Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A Copa da Costa é unha competición futbolística por eliminatorias de partidos de ida volta. Recibe o nome pola Costa da Morte e nela participan equipos das comarcas da Barcala, Noia, Soneira, Bergantiños, Xallas, Muros e Fisterra.A final de 2017 entre o Dumbría e o Fisterra foi televisada por primeira vez en directo vía streaming pola web da TVG e retransmitida en diferido na TVG2.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
A Copa do Sar é unha competición futbolística por eliminatorias de partidos. Recibe o nome polo río Sar e nela participan equipos das comarcas do Sar, A Barbanza, Santiago, Ordes, Tabeirós- Terra de Montes, Caldas, Deza, Noia, Arzúa e Terra de Melide. O campión de 2022 é a SD Tordoia, tras eliminar a: Touro (1-4), Silleda (1-5), Cidade de Ribeira (3-2), Sport Team Estrada (1-1, 2-4 a penaltis) e Flavia SD (0-3).
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Microscopio electrónico de transmisión
O microscopio electrónico de transmisión (MET ou, polas súas siglas en inglés, TEM) é un tipo de microsocopio no cal se transmite un feixe de electróns a través dun espécime a observar para formar unha imaxe del. O espécime adoita ser unha sección ultrafina de menos de 100 nm de grosor ou unha suspensión situada nunha grella ou reixa. A imaxe fórmase pola interacción dos electróns coa mostra a medida que o feixe de electróns se transmite atravesando o espécime.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
Elvis Aaron Presley, máis coñecido por Elvis Presley ou polo seu nome de pía Elvis, e como o Rei do Rock and Roll, ou simplemente o Rei, nado en Tupelo, Mississippi, o 8 de xaneiro de 1935 e finado en Memphis, Tennessee, o 16 de agosto de 1977, foi un cantante e actor norteamericano. Está considerado como unha das máis significativas iconas culturais do século XX. Cando tiña 13 anos, trasladouse coa súa familia a vivir a Memphis, Tennessee. A súa carreira musical comezou en 1954 cando gravou para Sun Records co produtor Sam Phillips, quen quería levar o son da música afroamericana a unha audiencia máis numerosa.
Nuno II Menendiz (orixinalmente Nunus Menendiz, Nunu Mendiz ou Menendi e en portugués Nuno Mendes), finado o 17 de febreiro de 1071, foi un nobre galego, sétimo e derradeiro conde de Portucale dende o 24 de decembro de 1054. Descendía da liñaxe de Vimara Pérez, o primeiro conde de Portucale, e era fillo do conde Menendo III Nuniz. Desexaba unha maior autonomía para Portucale respecto do Reino de Galiza, provocando un enfrontamento co rei García II na batalla de Pedroso onde morreu, o rei puxo fin ás ambicións dos baróns portucalenses e acabou coa existencia do Primeiro Condado de Portucale (868-1071) integrándoo en Galiza.
Circunscrición electoral de Pontevedra
Pontevedra é unha das 52 circunscricións electorais españolas utilizadas como distritos electorais para o Congreso dos Deputados e o Senado, que son as Cámaras Baixa e Alta do Parlamento Español. Correspóndenlle 7 deputados e 4 senadores. A circunscrición, que se corresponde coa provincia de Pontevedra, é tamén unha das 4 circunscricións electorais de Galicia para as eleccións autonómicas en que elixe 22 deputados.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
San Miguel de Presqueiras, Forcarei
San Miguel de Presqueiras é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en 2014 tiña 210 habitantes (95 homes e 115 mulleres), 70 menos ca en 2004 (153 mulleres e 127 homes nese ano segundo o padrón municipal) e 73 menos ca en 1999. Ten cinco entidades de poboación.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Elda é unha cidade do País Valenciano, situada na provincia de Alacant. Ten unha poboación de 55.174 habitantes segundo o censo de 2008, ocupando o 7º posto en número de habitantes entre as cidades da provincia de Alacant e o seu termo municipal ocupa unha área de 44,86 km². Situada a beiras do río Vinalopó, é a cidade máis importante da comarca do Vinalopó Mitjà e forma, con Petrer, unha conurbación de 88.775 habitantes.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Raquel Carrera Quintana, nada en Ourense o 31 de outubro de 2001, é unha xogadora galega de baloncesto, que xoga no Valencia Basket da Liga Feminina española e na selección española.Mide 188 centímetros e xoga na posición de ala-pivote. Tras formarse no Pabellón Ourense da súa cidade natal, fichou polo Celta de Vigo, onde aos 14 anos se converteu na xogadora máis nova en debutar co primeiro equipo. Tras catro tempadas no club vigués deu o salto á máxima categoría do baloncesto español fichando polo Valencia Basket.
Os ciclos económicos poden definirse como as oscilacións da expansión á contracción da Economía.Dende o século XIX os estudosos dos negocios impresionáronse polas dramáticas caídas que cada 7 a 10 anos rexistraba a actividade económica. En 1863, o francés Clement Juglar demostrou con probas estatísticas, que as crises non eran fenómenos illados, senón parte dunha flutuación cíclica da actividade comercial, bolsista e industrial e que os períodos de prosperidade e crise seguíanse uns aos outros. Karl Marx avanzou sobre o estudo das causas estruturais do ciclo económico e as crises.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Mikel Irastorza, nado en Donostia en 1975, é un político vasco detido.Desde 2007 Irastorza exerceu de representante do Foro de Debate Nacional, unha agrupación que agrupaba Eusko Alkartasuna e Aralar. Foi líder do grupo independentista inactivo desde o 2011 ETA (Euskadi Ta Askatasuna), despois de 8 anos ocupando diferentes tarefas, foi detido na localidade de Ascain, no sur de Francia, o 5 de novembro de 2016. A parella que o aloxaba na súa casa tamén foi detida.
Eleccións municipais de 2023 en Galicia
As eleccións municipais de 2023 celebraráronse o 28 de maio de 2023 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
Saudade de ti é unha serie de televisión estreada en 2022 pola Televisión de Galicia, consta de 60 capítulos na primeira tempada, que foron emitidos entre xullo e setembro de 2022. A primeira tempada foi líder de audiencia na TVG. Foi seguida por máis de 150.000 espectadores cada noite, a primeira elección en horario de máxima audiencia en Galicia.En marzo de 2023 gravábase a segunda tempada en Ares. Foi estreada na TVG o domingo 18 de xuño de 2023, emitíndose os domingos, luns e martes.
Una mujer fantástica é un filme chileno de 2017 dirixido por Sebastián Lelio, escrito por Lelio e Gonzalo Maza, e producido por Juan de Dios e Pablo Larraín. Está protagonizado por Daniela Vega e Francisco Reyes. Foi escollido para competir polo Oso de Ouro na sección principal do Festival Internacional de Cinema de Berlín de 2017.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 197.174.
Política lingüística en Ucraína
A política lingüística en Ucraína baséase na súa Constitución e, desde o 16 de xullo de 2019, na nova Lei lingüística de Ucraína, literalmente Lei de Ucraína "para garantir o funcionamento da lingua ucraína como lingua estatal", coñecida tamén como Lei de Apoio ao Funcionamento da Lingua Ucraína como Lingua Estatal, aprobada polo presidente Petró Poroshenko.
Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible. Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas, entre outros.
Sistema Internacional de Unidades
O Sistema Internacional de unidades (en inglés: International System of Units e en francés: Le Système international d'unités), abreviado como SI ou SIU, é o nome adoptado pola XI Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (celebrada en París en 1960) para un sistema de unidades de medida universal, unificado e coherente, baseado no sistema MKS (metro-quilogramo-segundo). Na conferencia de 1960 definíronse os patróns para seis unidades básicas ou fundamentais e dúas unidades suplementarias (radián e estereorradián); en 1971 engadiuse unha sétima unidade fundamental, o mol. As dúas unidades suplementarias suprimíronse como clase independente dentro do Sistema Internacional na XX Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (1995); estas dúas unidades quedaron incorporadas ó SI como unidades derivadas sen dimensións.
A ovella na cultura popular galega
A seguir recóllese a pegada da ovella na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Inclúese tamén a información recollida sobre o carneiro ou o año, así como sobre os produtos obtidos da ovella e, finalmente, a referida ó pastor. A ovella, en Galicia, recibe tamén as denominacións de almella, beche e perica (esta, a ovella nova).
O paspallás (Coturnix coturnix) é unha especie de ave da orde das galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, unha das que integran hoxe en día o xénero Coturnix. É unha ave de pequeno tamaño, unha das poucas galiformes que son migratorias, que é moi apreciada gastronomicamente pola súa carne e os seus ovos.
Os premios Lois Peña Novo son galardóns concedidos anualmente pola fundación homónima. O obxectivo dos premios é recoñecer o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da lingua galega no ámbito das administracións públicas. Levan o nome do político e escritor chairego Lois Peña Novo (1893–1967), que foi elixido concelleiro na Coruña en 1920, e foi secretario dos municipios de Vigo, Sada e Lugo.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939, é unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A pneumonía (do grego pneumon, 'pulmón', e este de pneuma, 'sopro, respiración'), pulmonía ou pneumonite é unha inflamación dos pulmóns e das vías respiratorias en xeral, que causa efectos secundarios coma febre, mucosidade, tose etc. Consiste na inflamación dos espazos alveolares dos pulmóns. A maioría das veces a pneumonía é infecciosa, pero non sempre é así.
O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, raposa ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.O raposo común provén de devanceiros máis pequenos de Eurasia durante o período Villafranchiense medio, e colonizou América do Norte pouco despois da glaciación de Wisconsin.
Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 82.828 habitantes en 2022, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 292.374 habitantes (2022).
O lagarto arnal, ou lagarto ferreño, Timon lepidus (antes Lacerta lepida), é unha especie de réptil orde dos escamosos, suborde dos lacertilios, infraorde dos escincomorfos, familia dos lacértidos e subfamilia dos lacertinos, unha das que na actualidade integran o xénero Timon.É un lagarto endémico da Europa suroccidental. Vive tamén en Galicia, onde é un dos lagartos de maior tamaño, xunto co lagarto das silvas. Pode chegar aos 70 cm ou máis de lonxitude total incluíndo a cola.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
Para outras moedas dun dólar dedicadas a Eisenhower, véxase Dólar de prata do centenario de Eisenhower e Dólar presidencialO dólar Eisenhower é unha moeda con valor facial dun dólar cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1971 e 1978, caracterizada por amosar no seu anverso a figura do expresidente estadounidense Dwight D. Eisenhower. No reverso represéntase unha imaxe estilizada en conmemoración da misión lunar Apollo 11 en 1969, baseada na insignia oficial desta misión. Ambas as faces foron deseñadas por Frank Gasparro, daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU. O dólar Eisenhower é a primeira moeda dun dólar cuñada pola US Mint desde a cancelación da serie do "dólar Peace" en 1935.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2023
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2023 será a 74ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
A Xunta de Galicia aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia como o órgano colexiado de goberno de Galicia. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais as conselleiras e os conselleiros. As vicepresidencias e as conselleiras e conselleiros noméanse dende a presidencia.
A lingua rusa ou ruso (antigamente coñecido como gran ruso, para diferenciala do ucraíno ou "pequeno ruso") (ruso: русский язык , romanizado: russkij jazyk ) ruso: [ˈruskʲɪj jɪˈzɨk] é unha lingua eslava oriental que se fala principalmente en Rusia. É a lingua nativa dos rusos, e pertence á familia das linguas indoeuropeas. É unha das catro linguas eslavas orientais vivas, e tamén forma parte das linguas baltoeslavas.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.