Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
A serra da Groba é un sistema montañoso que atravesa os concellos pontevedreses de Baiona, Oia e O Rosal, en dirección norte - sur. A altura máxima acádaa no Alto da Groba, de 662 metros de altitude, en Belesar. Outros picos importantes son Corroubelo, en Pedornes, de 599 m e Campo do Couto, no Rosal, que alcanza os 553 metros.
Oasis foi unha banda británica de rock formada en Manchester no ano 1991. Nos seus comezos estaba formada por Liam Gallagher (vocalista), Paul Arthurs (guitarrista), Paul McGuigan (baixista) e Tony McCarroll (batería), e tocaban baixo o nome de The Rain. Mudaron o seu nome a Oasis cando, invitado polo seu irmán máis novo, entra no grupo Noel Gallagher, converténdose en líder, guitarrista principal e compositor da banda.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Este artigo trata dos diversos métodos científicos usados historicamente. Para o uso da palabra en contornas técnicas actuais ver investigación científica. O método científico constitúe o estudo sistemático, controlado, empírico e crítico de proposicións hipotéticas sobre presuntas relacións entre varios fenómenos naturais e é o mecanismo utilizado nas ciencias experimentais para validar ou invalidar unha teoría, por medio da experimentación ou da observación.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
James David Rodríguez Rubio, nado en Cúcuta, Norte de Santander, Colombia, o 12 de xullo de 1991, coñecido futbolisticamente como James Rodríguez ou simplemente James (pronunciado de acordo coa fonoloxía do español; ˈxames), é un futbolista colombiano que xoga como centrocampista no Everton FC da Premier League. É internacional coa Selección de Colombia, da cal é capitán. Recibiu en 2009, 2012 e 2014 o premio de xogador revelación na Primeira División da Arxentina e na Primeira Liga de Portugal.
Cangas, ou Cangas do Morrazo, é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica. Segundo o IGE, en 2021 tiña 26.708 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
No cálculo, a integral dunha función foi creada orixinalmente para determinar a área baixo unha curva no plano cartesiano, mais tamén xorde naturalmente en ducias de problemas de Física, como por exemplo na determinación da posición en todos os instantes dun obxecto, sendo coñecida a súa velocidade en todos os instantes. O proceso de calcular a integral dunha función chámase integración. Diferentemente da noción asociada de derivación, existen varias definicións para a integración.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Jeffrey Lionel Dahmer ([ˈdɑːmər]), nado en Milwaukee o 21 de maio de 1960 e finado en Portage o 28 de novembro de 1994, alcumado «O Caníbal de Milwaukee» ou «O Monstro de Milwaukee», foi un asasino en serie e agresor sexual estadounidense, responsábel do asasinato e desmembramento de 17 homes e rapaces, entre os anos 1978 e 1991. Moitos dos seus derradeiros crimes incluían a necrofilia, o canibalismo, e até a conservación permanente de partes do corpo, xeralmente, todo ou parte do esqueleto. Malia ser sido diagnosticado con trastorno límite da personalidade, trastorno de personalidade esquizotípica e cun trastorno psicótico, foi declarado legalmente cordo logo do seu xuízo.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
O dolmen do Meixoeiro (tamén chamado dolmen de Cela, dolmen de San Cosme, dolmen das Minas, dolmen de San Colmado ou mámoa do Meixoeiro) é un xacemento megalítico situado no concello de Mos. Consiste nun dolmen neolítico de corredor curto. Cunha cámara de 2 metros de diámetro e 1,7 metros de altura.
Santiago Ramón y Cajal, nado en Petilla de Aragón (Navarra) o 1 de maio de 1852 e finado en Madrid o 17 de outubro de 1934, foi un médico español, especialista en histoloxía e anatomía patolóxica, autor da teoría neuronal pola cal foi distinguido co Premio Nobel de Medicina no ano 1906. Era irmán de Pedro Ramón y Cajal, tamén un importante histopatólogo.
Este artigo trata sobre o estado norteamericano de Washington, para outros lugares ver Washington Washington é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. O nome do estado provén de quen foi líder das forzas americanas ao longo da Revolución Americana de 1776 e logo primeiro presidente dos Estados Unidos, George Washington. O nome de moitas cidades e condados dos Estados Unidos homenaxea diversos presidentes, mais o Estado de Washington é o único que leva o nome en honra dun presidente.
O código QR (en inglés, quick response code, «código de resposta rápida») é un código bidimensional deseñado para o uso no sector do automóbil pola compañía xaponesa Denso Wave, subsidiaria de Toyota, en 1994. Os códigos QR empréganse durante a fabricación para o seguimentos dos compoñentes. O sistema estase a facer moi popular pola facilidade para incluír máis información que os códigos de barras unidimensionais.
María Loureiro García (economista)
María Luz Loureiro García, nada na Pontenova en 1972, é unha economista e catedrática no Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela.
Xohanesburgo (en afrikaans e inglés Johannesburg) é a cidade máis importante da República Surafricana aínda que non sexa sede de representación política algunha, é o verdadeiro corazón financeiro, industrial e comercial do país, sendo a súa cidade máis grande e poboada, a cuarta maior do continente africano, tralo Cairo, Lagos e Kinshasa.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Tailandia (en tailandés: ประเทศไทย, Prathet Thai) oficialmente Reino de Tailandia (en tailandés: ราชอาณาจักรไทย, Ratcha Anachak Thai; [râːt.tɕʰā ʔāːnāːtɕàk tʰāj] ), antigamente coñecido como Siam (en tailandés: สยาม, Sayam), é un país situado no centro da península Indochina no Sueste asiático. Comparte fronteiras ao norte con Myanmar e Laos, ao leste con Laos e Camboxa, ao sur co Golfo de Tailandia e Malaisia, e ao oeste co Mar de Andaman e o extremo meridional birmano. As súas fronteiras marítimas inclúen Vietnam no Golfo de Tailandia ao sueste, e Indonesia e a India no Mar de Andaman ao suroeste.
O bitcoin (símbolo: ; abreviatura: BTC) é unha criptomoeda descentralizada creada por un autor anónimo de pseudónimo Satoshi Nakamoto. Está subdividida en 10 millóns de unidades máis pequenas chamadas satoshis. É a moeda alternativa máis empregada cun mercado total de 100 millóns de USD. No canto de ser creados por unha entidade central, a rede peer-to-peer de bitcoin regula a creación e intercambio de bitcoins segundo a programación da mesma rede.
O hafnio é un elemento químico de número atómico 72 que se atopa no grupo 4 da táboa periódica dos elementos e simbolízase como Hf. É un metal de transición, brillante, gris-prateado, quimicamente moi parecido ao circonio, atopándose nos mesmos minerais e compostos, e sendo difícil separalos. Úsase en aliaxes con volframio en filamentos e en eléctrodos.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Noel Thomas David Gallagher, nado o 29 de maio de 1967 en Manchester, é un músico, cantante, guitarrista e compositor inglés. Foi o principal guitarrista e compositor, ademais de co-vocalista da banda de rock Oasis. Gallagher comzou a tocar a guitarra as trece anos, e despois de distintos traballos na construción traballou para a banda de Manchester Inspiral Carpets como roadie e técnico en 1988.
A República Arxentina (en castelán: Argentina) é un país situado no extremo sur de América organizado como unha república representativa e federal. Pola súa extensión, é o segundo estado de América do Sur, cuarto no continente americano e o oitavo no mundo con 2 780 400 km². Con todo, a Arxentina reclama as Malvinas, as Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur e a Illa Aurora baixo soberanía británica e unha área antártica ao sur do paralelo 60° S, denominada pola Arxentina Antártida Arxentina.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Bogotá, oficialmente Bogotá Distrito Capital, abreviado Bogotá, D.C. (durante a época colonial española e desde 1991 ata 2000 chamada Santafé de Bogotá) é a capital da República de Colombia e do departamento de Cundinamarca. Está organizada como distrito capital gozando de autonomía para a xestión dos seus intereses dentro dos límites da Constitución e a lei. A diferenza dos demais distritos de Colombia, Bogotá é unha entidade territorial de primeira orde en Colombia, coas atribucións administrativas que a lei lle confire aos Departamentos.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Wout van Aert, nado en Herentals o 15 de setembro de 1994, é un ciclista profesional belga especialista na modalidade de ciclocrós que actualmente milita no equipo Profesional Continental do Veranda's Willems-Crelan. Na súa modalidade principal, o ciclocrós, Wout ten 2 títulos mundiais consecuivos (2016 e 2017) e 2 campionatos belgas (2016 e 2017). En categorías inferiores tamén ten un campionato mundial sub-23, unha prata mundial xúnior e un europeo sub-23.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie a metade do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 213 317 639 (2021), así como en territorio.
Lisboa é a capital e maior cidade de Portugal, situada na foz do río Texo. Alén diso é tamén capital do distrito de Lisboa, da rexión de Lisboa, da área metropolitana de Lisboa, e é tamén o principal centro da subrexión estatística da Grande Lisboa. A cidade ten unha poboación de 545.245 habitantes (2011), mais a súa área metropolitana ten preto de 2,9 millóns, un 27% da poboación do país.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 212.991.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O aburrimento, fastío ou tedio é un estado de desinterese ou de falta de enerxía propio dos humanos como reacción a estímulos que se perciben como monótonos ou repetitivos ou pola falta de cousas interesantes para ver, oír ou facer cando non se desexa estar sen facer nada. Cando é un estado moi frecuente o aburrimento tamén pode ser un síntoma de depresión.
Unha cooperativa é unha asociación voluntaria de traballo cooperativo, por medio da cal un grupo de persoas pode obter, producir, comprar ou vender produtos e bens de consumo en condicións máis vantaxosas que pola comercialización común, liberándose da carga que supoñen os beneficios dos capitalistas e intermediarios, repartindo as ganancias que poida haber entre os seus socios. Contan cunha estrutura e xestión democráticas, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade cooperativizada realizada.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A Ilíada (/iˈliaða/; en grego antigo: Ἰλιάς, romanizado: Iliás; "[un poema] sobre Ilión (Troia)") é un dos dous principais poemas épicos da Grecia antiga, atribuídos a Homero, así coma unha das obras literarias máis antigas lidas aínda por audiencias modernas. Do mesmo xeito que na Odisea, o poema divídese en 24 cantos, foi escrito en hexámetro dactílico e contén, na súa versión máis amplamente aceptada, 15 693 versos. O poema, ambientado na guerra de Troia, relata eventos significativos das derradeiras semanas do asedio á cidade de Troia por unha coalición de estados gregos micénicos, que durou dez anos.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O Birloque, San Cristovo das Viñas, A Coruña
O Birloque é un lugar da parroquia de San Cristovo das Viñas, no concello da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2014) ten 206 habitantes (102 homes e 104 mulleres), o que supón unha diminución en 11 habitantes en relación ao ano anterior. O núcleo está moi transformado, mais aínda quedan vivendas de planta baixa.
O Museo do Prado (oficialmente Museo Nacional del Prado) situado en Madrid, é unha das pinacotecas máis importantes do mundo, singularmente rica en cadros de mestres dos séculos XVI ao XIX. O seu principal atractivo radica na ampla presenza de obras de Velázquez, Goya, Tiziano e Rubens, dos que posúe as mellores coleccións que existen a nivel mundial, ao que hai que sumar as coleccións de autores como El Greco, Murillo, José de Ribera, Zurbarán, Rafael, Veronese, Tintoretto, van Dyck ou Hieronymus Bosch, entre outros. As habituais limitacións de espazo explican que o museo exhiba unha selección de obras de máxima calidade (unhas 900 pinturas), do total de 7800 que ten no seu inventario. Tamén é destacable a súa colección de escultura grega e romana que provén das coleccións reais españolas e de sitios como Pompeia.
Listenbourg é un país ficticio creado como un meme de Internet en outubro de 2022, que o representa como unha extensión da Península Ibérica. O usuario francés de Twitter Gaspard Hoelscher compartiu un mapa manipulado de Europa cunha frecha vermella que apuntaba ao contorno dun territorio situado en Galiza, Asturias e Norte de Portugal, coa forma virada do mapa de Francia, e bromeou dicindo que os estadounidenses non poderían nomear ese Estado europeo membro da UE. O tal país fíxose viral nas redes sociais, con algunhas marcas, políticos e organizacións seguindo a broma.
A Escravitude é un lugar da parroquia de Cruces, do concello coruñés de Padrón, na comarca do Sar. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 89 habitantes (47 homes e 42 mulleres), o que supón unha diminución respecto a 2006, cando tiña 101 habitantes. Polo lugar pasa a vía portuguesa do Camiño Xacobeo e mais a liña de ferrocarril que une A Coruña e Vigo, existindo a estación da Escravitude.