Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
José Manuel Ramos Alonso, nado en La Bañeza o 3 de xaneiro de 1971, máis coñecido como Crispín d'Olot, é un xograr adicado á recuperación da tradición oral e a difusión da literatura medieval, renacentista e barroca en linguas iberorromances, valéndose de pezas folclóricas ou literarias que transforma en cancións ou declamacións teatrais.
Mareas vivas foi unha serie da Televisión de Galicia, creada por Antón Reixa e producida por Voz Audiovisual e Zopilote, emitida entre 1999 e 2003. Foi o maior éxito da TVG e os personaxes das primeiras tempadas fixéronse moi populares entre a poboación galega. A teleserie fixo historia por empregar unha lingua popular, dialectalmente propia do galego da Costa da Morte.
Vivir sin permiso é unha serie de televisión española producida por Mediaset España en colaboración con Alea Media para Telecinco. Está rodada en Galicia e ambientada nun relato do escritor Manuel Rivas -Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018)-, sobre o pasado e presente do narcotráfico na costa galega.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
As Neves é un filme galego de 2024 escrito e dirixido por Sonia Méndez. É un drama rodado en lingua galega e protagonizado por Andrea Varela, David Rodríguez Fernández, Antía Mariño e Lucía Veiga, xunto aos debutantes Xacobe Bruña Alonso, Irene Rodríguez Vence, Diego Caro, Santi Carmena Rico, Jenny Soto Romarís e Adriana Fernández Pazó. Estreouse de forma mundial no Festival de Málaga o 6 de marzo de 2024, e nos cines españois o 10 de maio de 2024, con distribución de Sideral Cinema.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
Matalobos (serie de televisión)
Matalobos é unha serie de suspense, acción e drama galega, emitida na TVG entre o 13 de abril de 2009 e o 15 de xaneiro de 2013, producida por Voz Audiovisual, que xira ao redor de varias familias relacionadas co narcotráfico, cuxa acción se desenvolve na vila ficticia de Sardiñeira. Os exteriores foron gravados na cidade da Coruña e arredores, como a parroquia de Sigrás (Cambre) ou o centro penitenciario de Teixeiro.
Os Xogos Olímpicos de 2024 (en francés: Jeux Olympiques de 2024), oficialmente os Xogos da XXXIII Olimpíada (en francés: Jeux de la XXXIIIe Olympiade) e tamén coñecidos como París 2024, son un evento multideportivo internacional que se celebrará do 26 de xullo ao 11 de agosto de 2024 con París como a súa principal cidade anfitrioa, xunto con outras 16 cidades repartidas pola Francia metropolitana e outra no territorio francés de ultramar de Tahití como subsedes. París foi galardoado cos Xogos na 131ª Sesión do Comité Olímpico Internacional (COI) en Lima, Perú, o 13 de setembro de 2017. Debido ás múltiples candidaturas retiradas, que deixaron só París e aos Ánxeles en liza, o COI aprobou un proceso para conceder simultaneamente a organización do envento 2024 e 2028.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Torneo masculino de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2024
O torneo masculino de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2024 será a vixesimoprimera edición do evento nos Xogos Olímpicos de Verán e terá lugar do 27 de xullo ao 10 de agosto de 2024. Os partidos da fase preliminar realizaranse no Estadio Pierre-Mauroy de Villeneuve-d'Ascq, mentres que a Arena Bercy de París será o recinto das finais.
Cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2024
A cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos de 2024 está prevista para o 26 de xullo de 2024 en París, a partir das 19:30 hora local (17:30 UTC). Segundo o disposto na Carta Olímpica, as actuacións incluirán un programa artístico que mostrará a cultura do país e a cidade anfitrións, o desfile de atletas e o acendido do pebeteiro olímpico. Os Xogos serán inaugurados formalmente polo presidente de Francia, Emmanuel Macron.
Águila Roja (en galego: "Aguia Vermella") foi unha serie de televisión española de aventuras, producida pola empresa Globomedia para Televisión Española. Foi emitida en La 1 entre o 19 de febreiro de 2009 e o 27 de outubro de 2016. Esta produción contaba no seu elenco con varios actores galegos entre os seus protagonistas, como é o caso de Miryam Gallego, Javier Gutiérrez e Francis Lorenzo.
O Tempo Universal Coordenado, ou UTC, tamén coñecido como tempo civil, é o fuso horario de referencia a partir do cal se calculan todas as outras zonas horarias do planeta Terra. É o sucesor do Tempo Medio de Greenwich (Greenwich Mean Time), abreviadamente GMT. Acuñouse esta nova denominación para eliminar a inclusión dunha localización específica nun patrón internacional, así como para basear a medida do tempo nos patróns atómicos, máis do que nos celestes. Ao contrario do GMT, o UTC non se define polo Sol ou as estrelas, senón que se mide polos reloxos atómicos.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Atletismo nos Xogos Olímpicos de 2024
O atletismo nos Xogos Olímpicos de 2024 realizarase no Stade de France, situado en Saint-Denis, do 1 ao 11 de agosto de 2024. As competicións de marcha e de maratón efectuaranse nun circuíto urbano con punto de partida e chegada na ponte Alexandre III. En total disputaranse neste deporte 48 probas diferentes, 23 masculinas, 23 femininas e dúas mixtas. O programa de competicións modificouse en relación á edición anterior: engadiuse a proba mixta de relevos 4×400 m e a proba de 50 km marcha masculina substituíuse pola de marcha por relevo mixto.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Os Atlánticos foi unha serie galega emitida pola TVG entre os anos 2008 e 2009 en dúas tempadas que suman un total de 26 episodios. Producida por Filmanova e Continental, trátase dunha ficción que se desenvolve na ficticia vila de Vilardenós e que xira arredor á actividade dunha pequena orquestra de cinco músicos cuxo nome é o que dá título á serie. Rodouse en Pontedeume cun elenco que estivo encabezado por Xabier Deive, Xosé Barato, Sonia Méndez, Nacho Castaño, Antía Otero e Ledicia Sola.
O evento da grande oxidación (EGC ou, en inglés, GOE), tamén chamado evento da grande oxixenación, grande oxidación, catástrofe do oxíxeno, crise do oxíxeno e Revolución do Oxíxeno, foi a aparición do oxíxeno (dioxíxeno, O2) na atmosfera terrestre inducida bioloxicamente. Dese modo a atmosfera terrestre fíxose rica en oxíxeno, cousa que anteriormente non era. Aínda que as evidencias xeolóxicas, isotópicas, e químicas indican que este gran cambio ambiental ocorreu hai arredor de 2.300 millóns de anos (2,3 Ga ou xigaanos), as súas causas reais e a súa datación exacta son moi discutidas na comunidade científica.
Ursula Gertrud von der Leyen, nada como Ursula Gertrud Albrecht en Ixelles, Bruxelas, o 8 de outubro de 1958, é unha política alemá, presidenta da Comisión Europea dende 2019. Von der Leyen está afiliada á Unión Demócrata Cristiá (CDU), partido de centro-dereita do cal é unha das vicepresidentas. Foi a primeira muller no cargo de ministra de Defensa de Alemaña, entre 2013 e 2019, despois de liderar os ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2009 e 2013, e de Familia, Terceira Idade, Mulleres e Xuventude, entre 2005 e 2009.
Bádminton nos Xogos Olímpicos de 2024
O torneo de bádminton nos Xogos Olímpicos de 2024 realizarase na Arena Porte da Chapelle de París do 27 de xullo ao 5 de agosto de 2024. En total disputaranse neste deporte cinco probas diferentes, dúas masculinas (individual e dobres), dúas femininas (individual e dobres) e unha mixta (dobres). O programa de competicións mantívose coma na edición anterior.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 212.255.
Baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2024
O baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2024 realizarase no Estadio Pierre-Mauroy de Villeneuve-d'Ascq (fase de grupos) e a Arena Bercy de París (fase final), do 27 de xullo ao 11 de agosto de 2024. Os partidos de baloncesto 3×3 efectuaranse na praza da Concordia.
José Luis Mato Sanmartín, coñecido como Joselu ou Joselu Mato, nado en Stuttgart (Alemaña) o 27 de marzo de 1990, é un futbolista galego, que xoga de dianteiro no Al Gharafa de Qatar. Formado na canteira do Celta de Vigo, debutou co primeiro equipo celeste na Segunda División en 2009, e máis tarde militou en catro equipos da Primeira División, entre eles o máximo rival histórico do Celta, o Deportivo da Coruña; así como o Real Madrid, co que gañou unha liga e unha Liga de Campións. Xogou tamén tres anos na Bundesliga alemá (nas filas do Hoffenheim, o Eintracht Frankfurt e o Hannover 96) e outros tres na Premier League inglesa (vestindo as camisetas do Stoke City e o Newcastle).
Chámase oxidorredución ou reacción de oxidación-redución ou de redución-oxidación ou reacción redox a toda reacción química na cal os átomos cambien o seu estado de oxidación; en xeral, as reaccións redox implican a transferencia de electróns entre especies químicas. A reacción pode ser ou ben un proceso redox simple, como a oxidación do carbono para dar dióxido de carbono (CO2) ou a redución do carbono polo hidróxeno para orixinar metano (CH4), ou ben un proceso complexo como a oxidación da glicosa (C6H12O6) no metabolismo humano por medio dunha serie de complexos procesos de transferencia de electróns. O termo "oxidorredución" ou "redox" procede dos dous conceptos implicados na transferencia de electróns: redución e oxidación, que se poden explicar de maneira simple así: Oxidación é a perda de electróns ou un incremento no estado de oxidación dunha molécula, átomo, ou ión.
Niccolò Machiavelli, tamén citado como Nicolás Maquiavelo e Nicolao Maquiavelo, nado en Florencia o 3 de maio de 1469 e finado ibídem o 21 de xuño de 1527, foi un historiador, filósofo e político italiano da era do Renacemento italiano. É coñecido sobre todo polo seu tratado político O príncipe (Il Principe), escrito cara a 1513 pero non publicado até 1532, cinco anos despois da súa morte. A miúdo chamouselle como o pai da filosofía política e da ciencia política modernas.
Narón (xentilicio «naronés/naronesa») é un concello da provincia da Coruña situado entre a ría de Ferrol e o océano Atlántico e pertencente á comarca de Ferrol, sendo na actualidade a área de expansión urbana máis importante da comarca. Narón limita cos concellos de Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño e Neda. Segundo o IGE en 2020 tiña 39.056 habitantes (20.177 mulleres e 18.879 homes), o que a converte na oitava vila de Galicia (38.285 no 2010, 35.664 no 2006, 35.083 no 2005, 34.404 no 2004, 33.825 en 2003), sendo o cuarto núcleo de poboación na provincia da Coruña despois da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Macromedia FreeHand é un Programa informático de Macromedia de edición de gráficos vectoriais bidimensionais orientados ao mercado profesional do deseño gráfico. É unha aplicación flexíbel, bastante usada ademais en diagramación (paxinación). Posúe capacidades avanzadas de manipulación de imaxes vectoriais e, de forma limitada, en imaxes raster, para impresión e para a World Wide Web.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Serramoura é unha serie de televisión galega de suspense producida por Voz Audiovisual e emitida na Televisión de Galicia entre o 5 de outubro de 2014 e o 25 de outubro de 2020 en horario de máxima audiencia. Está protagonizada por Lucía Regueiro, Miguel Ángel Blanco, Antonio Mourelos, Isabel Naveira e Uxía Blanco, entre outros. Do final de Serramoura xorde unha serie derivada, A lei de Santos, protagonizada por Santos, personaxe interpretado por Monti Castiñeiras.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Pirámide de necesidades de Maslow
A pirámide de necesidades de Maslow é unha representación gráfica en forma de pirámide das necesidades humanas deseñada polo psicólogo estadounidense Abraham Maslow no seu traballo A Theory of Human Motivation (1943). Segundo a súa teoría as necesidades humanas deben ser atendidas desde a base da pirámide, onde residen as necesidades fisiolóxicas, para poder chegar á cima da pirámide, onde está a autorrealización. Ademais, a xerarquía de necesidades emprégase para estudar de que maneira os seres humanos toman parte intrinsecamente na motivación comportamental.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Georg Zoëga (chamado orixinalmente Jørgen Zoëga), nado na parroquia de Daler, concello de Tønder, na Dinamarca Meridional, o 20 de decembro de 1755 e finado en Roma o 10 de febreiro de 1809, foi un erudito dinamarqués destacado polo seu labor como arqueólogo, numismático e antropólogo. Foi investigador da escritura copta e un dos pioneiros da exiptoloxía. Zoëga proviña dunha familia de sacerdotes; os seus antepasados trasladáronse ao sur de Dinamarca desde o norte de Italia no século XVI e aínda que a súa lingua materna era o alemán, publicou as súas obras en latín e italiano.
Lucas Vázquez Iglesias, nado en Curtis o 1 de xullo de 1991, é un futbolista galego. Xoga de extremo dereito e en ocasións de lateral dereito, e o seu equipo é o Real Madrid. É o futbolista galego máis laureado de todos os tempos a nivel colectivo cun total de 21 títulos, todos co Real Madrid, entre eles catro ligas, cinco Ligas de Campións e catro Mundiais de Clubs.
Ernesto Chao Pino, nado en Ribadavia o 12 de novembro de 1943 e finado en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2018, foi un actor galego. Cunha dilatada traxectoria teatral de case medio século, traballou tamén no cine e na televisión, acadando unha enorme fama en Galicia co seu papel de Miro Pereira na serie da Televisión de Galicia Pratos combinados. Gran figura do teatro galego, traballou en ducias de obras e foi fundador e presidente de numerosas entidades dramáticas como a Agrupación Cultural Abrente, o Centro Dramático Galego, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega ou a compañía Lagarta lagarta, que fundou xunto a súa muller, a tamén actriz Rosa Álvarez.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
A Nintendo DS (en xaponés ニンテンドーDS, Nintendō Dī Esu, abreviatura de Dual Screen, «pantalla dual» ou, segundo Satoru Iwata, presidente de Nintendo, abreviatura de Developer's System, «a consola dos desenvolvedores») é unha videoconsola portátil. Segundo Nintendo, é unha terceira liña de produtos e non se trata da sucesora tecnolóxica da Game Boy Advance.[Cómpre referencia] O nome desta consola abréviase como "NDS" ou simplemente como "DS". Trátase da videoconsola portátil máis vendida en todo o mundo no intre do seu lanzamento (con máis de 14 millóns de sistemas vendidos, fronte ós 8 millóns vendidos pola súa competencia, a PSP) e tamén a que máis rápido conseguiu superar o millón de unidades en vendas da historia dos videoxogos.
A Wikimedia Foundation, Inc. (en galego: Fundación Wikimedia) é a organización matriz da Galipedia (Wikipedia), Galizionario (Wiktionary), Galicitas (Wikiquote), Galilibros (Wikibooks), Galifontes (Wikisource), In Memoriam 9/11, Wikimedia Commons, Wikidata, Wikispecies, Wikinews, Wikiversity, Wikivoyage e a abandonada Nupedia. É unha fundación sen fins lucrativos que obedece ás leis do estado da Florida nos Estados Unidos.
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei". A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible.
Antropoceno é o nome que se lle deu a unha nova época xeolóxica proposta por algúns científicos. Esta época comezaría cando as actividades humanas empezaron a ter un impacto global significativo sobre os ecosistemas e a xeoloxía da Terra. Con todo, esta proposta foi rexeitada pola Comisión Internacional de Estratigrafía e a Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas en 2024, polo que o nome non foi recoñecido oficialmente en xeoloxía.
A lei de Santos é unha serie de televisión galega producida por Voz Audiovisual e emitida na Televisión de Galicia dende o 1 de novembro de 2020 en horario de máxima audiencia. Está protagonizada por Monti Castiñeiras, no papel de Santos, un criminal bastante hábil que adoita saír impune dos seus delitos, que recibiu 3 medallas ao mérito civil e acostuma ser o líder dos golpes ou “traballos nos que se mete”. Esta serie deriva de Serramoura.
MediaWiki é un motor para wikis baixo licenza GPL, programado en PHP usando MySQL sobre Apache. Malia ser creado e desenvolvido para a Wikipedia e os outros proxectos da fundación Wikimedia, tivo unha grande expansión a partir de 2005, existindo gran número de wikis baseadas neste software que nada teñen que ver con dita fundación. A maioría deles dedícanse á documentación de software ou a temas especializados.