Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
Regulamento xeral de protección de datos
O Regulamento xeral de protección de datos (GDPR) (Control (UE) 2016/679) é un regulamento europeo mediante o que o parlamento, o consello e a comisión pretenden fortalecer e unificar a protección de datos para todos os países da Unión Europea e o Espazo Económico Europeo, controlando tamén a transferencia de datos de fóra da Unión. Os seus principais obxectivos son devolverlles aos cidadáns o control sobre a súa información persoal e unificar o marco regulador para as empresas multinacionais. Establece un marco máis estrito que outras normas, e é a primeira norma sobre este asunto que lle afecta a todos os países da Unión Europea, e tanto os dereitos como as obrigas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
As anhidrases carbónicas (CA), tamén chamadas carbonato deshidratases (EC 4.2.1.1), forman unha familia de encimas que catalizan a interconversión entre o dióxido de carbono e a auga e os ións resultantes da disociación do ácido carbónico (é dicir, bicarbonato e ións hidróxeno). O sitio activo da maioría das anhidrases carbónicas conten un ión cinc. Son, polo tanto, clasificadas como metaloencimas.
Celeste Martins Caeiro, nada no Socorro (Lisboa) o 2 de maio de 1933 e finada o 15 de novembro de 2024, foi a muller que o 25 de abril de 1974 distribuíu caraveis entre os militares que estaban a dar un golpe de Estado para derrubar o réxime ditatorial liderado por Marcelo Caetano. É por este xesto seu que este acontecemento histórico é coñecido como Revolución dos Caraveis.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Pòrt de la Luna en gascón ou Port de la Lune en francés (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
A felicidade é unha situación ou un estado emocional no que unha persoa sente que todo vai conforme o que quere. Este estado de benestar caracterízase pola relativa permanencia dunha emoción agradable que varía dende o mero contentamento á alegría fonda e intensa de vivir e polo natural desexo de que continúe.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 216.348.
O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.
Los niños perdidos é un filme documental colombiano de 2024 dirixido por Orlando von Einsiedel, xunto co colombiano Jorge Durán e o británico-peruano Lali Houghton. Estreouse en Netflix o 14 de novembro de 2024. O filme conta a historia do accidente do Cessna 206 en Colombia en 2023 e o rescate dos catro nenos indíxenas witoto.
Presidencia da Xunta de Galicia
A presidencia da Xunta de Galicia osténtaa a persoa encargada de liderar a Xunta de Galicia, o máximo órgano executivo do ámbito competencial autonómico galego, e de representar Galicia no exterior. A súa elección correspóndelle aoParlamento de Galicia, que debe escoller a presidencia entre os seus deputados e deputadas conforme ao artigo 5.2 do Estatuto de Autonomía, escollidos estes á súa vez por sufraxio universal. O goberno de Galicia estabeleceuse o 16 de marzo de 1978 e ratificouse a través do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, aprobado o 28 de abril de 1981.
O feminismo é un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos que teñen como obxectivo común conseguir dereitos ecuánimes (iguais) e unha convivencia humana por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero. Abrangue diversos movementos, teorías e filosofías que avogan pola igualdade entre homes e mulleres, alén de promover os dereitos das mulleres e os seus intereses. De acordo con Maggie Humm e Rebecca Walker, a historia do feminismo pode dividirse en tres "ondas".
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
Bluesky (tamén abreviado como Bsky) é unha rede social de microblogging descentralizada. A plataforma foi creada por Bluesky Social, unha entidade de utilidade pública con sede nos Estados Unidos, como proba de concepto para o Protocolo AT, un protocolo de comunicacións para redes sociais descentralizadas. Jay Graber é o CEO da compañía e Jeremie Miller, creador de XMPP, está no consello de administración.
Exército dos Estados Unidos de América
O Exército dos Estados Unidos de América (en inglés United States Army, abreviado U. S. Army) é a maior das pólas das Forzas Armadas dos Estados Unidos de América e a súa principal responsabilidade son as operacións militares terrestres. É un dos sete servizos uniformados dos Estados Unidos e o máis antigo de todas as forzas armadas estadounidenses, pois o moderno exército ten as súas raíces no Exército Continental que se formou o 14 de xuño de 1775 para loitar na Guerra de Independencia dos Estados Unidos (1775-1783), antes da creación dos Estados Unidos como estado independente. Despois desta guerra, o Congreso da Confederación creou o Exército dos Estados Unidos o 3 de xuño de 1784 para substituír o desmobilizado Exército Continental.
A Nintendo DS Lite é unha videoconsola portátil que foi producida pola empresa xaponesa Nintendo. É a segunda versión da Nintendo DS. Este redeseño ten un armazón máis delgado, lixeiro, e pantallas con máis brillo ca a primeira versión. Lanzouse ao mercado por primeira vez o 2 de marzo de 2006 e a súa produción foi finalizada en 2013.
Para a icona de marca comercial, véxase Logotipo Logo é unha linguaxe de programación usada para a programación funcional. É unha adaptación sinxela do Lisp, habendo quen di que é un Lisp sen parénteses. Hoxe en día é coñecido sobre todo polos gráficos da tartaruga, pero tamén ten facilidades significativas para o manexo de listas, ficheiros, E/S e recursión.
Marco Aurelio Antonino Augusto (alcumado o Sabio ou Filósofo) (en latín: Marcus Aurelius Antoninus Augustus), nado en Roma o 26 de abril de 121 e finado o 17 de marzo de 180, foi co-emperador do Imperio Romano dende o ano 161 até o ano da súa morte en 180. Foi o derradeiro dos chamados Cinco bos emperadores, terceiro dos emperadores de orixe hispano e está considerado como unha das figuras máis representativas da filosofía estoica. Marco Aurelio e Lucio Vero foron fillos adoptivos de Antonino Pío por mandato de Hadriano e os dous primeiros que imperaron conxuntamente na historia de Roma.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
A galegofobia ou galaicofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916.
Celtworld foi un parque temático irlandés que actúaba a súa vez como centro de intepretación do patrimonio aberto en maio de 1992 e pechado en setembro de 1995 por dificultades económicas. O parque estaba situado en Tramore, no Condado de Waterford, a unha hora e medio de traxecto en coche ata Cork. Cunha área operativa de aproximadamente 10.100 m², Celtworld só acadou o 50% dos 270.000 visitantes anuais prognosticados polos investidores cesando por iso actividades.
En matemáticas, a sucesión de Fibonacci é a sucesión de números naturais: 0 , 1 , 1 , 2 , 3 , 5 , 8 , 13 , 21 , 34 , 55 , 89 , 144 , 233 , 377 , 610 , 987 , 1597 … {\textstyle 0,1,1,2,3,5,8,13,21,34,55,89,144,233,377,610,987,1597\ldots \,} (secuencia A000045 na OEIS) A sucesión comeza cos números 0 e 1, e a partir destes a relación de recorrencia que a define é que «cada termo é a suma dos dous anteriores». Aos elementos desta sucesión chámaselles números de Fibonacci. Esta sucesión foi descrita en Europa por Leonardo de Pisa, matemático italiano do século XIII tamén coñecido como Fibonacci.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista.
Google Académico (en inglés: Google Scholar) é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios. Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
Silver Apples foi un dúo musical neoiorquino pioneiro da música electrónica e de psicodelia composto polo cantante Simeon Oliver Coxe III e o batería Danny Taylor. O grupo estivo activo en dúas etapas non continuas. Fundouse en 1967 no East Village e disolveuse en 1969, para regresar entre 1996 e 1999.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
Esta é a lista dos emperadores romanos, indicando a data en que estes controlaron o Imperio Romano, até á caída do Imperio do Occidente. Nótese que, ao contrario do que moita xente pensa, Xulio César nunca foi emperador (princeps), aínda que foi nomeado ditador vitalicio en -45 (a pesar de teren existido outros ditadores romanos antes del) e, aínda, a pesar dalgúns historiadores romanos así o designaren. Por outro lado, o nome César tornouse nome de familia da primeira dinastía, sendo usado como un título, manténdose esa tradición por todo o imperio.
Monero (XMR) é unha criptomoeda de código aberto enfocada na privacidade e no anonimato, lanzada en abril de 2014. A diferenza de moitas outras criptomoedas, como o Bitcoin, Monero emprega tecnoloxías avanzadas para garantir transaccións completamente privadas e non rastrexables, protexendo así a identidade dos usuarios e os detalles das operacións.
Resistencia feminista ao colapso
Resistencia feminista ao colapso é un ciclo de xornadas anuais impulsadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC desde o ano 2023. Teñen como obxectivo dar a coñecer o programa de investigación da ecoloxía feminista, incidindo na súa capacidade para propor solucións perante os grandes desafíos (catástrofe climática, fin da cultura dos combustibles fósiles, crise da auga, perda da biodiversidade) aos que se deberá facer fronte nas próximas décadas.
A pneumonía (do grego pneumon, 'pulmón', e este de pneuma, 'sopro, respiración'), pulmonía ou pneumonite é unha inflamación dos pulmóns e das vías respiratorias en xeral, que causa efectos secundarios coma febre, mucosidade, tose etc. Consiste na inflamación dos espazos alveolares dos pulmóns. A maioría das veces a pneumonía é infecciosa, pero non sempre é así.
Marcus Aurelius Antoninus Basianus, nado en Lugdunum, actual Lión, o 4 de abril de 188 e finado o 8 de abril do ano 217, político romano e fillo do entón gobernador da Galia Septimio Severo, foi un emperador romano co nome oficial de Marcus Aurelius Severus Antoninus Augustus. O seu nome de Caracalla fai referencia a unha capa de orixe gala que usaba decote e co alcume pasou á historia.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O arroz con leite ou papas de arroz, o arroz con azucre e mailo arroz doce son sobremesas feitas con arroz cocido con leite azucrado e, ás veces, aromatizado coa pela de cítricos (especialmente limón) e canela. Adóitase comer frío e adubarse con canela en po. Forma parte da gastronomía tradicional galega, porén é unha sobremesa típica de moitos países do mundo.
Antón Hipólito Alonso Ríos, nado en Camporrapado (Cortegada, Silleda) o 15 de agosto de 1887 e finado en Buenos Aires o 12 de outubro de 1980, foi un mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir asemade que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
Information Technology Infrastructure Library
A Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información, frecuentemente abreviada ITIL (do inglés Information Technology Infrastructure Library), é un marco de traballo das mellores prácticas destinadas a facilitar a entrega de servizos de tecnoloxías da información (TI).
O Billó de Ouro é un premio outorgado polos concellos da comarca de Chantada (Taboada, Chantada e Carballedo) desde 1997. Desde o ano 2004 outórgao a Sociedade Cultural e Gastronómica Luso-Galaica, fundada para promover e potenciar a cultura e gastronomía galega e portuguesa. Billó é a forma local para nomear a castaña asada e sen casca ou bulló; en portugués bilhó é unha castaña asada e sen casca / unha noz sen casca / un meniño de peito gordiño e pequeno.
Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Alberte o Magno, tamén coñecido como santo Alberte o Magno ou Albertus Magnus, nado en Lauingen contra 1193 e finado en Colonia en 1280, foi un freire dominicano alemán. Fíxose famoso polos seus coñecementos universais e por defender a coexistencia pacífica de ciencia e relixión. É considerado o maior filósofo e teólogo alemán da Idade Media.
A posición do can é unha postura sexual na que a muller se agacha, se pon a catro patas (xeralmente nas mans e os xeonllos) ou se deita sobre o seu abdome, para manter relacións sexuais, xa sexa penetración sexual ou outra actividade sexual. O estilo can é unha forma de posición de penetración desde atrás, outros están co compañeiro que o recibe deitado de lado na posición sexual da culler ou a posición do misioneiro invertida. O sexo sen penetración nesta posición tamén pode ser considerado como estilo can.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Nos Estados Unidos de América, un lugar designado polo censo (tradución literal da frase en inglés: census-designated place, polo que é coñecido polo acrónimo nesta lingua CDP) é un lugar, unha concentración de poboación, identificado pola Oficina do Censo dos Estados Unidos cunha finalidade estatística. Os CDP inclúense en cada censo decenal como contrapartida na estatística dos lugares incorporados como cidades, aldeas e vilas rurais. Son comunidades que carecen de goberno local, pero que fisicamente se parecen aos lugares incorporados.
A memoria de acceso aleatorio, ou memoria de acceso directo (en inglés Random Access Memory), máis coñecida como memoria RAM, componse dun ou varios chips e utilízase como memoria de traballo para programas e datos. É un tipo de memoria temporal que perde os datos cando se queda sen enerxía eléctrica (por exemplo, ao apagar a computadora).
La última noche en Tremor (orixinalmente coñecida como La última noche en Tremore Beach) é unha serie de televisión por internet española creada por Oriol Paulo e Jordi Vallejo para Netflix, baseada na novela La última noche en Tremore Beach de Mikel Santiago. Protagonizada por Javier Rey e Ana Polvorosa, entre outros, estreouse o 25 de outubro de 2024 mundialmente.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O Frontón Municipal de Riazor é unha instalación polideportiva da cidade da Coruña na confluencia da avenida de La Habana coa praza de Portugal, inaugurada en 1944 e propiedade do Concello da Coruña. Foi proxectada por Santiago Rey Pedreira como parte do complexo coñecido como Cidade Deportiva Municipal de Riazor, composta —ademais de polo frontón— polo Estadio Municipal, o Palacio dos Deportes, a Piscina Municipal de Riazor e as Pistas Polideportivas de Riazor. Consta de: Un muro de escalada de carácter deportivo.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Juan Luis Guerra Seijas, nado en Santo Domingo (República Dominicana) o 7 de xuño de 1957, é un compositor, cantautor e produtor musical caribeño. As súas 14 producións (10 delas en estudo) acadaron unhas vendas superiores a 20 millóns de discos en todo o mundo. O seu estilo propio mestura o merengue, bolero e salsa con fusións afroantillanas, xunto coas bases da bachata popular dominicana.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Arizona (/aɾiˈθona/; en lingua inglesa: Arizona [ˌærɪˈzoʊnə]; en lingua navajo: Hoozdo Hahoodzo [hoː˥z̥to˩ ha˩hoː˩tso˩]; en lingua o'odham: Alĭ ṣonak [ˈaɭi̥ ˈʂɔnak]) é un estado situado ao suroeste dos Estados Unidos de América. Linda co estado de Utah ao norte, co de Colorado ao nordés, co de Novo México ao leste, co de California ao oeste, e co de Nevada ao noroeste, amais de lindar ao sur cos estados mexicanos de Sonora e de Baixa California. É o 6o estado máis grande por área, así como o 14o máis poboado do país, cunha poboación de máis de 7 millóns de habitantes segundo datos de 2020.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O Partido Liberal-Conservador foi unha formación política creada en España por Antonio Cánovas del Castillo ao tempo de solicitar a Afonso XII que asumise a coroa española tras o fracaso da Primeira República. Aglutinaba a un variado grupo de persoas desde os partidarios de Isabel II ata a chegada da República, ata os membros da Unión Liberal que el mesmo formara. A súa existencia estivo vinculada ao propio Cánovas xa que, ao morrer, a formación practicamente desapareceu.