Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.
Agora Repúblicas (en catalán: Ara Repúbliques, en éuscaro: Orain Errepublikak, en castelán: Ahora Repúblicas, en aragonés: Agora Republicas, en asturiano: Agora Repúbliques, en occitano: Ara Republicas) é unha coalición electoral creada para as eleccións ao Parlamento Europeo de 2019 por Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Euskal Herria Bildu (EH Bildu) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) con Oriol Junqueras como cabeza de lista. Os demais postos na candidatura repartíronse entre EH Bildu, BNG e ERC. Ademais, Andecha Astur, Puyalón de Cuchas, Alternativa Nacionalista Canaria, Congreso Nacional de Canarias e Unidad del Pueblo tamén participaron na candidatura. Esta coalición é sucesora de L'Esquerra pel Dret a Decidir e Os Pobos Deciden, formacións que participaron nas eleccións europeas de 2014.
Luis Pérez Fernández, nado en Sevilla o 26 de febreiro de 1990, máis coñecido como Alvise Pérez, defínese como un analista e consultor político español. Exerceu como asesor parlamentario e xefe de gabinete no Parlamento Valenciano para o partido Cidadáns. A súa actividade céntrase maiormente na difusión de contidos a través de Internet, concretamente por Telegram e X, os cales a miúdo son considerados como loiadas. Isto levou á suspensión indefinida da súa actividade en X. Na actualidade, preséntase ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2024 como cabeza de lista da agrupación de electores «Se Acabó La Fiesta», non ocultando, segundo el, que a súa primeira intención é conseguir así o aforamento dos parlamentarios ante o Tribunal Supremo para dificultar polo menos dúas causas penais que ten pendentes.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
JSON, acrónimo de JavaScript Object Notation, é un formato lixeiro para o intercambio de datos. JSON é un subconxunto da notación literal de obxectos de JavaScript que non require o uso de XML. A simplicidade de JSON deu lugar á xeneralización do seu uso, especialmente como alternativa a XML en AJAX. Unha das supostas vantaxes de JSON sobre XML como formato de intercambio de datos neste contexto é que é moito máis sinxelo escribir un analizador sintáctico (parser) de JSON. En JavaScript, un texto JSON pódese analizar facilmente usando o procedemento eval(), o cal foi fundamental para que JSON fose aceptado por parte da comunidade de desenvolvedores AJAX, debido á ubicuidade de JavaScript en case calquera navegador web. Na práctica, os argumentos a favor da facilidade de desenvolvemento de analizadores ou do rendemento dos mesmos son pouco relevantes, debido ás cuestións de seguridade que expón o uso de eval() e o auxe do procesamento nativo de XML incorporado nos navegadores modernos.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña. Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto. Considerada a atleta galega máis destacada de todos os tempos, foi campioa de Europa tanto ao aire libre como en pista cuberta, e gañou unha medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP. É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Iván Ferreiro, nado en Nigrán o 15 de agosto de 1970, é un músico galego. Acadou sona por ser durante trece anos o cantante e líder do grupo pop-rock Los Piratas, do que tamén compuxo a maioría das cancións, e tamén pola súa carreira en solitario. A súa voz, peculiar e cun amplo rexistro, interpretou as cancións míticas deste grupo, como foron "Promesas que no valen nada", "Años 80" ou "Mi coco".
Björn Rune Borg, ([bjœːɳ bɔrj]), nado en Estocolmo o 6 de xuño de 1956 é un ex-tenista sueco que brillou na historia do deporte durante a súa época de xogador, entre 1973 e 1981, logrando 96 torneos (64 da ATP), entre eles 5 Wimbledon, 6 Roland Garros e 2 Masters antes de retirarse aos 26 anos de idade. Está considerado como un dos mellores tenistas masculinos da historia do tenis. En 2014 unha enquisa do xornal Dagens Nyheteher escolleuno como o mellor deportista sueco da historia por diante do futbolista Zlatan Ibrahimovic.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Eleccións ao Parlamento Europeo de 2024
As eleccións ao Parlamento Europeo de 2024 terán lugar entre o 6 e o 9 de xuño de 2024 en todos os estados membros da Unión Europea, para dar lugar á X lexislatura europea. Nelas votarase por sufraxio universal, directo, libre e segredo os eurodeputados que integrarán o Parlamento Europeo e que representarán a cidadanía europea no período comprendido entre 2024 e 2029. Esta cámara será a responsable de nomear o presidente da Comisión Europea, a proposta do Consello Europeo en función dos resultados das eleccións, por maioría cualificada.
Ursula Gertrud von der Leyen, nada como Ursula Gertrud Albrecht en Ixelles, Bruxelas, o 8 de outubro de 1958, é unha política alemá, presidenta da Comisión Europea dende 2019. Von der Leyen está afiliada á Unión Demócrata Cristiá (CDU), partido de centro-dereita do cal é unha das vicepresidentas. Foi a primeira muller no cargo de ministra de Defensa de Alemaña, entre 2013 e 2019, despois de liderar os ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2009 e 2013, e de Familia, Terceira Idade, Mulleres e Xuventude, entre 2005 e 2009.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Grand Slam de tenis está constituído polos catro torneos maiores do circuíto internacional organizados pola Federación Internacional de Tenis, sendo os seguintes: Aberto de Australia Torneo de Roland Garros Campionato de Wimbledon Aberto dos Estados Unidos Estes catro torneos dispútanse anualmente ao mellor de 5 sets cada partido en categoría masculina, cun cadro de 128 xogadores, a diferenza dos ATP World Tour Masters 1000 que se disputan ao mellor de 3 sets, cun cadro de 94 ou 56 xogadores e á mellor de 3 sets en categoría feminina (tamén cun cadro de 128 xogadoras), sendo os de maior renome entre xogadores e afeccionados ao deporte ao outorgar os maiores premios en efectivo e o maior número de puntos para a clasificación mundial. Ao triunfar un xogador nalgún destes 4 torneos dise que logrou un título de Grand Slam. A expresión provén do xogo do bridge, que logo se aplicou ao tenis por primeira vez en 1933.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 211.278.
Frente Obrero é un partido político español, inscrito no rexistro de partidos do Ministerio do Interior coas siglas FO o 13 de marzo de 2019, de ideoloxía republicana e federal. A súa ideoloxía é unha amálgama de ideas na que se rexeita a dicotomía da esquerda e a dereita, adoptando o que se coñece como terceira posición na que se mesturan elementos ideolóxicos da esquerda como o obreirismo ou antiimperialismo, con outros novidosos como o "patriotismo revolucionario". A pesar de que dende varios medios de comunicación considéraselles partidarios do comunismo, o partido rexeita esta ideoloxía e opta por denominarse fronte de masas, co fin de «chegar a máis sectores na súa loita política».
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
O ensino bilingüe é aquel no que os estudantes reciben educación en dúas (ou máis) linguas. É distinto de aprender unha segunda lingua como materia porque as dúas linguas úsanse para a instrución en diferentes áreas de contido como matemáticas, ciencias e historia. O tempo empregado en cada lingua depende do modelo.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Partido Comunista de los Pueblos de España
O Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE) é un partido político español marxista-leninista fundado en xaneiro de 1984 tras a unión de varios partidos e organizacións que anteriormente se escindiran do Partido Comunista de España por non estar de acordo coa liña eurocomunista de Santiago Carrillo.
Marion Anne Perrine Le Pen, nada en Neuilly-sur-Seine, Francia, o 5 de agosto de 1968, popularmente coñecida como Marine Le Pen, é unha avogada e política francesa, presidenta da Agrupación Nacional, candidata por este partido ás eleccións presidenciais de 2012 e 2017. É filla do anterior presidente da Fronte Nacional, Jean-Marie Le Pen. Dende xullo de 2004 é eurodeputada á vez que conselleira rexional da rexión francesa Norte-Paso de Calais dende marzo de 2010.
Álvaro Tauchert Soler, nado en Sant Cugat del Vallès o 9 de xaneiro de 1991, coñecido artisticamente como Álvaro Soler, é un cantante e compositor hispano-alemán. Deuse a coñecer polo éxito do seu primeiro sinxelo, El mismo sol, no verán de 2015. Unha versión da canción, xunto a Jennifer Lopez, ocupou os primeiros postos das listas musicais de máis de 25 países de Europa e Latinoamérica.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
John Langdon Haydon Down, nado o 18 de novembro de 1828 en Cornualla e finado o 7 de outubro de 1896 en Londres, foi un médico británico coñecido maiormente pola súa descrición da condición xenética á que nomeou "mongolismo", agora coñecida coma Síndrome de Down. Down realizou ademais unha destacada labor en medicina social, converténdose nun pioneiro en canto ao coidado de pacientes con discapacidades mentais se refire. O seu traballo, no entón chamado Earlswood Asylum, non só se centrou na administración, senón que tamén abrangueu innovacións no tratamento e educación das persoas con ditas discapacidades.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O Tournoi de Roland-Garros (en galego: "Torneo de Roland Garros") é un evento de tenis que se leva a cabo desde finais de maio ata comezos de xuño en París, Francia e é segundo dos torneos mundiais de Grand Slam. Comezou como un torneo nacional en 1891. En 1925 o "Campionato Francés" abriuse a competidores internacionais, desenvolvéndose nunha superficie de céspede alternativamente entre o Racing Club de France e o Stade Français.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
O Partido Galeguista Demócrata actual é un partido político galego de centro, constituído no ano 2004 con Manuel Soto como secretario xeral e Xabier González como presidente. Defínese como galeguista, nacionalista, demócrata e europeísta. O PGD presentou candidaturas en 33 concellos nas eleccións municipais de 2007.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Microsoft Bing (anteriormente Bing, Live Search, Windows Live Search e MSN Search) é un buscador web de Microsoft. Presentado polo antigo director executivo de Microsoft, Steve Ballmer, o 28 de maio de 2009 na conferencia All Things Dixital en San Diego, foi posto en liña o 3 de xuño de 2009 cunha versión preliminar publicada o 1 de xuño do 2009. Inclúe a lista de suxestións de procura en tempo real e unha lista das procuras relacionadas (chamado "Panel de explorador" no lado esquerdo dos resultados de procura), baseado en tecnoloxía semántica de Powerset que Microsoft comprou no 2008.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.
O Real Club Celta de Vigo C-Gran Peña, coñecido como Celta C-Gran Peña, é un equipo de fútbol que se constitúe coma o segundo filial do Real Club Celta de Vigo. En 2021, tras un acordo entre o Celta e o Gran Peña Club de Fútbol, ambos clubs competiron baixo o novo nome no Grupo Sur 2 da Rexional Preferente.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
A Copa do Sar é unha competición futbolística por eliminatorias de partidos. Recibe o nome polo río Sar e nela participan equipos das comarcas do Sar, A Barbanza, Santiago, Ordes, Tabeirós- Terra de Montes, Caldas, Deza, Noia, Arzúa e Terra de Melide. O campión de 2023 é a SR Calo, tras eliminar a: Flavia SD en penaltis (2[4]-2[3]).
Partido Popular Europeo (grupo parlamentario)
O grupo parlamentario do Partido Popular Europeo ou PPE é o grupo europarlamentario demócrata-cristián do Parlamento Europeo. Ao longo da historia sempre foi un dos dous grupos maioritarios da Eurocámara. Está formado case na súa totalidade por parlamentarios que á súa vez pertencen a partidos englobados no Partido Popular Europeo, e de aí a coincidencia no nome co partido paneuropeo.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Stefanie Maria Graf, nada en Mannheim, República Federal Alemá o 14 de xuño de 1969 é unha ex xogadora de tenis alemá. É amplamente considerada por diversos medios e especialistas como unha das mellores tenistas da historia. Foi Campioa Mundial en 7 ocasións pola ITF: 1987, 1988, 1989, 1990, 1993, 1995 e 1996.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.