Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo ou o Raposo de Arteixo, ou simplemente Arsenio, nado na Baiuca (Arteixo) o 24 de decembro de 1930 e finado na Coruña o 5 de maio de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos, converténdose nunha das figuras máis destacadas da historia do club. Como futbolista xogaba de dianteiro, e tras pasar polo Bergantiños, o Fabril e o Xuvenil, debutou en Primeira División co Deportivo na tempada 1951/52. Xogou seis anos co club coruñés, disputando 146 partidos oficiais e marcando 33 goles.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Un intercomunicador é un sistema de comunicación electrónico autónomo que permite falar de xeito limitado ou con carácter privado. Os intercomunicadores poden ser sistemas móbiles pero polo xeral fíxanse permanentemente en edificios ou vehículos. Os intercomunicadores poden incorporar conexións a walkie-talkie, teléfonos ou móbiles ou a sinais de luces ou teclas.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego. É considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutando aos 15 anos na División de Honra (actual OK Liga) e converténdose con 17 no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Dende 2017 adestra o Deportivo Liceo.
A herba moura (Solanum nigrum) é unha especie de planta anxiosperma do xénero Solanum, nativa de Eurasia e introducida en América, Australasia e África do Sur. As bagas maduras e follas cocidas das variedades comestibleds utilízanse como alimento nalgúns lugares, e certas partes da planta utilízanse na medicina tradicional. A taxonomía da especie é complicada e ás veces úsase o seu nome para outras especies relacionadas.A especie foi mencionada por Plinio o Vello no século I d.C. e por Dioscórides e outros herboristas.
Antonio Couceiro Méndez, nado na Coruña o 18 de decembro de 1955, é un político e dirixente galego. Foi conselleiro de Industria e Comercio durante o goberno de Manuel Fraga, entre 1994 e 1999, e deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular entre 1997 e 1999. Ten ocupado presidencias e cargos nos consellos de administración de numerosas institucións, tanto públicas como privadas Na actualidade ocupa entre outros os cargos de presidente da Cámara de Comercio da Coruña (dende 2016) e presidente do Deportivo da Coruña (dende 2021).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Concurso España foi un torneo futbolístico por eliminación directa organizado pola Federación Española de Clubs de Foot-ball (FECF), antecesora da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Foi creado como unha nova competición na que se permitía a participación de xogadores estranxeiros, os cales foran previamente excluídos do Campionato de España a causa de disputas xurdidas entre os clubs durante o torneo de 1911. Só se disputou unha edición en 1912 e o gañador foi o Deportivo da Coruña.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Pedra do Destino, tamén coñecida como Pedra de Scone ou Pedra da Coroación (en gaélico escocés clach-na-cinneamhain, clach Sgàin ou tamén Lia(th) Fàil), é un bloque de pedra arenisca, gardado historicamente na Abadía de Scone (hoxe derrubada e substituída polo Scone Palace), que foi usado nas cerimonias de coroación dos reis escoceses durante a Idade Media. No século XIII, a Pedra foi capturada polo rei Eduardo I de Inglaterra e levada á abadía de Westminster en Londres, para ser utilizada na coroación dos reis ingleses. En 1996, o Goberno británico decidiu devolver a Pedra a Escocia, coa condición de que fose devolta a Londres para o seu uso en futuras coroacións, polo que agora pode verse no Castelo de Edimburgo, xunto coas xoias da coroa escocesa.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
A apóutega, mel de raposo, tetos, abuítega,venturiño, ameleira, mel do cuco, chuchamelos, tamén coñecida como póutiga ou apóutiga , de nome científico Cytinus hypocistis, é unha especie de planta parasita que é polinizada polas formigas, pertencente á familia Cytinaceae. Parasita nas raíces de plantas dos xéneros Cistus e Halimium. Atópase principalmente na zona mediterránea, é a especie tipo para o xénero Cytinus.
Cronoloxía do conflito de ENCE Pontevedra
Concluída a Guerra civil española o novo goberno do xeneral Franco español colocou entre os seus obxectivos a consecución da autarquía económica. O sector da celulosa foi declarado estratéxico e iniciáronse plans para a súa implantación industrial. Desde a década de 1940 o estado franquista fomentou a repoboación dos montes galegos con especies de crecemento rápido, primeiramente piñeiros e, máis adiante, eucaliptos.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O Club Atlético Osasuna (en éuscaro Osasuna significa saúde ou vigor) é un club deportivo de España con sede en Pamplona, en Navarra. Ten seccións de natación e pelota vasca, pero a máis coñecida é a de fútbol, onde actualmente xoga na Primeira División. É o club de fútbol máis importante de Navarra por palmarés e historia, cun total de 30 tempadas en Primeira División, 33 en Segunda e 12 en Terceira.
Estadio Olímpico de La Cartuja
O Estadio La Cartuja é un estadio multiusos da cidade de Sevilla, capital da comunidade autónoma de Andalucía en España, e situado nun 57% en terreos do próximo municipio de Santiponce. Xunto co Estadio Benito Villamarín e o Estadio Ramón Sánchez Pizjuán conforman os grandes centros deportivos da cidade de Sevilla. Por capacidade sitúase como o terceiro máis grande de España despois do Camp Nou de Barcelona e o Santiago Bernabéu de Madrid.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 196.088 .
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
Lista de Medallas de Ouro ao mérito nas Belas Artes
A Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes é concedida polo Ministerio de Cultura e Deporte de España a persoas ou institucións que destaquen na creación artística e cultural ou presten notorios servizos no fomento, desenvolvemento ou difusión da arte e a cultura ou na conservación do patrimonio artístico.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.
O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, raposa ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.O raposo común provén de devanceiros máis pequenos de Eurasia durante o período Villafranchiense medio, e colonizou América do Norte pouco despois da glaciación de Wisconsin.
Refraneiro galego sobre o mes de maio
A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano . A auga de maio inda carga o carro . A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón .
Francisco Javier Bobillo de la Peña
Francisco Javier Ángel Bobillo de la Peña, nado en Ourense o 10 de xullo de 1946 e finado en Lanzarote o 6 de xaneiro de 2017, foi un catedrático, político e escritor galego.
Martin John Brundle, nado en King's Lynn (Norfolk) o 1 de xuño de 1959, é un antigo piloto de carreiras de automóbiles británico, máis coñecido como piloto de Fórmula 1 e como comentarista de ITV Sport de 1997 a 2008, a BBC de 2009 a 2011 e Sky Sports desde 2012.Brundle disputou o Campionato Británico de Fórmula 3 de 1983, terminando preto de Ayrton Senna, e os dous pasaron á Fórmula 1 ao ano seguinte. Brundle foi o World Sportscar Championship de 1988 con Silk Cut Jaguar, cunha puntuación récord de puntos, e gañou as 24 Horas de Daytona de 1988 e as 24 Horas de Le Mans de 1990 para Jaguar Cars.
O dugongo, Dugong dugon (Müller, 1776) é unha especie de mamífero mariño da orde dos sirenios, a única actualmente viva da familia dos dugónxidos, e do xénero Dugong. Ten un corpo grande e groso, de até os 3 m de lonxitude e 200 kg de peso, pero hidrodinámico, rematado nunha aleta caudal falciforme (o que o diferencia, entre outras cousas, dos seus próximos parentes os triquéquidos ou manatís, cos que comparte a orde). A especie habitou en tempos pasados todas as rexións tropicais costeiras dos océanos Índico e Pacífico, e nos estuarios e grandes ríos que desembocan nelas, pero hoxe en día a súa distribución é máis limitada.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2022, ano dedicado a Florencio Delgado, 62 autores (5 mulleres e 57 homes) foron homenaxeados nas 60 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
A festa dos maios, tamén coñecida simplemente como os maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
O fiúncho (do latín serodio fenuculum, diminutivo de fenum 'feo, herba seca'), funcho, fiollo ou fieiteiro (Foeniculum vulgare) é a única especie do xénero Foeniculum. Nativa da Europa meridional, en especial da costa do mar Mediterráneo, onde medra en estado silvestre, é unha herba perenne e sumamente aromática, cultivada polo seu emprego na cociña. Tamén medra en estado silvestre na costa do Atlántico, especialmente en Galiza, onde tradicionalmente son usadas as sementes para culinaria e medicina popular e os talos para alimento dos animais.
Call Me by Your Name (en italiano: Chiamami col tuo nome) é un filme de 2017 dirixido por Luca Guadagnino e escrito por James Ivory. Está baseado na novela homónima de 2007 de André Aciman, e é o derradeiro filme da triloxía de Guadagnino coa temática "desexo", despois de I Am Love (2009) e A Bigger Splash (2015). Protagonizado por Timothée Chalamet e Armie Hammer, no filme tamén aparecen Michael Stuhlbarg, Amira Casar, Esther Garrel e Victoire Du Bois.
O Campionato de España-Copa da Súa Maxestade o Rei, comunmente coñecida como Copa do Rei ou simplemente A Copa, é un torneo futbolístico por eliminación directa que se disputa anualmente entre os mellores clubs de España. Organízao a Real Federación Española de Fútbol. Foi creada en 1903, a raíz do éxito da Copa da Coroación disputada un ano antes, sendo o torneo nacional de fútbol máis antigo de España.
O nubeiro é un personaxe da mitoloxía galega de aspecto forte e grande, vestido con peles negras, capaz de provocar tormentas e dirixir os raios á vontade. Asóciase, polo xeral, con todo o relativo ao fenómeno da treboada, é dicir, néboa, raios, lóstregos ou chuvia forte. Sae polas mañás das ferrerías para cabalgar os ceos provocando tormentas e lanzar raios e volve a media noite acompañado de cobras e lagartos.
O lagarto arnal, ou lagarto ferreño, Timon lepidus (antes Lacerta lepida), é unha especie de réptil orde dos escamosos, suborde dos lacertilios, infraorde dos escincomorfos, familia dos lacértidos e subfamilia dos lacertinos, unha das que na actualidade integran o xénero Timon.É un lagarto endémico da Europa suroccidental. Vive tamén en Galicia, onde é un dos lagartos de maior tamaño, xunto co lagarto das silvas. Pode chegar aos 70 cm ou máis de lonxitude total incluíndo a cola.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.
Xurxo III do Reino Unido, nado co nome de George William Frederic de Hannover o 4 de xuño de 1738 e finado o 29 de xaneiro de 1820, foi Rei da Gran Bretaña desde 1760 ata 1801. A partir da Acta de Unión de 1800, Xurxo III pasou a ser Rei do Reino Unido. Foi tamén Duque de Brunswick-Lüneburg e, a partir de 1814, Rei de Hannover.
Primeiro ministro de Arabia Saudita
O Primeiro ministro de Arabia Saudita é o xefe do Consello de Ministros e xefe de goberno do Reino de Arabia Saudita. Dende o reinado do Rei Faysal, o posto de primeiro ministro ocúpao o rei.
Amanda Marie Knox, nada en Seattle o 9 de xullo de 1987, é unha muller estadounidense que pasou case catro anos nunha prisión italiana tras a súa condena polo asasinato en 2007 de Meredith Kercher, unha compañeira de intercambio británica, estudante na Universidade para Estranxeiros de Perugia, coa que compartía o seu piso na cidade de Perugia. En 2015, Knox foi definitivamente absolta polo Tribunal Supremo de Casación italiano.
San Miguel de Presqueiras, Forcarei
San Miguel de Presqueiras é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en 2014 tiña 210 habitantes (95 homes e 115 mulleres), 70 menos ca en 2004 (153 mulleres e 127 homes nese ano segundo o padrón municipal) e 73 menos ca en 1999. Ten cinco entidades de poboación.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
O Bouzón é un lugar da parroquia de Piñeiro, no concello pontevedrés de Tomiño, na comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE, en 2013 tiña 144 habitantes (72 homes e 72 mulleres). Neste lugar atópanse o centro cultural, a igrexa e a carballeira na que se celebran as festas, na cal hai árbores senlleiras.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Tanxugueiras é un trío de pandeireteiras galegas formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. O grupo traballa co repertorio da música galega tradicional, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, que a aproximan ao trap ou á electrónica. Nas súas pezas saliéntanse temas como o entendemento entre pobos, a defensa da lingua e da cultura galegas e o apoderamento da muller.O nome do grupo procede da toponimia, trátase do nome dunhas leiras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Santa María de Noceda é unha parroquia do concello pontevedrés de Lalín, na comarca do Deza. Linda coas parroquias de Madriñán, Prado, Santiso e co concello de Silleda. Segundo o IGE en 2011 tiña 275 habitantes (139 homes e 136 mulleres), o que supón unha diminución respecto do ano 1999, cando tiña 346 habitantes.
Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña o 2 de maio de 1935, é un exfutbolista e exadestrador de fútbol galego. Alcumado "o arquitecto", xogaba de centrocampista e está considerado por moitos o mellor futbolista galego da historia e un dos mellores futbolistas do século XX. En 1960 converteuse no primeiro e único xogador nado na Península Ibérica en gañar un Balón de Ouro. Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio natal de Monte Alto e na praia de Santo Amaro e en 1949 entrou a formar parte da nova canteira do Deportivo da Coruña, a chamada Escola Scopelli, creada ese mesmo ano co impulso de Alejandro Scopelli.
O Edicto de Expulsión foi un decreto real emitido por Eduardo I de Inglaterra o 18 de xullo de 1290, polo cal expulsaba a todos os xudeus de Inglaterra. O edicto estivo vixente durante o resto da Idade Media e supuxo o cumio de case 200 anos de persecucións aos xudeus. En 1657 durante o Protectorado británico, Oliver Cromwell permitiu o regreso dos xudeus a Inglaterra poñendo fin a tres séculos de expulsión.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.