Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Madredeus é un grupo musical portugués. A súa música combina influencias das músicas populares portuguesas coa música moderna. Tematicamente, as letras das cancións falan sobre temas tamén abordados polo fado, como a saudade e temas derivados, como a solitude, a esperanza, a ausencia, a distancia ó o amor adiado, así como temas mais xeneralistas, como a a guerra, paz ou a culpa e o remorso.
AllMusic (anteriormente coñecido como All Music Guide ou AMG) é un sitio web propiedade da empresa RhythmOne dende abril de 2015, que está concibido como un servizo de guía musical para usuarios, fans e membros da industria musical. O seu creador foi Michael Erlewine e comezou a funcionar en 1991, aínda que a base de datos non estivo dispoñible en Internet ata 1994. Só está dispoñíbel en lingua inglesa.
A Wikipedia en sueco (en sueco: Svenskspråkiga Wikipedia) é a edición da enciclopedia libre Wikipedia en lingua sueca, a cal comezou o 23 de maio de 2001. É a terceira meirande Wikipedia en número de artigos, só por detrás da Wikipedia en inglés e da Wikipedia en cebuano, e ten unha profundidade de artigos de 11,91. A maioría dos artigos foron creados polo bot Lsjbot, ou por ferramentas de software.Esta versión da enciclopedia contén 2.565.290 artigos e 869.706 usuarios, dos cales 2.105 son activos.
Un signo (do latín "signum", á súa vez do grego "σημειόν") é unha entidade que ten o significado doutra entidade, sendo a partícula máis pequerrecha no ámbito da expresión. Deste xeito, non obstante, trátase dun elemento complexo que leva consigo unha información significativa, así como da parte máis importante dunha mensaxe que chega aos nosos sentidos a través do sentido da vista ou o oído. Un signo natural é unha entidade que posúe unha relación casual coa entidade significante, como un relampo como signo de tormenta.
O presidio perpetuo ou cadea perpetua é unha pena privativa de liberdade de carácter indefinido, que normalmente se impón como condena perante un delito grave, e que pode implicar a privación de liberdade para sempre. Na maioría de xurisdicións nas que non se contempla a pena capital, a cadea perpetua (en especial sen posibilidade de liberdade condicional) constitúe o castigo máis severo que pode recibir un criminal. Nalgúns países, a cadea perpetua considérase unha alternativa á pena capital por crimes maiores.
Ingmar Bergman (pronunciado en sueco: 'ɪŋmar 'bærjman ), nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director de cine e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes e influentes da cinematografía mundial.Dirixiu máis de sesenta películas e documentais para a televisión e o cine, os guións dos cales tamén escribía, e dirixiu unhas cento setenta obras de teatro. Na súa compañía de actores atópanse Harriet Andersson, Liv Ullmann, Gunnar Björnstrand, Bibi Andersson, Erland Josephson, Ingrid Thulin e Max von Sydow.
O botón direccional, tamén coñecido como cruz direccional, pad direccional ou D-pad, é o controlador dixital de direccións en forma de cruz que posúen os gamepads das consolas de videoxogos. Aínda que foron en parte desprazados polas pancas analóxicas, continúan a estar presentes mesmo nas consolas da última xeración. Os botóns direccionais poden dividirse, segundo a morfoloxía, en dous grupos: Botón direccional simple: Peza de plástico con forma de cruz, ben próxima da superficie (Nintendo NES, Game Boy, Super Nintendo) ou un pouco afundida (Nintendo 64, Dreamcast, Gamecube, Playstation).
Doutrina, (do latín doutrina), é un conxunto coherente de ensinos ou instrucións que poden ser: un conxunto de ensinos baseados nun sistema de crenzas sobre unha rama de coñecemento, campo de estudo ou ciencia concreta. principios ou posicións respecto dunha materia ou cuestión determinadas. un sistema de postulados, científicos ou non (frecuentemente coa pretensión de validez xeral ou universal).No ámbito xurídico, doutrina xurídica é a idea de dereito que sustentan os xuristas, aínda que non orixinan dereito directamente, é innegable que en maior ou menor medida inflúen na creación do ordenamento xurídico.
O aeroporto internacional Ngurah Rai (IATA: DPS, OACI: WADD), oficialmente coñecido como aeroporto internacional I Gusti Ngurah Rai, é o principal aeroporto de Balí, situado a 13 quilómetros ao sur de Denpasar. Ngurah Rai é o segundo aeroporto máis concorrido de Indonesia despois do aeroporto internacional Soekarno-Hatta, en Iacarta. Airport Council International premiou ao aeroporto de Ngurah Rai cmo o terceiro mellor do mundo do 2016 polos seus servizos, dentro da categoría entre 15 e 25 millóns de pasaxeiros.O aeroporto foi chamado na honra de I Gusti Ngurah Rai, un heroe balinés que morreu o 20 de novembro de 1946 nun puputan (loita a morte) contra os neerlandeses en Marga, onde estes derrotaron á súa compañía con apoio aéreo, matando a Ngurah Rai e a outros 95 durante a revolución indonesia.
Lions Gate Entertainment Corporation (ou Lionsgate) é unha empresa do entretemento canadense-estadounidense. A compañía fundouse en Vancouver, na Columbia Británica, o 3 de xullo de 1997, e ten a súa sede en Santa Monica (California). En novembro de 2013, era a produtora e distribuidora de cine con máis éxito, fóra do grupo das "major", en Norte América, e o sétimo estudio de cine máis proveitoso.
Getty Thesaurus of Geographic Names
O Tesauro de Nomes Geográficos Getty (en inglés Thesaurus of Geographic Names, abreviado ou TGN ou GTGN) é un produto da fundación J. Paul Getty Trust incluído no Programa de Vocabulario Getty. O TGN inclúe nomes e informacións asociadas sobre lugares. Os lugares do TGN inclúen entidades políticas administrativas (por exemplo, cidades ou nacións) e as súas características físicas (por exemplo montañas, ríos etc).
Cravos vermellos (titulado orixinalmente en inglés Red Nails) é un relato escrito polo autor estadounidense Robert E. Howard para o seu personaxe de espada e bruxaría Conan o bárbaro. Foi o primeiro relato de Conan en ser publicado postumamente (a revista pulp Weird Tales publicouno en outubro de 1936 despois de que Howard se suicidara en xuño) e tamén foi o primeiro, e o único, no que aparece a personaxe feminina de Valeria, que máis tarde, en 1982, sería utilizada no filme Conan o bárbaro, con Arnold Schwarzenegger no papel de Conan e Sandahl Bergman no papel de Valeria, aínda que a historia narrada no filme non coincidise coa historia narrada en Cravos vermellos. Foi traducido ó galego por Tomás González Ahola e foi publicado dentro da colección "Conan IV" de Urco Editora no ano 2016.
O Mont Blanc (en francés) ou Monte Bianco (en italiano) (Monte Branco, en galego) é a montaña granítica culminante dos Alpes, cunha altura oficial de 4.810,45 metros (segundo a última medición, en setembro de 2009). Trátase do punto máis elevado de Europa Occidental e un dos máis altos do resto de Europa, superado só por varias montañas de Rusia e Xeorxia como o Elbrus de 5.642 metros. O Mont Blanc, rodeado de vales con numerosos glaciares, forma parte do macizo do Mont Blanc que se estende entre as demarcacións do Val de Aosta, en Italia, e de Alta Savoia, en Francia.
Unha parafilia é un patrón de comportamento sexual que se caracteriza por prácticas ou fantasías pouco frecuentes, extravagantes, intensas e recorrentes, as cales son necesarias para a excitación sexual. Ao longo da historia moitos autores clasificaron as prácticas sexuais segundo o seu grao de normalidade. Naceron así termos como perversión sexual, desviación sexual, anomalía ou alteración sexual, conduta excepcional, preferencia sexual ou variante sexual.
Romeo e Xulieta (en inglés: Romeo and Juliet) é unha traxedia en lingua inglesa de William Shakespeare, escrita en 1597 co título orixinal de The Most Excellent and Lamentable Tragedie of Romeo and Juliet. Foi traducida ao galego por Miguel Pérez Romero e foi publicado pola Editorial Galaxia en 2003.
O Último teorema de Fermat, ou teorema de Fermat-Wiles, afirma que non existe ningún conxunto de enteiros positivos x {\displaystyle x} , y {\displaystyle y} , z {\displaystyle z} e n {\displaystyle n} con n {\displaystyle n} maior que 2 que satisfaza x n + y n = z n {\displaystyle x^{n}+y^{n}=z^{n}\,} .(Para os primeiros valores de n {\displaystyle n} existe unha infinidade de solucións: o caso n = 1 {\displaystyle n=1} é evidente, o caso n = 2 {\displaystyle n=2} admite, entre outras, a solución clásica 42 + 32 = 52 e utiliza o método do círculo).
Na literatura e o cinema un antiheroe fai referencia a un personaxe de ficción que ten algunhas características que son antiéticas comparadas coas do heroe tradicional. Un antiheroe nos libros e filmes actuais xeralmente realizará actos que son xulgados "heroicos", pero farao co emprego de métodos ou intencións que non o son tanto.
Circuíto de Barcelona-Cataluña
O Circuíto de Barcelona-Cataluña (en catalán: Circuit de Barcelona-Catalunya), coñecido tamén como Circuíto de Cataluña ou Circuíto de Montmeló, é un autódromo situado na poboación de Montmeló, na provincia de Barcelona, España. Inaugurado no ano 1991, ten un aforamento de 131.000 espectadores, e acolle diversas competicións entre as que destacan o Gran Premio de España de Fórmula 1 e o Gran Premio de Cataluña do MotoGP. Debido a que é un dos circuítos máis utilizados para os ensaios dos diferentes equipos de Fórmula 1, a gran maioría dos pilotos está moi familiarizados co mesmo. O Circuíto de Barcelona-Cataluña é unha instalación pública, cuxa titularidade pertence á Generalitat de Cataluña.
Google Académico (en inglés: Google Scholar) é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios. Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.
Nick Cave and The Bad Seeds é unha banda de Rock/post-punk cunha aliñación internacional e flutuante. Foi formada en 1983 por dous membros da desaparecida banda australiana The Birthday Party: Nick Cave (cantante, compositor) e o músico Mick Harvey. Uníuselles o guitarrista Blixa Bargeld, membro da banda alemá Einstürzende Neubauten, o ex-guitarrista da banda Magazine Hugo Race e o tamén membro desta última banda Barry Adamson, baixista e pianista.
Güeldres (en baixo saxón Gelderlaand e en neerlandés Gelderland, antigamente Gelre) é unha das doce provincias que conforman o Reino dos Países Baixos. Do mesmo xeito que as demais provincias, está gobernada por un comisario designado polo monarca e unha cámara lexislativa elixida mediante sufraxio universal. A capital é Arnhem.
Asociación de Nacións do Sueste Asiático
A Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ANSA, tamén coñecido como ASEAN polas súas siglas en inglés) é unha organización de países do sueste de Asia, fundouse o 8 de agosto de 1967 co propósito de fomentar a cooperación e asistencia entre os membros. En novembro de cada ano os países membros celebran unha xuntanza. O seu secretario permanente está en Iacarta.
A síndrome de Asperger é un trastorno xeneralizado do desenvolvemento que forma parte dos trastornos do espectro autista e que implica para quen o padece dificultades significativas na interacción social. O termo utilizouno por vez primeira Lorna Wing en 1981 en honra do pediatra e psiquiatra austríaco Hans Asperger. Recoñecido por primeira vez no Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders na súa cuarta edición de 1994 (DSM-IV) afecta á vida social da persoa, as súas percepcións sensoriais e tamén á súa motricidade caracterizándose pola dificultade de interacción social, a falta de empatía, a interpretación literal da linguaxe, dificultade cos cambios, repetición de comportamentos estereotipados pero a diferenza do autismo clásico non comporta ningún atraso no desenvolvemento cognitivo ou da linguaxe do individuo.
William "Billy" Connolly, Jr., nado o 24 de novembro de 1942 en Anderston, Glasgow, é un artista, músico, presentador, cómico e actor escocés de cinema e televisión. Tamén é coñecido, especialmente en Escocia, polo seu alcume en scots The Big Yin ("O grande"). O seu estilo de comedia baséase a miúdo na improvisación, incluíndo frecuentemente linguaxe malfalada.
Nicole Mary Kidman, nada en Honolulú (Hawai) o 20 de xuño de 1967, é unha actriz e produtora con dobre nacionalidade australiana e estadounidense. Gañou un Óscar, catro Globo de Oro, un Bafta e un Oso de Prata á mellor actriz, entre outros. Ten unha irmá máis nova, Antonia Kidman, que tamén é actriz.
O test de Bechdel, tamén coñecido como test de Bechdel/Wallace é un método para avaliar se un guión de película, serie, cómic ou outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a fenda de xénero. Orixinouse no cómic Dykes to Watch Out For, obra de Alison Bechdel de 1985. A invención do test atribúese a Liz Wallace, unha amiga da autora do cómic.
A Sega Mega Drive, coñecida en diversos territorios de América como Sega Genesis, é unha videoconsola de 16 bits producida por Sega. Forma parte da cuarta xeración de videoconsolas e competiu no mercado contra a SNES de Nintendo. Foi comercializada en 1988 no Xapón como Mega Drive e en 1989 en Norteamérica como Genesis.
Alice Pleasance Liddell Hargreaves Taylor, nada en Westminster o 4 de maio de 1852 e finada en Kent o15 de novembro de 1934, foi durante a súa infancia amiga de Lewis Carroll, e a súa inspiración para o personaxe protagonista dos libros Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello.
Sidney Lumet, nado en Filadelfia o 25 de xuño de 1924 e finado en Nova York o 9 de abril de 2011, foi un director, produtor e guionista de cine, teatro e televisión estadounidense. Foi nomeado ao Oscar ó mellor director catro veces, polos seus filmes Doce homes sen piedade (1957), A tarde dun día de cans (1975), Network, un mundo implacable (1976) e Veredicto final (1982).
Judy Garland, nada co nome de Frances Ethel Gumm en Grand Rapids, Minnesota, o 10 de xuño de 1922 e finada en Londres, Reino Unido, o 22 de xuño de 1969, foi unha actriz e cantante estadounidense. O seu papel máis coñecido foi Dorothy Gale en The Wizard of Oz (1939). Foi nomeada para o Óscar á mellor actriz e gañou moitos outros premios na súa carreira.
O mergo pequeno, Mergellus albellus, é unha especie de ave da orde das anseriformes, familia dos anátidos e subfamilia dos merxinos, a única incluída no xénero Mergellus. Este xénero está estreitamente relacionado con Mergus e estivo e ás veces está incluído nel, aínda que podería estar máis emparentado cos patos do xénero Bucephala. O mergo pequeno hibrida con Bucephala clangula.Un pato mariño fósil do Mioceno medio demostra que existían patos similares ao mergo pequeno hai uns 13 millóns de anos.
En química, unha mestura racémica, ou racemato é unha mestura que ten igual cantidade dos isómeros D e L (enantiómeros) dunha determinada substancia quiral. A primeira mestura racémica que se coñeceu foi o "ácido racémico", que, como Louis Pasteur descubriu, era unha mestura dos dous enantiómeros do ácido tartárico. A racemización é a conversión dunha solución enantiomericamente pura (cun só enantiómero) nunha mestura na que están presentes os dous enantiómeros.
La Pianiste é un filme franco-austríaco do ano 2001 dirixido por Michael Haneke e protagonizado por Isabelle Huppert e Benoît Magimel. O guión, escrito polo propio Haneke, é unha adaptación da novela do mesmo nome de Elfriede Jelinek, gañadora do Premio Nobel de Literatura no ano 2004. Foi estreada o 14 de maio de 2001 no Festival de Cine de Cannes, onde conseguiu o Gran Premio do Xurado e a súa parella protagonista levou dous premios á mellor interpretación.
Hornbostel-Sachs (ou Sachs-Hornbostel) é un sistema de clasificación de instrumentos musicais creado por Erich Moritz von Hornbostel e Curt Sachs, e publicado por primeira vez no Zeitschrift für Musik en 1914. En 1961 publicouse unha tradución ao inglés no Galpin Society Journal. Constitúe o sistema de clasificación máis amplamente usado polos etnomusicólogos e organólogos.
Un artigo enciclopédico é un texto escrito, de carácter informativo, destinado a explicar un concepto segundo patróns descritivos sistemáticos, determinados pola obra de referencia da cal fai parte: como nun dicionario ou unha enciclopedia. O artigo está esencialmente destinado á consulta e aborda conceptos ben estabelecidos nalgún paradigma académico ou científico, no canto de entrar en polémicas referentes a categorías teóricas discutíbeis.
Francis-Marie Martínez de Picabia, nado en París o 22 de xaneiro de 1879 e finado na mesma cidade o 30 de novembro de 1953, foi un pintor francés. Amais de practicar a pintura e o debuxo, exerceu como escritor e poeta. Tras comezar experimentando co impresionismo e o puntillismo, achegouse ao cubismo.
Alexander Pope, nado en Londres o 21 de maio de 1688 e finado o 30 de maio de 1744, foi un dos meirandes poetas ingleses do século XVIII, especialmente coñecido grazas aos seus versos satíricos dunha tradución de Homero. Trátase do escritor máis frecuentemente citado en The Oxford Dictionary of Quotation, despois de Shakespeare e Tennyson.
O funk é un estilo musical afroamericano. Naceu nos 60 con intérpretes coma James Brown, Sly and the Family Stone e The Meters, e emerxeu coma xénero a finais desa década. O funk caracterízase por ter ritmos bailables moi sincopados que enfatizan o primeiro tempo de cada compás, liñas de baixo prominentes, unha guitarra rítmica moi distintiva cun son afiado, voces ó estilo da música soul, seccións de vento poderosas e orientadas ó ritmo, unha grande énfase na percusión, incluíndo adoito diversos tambores ademais da batería, e influencias africanas e do jazz.
NTSC (National Television System Committee) é o sistema de televisión analóxica usado nos Estados Unidos e que se estendeu ao resto de Norteamérica, Centroamérica e as Antillas, a maioría dos países de Suramérica, Birmania, Corea do Sur, Taiwán, Xapón, Filipinas e algúns países de Oceanía. Do NTSC derivouse o sistema PAL que utilizan ou utilizaron a maioría dos países.
Federico Fellini, nado en Rimini o 20 de xaneiro de 1920 e finado en Roma o 31 de outubro de 1993, foi un director e guionista de cine italiano. Gañador de catro Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa e dun Oscar Honorífico pola súa traxectoria. Durante case catro décadas -desde Lo sceicco bianco de 1952 a La voce della luna 1990- Fellini "retrata", en ducias de películas, un pequeno grupo de personaxes memorables.
Android é un sistema operativo para móbiles baseado en Linux, que xunto con aplicacións middleware está destinado para ser empregado en dispositivos móbiles como teléfonos intelixentes, tabletas, Google TV e outros dispositivos. É desenvolvido pola Open Handset Alliance, a cal é liderada por Google. Este sistema polo xeral manexa aplicacións como Market (Marketing) ou a súa actualización, PlayStore.
Louis Pasteur, nado en Dole (departamento do Jura) o 27 de decembro de 1822 e finado o 28 de setembro de 1895, foi un químico francés cuxos descubrimentos tiveron enorme importancia en diversos campos das ciencias naturais, sobre todo na química e microbioloxía. A el débese a técnica coñecida como pasteurización. A través de experimentos refutou definitivamente a teoría da xeración espontánea e desenvolveu a teoría xerminal das enfermidades infecciosas.
Alex Kidd in Miracle World é un videoxogo de plataformas para a consola de 8-bit Sega Master System. Foi publicado no Xapón o día 1 de novembro de 1986, e con posterioridade nos EEUU en decembro dese mesmo ano, en Europa en setembro de 1987, en Corea do Sur en outubro de 1988, e no Brasil en 1989. Un remake feito por Merge Games e Jankenteam, titulado Alex Kidd in Miracle World DX, foi publicado o 22 de xuño do 2021.
Purificación Campos Sánchez, nada en Barcelona o 18 de agosto de 1937 e finada en Madrid o 19 de novembro de 2019, foi unha historietista, ilustradora e pintora española, que traballou fundamentalmente para o mercado exterior. Está entre os artistas españois de banda deseñada que máis venderon e con maior éxito.
Abhijit Vinayak Banerjee (en bengalí: অভিজিৎ বিনায়ক বন্দ্যোপাধ্যায় ) nado o 21 de febreiro de 1961 en Bombai, na India, é un economista indio-estadounidense. O 14 de outubro de 2019, foi galardoado co Premio Nobel de Ciencias Económicas, polo "enfoque experimental para aliviar a pobreza global", xunto con Esther Duflo e Michael Kremer.
Un telefilme é un filme producido e orixinalmente emitido por unha canle de televisión. O formato apareceu nos Estados Unidos a principios da década de 1960 para incentivar aos epectadores para que veran na casa unha película equivalente ás longametraxes exhibidas en salas de cinema. Os telefilmes adoitan teren orzamentos menores que o das películas realizadas para o cinema, pero contan cun número de xéneros e temas tan amplos como as obras cinematográficas.
Acis, personaxe mitolóxico grego, era un pastor siciliano, fillo de Fauno e da ninfa Simetis. Amado pola ninfa Galatea, matouno por celos o ciclope Polifemo ao lle botar unha rocha enriba. O sangue de Acis formou un regato pequecho debaixo da rocha que o matara: Galatea converteu o regato en río.Ovidio dedicoulle un poema na súa obra Metamorfoses.
Marvel Comics é unha editorial estadounidense de banda deseñada, con sede en 387 Park Avenue South, en Nova York. Entre as súas revistas máis famosas encontramos os Catro Fantásticos, Spiderman, Hulk, Capitán América e X-Men. É unha das dúas empresas estadounidenses máis importantes, xunto a DC Comics, dende a década de 1960.
Park Chan-wook (Hangul 박찬욱) nado o 23 de agosto de 1963 en Seúl, é un director, guionista, produtor e crítico surcoreano. Un dos máis famosos e aclamados directores de cine do seu país, Park é coñecido polos seus filmes Joint Security Area, Thirst e The Vengeance Trilogy, un saga de tres filmes composta por Sympathy for Mr. Vengeance (2002), Oldboy (2003) E Sympathy for Lady Vengeance (2005).
O terrorismo é unha sucesión de actos de violencia que se caracteriza por inducir terror na poboación civil de forma premeditada. Dentro dos comportamentos forzados pola ameaza do terrorismo en devandita poboación civil inclúense a aceptación de condicións de moi diversa índole: políticas, económicas, lingüísticas, de soberanía, relixiosas etc. Cando este tipo de estratexias é utilizado por gobernos oficialmente constituídos, denomínase terrorismo de Estado.
A Torre de Londres é, oficialmente, O palacio e fortaleza da súa maxestade, a Torre de Londres, aínda que o derradeiro gobernante que residiu nela foi Xacobe I (1566-1625). A Torre Branca, o edificio cadrado con torretas en cada esquina que lle deu o nome ao edificio, atópase no centro dun complexo de diversos edificios á beira do río Támese en Londres. O complexo foi empregado como fortaleza, armería, almacén do tesouro, palacio, palacio de detención, observatorio, refuxio e cárcere, especialmente para prisioneiros de "clase alta".
Un mito (do grego μῦθος, mythos, conto) é a narración alegórica de fenómenos extraordinarios ou feitos inexplicables para os nosos devanceiros, protagonizada por personaxes fabulosos (deuses, semideuses, monstros) ou heroes. Nas comunidades antigas os mitos eran considerados como unha realidade vivida por diversos personaxes sobrenaturais.
A Nintendo 64, comunmente chamada N64, é a terceira videoconsola de ámbito doméstico deseñada por Nintendo. A N64 viu a luz o 23 de xuño de 1996 no Xapón, en 29 de setembro de 1996 aparece en América do Norte, e o 1 de marzo de 1997 sae a venda en Europa e Australia. O seu lanzamento no Xapón e en América do Norte foi acompañado de só dous videoxogos, (Super Mario 64 e PilotWings 64) mentres que no seu lanzamento en Europa saíu tamén outro videoxogo máis, Star Wars: Shadows of the Empire (o cal fora xa lanzado a venda nos países nos que xa se vendía a N64).
MusicBrainz é un proxecto cuxo obxectivo é a creación dunha base de datos musical de contido aberto. MusicBrainz recolle información sobre música gravada, nomes de artistas, títulos, listaxes de cancións, datas de publicación, etc. O 30 de xaneiro de 2016, MusicBrainz contiña información de arredor dun millón de artistas, un millón e medio de álbums e máis de quince millóns e medio de gravacións.Os rexistros fanse grazas ao traballo de editores voluntarios que seguen unhas normas de edición precisas.
Abbey Road é o undécimo primeiro álbum de The Beatles, saíu o 26 de setembro de 1969 no Reino Unido (o 1 de outubro nos Estados Unidos) e foi o último álbum gravado polo grupo, aínda que Let It Be se publicou despois. Produciuno George Martin. Rolling Stone considérao o 14º mellor álbum de todos os tempos.
Un invento ou invención é un obxecto, técnica ou proceso que posúe características novedosas. Pode estar baseado nalgunha idea, colaboración ou innovación previa e o proceso da mesma require polo menos o coñecemento dun concepto ou un método existente que se poida modificar ou transformar nunha nova invención. Con todo, algunhas invencións tamén representan unha creación innovadora sen antecedentes previos na ciencia ou a tecnoloxía que amplían os límites do coñecemento humano.
Os premios Nébula son concedidos desde 1965 pola Asociación de escritores de ciencia ficción e fantasía dos Estados Unidos (SFWA). Aínda que non ten asociada unha cantidade de diñeiro, e o premio mesmo é sinxelo (un bloque transparente cunha nebulosa incrustada brillante), as editoriais non adoitan deixar de mencionar que unha novela obtivo este galardón tendo en conta que serve como marca de recoñecemento doutros escritores do gremio e serve, do mesmo xeito que o premio Hugo, para aumentar as vendas da obra. De feito, considérase un dos premios máis importantes da ciencia ficción.
Un DVD ou deuvedé (Digital Versatile Disc, antes denominado Digital Video Disc) é un formato de almacenamento óptico que pode ser empregado para gardar datos, incluíndo películas con alta calidade de vídeo e son. Aseméllase aos discos compactos en canto ás súas dimensións físicas (diámetro de 12 ou 8 cm), pero están codificados nun formato distinto e a unha densidade moito maior.
A música country de Australia forma parte da música de Australia. Existe un amplo abano de estilos, dende o bluegrass, o iodelei ou o folk até os máis populares. O xénero foi influenciado pola música folk celta e inglesa, a tradición de bush ballad australiana, así como a música country estadounidense.
American Horror Story é unha serie de televisión de terror creada e producida por Ryan Murphy e Brad Falchuk. Descrita como unha serie antolóxica, cada temporada está concibida como unha miniserie autónoma que segue a un conxunto dispar de personaxes e escenarios, e unha historia co seu propio principio, nó e desenlace. Algúns elementos do argumento de cada tempada están vagamente inspirados en feitos reais.
Margaret Eleanor Atwood, nada en Otava o 18 de novembro de 1939, é unha poeta, escritora, crítica literaria, mestra, activista ambiental e inventora canadense. Dende 1961, publicou dezaoito libros de poesía, dezaoito novelas, once libros de non ficción, nove coleccións de historias curtas de ficción, oito libros infantís e dúas novelas gráficas, así como unha serie de publicación en prensa tanto de poesía como ficción. Atwood gañou numerosos premios e honras pola súa escritura, incluíndo dous Premios Booker, o Premio Arthur C. Clarke, o Premio do Gobernador Xeral, o Premio Franz Kafka, o Premio Princesa de Asturias das Letras e o Premio PEN Center USA Lifetime Achievement do Círculo de Críticos Nacional do Libro.
The Village Voice é un xornal estadounidense coñecido por ser o primeiro xornal semanal do país. Fundado en 1955 por Dan Wolf, Ed Fancher e Norman Mailer, Voice comezou como unha plataforma para a comunidade creativa da cidade de Nova York. Dende a súa fundación, The Village Voice recibiu tres Premios Pulitzer, o Premio National Press Foundation e o Premio George Polk.