Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Leoš Janáček, nado na localidade de Hukvaldy (Moravia, daquela pertencente ao Imperio Austríaco e na actualidade na República Checa) o 3 de xullo de 1854 e finado o 12 de agosto de 1928 en Ostrava (Checoslovaquia), foi un compositor, organista, teórico musical, folklorista, publicista e profesor checo. Inspirouse nas músicas tradicionais da súa Moravia natal, así como a de tódolos pobos eslavos, para crear un estilo musical orixinal e moderno.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
A lingua ou dialecto cantonés ou yuè (chinés simplificado: 粵语, chinés tradicional: 粤語, Pinyin: yuèyǔ, Jyutping:Jyut6jyu5) é un dos principais dialectos do chinés. O nome yuè corresponde ao nome dun reino antigo situado na actual provincia de Guangdong. Por iso, o carácter 粵 utilízase hoxe en día como abreviatura do nome desta provincia.
Helen Frankenthaler, nada en Nova York o 12 de decembro de 1928 e finada en Darien, Connecticut, o 27 de decembro de 2011, foi unha pintora expresionista abstracta estadounidense. Foi unha das principais contribuíntes á historia da pintura estadounidense de posguerra. Despois de expoñer o seu traballo durante máis de seis décadas (desde principios da década de 1950 ata 2011), abrangue varias xeracións de pintores abstractos mentres continuou a producir novos traballos vitais e en constante cambio.
A tradución (do latín traducere: facer pasar dun lugar a outro) é unha actividade que comprende a interpretación do significado dun texto nun idioma, o texto orixe, a un texto equivalente noutro idioma, o texto meta. Tamén o produto desta actividade, o texto meta, denomínase tradución. Tradicionalmente, a tradución foi unha actividade desenvolvida por humanos.
A Policía Federal Arxentina (PFA) é a principal forza de seguridade a nivel federal da República Arxentina. Foi creada en 1943 sobre as bases da antiga Policía da Capital,que operou no ámbito da Cidade de Bos Aires desde 1880 ata ese ano. Dependente do Ministerio do Interior, conta con destacamentos en todas as provincias do país e na cidade de Bos Aires, onde exerce tamén as funcións de policía local en virtude do artigo 7º da denominada "Lei Cafiero".
Unha dinastía é unha serie de gobernantes dun o de varios estados relacionados entre si, ou provenientes todos dunha mesma liñaxe. Por extensión o termo aplícase a toda unha familia que acumula grandes cantidades de poder económico, político ou social durante diversas xeracións. A dinastía é a forma de sucesión da monarquía, na que o herdeiro da liñaxe sucede o monarca que morreu (ou se se produciu unha abdicación).
Véxase Retrato para saber máis sobre o tema en xeral dos retratos. O retrato pictórico é un xénero dentro da pintura, no que se pretende representar a aparencia visual do suxeito, en particular cando o que se retrata é un ser humano, aínda que tamén poden representarse animais. Os retratistas traballan por encargo, tanto de persoas públicas como de particulares, ou inspirados pola admiración e o afecto cara o protagonista.
En lingüística textual, a unidade temática, significativa e pertinente, máis pequena dun texto denomínase motivo. Ás máis das veces o motivo coincide cunha palabra presente no texto; pero, de cando en cando, pode identificarse cun anaco do significado da palabra, é dicir cun sema, ou cun sintagma ou cunha frase na cal non figura a palabra coa cal designamos o motivo. Cando o motivo se reitera ó longo da obra e asume nela un papel preciso, falarase, por analoxía coa música, de leitmotiv (por exemplo a chuvia é un leitmotiv en A Esmorga de Eduardo Blanco Amor).
The Legend of Zelda: A Link to the Past
The Legend of Zelda: A Link to the Past, coñecido como Zelda no Densetsu Kamigami no Triforce (ゼルダの伝説 神々のトライフォース, Zeruda no Densetsu Kamigami no Toraifōsu, lit. "A lenda de Zelda: Triforza dos deuses") no Xapón, é un videoxogo de estilo aventura desenvolvido e publicado por Nintendo para a videoconsola Super Nintendo Entertainment System, terceira entrega da serie The Legend of Zelda. Lanzouse nun primeiro momento no Xapón o 21 de novembro de 1991, e máis tarde en Norteamérica, o 13 de abril de 1992, e o 24 de marzo en Europa.
Un ano luz é unha unidade de lonxitude, utilizada en astronomía, que corresponde á distancia percorrida no vacuo pola luz durante un ano. Máis precisamente, é a distancia percorrida por un fotón no vacuo a unha distancia infinita de calquera campo gravitatorio ou magnético, nun ano gregoriano medio e a unha velocidade de 299.792.458 m/s. Para calcular o valor en quilómetros dun ano luz utilízase a velocidade indicada (299.792.458 m/s) e como tempo un ano gregoriano Medio (ver Calendario gregoriano) con 365,2425 días.
The A.V. Club é un sitio de entretemento con recencións de filmes, música, televisión, libros e xogos, así como entrevistas e outras ofertas regulares que examinan novos medios, medios clásicos e outros elementos da cultura popular. The A.V. Club foi creado en 1993 como unha parte suplementaria de The Onion e tivo unha presenza mínima na páxina web de The Onion nos seus primeiros anos. Porén, un redeseño da páxina web en 2005 puxo a The A.V. Club nunha posición máis prominente, permitindo que a súa identidade en liña creza.
Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa
O Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa, máis coñecido como Te Papa, é un museo nacional de Nova Zelandia que se atopa na cidade de Wellington. Trátase dun museo que mantén unha proposta de integración e traballo multidisciplinar.
Viva la Vida or Death and All His Friends
Viva la Vida or Death and All His Friends é o cuarto álbum da banda inglesa de rock alternativo Coldplay, editado o 11 de xuño do ano 2008 a través do selo Parlophone. A cuberta do álbum é a pintura A Liberdade guiando o pobo de Eugène Delacroix.
A Game Boy Color (ゲームボーイカラー, Gēmu Bōi Karā) é unha consola de videoxogos portátil de Nintendo, sucesora da Game Boy. Foi lanzada o día 21 de outubro de 1998 no Xapón, o 19 de novembro de 1998 en América do Norte, o 23 de novembro de 1998 en Europa, e o 27 de novembro de 1998 no Reino Unido. Presenta unha carcasa de diferentes cores, e é lixeiramente máis ancha e alta cá Game Boy Pocket.
A piratería ou pirataría é unha práctica que consiste en que unha embarcación ataca a outra co propósito de roubarlle a carga, esixir rescate polos pasaxeiros, convertelos en escravos e moitas veces apoderarse da nave. A súa definición segundo o dereito internacional pode atoparse no artigo 101 da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. A pirataría refírese tamén, desde mediados do século XX a un tipo de accións realizadas en avións que buscan reter pola forza tripulacións e pasaxeiros, así como as propias aeronaves.
O teatro é un espectáculo baseado na representación da conduta do ser humano. Esta conduta representada, chamada actuación, é realizada por actores. Por extensión tamén se chama teatro ao edificio onde se realizan representacións teatrais e espectáculos afíns, así como ao repertorio (conxunto de creacións teatrais que se consideran propias dun autor: "o teatro de Vidal Bolaño"), época ("o teatro das Irmandades da Fala) ou país ("o teatro francés").
Trois hommes et un couffin é un filme francés de 1985 dirixido por Coline Serreau. O filme tivo un remake de Hollywood titulado Three Men and a Baby e estreado en 1987. Foi escollido como candidato de Francia para o Óscar ó mellor filme internacional na 58ª edición dos premios, sendo finalmente nomeado.
O zloty ou złoty [pronunciado 'zwɔtɨ] (en plural złote ['zwɔtɛ] para os números rematados en 2, 3 ou 4 -agás 12, 13 e 14- e złotych ['zwɔtɨx] para os demais) é a moeda de curso legal de Polonia. A palabra significa literalmente dourado en polaco e fai referencia ás antigas moedas de ouro chamadas así. Grosz vén da palabra alemá Groschen.
Seúl (서울; hangul, 서울특별시; hanja, 서울特別市; romanización revisada, Seoul Teukbyeolsi; McCune–Reischauer, Sŏul T'ŭkpyŏlsi) é a capital e meirande metrópole de Corea do Sur. Segundo o censo de 2020, Seúl tiña unha poboación de 9,9 millóns de persoas e forma o corazón da Área da capital de Seúl coa metrópole circundante de Incheon e a provincia de Gyeonggi. Considerada unha cidade global e clasificada como unha cidade alfa pola Globalization and World Cities Research Network (GaWC), Seúl foi a 4ª economía metropolitana máis grande do mundo en 2014 despois de Toquio, Nova York e Os Ánxeles.
Final Fantasy VII (abreviado FF7 ou FFVII) é un dos máis importantes videoxogos de rol clásicos aparecidos para consola. Desenvolvido polo equipo de Hironobu Sakaguchi de Squaresoft (agora a Square Enix) maioritariamente entre 1996 e 1997, e publicado en 1997. Pese a que os europeos xa tiveran acceso aos videoxogos de rol xaponeses cos aparecidos en 16-bit, Final Fantasy VII foi o que deu a coñecer o xénero a un público máis amplo neste continente.
O termo obxectivo refírese ao fin que se quere atinxir, e nese sentido é sinónimo de albo tanto como fin a atinxir (lugar ou obxecto) como punto de mira dunha arma ou proxectil.A definición clara de obxectivos é de extrema importancia en varios eidos de actuación humanos, a nivel administrativo e de xestión, orientando a acción dos individuos. En educación, por exemplo, a definición de actividades curriculares debe ser feita tendo en conta os obxectivos definidos no programa curricular dos alumnos.
Camillo Benso, conde de Cavour, nado en Turín o 10 de agosto de 1810 e finado o 6 de xuño de 1861, foi un político e estadista da Italia anterior á unificación. Foi ministro do Reino de Sardeña de 1850 a 1852, presidente do Consello de Ministros do Reino de Sardeña de 1852 a 1859 e do 1860 a 1861. No mesmo 1861, coa proclamación do Reino de Italia, converteuse no primeiro presidente do Consello de ministros do novo Estado, cargo que ocupou ata a súa morte ese mesmo ano.
Un hospital (do latín hospitālis) é un lugar onde se atenden enfermos, para avaliar o diagnóstico e fornecer o tratamento que precisen. Existen diferentes tipos de hospitais, segundo o tipo de patoloxías que atenden: hospitais xerais, hospitais psiquiátricos, xeriátricos, materno-infantís etc. Dentro dos hospitais tamén existen as diferentes ramas de medicina como son; os otorrinos, oftalmólogos, cardiólogos, odontólogos figuran entre os pertencente a hospitais xerais.
Billie Eilish Pirate Baird O'Connell, nada nos Ánxeles (California) o 18 de decembro de 2001, é unha cantante e compositora estadounidense. O seu primeiro sinxelo, «Ocean Eyes», volveuse viral e acumulou máis de 194 millóns de transmisións en Spotify desde 2015 até febreiro de 2019. O seu primeiro EP Don't Smile at Me lanzouse en agosto de 2017 e foi certificado como Gold pola RIAA; a maiores, cinco das cancións tamén foron certificadas pola RIAA (catro Gold, un Platinum).
Universo cinematográfico de Marvel
O Universo cinematográfico de Marvel (inglés: Marvel Cinematic Universe, a miúdo abreviado MCU) é unha franquía de medios e un universo compartido, centrada nunha serie de filmes de superheroes producidos independentemente por Marvel Studios e baseados nos personaxes que aparecen nas publicacións de Marvel Comics. Marvel, nos seus inicios non tiña un estudo propio e colaboraba con outras axencias que quixesen levar a cabo os seus proxectos, como por exemplo a realizada en 1978 por Philip DeGuere, Dr. Strange.
O Apollo Theater (Apollo Theatre) da rúa West 125th, entre Adam Clayton Powell Jr. Boulevard e Frederick Douglass Boulevard no barrio de Harlem en Manhattan, Nova York é unha sala de música que é coñecida polos seus artista afroamericanos. Foi o fogar do Showtime at the Apollo, un programa de televisión, emitido entre 1987 e 2008, que amosaba novos talentos.
World of Warcraft, tamén abreviado WOW, é un videoxogo de rol online multixogador masivo desenvolvido por Blizzard Entertainment dispoñible para os sistemas operativos Windows e Mac OS X. Está baseado no mundo de ficción e a historia de Warcraft onde se adopta o papel dun personaxe virtual que interactúa con outros personaxes e desenvolve situacións nun ambiente fantástico como nun xogo de rol. Consta de tres expansións oficiais unha chamada World of Warcraft: The Burning Crusade, e a outra chamada World of Warcraft: Wrath of the Lich King e World of Warcraft: Cataclysm. As revisións de parches tamén engaden novos contidos e son bastante frecuentes.
A National Portrait Gallery (en galego: Galería Nacional de Retratos) é un dos museos máis famosos de Londres. Non debe confundirse coa National Portrait Gallery de Washington, Estados Unidos. A súa colección está formada por retratos de personaxes destacados da historia; o edificio está construído xusto detrás da National Gallery.
Polydor Records é un selo discográfico cuxa sede se atopa nestes momentos no Reino Unido, filial de Universal Music Group. O seu estilo é Pop, Rock e R&B no que se atopan os mellores artistas do panorama Pop Británico, como é o caso de Bryn Christopher, Duffy, Sophie Ellis-Bextor, Ronan Keating,Girls Aloud, Scissor Sisters, Björk, The Jam ou Take That, artistas de Estados Unidos, como Black Eyed Peas, Nelly Furtado ou Eminem. En Francia a Mylène Farmer quen logrou vender 30 millóns de discos.
Segunda tempada de The Simpsons
A segunda tempada da serie animada The Simpsons foi emitida orixinalmente dende o 11 de outubro de 1990 até o 9 de maio de 1991, e tivo vinte e dous episodios, comezando con «Bart Gets an "F"». Outro episodio, «Blood Feud», estreouse durante o verán, despois do final oficial da tempada. Os produtores executivos para a produción da segunda tempada foron Matt Groening, James L. Brooks, e Sam Simon, quen xa o foron durante a tempada anterior.
Osamu Tezuka (手塚 治虫, 手塚 治, Tezuka Osamu), nado en Toyonaka o 3 de novembro de 1928 e finado o 9 de febreiro de 1989, foi un debuxante de manga, animador, produtor, activista e doutor xaponés. É coñecido por ser o creador de Astro Boy, Kimba the White Lion e Black Jack. É a miúdo considerado o "Padriño do Anime" e o equivalente xaponés de Walt Disney, o cal foi a súa maior inspiración durante os seus anos de formación.
Antarctic Adventure (けっきょく南極大冒険, Kekkyoku Nankyoku Daibōken, Antarctic Kingdom's Great Adventure) é un videoxogo desenvolvido por Konami en 1983 para MSX, e posteriormente para outras consolas, como Family Computer e ColecoVision. O xogador toma o control dun pingüín antártico que corre para chegar a diferentes estacións de investigación de diferentes países, (excluíndo a Unión Soviética). O modo de xogo é moi semellante ó Turbo de Sega, pero a dinámica vai moito máis amodo, e contén elementos de xogos de plataformas.
A teoría cuántica de campos (QFT, polo inglés Quantum Field Theory) é unha teoría que aplica as regras cuánticas ós campos continuos da Física, por exemplo o campo electromagnético, así como ás interaccións entre estes e o resto da materia. Proporciona así un marco teórico usado moito en física de partículas e física da materia condensada. En particular, a teoría cuántica do campo electromagnético, coñecida como electrodinámica cuántica, foi o primeiro exemplo de teoría cuántica de campos que se estudou e é a teoría probada experimentalmente con maior precisión da física.
A Encyclopædia Britannica, tamén chamada pola súa tradución a galego Enciclopedia Británica, é unha enciclopedia de contidos xerais redactados en lingua inglesa e publicada pola editorial privada Encyclopædia Britannica, Inc.. Os verbetes na Britannica teñen como público un perfil de lector adulto e cultivado; está escrita por 19 editores que traballan a xornada completa e conta coa colaboración de máis de catro mil expertos. É amplamente considerada como a máis académica das enciclopédias do mundo.
O bádminton é un deporte de raqueta no que se enfrontan dous xogadores (individuais ou sós) ou dúas parellas (dobres) situadas nas metades opostas dunha pista rectangular dividida por unha rede. A diferenza doutros deportes de raqueta, no bádminton non se xoga con pelota, senón cun volante. Os xogadores deben golpear coas súas raquetas o volante para que este cruce a pista por encima da rede e caia no campo do opoñente.
As linguas románicas son o conxunto de linguas indoeuropeas que evolucionaron do latín vulgar entre os séculos III e VIII. Tamén son coñecidas como neolatinas ou romances. As cinco linguas románicas con maior número de falantes nativos son o castelán (480 millóns de falantes), o portugués (270 millóns), o francés (77 millóns), o italiano (65 millóns) e o romanés (24 millóns). Das principais lingua románicas, o italiano é a máis achegada ó latín, seguido polo castelán, o romanés e o portugués, sendo a máis diverxente o francés.
O solsticio de verán (o termo solsticio provén do latín sol ["Sol"] e sistere ["ficar quedo"]) ocorre durante o verán de cada hemisferio, cando o semieixo dun planeta, xa for no hemisferio norte ou no sur, está máis inclinado cara á estrela da súa órbita. A inclinación máxima do eixo da Terra cara ao sol é de 23°27'. Isto ocorre dúas veces ao ano: dous intres nos que o Sol acada a súa posición máis alta no ceo, como se ve desde o polo norte ou sur.
O voo 2120 de Nigeria Airways foi un voo chárter de pasaxeiros dende Jeddah, Arabia Saudita ata Sokoto, Nixeria o día 11 de xullo de 1991 que se estrelou pouco despois de engalar do aeroporto internacional Rei Abdulaziz. Morreron as 247 pasaxeiros e 14 tripulantes a bordo do aparello. O avión era un Douglas DC-8 operado por Nationair para Nigeria Airways.
The Hunger Games é unha novela de ciencia ficción escrita pola estadounidense Suzanne Collins que foi publicada en 2008. Está escrita en primeira persoa na voz dunha adolescente de 16 anos, Katniss Everdeen, que vive na nación postapocalíptica de Panem, no que outrora foran os Estados Unidos de América. O Capitolio, unha metrópole moi avanzada, exerce o control político sobre o resto do nación.
Star Wars Episode VII: The Force Awakens
Star Wars Episode VII: The Force Awakens (tamén coñecido como Star Wars: The Force Awakens) é un filme estadounidense dirixido por J. J. Abrams que foi estreado en decembro de 2015. É o sétimo título na serie de filmes de Star Wars, e está protagonizado por John Boyega, Daisy Ridley, Adam Driver, Oscar Isaac, Andy Serkis, Domhnall Gleeson e Max von Sydow, xunto con Harrison Ford, Carrie Fisher, Mark Hamill, Anthony Daniels, Peter Mayhew e Kenny Baker. A historia está ambientada aproximadamente 30 anos despois dos eventos de O retorno do Jedi (1983).
A Conxectura de Poincaré, hoxe xa Teorema de Poincaré, é un dos sete problemas do milenio propostos polo Instituto Clay de Matemáticas a finais do século XX para se resolveren no século entrante. A idea imitaba á de David Hilbert no Congreso Internacional de Matemáticos (ICM) de París en 1900, cando propuxo 23 problemas para seren resoltos no século que comezaba. É o único problema do milenio que foi resolto ata o momento.
Reservoir Dogs é un filme estadounidense dirixido por Quentin Tarantino que foi estreado en 1992. Pertence ó xénero neo-noir e suspense e conta os eventos anteriores e posteriores dun roubo de diamantes errado. Foi o primeiro filme do director e guionista Quentin Tarantino, e está protagonizado por Harvey Keitel, Tim Roth, Steve Buscemi, Chris Penn, Lawrence Tierney e Michael Madsen.
Die Walküre (en galego A Valquiria) é unha ópera en tres actos con música e libreto en alemán de Richard Wagner. É a segunda das catro óperas que compoñen o ciclo Der Ring des Nibelungen (O anel do Nibelungo), sendo a ópera do ciclo máis representada, mesmo separada do ciclo completo. O fragmento máis coñecido da ópera é o «Walkürenritt o Ritt der Walküren» («Cabalgada das valquirias»), introdución ao terceiro e último acto describindo ás guerreiras semideusas.
Partitura é un documento manuscrito ou impreso que indica como debe interpretarse unha composición musical, mediante unha linguaxe propia formado por signos musicais e chamado sistema de notación. Como os seus análogos os libros, os folletos, etc., o medio da partitura xeralmente é o papel ou, en épocas anteriores, o pergamiño. Aínda que o acceso á notación musical nos últimos anos inclúe tamén a presentación en pantallas de ordenador.
Yleisradio (Yle) en finés ou Rundradion en sueco, a compañía pública finlandesa de radio e televisión fundouse en 1926, réxea unha fundación independente e opera cinco canles de televisión, 13 canles de radio nacionais e 25 rexionais. Os programas en sueco realízaos a Finlands Svenska Television e Finlands Svenska Radio.
O prólogo (etim. do grego "prol": antes e "logos": discurso), é o escrito breve, situado ao principio dunha obra extensa, entre os documentos chamados preliminares, e serve a un escritor para xustificar o habela composto e ao lector para orientarse na lectura. Posúe, ademais, outros labores: Facer crítica literaria sobre o autor.
O Muro de Berlin foi unha construción civil que supuxo un símbolo vivo da división física da Alemaña da posguerra en dúas entidades, a República Federal Alemá e a República Democrática Alemá. Este muro, alén de dividir a cidade de Berlín ao medio, simbolizaba a división do mundo en dous bloques ou partes: o Bloque Occidental, constituído polos países capitalistas encabezados polos Estados Unidos de América, e o Bloque de Leste, ou Soviético, constituído polos países comunistas, que tiñan á súa fronte a Unión Soviética.
O límite de velocidade das estradas é empregado en moitos países para fixar a velocidade máxima (ou mínima nalgúns casos) na que os vehículos poden circular legalmente en diferentes tramos da estrada. Os límites poden ser variables nalgúns lugares, e noutros non existen límites (como as Autobahn en Alemaña). Os límites están normalmente indicados en sinais de tráfico.
Un estudio de gravación é un lugar adaptado para o rexistro de voces e música, polo que debe reunir unhas condicións de acústica e electrónica. Unha das condicións máis importantes no seu deseño é a insonorización, de forma que o son interior non se propague cara ao exterior nin que o son exterior penetre e interfira nas gravacións. Isto conséguese mediante a aplicación de diversos materiais especiais (absorbentes e illantes) e o uso de cámaras de aire.
O Pato Donald (no orixinal inglés Donald Duck) é un personaxe de debuxos animados e banda deseñada dos estudios Walt Disney, creado en 1934. Donald é un pato branco, de pernas e bico alaranxados, viste sempre unha camisa e quepis de mariñeiro. O motivo para isto é que na época no que foi deseñado, todos os personaxes precisaban vestir roupas.
Un videoxogo multixogador é un videoxogo no cal máis dunha persoa pode xogar no mesmo ambiente de xogo á vez, ben sexa de forma local (como no xogo New Super Mario Bros. Wii) ou en liña a través de internet (como en World of Warcraft, Call of Duty). Os videoxogos multixogador polo xeral requiren que os xogadores compartan os recursos dun só sistema de xogo ou o uso de tecnoloxía de redes para xogar xuntos unha distancia maior; os xogadores poden competir contra un ou máis participantes humanos, traballar cooperativamente cun compañeiro humano para lograr un obxectivo común ou supervisar a actividade doutros xogadores.
Os Países Cataláns (Països Catalans en catalán) son os territorios nos que a lingua autóctona é o catalán, ou ben os territorios que forman parte dunha unidade xeohistórica, cultural e lingüística de predominio catalán. Son tamén os territorios onde viviron ou viven os falantes de catalán.En termos xerais, os Países Cataláns abranguen a zona oriental da península Ibérica, entre os Pireneos, até a Lagoa de Leucate e a serra das Corbières, polo norte, e o río Segura polo sur, o arquipélago das Baleares (que inclúe o das Pitiusas) e illas adxacentes (como as Columbretes e a illa de Tabarca), a Franxa Oriental (no leste de Aragón), a comarca do Carxe (na Rexión de Murcia) e a cidade de L'Alguer (na illa de Sardeña), onde un 30% da poboación fala catalán.Os Países Cataláns teñen unha superficie conxunta de 70 520 quilómetros cadrados e unha poboación de 14,4 millóns de habitantes.
Claude Monet tamén coñecido como Oscar-Claude Monet ou Claude Oscar Monet, nado en París o 14 de novembro de 1840 e finado en Giverny, Francia, o 5 de decembro de 1926, foi un pintor impresionista francés e un dos creadores deste movemento. As súas primeiras obras son de estilo realista, e na metade da década de 1860 comeza a pintar obras impresionistas. Este cambio provocoulle problemas económicos, xa que se desviaba do gusto marcado polas academias de arte da época.
O controlador de xogo é un dispositivo de entrada usado para controlar un videoxogo. Un controlador é normalmente conectado a un arcade, consola ou computador e pode ser un teclado, rato, gamepad, joystick, paddle ou calquera dispositivo proxectado para xogos que poida recibir comandos. Algúns dispositivos especiais como volantes ou pistolas poden ser usados en xogos de carreiras ou de tiro.
O Eurotúnel ou Túnel da Mancha, denominado Channel Tunnel en inglés, le tunnel sous la Manche en francés e aínda alcuñado polos ingleses como The Chunnel, é un túnel ferroviario que liga a Francia á Inglaterra por debaixo da auga. A súa construción foi bastante demorada e o inicio das obras sufriu algunhas falsas partidas até a súa inauguración en 1994. É o segundo túnel ferroviario máis longo do mundo, apenas superado polo Túnel Seikan no Xapón.