Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña o 2 de maio de 1935 e falecido en Milán o 9 de xullo de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Alcumado "o arquitecto", xogaba de centrocampista e está considerado por moitos o mellor futbolista galego da historia e un dos mellores futbolistas do século XX. En 1960 converteuse no primeiro e único xogador nado na Península Ibérica en gañar un Balón de Ouro. Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio natal de Monte Alto e na praia de Santo Amaro e en 1949 entrou a formar parte da nova canteira do Deportivo da Coruña, a chamada Escola Scopelli, creada ese mesmo ano co impulso de Alejandro Scopelli.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Dubai (en árabe: دبيّ, transliterado Dubayy) é unha metrópole que ocupa aproximadamente o 20% do territorio do Emirato de Dubai, un dos sete que integran os Emiratos Árabes Unidos dende 1971. Está localizada ao longo da franxa costeira do emirato e é a cabeceira da área metropolitana Dubai-Sharjah-Ajman. A súa poboación en 2010 ascendía a 1.905.000 habitantes que a converten na cidade máis populosa dos Emiratos.
Sub Pop Records é un selo discográfico independente de Seattle, Washington, fundado no ano 1986 por Bruce Pavitt e Jonathan Poneman. Sub Pop fíxose famosa a principios dos anos 90 por ter a bandas como Nirvana, Soundgarden, Mudhoney, artistas centrais no movemento grunge, polo que a miúdo fálase dela por dar os primeiros pasos para a popularización deste xénero.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
San Miguel de Presqueiras, Forcarei
San Miguel de Presqueiras é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en 2014 tiña 210 habitantes (95 homes e 115 mulleres), 70 menos ca en 2004 (153 mulleres e 127 homes nese ano segundo o padrón municipal) e 73 menos ca en 1999. Ten cinco entidades de poboación.
O medio dólar Kennedy é unha moeda estadounidense de curso legal cuñada por vez primeira en 1964 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Concibiuse como unha homenaxe ao 35º presidente do país, John F. Kennedy, e a súa creación foi autorizada polo Congreso dos EEUU pouco despois dun mes do seu asasinato en novembro de 1963. O uso de obras anteriores dos gravadores xefe da casa da moeda Gilroy Roberts e Frank Gasparro posibilitou unha rápida preparación dos cuños e a produción da nova moeda comezou xa en xaneiro de 1964.
A glicociamina (ou guanidinoacetato) é un metabolito da glicina no cal o grupo amino foi convertido nunha guanidina por guanilación (transferencia dun grupo guanidina desde a arxinina). En organismos vertebrados é transformada despois en creatina por metilación. A glicociamina utilízase como suplemento e como aditivo alimentario nas granxas de polos.
Factor inhibidor da migración de macrófagos
O factor inhibidor da migración de macrófagos (MIF), tamén chamado factor inhibidor da glicosilación (GIF) ou L-dopacromo isomerase, é unha proteína que nos humanos está codificada no xene MIF do cromosoma 22. É un importante regulador da inmunidade innata. A superfamilia da proteína MIF tamén inclúe un segundo membro con propiedades relacionadas funcionalmente, a D-dopacromo tautomerase (D-DT).
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Tomé de Aquino ou Tomás de Aquino, nado en Roccasecca, (Nápoles) en 1225 e finado en Fossanova o 7 de marzo de 1274, foi un presbítero, frade, teólogo, filósofo e xurista católico pertencente á Orde dos Predicadores, é considerado o principal representante do ensino escolástica e unha das maiores figuras da teoloxía sistemática. En materia de metafísica, a súa obra representa unha das fontes máis citadas do século XIII, ademais de ser punto de referencia das escolas do pensamento tomista e neotomista. A Igrexa católica nomeouno Doctor Angelicus, Doctor Communis e considera a súa obra fundamental para os estudos de filosofía e teoloxía.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 197.526.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
A candorca ou alcandorca, Orcinus orca, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos (pode chegar a pesar 10 t., e é un poderoso e versátil depredador que pode cazar peixes, pinnípedes como focas, cefalópodos, aves, tartarugas e, cazando en grupo, presas de maior tamaño, como morsas e incluso baleas. Está, polo tanto, no cumio da cadea trófica oceánica.
Os tabánidos (Tabanidae), comunmente chamados tabáns, son unha familia de insectos dípteros (moscas). Xeralmente son insectos grandes e de voo áxil, e as femias pican aos humanos e outros animais, para sorber sangue. Prefiren voar á luz do día, evitando as áreas sombreadas e son inactivos pola noite.
Patrimonio da Humanidade en Costa Rica
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Saudade de ti é unha serie de televisión estreada en 2022 pola Televisión de Galicia, consta de 60 capítulos na primeira tempada, que foron emitidos entre xullo e setembro de 2022. A primeira tempada foi líder de audiencia na TVG. Foi seguida por máis de 150.000 espectadores cada noite, a primeira elección en horario de máxima audiencia en Galicia.En marzo de 2023 gravábase a segunda tempada en Ares. Foi estreada na TVG o domingo 18 de xuño de 2023, emitíndose os domingos, luns e martes.
Un metal (do grego antigo μέταλλον métallon 'mina, canteira, metal') é un material que, cando está recentemente preparado, pulido ou fracturado, mostra un aspecto lustroso e conduce electricidade e calor relativamente ben. Os metais adoitan ser dúctiles (pódense estirar para formar arames) e maleables (pódense martillar para formar láminas finas). Estas propiedades son o resultado da ligazón metálica entre os átomos ou moléculas do metal.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible. Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas, entre outros.
Lista de series de televisión con versión en galego
A lista de series de televisión con versión en galego está ordenada alfabeticamente segundo os títulos galegos das obras relacionadas. Para esta orde non se teñen en conta, por defecto, os artigos (morfemas) ao inicio dos títulos en galego. Inclúense series e miniseries das que hai versión oficial en galego, ben sexa dobrada ou subtitulada, considerando os seus títulos galegos tal e como se impuxo cada un deles, independentemente de que sexan correctos segundo diferentes criterios ou variantes da lingua galega.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022 e a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas do ano 2024.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Este artigo trata sobre o códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, para o libro de poemas de Luz Pozo Garza véxase Códice Calixtino. O códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou máis comunmente como Códice Calixtino é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do papa Calisto II. É o libro referencial do mundo xacobeo e o máis antigo centrado exclusivamente nesta temática.O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na catedral de Santiago de Compostela e é copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase no presente en Barcelona.
A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño. Trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais. A larva deste insecto pasa dun a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, e razón tamén de que non sexa común en terreos urbanos.
Muros é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Muros. Está situado no extremo norte da ría de Muros e Noia, a máis setentrional das rías Baixas. Segundo o IGE no 2014 tiña unha poboación de 9.117 habitantes (9.787 no 2009, 9.999 no 2006, 9.995 no 2005, 10.050 no 2004, 10.095 en 2003).
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Frente Obrero é un partido político español, inscrito no rexistro de partidos do Ministerio do Interior coas siglas FO o 13 de marzo de 2019, de ideoloxía republicana e federal. A pesar de que dende varios medios de comunicación considéraselles partidarios do comunismo, o partido rexeita esta ideoloxía e opta por denominarse fronte de masas, co fin de «chegar a máis sectores na súa loita política». Tamén rexeita a dicotomía da esquerda e a dereita, adoptando o que se coñece como terceira posición.
As esferas de pedra de Costa Rica son unha variedade de máis de 300 petroesferas en Costa Rica, no delta do Diquís e na Illa do Caño. Localmente, tamén se coñecen como bolas de piedra (literalmente bolas de pedra). As esferas son comunmente atribuídas á extinta cultura Diquís, e ás veces denomínanse Esferas do Diquís.
Eleccións municipais de 2023 en Galicia
As eleccións municipais de 2023 celebraráronse o 28 de maio de 2023 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A garduña, fuíña, furatoxos, martaraña, martuxa, rabisaco ou gatela (Martes foina) é un mamífero depredador nocturno de tamaño mediano da familia Mustelidae. En estado adulto, a garduña mide entre 40 e 50 cm de lonxitude sen contar coa cola, que mide entre 21 e 27 centímetros, e o seu peso oscila entre 1 e 2 kg. Moi semellante á marta, non en balde teñen antepasados comúns; distínguese desta polo seu babeiro de cor branca que se abre en pinza cara ás extremidades dianteiras.
A rapa das bestas é o nome da operación que consiste en cortar a crina dos cabalos que se realiza nos curros celebrados en varias localidades do territorio galego. A máis coñecida é a rapa das bestas de Sabucedo, no concello da Estrada, que dura tres días: o primeiro sábado, domingo e luns de xullo. De feito, dálle nome á celebración e así fálase da rapa das bestas de Sabucedo, mentres que na maioría dos lugares fálase de curro -o nome do recinto pechado no que se recollen os cabalos.
Jenna Marie Massoli, coñecida como Jenna Jameson, nada nas Vegas (Nevada) o 9 de abril de 1974, é unha actriz porno e empresaria estadounidense, coñecida como A Raíña do Porno. É a fundadora, xunto a Jay Grdina, da produtora especializada en películas porno de alto presuposto Club Jenna. Protagonizou máis dun centenar de películas.