Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A industria é un proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados. Por extensión, conxunto de instalacións nas que se realizan ditas transformacións. Se ben a actividade industrial así definida pode facerse extensiva ó que comunmente se denomina artesanía, a diferenza fundamental entre ambas estriba principalmente en que mentres o artesán realiza por si mesmo todas as operacións necesarias para obter o produto final, a industria caracterízase pola súa especialización, de modo que as diferentes etapas do proceso son realizadas por diferentes traballadores, ou incluso empresas.
Internet é o sistema global de redes informáticas interconectadas que usa o conxunto de protocolos de Internet (TCP/IP) para comunicarse entre redes e dispositivos. É unha rede de redes que consiste en redes privadas, públicas, académicas, empresariais e gobernamentais de ámbito local e global, unidas por unha ampla gama de tecnoloxías de redes electrónicas, sen fíos e ópticas. Internet ofrece unha ampla gama de recursos e servizos de información, como os documentos de hipertexto interconectados e as aplicacións da World Wide Web.(WWW), correo electrónico, telefonía e intercambio de ficheiros.
A datación e a secuenciación dos reis hititas é unha compilación de rexistros fragmentarios, complementada pola recente achega en Hattusa dun xogo de máis de 3500 impresións en selos que teñen inscritos nomes e títulos e xenealoxías dos reis hititas. As datas indicadas aquí son aproximadas, e dependen do sincronismo cando son coñecidas as cronoloxías dos países veciños e máis de Exipto. Hai poucas noticias sobre os gobernantes da época do Imperio medio.
O Altiplano andino, altiplano suramericano, meseta do Collao ou meseta do Titicaca, é unha extensa planicie de altura ou altiplano de América do Sur situada a unha altitude media de 3800 msnm que abrangue parte do noroeste da Arxentina, o occidente de Bolivia, parte do norte de Chile e parte do sur do Perú. Ten importancia histórica por ser o lugar en que xurdiron diversas civilizacións, como a cultura Tiahuanaco, e realizouse a domesticación de plantas como a pataca e animais como a llama e a alpaca. Polas súas características ambientais e ecolóxicas, é unha rexión natural única no continente e pola súa altitude pertence á rexión da Puna.
Front Nacional de Catalunya (FNC) foi unha organización política catalá fundada en Perpiñán como fronte patriótica de organizacións políticas nacionalistas catalás no exilio tras a guerra civil española. En 1942 Nosaltres Sols, Estat Català e a Federació Nacional d’Estudiants Nacionalistes participaron na creación da FNC e a organización traballou durante a segunda guerra mundial como aliada da resistencia francesa e dos servizos de intelixencia polacos e británicos e organizando o paso polos Pireneos ata España de máis de 800 aviadores aliados, xudeus e outros fuxitivos. A FNC reivindicaba o dereito á autodeterminación, organizou unha sección militar no interior que foi desartellada pola policia en 1946.
O nominativo é o nome dun caso que nas linguas flexivas de raíz indoeuropea é utilizado en substantivos, adxectivos e pronomes para indicar que a palabra realiza a función de suxeito, aínda que pode aparecer tamén noutras como a de Atributo. Proceden dun nominativo latino os vocábulos DĚUS > Deus, RES > res, magĬster> mestre, IESUS > Xesús, SARTOR > prov. sastre> xastre, CURCŬLIO> gorgollo, CAROLUS > Carlos, JUDEX> xuíz, e voces cultas como cráter, prefacio, crise, tórax,...
A heurística é unha forma de traballar para resolver os problemas, aprender, ou facer descubrimentos que usa métodos prácticos, que non garante unha solución ideal ou perfecta, aínda que suficiente para os obxectivos inmediatos. Deste xeito é posible obter resultados aceptables nun tempo máis curto, e neste sentido pode ser considerado como atallo simplificador. Son exemplos deste método as estimacións fundamentadas, aproximacións, opinións intuitivas, o sentido común e a categorización.
Tabueran, tamén coñecido como Illa Fanning, é un atol de coral do grupo das illas da Liña, pertencentes á República de Kiribati, no Océano Pacífico central. Ten unha altitude máxima de 3 metros sobre a marea alta, e unha superficie aproximada de 33,7 km² cunha lonxitude duns 18 km e uns 11 km de ancho. O atol inclúe 3 illas principais e varias illas pequenas.
Bowling for Columbine é un filme documental estadounidense escrito, producido, dirixido e narrado por Michael Moore. O filme explora o que Moore suxire que foron as principais causas do masacre de Columbine de 1999 e doutros actos de violencia con armas. Moore céntrase no contexto no que se produciu o masacre, nalgunhas opinións e suposicións públicas sobre cuestións relacionadas.
O Rolls-Royce Eagle foi o primeiro motor de aviación desenvolvido por Rolls-Royce Limited. Introducido en 1915 para cumprir cos requisitos militares británicos durante a primeira guerra mundial, foi usado para impulsar os bombardeiros Handley Page Type O e outros avións militares. O Eagle foi o primeiro motor en facer un cruzamento transatlántico sen escalas cando dous Eagles impulsaron un bombardeiro Vickers Vimy modificado no voo transatlántico de Alcock r Brown en xuño de 1919.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Unión Internacional para a Conservación da Natureza
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), (en inglés: International Union for Conservation of Nature and Natural Resources, IUCN), é unha organización internacional dedicada á conservación dos recursos naturais. Fundada en 1948, ten a súa sede en Gland (Suíza). A IUCN reúne 78 estados, 112 axencias de goberno, 735 ONGs e miles de expertos e científicos de 181 países.
Plasmodium malariae é unha especie de protozoos parasitos, que é unha das especies de plasmodios causantes da malaria nos humanos. Está moi relacionado coas especies Plasmodium falciparum e Plasmodium vivax, que son as responsables da maioría das infeccións de malaria. A malaria que produce está moi estendida no mundo, pero denomínase "malaria benigna", xa que non é tan perigosa como a producida por P. falciparum ou P. vivax.
Reservoir Dogs é un filme estadounidense dirixido por Quentin Tarantino que foi estreado en 1992. Pertence ó xénero neo-noir e suspense e conta os eventos anteriores e posteriores dun roubo de diamantes errado. Foi o primeiro filme do director e guionista Quentin Tarantino, e está protagonizado por Harvey Keitel, Tim Roth, Steve Buscemi, Chris Penn, Lawrence Tierney e Michael Madsen.
The Almighty foi unha banda escocesa de hard rock/heavy metal formada en Glasgow en 1988. Tres dos seus membros fundadores (Ricky Warwick, Stump Monroe e Floyd London) eran amigosque se coñeceran no colexio. Aínda que as raíces musicais dos seus membros estaban no punk, The Almighty adoptou unha dirección máis orientada ao heavy metal/hard rock nos seus primeiros anos.
A malaria (do italiano medieval "mal aire") ou paludismo (de paludis, xenitivo do termo latino palus: pantano, e -ismo, neste caso acción ou proceso patolóxico) é unha doenza parasitaria aguda ou crónica causada por protozoos parasitos do xénero Plasmodium, transmitidos pola picada da femia do mosquito Anopheles. Algúns estudos científicos suxiren que puido terse transmitido ao ser humano a través do Gorilla gorilla. Entre 700 000 e 2 700 000 persoas morren cada ano por mor da malaria, dos cales máis do 75% son nenos que viven en zonas endémicas de África.
Segunda Guerra de Independencia de Escocia
A Segunda Guerra de Independencia de Escocia foi o segundo conflito militar das Guerras de independencia de Escocia entre o Reino de Escocia e o Reino de Inglaterra a finais do século XIII e comezos do século XIV.
Enténdese por publicidade a comunicación establecida tras a emisión dunha mensaxe que ofrece unha información interesada e que se divulga co obxectivo de influír no público para producir un beneficio ó emisor ou promotor ou no caso da publicidade institucional ofrecer información de servizo público. Na publicidade tamén se utilizan unha gran variedade de medios: de viva voz, medios de comunicación, o correo, teléfono, folletos, redes informáticas, competicións deportivas, bolígrafos, paraugas, roupa e mesmo avionetas, automóbiles, trens, bicicletas ou navíos. Na publicidade empréganse con frecuencia estratexias de base lingüística: A implicación do receptor na mensaxe, usando imperativos ou con oracións interrogativas.
A lingua coreana (chamada en Corea do Sur: 한국어, hangug-eo; en Corea do Norte: 조선말, joseommal) é a lingua nativa duns 80 millóns de persoas, na súa maioría de orixe coreana. É a lingua oficial e nacional tanto de Corea do Norte como de Corea do Sur (xeograficamente Corea), pero durante os últimos 74 anos de división política (e illamento de Corea do Norte), as dúas Coreas desenvolveron algunhas diferenzas de vocabulario notables. Ademais de nas dúas Corea, o coreano é unha lingua minoritaria recoñecida en partes da China, a saber, na Provincia de Jilin, e concretamente na Prefectura de Yanbian (연변/延邊) situada ao sur da provincia de Heilongjiang e no Condado de Changbai.
Manhua, en chinés simplificado 漫画, en pinyin Mànhuà, é o nome que recibe a banda deseñada na China e Taiwán. No resto do mundo, a palabra úsase para definir a totalidade dos cómics producidos no país. Aínda que as narracións gráficas análogas ás bandas deseñadas existiron nese territorio ao longo da súa historia imperial, o termo manhua apareceu por primeira vez en 1904 nunha obra titulada shishi manhua, no xornal de Shanghai Jingzhong.O termo tamén inclúe formatos tradicionais específicos do país como Lianhuanhua.
Hermunduros (en latín, Hermunduri), Hermanduri (Hermanduri), Hermundulos (Hermunduli), Hermonduros (hermonduri) ou Hermondulos, foron unha antiga tribo xermánica, citada polo historiador romano Tácito e que, segundo o cal, ocuparon a área en torno ao que agora corresponde á Turinxia, Saxonia, Franconia e o Norte da Baviera, no período comprendido entre o século I e III. Eran veciños dos Chatti no oeste, dos Cherusci e dos Anglos polo norte, dos Semnones polo nordeste e dos Marcomanos polo sur. Tradicionalmente, afirmouse a relación entre os hermunduros e os turinxios, como sucesores daqueles, pero hoxe está moi cuestionada.
Referendo estatutario de Cataluña de 2006
O referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Cataluña celebrouse o 18 de xuño de 2006 nesa comunidade autónoma con carácter vinculante. O seu obxectivo era decidir a entrada ou non en vigor do novo Estatut aprobado polas Cortes Xerais de España, en sesión do Senado, o 10 de maio de 2006. O referendo de ratificación foi convocado polo presidente da Generalitat de Cataluña, Pasqual Maragall, o 18 de maio de 2006.
The Legend of Zelda: The Wind Waker
The Legend of Zelda: The Wind Waker (ゼルダの伝説 風のタクト - Zeruda no Densetsu Kaze no Takuto, literalmente "A Lenda de Zelda: a batuta do vento"), é un xogo de acción-aventura, décima entrega da serie The Legend of Zelda. Foi editado para a Nintendo GameCube no Xapón o 13 de decembro de 2002, en Norteamérica o 24 de marzo de 2003, en Europa o 3 de maio de 2003 e en Australia o 7 de maio de 2003. The Legend of Zelda: Phantom Hourglass para a Nintendo DS é a secuela directa de The Wind Waker.
O Airbus A320 é un avión civil de pasaxeiros de Airbus, dun só corredor e de curto a medio alcance. O A320 lanzouse en marzo de 1984, voou por vez primeira o 22 de febreiro de 1987, e entrou en servizo en abril de 1988 con Air France. Foi o primeiro modelo de avión con mandos electrónicos fly-by-wire, de forma que o piloto controla as partes móbiles do avión a través do uso de impulsos electrónicos en vez de mediante pancas e sistemas hidráulicos.
San Petersburgo (en ruso: Санкт-Петербург, tr. "Sankt-Peterburg", [sankt pʲɪtʲɪrˈburk] (AFI)), antes coñecida como Petrogrado (1914-1924) e máis tarde como Leningrado (1924-1991), é a segunda cidade máis poboada, cunha poboación de aproximadamente 5,4 millóns de habitantes, e importante de Rusia, só superada pola capital, Moscova. Está situada as beiras do río Nevá, na cabeceira do golfo de Finlandia no mar Báltico.
Un videoxogo para un xogador, (single-player en inglés) é aquel que ten entrada para un único xogador . Os videoxogos máis temperáns, como Tennis for Two, eran para dous xogadores, os xogos para un único xogador gañan popularidade pouco despois con títulos como Speed Race e Space Invaders. A primeiros dos 90 presentáronse moitos xogos que utilizaron redes de área local para modos de multixogador, Doom é un exemplo notábel destes.
A Copa do Mundo da FIFA 1994 (en inglés: World Cup USA '94) foi a edición número quince do Campionato Mundial de fútbol de seleccións, a competición máis importante deste deporte. O torneo, organizado polos Estados Unidos, sendo esta a primeira vez que se celebraba fóra de Europa e Suramérica. Celebrouse entre o 17 de xuño e o 17 de xullo en nove sedes distintas.
Gran Premio de Francia de 1984
O Gran Premio de Francia de fórmula 1 de 1984 celebrouse no Circuíto de Dijon-Prenois en Francia o 20 de maio de 1984. Foi a quinta proba da tempada de Fórmula Un de 1984, o 62º Gran Premio de Francia, ou o 70º Gran Prix de l'ACF. A carreira disputouse sobre 79 voltas ao circuíto de 3´801 quilómetros para unha distancia total de carreira de 300 quilómetros. Este foi a quinta carreira francesa e sexta e última do Campionato Mundial que se celebrou nos 3´801 quilómetros do circuíto de Dijon-Prenois, xa que se considerou demasiado curto polo órgano de goberno da FISA (os circuítos onde os tempos eran de menos de 60 segundos por volta considéranse demasiado pequenos para as carreiras de Gran Premio.
A proteorrodopsina (tamén coñecida como pRodopsina) é unha familia de proteínas transmembrana que usan o retinal como cromóforo para algunha funcionalidade mediada pola luz, neste caso, unha bomba de protóns. A proteorrodopsina encóntrase en bacterias planctónicas mariñas, arqueas e eucariotas (protistas), pero foi descuberta en bacterias.O seu nome deriva do das proteobacterias (agora chamadas Pseudomonadota) que foron nomeadas polas palabras do grego antigo Πρωτεύς (Proteus), un dos deuses primixenios do mar mencionado por Homero como o "Vello do Mar", Ῥόδος (rhódon) 'rosa', debido á súa cor rosada, e ὄψις (opsis) 'vista'. Algúns membros desta familia, que son pigmentos similares á rodopsina homólogos, como a bacteriorrodopsina (da cal hai máis de 800 tipos), teñen funcións sensoriais como opsinas, fundamentais par a fototransdución visual.
Un político ou unha política, é unha persoa activa na política de partidos, ou unha persoa que ostenta ou busca un cargo nun goberno. Os políticos propoñen, apoian e crean leis ou políticas que rexen un territorio e, por extensión, o seu pobo. En termos xerais, un "político" pode ser calquera que busque o poder político en calquera institución burocrática.
Saudade de ti é unha serie de televisión estreada en 2022 pola Televisión de Galicia, consta de 60 capítulos na primeira tempada, que foron emitidos entre xullo e setembro de 2022. A primeira tempada foi líder de audiencia na TVG. Foi seguida por máis de 150.000 espectadores cada noite, a primeira elección en horario de máxima audiencia en Galicia.En marzo de 2023 gravábase a segunda tempada en Ares. Foi estreada na TVG o domingo 18 de xuño de 2023, emitíndose os domingos, luns e martes.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Un ordenador, tamén chamado computadora ou computador, é unha máquina que realiza cálculos e controla operacións expresadas en termos lóxicos e numéricos. O ordenador é un sistema dixital con tecnoloxía microelectrónica, capaz de procesar datos a partir dun grupo de instrucións denominado programa. A estrutura básica dun ordenador inclúe microprocesador (CPU), memoria e dispositivos de entrada/saída (E/S), xunto ós buses que permiten a comunicación entre eles.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Igrexa de San Francisco da Coruña
A igrexa de San Francisco é un templo relixioso situado no Paseo das Pontes da Coruña, área cruzada diagonalmente por un antigo acueduto. Orixinalmente estaba na Cidade Vella e formaba parte do primitivo convento franciscano situado fóra das antigas murallas, nun outeiro elevado sobre as rochas, fronte ao mar. Esta localización fóra das murallas foi precisamente o motivo da súa destrución, xa que durante o cerco inglés da Coruña, no século XVI, foi incendiada para evitar que o inimigo se fortificase no convento.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 198.461.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008. Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
A Flat Earth Society ou Sociedade da Terra Plana é unha organización orixinaria de Inglaterra, aínda que posteriormente establecida en Lancaster (California), que defende a crenza de que a Terra non é esférica, senón plana. Posto que ningún científico nin grupo relixioso actuais expresaron o seu apoio a esta crenza, a sociedade converteuse popularmente nun referente á hora de referirse ao pensamento dogmático e á adherencia irracional ás tradicións.
3 (tamén chamado Milladoiro 3) é o terceiro álbum de estudio do grupo galego de música tradicional Milladoiro. Foi gravado entre o 20 de outubro e o 5 de novembro de 1982 nos estudios Audiofilm (Madrid) e publicado en 1982 polo selo CBS. Consta de 10 temas tradicionais galegos e 2 de composición propia. Supón a confirmación do estilo de Milladoiro e nel figuran moitos temas clave, que marcaron durante moito tempo o directo do grupo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
A candorca ou alcandorca, (Orcinus orca) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos, e pode chegar a pesar 10 t. Poderoso e versátil depredador, pode cazar peixes, pinnípedes, cefalópodos, aves e tartarugas.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
O Racing Club de Ferrol, S.A.D. é un club de fútbol da cidade de Ferrol (A Coruña), fundado no 1919 pola fusión do Racing Club e o Club Ferrol, dous dos equipos da cidade nesa época. Xoga actualmente na Segunda División tras conseguir o ascenso na tempada 2022/23. Entre os seus maiores logros conta con tres campionatos galegos, un subcampionato da Copa do Rei en 1939, e un segundo posto na Segunda División en 1940.
Verónica Boquete Giadáns, nada en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1987, é unha futbolista galega, que xoga como centrocampista e dianteira na Fiorentina, da Serie A de Italia. Considerada como unha das melloesr futbolista españolas da historia, desenvolveu a súa carreira en máis dunha ducia de equipos de oito países e tres continentes. Foi a primeira española en gañar a Liga de Campións e a única en marcar nunha final.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A extinción masiva do Cretáceo-Terciario, tamén coñecida como extinción K-T ou acontecemento K-T, foi unha extinción en masa ocorrida hai máis ou menos 65,5 millóns de anos, que marca o fin do período Cretáceo (K) e o inicio da era Terciaria (T). Este acontecemento tivo un enorme impacto na biodiversidade da Terra de entón e acabou cos dinosauros e outros réptiles xigantes. O rexistro estratigráfico mostra que a desaparición abrupta das formas extintas coincide cun nivel rico en iridio (o nivel K-T), un elemento químico pouco abundante na Terra e xeralmente asociado a corpos extraterrestres ou a fenómenos volcánicos.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Andorra, oficialmente Principado de Andorra (en catalán: Principat d'Andorra), é un estado soberano sen saída ao mar, situado nos Pireneos entre España e Francia, limitando coa comunidade autónoma de Cataluña ao sur e cos departamentos franceses de Pireneos Orientais e Ariège ao norte. O Principado de Andorra é o sexto país máis pequeno de Europa cunha superficie de 468 km² e unha poboación estimada de 88.815 habitantes en 2009.. A súa capital é Andorra la Vella e a súa lingua oficial o catalán, aínda que tamén se falan de xeito común o castelán, o francés e o portugués.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.