Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.
O saraiki (سرائیکی sarā'īkī, ou tamén escrito como siraiki ou seraiki) é unha lingua indoaria do grupo lahnda, falada na metade suroccidental da provincia de Punjab, en Paquistán. Anteriormente era coñecida como multani. O saraiki é altamente intelixible co punjabi estándar co cal comparte unha gran parte do seu vocabulario e morfoloxía.
Internet Archive é un sitio web e unha organización sen ánimo de lucro destinada á preservación de historiais Web e recursos multimedia. Creada en 1996, atopábase desde esa data e até o 2009 no Presidio de San Francisco e actualmente áchase na rúa 300 de Funston, tamén en San Francisco. A colaboración que levou a cabo a amplitude desa páxina foi grazas a Alexa Internet e doutros colaboradores á parte da colaboración da Biblioteca do Congreso.
A Universidade de Oxford, situada na cidade de Oxford, en Inglaterra, é a máis antiga universidade do mundo anglófono. A Universidade de Oxford e a Universidade de Cambridge son ás veces referidas colectivamente como "Oxbridge". As dúas universidades manteñen unha longa historia de rivalidade, xa que son as dúas máis antigas e máis coñecidas escolas de Inglaterra.
A comedia de situación (situation comedy ou sitcom en inglés) consisten normalmente nunha serie de televisión con personaxes comúns onde hai unha ou máis historias de humor simuladas en ambientes comúns como familia, grupo de amigos, lugar de traballo. En xeral gravanse en fronte dun público en vivo e caracterízanse polos "risos enlatados". A comedia de situación ten a súa orixe nas radio comedias da época dourada da radio no Reino Unido, mais hoxe é unha peza fundamental da programación.
En socioloxía e bioloxía, unha poboación é un grupo de persoas, ou organismos dunha especie particular, que viven nunha área xeográfica, ou espazo, e cuxo número se determina normalmente por un censo. A demografía é o estudo estatístico das poboacións humanas. Aspectos varios do comportamento humano nas poboacións estúdanse en socioloxía, economía, e xeografía, en especial, na xeografía da poboación.
O gremio era un tipo de asociación económica de orixe europea, implantada tamén nas colonias, que agrupaba os artesáns dun mesmo oficio, e que apareceu nas cidades medievais e estendeuse até fins da Idade Moderna, cando foron abolidas. Tivo como obxectivo conseguir un equilibrio entre a demanda de obras e o número de obradoiros activos, garantindo o traballo aos seus asociados, o seu benestar económico e os sistemas de aprendizaxe. Sostívose que o gremio foi un precedente do sindicato moderno.
O Protocolo de Transferencia de Hipertexto (HTTP) é un protocolo de aplicación para sistemas de información de hipermedia distribuídos, colaborativos. HTTP é a base da comunicación de datos para a World Wide Web, onde os documentos de hipertexto inclúen hiperligazóns a outros recursos aos que o usuario pode acceder facilmente, por exemplo, facendo clic co rato ou tocando a pantalla nun navegador web. HTTP foi desenvolto para facilitar o hipertexto e a World Wide Web.
Halo: Combat Evolved (tamén coñecido como Halo: CE, Halo 1, ou sinxelamente Halo), é un videoxogo en primeira persoa creado por Bungie e publicado por Microsoft Game Studios. É o primeiro xogo da franquía, foi lanzado ó mercado o 15 de novembro de 2001 para a consola Xbox, e ten vendido máis de cinco millóns de copias en todo o mundo. Microsoft lanzou versións do xogo para Microsoft Windows (creada por Gearbox Software) e Mac OS X en 2003, e a historia foi adaptada e elaborada nunha serie de novelas e bandas deseñadas.
Die Hard with a Vengeance é un filme estadounidense dirixido por John McTiernan que foi estreado en 1995. Está protagonizado por Bruce Willis, que interpreta o Tenente da Policía de Nova York John McClane, por Samuel L. Jackson como o compañeiro de McClane Zeus Carver, e Jeremy Irons como Simon Peter Gruber. Foi estreado no 19 de maio de 1995, cinco anos despois de Die Hard 2, e foi seguido por Live Free or Die Hard e A Good Day to Die Hard no 2007 e 2013, respectivamente.
Cravos vermellos (titulado orixinalmente en inglés Red Nails) é un relato escrito polo autor estadounidense Robert E. Howard para o seu personaxe de espada e bruxaría Conan o bárbaro. Foi o primeiro relato de Conan en ser publicado postumamente (a revista pulp Weird Tales publicouno en outubro de 1936 despois de que Howard se suicidara en xuño) e tamén foi o primeiro, e o único, no que aparece a personaxe feminina de Valeria, que máis tarde, en 1982, sería utilizada no filme Conan o bárbaro, con Arnold Schwarzenegger no papel de Conan e Sandahl Bergman no papel de Valeria, aínda que a historia narrada no filme non coincidise coa historia narrada en Cravos vermellos. Foi traducido ó galego por Tomás González Ahola e foi publicado dentro da colección "Conan IV" de Urco Editora no ano 2016.
Nevada é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América, localizada no suroeste do país. Nevada posúe as maiores taxas de crecemento poboacional de todos os Estados Unidos, en gran parte grazas á grande inmigración de mexicanos na rexión. O crecemento poboacional do Estado entre 1990 e 2000 foi do 66,3%, en canto a poboación do país como un todo creceu 13,1%.
San Patricio, nado co nome de Maewyin Succat en Old Kilpatrick (Dumbarton, Escocia) cara ao 387 e finado en Saul (Condado de Down, Irlanda do Norte) un 17 de marzo cara ao 460 ou cara ao 492, foi un misioneiro cristián, é venerado como santo pola Igrexa católica. Patricio é venerado non só como apóstolo, senón como santo patrón, da Irlanda. É festexado por toda a comunidade católica irlandesa no mundo o 17 de marzo, data da súa morte.
Rincewind é un personaxe de ficción das novelas de Discworld do autor inglés Terry Pratchett. É un mago (fracasado) de nivel 0 que non dá aprobado os cursos da Universidade Invisible (Unseen University) en Ankh-Morpork. Rincewind pasa case todo o seu tempo escapando de varios grupos de persoas que intentan matalo por diferentes razóns.
Os Premios Peabody (The George Foster Peabody Awards) son galardóns que se entregan anualmente con carácter internacional á excelencia nos medios de comunicación electrónicos, radio e na televisión, pero tamén admite tamén medios alternativos como CD-ROM ou internet. Concedéronse pola primeira vez en 1941 só para a radio, a partir de 1948 concedéronse galardóns á televisión.
Un videoxogo para un xogador, (single-player en inglés) é aquel que ten entrada para un único xogador . Os videoxogos máis temperáns, como Tennis for Two, eran para dous xogadores, os xogos para un único xogador gañan popularidade pouco despois con títulos como Speed Race e Space Invaders. A primeiros dos 90 presentáronse moitos xogos que utilizaron redes de área local para modos de multixogador, Doom é un exemplo notábel destes.
Xogo de patriotas (en inglés: Patriot Games) é un filme estadounidense de suspense dirixido por Phillip Noyce que foi estreado en 1992. Está baseado na novela homónima de Tom Clancy. É unha secuela do filme de 1990 The Hunt for Red October, pero con diferentes actores nos papeis principais, Harrison Ford como Jack Ryan e Anne Archer como a súa muller.
A PlayStation 2 (PS2) é a segunda videoconsola producida por Sony, despois da PlayStation 1 e antes da PlayStation 3 (que foi lanzada en novembro 2006). Lanzouse primeiro no Xapón no 4 de marzo, 2000, segundo en América do NorteF no 26 de outubro, 2000, e en Europa o 24 de novembro, 2000. A PS2 é parte da sexta xeración de videoxogos.
Yale University Press é unha editorial universitaria asociada á Universidade Yale. Foi fundada en 1908 por George Parmly Day, e converteuse no órgano oficial de publicacións da Universidade Yale en 1961, pero segue tendo autonomía financeira e operativa.Dende 2009, Yale University Press publica cada ano 300 títulos novos en tapa dura e outras 150 edicións de peto e conta con máis de 6.000 libros en formato impreso. Os seus libros gañaron cinco Premios Nacionais do Libro, dous Critics Circle National Book Awards e oito Premios Pulitzer.
Denomínase translación ao movemento da Terra ao redor do Sol, a cal describe á súa ao redor unha órbita elíptica na que o Sol está nun dos focos. Se se toma como referencia a posición dunha estrela, a Terra cumpre unha volta nun ano sideral (ou sidéreo) cuxa duración é de 365 días, 6 horas, 9 minutos e 10 segundos. O ano sideral é de pouca importancia práctica.
Un acuario público é un estabelecemento aberto ao público para a observación das especies acuáticas en acuarios expostos nun obxectivo comercial ou educativo. Certos acuarios especializáronse na presentación de especies de auga doce, outros na exhibición de especies de auga salgada. Un acuario público pode ser tamén unha parte dun xardín zoolóxico ou dun museo científico (museo oceanográfico, museo de historia natural,...).
Oslo, chamada Christiania entre 1624 e 1878 e Kristiania entre 1878 e 1924, é a capital e a cidade máis habitada de Noruega, amais de ser o seu centro político, económico e cultural. Politicamente constitúe un concello e a vez unha das dezanove provincias do país. En 2018 a súa poboación era de 673 469 habitantes, un 12% da poboación total de Noruega, sendo a terceira cidade e área urbana máis poboada de Escandinavia, só superada por Copenhague e Estocolmo.
StarCraft: Brood War é unha expansión para o videoxogo de estratexia en tempo real de ciencia ficción futurista StarCraft, desenvolvida por Blizzard Entertainment e publicada en 1998. É un dos xogos para ordenador máis vendidos da historia, catalogado de best-séller e considerado como un clásico dos xogos de ordenador. Foi presentado para distintas plataformas, como Windows, Mac e Nintendo 64, aínda que esta última con menos acollida.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
A constitución é a norma fundamental, básica, dun Estado, escrita ou non, que regula o réxime de dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns, e os poderes (a forma de partición dos poderes, en xeral en tres: Executivo, Lexislativo e Xudicial) e institucións da organización política. Considérase a Constitución a lei básica, ou "lei de leis" pois ningunha das disposicións normativas que rexen no Estado poden contradicir os principios expresados na Constitución. É o que se denomina principio de xerarquía normativa.
SEGA (株式会社セガ) é unha compañía internacional de videoxogos que traballa en software e hardware. Nos principios do ano 2001, Sega deixou de facer videoconsolas, e agora só traballa en xogos doutras consolas e máis en máquinas de salóns recreativos (arcade). As oficinas principais de Sega, tamén denominadas as de SEGA of Japan, están sitas en Toquio, Xapón.
O Observatorio Lowell é un observatorio astronómico situado en Flagstaff, Arizona. O Observatorio Lowell é un dos observatorios máis antigos dos Estados Unidos, e está catalogado como edificio de interese histórico. O telescopio Alvan Clark de 24 polgadas orixinal aínda se usa en demostracións educativas.
Final Fantasy é unha serie de xogos RPG da compañía xaponesa Square Enix, nome adoptado trala fusión de SquareSoft, creadora dos Final Fantasy, con Enix, outra grande compañía xaponesa coñecida en grande medida pola súa saga Dragon Quest. O elemento común de tódolos xogos é a fantasía: mundos máxicos que descubrir, desafíos que afrontar e inimigos cos que loitar. Os seus inicios remóntanse aos tempos da NES. O seu novedoso estilo de xogo provocou a súa grande aceptación por parte dos xogadores.
Star Trek é unha franquía de entretemento multimedia ambientada no universo de ciencia ficción creado por Gene Roddenberry en 1966 para a serie de televisión homónima. A franquía inclúe series de televisión, películas, obras de banda deseñada, novelas, xogos e videoxogos, mesmo revistas, atraccións, e exposicións itinerantes.
A GNU General Public License (abreviado como GNU GPL ou GPL; en galego "Licenza pública xeral de GNU" ) é unha licenza de software libre, que garante que os usuarios finais teñen a potestade de usar, estudar, modificar e compartir o software. A licenza escribiuna Richard Stallman, da Free Software Foundation (FSF), para o proxecto GNU e para outorgarlle aos usuarios das aplicacións os dereitos que establece a definición de software libre. Agora os dereitos de autoría da licenza son da Free Software Foundation.
Para o artigo da illa, vexa Día, Grecia. Un día (do latín: dies) é o lapso de tempo que transcorre na Terra desde que o Sol está no punto máis alto sobre o horizonte ata que volve estalo. A duración aproximada do día son 24 horas, divididas, tradicionalmente, en tempo de luz (tamén chamado "día") e período escuridade (chamado "noite").
Giant Bomb é un sitio web de videoxogos e unha wiki estadounidense que inclúe noticias sobre a industria, recensións, comentarios e vídeos. Foi creado polos ex-editores de GameSpot Jeff Gerstmann e Ryan Davis, en colaboración con Whiskey Media. O sitio web foi votado pola revista Time como uno dos 50 mellores sitios web do ano 2011.
Faceted Application of Subject Terminology
FAST (Faceted Application of Subject Terminology) é unha sintaxe simplificada para o tesauro Library of Congress Subject Headings (LCSH). Foi desenvolvido por Online Computer Library Center, Inc. (OCLC) como parte do WorldCat, co obxectivo de facer catalogación menos custosa e máis doada de aplicar en contextos conectados.
Super Mario Bros. (スーパーマリオブラザーズ) é un videoxogo deseñado por Shigeru Miyamoto para a videoconsola NES en 1985. Universalmente considerado un clásico, foi un dos primeiros xogos de plataforma de desprazamento lateral, a súa popularidade non tivo precedentes e comezou unha nova era nos xogos para consola, convertendo á figura de Mario na mascota oficial de Nintendo e nunha icona internacional.
Un obxecto transneptuniano é calquera obxecto do Sistema Solar que ten unha órbita localizada parcial ou totalmente alén da órbita de Neptuno. Os obxectos transneptunianos adoitan denominarse co acrónimo TNO (do inglés trans neptunian object). Os TNO inclúen, entre outros, os corpos da Nube de Oort e os obxectos do Cinto de Kuiper.
Un disco circunestelar é un toro ou acumulación con forma de anel de materia composta de gas, po, planetesimais, asteroides ou fragmentos de colisión que está en órbita arredor dunha estrela. Arredor de estrelas máis novas, encóntranse os reservorios de materiais a partir dos que se forman os planetas. Os discos arredor das estrelas maduras indican que a formación de planetesimais tivo lugar aredor de ananas brancas, o que implica que o material planetario sobreviviu durante toda a evolución estelar.
O período orbital (tamén chamado período de revolución orbital) e o tempo que tarda un planeta, un satélite, ou outro obxecto orbitante en completar a súa órbita. Cando se fala de obxectos orbitantes arredor do Sol existen dous tipos de períodos orbitais: O período sideral é a medida do tempo que tarda o obxecto en completar unha volta arredor do Sol, tomando como punto de referencia unha estrela fixa. Considerase como o auténtico período orbital do obxecto, sendo o que ollaría un observador inmóbil que non orbitara arredor do sol.
A masa é unha propiedade dos obxectos físicos que, basicamente, mide a cantidade de materia. É un concepto central na mecánica clásica e disciplinas afíns, expresando a magnitude que, para un corpo determinado, indica a proporción entre forza e aceleración. No Sistema Internacional de Unidades mídese en quilogramos.
Os Dolomitas (italiano: Dolomiti, Ladino: Dolomites; alemán: Dolomiten, véneto: Dołomiti, friulano: Dolomitis), tamén coñecidos como Montañas Dolomitas, os Alpes dolomíticos ou Alpes dolomíticos, son unha cordilleira situada no nordés de Italia. Forman parte dos Alpes surorientais e esténdense desde o Río Adige no oeste ata o Val de Piave (Pieve di Cadore) no leste. As fronteiras norte e sur están definidas polo Val Puster e o Val Sugana (en italiano: Valsugana).
Tesla pode referirse a: Nikola Tesla (1856-1943), inventor austrohúngaro; tesla, unidade para a medición do campo electromagnético; Tesla, banda de rock; Serra da Tesla en Burgos, España; Tesla, personaxe de manga; Tesla, Inc., fabricante de vehículos eléctricos, con base en Silicon Valley (Estados Unidos); Nvidia Tesla, un procesador de uso xeral baseado na tecnoloxía dos procesadores gráficos (GPU).
O teorema das catro cores é un teorema de formulación e conceptualización simple, mais de demostración extremadamente complexa. A súa formulación é a seguinte: Dado un mapa plano, dividido en rexións, chegan catro cores para colorealo, de forma que rexións veciñas non partillen a mesma cor.É necesario precisar un pequeno detalle: as rexións que só se tocan nun punto non se consideran veciñas. Sen esta condición, o teorema demostrouse pola primeira vez en 1976 por Appel e Haken, utilizando un computador IBM 360.
Os videoxogos de plataformas son un xénero de videoxogos que se caracterizan por ter que camiñar, correr, saltar ou escalar sobre unha serie de plataformas e cantís, con inimigos, mentres se recollen obxectos para poder completar o xogo. Este tipo de videoxogos adoitan usar vistas de desprazamento horizontal cara á esquerda ou cara á dereita. É un xénero moi popular de videoxogos, xurdido a comezo da década de 1980 e que segue mantendo bastante popularidade na actualidade.
A Copa Mundial da FIFA Suráfrica 2010™ (en inglés: FIFA World Cup South Africa 2010™) foi a edición número dezanove do Campionato Mundial de fútbol de seleccións, a competición máis importante deste deporte. O torneo comezou o 11 de xuño no Estadio Soccer City de Xohanesburgo, rematando un mes despois, o 11 de xullo, no mesmo recinto. O Mundial de Fútbol 2010 foi a culminación dunha fase de clasificación que comezou en agosto de 2007 involucrando a 204 dos 208 equipos nacionais rexistrados pola FIFA. Como tal coincide cos Xogos Olímpicos de 2008 como a competición deportiva con máis estados participantes.
O Kingman Reef, en galego: Arrecife Kingman, é un pequeno arrecife de coral tropical de 1 km² de superficie, situado ao norte do Océano Pacífico, aproximadamente a medio camiño entre Hawai e Samoa Americana, ó redor de 920 millas náuticas ao sur de Honolulu. (6°24' N, 162°24' O). Forma parte do conxunto das Illas da Liña.
O estranxeiro (en francés, L'Étranger) é unha novela publicada en 1942, a primeira do escritor Albert Camus. O estranxeiro adoita asociarse á filosofía do absurdo e ao existencialismo, aínda que Camus sempre se distanciou desta última etiqueta. O protagonista, Meursault, é un francés alxeriano indiferente á realidade por resultarlle absurda e inabordable.
Kansas City é unha cidade dos condados de Clay, de Cass, de Jackson e máis de Platte, no estado nortemericano de Missouri. Situada na confluencia dos río Missouri e Kansas, érguese na fronteira dos estados de Missouri e de Kansas, e xusto enfronte da cidade homónima de Kansas. O alcume de Cidade das Fontes venlle de que en Kansas City hai 160 fontes, cifra só superada por Roma.
San Fins de Celeiros é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponteareas, limita polo norte con Santiago de Oliveira, polo oeste con Arcos, polo leste con Guillade, polo suroeste con Lira, polo sur con Taboexa e polo sueste con Vilacova. Ten doce entidades de poboación (Cotres, Agro longo, A Vaiana, Verdeal, As Cavadas, Espiñáns, Valverde de Arriba, O Requeixo, O Outeiro, A Carreira, Ribadas e Soutelo) constando cinco delas no nomenclátor. Segundo o IGE, en 2022 tiña 229 habitantes (109 homes e 120 mulleres).
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible. Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas, entre outros.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
Un xogo é unha actividade recreativa que envolve un ou máis xogadores. Caracterízase por ter un obxectivo que os xogadores tratan de acadar e por un conxunto de regras que din o que os xogadores poden ou non poden facer. A función principal dun xogo é a de entreter e divertir, pero pode tamén representar un papel educativo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Saudade de ti é unha serie de televisión estreada en 2022 pola Televisión de Galicia, consta de 60 capítulos na primeira tempada, que foron emitidos entre xullo e setembro de 2022. A primeira tempada foi líder de audiencia na TVG. Foi seguida por máis de 150.000 espectadores cada noite, a primeira elección en horario de máxima audiencia en Galicia.En marzo de 2023 gravábase a segunda tempada en Ares. Foi estreada na TVG o domingo 18 de xuño de 2023, emitíndose os domingos, luns e martes.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Aliança Catalana (en galego: Alianza Catalá) é un partido independentista catalán de extrema dereita fundado en Ripoll en 2020. Avoga polo proteccionismo das empresas catalás, a separación entre estado e relixión e a defensa da economía de mercado. O partido tomou posición contra o bilingüismo en Cataluña e tamén contra a inmigración, feito polo que foi considerado islamófobo.
A turbidimetría é o proceso de medir a perda de intensidade da luz transmitida debido ao efecto de dispersión de partículas suspendidas na mostra que atravesa. A luz pasa a través dun filtro creando unha luz de lonxitude de onda coñecida que pasa a través dunha cubeta que contén unha solución. Unha célula fotoeléctrica recolle a luz que pasa a través da cubeta.