Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Verónica Boquete Giadáns, nada en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1987, é unha futbolista galega, que xoga como centrocampista e dianteira na Fiorentina, da Serie A de Italia. Considerada como unha das mellores futbolistas españolas da historia, desenvolveu a súa carreira en máis dunha ducia de equipos de oito países e tres continentes. Foi a primeira española en gañar a Liga de Campións e a primeira en marcar nunha final.
O Campionato de Europa de fútbol da UEFA (en inglés: UEFA European Football Championship), máis coñecida como Eurocopa ou simplemente Euro, é a competición de seleccións nacionais de fútbol que organiza a UEFA. Dispútase cada catro anos dende 1960. Hai tamén unha Eurocopa de fútbol feminino que comezou en 1984 e que dende 1997 celébrase tamén cada catro anos.
Jesús Navas González, nado en Los Palacios y Villafranca (Sevilla) o 21 de novembro de 1985, é un futbolista español. Actualmente xoga de extremo dereito e mediapunta no Sevilla FC. Foi internacional coa selección española, coa que gañou a Copa Mundial de Fútbol en 2010 e a Eurocopa de 2012, dous dos tres títulos do triplete conseguido pola selección entre 2008 e 2012, inédito na historia do fútbol.
José Luis Mato Sanmartín, coñecido como Joselu ou Joselu Mato, nado en Stuttgart (Alemaña) o 27 de marzo de 1990, é un futbolista galego, que xoga de dianteiro no Al Gharafa de Qatar. Formado na canteira do Celta de Vigo, debutou co primeiro equipo celeste na Segunda División en 2009, e máis tarde militou en catro equipos da Primeira División, entre eles o máximo rival histórico do Celta, o Deportivo da Coruña; así como o Real Madrid, co que gañou unha liga e unha Liga de Campións. Xogou tamén tres anos na Bundesliga alemá (nas filas do Hoffenheim, o Eintracht Frankfurt e o Hannover 96) e outros tres na Premier League inglesa (vestindo as camisetas do Stoke City e o Newcastle).
Eleccións ao Parlamento Europeo de 2024
As eleccións ao Parlamento Europeo de 2024 tiveron lugar entre o 6 e o 9 de xuño de 2024 en todos os estados membros da Unión Europea, para dar lugar á X lexislatura europea. Tamén foron as primeiras eleccións após o Brexit. Nelas votouse por sufraxio universal, directo, libre e segredo os eurodeputados que integran o Parlamento Europeo e que representan a cidadanía europea no período comprendido entre 2024 e 2029.
A selección de fútbol de España é o equipo formado por xogadores de nacionalidade española que representa á Real Federación Española de Fútbol, o máximo organismo do fútbol en España, nas competicións oficiais organizadas pola FIFA. O equipo é coñecido familiarmente como «La Furia Española», rememorando o saqueo de Anveres, episodio da historia militar española. Tamén é coñecido co pseudónimo «La Furia Roja», acuñado por un xornalista italiano que se referiu a el como «Furia Rossa», ou simplemente como «La Roja». A selección española participou en trece edicións da Copa Mundial de Fútbol e foi a anfitrioa da edición de 1982.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP. É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Luke Perry nado como Coy Luther Perry III o 11 de outubro de 1966 en Mansfield (Ohio) e finado o 4 de marzo de 2019, foi un actor estadounidense. Foi principalmente coñecido por interpretar a Dylan McKay na serie de televisión Beverly Hills, 90210, converténdose nunha icona adolescente da década de 1990.
Tubinga (en alemán: Tübingen) é unha cidade universitaria rica en tradicións, situada a beiras do río Neckar, e case 40 km ao sur de Stuttgart, no Estado alemá de Baden-Württemberg. A vida da cidade está dominada polos seus 22.219 estudantes (semestre de verán 2007), dos cales aproximadamente 15.000 teñen a súa residencia alí. Por iso é polo que Tubinga sexa a cidade coa idade media máis baixa de Alemaña.
San Román de Vilaestrofe, Cervo
San Román de Vilaestrofe é unha parroquia que se localiza no concello de Cervo. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 238 habitantes (122 homes e 116 mulleres), distribuídos en 12 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 252 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 213 habitantes, sendo 106 homes e 107 mulleres.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Selección de fútbol de Inglaterra
A selección de fútbol de Inglaterra (en inglés: England national football team) representa a Inglaterra nas competición internacionais de fútbol. A súa organización está baixo a autoridade da Football Association (Asociación de Fútbol). Compite a nivel internacional en tres dos torneos máis importantes entre seleccións: a Copa do Mundo, a Eurocopa e a UEFA Nations League.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Blas de Lezo y Olavarrieta (ou Olabarrieta) nado en Pasaia, Guipúscoa o 3 de febreiro de 1689 e finado en Cartaxena de Indias, Nova Granada (Colombia hoxe) o 7 de setembro de 1741, primeiro marqués de Ovieco (a título póstumo) foi un almirante español coñecido como Patapalo ou máis tarde como Mediohome, polas moitas feridas sufridas ao longo da súa vida militar, é considerado un dos mellores estrategos da historia da Armada Española.
O Grand Slam de tenis está constituído polos catro torneos maiores do circuíto internacional organizados pola Federación Internacional de Tenis, sendo os seguintes: Aberto de Australia Torneo de Roland Garros Campionato de Wimbledon Aberto dos Estados Unidos Estes catro torneos dispútanse anualmente ao mellor de 5 sets cada partido en categoría masculina, cun cadro de 128 xogadores, a diferenza dos ATP World Tour Masters 1000 que se disputan ao mellor de 3 sets, cun cadro de 94 ou 56 xogadores e á mellor de 3 sets en categoría feminina (tamén cun cadro de 128 xogadoras), sendo os de maior renome entre xogadores e afeccionados ao deporte ao outorgar os maiores premios en efectivo e o maior número de puntos para a clasificación mundial. Ao triunfar un xogador nalgún destes 4 torneos dise que logrou un título de Grand Slam. A expresión provén do xogo do bridge, que logo se aplicou ao tenis por primeira vez en 1933.
Novak Đoković (en alfabeto cirílico Новак Ђоковић, ás veces escrito como Novak Djokovic), nado en Belgrado o 22 de maio de 1987, é un tenista profesional serbio. Actualmente (xuño de 2023) é o número 1 do mundo no ránking da ATP. Campión do Aberto de Australia en 10 ocasións (2008, 2011, 2012, 2013, 2015, 2016, 2019, 2020, 2021 e 2023), gañador do Torneo de Wimbledon en 6 ocasións en 2011, 2014, 2015 2018, 2019 e 2021 (finalista en 2013), campión de Roland Garros en 2016, 2021 e 2023, do Aberto dos Estados Unidos en 2011, 2015 e 2018 (finalista en 2007, 2010, 2012, 2013, 2016 e 2021). En 2023 logrou o récord de Grand Slam gañados, 23, co que superou os 22 que lograra Rafa Nadal.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Zoonomia, cuxo título completo é Zoonomia; or the Laws of Organic Life, (1794–96) é unha obra en dous volumes de Erasmus Darwin que trata sobre patoloxía, anatomía, psicoloxía e o funcionamento do corpo. Está enmarcado principalmente na psicofisioloxía asociacionista. Hoxe en día, o libro lémbrase principalmente por expresar algunhas das primeiras ideas sobre a teoría da evolución, especificamente formas de desenvolventismo similares ás do lamarckismo.
A muralla de Vigo foi unha fortificación defensiva que arrodeou a zona antiga da cidade de Vigo. Foi constuída no ano 1656 como medida de protección fronte as invasións, sobre todo marítimas por parte de corsarios e terrestres desde Portugal, que comezara a sufrir daquela a vila. Malia que a meirande parte da estrutura foi derruída en 1858, aínda se conservan algúns fragmentos, así como dúas construcións que formaban parte dela: o castelo de San Sebastián e a fortificación do Castro.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Partido Republicano (Estados Unidos de América)
O Partido Republicano (en inglés: Republican Party; tamén coñecido como Grand Old Party ou GOP) é un dos dous maiores partidos políticos dos Estados Unidos xunto co Partido Demócrata, ámbolos dous, únicos partidos que chegaron ao poder no país dende o século XIX.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Eurocopa da UEFA de 2020 foi a décimo sexta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo foi celebrada, por mor do sesenta aniversario da UEFA, en varias sedes ao longo de toda Europa. O torneo, disputado en 11 estadios de 11 cidades diferentes, íase disputar do 12 de xuño ó 12 de xullo de 2020, pero por mor da pandemia por coronavirus foi adiada, e disputouse do 11 de xuño ó 11 de xullo de 2021, pero mantendo o nome de UEFA Euro 2020.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Joseph Robinette "Joe" Biden, Jr, nado en Scranton, Pensilvania o 20 de novembro de 1942, é un avogado e político estadounidense, 46º presidente dos Estados Unidos de América. Membro do Partido Demócrata, Biden foi senador por Delaware durante seis mandatos dende 1973 a 2009 e foi o 47º vicepresidente dos Estados Unidos de América, no goberno de Barack Obama, dende 2009 a 2017. Criado en Scranton, Pensilvania e no condado de New Castle, Delaware, Biden estudou na Universidade de Delaware antes de obter a carreira de Dereito na Universidade de Siracusa en 1968.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A Copa do Mundo de 2026 será a 23ª edición do máximo campionato internacional de seleccións nacionais de fútbol organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo terá lugar en 10 cidades dos Estados Unidos, 3 do Canadá e 3 de México, cuxa candidatura conxunta derrotou a de Marrocos o 13 de xuño de 2018 na votación levada a cabo no 68º Congreso da FIFA celebrado en Moscova. Será a primeira edición da Copa do Mundo de Fútbol organizada por tres países, e nela medrará o número de seleccións nacionais participantes de 32 a 48.
John Fitzgerald Kennedy, con frecuencia referido como Jack Kennedy ou JFK, nado o 29 de maio de 1917 e asasinado o 22 de novembro de 1963, foi o presidente número 35 dos Estados Unidos de América, entre os anos 1961 e 1963. John Fitzgerald Kennedy pasou á historia como un dos presidentes máis lembrados tanto pola súa idiosincrasia (foi o presidente dos Estados Unidos elixido máis novo, e o primeiro de relixión católica) como pola súa tráxica morte nun atentado.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
José Ignacio Peleteiro Ramallo, coñecido como Jota Peleteiro ou simplemente Jota, nado na Pobra do Caramiñal o 6 de xuño de 1991, é un exfutbolista galego que xogaba de mediapunta. Formado na canteira do Celta de Vigo, non encontrou sitio no primeiro equipo, polo que saíu cedido primeiro ao Real Madrid Castilla e logo ao Eibar. No club vasco foi un dos xogadores máis destacados da tempada 2013/14, sendo elixido no once ideal da Segunda División, e na antepenúltima xornada de liga anotou o histórico gol que lle deu ao equipo o ascenso á Primeira División por primeira vez na súa historia.
A Cruz de Borgoña ou Aspa de Borgoña é unha representación da Cruz de Santo André na que os troncos que forman a cruz aparecen cos seus nós nos lugares onde se cortan as ramas. Este emblema foi incluído nos escudos de armas e nas bandeiras de España, tanto de terra como de mar, desde 1506, época da súa introdución coa Garda borgoñoa de Filipe o Fermoso, até Xoán Carlos I. A Cruz de Borgoña desapareceu do escudo de armas do rei de España, e do seu estandarte, no reinado de Filipe VI, así como nos estandartes, bandeiras, bandeirolas, guións, pendóns e confalóns das Forzas Armadas de España. Esta cruz tamén é a orixe do símbolo distintivo que marca as colas dos avións do Exército do Aire de España.
Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co océano Atlántico, Gales e o mar de Irlanda.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 212.134.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Tadej Pogačar, nado en Klanec, Komenda, o 21 de setembro de 1998, é un ciclista esloveno, membro do equipo UAE Team Emirates. En 2019 converteuse no ciclista máis novo en gañar unha carreira por etapas da UCI WorldTour (máxima categoría do ciclismo profesional) ao vencer no Tour de California 2019 con só 20 anos. Tamén gañou ese ano tres etapas na Volta a España 2019, na que acabou terceiro.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
A Rexión de Tubinga (en alemán Regierungsbezirk Tübingen) é unha das catro rexións administrativas (Regierungsbezirk) do estado de Baden-Württemberg, Alemaña, localizada ao suroeste do Land. A súa capital é a cidade de Tubinga. Subdivídese en tres subrexións ou asociacións rexionais (Regionalverband): Neckar-Alb, Donau-Iller e Bodensee-Oberschwaben.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
Lista de presidentes dos Estados Unidos de América
O presidente dos Estados Unidos é o xefe de Estado dos Estados Unidos de América. Baixo a Constitución estadounidense, o presidente é tamén o xefe do Goberno Federal dos Estados Unidos e o comandante en xefe das Forzas Armadas dos Estados Unidos de América. Os poderes do presidente dos Estados Unidos son amplos.
A Eurocopa da UEFA de 2012 (en polaco: Mistrzostwa Europy w Piłce Nożnej 2012, en ucraíno: Чемпіонат Європи з футболу 2012) foi a décimo cuarta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo foi celebrada de forma conxunta por Polonia e Ucraína dende o 8 de xuño ao 1 de xullo de 2012. Na fase final participaron dezaseis equipos, senda esta a último ocasión na que sucedeu, xa que na seguinte edición en 2016 os finalistas son vinte e catro. A decisión de outorgar a sede aos dous países eslavos foi anunciada polo presidente da UEFA, Michel Platini, o 18 de abril de 2007, superando as outras candidaturas finalistas: a conxunta entre Croacia e Hungría e a de Italia, dun total de oito candidaturas orixinais.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Os trastornos de personalidade son un conxunto de perturbacións ou anormalidades que se dan nas dimensións emocionais, afectivas, motivacionais e de relación social dos individuos que acaban sendo prexudicados por non dar levado a cabo unha vida regular, aínda que isto lle pode molestar máis á xente que o rodea que ao propio afectado. Algunhas veces aparecen tamén outros trastornos que se desenvolven con estes ou a causa deles, como pode ser a depresión ou a ansiedade. Tamén é importante constatar que moitas das características desta sorte de trastornos son trazos normais de moitos individuos que non teñen problema ningún.
Charmed é unha serie de televisión estadounidense creada por Constance M. Burge e producida por Aaron Spelling e a súa compañía Spelling Television, con Brad Kern como showrunner. A serie emitiuse orixinalmente a través da canle The WB durante oito tempadas dende o 7 de outubro de 1998 até o 21 de maio de 2006. Conta a historia de tres irmás, coñecidas como "The Charmed Ones", as máis poderosas bruxas de tódolos tempos, que usan o seu "poder de tres" combinado para protexer as vidas dos inocentes de forzas do mal como demos e bruxos.
Leonor de Borbón Ortiz, nada en Madrid o 31 de outubro de 2005, é a actual princesa de Asturias e a primeira na liña de sucesión ao trono español, como primoxénita dos reis Filipe VI de España e Letizia. Ademais do de princesa de Asturias, ostenta os demais títulos vinculados tradicionalmente ao herdeiro da Coroa española. É ademais presidenta honorífica da Fundación Princesa de Asturias e da Fundación Princesa de Girona.
O RMS Titanic (en inglés: Royal Mail Steamship Titanic) foi un transatlántico construído en Irlanda do Norte, que afundiu na súa viaxe inaugural a través do océano Atlántico Norte ao colidir cun iceberg a noite do 14 ao 15 de abril de 1912 na viaxe a Nova York. Finaron máis de 1500 persoas e recolléronse soamente uns 300 corpos do mar. Considérase popularmente a maior traxedia naval dun só buque da historia, aínda que outros afundimentos producisen máis vítimas, coma os do Steuben (4500) ou o KS Wilhelm Gustloff (7000).
Praza Roxa (Santiago de Compostela)
A praza Roxa é unha praza de Santiago de Compostela. Está considerada un dos puntos neurálxicos do Ensanche da cidade, en contraposición coa zona vella.
Enrique Liste Forján, coñecido como Enrique Líster, nado en Ameneiro (Calo, Teo) o 21 de abril de 1907 e finado en Madrid o 8 de decembro de 1994, foi un militante comunista e dirixente militar republicano galego, que combateu na guerra civil española e na Segunda guerra mundial. Recibiu formación militar na Unión Soviética, en academias do Exército Vermello e durante a guerra civil española tivo un destacado papel organizando e dirixindo as milicias do Quinto Rexemento. Posteriormente pasou a mandar varias unidades do Exército Popular da República.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.