Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O mar é un gran corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade. Máis amplamente, mar - como un artigo definido - é o sistema interconectado de augas dos océanos, considerando estes un océano global e o conxunto das varias divisións oceánicas principais. O mar modera o clima da Terra e desempeña importante papel nos ciclos da auga, do carbono e do nitróxeno.
Este artigo trata sobre a quimioterapia contra o cancro. Para a quimioterapia contra axentes infecciosos ver Quimioterapia antimicrobiana.A quimioterapia (ás veces abreviada como quimio) é un tipo de tratamento do cancro que utiliza substancias químicas, especialmente un ou máis fármacos anticancro (axentes quimioterápicos) que se administran como parte dun réxime de tratamento estandarizado (réxime de quimioterapia). A quimioterapia pode administrarse con intención curativa, ou pode ter o obxectivo de prolongar a vida ou de reducir os síntomas (quimioterapia paliativa).
A serotonina ou 5-hidroxitriptamina (5-HT) é un neurotransmisor monoamina derivado bioquimicamente do aminoácido triptófano, que se encontra principalmente no tracto gastrointestinal, plaquetas, e no sistema nervioso central dos animais, humanos incluídos, pero tamén noutros seres vivos (insectos, fungos, plantas, amebas). É coñecido popularmente que contribúe a producir sensacións de benestar e felicidade, pero ten múltiples funcións.Aproximadamente o 90% da serotonina total do corpo humano está localizada nas células enterocromafíns do intestino, onde se utiliza para regular os movementos intestinais. O resto da serotonina sintetízana as neuronas serotoninérxicas do sistema nervioso central, onde exerce varias funcións, entre as que están: regulación do estado de ánimo, apetito, e sono.
Italia ( pronunciación ) (en italiano: Italia, [iˈtaːlja] (AFI), escoitar), oficialmente República Italiana ( pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da Península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.
Big Black foi unha banda estadounidense de punk rock procedente de Evanston, Illinois, activa dende 1981 ata 1987. Fundada polo guitarrista e vocalista Steve Albini, a súa formación incluía tamén ao guitarrista Santiago Durango e ao baixista Jeff Pezzati, ambos da banda Naked Raygun. En 1985 Pezzati foi substituído por Dave Riley, quen tocou nos dous álbums de estudio da banda, Atomizer (1986) e Songs About Fucking (1987).
O circo romano (do latín significa "círculo") é un gran local ao aire libre onde os romanos realizaban espectáculos, con chanzos para os espectadores. Foi unha das instalaciones máis importantes das cidades romanas. Xunto co teatro e mailo anfiteatro, forma a tríade de grandes instalacións destinadas a divertir o pobo.
San Petersburgo (en ruso: Санкт-Петербург, tr. "Sankt-Peterburg", [sankt pʲɪtʲɪrˈburk] (AFI)), antes coñecida como Petrogrado (1914-1924) e máis tarde como Leningrado (1924-1991), é a segunda cidade máis poboada, cunha poboación de aproximadamente 5,4 millóns de habitantes, e importante de Rusia, só superada pola capital, Moscova. Está situada as beiras do río Nevá, na cabeceira do golfo de Finlandia no mar Báltico.
Martin Luther King, Jr., nado como Michael King Jr en Atlanta (Xeorxia) o 15 de xaneiro de 1929 e asasinado en Memphis (Tennessee) o 4 de abril de 1968, foi un ministro e activista baptista estadounidense, un dos líderes máis destacados do movemento polos dereitos civís desde 1955 ata o seu asasinato en 1968. Líder da igrexa afroamericana e fillo do activista dos dereitos civís e ministro Martin Luther King Sr., King promoveu os dereitos civís da xente de cor nos Estados Unidos a través da non-violencia e a desobediencia civil. Inspirado polas súas crenzas cristiás e o activismo non violento de Mahatma Gandhi, dirixiu unha resistencia non violenta contra as leis de Jim Crow e outras formas de discriminación.
Xerusalén (hebreo: ירושלים, Yerushaláyim; árabe: القدس, al-Quds; grego: Ιεροσόλυμα, Ierossólyma), é unha cidade do Medio Oriente reivindicada como capital tanto por Israel (actual administrador) coma polo Estado de Palestina. Localizada nunha meseta nas montañas da Xudea entre o mar Mediterráneo e o mar Morto, é unha das cidades máis antigas do mundo. Considerada sagrada polas tres principais relixións abrahámicas — xudaísmo, cristianismo e islamismo.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
A gastroenterite é unha enfermidade caracterizada pola inflamación (-itis) do tracto gastrointestinal que está composto polo estómago (gastro-) e o intestino delgado (entero-). Os síntomas principais son diarrea, vómito, cólico abdominal e cambras. Aínda que non ten relación coa gripe, é tamén designada incorrectamente por gripe intestinal ou gripe gástrica.
Abraham Lincoln, nado preto de Hodgenville, Kentucky, o 12 de febreiro de 1809 e finado en Washington o 15 de abril de 1865, foi un avogado e estadista estadounidense que exerceu como 16º presidente dos Estados Unidos desde 1861 ata o seu asasinato en 1865. Lincoln liderou a nación durante a guerra civil americana, o conflito máis sanguento e quizais tamén a maior crise moral, constitucional e política que sufriu a nación estadounidense. O mesmo tempo logrou preservar a Unión, abolir a escravitude, reforzar o goberno federal e modernizar a economía estadounidense.Lincoln naceu na pobreza nunha cabana de troncos no estado de Kentucky e criouse na fronteira, principalmente en Indiana, no que entón era o Afastado Oeste.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Juan Carlos Ablanedo Iglesias, coñecido como Ablanedo II, nado en Mieres o 2 de setembro de 1963, é un exfutbolista español. Gardameta histórico do Sporting de Gijón, xogou 458 partidos oficiais co equipo asturiano ao longo de 17 tempadas, sendo o quinto futbolista con máis partidos disputados na historia do club, e gañou tres veces o Trofeo Zamora. Foi internacional coa selección española, coa que participou en dúas Copas do Mundo, en 1986 e 1990, se ben en ambas foi suplente de Zubizarreta.
Un mito da creación é unha narración simbólica que explica como empezou o mundo e como apareceron as primeiras persoas que o habitaron. Aínda que no uso popular o termo mito a miúdo se refire a historias falsas ou fantasiosas, o certo é que, formalmente, non implica falsidade. As culturas en xeral consideran que os seus mitos de creación son verdadeiros.
Dubai (en árabe: دبيّ, transliterado Dubayy) é unha metrópole que ocupa aproximadamente o 20% do territorio do Emirato de Dubai, un dos sete que integran os Emiratos Árabes Unidos dende 1971. Está localizada ao longo da franxa costeira do emirato e é a cabeceira da área metropolitana Dubai-Sharjah-Ajman. A súa poboación en 2010 ascendía a 1.905.000 habitantes que a converten na cidade máis populosa dos Emiratos.
A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica, ás veces considerada unha enfermidade, producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados. Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2.
A auga (fórmula química H2O) é unha substancia química inorgánica, transparente, insípida, inodora e case incolora, que é o principal constituínte da hidrosfera terrestre e dos fluídos de todos os organismos vivos coñecidos (no que actúa como disolvente).). É vital para todas as formas de vida coñecidas, aínda que non proporciona alimento, enerxía nin micronutrientes orgánicos. A súa fórmula química, H2O, indica que cada unha das súas moléculas conteñen un átomo de osíxeno e dous de hidróxeno, conectados por enlaces covalentes.
A Última Cea (en italiano: Il cenacolo ou L'ultima cena) é unha pintura mural orixinal de Leonardo da Vinci executada entre 1495 e 1497, atópase na parede sobre a que se pintou orixinariamente, no refectorio (comedor) do convento dominico de Santa Maria delle Grazie en Milán (Italia). Este representa a escena da Última Cea de Xesús como se anuncia no Evanxeo de Xoán 13:21, cando Xesús anuncia que un dos seus Doce Discípulos traizoaríao. A pintura foi elaborada, para o seu patrón, o duque Ludovico Sforza de Milán.
A reparación do ADN (ou reparación do DNA) é o conxunto de procesos polos cales unha célula detecta e corrixe os danos que se produciron nas moléculas de ADN nas que está codificado o seu xenoma. Nas células humanas, tanto as actividades metabólicas normais coma a influencia de factores ambientais como a luz ultravioleta (UV) e outras radiacións poden causar danos no ADN, que teñen como resultado a produción de lesións, que se estima que pode chegar ata aproximadamente un millón de pequenas lesións moleculares por célula e día. Moitas destas lesións causan danos estruturais á molécula de ADN e poden alterar ou eliminar a capacidade da célula de realizar a transcrición dun xene que foi afectado pola lesión.
A Cidade de Bruxelas (Ville de Bruxelles en francés, Stad Brussel en neerlandés, Stadt Brüssel en alemán) é o meirande concello e centro histórico da Rexión de Bruxelas-Capital, así como a capital de Flandres (da que non forma parte) e de Bélxica. A cidade tamén o centro administrativo da Unión Europea e acolle un bo número das súas institucións no Barrio Europeo.Ademais da cidade histórica central situada dentro do Pentágono, a cidade de Bruxelas abrangue algúns dos arredores inmediatos da cidade dentro da gran Rexión de Bruxelas-Capital, é dicir, os antigos municipios de Haren, Laeken e Neder-Over-Heembeek ao norte, así como como a avenida Louise/Louizalaan e o parque Bois de la Cambre/Ter Kamerenbos ao sueste, onde limita cos municipios de Flandres. Segundo datos do 1 de xaneiro de 2022, a cidade de Bruxelas tiña unha poboación total de 188 737 habitantes.
A diabetes mellitus (DM) é un conxunto de trastornos metabólicos, cuxa característica común principal é a presenza de concentracións elevadas de glicosa no sangue de maneira persistente ou crónica, debido xa sexa a un defecto na produción de insulina, a unha resistencia á acción dela para utilizar a glicosa, a un aumento na produción de glicosa ou a unha combinación destas causas. Tamén se acompaña de anormalidades no metabolismo dos lípidos, proteínas, sales minerais e electrólitos.A diabetes asóciase coa aparición de complicacións en moitos sistemas orgánicos, sendo os máis evidentes a perda da visión (retinopatía diabética) que pode chegar á cegueira, o compromiso dos riles (nefropatía diabética) con deterioración funcional progresiva, requirindo diálise e transplante, o compromiso de vasos sanguíneos que poden significar a perda de extremidades inferiores (amputacións) (véxase vasculopatía diabética), o compromiso do corazón con enfermidade coronaria e infarto agudo de miocardio, o compromiso cerebral e a irrigación intestinal; con todo, as complicacións máis prevalecentes afectan ao sistema nervioso periférico e autónomo. Todo isto significa unha carga moi pesada para o paciente que a padece e para todo o sistema de saúde pública.Trátase dunha complexa doenza na cal coexiste un trastorno global do metabolismo dos carbohidratos, dos lípidos e das proteínas.
Józef Klemens Piłsudski de Kościesza ['juzɛf piw'sutski] , nado en Zułów, preto de Vilna, o 5 de decembro de 1867 e finado en Varsovia o 12 de maio de 1935, foi o primeiro xefe de Estado (1918-1922), primeiro mariscal (dende 1920) e ditador (1926-1935) da Segunda República Polaca. Dende a primeira guerra mundial tivo unha grande influencia na sociedade do seu país e foi un político moi relevante na política europea. É considerado o principal responsable de que Polonia conseguise a independencia en 1918 tras máis dun século de particións.
Quo Vadis é un filme estadounidense de 1951 dirixido por Mervyn LeRoy e producido por Sam Zimbalist. É un drama histórico e épico de Metro-Goldwyn-Mayer (MGM) en Technicolor. O guión é obra de John Lee Mahin, S.N. Behrman e Sonya Levien, adaptado da novela Quo Vadis (1896) do premio Nobel polaco Henryk Sienkiewicz.
Receptor acoplado á proteína G
Os receptores acoplados á proteína G (GPCRs), tamén chamados receptores de dominio de sete transmembrana, receptores 7TM, receptores heptahélice, receptores serpentina, e receptores ligados á proteína G (GPLR), forman unha grande familia de proteínas de receptores de membrana que detectan moléculas procedentes de fóra da célula e activan vías de transdución de sinais internas, que orixinan respostas celulares. Son receptores transmembrana porque abranguen todo o grosor da membrana dun lado a outro, e ademais, son receptores do tipo "sete transmembrana" porque a súa cadea polipeptídica pasa dun lado a outro da membrana sete veces. Os receptores acoplados á proteína G encóntranse só en eucariotas, incluíndo a lévedos, coanoflaxelados, e animais.
A MDMA (abrevación do seu nome semisistemático 3,4-metilendioximetanfetamina), usualmente coñecido como éxtase, é unha droga empatóxena pertencente á familia das anfetaminas substituídas. As rutas máis comúns para a súa síntese empregan a 3,4-metilenodioxifenil-2-propanona (MDP2P) como precursor.O consumo de MDMA pode inducir euforia, sensación de intimidade cos demais e diminución da ansiedade. Produce unha perda da timidez, volvendo ó individuo máis extravertido, unha sensación de ledicia absoluta e de hiperactividade, aumento da tensión muscular, dilatación das pupilas, pode causar bruxismo e unha perda parcial do sentimento de dor física.
A dopamina (C6H3(OH)2-CH2-CH2-NH2) é un neurotransmisor e unha hormona producida en moitas especies animais tanto vertebrados coma invertebrados incluídos os humanos. Segundo a súa estrutura química, a dopamina é unha catecolamina do grupo das feniletilaminas. No sistema nervioso, a dopamina cumpre funcións de neurotransmisor, activando os cinco tipos de receptores de dopamina: D1 (relacionado cun efecto activador), D2 (relacionado cun efecto inhibidor), D3, D4 e D5, e as súas variantes.
O Circo Máximo (en latín: Circus Maximus, o meirande circo) é un antigo estadio romano de carreiras de carros e lugar de entretemento de masas que se atopaba en Roma, Italia. Situado no val entre os outeiros Aventino e o Palatino, foi o primeiro e o meirande estadio da Roma antiga e do posterior imperio. Tiña unha lonxitude de 621 m e 118 m de ancho e podía acoller a 150 000 espectadores.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
O fitoplancto é un grupo diverso e polifilético de microorganismos planctónicos unicelulares e coloniais fotoautótrofos . Fórmano protistas fotosintetizadores (dominio Eukarya) e cianobacterias (domino Bacteria). O nome provén das palabras gregas φυτόν fitos 'planta' e πλαγκτός planctos 'o que vai á deriva'.
Paloma San Basilio, nada en Madrid o 22 de novembro de 1950, é unha cantante e actriz española. Trátase dunha das intérpretes máis populares e prestixiosas no ámbito da canción melódica en castelán. A potencia vocal de Paloma San Basilio, e a súa precisión e nitidez no fraseo son as súas características máis destacables.
Os celtas son un conxunto de pobos indoeuropeos de Europa identificados polo uso das linguas celtas e outras semellanzas culturais. A historia da Europa precelta e a relación exacta entre os diferentes grupos étnicos, lingüísticos e culturais dentro do espazo celta é tema de debate e controversia. Por outra banda, o alcance xeográfico dos antigos celtas tamén está en disputa; particularmente, se os habitantes da Idade de Ferro de Gran Bretaña e Irlanda deberían ser considerados ou non como celtas.
As plaquetas, ou trombocitos (do grego θρόμβος, "coagulo" e κύτος, "vaso, célula"), son pequenos fragmentos de células de forma discoidal que carecen de núcleo, de 2–3 µm de diámetro, que derivan da fragmentación dos seus precursores os megacariocitos da medula ósea. A vida media dunha plaqueta é normalmente de 5 a 9 días. As plaquetas producen factores de crecemento.
O xainismo é unha das relixións máis antigas da India, xuntamente co hinduísmo e o budismo, compartindo con este último a ausencia da necesidade de Deus como creador ou figura central. Considérase que a súa orixe antecede o Brahmanismo, aínda que sexa máis probábel que xurdira na súa forma actual o século V a.C., en resultado da acción relixiosa do Mahavira. Esta doutrina pregoa unha vía salvadora filosófica non centrada no culto de ningún deus.
COX-2 redirixe aquí. Para a subunidade II da citocromo c oxidase (COX2 ou COXII) ver MT-CO2.A ciclooxixenase 2 (COX-2), tamén chamada prostaglandina-endoperóxido sintase 2, prostaglandina G/H sintase e ciclooxixenase ou PGHS-2 (cuxo símbolo oficial de HUGO é PTGS2; HGNC:9605), é un encima que nos humanos está codificado no xene PTGS2 do cromosoma 1. É unha das dúas ciclooxixenases que posúen os humanos; a outra é a ciclooxixenase 1.
Serbia (en serbio: Србија/Srbija) é un país pechado ó mar situado no centro e no sueste de Europa, ocupando a parte sur da chaira panónica e a parte central da península balcánica. O país fai fronteira con Hungría polo norte, Romanía e Bulgaria polo leste, Albania e Macedonia do Norte polo sur e con Montenegro, Croacia e Bosnia e Hercegovina polo oeste. A súa capital é Belgrado.
O citocromo P450 é unha superfamilia de encimas monooxixenases (oficialmente abreviadas como CYP) constituída por un grupo grande e diverso de encimas que catalizan a oxidación de compostos orgánicos. Os substratos dos encimas CYP son intermediatos metabólicos como lípidos e hormonas esteroides, ou substancias xenobióticas como fármacos e compostos químicos tóxicos. As CYPs son os principais encimas implicados no metabolismo de fármacos e a bioactivación, e realizan un 75% do total de reaccións metabólicas de degradación e modificación de drogas.
A Unión Europea ( pronunciación ) (UE) é unha organización internacional constituída por 27 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo.
Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo. Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país .
Un fertilizante ou adubo sintético é calquera substancia orgánica ou inorgánica de orixe natural ou sintética (diferente dos materias calcarios) que é incorporada a un vexetal, xeralmente agregada a través dos solos (raíces) ou das follas (fertilización foliar) para fornecer un ou máis nutrientes esenciais para o crecemento do mesmo.. A Real Academia Galega defíneo coma o produto químico, ou ben de orixe vexetal ou animal, que se lle bota á terra para que as plantas cultivadas nela se desenvolvan mellor e dean máis e mellores froitos , se ben hoxe xa non se poden considerar soamente os fertilizantes de solo, senón tamén os foliares (nutrición foliar). Unha avaliación recente atopou que hoxe en día entre o 30 e o 50% dos rendementos dos cultivos son atribuíbeis ao uso de fertilizantes comerciais .
O cloroformo ou triclorometano (abreviado TCM) é un composto orgánico coa fórmula CHCl3 e un solvente común. É un líquido denso, moi volátil, incoloro e de forte cheiro producido a grande escala como precursor de refrixerantes e PTFE (politetrafluoroetileno). O cloroformo é un trihalometano que funciona como un potente anestésico, euforizante, ansiolítico e sedante cando é inhalado ou inxerido.
Dacca ou Daca (bengalí: ঢাকা, transcrito Ḍhākā; pronunciado: [ɖʱaka]) é a capital e a maior cidade de Bangladesh. Tamén é a sexta cidade por número de poboación e a sétima por densidade de poboación do mundo. Dacca é unha megacidade e tiña unha poboación de 10,2 millóns de persoas en 2022, chegando a 22,4 millóns de residentes na súa área metropolitana.
Mantua (Mantova en italiano, Mäntua no dialecto mantuano e Māntva no dialecto emiliano) é unha cidade italiana, capital da provincia homónima na Lombardía. Ten unha poboación 48.364 habitantes (2021), que se duplica contando os arredores, pasando dos 100.000 habitantes. Limita cos concellos de Bagnolo San Vito, Curtatone, Porto Mantovano, Roncoferraro, San Giorgio di Mantova e Virgilio.
O cultivo celular é o complexo proceso polo cal se cultivan células en condicións controladas, xeralmente fóra do seu ambiente natural, in vitro. Tamén se lle chama cultivo celular ao conxunto de células resultantes dese proceso. Na práctica, o termo "cultivo celular" actualmente refírese ao cultivo de células derivadas de eucariotas pluricelulares, especialmente células animais.
Unha neurona (do grego νεῦρον, corda, nervio) ou célula nerviosa é un tipo de célula pertencente ao sistema nervioso cuxa membrana plasmática ten a característica de excitarse con electricidade para procesar e transmitir información por medio de impulsos eléctricos e químicos. Son un tipo de células altamente diferenciadas e non teñen a habilidade de se dividiren, aínda que existan algunhas que o fagan. As neuronas conéctanse unhas coas outras formando enormes redes neuronais.
O fígado é un órgano vital presente nos vertebrados e nalgúns outros animais, no ser humano constitúe a maior glándula do corpo humano. Localízase no canto dereito superior do abdome, baixo o diafragma, e o seu peso aproximado é de case 1,5 kg no home adulto e un pouco menos na muller; en cativos é proporcionalmente maior, pois constitúe 1/20 do peso total dun recentemente nacido. Na primeira infancia é un órgano tan grande que pode ser sentido abaixo da marxe inferior das costelas, no lado dereito.
O Fußball-Club Bayern München e. V. (comunmente en galego: Bayern de Múnic) é un club deportivo bávaro con sede na cidade de Múnic (Alemaña). É principalmente coñecido pola súa sección de fútbol profesional, a cal fai que o Bayern sexa o club de fútbol con máis éxito de Alemaña e un dos máis importantes de Europa.
A enfermidade celíaca ou doenza celíaca (celiaquía) é unha doenza autoinmune que comeza na infancia e está provocada por unha intolerancia intestinal permanente ao glute. Caracterízase por unha inflamación crónica do intestino delgado na zona do xexuno, causada pola exposición á gliadina, unha proteína vexetal dalgúns cereais na dieta. A gliadina é un dos compoñentes do glute (proteína presente no trigo (Triticum spp.), o orxo (Hordeum vulgare), o centeo (Secale cereale), o triticale (× Triticosecale), o kamut (Triticum turgidum), o trigo vermello ou espelta (Triticum spelta) e posibelmente a avea (Avena sativa) —por cuestións de contaminación cruzada—).
A indoeuropeística (ou lingüística indoeuropea) é a rama da lingüística histórica e da lingüística comparada que se ocupa da reconstrución da lingua indoeuropea e das evolucións históricas das linguas indoeuropeas. Xurdida con base científica no segundo decenio do século XIX, ten elaborado e válese principalmente do método comparativo que permite, a través da comparación entre as linguas coñecidas, a identificación de correspondencias estruturais sistemáticas, a través das cales é posíbel elaborar un cadro de conxunto da lingua indoeuropea que non nos é coñecida per se, xa que é unha lingua prehistórica que non deixou testemuños directos. Xunto coa arqueoloxía e a historia, a indoeuropeística tenta tamén reconstruír, sempre por vía indutiva, as características do pobo indoeuropeo que falou tal lingua, e o seu posterior espallamento que deu orixe aos pobos indoeuropeos historicamente coñecidos.
A luz ou luz visible é a radiación electromagnética comprendida na parte do espectro electromagnético que percibe o ollo humano. A luz visible defínese xeralmente como a que ten lonxitudes de onda no rango de 400-700 nanómetros (nm), entre o infravermello (con lonxitudes de onda máis longas) e o ultravioleta (con lonxitudes de onda máis curtas). Esta lonxitude de onda supón unha gama de frecuencias de aproximadamente 430-750 terahercios (THz).
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Cornelius Vanderbilt I, nado en Staten Island o 27 de maio de 1794 e finado en Manhattan o 4 de xaneiro de 1877, tamén coñecido como O Comodoro ("The Comodore") ou Comodoro Vanderbilt, foi un empresario estadounidense que amasou a súa fortuna grazas ao transporte mediante barcos e ferrocarrís. Foi o patriarca da familia Vanderbilt. No negocio ferroviario, a compañía de Vanderbilt era a Accessory Transit Company (compañía de tránsito accesorio).
Filipe IV de España, tamén coñecido como Filipe IV de Habsburgo, nado en Valladolid o 8 de abril de 1605 e finado en Madrid o 17 de setembro de 1665, denominado O Grande ou O Rei Planeta, foi rei de España desde o 31 de marzo de 1621 até o seu falecemento; así mesmo foi rei de Portugal, como Filipe III até o 1 de decembro de 1640. O seu reinado de 44 anos e 170 días foi o máis longo da casa dos Austria e o terceiro da historia española, sendo superado só por Filipe V e Afonso XIII, aínda que os primeiros dezaseis anos do reinado deste último foron baixo rexencia. Durante a primeira etapa do seu reinado compartiu a responsabilidade dos asuntos de Estado con Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, quen realizou unha enérxica política exterior que buscaba manter a hexemonía española en Europa.
Malvela é un grupo de folk galego, creado en Sanguiñeda (Mos). Está integrado por 13 cantadeiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina, Aurita, Teresa, Merche e Adela), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal).
Montenegro (en montenegrino: Crna Gora Црна Гора), é un país do sueste de Europa. Está situado nunha parte montañosa dos Balcáns e limita con Serbia ao nordés, Bosnia e Hercegovina ao norte, Kosovo ao leste, Albania ao sueste, Croacia ao noroeste, e o Mar Adriático ao oeste cunha costa de 293,5 km. Podgorica, a capital e cidade máis grande, abrangue o 10,4 % do territorio de Montenegro de 13.812 km², e alberga aproximadamente o 35% da súa poboación total de 621.000 habitantes.Durante o período da Alta Idade Media, tres principados estaban situados no territorio do actual Montenegro: Duklja, que corresponde aproximadamente á metade sur, Travunia, ao oeste e Rascia propiamente dita, o norte.
A República Arxentina (en castelán: Argentina) é un país situado no extremo sur de América organizado como unha república representativa e federal. Pola súa extensión, é o segundo estado de América do Sur, cuarto no continente americano e o oitavo no mundo con 2 780 400 km². Con todo, a Arxentina reclama as Malvinas, as Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur e a Illa Aurora baixo soberanía británica e unha área antártica ao sur do paralelo 60° S, denominada pola Arxentina Antártida Arxentina.
O peróxido de hidróxeno que, en solución acuosa, é coñecido comercialmente como auga osixenada, é un líquido claro de fórmula química H2O2. É un pouco máis viscoso que a auga, ten propiedades oxidantes fortes, é incoloro á temperatura ambiente e ten un característico sabor amargo. Ten propiedades oxidantes fortes, polo que é un axente branqueador moi poderoso.
Albania (en albanés, Shqipëri ou Shqipëria), oficialmente República de Albania (en albanés, Republika e Shqipërisë), é un país balcánico, situado nas costas do mar Adriático e do mar Xónico, no Mediterráneo. Comparte fronteiras con Montenegro ao noroeste, con Kosovo ao nordeste, coa Macedonia do Norte ao leste e con Grecia ao sur. Tirana é a súa capital e cidade máis poboada, seguida de Durrës, Vlorë e Shkodër.
Juan Domínguez Lamas, nado en Pontedeume o 8 de xaneiro de 1990, é un exfutbolista galego. Xogaba de mediocentro e destacou principalmente no Deportivo da Coruña, club no que se formou como futbolista antes de subir ao primeiro equipo, no que militou durante sete tempadas. Xogou un total de 171 partidos oficiais co Deportivo, nos que marcou 12 goles, sendo un xogador clave en dous ascensos á Primeira División.
Mónaco (en francés: Monaco, en monegasco: Múnegu, en italiano: Monaco, en occitano: Mónegue), oficialmente Principado de Mónaco (en francés: Principauté de Monaco, en monegasco: Principatu de Múnegu, en italiano: Principato di Monaco, en occitano: Principat de Mónegue) é unha cidade-estado situada ao sur de Francia na costa mediterránea, en Europa. Cunha superficie de 1,9 km² é o segundo país máis pequeno do mundo, despois da Cidade do Vaticano. Debido a ese pequeno tamaño posúe soamente pouco máis de catro quilómetros de fronteira, todas con Francia, aínda que se atopa bastante preto de Italia a 11 km.
Esta é unha lista alfabética de países do mundo recoñecidos pola ONU, é dicir de Estados nación. Os países sen recoñecemento xeral sinálanse en cursiva, e se son independentes de feito, indícase cun asterisco (*) na súa situación e ofrécense máis detalles na columna de notas. A adhesión ao sistema das Nacións Unidas divide os 206 estados listados en tres categorías: 193 estados membros, 2 estados observadores, e outros 11 estados.
Os Boston Celtics son un equipo profesional estadounidense de baloncesto con sede en Boston, Massachusetts, que xoga na División Atlántico da Conferencia Leste na National Basketball Association (NBA). Os Celtics foron fundados en 1946 e son propiedade de Boston Basketball Partners LLC. Con dezasete campionatos son o equipo da NBA con máis títulos. A época de maior dominación "celtic" na historia da competición foi de 1957 a 1969, cando conseguiron once campionatos en trece anos, oito deles de xeito consecutivo, o que aínda é a meirande racha de títulos consecutivos gañados por calquera franquía do deporte profesional norteamericano.
O cirílico é un alfabeto creado en Bulgaria no século IX, derivado da grafía uncial do grego aumentada con letras do alfabeto glagolítico, incluíndo algunhas ligaduras. Estas letras adicionais usáronse no antigo eslavo eclesiástico para sons que non existían no grego. O nome do alfabeto fai referencia aos irmáns bizantinos Cirilo e Metodio, quen crearon o máis antigo alfabeto glagolítico.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Santa María de Paradela é unha parroquia que se localiza no concello de Meis. Segundo o IGE, en 2016 tiña 934 habitantes (469 mulleres e 465 homes), o que representa un descenso continuado respecto ós anos 2010, cando tiña 960 habitantes, e 2005, cando eran 1 006 veciños. A celebración da Semana Santa de Paradela foi declarada festa de interese turístico galego.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Os carbohidratos, tamén denominados glícidos, sacáridos ou, antes, hidratos de carbono, son compostos químicos orgánicos que conteñen xeralmente osíxeno, hidróxeno e carbono. A súa función é nutritiva e fundamentalmente enerxética, pero tamén estrutural. A súa fórmula química é Cn(H2O)n ou derivadas dela, variando o valor de n desde 3 ata miles de átomos de carbono.
As hipóteses da Urheimat protoindoeuropea son unha serie de conxecturas que tentan explicar as orixes da lingua protoindoeuropea. A identidade dos indoeuropeos foi un un argumento recorrente dos estudos de indoeuropeística a partir do século XIX. Se ben son moitas as hipóteses propostas, ningunha ten reunido un acordo suficientemente amplo dentro da comunidade dos investigadores.
Unha proteína quinase é un encima de tipo quinase que modifica outras proteínas engadíndolles quimicamente grupos fosfato (fosforilación). A fosforilación xeralmente ten como resultado un cambio funcional na proteína diana (o substrato) ao modificar a súa actividade encimática catalítica, a súa localización celular ou a súa asociación con outras proteínas. O xenoma humano contén uns 560 xenes de proteína quinase, que constitúen un 2% de todos os xenes humanos.