Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
Regulamento xeral de protección de datos
O Regulamento xeral de protección de datos (GDPR) (Control (UE) 2016/679) é un regulamento europeo mediante o que o parlamento, o consello e a comisión pretenden fortalecer e unificar a protección de datos para todos os países da Unión Europea e o Espazo Económico Europeo, controlando tamén a transferencia de datos de fóra da Unión. Os seus principais obxectivos son devolverlles aos cidadáns o control sobre a súa información persoal e unificar o marco regulador para as empresas multinacionais. Establece un marco máis estrito que outras normas, e é a primeira norma sobre este asunto que lle afecta a todos os países da Unión Europea, e tanto os dereitos como as obrigas.
As anhidrases carbónicas (ou carbonato deshidratases) (EC 4.2.1.1) forma unha familia de encimas que catalizan a interconversión entre o dióxido de carbono e a auga e os ións disociados de ácido carbónico (é dicir, bicarbonato e ións hidróxeno). O sitio activo da maioría das anhidrases carbónicas conten un ión cinc. Son, polo tanto, clasificadas como metaloencimas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Celeste Martins Caeiro, nada no Socorro (Lisboa) o 2 de maio de 1933 e finada o 15 de novembro de 2024, foi a muller que o 25 de abril de 1974 distribuíu caraveis entre os militares que estaban a dar un golpe de Estado para derrubar o réxime ditatorial liderado por Marcelo Caetano. É por este xesto seu que este acontecemento histórico é coñecido como Revolución dos Caraveis.
Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Carlos Souto, nado en Buenos Aires o 13 de maio de 1955 é un publicitario arxentino que dirixe a axencia de publicidade La Ese, dedicada dende 1996 á publicidade política. Os equipos de traballo que forma e dirixe foron claves na transformación da linguaxe política latinoamericana na última década. Integrou grupos de traballo con David Ratto, Ramiro Agulla, Dick Morris, Miguel Sal e Darío Lanis.
O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.
O Pòrt de la Luna en gascón ou Port de la Lune en francés (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 216.304.
Kamchatka é un filme hispano-arxentino de 2002 dirixido por Marcelo Piñeyro e escrito por Piñeyro e Marcelo Figueras. Está protagonizado por Ricardo Darín, Cecilia Roth, Tomás Fonzi, Héctor Alterio e Leticia Brédice. Foi escollido como candidato da Arxentina para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 75ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
En matemáticas, a sucesión de Fibonacci é a sucesión de números naturais: 0 , 1 , 1 , 2 , 3 , 5 , 8 , 13 , 21 , 34 , 55 , 89 , 144 , 233 , 377 , 610 , 987 , 1597 … {\textstyle 0,1,1,2,3,5,8,13,21,34,55,89,144,233,377,610,987,1597\ldots \,} (secuencia A000045 na OEIS) A sucesión comeza cos números 0 e 1, e a partir destes a relación de recorrencia que a define é que «cada termo é a suma dos dous anteriores». Aos elementos desta sucesión chámaselles números de Fibonacci. Esta sucesión foi descrita en Europa por Leonardo de Pisa, matemático italiano do século XIII tamén coñecido como Fibonacci.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Lois Blanco Penas, nado en Melide en 1968, é presidente de La Voz de Galicia desde outubro do 2024. Accede ó cargo tras o falecemento de Santiago Rey Fernández-Latorre, propietario de editor do xornal, que legou á Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre a propiedade da cabeceira e do resto de empresas que conforman a Corporación Voz de Galicia, o primeiro grupo de comunicación da Comunidade. Lois Blanco é tamén presidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre —por designación expresa de Santiago Rey Fernández-Latorre nas súas disposicións testamentarias— e da Corporación Voz de Galicia.
Francisco Xavier Pérez Vázquez, nado en Silleda o 24 de abril de 1968 e finado en Santiago de Compostela o 15 de novembro de 2016, máis coñecido como Narf, nos inicios –como integrante da banda Os Quinindiolas e mais de Nicho Varullo, na compañía teatral Chévere e posteriormente en Psicofónica de Conxo– coñecido unicamente como Fran Pérez, foi un cantante e compositor galego recoñecido pola forte personalidade e orixinalidade da súa obra, que procurou incorporar ás estruturas do rock distintas influencias sonoras. Sobresaíu como compositor de bandas sonoras para teatro e outros espectáculos, compaxinando esta faceta coa de actor en diferentes funcións teatrais. Colaborou con moitos outros artistas e levou a súa música arredor do mundo, amosou o seu compromiso coa cultura galega e sentiu asemade unha fonda afinidade pola música africana.
John Maynard Keynes, primeiro barón Keynes, nado en Cambridge o 5 de xuño de 1883 e finado en Firle o 21 de abril de 1946, foi un economista e filósofo inglés cuxas ideas cambiaron radicalmente a teoría e a práctica da macroeconomía e as políticas económicas dos gobernos. De formación matemática, baseouse en traballos anteriores sobre as causas dos ciclos económicos e perfeccionounos. Foi un dos economistas máis influentes do século XX, os seus escritos son a base da escola do pensamento coñecida como economía keynesiana, e das súas diversas ramificacións.
Antón Hipólito Alonso Ríos, nado en Camporrapado (Cortegada, Silleda) o 15 de agosto de 1887 e finado en Buenos Aires o 12 de outubro de 1980, foi un mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir asemade que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Para a icona de marca comercial, véxase Logotipo Logo é unha linguaxe de programación usada para a programación funcional. É unha adaptación sinxela do Lisp, habendo quen di que é un Lisp sen parénteses. Hoxe en día é coñecido sobre todo polos gráficos da tartaruga, pero tamén ten facilidades significativas para o manexo de listas, ficheiros, E/S e recursión.
O buscador de Google, Google Search (tamén coñecido simplemente como Google ou Google.com ) é un motor de busca operado por Google. Permite aos usuarios buscar información na Web introducindo palabras clave ou frases. A busca de Google usa algoritmos para analizar e clasificar sitios web en función da relevancia en función da consulta.
Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista
O Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista é un dos premios entregados anualmente pola Academia Galega do Audiovisual ás actrices de cinema e televisión da industria galega.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
Information Technology Infrastructure Library
A Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información, frecuentemente abreviada ITIL (do inglés Information Technology Infrastructure Library), é un marco de traballo das mellores prácticas destinadas a facilitar a entrega de servizos de tecnoloxías da información (TI).
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego. Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
O feminismo é un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos que teñen como obxectivo común conseguir dereitos ecuánimes (iguais) e unha convivencia humana por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero. Abrangue diversos movementos, teorías e filosofías que avogan pola igualdade entre homes e mulleres, alén de promover os dereitos das mulleres e os seus intereses. De acordo con Maggie Humm e Rebecca Walker, a historia do feminismo pode dividirse en tres "ondas".
Google Académico (en inglés: Google Scholar) é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios. Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
National Basketball Association
A National Basketball Association (NBA) é a principal liga profesional de baloncesto de América do Norte, estando considerada maioritariamente como a mellor competición deste deporte no mundo. Formada por trinta franquías, vinte e nove delas situadas nos Estados Unidos e unha no Canadá, a NBA é membro da USA Basketball (Federación de Baloncesto dos Estados Unidos), a cal está considerada pola Federación Internacional de Baloncesto como o órgano nacional para o baloncesto nos Estados Unidos. A NBA está tamén considerada unha das catro grandes competicións deportivas do América do Norte xunto coa National Football League, a Major League Baseball e a National Hockey League.
Google Play (anteriormente Android Market) é unha plataforma de distribución dixital de aplicacións móbiles para os dispositivos con sistema operativo Android, así como unha tenda en liña desenvolvida e operada por Google. Esta plataforma permítelles aos usuarios navegar e descargar aplicacións (desenvolvidas mediante Android SDK), xogos, música, libros, revistas e películas. Tamén se poden adquirir dispositivos móbiles como ordenadores Chromebook, teléfonos intelixentes Nexus, Google Chromecast, entre outros.
Gmail, tamén coñecido como Google Mail, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
A Nintendo DS Lite é unha videoconsola portátil que foi producida pola empresa xaponesa Nintendo. É a segunda versión da Nintendo DS. Este redeseño ten un armazón máis delgado, lixeiro, e pantallas con máis brillo ca a primeira versión. Lanzouse ao mercado por primeira vez o 2 de marzo de 2006 e a súa produción foi finalizada en 2013.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Juan Luis Guerra Seijas, nado en Santo Domingo (República Dominicana) o 7 de xuño de 1957, é un compositor, cantautor e produtor musical caribeño. As súas 14 producións (10 delas en estudo) acadaron unhas vendas superiores a 20 millóns de discos en todo o mundo. O seu estilo propio mestura o merengue, bolero e salsa con fusións afroantillanas, xunto coas bases da bachata popular dominicana.
Marcus Aurelius Antoninus Basianus, nado en Lugdunum, actual Lión, o 4 de abril de 188 e finado o 8 de abril do ano 217, político romano e fillo do entón gobernador da Galia Septimio Severo, foi un emperador romano co nome oficial de Marcus Aurelius Severus Antoninus Augustus. O seu nome de Caracalla fai referencia a unha capa de orixe gala que usaba decote e co alcume pasou á historia.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Ryan Guno Babel, nado en Ámsterdam o 19 de decembro de 1986, é un exutbolista neerlandés, que xogaba de extremo. Comezou a destacar moi novo nas filas do Ajax, o que o levou rapidamente á internacionalidade, converténdose no cuarto futbolista de menos idade en marcar un gol coa selección dos Países Baixos. Despois de tres anos co primeiro equipo do Ajax foi traspasado ao Liverpool inglés, onde xogou catro tempadas sen conseguir asentarse.
O termo taifa, no contexto da historia ibérica, refírese a un principado musulmán independente, un emirato ou pequeno reino existente na Península Ibérica (ou Al-Andalus) tras a fin do Califato de Córdoba dos Omeias en 1031. O termo deriva da expresión árabe muluk at-cha'waif, «os reis das faccións» (simplificada en che a'waif, de onde a facción, o reino). Algunhas das máis coñecidas foron as taifas de Taifa de Zaragoza, a de Taifa de Sevilla, Taifa de Toledo, Taifa de Valencia e Taifa de Badaxoz entre outras.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
Diana Palazón, nada en Elx, Alacant, o 12 de decembro de 1977, é unha actriz española. Coñecida polos seus papeis nas series de televisión Al salir de clase e Hospital Central, nos últimos anos tamén ten participado con papeis secundarios e distintas longametraxes, ademais de contar con experiencia teatral. En 2006 participou na produción galega Mia Sarah.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista.