Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Fundación, Fundación e Imperio e Segunda Fundación son os tres títulos da saga de Isaac Asimov nos que percorre a historia da caída dun imperio galáctico e o nacemento dun novo baseado nunha interconexión dos humanos co seu contorno. A saga tivo despois ampliación para dar cabida á existencia dun planeta consciente, na idea da Hipótese Gaia de James Lovelock. A contorna das historias consiste nun Imperio Galáctico en descomposición.
O movemento, no plano mecánico, é un fenómeno físico que se define como todo cambio de posición que experimentan os corpos dun sistema ou conxunto no espazo con respecto a eles mesmos ou conforme a outro corpo que serve de referencia. Todo corpo en movemento describe unha traxectoria. A parte da física que se encarga do estudo do movemento sen estudar as súas causas é a cinemática.
Iron Man 3 é un filme estadounidense de 2013 do xénero de superheroes baseado na serie de banda deseñada Iron Man de Marvel, producida pola propia Marvel e distribuída por Walt Disney Studios Motion Pictures. É secuela de Iron Man (2008) e Iron Man 2, e a sétima película do Universo Marvel. Shane Black dirixiu e escribiu o guión con Drew Pearce, utilizando conceptos do arco de historia "Extremis" de Warren Ellis.
The Beach Boys son un quinteto vocal e instrumental orixinal de Hawthorne (Os Ánxeles) que popularizou un estilo de pop coñecido por "Surfing" ou "Hot-Rod". As súas cancións responden a un movemento xuvenil de California da década de 1960, un despreocupado xeito de vivir que tiña nas praias, os coches, as mozas e o surf os seus principais sinais de identidade. O grupo estivo formado por tres irmáns: Brian (compositor, vocais, baixo, piano), Carl (guitarra, vocais) e Dennis Wilson (batería, vocais), xunto cun curmán da familia, Mike Love (vocal) e un veciño, Ao Jardine (guitarra, vocais).
Jean-Jacques Rousseau, nado en Xenebra (Suíza) o 28 de xuño de 1712 e finado en Ermenonville o 2 de xullo de 1778, foi un filósofo suízo, escritor, teórico político e un compositor autodidacta. Unha das figuras sobranceiras do Iluminismo francés, Rousseau é tamén un precursor do romanticismo. Rousseau cóntase entre os autores que mitificaron un pasado fraternal e feliz de todos os Homes, fronte a un presente desordenado e desigual do século XVIII. Voltaire criticou a Rousseau afirmando que: "ninguén colocou algunha vez tanto enxeño en nos querer converter en animais" do que el.
Universidade de Australia Occidental
A Universidade de Australia Occidental (UWA) é unha das principais universidades estatais de Australia.
O rock psicodélico é un estilo de música rock que intenta evocar a experiencia psicodélica usualmente asociada co uso de substancias psicodélicas como o cánnabis, a mescalina ou o LSD, aínda que non necesariamente implica o uso de drogas, sendo inspirada pola cultura psicodélica. A música incorporou novos efectos de son electrónicos e técnicas de gravación, longos solos instrumentais, e improvisación. Moitos grupos psicodélicos teñen estilos distintos, e a etiqueta adoita a usarse espuriamente.Dentro da historia do rock, o rock psicodelico é unha ponte desde o rock blues face o rock progresivo e o heavy metal, así como tamén as fusións do rock con xéneros como o jazz ou xéneros musicais do mundo, moi especialmente a música da India polo seu toque místico.
O checo é unha das linguas eslavas do oeste de Europa, xunto co polaco, eslovaco e o sorabo. Falado por un total duns 12 millóns de persoas, principalmente na República Checa (nas dúas provincias da Bohemia e Moravia e na parte meridional da Silesia) por cerca de 9,5 millóns de persoas. Hai tamén comunidades illadas nos países veciños: en Austria hai unha comunidade de 20.000 falantes en Viena, en Romanía hai seis lugares onde o checo é a lingua propia como resultado dunha inimigración no século XIX, en 2002 eran case 4000, na Voivodina o checo é oficial no concello de Bela Crkva, onde se sitúa a pequena aldea de Češko Selo, na cal a maioría dos seus 46 habitantes son de lingua checa.
As caprifoliáceas (Caprifoliaceae) son unha familia de plantas dicotiledóneas arbustivas, de follas opostas, flores hermafroditas e froito en drupa ou baga, pertencente á orde Dipsacales. A esta familia pertencen rubideiras como o cadrifollo e todas as demais madreselvas, por isto tamén se coñece como a familia das madreselvas. Este clado agrupa unhas 380 especies, en 10 xéneros, cunha extensa área de distribución; centros de diversidade atópanse no Leste de América do Norte e Leste de Asia, mentres que se atopan ausentes no África tropical e no Sur deste continente.
Metal Gear Solid é a terceira entrega da serie de videoxogos Metal Gear creada por Hideo Kojima. As primeiras entregas foron lanzadas primeiro para NES e MSX, e a seguinte para PSX e PC. Tamén dispoñible para PS3 (na Store Xaponesa). No Metal Gear Solid 4 apareceu un mapa orixinal do Metal Gear Solid.
Unha libraría ou librería é un comercio dedicado á venda de libros, poden ser pequenas tendas que ofrecen uns poucos centos de libros ata grandes establecementos comerciais con máis de 200.000 títulos. Algunhas librarías están especializadas na venda de libros antigos. Alén da venda de libros tamén poden vender materiais relacionados como folios, mapas, bolígrafos, sobres ou xornais pero as tendas especializadas neste tipo de materiais coñécense como papelerías, aínda que vendan tamén libros.
Terminator (en inglés: The Terminator) é un filme estadounidense de acción dirixido por James Cameron que foi estreado no 1984. Escrito conxuntamente entre Cameron e William Wisher Jr., está protagonizado por Arnold Schwarzenegger, Michael Biehn, e Linda Hamilton. Estreouse en galego na TVG o 20 de xaneiro de 1992.
O imperio contraataca ou A guerra das galaxias, episodio V: O imperio contraataca (en inglés: Star Wars Episode IV: The Empire Strikes Back) é un filme estadounidense dirixido por Irvin Kershner e producido por George Lucas que foi estreado en 1980. É o segundo filme da saga de Star Wars, pero o quinto en orde cronolóxica interna da saga. Estreouse en galego na TVG o 28 de decembro de 1990.
Google Trends é unha ferramenta de Google Labs que amosa os termos de busca máis populares do pasado recente. As gráficas de Google Trends representan con canta frecuencia se realiza unha busca particular en varias rexións do mundo e en varios idiomas. No eixo horizontal da gráfica representa o tempo (dende algún momento de 2004), e o eixo vertical representa a frecuencia coa que se buscou o termo globalmente.
O Soiuz 2-1a é un foguete espacial ruso de nova xeración derivado do mísil R-7 creado para lanzar tripulacións e carga á órbita baixa terrestre. Está formado por dúas etapas centrais cunha terceira etapa adicional rodeadas de catro foguetes aceleradores, unha configuración común para os foguetes da familia Soiuz. Foi usado por primeira vez durante en 2004.
Batman (en galego, O home morcego) é un superheroe de banda deseñada, que apareceu por primeira vez na historia O estraño caso do sindicato químico da revista Detective Comics #27 en maio de 1939. Foi creado polo artista Bob Kane e o escritor Bill Finger, aínda que só Kane recibiu crédito oficial. Ao principio Batman non era máis que un dos personaxes que aparecían en Detective Comics, pero co tempo converteuse en protagonista de cómics e filmes, compartindo o éxito con outro personaxe de DC Comics, Superman.
A auga (fórmula química H2O) é unha substancia química inorgánica, transparente, insípida, inodora e case incolora, que é o principal constituínte da hidrosfera terrestre e dos fluídos de todos os organismos vivos coñecidos (no que actúa como disolvente).). É vital para todas as formas de vida coñecidas, aínda que non proporciona alimento, enerxía nin micronutrientes orgánicos. A súa fórmula química, H2O, indica que cada unha das súas moléculas conteñen un átomo de osíxeno e dous de hidróxeno, conectados por enlaces covalentes.
007 Casino Royale (en inglés: Casino Royale) é un filme de 2006, o vixésimo primeiro da serie de espionaxe de Eon Productions James Bond e o primeiro interpretado por Daniel Craig como o axente de ficción do MI6 James Bond. Dirixido por Martin Campbell e escrito por Neal Purvis e Robert Wade e mais Paul Haggis, a película marca a terceira adaptación para a pantalla da novela de Ian Fleming Casino Royale (1953) ambientada ao inicio da carreira de Bond como o Axente 007 e a súa licenza para matar. Despois de evitar un ataque terrorista no Aeroporto Internacional de Miami, Bond namórase de Vesper Lynd, a funcionaria do tesouro designada para fornecerlle dos cartos que precisa para a creba do terrorista financeiro, Le Chiffre, por medio dunha partida de póker.
O cancro de estómago ou cancro gástrico é un tipo de crecemento celular maligno producido con capacidade de invasión e destrución doutros tecidos e órganos , en particular o esófago e o intestino delgado, causando cerca dun millón de mortes no mundo anualmente. Nas formas metastásicas, as células tumorais poden infiltrar os vasos linfáticos dos tecidos, diseminarse aos ganglios linfáticos e, superando esta barreira, penetrar na circulación sanguínea, despois do cal queda aberto virtualmente o camiño a calquera órgano do corpo.
A guerra das galaxias (en inglés Star Wars, aínda que traducido literalmente significa «guerras estelares» ou «guerras das estrelas») é unha serie de oito filmes de ciencia ficción creada polo produtor, director e guionista norteamericano George Lucas, tralo éxito de American Graffiti. A serie comezou en 1977 con Star Wars Episodio IV: Unha Nova Esperanza, e dende entón converteuse nun fenómeno social e cultural, do que se crearon novelas, historias en banda deseñada, videoxogos... Isto permitiu a Lucas ampliar a historia con dous episodios máis: O Imperio Contraataca e O Retorno do Jedi, que continuarían o grande éxito da primeira.
Finding Nemo (en galego, Atopando a Nemo) é unha película de animación dixital da compañía Pixar Animation Studios do ano 2003, gañadora dun Oscar ó mellor filme de animación entre moitos outros premios. Estreouse en Estados Unidos o 30 de maio de 2003. O guión está baseado nun argumento de Andrew Stanton.
Unha lista de éxitos musicais é unha maneira de darlle á música un grao, que vén da súa popularidade. estadounidense Billboard Hot 100 é unha das listas máis populares. A información sobre listas vén dalgunhas fontes diferentes, como o número de vendas, ás veces que se programou na radio, ou que se descargau, e outros criterios.
Disney+ (pronunciado Disney Plus) é un servizo de vídeo baixo demanda en streaming que é propiedade e é xestionado pola división Media and Entertainment Distribution de The Walt Disney Company. O servizo distribúe principalmente filmes e series de televisión de The Walt Disney Studios e Walt Disney Television, achegando tamén contido das compañías Disney, Pixar, Marvel, Star Wars, National Geographic e Star. Os filmes e as series de televisión orixinais do servizo tamén son distribuídos en Disney+.
James Francis Cameron, nado o 16 de agosto de 1954 en Chippawa, Ontario é un director de cine, produtor e guionista canadense. O seu traballo como gionista e director inclúe filmes como Piraña II (1981), Terminator (1984), Aliens (1986), The Abyss (1989), Terminator 2: O xuízo final (1991), True Lies (1994), Titanic (1997) e Avatar (2009).
O Apollo 13 foi a sétima misión tripulada do Proxecto Apollo dos Estados Unidos de América. Non puido cumprir o seu obxectivo, que era realizar unha aluaxe na rexión de Fra Mauro, debido ás enormes complicacións causadas pola explosión dun tanque de osíxeno cando a nave espacial viaxaba cara á Lúa. Esta aventura espacial foi levada ao cine en 1995 coa película Apollo 13.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
No xudaísmo, un Bar Mitzvah é un neno xudeu, e unha Bat Mitzvah unha nena xudía, que cumpriu 13 anos (ou para unha nena do movemento ortodoxo, 12 anos). Pasan por un rito de paso que simboliza a responsabilidade do mozo por si mesmo. Antes do bar mitzvah, os pais do neno son responsables das accións do neno.
Cyberpunk: Edgerunners (サイバーパンク エッジランナーズ, Saibāpanku Ejjirannāzu) é unha serie de animación cyberpunk polaco-xaponesa de 2022. Está baseada no videoxogo Cyberpunk 2077 de CD Projekt Red. A serie foi animada por Studio Trigger baixo a supervisión de CD Projekt, e estreouse en Netflix en setembro de 2022.
Margaret Eleanor Atwood, nada en Otava o 18 de novembro de 1939, é unha poeta, escritora, crítica literaria, mestra, activista ambiental e inventora canadense. Dende 1961, publicou dezaoito libros de poesía, dezaoito novelas, once libros de non ficción, nove coleccións de historias curtas de ficción, oito libros infantís e dúas novelas gráficas, así como unha serie de publicación en prensa tanto de poesía como ficción. Atwood gañou numerosos premios e honras pola súa escritura, incluíndo dous Premios Booker, o Premio Arthur C. Clarke, o Premio do Gobernador Xeral, o Premio Franz Kafka, o Premio Princesa de Asturias das Letras e o Premio PEN Center USA Lifetime Achievement do Círculo de Críticos Nacional do Libro.
Gran Premio de Bélxica de 1977
O Gran Premio de Bélxica de Fórmula 1 de 1977 disputouse en Zolder o 5 de xuño de 1977. Foi a sétima carreira da tempada de Fórmula Un de 1977, o 35º Gran Premio de Bélxica e a cuarta, que se celebrou no Autódromo de Zolder. A carreira disputouse sobre 70 voltas nos catro quilómetros do circuíto para unha distancia de carreira de 280 quilómetros.
A construción de nicho é o proceso mediante o cal un organismo altera o seu propio ambiente (ou o doutras especies), xeralmente (pero non sempre) de maneira que incrementa as súas posibilidades de sobrevivir. Os cambios que o organismo produce no seu ambiente que non teñen consecuencias evolutivas ou ecolóxicas non son exemplos de construción de nicho. Varios biólogos argumentaron que a construción de nicho é tan importante en evolución coma a selección natural (é dicir, non só o ambiente causa cambios nas especies por medio da selección, senón que tamén as especies causan cambios no seu ambiente por medio da construción de nicho).
Gene Ontology, abreviada como GO (Ontoloxía Xénica), é unha importante iniciativa bioinformática para unificar a representación dos atributos dos xenes e produtos xénicos de todas as especies de seres vivos. O proxecto ten os seguintes obxectivos concretos: 1) Manter e desenvolver o seu vocabulario controlado de atributos de xenes e produtos xénicos; 2) anotar xenes e produtos xénicos, e asimilar e diseminar os datos de anotación; e 3) proporcionar ferramentas para un acceso doado a todos os aspectos dos datos proporcionados polo proxecto, e permitir a interpretación funcional de datos experimentais usando o GO, por exemplo por medio da análise de enriquecemento. GO forma parte dun grande esforzo de clasificación, chamado Open Biomedical Ontologies (OBO).
Super Mario Bros. (スーパーマリオブラザーズ) é un videoxogo deseñado por Shigeru Miyamoto para a videoconsola NES en 1985. Universalmente considerado un clásico, foi un dos primeiros xogos de plataforma de desprazamento lateral, a súa popularidade non tivo precedentes e comezou unha nova era nos xogos para consola, convertendo á figura de Mario na mascota oficial de Nintendo e nunha icona internacional.
Hideaki Anno (庵野 秀明, Anno Hideaki), nado en Ube o 22 de maio de 1960, é un animador, director de cinema e actor xaponés. É coñecido por ser o creador do popular anime Neon Genesis Evangelion. O seu estilo quedou definido pola incorporación do posmodernismo e da extensa representación dos pensamentos e emocións dos personaxes, a miúdo a través de escenas non convencionais que presentan a súa deconstrución mental.
A lingua suazi ou swati é unha lingua bantú do grupo nguni falada polo pobo pobo suazi. O número total de falantes en toda a rexión estímase que podería roldar os 3 millóns. A lingua é ensinada nas escolas de Swazilandia e nalgúns colexios surafricanos de Mpumalanga, particularmente nas áreas KaNgwane.
My Stepmother Is An Alien é un filme estadounidense, unha comedia de ficción científica de 1988. O filme produciuno Weintraub Entertainment Group e distribuiuno Columbia Pictures, a dirección é de Richard Benjamin e os protagonistas principais Kim Basinger, Dan Aykroyd, Jon Lovitz e Alyson Hannigan.
2001: Unha odisea do espazo (en inglés: 2001: A Space Odyssey) é un filme británico-estadounidense de ciencia ficción producido e dirixido por Stanley Kubrick que foi estreado en 1968. O guión, escrito por Kubrick e Arthur C. Clarke, está parcialmente baseado na historia curta de Clarke "The Sentinel". Posteriormente, Clarke escribiu a novela 2001: A Space Odyssey, que foi publicada pouco despois da estrea.
The Elder Scrolls V: Skyrim é un videoxogo de rol en mundo aberto desenvolvido por Bethesda Game Studios e publicado por Bethesda Softworks. É o quinto título da serie The Elder Scrolls, despois de The Elder Scrolls IV: Oblivion. Skyrim foi estreado internacionalmente o 11 de novembro de 2011, para Microsoft Windows, PlayStation 3 e Xbox 360.
Groenlandia ou Grenlandia (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao Océano Ártico e ao norte do Océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación.Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca. En 1979, foille concedido autogoberno á illa, cunha relación coñecida en dinamarqués como Rigsfællesskabet, e en novembro de 2008 celebrou un referendo para ampliar a autonomía con vistas a unha futura independencia.
The Lord of the Rings: The Return of the King
The Lord of the Rings: The Return of the King é un filme épico e de fantasía de 2003 dirixido por Peter Jackson que está baseado na segunda e terceira parte da triloxía d'O Señor dos Aneis de J. R. R. Tolkien. É o terceiro e derradeiro filme da triloxía cinematográfica, precedido por The Fellowship of the Ring (2001) e The Two Towers (2002). Cando Sauron lanza as derradeiras ofensivas para a conquista da Terra Media, Gandalf e o rei Théoden de Rohan unen forzas para axudar a defender a capital de Gondor, Minas Tirith, da ameaza inminente.
Joseph Hill «Joss» Whedon nado o 23 de xuño de 1964 en Nova York, é un director e guionista estadounidense. Traballou en televisión como director, produtor executivo e creador de varias series, sendo coñecido especialmente o seu traballo en Buffy the Vampire Slayer. En banda deseñada o seu traballo máis difundido realizouno dende 2004 en Astonishing X-Men.
A lingua ruanda (tamén coñecida como kinyarwanda ou rwanda) é unha lingua bantú falada por 12 millóns de persoas en Ruanda, República Democrática do Congo e partes do sur de Uganda. É a lingua oficial de Ruanda e está estreitamente relacionada coa lingua kirundi, que é a oficial na veciña Burundi.O kinyarwanda é unha das tres linguas oficiais de Ruanda (xunto co inglés e o francés), e é falada pola ampla maioría da poboación nativa. Isto contrasta coa maioría das nacións africanas modernas, cuxas fronteiras foron deseñadas polos poderes coloniais e non se corresponden cos límites étnicos ou os reinos precoloniais.
O turcomán (adaptación de türkmençe, türkmen dili, en cirílico түркмен дили e en árabe تورکمن ﺗﻴﻠی ,تورکمنچه), é unha lingua turca falada por 5 millóns de persoas en Turkmenistán, onde é a lingua oficial do estado, así como por 1 400 000 persoas no nordeste de Irán, 700.000 falantes no noroeste de Afganistán, e pequenas comunidades turcomás en Iraq, Siria, Turquía e Rusia.
Turner Classic Movies (TCM) é unha rede de canles de televisión de pagamento especializada na emisión de filmes de cinema, especialmente de cinema clásico e cinema de Hollywood gravado dende os inicios do cinema ata a actualidade. Pertence a Turner Broadcasting System, que á súa vez forma parte da multinacional Time Warner.
Casablanca (en amazigh: ⴰⵏⴼⴰ "Anfa" ou "Taddart Tamellalt", e en árabe: الدار البيضاء, ad-Dar al-Baïdaa, en darija: Casa, كازا) é a maior cidade do Marrocos, o seu principal porto e centro económico e comercial do país. A súa poboación segundo o censo do 2004 é de 3 111 977 de habitantes. Sitúase na beira do Océano Atlántico, a 80 quilómetros ao suroeste de Rabat.
Lars von Trier, nado co nome de Lars Trier en Copenhague o 30 de abril de 1956, é un director de cine dinamarqués, un dos creadores do movemento Dogma 95. Salienta sobre todo pola súa forte personalidade creativa e é considerado un dos directores máis innovadores e multidisciplinares do cine actual, a pesar da controversia dalgunhas das súas obras.
Koyaanisqatsi, tamén coñecido como Koyaanisqatsi: Life Out of Balance, é un filme experimental de 1982 dirixido por Godfrey Reggio. A música é obra de Philip Glass e a fotografía de Ron Fricke. O filme componse de escenas en slow motion e time-lapse de cidades e paisaxes naturais ó longo dos Estados Unidos de América.
Death Note (デスノート, Desu Nōto) é unha serie de manga escrita por Tsugumi Ōba e ilustrada por Takeshi Obata, e cuxa adaptación ó anime foi dirixida por Tetsurō Araki. A historia céntrase en Light Yagami, un estudante de insituto que atopa un caderno sobrenatural chamado «Death Note», co cal é quen de matar persoas se escribe os nomes no caderno mentres imaxina mentalmente a cara de quen quere asasinar. Light tenta eliminar a tódolos criminais e crear un mundo onde non exista a maldade, pero os seus plans serán frustrados por L, un célebre detective privado.A serie está baseada nun one-shot que foi difundido por Shūeisha para a revista Shōnen Jump, e xeralizouse como unha inclusión no volume trece, «How to Read», o cal é unha guía que contén datos relativos á franquía, incluíndo o perfil de tódalas personaxes principais.
Ingmar Bergman (pronunciado en sueco: 'ɪŋmar 'bærjman ), nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director de cine e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes e influentes da cinematografía mundial.Dirixiu máis de sesenta películas e documentais para a televisión e o cine, os guións dos cales tamén escribía, e dirixiu unhas cento setenta obras de teatro. Na súa compañía de actores atópanse Harriet Andersson, Liv Ullmann, Gunnar Björnstrand, Bibi Andersson, Erland Josephson, Ingrid Thulin e Max von Sydow.
Matrix (en inglés: The Matrix) é un filme de ciencia ficción escrito e dirixido por Lana e Lilly Wachowski e protagonizado por Keanu Reeves, Laurence Fishburne, Carrie-Anne Moss e Hugo Weaving. Foi estreado nos Estados Unidos o 31 de marzo de 1999 e foi o primeiro da triloxía de Matrix e dunha serie de videoxogos, curtas animadas e bandas deseñadas. O filme gañou 4 Premios Oscar incluíndo a mellor montaxe, mellor son, mellor edición de son e mellores efectos visuais.
Neon Genesis Evangelion (en xaponés: 新世紀エヴァンゲリオン; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime conta con 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Asta Sofie Amalie Nielsen, nada o 11 de setembro de 1881 en Vesterbro (Copenhague) e finada o 24 de maio de 1972 en Frederiksberg, foi unha actriz de cine mudo dinamarquesa principalmente coñecida por protagonizar numerosos filmes na década de 1910 e por ser unha das primeiras estrelas de cinema de fama internacional.
A mitoloxía grega comprende a colección de lendas sobre deuses gregos e heroes antigos, orixinariamente creada e difundida dentro da tradición oral e poética desta antiga civilización do Mediterráneo oriental. As fontes superviventes da mitoloxía grega son transcricións destas narracións faladas, ou ben revisións literarias posteriores. Aínda que os gregos non practicaban a relixión, coñecían estas historias que formaban parte do seu acervo cultural.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo ou o Raposo de Arteixo, ou simplemente Arsenio, nado na Baiuca (Arteixo) o 24 de decembro de 1930 e finado na Coruña o 5 de maio de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos, converténdose nunha das figuras máis destacadas da historia do club. Como futbolista xogaba de dianteiro, e tras pasar polo Bergantiños, o Fabril e o Xuvenil, debutou en Primeira División co Deportivo na tempada 1951/52. Xogou seis anos co club coruñés, disputando 146 partidos oficiais e marcando 33 goles.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2022, ano dedicado a Florencio Delgado, 62 autores (5 mulleres e 57 homes) foron homenaxeados nas 60 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Naguib Mahfús (en árabe: نجيب محفوظ e en inglés Naguib Mahfouz), nado o 11 de decembro de 1911 no Cairo e finado o 30 de agosto de 2006 na mesma cidade, foi un escritor exipcio galardoado en 1988 co premio Nobel de Literatura. Xunto co seu coterráneo Taha Hussein, considérase a Naguib como un dos expoñentes máis importantes do existencialismo árabe, e un dos primeiros escritores contemporáneos da literatura árabe. Coñecido pola súa narrativa, foi gañador do Premio Nobel de Literatura en 1988, sendo así o primeiro escritor en lingua árabe en recibir devandito galardón, e o máis recoñecido desta lingua.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
O Señorío de Cuzcatlán (en lingua pipil: Kuskatan) foi unha nación nahua, na súa maioría pipil, do Período Posclásico tardío da época prehispánica. Estaba fundamentada no que se coñece como réxime Zuyuano, que era unha estrutura ideolóxica que sustentaba os gobernos dese período, baseado en que os altos cargos de goberno foron conferido por Ce Ácatl Topiltzin Quetzalcóatl en Tollan (a quen tamén se considera o fundador mitolóxico de Cuscatlán no seu exilio). O seu territorio abranguía a maior parte da zona occidental e central do Salvador), cubrindo un territorio de aproximadamente 10 000 km².Dividíase en 74 provincias tributarias chamadas kalpishkayu (náhuatl clásico: calpixcayotl 'cousas do calpixqui ou mordomo'), tamén chamados atepet (náhuatl clásico: altepetl 'outeiro de auga') ou techantakutun (techan 'vila', takutun 'parte', parte dunha vila; este termo é un neoloxismo empregado no vocabulario nahua para designar a este tipo de entidades así como concellos e entidades semellantes).
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 196.133 .
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.