
O Dublin University Football Club (DUFC) é o club de rugby da Universidade de Dublín, Trinity College, en Dublín, Irlanda.
Matrix (en inglés: The Matrix) é un filme de ciencia ficción escrito e dirixido por Lana e Lilly Wachowski e protagonizado por Keanu Reeves, Laurence Fishburne, Carrie-Anne Moss e Hugo Weaving. Foi estreado nos Estados Unidos o 31 de marzo de 1999 e foi o primeiro da triloxía de Matrix e dunha serie de videoxogos, curtas animadas e bandas deseñadas. O filme gañou 4 Premios Oscar incluíndo a mellor montaxe, mellor son, mellor edición de son e mellores efectos visuais.
Partes por millón (ppm) é unha unidade de medida coa que se avalía a concentración. Refírese á cantidade de unidades da substancia (axente, medicamento etc) que hai por cada millón de unidades do conxunto do que forma parte. Por exemplo, nun millón de grans de arroz, se se pintase un de negro, este gran representaría unha (1) parte por millón.
MusicBrainz é un proxecto cuxo obxectivo é a creación dunha base de datos musical de contido aberto. MusicBrainz recolle información sobre música gravada, nomes de artistas, títulos, listaxes de cancións, datas de publicación, etc. O 30 de xaneiro de 2016, MusicBrainz contiña información de arredor dun millón de artistas, un millón e medio de álbums e máis de quince millóns e medio de gravacións.Os rexistros fanse grazas ao traballo de editores voluntarios que seguen unhas normas de edición precisas.
O LXIII Festival da Canción de Eurovisión celebrouse na capital lusa, Lisboa, os días 8, 10 e 12 de maio de 2018. O certame foi albergado no Altice Arena, tras a vitoria de Portugal na edición anterior. Tanto as semifinais coma a final foron presentadas por Filomena Cautela, Sílvia Alberto, Daniela Ruah e Catarina Furtado.
Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo. O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.
Bee Thousand é o sétimo álbum de estudio da banda estadounidense de indie rock Guided by Voices, publicado o 21 de xuño de 1994 a través do selo Scat Records. Tras o seu lanzamento a banda converteuse nun dos grupos máis importantes asociados ao xénero lo-fi, un movemento definido pola relativa baixa fidelidade dos seus traballos. Musicalmente o álbum inspírase no rock da época da invasión británica e no punk rock.
A inspiración na composición artística asóciase a un gromo de creatividade irracional e inconsciente. Literalmente, a palabra significa "recibir o alento," e ten as súas orixes no helenismo e a cultura hebrea. Homero e Hesíodo, nas primeiras discusións sobre a natureza da inspiración destacan como importante tanto os aspectos rituais como as orixes divinas do alento dun deus.
Nicole Mary Kidman, nada en Honolulú (Hawai) o 20 de xuño de 1967, é unha actriz e produtora con dobre nacionalidade australiana e estadounidense. Gañou un Óscar, catro Globo de Oro, un Bafta e un Oso de Prata á mellor actriz, entre outros. Ten unha irmá máis nova, Antonia Kidman, que tamén é actriz.
Monk é unha serie de televisión estadounidense, creada por Andy Breckman e protagonizada por Tony Shalhoub no papel de Adrian Monk, un exaxente de homicidios de San Francisco que traballa agora coma detective privado. Así pois, é principalmente unha serie de misterio cun ambiente ás veces escuro, mais sempre con grandes toques cómicos. Con todo, é unha serie un pouco habitual dentro deste xénero, debido a que a súa personaxe principal, Monk, acompañado pola súa axudante, padece unha serie de graves desordes psiquiátricos, como un trastorno obsesivo-compulsivo e un gran número de fobias, agravados polo trauma da morte da súa esposa.
BDFutbol, (abreviación de Base de Datos del Fútbol) é un sitio web dedicado á recompilación de datos históricos do fútbol español. Fundado en 2008 por Víctor Muñoz (creador tamén de BDBasket), hoxe é posible consultar nel os datos de todas as tempadas de Primeira División desde 1928, Segunda División desde 1944 e Segunda División B desde 1981, ademais da Copa do Rei, entre outros campionatos, e algunhas competicións estranxeiras: Bundesliga (Alemaña, desde 1963); Premier League (Inglaterra, dende 1992); Serie A (Italia, dende 1988) e Ligue 1 ( Francia, dende 1996).A web pódese consultar en español, catalán e inglés.
Aínda que tanto na forma como no material existen múltiples excepcións, as medallas tenden a ser discos metálicos, similares en aparencia ás moedas, aínda que usualmente de maior diámetro e relevo pronunciado. Esta voz ten a súa orixe na latina Metallum e así chamamos a aquelas pezas antigas, que segundo a máis corrente opinión, eran a moeda, que se usaba nos seus respectivos tempos. Iso é certo fóra daquelas que en Italia e noutras partes chámanse Medallóns, as cales verosimilmente non eran moedas, senón daquelas arreboladizas que se adoitan ver e esparexer ao pobo nas aclamacións dos reis ou son fabricadas con ocasión dalgún gran suceso e repártense como dons.As medallas son emitidas con diversos fins e así existen: As emitidas con propósitos puramente artísticos (afíns usualmente ás plaquetas).
Gabriel Medina Pinto Ferreira, nado en São Sebastião o 22 de decembro de 1993, é un surfeiro profesional brasileiro, campión mundial de surf en 2014 e 2018.En 2014, aos 20 anos de idade, logrou o campionato mundial anticipadamente, durante a última etapa do circuíto en Hawai, ao vencer nas súas baterías dos cuartos de final e, ver aos seus adversarios máis opcionados* ao título ser eliminados nesa fase. Antes logrou outra fazaña, en 2012, durante foi o segundo surfeiro do mundo en realizar unha das manobras máis raras e difíciles deste deporte: o back flip, un salto mortal de costas.
O metal progresivo é un xénero musical que fusiona o heavy metal e o rock progresivo, xurdido a finais da década dos 80 con grupos como Watchtower, Queensrÿche ou Fates Warning. Queensrÿche foi o primeiro grupo en situar o metal progresivo no panorama musical mundial grazas a popularidade da canción "Silent Lucidity", pero foi Dream Theater a banda que revolucionou o xénero en 1992 coa publicación de Images and Words. Desde entón xurdiron moitas fusións entre o metal progresivo e outros subxéneros do heavy metal, como o death metal progresivo (grazas a Opeth, Death ou Cynic), o black metal progresivo (con grupos como Enslaved), o thrash metal progresivo (cuxo máximo expoñente foi Voivod, ademais dos mencionados Watchtower) ou o power metal progresivo (Symphony X ou Kamelot).
A AC-14 ou Autovía de acceso á Coruña, é unha autovía urbana da cidade da Coruña. Cunha lonxitude de preto de 10 quilómetros conecta a autovía A-6 á altura da parroquia de Sésamo en Culleredo coa avenida de Enrique Salgado Torres na zona das Lonzas, na Coruña. A finalidade da súa construción foi a de descargar de tráfico a entrada e saída da cidade pola Avenida Alfonso Molina, proporcionando xunto coa autoestrada V-1.4 (tamén chamada Ronda do Deportivo da Coruña) a posibilidade de acceder e saír da cidade a través doutras avenidas.
Mon oncle Antoine é un filme canadense de 1971 dirixido por Claude Jutra. Foi escollido como candidato do Canadá para o Óscar ó mellor filme internacional na 44ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado. O filme de Jutra e unha ollada ás condicións de vida da sociedade agraria, conservadora e clerical do Quebec, así como os cambios que transformaron a provincia despois dunha década.
Círculo Español de Amigos de Europa
O Círculo Español de Amigos de Europa (CEDADE) foi un grupo neonazi creado en Barcelona en 1966. Estivo relacionado co creador do Partido Rexista belga e Xeneral das Waffen SS Léon Degrelle, a Jeune Europe de Jean Thiriart e os ex-combatentes da División Azul, afíns ao ideario nazi.
Adiaratou Iglesias Forneiro, nada en Bamaco o 6 de febreiro de 1999, é unha atleta galega radicada en Lugo. Adestra no club Lucus Caixa Rural Galega. En 2019 proclamouse subcampioa do mundo de atletismo paralímpico nas probas de 200 e 100 metros lisos e en 2021 conseguiu o ouro en 100 m e a prata en 400 m nos Xogos Paralímpicos de Toquio.
Karl Gunnar Myrdal, nado en Skattungbyn o 6 de decembro de 1898 e finado en Danderyd o 17 de maio de 1987 foi un economista e sociólogo sueco. En 1974, recibiu o Premio Nobel de Economía xunto con Friedrich Hayek por "o seu traballo pioneiro na tería do diñeiro e das flutuacións económicas e pola súa análise penetrante da interdependencia dos fenómenos económicos, sociais e institucionais". É coñecido especialmente nos Estados Unidos polo seu estudo das relacións das razas, que culminaron no seu libro An American Dilemma: The Negro Problem and Modern Democracy.
Un grupo étnico é un grupo de persoas que se identifican unhas coas outras, ou son identificadas como tal por terceiros, con base en semellanzas culturais ou biolóxicas, ou ambas, reais ou presumidas. Tal como os conceptos de raza e nación, o de etnicidade desenvolveuse no contexto da expansión colonial europea, cando o mercantilismo e o capitalismo promovían movementos globais de poboacións ao mesmo tempo que as fronteiras dos estados eran definidas máis clara e rixidamente. No século XIX, os estados modernos, en xeral, procuraban lexitimidade reclamando a representación de nacións.
Reservoir Dogs é un filme estadounidense dirixido por Quentin Tarantino que foi estreado en 1992. Pertence ó xénero neo-noir e suspense e conta os eventos anteriores e posteriores dun roubo de diamantes errado. Foi o primeiro filme do director e guionista Quentin Tarantino, e está protagonizado por Harvey Keitel, Tim Roth, Steve Buscemi, Chris Penn, Lawrence Tierney e Michael Madsen.
A leucemia mieloide crónica (LMC) é unha doenza clasificada dentro da síndrome mieloproliferativa crónica (conxunto de doenzas que afectan ó sangue) caracterizado por unha proliferación dos glóbulos brancos da serie granulocítica até as últimas fases madurativas da súa diferenciación. Circula coa granulocitose a nivel do sangue periférico. Algúns reportes indican que a LMC representa polo menos o 9% do total de casos de leucemia.
A Union Internationale Amateur de Football Association (en galego: Unión Internacional Amateur de Fútbol Asociación, UIAFA) foi unha asociación internacional de federacións de fútbol nacionais fundada en 1909 co obxectivo de xestionar e desenvolver este deporte no mundo. Orixinalmente reuniu a federacións francesas, inglesas e bohemias, e encargouse da organización do Gran Torneo Europeo de 1911, unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais, celebrada 49 anos antes da Eurocopa 1960. O devandito campionato tivo lugar durante a Exposición Internacional do Norte de Francia en Roubaix, acadando a vitoria a selección de Bohemia.Aínda que se expandíu axiña a España, Suíza e Bélxica, a UIAFA foi perdendo influencia pouco a pouco ante o auxe da Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA), cesando a súa actividade en 1912.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Un presentador é unha persoa que presenta ou conduce un programa de radio ou televisión (informativos ou concursos), así como algúns eventos públicos ou privados (entregas de premios, entregas de diplomas, funcións de cine ou de teatro, etc.). Habitualmente, o presentador é un comunicador, un xornalista, un locutor ou alguén con algunha profesión afín, escollido por certas calidades (boa dicción, carisma, coñecementos, aparencia física).
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Gran Torneo Europeo de fútbol de 1911
O Gran Torneo Europeo de fútbol de 1911 foi unha competición futbolística internacional organizada pola Unión Internacional Amateur de Fútbol Asociación (UIAFA) na que tomaron parte seleccións nacionais das federacións afiliadas ao devandito organismo. O torneo foi levado a cabo en maio de 1911 como parte dos actos deportivos celebrados durante a Exposición Internacional do Norte de Francia que tivo lugar en Roubaix entre o 30 de abril e o 6 de novembro. Celebrado 49 anos antes da Eurocopa de 1960, foi unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais.A UIAFA foi unha asociación de federacións nacionais de fútbol alternativa á FIFA. Incluía federacións nacionais que, por diversas razóns, non formaban parte da FIFA nese momento.
A festa dos maios, tamén coñecida simplemente como os maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares, Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
A lei de Dollo ou lei de Dollo da irreversibilidade evolutiva ou principio de Dollo é unha hipótese proposta en 1893 polo paleontólogo belga nacido en Francia Louis Dollo, que di que a evolución non é reversible. A formulación desta hipótese tal como a fixo inicialmente Dollo era: "Un organismo non pode retornar, nin sequera parcialmente, a un estado previo polo que xa pasou na súa liña de antepasados." Esta enunciación é a miúdo malinterpretada como unha hipótese menos esixente referida á posibilidade de recuperar estruturas ou órganos perdidos, que é improbable que reaparezan na "mesma forma" (definida con pouca precisión).
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Microscopia electrónica crioxénica
A microscopia electrónica crioxénica (cryo-EM) é unha técnica de criomicroscopia aplicada a mostras arrefriadas a temperaturas crioxénicas, na que se utiliza o microscopio electrónico de transmisión e ás veces o de varrido, segundo o método. Presérvase a estrutura dos espécimes biolóxicos incrustándoos nun ambiente de xeo vítreo. Aplícase unha mostra de solución acuosa a unha grella-rede e mergúllase ata a conxelación en etano líquido ou nunha mestura de etano e propano líquidos.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.